Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premios Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Filipinas —oficialmente, República de Filipinas (tagalo: Republika ng Pilipinas; inglés: Republic of the Philippines)— é un país insular (véxase arquipélago) situado no sueste asiático, sobre o océano Pacífico. A súa capital é Manila. Ao norte atópase separado da illa de Taiwán polo estreito de Luzón; ao oeste áchase o mar da China Meridional, tamén coñecido como o mar de Filipinas Occidental e Vietnam; ao suroeste, a illa de Borneo; ao sur, o mar de Célebes sepárao das illas de Indonesia, e o leste limita co mar de Filipinas.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2026, 72 autores (14 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 64 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
A guitarra é un instrumento musical da familia dos cordófonos, é dicir os instrumentos que producen o seu son ao facer vibrar as cordas. É un instrumento de corda pulsada, composto dunha caixa de resonancia —xeralmente cun buraco acústico no centro da tapa (boca)—, un mastro sobre o que vai encostado o diapasón ou trasteiro, e que normalmente ten seis ou doce cordas. Sobre o diapasón van incrustados os trastes (con algunhas excepcións), que permiten dividir o continuo de sons nas 12 notas do sistema tonal, facendo posible a interpretación das mesmas con maior facilidade.
A grancima B ou granzima B (GrB) é un dos encimas grancimas serina proteases, que se encontra principalmente nos gránulos das células asasinas naturais (células NK) e células T citotóxicas. Segrégase por estas células xunto coa proteína formadora de poros perforina para mediar a apoptose nas súas células diana. A grancima B tamén a producen unha ampla variedade de células non-citotóxicas como basófilos, mastocitos ou células musculares lisas.
O Metro de Madrid é un sistema de metro que serve á cidade de Madrid, en España. Foi inaugurado o 17 de outubro de 1919 polo rei Afonso XIII. A rede conta con 238 estacións, das que 200 son sinxelas, en 27 trasbordan dúas liñas, en 10 teñen parada tres liñas e a estación de Avenida de América que serve de transbordo a catro liñas. En tres desas estacións (Tres Olivos, Estadio Olímpico e Puerta de Arganda), faise cambio de tren dentro dunha mesma liña, e en 21 paradas hai correspondencia coa rede de Cercanías Madrid de Renfe.
Johannes Kepler, nado o 27 de decembro de 1571 en Weil der Stadt (Baden-Württemberg) e finado o 15 de novembro de 1630 en Ratisbona, foi un astrónomo e matemático alemán e unha figura clave na revolución científica do século XVII, coñecido sobre todo polas súas leis do movemento planetario, e os seus libros Astronomia nova, Harmonice Mundi e Epitome Astronomiae Copernicanae, influíndo entre outros en Isaac Newton, proporcionandolle unha das bases para a súa teoría da gravitación universal. A variedade e repercusión dos seus traballos converteron a Kepler nun dos fundadores e pais da astronomía moderna, do método científico e das ciencias naturais. Kepler foi profesor de matemáticas nun seminario de Graz, onde se converteu en socio do príncipe Hans Ulrich von Eggenberg.
A seguridade alimentaria ou seguranza alimentaria é un obxectivo prioritario que se marcou a Unión Europea en 2002 para garanti-lo dereito á protección á saúde dos consumidores. Desde 2019, a Organización Mundial da Saúde celebra o 7 de xuño o Día Mundial da Inocuidade dos Alimentos, co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia da prevención e detección das enfermidades de orixe alimentaria. O devandito organismo estima que uns 600 millóns de persoas enferman cada ano de enfermidades transmitidas por alimentos, que ocasionan unhas 420.000 mortes anuais.
A olaría de Gundivós é artesanía elaborada na zona de Sober, coñecida como "terra de cacharreiros" e delimitada visual e xeograficamente polos remates ornamentais desta cerámica ancestral que colocaban nos tellados das vivendas. Caracterízase por unha identificadora cor negra, procedente do afumado con lume de carqueixa cun acabado interior feito con pez de resinas de piñeiro, após da cocción en forno de pedra e da elaboración en torno baixo movido coas mans. As pezas que conforman este patrimonio cultural vivo situado na Ribeira Sacra son destinadas, de xeito prioritario, á almacenaxe e transporte de produtos como viño e aceite, á cociña e á matanza.
