Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Filipinas —oficialmente, República de Filipinas (tagalo: Republika ng Pilipinas; inglés: Republic of the Philippines)— é un país insular (véxase arquipélago) situado no sueste asiático, sobre o océano Pacífico. A súa capital é Manila. Ao norte atópase separado da illa de Taiwán polo estreito de Luzón; ao oeste áchase o mar da China Meridional, tamén coñecido como o mar de Filipinas Occidental e Vietnam; ao suroeste, a illa de Borneo; ao sur, o mar de Célebes sepárao das illas de Indonesia, e o leste limita co mar de Filipinas.
O voo 3704 de Iran Aseman foi un voo doméstico regular iraniano de pasaxeiros dende Teherán ata Yasuj operado pola aeroliña Iran Aseman Airlines. O 18 de febreiro de 2018, o avión que realizaba o voo, un ATR 72-200, esnafrouse contra o monte Dena, nos montes Zagros, preto da vila de Noqol na provincia de Esfahan. A totalidade dos 59 pasaxeiros e 6 tripulantes a bordo morreron.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
En química orgánica, un ortoéster é un grupo funcional que contén tres grupos alcoxi unidos a un átomo de carbono, e ten a fórmula xeral RC(OR′)3. Os ortoésteres poden considerarse produtos da alquilación exhaustiva de ácidos ortocarboxílicos inestables e do nome destes últimos deriva o seu nome de "ortoésteres". Un exemplo é o ortoacetato de etilo, CH3C(OCH2CH3)3, máis correctamente chamado 1,1,1-trietoxietano.
A guitarra é un instrumento musical da familia dos cordófonos, é dicir os instrumentos que producen o seu son ao facer vibrar as cordas. É un instrumento de corda pulsada, composto dunha caixa de resonancia —xeralmente cun buraco acústico no centro da tapa (boca)—, un mastro sobre o que vai encostado o diapasón ou trasteiro, e que normalmente ten seis ou doce cordas. Sobre o diapasón van incrustados os trastes (con algunhas excepcións), que permiten dividir o continuo de sons nas 12 notas do sistema tonal, facendo posible a interpretación das mesmas con maior facilidade.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
Shuhada' Sadaqat, anteriormente Magda Davitt, nada como Sinéad Marie Bernadette O'Connor, e coñecida profesionalmente como Sinéad O'Connor, nada en Dublín o 8 de decembro de 1966 e finada o 26 de xullo de 2023, foi unha cantante, compositora e activista irlandesa. O seu primeiro álbum The Lion and the Cobra (1987), tivo un grande éxito internacional. Co seu segundo álbum de estudio, I Do Not Want What I Haven't Got (1990), recibiu moi boas críticas tralo seu lanzamento converteuse no seu máis grande éxito, ao vender máis de sete millóns de copias en todo o mundo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Johannes Kepler, nado o 27 de decembro de 1571 en Weil der Stadt (Baden-Württemberg) e finado o 15 de novembro de 1630 en Ratisbona, foi un astrónomo e matemático alemán e unha figura clave na revolución científica do século XVII, coñecido sobre todo polas súas leis do movemento planetario, e os seus libros Astronomia nova, Harmonice Mundi e Epitome Astronomiae Copernicanae, influíndo entre outros en Isaac Newton, proporcionandolle unha das bases para a súa teoría da gravitación universal. A variedade e repercusión dos seus traballos converteron a Kepler nun dos fundadores e pais da astronomía moderna, do método científico e das ciencias naturais. Kepler foi profesor de matemáticas nun seminario de Graz, onde se converteu en socio do príncipe Hans Ulrich von Eggenberg.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Ignacio Rivera Quintana, nado na Coruña o 24 de abril de 1965, é un empresario galego, presidente executivo actual da Corporación Hijos de Rivera, empresa galega con actividade centrada na distribución de bebidas, cuxa marca máis recoñecida é a Estrella Galicia. Pertence á cuarta xeración da familia Rivera, sendo bisneto de José María Rivera Corral, o fundador da empresa Estrella Galicia na Coruña, en 1906.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
A flora intestinal ou microbiota intestinal está formada polos microorganismos, fundamentalmente bacterias, que viven no tracto dixestivo dos animais. Forma a maior parte da flora humana. O corpo humano contén 1012 células de microorganismos nos seus intestinos, un número 10 veces superior ao total das células do propio corpo humano.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A seguridade alimentaria ou seguranza alimentaria é un obxectivo prioritario que se marcou a Unión Europea en 2002 para garanti-lo dereito á protección á saúde dos consumidores. Desde 2019, a Organización Mundial da Saúde celebra o 7 de xuño o Día Mundial da Inocuidade dos Alimentos, co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia da prevención e detección das enfermidades de orixe alimentaria. O devandito organismo estima que uns 600 millóns de persoas enferman cada ano de enfermidades transmitidas por alimentos, que ocasionan unhas 420.000 mortes anuais.
