Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Francisco (en latín: Franciscus), nado co nome de Jorge Mario Bergoglio en Buenos Aires o 17 de decembro de 1936 e finado o 21 de abril de 2025 no Vaticano, foi o 266º papa da Igrexa católica, bispo da diocese de Roma e soberano do Estado da Cidade do Vaticano dende o 13 de marzo de 2013 ata o seu falecemento.
Bieito XVI (en latín, Benedictus PP. XVI), nado co nome de Joseph Ratzinger en Marktl am Inn (Baviera) o 16 de abril de 1927 e finado no Vaticano o 31 de decembro de 2022, foi o 265º Papa da Igrexa católica, bispo da diocese de Roma e soberano do Estado da Cidade do Vaticano dende o 19 de abril de 2005 ata o 28 de febreiro de 2013 permanecendo como papa emérito desde entón até o seu falecemento. En 1981 Xoán Paulo II nomeouno prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, cardeal dende 1993, e en 2002 accedeu ao posto de deán do Colexio de Cardeais. Foi un dos homes con máis influencia durante os últimos anos do papado de Xoán Paulo II. O 11 de febreiro de 2013 anunciou a súa decisión de renunciar ao seu posto, que se fixo efectiva o día 28.
Xoán Paulo II, nado co nome de Karol Józef Wojtyła (AFI: [ˈkarɔl ˈjuzɛf vɔjˈtɨwa]) en Wadowice o 18 de maio de 1920 e finado na Cidade do Vaticano o 2 de abril de 2005, foi o papa número 264 da Igrexa católica. De orixe polaca, foi o primeiro Pontífice non italiano dende Hadrián VI, finado en 1523. O seu pontificado de 26 anos foi o terceiro máis longo na historia da Igrexa católica, despois do de San Pedro (crese que entre 34 e 37 anos) e o de Pío IX (31 anos).
Basílica de Santa María a Maior de Roma
A basílica de Santa María a Maior de Roma é unha das catro basílicas maiores. É propiedade do Vaticano, sendo o maior grande monumento dedicado á gloria da Virxe María. A lenda conta que en agosto do 356, a Virxe pediulle ao papa san Liberio que edificase un santuario.
María Laura Corradini Falomir, máis coñecida como Chenoa, nada en Mar del Plata (Arxentina) o 25 de xuño de 1975, é unha cantante solista con nacionalidade española. Alcanzou a fama en 2001, formando parte do reality show musical Operación Triunfo. No 2002 foi gañadora do Eurobest co tema "It's raining men".
Xoán XXIII, en latín Ioannes PP. XXIII, nado como Angelo Giuseppe Roncalli en Sotto il Monte, Bérgamo, o 25 de novembro de 1881 e finado en Roma o 3 de xuño de 1963, foi o papa n.º 261 da Igrexa católica, bispo da diocese de Roma e soberano da Cidade do Vaticano dende o 28 de outubro de 1958 ata a súa morte.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Pío XII (en latín, Pius PP. XII), nado Eugenio María Giuseppe Giovanni Pacelli en Roma o 2 de marzo de 1876 e finado en Castelgandolfo o 9 de outubro de 1958, foi o 260º papa da Igrexa católica e soberano do Estado da Cidade do Vaticano entre o 2 de marzo de 1939 e a súa morte. Foi declarado Venerable o 19 de decembro de 2009 por Bieito XVI. Anteriormente á súa elección como Papa, Pacelli desempeñou as funcións de Secretario da Congregación de Asuntos Eclesiásticos Extraordinarios, nuncio papal en diferentes países de Europa, e Cardeal Secretario de Estado, cargo no que culminou varios concordatos internacionais con estados europeos e americanos, como o Concordato Imperial (en alemán, Reichskonkordat) coa Alemaña nazi. O seu pontificado durante a segunda guerra mundial é un dos máis controvertidos da época contemporánea, principalmente no referido ao coñecemento e encubrimento dos crimes e o antisemitismo do réxime nazi.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Cidade do Vaticano (en italiano: Città del Vaticano), é un estado soberano cuxo territorio está composto por un enclave dentro da cidade de Roma, capital de Italia. Abrangue unha superficie 0,439 km² (44 hectáreas), sendo o país independente recoñecido internacionalmente máis pequeno do mundo. A súa poboación é de pouco máis de 800 habitantes, dos cales 438 persoas gozan do dereito de cidadanía vaticana, mentres que o resto están autorizadas a residir nel sen ese dereito.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O transporte pasivo é un tipo de transporte de membrana que non require enerxía para mover substancias a través das membranas celulares. En lugar de usar a enerxía celular, como se faría no transporte activo, o transporte pasivo depende da segunda lei da termodinámica para impulsar o movemento de substancias a través das membranas celulares. Fundamentalmente, as substancias seguen a primeira lei de Fick, e móvense desde unha área con alta concentración a unha área con baixa concentración porque este movemento incrementa a entropía do sistema conxunto.
