Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
O ataque a Pearl Harbor foi unha ofensiva militar sorpresa efectuada pola Armada Imperial Xaponesa contra a base naval dos Estados Unidos en Pearl Harbor, Oahu, Hawai, na mañá do 7 de decembro de 1941. O ataque foi executado contra a frota do Pacífico da mariña dos Estados Unidos de América e as súas forzas de defensa, o corpo aéreo do exército, e a forza aérea da Mariña. O ataque damnificou ou destruíu 11 navíos de guerra, 188 avións, e matou 2.403 militares estadounidenses e 68 civís.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A árbore da vida ou árbore universal da vida é unha metáfora, modelo conceptual e ferramenta de investigación usada en bioloxía pra explorar a evolución da vida e describir as relacións entre os seres vivos, tanto vivos coma extintos, tal como se describiu nun famoso parágrafo do libro de Charles Darwin A orixe das especies (1859). Os diagramas de árbore da Idade Media representaban as relacións xenealóxicas das familias nobres. Os diagramas de árbores filoxenéticas no sentido evolutivo non aparecerían ata a metade do século XIX. O termo filoxenia para refererse ás relacións evolutivas das especies ao longo do tempo acuñouno Ernst Haeckel, que foi máis lonxe que Darwin á hora de propoñer historias filoxenéticas da vida.
Basílica de Santa María a Maior de Roma
A basílica de Santa María a Maior de Roma é unha das catro basílicas maiores. É propiedade do Vaticano, sendo o maior grande monumento dedicado á gloria da Virxe María. A lenda conta que en agosto do 356, a Virxe pediulle ao papa san Liberio que edificase un santuario.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Premios Follas Novas do Libro Galego
Os Premios Follas Novas do Libro Galego, coñecidos nas cinco primeiras edicións, entre 2016 e 2020, como Premios da Gala do Libro Galego, son uns galardóns que se entregan como parte dun evento cultural de carácter anual que ten por finalidade distiguir as mellores obras e iniciativas literarias a ano vencido. Os convocadores son a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O contable (en inglés: The Accountant) é un filme estadounidense de 2016 dirixido por Gavin O'Connor e escrito por Bill Dubuque. Está protagonizado por Ben Affleck, Anna Kendrick, J. K. Simmons, Jon Bernthal, Cynthia Addai-Robinson, Jeffrey Tambor e John Lithgow. Conta a historia de Christian Wolff, un contable con autismo que gaña a vida desarmando os libros de contas de organizacións criminais e terroristas de todo o mundo que están experimentando malversación interna.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Xoán Paulo II, nado co nome de Karol Józef Wojtyła (AFI: [ˈkarɔl ˈjuzɛf vɔjˈtɨwa]) en Wadowice o 18 de maio de 1920 e finado na Cidade do Vaticano o 2 de abril de 2005, foi o papa número 264 da Igrexa católica. De orixe polaca, foi o primeiro Pontífice non italiano dende Hadrián VI, finado en 1523. O seu pontificado de 26 anos foi o terceiro máis longo na historia da Igrexa católica, despois do de San Pedro (crese que entre 34 e 37 anos) e o de Pío IX (31 anos).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 220.899.
Francisco (en latín: Franciscus), nado co nome de Jorge Mario Bergoglio en Buenos Aires o 17 de decembro de 1936 e finado o 21 de abril de 2025 no Vaticano, foi o 266º papa da Igrexa católica, bispo da diocese de Roma e soberano do Estado da Cidade do Vaticano dende o 13 de marzo de 2013 ata o seu falecemento.
Luis Yusty García, nado en Ferrol o 11 de abril de 1945, é un profesor, dramaturgo, pintor e político galego. Nas décadas de 1970 e 1980 participou activamente na vida cultural e política galega. Definiu o teatro como “a arte dos comportamentos” e destacou como dinamizador da actividade teatral na comarca de Ferrol.
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Bieito XVI (en latín, Benedictus PP. XVI), nado co nome de Joseph Ratzinger en Marktl am Inn (Baviera) o 16 de abril de 1927 e finado no Vaticano o 31 de decembro de 2022, foi o 265º Papa da Igrexa católica, bispo da diocese de Roma e soberano do Estado da Cidade do Vaticano dende o 19 de abril de 2005 ata o 28 de febreiro de 2013 permanecendo como papa emérito desde entón até o seu falecemento. En 1981 Xoán Paulo II nomeouno prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, cardeal dende 1993, e en 2002 accedeu ao posto de deán do Colexio de Cardeais. Foi un dos homes con máis influencia durante os últimos anos do papado de Xoán Paulo II. O 11 de febreiro de 2013 anunciou a súa decisión de renunciar ao seu posto, que se fixo efectiva o día 28.