Salomón foi, segundo a Biblia, rei de Israel e fillo de David mais Batxeba. Ó seu reinado atribúese a construción do primeiro Templo de Xerusalén, o chamado Templo de Salomón, no seu Sancta Sanctorum, gardábase a Arca da Alianza, que contiña as táboas da Lei, revelada por Deus a Moisés no monte Sinaí, o caxato de Moisés e a cobra de bronce coa que Moisés acabou coa praga que asolou o campamento xudeu durante o seu trasego polo deserto do Sinaí. Considerado na Biblia como un rei sabio, a el se lle atribúen os libros chamados sapienciais.
A provincia de Buenos Aires, ou tamén provincia de Bos Aires, é unha das 23 provincias que compoñen a Arxentina. Pola extensión, poboación e relevancia das súas actividades económicas é considerada a máis importante do país. Limita ao norte coas provincias de Entre Ríos e Santa Fe, ao oeste coas provincias de Córdoba, Pampa e Río Negro, ao sur e ao leste co Atlántico e ao nordeste co Río da Plata.
Dublín (en irlandés: Baile Átha Cliath; en inglés: Dublin) é a capital da República de Irlanda, así como do condado homónimo. É a cidade mais poboada da illa, con máis dun millón de habitantes na súa área urbana e unha área de influencia que abrangue 2,1 millóns de persoas, na chamada Greater Dublin Area. Está situada na provincia de Leinster, cerca do centro da costa leste da Illa, na desembocadura do río Liffey que atravesa a cidade, e aproximadamente no centro do Condado.
Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións (título orixinal en inglés: An Inquiry into the Nature and Causes of the Wealth of Nations), máis coñecida por A riqueza das nacións, é a obra fundamental do economista escocés Adam Smith, publicado en 1776. É un traballo de economía política no xurdir da Revolución Industrial, e é amplamente considerado o primeiro traballo no campo da economía. A obra tamén é unha razoada defensa das políticas do mercado libre.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Star Trek é unha franquía de entretemento multimedia ambientada no universo de ciencia ficción creado por Gene Roddenberry en 1966 para a serie de televisión homónima. A franquía inclúe series de televisión, películas, obras de banda deseñada, novelas, xogos e videoxogos, mesmo revistas, atraccións, e exposicións itinerantes.
Shuhada' Sadaqat, anteriormente Magda Davitt, nada como Sinéad Marie Bernadette O'Connor, e coñecida profesionalmente como Sinéad O'Connor, nada en Dublín o 8 de decembro de 1966 e finada o 26 de xullo de 2023, foi unha cantante, compositora e activista irlandesa. O seu primeiro álbum The Lion and the Cobra (1987), tivo un grande éxito internacional. Co seu segundo álbum de estudio, I Do Not Want What I Haven't Got (1990), recibiu moi boas críticas tralo seu lanzamento converteuse no seu máis grande éxito, ao vender máis de sete millóns de copias en todo o mundo.
The Rocky Horror Picture Show é unha comedia musical de 1975 dirixida por Jim Sharman que parodia os filmes de terror e ciencia ficción. Cun guión de Richard O'Brien e Sharman, está protagonizada por Tim Curry, Susan Sarandon e Barry Bostwick. Baséase na montaxe musical británica The Rocky Horror Show.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
A guerra fría foi un conflito semibélico, que enfrontou durante a segunda metade do século XX dous bloques antagónicos ideoloxicamente nunha guerra sen conflito directo pero con conflitos indirectos no que os dous bandos prestaban axuda ós diferentes continxentes, e con guerras de influencia e económicas. Durou do 1948 co Golpe de Praga ata 1991 coa disolución da Unión Soviética.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Non confundir con Antonio Tovar Llorente (Valladolid 1911-1985), filólogo, lingüista e historiador. Antonio Domingo José Tovar Bobillo, chamado Antón Tovar, nado na Pereira (Rairiz de Veiga) o 23 de outubro de 1921 e finado en Ourense o 16 de xuño de 2004, foi un poeta galego que escribiu en lingua castelá e lingua galega, encadrado na chamada promoción de enlace. A súa obra está marcada polo pesimismo, o sentimento poético sincero e auténtico, o existencialismo, o intimismo e a preocupación social, ademais da baldía procura de deus.
Niccolò Paganini foi un violinista e compositor que naceu en Xénova o 27 de outubro de 1782 e finou en Niza o 27 de maio de 1840, foi un dos máis famosos virtuosos da súa época e é considerado coma un dos mellores violinistas de tódolos tempos. A súa perfección técnica era moi elevada: técnicas de arco expresivas e innovacións no uso do staccato e do pizzicato, xunto cun oído absoluto e unha entoación perfecta. As súas obras máis coñecidas son os Caprichos (numerados dende o 1 até o 24).