Alga, olga ou ouca, é un termo informal para referirse a calquera organismo dun grupo grande e diverso de fotosintéticos eucariotas, que inclúe especies de múltiples clados distintos. Estes organismos van desde microalgas unicelulares como a chlorella, a prototheca e as diatomeas, até macroalgas multicelulares como a alga xigante, unha gran alga parda que pode alcanzar os 50 m de lonxitude. A maioría das algas son organismos acuáticos e carecen de moitos dos tipos de células e tecidos distintivos, como o estoma, o xilema e o floema que se atopan nas plantas terrestres.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín.
Lista de xogadoras do equipo olímpico de hóckey sobre xeo do Canadá
O torneo feminino de hóckey sobre xeo foi introducido nos Xogos Olímpicos en 1998. Sete porteiras e trinta e oito patinadoras xogaron para o equipo canadense dende aquela. O hóckey sobre xeo masculino foi introducido nos Xogos Olímpicos de 1920, e engadiuse aos Xogos Olímpicos de Inverno en 1924.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Esta é unha lista sucesoria dos 266 bispos de Roma, denominados papas a partir do século IV, guías da Igrexa Católica Romana, que no Anuario Pontificio aparecen baixo o título I Sommi Pontefici Romani ("Os Sumos Pontífices Romanos") e dos denominados antipapas, con indicación dos seus anos de pontificado.
O Pontevedra Club de Fútbol é un club de fútbol da cidade de Pontevedra. Foi fundado en 1941 e milita na Segunda División RFEF. A etapa de maior éxito do club foron as 6 tempadas que o equipo xogou en Primeira División entre 1963 e 1970. Actualmente ocupa o 45º posto na clasificación histórica de Primeira.
Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra elevada sobre unha columna, habitualmente con unha ou varias imaxes, asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza, teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas públicas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis. O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross as que son de influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña, onde se levantan algúns moi espectaculares chamados calvarios, con moitísimas figuras), Alemaña e Gran Bretaña.
A fervenza do Toxa é un salto de auga situado na parroquia de Pazos, no concello de Silleda, na provincia de Pontevedra. O río que provoca a fervenza é o río Toxa, o cal verte as súas augas por un desnivel de máis de 60 metros. A fervenza, xunto co mosteiro de Carboeiro, están situados nunha paraxe natural de gran valor paisaxístico na comarca do Deza, ligados aos cursos fluviais dos ríos Deza, Liñares, Ulla e Arnego.
Tres días e unha vida (en francés: Trois jours et une vie) é unha novela psicolóxica e negra en lingua francesa escrita por Pierre Lemaitre, publicada orixinalmente por Albin Michel o 22 de marzo de 2016. A novela tamén foi publicada en francés dentro da colección Le Livre de poche en marzo de 2017. Foi traducida ó galego por Moisés Barcia Rodríguez e foi publicada pola editorial Rinoceronte Editora no ano 2019.