A charrela cinsenta, comunmente charrela ou perdiz charrela, Perdix perdix, é unha especie ave da orde dos galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, unha das tres comprendidas no xénero Perdix. De orixe eurasiática, foi introducida e aclimatada como peza de caza en Norteamérica, onde se distribúe na actualidade nas pradarías do norte dos Estados Unidos e do sur e o leste do Canadá.
Unión, Progreso y Democracia (UPyD) (en galego Unión, Progreso e Democracia) foi un partido político español inscrito no rexistro de partidos do Ministerio do Interior o 26 de setembro de 2007. Entre os seus promotores atópanse a ex-dirixente do PSOE Rosa Díez (quen foi a primeira voceira do partido), o catedrático Mikel Buesa ou os filósofos Carlos Martínez Gorriarán e Fernando Savater. Mikel Buesa nunha presentación do partido en 2007 e Irene Lozano nunha entrevista na televisión en 2013 explicaron o significado dos tres conceptos que constitúen a denominación do partido: Unión pola súa defensa incondicional da «unidade de España», Progreso porque afirman ser «un partido progresista respectuoso coa liberdade individual» e Democracia porque din ser «un partido radical que aposta por afondar a democracia».
Salomón foi, segundo a Biblia, rei de Israel e fillo de David mais Batxeba. Ó seu reinado atribúese a construción do primeiro Templo de Xerusalén, o chamado Templo de Salomón, no seu Sancta Sanctorum, gardábase a Arca da Alianza, que contiña as táboas da Lei, revelada por Deus a Moisés no monte Sinaí, o caxato de Moisés e a cobra de bronce coa que Moisés acabou coa praga que asolou o campamento xudeu durante o seu trasego polo deserto do Sinaí. Considerado na Biblia como un rei sabio, a el se lle atribúen os libros chamados sapienciais.
O Matrimonio Arnolfini é o máis famoso cadro do pintor flamengo Jan van Eyck, pintado en 1434, nunha táboa de carballo coa técnica do óleo A obra mostra o rico comerciante Giovanni Arnolfini e a súa esposa Giovanna Cenami, que se estabeleceran e prosperaran na cidade de Bruxas (hoxe Bélxica), entre 1420 e 1472. A obra, considerada unha das pinturas máis orixinais e complexa da arte occidental e moi innovadora para a época en que foi concibida, exhibe diversos conceptos novos en canto ás perspectivas e á acentuación dos segundos planos, cunha iconografía complexa, a perspectiva xeométrica ortogonal e a expansión do espazo da imaxe co uso do espello no fondo da composición, en que toda escena aparece invertida, tal como a imaxe do propio artista. Na actualidade dentro da historiografía da arte discútese que representa exactamente a imaxe do cadro; a tese dominante durante moito tempo, introducida por Erwin Panofsky nun ensaio de 1934, afirmaba que a imaxe correspondía ao matrimonio de ambos, celebrado en segredo e testificado polo pintor.
