Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra elevada sobre unha columna, habitualmente con unha ou varias imaxes, asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza (teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores. O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas públicas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis.
O Arsenal Football Club é un club de fútbol inglés da cidade de Londres. Fundado en 1886, xoga na Premier League, sendo un dos equipos con máis trofeos obtidos dese país. O Arsenal gañou trece ligas inglesas, dez Copas de Inglaterra e na tempada 2005-2006, chegaron á final da Liga de Campións da UEFA, onde foron derrotados polo FC Barcelona.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Lucas Vázquez Iglesias, nado en Curtis o 1 de xullo de 1991, é un futbolista galego. Xoga de extremo dereito e lateral dereito no Real Madrid. É o futbolista galego máis laureado de todos os tempos a nivel colectivo cun total de 23 títulos, todos co Real Madrid, entre eles catro ligas, cinco Ligas de Campións, catro Mundiais de Clubs e unha Copa Intercontinental da FIFA. Tras comezar a súa formación futbolística no CCD Curtis e no Ural CF, ingresou na canteira do Real Madrid en 2007.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
A arte (do latín ars, artis, a través do seu acusativo singular artem) é entendida xeralmente como calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética ou comunicativa, a través do que se expresan ideas, emocións ou, en xeral, unha visión do mundo, mediante diversos recursos, como os plásticos, lingüísticos, sonoros ou mixtos. A arte é un compoñente da cultura, reflectindo na súa concepción os substratos económicos e sociais, e a transmisión de ideas e valores, inherentes a calquera cultura humana ó longo do espazo e do tempo. Adoita considerarse que coa aparición do Homo sapiens a arte tivo en principio unha función ritual, máxica ou relixiosa, pero esa función cambiou coa evolución do ser humano, adquirindo un compoñente estético e unha función social, pedagóxica, mercantil ou simplemente ornamental.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Posición do misioneiro invertida
A posición da amazona é calquera posición sexual na que a muller está enriba do seu compañeiro sexual durante a actividade sexual. A posición máis comunmente asociada coa muller na parte superior adoita chamarse posición da vaqueira ou cabalgando, que deriva o seu nome da imaxe da muller que "monta" o home como vaqueira montando a cabalo. Nesta posición, o home adoita deitarse de costas coas pernas pechadas, mentres que a parella está a cabalo sobre el estendendo as pernas a cada lado, normalmente de xeonllos, coas canelas detrás, ou sentado sobre o sexo e as pernas da parella, mirando cara a adiante ou cara a atrás, e o home ou a muller insire o pene erecto do home na vaxina ou no ano da muller.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Leo Beenhakker, nado en Rotterdam o 2 de agosto de 1942 e finado o 10 de abril de 2025, foi un exadestrador de fútbol neerlandés. Nos seus máis de 40 anos de adestrador dirixiu numerosos clubs e seleccións de diferentes países. No seu país natal gañou tres veces a Eredivisie, co Ajax e co Feyenoord, mentres que co Real Madrid conquistou tres ligas españolas consecutivas, así como unha Copa do Rei.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Universidade Humboldt de Berlín
A Universidade Humboldt de Berlín é a universidade máis antiga da capital alemá. Foi fundada en 1810 polo liberal prusiano Wilhelm von Humboldt. O seu actual nome, na honra do fundador, foi adoptado en 1949.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
O Pa de pagès (pronuncia catalá: [ˈpa ðə pəˈʒɛs]; “pan de campesiño” en catalán) é un tipo de pan tradicional da cociña catalá. Elabórase de maneira artesanal e cócese nun forno con base refractaria, o que lle dá unha codia grosa que axuda a manter o interior fresco e brando durante máis tempo. O seu contido en graxas é inferior ao doutros pans comúns.
O Condado de Rapla (en estoniano: Rapla maakond ou Raplamaa) é un dos 15 condados ou maakond da Estonia. Está situado na parte noroeste do país e limita co condado de Järva ao leste, co de Pärnu ao sur, co de Lääne ao oeste e co de Harju ao norte. No ano 2024 o condado de Rapla tiña unha poboación de 34 246 habitantes.
O Cantábrico (en asturiano: Cantábricu, en castelán: Cantábrico, en éuscaro: Kantauri, en francés: Cantabrique) é un mar litoral do océano Atlántico que baña a costa norte de España e a costa suroeste de Francia. Esténdese desde o Cabo Ortegal na provincia da Coruña, ata a desembocadura do río Adour nas costas do departamento Francés das Landes preto de Bayonne. Esta delimitación foi publicada pola Organización Hidrográfica Internacional na súa publicación Limits of oceans and seas (Límites de océanos e mares) en 1953, máxima autoridade internacional na materia de delimitación de mares a efecto de regular o tráfico e seguridade marítima.
O deporte xoga unha función importante na cultura de Estonia. Estonia competiu por primeira vez como nación nos Xogos Olímpicos de verán de 1920, aínda que o Comité Olímpico Estoniano non se creou até 1923. Os atletas estonianos participaron en todos os Xogos Olímpicos ata que o país foi anexionado pola Unión Soviética en 1940.
Julio José Iglesias de la Cueva, máis coñecido como Julio Iglesias, nado en Madrid o 23 de setembro de 1943, é un exfutbolista de orixe galega, empresario e cantante de sona internacional. É o intérprete latino que máis discos vendeu[Cómpre referencia] e segundo Sony Music un dos 10 maiores vendedores de discos en toda a historia da música[Cómpre referencia].