Peter Paul Rubens, nado o 28 de xuño de 1577 en Siegen, Sacro Imperio Romano Xermánico, actual Alemaña e finado o 30 de maio de 1640 en Anveres, Flandres (Países Baixos españois), actual Bélxica, foi o máis popular e prolífico dos pintores flamengos e europeos do século XVII; as súas obras zumegan un estilo barroco exuberante que enfatiza o movemento, a cor e a sensualidade. As súas principais influencias procedían da arte da Antiga Grecia, a Antiga Roma e a pintura renacentista, en especial Leonardo da Vinci, Tiziano e Miguel Anxo, do que admiraba a súa representación da anatomía. Tratou unha ampla variedade de temas pictóricos: relixiosos, históricos, de mitoloxía clásica, escenas de caza, paisaxes, retratos, así como debuxos, ilustracións para libros e deseños para tapices.
A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948. O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
O rodaballo (Psetta maxima ou Scophthalmus maximus (Linné, 1758) ) é un peixe mariño da familia dos pleuronectiformes que vive en augas pouco profundas e raramente por debaixo dos 150 m, repousando sobre fondos areosos ou de cunchas. Ríos Panisse recolle de Corominas a orixe do nome a partir dunha forma celta *ROTOBALLIOS, o do corpo redondo (de ROTA 'roda' + BALLOS 'membro'). Ós rodaballos pequenos denomínaselles en Cedeira rodos, nome que, segundo Ríos Panisse, sería unha forma regresiva de rodaballo.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O conclave é a reunión que celebra o Colexio Cardinalicio da Igrexa católica para elixir a un novo Bispo de Roma, cargo que leva aparellados o de Papa (Sumo Pontífice e Pastor Supremo da Igrexa Católica) e o de Xefe do Estado Vaticano. O termo conclave procede do latín “cum clave” ("baixo chave"), polas condicións de reclusión e máximo illamento do mundo exterior en que debe desenvolverse a elección, co fin de evitar intromisións de calquera tipo. Este draconiano sistema de encerrar os electores do Papa, vixente polo menos dende o II Concilio de Lión (1274), foi mitigado por Xoán Paulo II na Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis (UDG), sobre a Vacante Apostólica e a elección do novo Pontífice (22 de febreiro de 1996).
Borja Iglesias Quintás, nado en Santiago de Compostela o 13 de xaneiro de 1993, é un futbolista galego que xoga na demarcación de dianteiro centro no Celta de Vigo da Primeira División, cedido polo Real Betis. Formouse nas canteiras do Santiago, do Valencia e do Villarreal e debutou na Primeira División coa camiseta do Celta de Vigo en 2015, despois de militar varios anos no seu filial, do que é o máximo goleador histórico. A continuación conseguiu boas cifras goleadoras no Zaragoza e no Espanyol e en 2019 fichou polo Betis.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 220.711.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Saba (en sabeo: 𐩪𐩨𐩱; en hebreo: שְׁבָא; en árabe: سبأ; en ge'ez: ሳባ) foi un antigo reino dende os anos -1000 ao 275 mencionado na Biblia hebrea e no Corán. Na tradición da Igrexa tewahedo do actual Iemen afírmase que era o fogar da Raíña de Saba, quen non se nomea nos textos xudeus, mais é coñecida como Makeda en textos etíopes e como Bilqīs en textos árabes. Segundo o historiador xudeu Xosefo, Saba foi o fogar da princesa Tharbis, que se di que foi a esposa de Moisés antes de casar con Séfora.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A República de Haití (en crioulo haitiano: Repiblik Dayti; en francés: République d’Haïti) é un país do Caribe, na parte occidental da illa A Española, limitando, xa que logo, con República Dominicana polo leste; ao norte ten o océano Atlántico e ao sur e ao oeste ten o mar Caribe. O seu territorio comprende igualmente a illa La Gonâve, a illa da Tartaruga, o arquipélago das illas Cayemites e a Illa da Vaca, así como outros diversos illotes. A inhabitada illa de La Navasse é reclamada por Haití ante a administración dos Estados Unidos.
A lenda da papisa Xoana trata acerca dunha muller que exercería o papado católico ocultando o seu verdadeiro sexo. O pontificado da papisa adóitase situar entre 855 e 857, é dicir, o que, segundo a lista oficial de papas, correspondeu a Benedito III, no momento da usurpación de Anastasio o Bibliotecario.