A historia (termo procedente da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais. Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade. Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica).
Lista de episodios de Doraemon
Esta é unha lista de episodios de Doraemon, un exitoso anime xaponés que se vén emitindo pola TVG desde os anos 90 ata a actualidade. No Xapón, existen tres series de Doraemon: unha do 1973, outra de 1979 e unha derradeira do 2005. A primeira constou de 26 episodios pero, co paso do tempo, estes perdéronse.
Narón é un concello da provincia da Coruña situado entre a ría de Ferrol e o océano Atlántico e pertencente á comarca de Ferrol, sendo na actualidade a área de expansión urbana máis importante da comarca. Narón limita cos concellos de Ferrol, Valdoviño, San Sadurniño e Neda. Segundo o IGE en 2020 tiña 39.056 habitantes (20.177 mulleres e 18.879 homes), o que a converte na oitava vila de Galicia (38.285 no 2010, 35.664 no 2006, 35.083 no 2005, 34.404 no 2004, 33.825 en 2003), sendo o cuarto núcleo de poboación na provincia da Coruña despois da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.
Aceredo foi unha aldea da parroquia de Manín, no concello de Lobios, pertencente á bisbarra da Baixa Limia, na provincia de Ourense. Desapareceu asolagada polo encoro de Lindoso (Portugal) en xaneiro de 1992 xunto a Buscalque, O Vao e a Reloeira (Entrimo). Aceredo está, desde o 2009, dentro da Reserva da Biosfera transfronteiriza galego-portuguesa Gerês-Xurés.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político ditatorial que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na guerra colonial.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Vancouver é unha cidade do Canadá, na provincia da Columbia Británica. Localízase na costa do Pacífico, no suroeste da provincia. Con cerca de 550 mil habitantes distribuídos en 113 quilómetros cadrados (na cidade propiamente dita) e 2,14 millóns de habitantes na súa zona metropolitana, a densidade demográfica de Vancouver é a segunda máis alta da América do Norte, só por detrás de Nova York.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie a metade do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 213 317 639 (2021), así como en territorio.
A batalla de Cacheiras, ou batalla de Montouto, foi un combate bélico acontecido no 23 de abril de 1846 nas ladeiras do alto de Montouto, en Cacheiras (Teo). Enfrontou o exército insurrecto contra o goberno español, baixo mando do oficial Miguel Solís, e as tropas lideradas polo xeneral José Gutiérrez de la Concha.
Johann Köler, nado en Ivaski o 8 de marzo de 1826, e finado en San Petersburgo o 22 de abril de 1899, foi un pintor e dirixente do espertar nacional estoniano. É considerado como o primeiro pintor profesional da nación. Distinguiuse principalmente polos seus retratos e, en menor medida, polas súas pinturas de paisaxe.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A Premier League, tamén coñecida no Reino Unido como The Premiership, é a máxima categoría da liga de clubs de fútbol de Inglaterra. Foi fundada en 1992, seguindo a decisión dos equipos da Football League First Division (até entón a máxima categoría da liga inglesa) de separarse da "Football League" para tomar vantaxe dun lucrativo trato de dereitos de televisión. A Premier League está actualmente constituída por vinte equipos en cada tempada, e un total de corenta e oito competiron nela ao longo dos anos, con todo, só seis equipos gañaron o título até o de agora: Arsenal, Blackburn Rovers, Chelsea, Leicester City, Manchester City e Manchester United.
As orquídeas ou orquidáceas (nome científico Orchidaceae) son unha familia de plantas monocotiledóneas que se distinguen pola complexidade das súas flores e polas súas interaccións ecolóxicas cos axentes polinizadores e cos fungos cos que forman micorrizas. A familia comprende aproximadamente 25.000 (algunhas fontes informan de 30.000) especies, e quizais outros 60.000 híbridos e variedades producidas polos horticultores, polo que resulta ser unha das familias con maior riqueza de especies entre as anxiospermas. Poden ser recoñecidas polas súas flores de simetría fortemente bilateral, nas que a peza media do verticilo interno de tépalos -chamada labelo- está profundamente modificada, e o ou os estames están fusionados ó estilo, polo menos na base.