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 220.583.
Un enlace covalente é unha forma de enlace químico caracterizado pola compartición dun ou máis pares de electróns entre átomos para producir unha atracción mutua que mantén unida a molécula resultante. Os átomos tenden a compartir electróns de tal maneira que se enchan as órbitas exteriores. Estes enlaces son sempre máis fortes que o enlace de hidróxeno intermolecular e semellantes en forza ou máis fortes que o enlace iónico.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2025, 71 autores (13 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 63 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Johan de Cangas e Mendinho (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
En matemáticas, un corpo finito ou corpo de Galois (chamado así en honra a Évariste Galois) é un corpo que contén un número finito de elementos. Como en calquera corpo, un corpo finito é un conxunto sobre o que se definen as operacións de multiplicación, suma, resta e división e cumpren determinadas regras básicas. Os exemplos máis comúns de corpos finitos son os enteiros mod p cando p é un número primo.
San Miguel de Presqueiras, Forcarei
San Miguel de Presqueiras é unha parroquia que se localiza no concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE en 2014 tiña 210 habitantes (95 homes e 115 mulleres), 70 menos ca en 2004 (153 mulleres e 127 homes nese ano segundo o padrón municipal) e 73 menos ca en 1999. Ten cinco entidades de poboación.
Sir Charles Spencer "Charlie" Chaplin, nado en Walworth (Londres, Inglaterra) o 16 de abril de 1889 e finado en Corsier-sur-Vevey (Suíza) o 25 de decembro de 1977, foi un actor, director de cine e compositor inglés que acadou a fama na era do cine mudo. Converteuse nunha icona mundial a través da súa personaxe "Charlot" (The Tramp en inglés, "O vagabundo"), e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cine. A súa carreira abrangue máis de 75 anos, dende a súa nenez na época vitoriana ata un ano antes da súa morte ós 88 anos.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Conferencia Xeral de Pesos e Medidas
A Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (en francés: Conférence générale des poids et mesures (CGPM)) é o órgano de decisión da Oficina Internacional de Pesos e Medidas. Ten ao seu cargo tomar decisións en materia de metroloxía e, en particular, no que concirne ao Sistema Internacional de Unidades. Foi creada pola Convención do Metro, en 1875.
Sensibilidade da película fotográfica
As distintas escalas de sensibilidade fotográfica están clasificadas en función do tipo de emulsión fotográfica presente na película. A sensibilidade dunha película fotográfica é a velocidade coa que a súa emulsión fotosensible reacciona á luz. Algunhas marcas fotográficas falan de E.I., isto é Exposure Index ou Índice de Exposición.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente eurasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.
Tracia (en grego Thrákē ) é unha rexión do sueste de Europa, na Península dos Balcáns, ao norte do mar Exeo, situada na actual Grecia e na Turquía europea. No seu momento, esta rexión histórica estendíase desde Macedonia ata o Mar Negro e o Mar de Mármara; e desde o mar Exeo ata o Danubio. Ocupa a punta do sueste da Península Balcánica e comprende o Nordeste de Grecia, o sur de Bulgaria, e a zona europea de Turquía.
José Luis Álvarez Enparantza, máis coñecido polo pseudónimo Txillardegi, nado en Donostia (Guipúscoa) o 27 de setembro de 1929 e finado na mesma cidade o 14 de xaneiro de 2012, foi un político vasco, así como lingüista e escritor en éuscaro. Aínda que non aprendeu a lingua éuscara até os 17 anos, despois pasou a ser considerado unha das figuras máis influentes do nacionalismo vasco e da cultura na segunda metade do século XX. Foi un dos fundadores de ETA, mais en 1967 marchou porque non estaba de acordo coa súa liña política.
Gene Hackman, nado en San Bernardino (California) o 30 de xaneiro de 1930 e finado en Santa Fe (Novo México) o 18 de febreiro de 2025, foi un actor e escritor estadounidense gañador do Óscar e do Globo de Ouro. Iniciouse na interpretación na década de 1960 e acadou sona durante a década de 1970, despois do seu papel en The French Connection, filme que lle reportou o seu primeiro premio Óscar, e continuou aparecendo en papeis de grande importancia en filmes de Hollywood, demostrando así as súas facultades interpretativas en títulos como Superman, Bat 21, Heist ou The Royal Tenenbaums.
Ánxel Fole Sánchez, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. En 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas. Usou os pseudónimos Bakurin, F. de N., Fole de Navia, Eginardo de Tor, Fuco de Caldas, Lexandre de Arcos, Lucencio, Troitiño, Xelos de Orbán e Neumandro (o máis utilizado).
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Isaac Díaz Pardo, nado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012, foi un intelectual, artista e empresario galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia, acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos. Como escritor deixou ensaios sobre arte, economía, historia, ademais de poesía e teatro. Usou os pseudónimos Cego Zago, Ollarnovo, S.F. Ollarnovo, Xoán Mazaricos, Santiago Fernández, Xalo.
A Semana Santa é unha celebración cristiá que conmemora a Paixón de Cristo, e que engloba a entrada en Xerusalén, a Última Cea, o viacrucis, a morte e a resurrección de Xesucristo. A súa data de celebración é variable, entre marzo e abril. Dá comezo co Domingo de Ramos e finaliza o Domingo de Resurrección, aínda que a súa celebración se inicia en varios lugares no venres anterior ao Domingo de Ramos, coñecido como Venres de Dores.