As leis de Kepler son unhas formulacións redactadas por Johannes Kepler logo dunha análise meticulosa dos excelentes datos astronómicos obtidos por Tycho Brahe. As leis son relativas ao movemento planetario, sobre a traxectoria seguida polos planetas arredor do Sol, a seguir: Primeira Lei (1609): todos os planetas se desprazan arredor do Sol describindo órbitas elípticas, estando o Sol situado nun dos focos. Segunda Lei (1609): o radiovector que liga un planeta co Sol describe áreas iguais en tempos iguais (lei das áreas).
The Rocky Horror Picture Show é unha comedia musical de 1975 dirixida por Jim Sharman que parodia os filmes de terror e ciencia ficción. Cun guión de Richard O'Brien e Sharman, está protagonizada por Tim Curry, Susan Sarandon e Barry Bostwick. Baséase na montaxe musical británica The Rocky Horror Show.
A guerra fría foi un conflito semibélico, que enfrontou durante a segunda metade do século XX dous bloques antagónicos ideoloxicamente nunha guerra sen conflito directo pero con conflitos indirectos no que os dous bandos prestaban axuda ós diferentes continxentes, e con guerras de influencia e económicas. Durou do 1948 co Golpe de Praga ata 1991 coa disolución da Unión Soviética.
A Commonwealth ou Commonwealth of Nations é o nome en inglés dunha asociación de territorios autónomos, mais dependentes do Reino Unido, creada en 1931 e formada actualmente por 54 estados, a maioría dos cales independentes pero incluíndo algúns que aínda manteñen lazos políticos coa antiga potencia colonial. Coa progresiva perda de poder da Gran Bretaña sobre as súas colonias a partir de mediados do século XIX, a poboación branca conseguiu a autonomía, primeiro coa concesión do estatuto de Dominio británico (Canadá, Australia, Nova Zelandia, Suráfrica e Terra Nova). O termo Commonwealth foi utilizado por vez primeira en 1917 como sinónimo de Imperio Británico para designar a asociación existente entre a Gran Bretaña e estes Dominios.
A provincia de Buenos Aires, ou tamén provincia de Bos Aires, é unha das 23 provincias que compoñen a Arxentina. Pola extensión, poboación e relevancia das súas actividades económicas é considerada a máis importante do país. Limita ao norte coas provincias de Entre Ríos e Santa Fe, ao oeste coas provincias de Córdoba, Pampa e Río Negro, ao sur e ao leste co Atlántico e ao nordeste co Río da Plata.
Eleccións ao Parlamento Europeo de 2024
As eleccións ao Parlamento Europeo de 2024 tiveron lugar entre o 6 e o 9 de xuño de 2024 en todos os estados membros da Unión Europea, para dar lugar á X lexislatura europea. Tamén foron as primeiras eleccións após o Brexit. Nelas votouse por sufraxio universal, directo, libre e segredo os eurodeputados que integran o Parlamento Europeo e que representan a cidadanía europea no período comprendido entre 2024 e 2029.
A pataca ( pronunciación ), baloca, castaña ou castaña da terra é o tubérculo da planta da pataca ou pataqueira (Solanum tuberosum), unha planta da familia das solanáceas, orixinaria de América do Sur e cultivada en case todo o mundo polo seu tubérculo comestíbel. Con frecuencia adóitase citar como endémica dos Andes nunha área que coincide aproximadamente co sur do Perú, onde foi cultivada e consumida polo menos dende o VIII milenio a. C., porén dende hai séculos a planta é cultivada noutras latitudes dando lugar a diversas variedades de patacas.
O Metro de Madrid é un sistema de metro que serve á cidade de Madrid, en España. Foi inaugurado o 17 de outubro de 1919 polo rei Afonso XIII. A rede conta con 238 estacións, das que 200 son sinxelas, en 27 trasbordan dúas liñas, en 10 teñen parada tres liñas e a estación de Avenida de América que serve de transbordo a catro liñas. En tres desas estacións (Tres Olivos, Estadio Olímpico e Puerta de Arganda), faise cambio de tren dentro dunha mesma liña, e en 21 paradas hai correspondencia coa rede de Cercanías Madrid de Renfe.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'Espanya, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
María Luz Casal Paz, coñecida como Luz Casal, nada en Andavao (Boimorto) o 11 de novembro de 1958, aínda que viviu en Asturias xa dende a súa infancia, é unha cantante galega de pop-rock. Durante a súa carreira discográfica vendeu xa máis de 5 millóns de discos. Recibiu a Medalla Castelao en 2010 e a Medalla de Galicia en 2023.