Adeline Virginia Stephen, coñecida como Virginia Woolf, nada en Londres o 25 de xaneiro de 1882 e finada en Rodemell o 28 de marzo de 1941, foi unha escritora e ensaísta británica, autora de novelas, contos, obras teatrais e demais obras literarias; considerada unha das máis salientables figuras do vangardista modernismo anglosaxón do século XX e do feminismo internacional.
Marc Márquez Alentà, nado na localidade de Cervera (provincia de Lleida) o 17 de febreiro de 1993, é un piloto catalán de motociclismo. Gañou 8 títulos do Campionato do Mundo de Motociclismo en tres categorías diferentes: 125cc (2010), Moto2 (2012) e MotoGP (2013, 2014, 2016, 2017, 2018 e 2019). É piloto do equipo Repsol Honda.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Na tempada 2024/25 compite na Segunda División Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Aleksei Nikolaevich Romanov (en ruso: Алексе́й Никола́евич Ромáнов), nado en Peterhof o 12 de agosto de 1904 e finado en Ekaterimburgo o 17 de xullo de 1918, foi o derradeiro tsarévich de Rusia. Foi o quinto fillo e único home nado do matrimonio entre o tsar Nicolao II de Rusia e Alexandra Fedorovna. Naceu con hemofilia, o que provocou o achegamento da súa nai ao staretz Grigorii Rasputin para que tratara a enfermidade, o que supuxo un importante factor debilitante da dinastía Romanov.
Primeira división española de fútbol
O Campionato Nacional de Liga de Primeira División, máis coñecido como Primeira División e debido a motivos de patrocinio como LaLiga EA Sports, é a máxima categoría masculina da liga española de fútbol e a principal competición a nivel de clubs de España. É organizada pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) dende 1984, cando sucedeu á Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Comezou a desputarse na tempada 1928-29 e desde entón celebrouse sen interrupcións, a excepción dos paróns durante a guerra civil, entre 1936 e 1939, e a pandemia por coronavirus en 2020.
Weblate é unha ferramenta de tradución na web de código aberto con control de versións. Inclúe soporte para centos de linguas con definicións básicas, e habilita a adición de máis definicións de lingua. Todas as traducións poden ser editadas pola comunidade na web ou por un conxunto definido de persoas, así como por tradución automática, como DeepL Translator, Amazon Translate, ou Google Translate.
Charles Robert Darwin [tʃɑrlz ˈdɑrwɪn], nado o 12 de febreiro de 1809 e finado o 19 de abril de 1882, foi un naturalista, biólogo e xeólogo inglés que destaca pola súa achega á teoría evolutiva. Observou e postulou que todas as especies de organismos vivos evolucionaron a partir dun único antecesor común. Nunha publicación conxunta con Alfred Russel Wallace, introduciu a teoría de que ese fenómeno de diversificación é o resultado do que denominaron selección natural; un proceso no que a competición por persistir ten a mesma resultante que teñen os cruzamentos selectivos na selección artificial.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Lista de episodios de O detective Conan
Esta é unha lista dos episodios de O detective Conan emitidos ata o de agora na Televisión de Galicia. No Xapón xa se produciron máis de 900 episodios. A serie emitiuse na TVG durante os anos 2006 e 2008, que estreou novos episodios diarios con certos paróns de descanso e chegou ata os 300 dobrados.
Memorias dun neno labrego é unha novela social e histórica do galego Xosé Neira Vilas, publicada na Arxentina o 5 de xaneiro de 1961 por Follas Novas, distribuidora de libros e editorial fundada polo propio autor e a súa muller. É o segundo libro publicado polo autor, primeiro en prosa, despois do poemario Dende lonxe (1960). Memorias foi escrito en tres meses no café La Vieja Viena, do barrio porteño de Villa Urquiza.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
Grigori Kromanov (en ruso: Григо́рий Ермович Кроманов), nado en Talín o 8 de marzo de 1926, e finado en Vihula o 18 de xullo de 1984, foi un director de cinema e teatro estoniano. Dirixiu algúns dos filmes estonianos máis coñecidos, entre eles Viimne reliikvia e "Hukkunud Alpinisti" hotell. O seu filme de 1976 Briljandid proletariaadi diktatuurile baséase na novela homónima de detectives de 1974 escrita por Yulian Semyonov.