The Last of Us (serie de televisión)
The Last of Us é unha serie de televisión dramática estadounidense creada por Craig Mazin e Neil Druckmann para HBO. Está baseada no videoxogo homónimo de 2013 desenvolvido por Naughty Dog. A serie está ambientada no ano 2023, vinte anos despois dunha pandemia global causada por unha infección fúnxica masiva que converte os hóspedes en criaturas semellantes a zombis e fai colapsar a sociedade moderna. A serie conta as aventuras de Joel (Pedro Pascal), un contrabandista a quen se lle asigna o traballo de escoltar a adolescente Ellie (Bella Ramsey) a través dos Estados Unidos.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Salomón foi, segundo a Biblia, rei de Israel e fillo de David mais Batxeba. Ó seu reinado atribúese a construción do primeiro Templo de Xerusalén, o chamado Templo de Salomón, no seu Sancta Sanctorum, gardábase a Arca da Alianza, que contiña as táboas da Lei, revelada por Deus a Moisés no monte Sinaí, o caxato de Moisés e a cobra de bronce coa que Moisés acabou coa praga que asolou o campamento xudeu durante o seu trasego polo deserto do Sinaí. Considerado na Biblia como un rei sabio, a el se lle atribúen os libros chamados sapienciais.
José Javier Cercas Mena, máis coñecido como Javier Cercas, nado en Ibahernando, Cáceres, en 1962 é un escritor español, que ademais traballa como columnista no diario El País. Exerceu durante anos como docente universitario de filoloxía. A súa obra é fundamentalmente narrativa e caracterízase pola mestura de xéneros literarios, o uso da novela testemuño e a mestura de crónica e ensaio con ficción.
Chámase xardineiro ou xardineira á persoa que ten por ocupación o coidado e mantemento dos xardíns. Entre as ocupacións dos xardineiros atópanse a conservación de sementes ou bulbos dentro do sementeiro; o cultivo de flores e plantas ata que teñan a idade suficiente para ser transplantadas etc. Estas primeiras actividades adoitan realizarse baixo cuberto, no invernadoiro, pero tamén poden realizarse en terreos habilitados no exterior.
O alimento é calquera substancia consumida para proporcionar apoio nutricional a un ser vivo. Os alimentos adoitan ser de orixe vexetal, animal ou fúngico e conteñen nutrientes esenciais, como carbohidratos, graxas, proteínas, vitaminas ou minerais. A substancia é inxerida por un organismo e asimilada polas células do organismo para proporcionar enerxía, manter a vida.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Escocia (en inglés: Scotland; en scots: Scotland; en escocés: Alba) é un país que forma parte do Reino Unido. É o máis setentrional dos catro países constituíntes que forman o Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, e abrangue un terzo da súa superficie total.
Os Xogos Olímpicos de 1920 foron realizados en Anveres, en Bélxica, nunha homenaxe do COI ó sufrimento inflixido ó pobo belga durante a primeira guerra mundial, que inclusive impediu a realización dos Xogos de 1916, anteriormente marcados para Berlín. Atletas de 29 países, nun total de 2561 homes e 65 mulleres participaron de 24 deportes nun total de 154 modalidades. Abertos polo Rei Alberte o 20 de abril, duraron até o 12 de setembro.
O portugués é unha lingua romance nada na alta Idade Media na Gallaecia, que agora é Galiza e o norte de Portugal. Estendeuse polo mundo nos séculos XV e XVI, na época en que Portugal fundou un imperio colonial, incluíndo o Brasil en Suramérica, Goa na India e Macau na China. Daquela xurdiron tamén varias linguas crioulas baseadas no portugués, sobre todo en África, Asia e o Caribe.
A dos insectos (nome científico Insecta Linnaeus, 1758) son unha clase de animais invertebrados, e o grupo máis grande dentro do filo dos artrópodos, caracterizados por presentar un par de antenas, tres pares de patas e dous pares de ás (que, con todo, poden reducirse ou faltar). A ciencia que estuda os insectos denomínase entomoloxía. O seu nome provén do latín insectum, calco do grego ἔντομα, 'cortado no medio'.