Niccolò Paganini foi un violinista e compositor que naceu en Xénova o 27 de outubro de 1782 e finou en Niza o 27 de maio de 1840, foi un dos máis famosos virtuosos da súa época e é considerado coma un dos mellores violinistas de tódolos tempos. A súa perfección técnica era moi elevada: técnicas de arco expresivas e innovacións no uso do staccato e do pizzicato, xunto cun oído absoluto e unha entoación perfecta. As súas obras máis coñecidas son os Caprichos (numerados dende o 1 até o 24).
A provincia de Guadalaxara (en castelán: Guadalajara) é unha provincia de Castela-A Mancha, con capital na cidade homónima. Limita ao sur coa provincia de Cuenca, ao oeste coa Comunidade de Madrid, ao norte e noroeste con Castela e León (provincias de Segovia e Soria), e con Aragón (provincias de Zaragoza e Teruel) polo nordeste. En 2008 tiña 237.787 habitantes, distribuídos nunha superficie de 12.190 km², que se repartían entre 288 municipios, dos cales tres cuartas partes son entidades con menos de 200 habitantes.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A píldora dourada europea, tamén coñecida como píllara dourada, píllara dourada grande ou píldora dourada (Pluvialis apricaria) é unha ave limícola de tamaño grande, moi semellante a dúas especie próximas, a píldora dourada americana (Pluvialis dominiica), e a píldora dourada siberiana (Pluvialis fulva), que son máis pequenas, delgadas e de patas relativamente máis longas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Arizona (/aɾiˈθona/; en lingua inglesa: Arizona [ˌærɪˈzoʊnə]; en lingua navagho: Hoozdo Hahoodzo [hoː˥z̥to˩ ha˩hoː˩tso˩]; en lingua o'odham: Alĭ ṣonak [ˈaɭi̥ ˈʂɔnak]) é un estado situado ao suroeste dos Estados Unidos de América. Linda co estado de Utah ao norte, co de Colorado ao nordés, co de Novo México ao leste, co de California ao oeste, e co de Nevada ao noroeste, amais de lindar ao sur cos estados mexicanos de Sonora e de Baixa California. É o 6o estado máis grande por área, así como o 14o máis poboado do país, cunha poboación de máis de 7 millóns de habitantes segundo datos de 2020.
Este artigo trata sobre a festa valenciana, para o artigo sobre a fractura de dúas rochas véxase Falla. As Fallas (en valenciano: Falles) son unhas festas dunha semana de duración que se celebran durante o mes de marzo, na honra a San Xosé, na cidade de Valencia. Tamén se celebran, inspiradas nas da capital valenciana, noutras localidades da Comunidade Valenciana.
Eva, na mitoloxía xudaica e cristiá, é a primeira muller creada por Deus, compañeira de Adán. O nome de Eva provén do hebreo Hauuâh (que deu o grego Eua e este o latín Heva), e pode significar 'dadora de vida' ou 'nai dos viventes'. Ferro Ruibal considera máis probable que o nome estea relacionado cun nome semítico da serpe, que tentou a Eva.
Aarhus ou Århus é unha cidade dinamarquesa, capital do condado de igual nome, situada ao leste de Xutlandia. É unha das cidades máis antigas de Dinamarca, o bispado data de cando menos o 951, e a segunda con máis poboación. A catedral comezouse a construír no 1201, e é a igrexa máis grande de Dinamarca.
O termo sistemática molecular é utilizado para referirse á sistemática macromolecular: o uso do ADN e do ARN para inferir relacións de parentesco entre os organismos (tamén chamados, para evitar confusións, análises moleculares de ADN, que implican análise de secuencias de ADN entre outros métodos). Aínda que tecnicamente, os métodos que implican o uso de isozimas e flavonoides tamén son moleculares, xeralmente son tratados en apartados diferentes. A aplicación da información sobre os ácidos nucleicos á Bioloxía Sistemática tivo un desenvolvemento espectacular a partir da década dos 90.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.