Benjamin Géza Affleck-Boldt, nado o 15 de agosto de 1972 en Berkeley (California), é un actor, director, produtor e guionista estadounidense máis coñecido como Ben Affleck. Comezou a ser recoñecido polas súas interpretacións nos filmes de Kevin Smith Mallrats (1995), Chasing Amy (1997) e Dogma (1999). Gañou a fama como guionista cando gañou o Oscar ó mellor guión orixinal e o Globo de Ouro por Good Will Hunting (1997), que co-escribiu e co-protagonizou xunto co seu amigo Matt Damon.
Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego, membro de número da Real Academia Galega dende 2009. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego e é considerado na actualidade o escritor galego con máis proxección internacional, a súa obra está traducida a vinte idiomas, entre eles o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata e xaponés. Entre outros moitos premio é Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2022) e Premio Nacional das Letras Españolas (2024) do Goberno de España.
Rosetta foi unha nave espacial robótica deseñada, construída e lanzada pola ESA, o seu obxectivo principal foi o cometa 67P/Churyumov-Gerasimenko. O nome da sonda é unha homenaxe á Pedra Rosetta que permitiu a Jean-François Champollion descifrar os xeroglíficos exipcios, fai alusión ao obxectivo científico da misión de coñecer mellor os elementos mais antigos do sistema solar (asteroides e cometas). O nome do lander, Philae, fai referencia á illa do río Nilo onde se atopou o obelisco de Philae que permitiu coñecer as consoantes do exipcio.
A bioloxía é a ciencia que estuda a vida e, en particular, as características e comportamento dos organismos, a orixe de especies e individuos, e o xeito en que estes interactúan entre si e co seu ambiente. A bioloxía abrangue un espectro amplo de áreas académicas consideradas frecuentemente disciplinas independentes, mais que, no seu conxunto, estudan a vida ás máis variadas escalas. A vida é estudada á escala atómica e molecular pola bioloxía molecular, pola bioquímica e pola xenética molecular, no nivel da célula pola bioloxía celular e á escala multicelular pola fisioloxía, pola anatomía e pola histoloxía.
Eduard Wiiralt, nado en Kalitino o 20 de marzo de 1898, e finado en París o 8 de xaneiro de 1954, foi un artista gráfico estoniano. Na historia da arte, Wiiralt é considerado o mestre máis salientable da arte gráfica de Estonia na primeira metade do seu século XX. Entre as súas obras máis coñecidas destacan "Inferno", "Hell", "Cabaret", "Heads of Negroes", "Sleeping Tiger" e "Head of a Camel".
Denis Law, nado en Aberdeen o 24 de febreiro de 1940 e finado no mesmo lugar o 17 de xaneiro de 2025, foi un futbolista escocés, que xogaba de dianteiro e foi unha das estrelas do fútbol europeo dos anos 60. A carreira de Law comezou na escuadra da segunda división escocesa do Huddersfield Town no ano 1956. Despois de catro tempadas, o Manchester City contratouno pagando polo seu traspaso £55.000, establecendo un novo récord de traspaso nas illas británicas.
Amancio Ortega Gaona, nado en Busdongo de Arbas, municipio de Villamanín (León) o 28 de marzo de 1936, é un empresario galego da moda, creador de Zara. Como presidente de Inditex, é a persoa máis rica de Galiza e España, a 2ª de Europa e a 7ª do mundo segundo a revista Forbes en 2011, cunha fortuna calculada de 31.000 millóns de dólares. En 2017, calculouse a súa fortuna en 72 700 millóns de dólares, e levaba varios anos entre os cinco homes máis ricos do mundo.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis. Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo.
San Pedro del Pinatar é un municipio da Rexión de Murcia, en España, pertencente á comarca do Mar Menor. Ao atoparse nas ribeiras do mar Mediterráneo e do mar Menor dispón de grande atractivo turístico e ecolóxico. Ao norte do municipio atópase o parque natural das Salinas e Areais de San Pedro del Pinatar.
Søren Aabye Kierkegaard, nado en Copenhague o 5 de maio de 1813 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1855, foi un teólogo e filósofo dinamarqués do século XIX, coñecido como o pai do existencialismo por facer filosofía sobre a condición da existencia humana, por centrar a súa filosofía no individuo e na subxectividade, na liberdade e na responsabilidade, e na desesperación e na angustia. Kierkegaard tiña pouco interese polo mundo natural, en cambio, tiña moito máis pola existencia do individuo illado.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.