A inflamación (do latín inflammatio: acender, facer lume) é a forma de manifestarse de moitas doenzas, que consiste nunha resposta inespecífica fronte ás agresións do medio (patóxenos, irritantes, células danadas), e está xerada polos axentes inflamatorios. A resposta inflamatoria ocorre só en tecidos conectivos vascularizados e xorde coa finalidade defensiva de illar e destruír o axente daniño, e para reparar o tecido ou órgano danado. Considérase un mecanismo de inmunidade innata, estereotipado, en contraste coa reacción inmune adaptativa, específica para cada tipo de axente infeccioso.
A guerra é un conflito armado entre estados, gobernos, sociedades ou grupos paramilitares como mercenarios, insurxentes e milicias. Caracterízase xeralmente por unha violencia extrema, destrución e mortalidade, utilizando forzas armadas regulares ou irregulares. Aínda que algúns estudosos de belicoloxía consideran que a guerra é un aspecto universal e ancestral da natureza humana, outros argumentan que é o resultado de circunstancias socioculturais, económicas ou ecolóxicas específicas.
Iugoslavia (/iuɣosˈlaβja/; lit. "Terra dos eslavos do sur"; en serbocorata: Jugoslavija ou Југославија [juɡǒslaːʋija]; en esloveno: Jugoslavija [juɡɔˈslàːʋija]; en macedonio: Југославија [juɡɔˈsɫavija]) foi un estado situado na península dos Balcáns, ao sueste de Europa. Fundouse en 1918, após a primeira guerra mundial, a partir do Reino de Serbia e do Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, baixo o nome de Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos.
A xeopolítica é a especialidade da xeografía que estuda as actuacións do poder, tanto dos estados como das grandes organizacións internacionais ou calquera outra forma de poder no ámbito xeográfico. é a ciencia que, a través da xeografía política, a xeografía descritiva e a historia, estuda a causalidade espacial dos sucesos políticos e os seus futuros efectos. A xeopolítica tamén representou un dos instrumentos para definir as estratexias da colonización do mundo.
Dublín (en irlandés: Baile Átha Cliath; en inglés: Dublin) é a capital da República de Irlanda, así como do condado homónimo. É a cidade mais poboada da illa, con máis dun millón de habitantes na súa área urbana e unha área de influencia que abrangue 2,1 millóns de persoas, na chamada Greater Dublin Area. Está situada na provincia de Leinster, cerca do centro da costa leste da Illa, na desembocadura do río Liffey que atravesa a cidade, e aproximadamente no centro do Condado.
O Celsius (°C) é unha unidade de temperatura, así denominada en homenaxe ao astrónomo sueco Anders Celsius (1701–1744), que foi o primeiro a propola en 1742. A escala de temperatura Celsius foi concibida de tal forma que o punto de conxelación da auga corresponde a 0 graos, e o punto de ebulición a 100 graos a unha presión atmosférica patrón. Como existen cen graduacións entre eses dous puntos de referencia, o termo orixinal para este sistema foi centígrado (100 partes) ou centésimos.
Un falso amigo (ou falso cognado) é unha palabra doutros idiomas que se parece (na escritura ou na pronunciación) a unha palabra na lingua materna do falante, pero que ten un significado diferente. Moitos dos falsos amigos débense a unha etimoloxía común que derivou en significados distintos en cada lingua.
Esta é unha lista de cadros atribuídos a Leonardo da Vinci, (15 de abril de 1452 - 2 de maio de 1519), un dos grandes artistas do Renacemento. En xeral, quince obras atribúense a Leonardo, ou na súa totalidade ou en gran parte; a maioría son pinturas sobre táboa, pero tamén hai un mural, un gran debuxo en papel e dous esbozos de preparación de obra. Están en discusión seis pinturas máis, hai cinco obras que ultimamente lle foron atribuídas, e dúas son copias de traballos perdidos.