A cinza, cinsa ou borralla, en química analítica, é o nome dado a todos os compoñentes que non se consideran orgánicos ou auga, é dicir os compoñentes que permanecen logo da combustión dunha mostra, e consisten basicamente en óxidos de metal. A cinsa é un dos compoñentes da análise biolóxica dos materiais, e componse principalmente de sales, compostos non orgánicos. Iso inclúe sales de metal que son importantes polos procesos que requiren ións como o Na+ (Sodio), K+ (Potasio) ou Ca+ (Calcio).
A pataca ( pronunciación ), baloca, castaña ou castaña da terra é o tubérculo da planta da pataca ou pataqueira (Solanum tuberosum), unha planta da familia das solanáceas, orixinaria de América do Sur e cultivada en case todo o mundo polo seu tubérculo comestíbel. Con frecuencia adóitase citar como endémica dos Andes nunha área que coincide aproximadamente co sur do Perú, onde foi cultivada e consumida polo menos dende o VIII milenio a. C., porén dende hai séculos a planta é cultivada noutras latitudes dando lugar a diversas variedades de patacas.
A toxicidade é unha medida usada para medir o grao tóxico ou velenoso dalgúns elementos. O estudo dos velenos coñécese como toxicoloxía. A toxicidade pode referirse ao efecto desta sobre un organismo completo, como un ser humano, unha bacteria ou mesmo unha planta, ou a unha subestrutura, como unha célula (citotoxicidade).
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Tigres de Liberación do Tamil Eelam
Os Tigres de Liberación do Tamil Eelam (Liberation Tiger Tamils of Eelam, LTTE en inglés, e தமிழீழ விடுதலைப் புலிகள் en támil), tamén coñecidos como Tigres Támiles, foi un movemento político-armado támil fundado en 1976 na illa de Sri Lanka (antiga Ceilán) por Velupillai Prabhakaran. Foi o principal grupo separatista támil en Sri Lanka.
A selección de fútbol de Chile é o equipo representativo do Chile nas competicións internacionais oficiais de fútbol. É unha das seleccións nacionais máis antigas de Suramérica xunto coa Arxentina, disputando o seu primeiro partido o 27 de maio de 1910. A súa organización está a cargo da Federación de Fútbol de Chile, cuxa fundación data do 19 de xuño de 1895 (130 anos).
Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon, nado en Montbard o 7 de setembro de 1707 e finado en París o 16 de abril de 1788, foi un naturalista, matemático, biólogo, cosmólogo e escritor francés. A localidade de Buffon, no departamento de Côte-d'Or, foi o señorío da familia Leclerc. Buffon pretendeu compendiar todo o saber humano sobre o mundo natural na súa obra en 44 volumes Histoire naturelle.
Premio de poesía Pérez Parallé
O Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé é un certame literario anual que convoca desde 1987 o Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene como homenaxe a Xosé María Pérez Parallé o día do seu pasamento o 1 de novembro.
Carlomagno, ou Carlos, o Grande, ou mesmo Carlos I nas listaxes reais de Francia e Alemaña, nado o 2 de abril do 747 e finado o 28 de xaneiro do ano 814, foi sucesivamente rei dos francos (de 771 a 814), rei dos longobardos (a partir de 774), e tamén o primeiro emperador do Sacro Imperio Romano (coroado o 25 de decembro do ano 800), restaurando así o antigo Imperio Romano de Occidente.
As vías de sinalización Wnt son un grupo de vías de transdución de sinais celulares que empezan con proteínas que pasan sinais á célula por medio de receptores da superficie celular. O nome Wnt é un termo/sigla composto creado a partir dos nomes Wingless e Int-1. As vías de sinalización Wnt usan tanto a sinalización entre células próximas (parácrina) coma a comunicación nunha mesma célula (autócrina).
Este artigo trata sobre o estado norteamericano de Washington, para outros lugares ver Washington Washington é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. O nome do estado provén de quen foi líder das forzas americanas ao longo da Revolución Americana de 1776 e logo primeiro presidente dos Estados Unidos, George Washington. O nome de moitas cidades e condados dos Estados Unidos homenaxea diversos presidentes, mais o Estado de Washington é o único que leva o nome en honra dun presidente.
Euskadi Ta Askatasuna (País Vasco e Liberdade), máis coñecida como ETA, foi unha organización armada terrorista de Euskal Herria. Buscaba conseguir a creación dun estado vasco a partir da independencia e unión dos diferentes territorios vascos que forman parte do Estado español e do francés. Era oficialmente considerada como organización terrorista por España, Francia, o Reino Unido, a Unión Europea, os Estados Unidos de América, o Canadá, o Consello de Europa e a ONU. Ten sido criticada por Amnistía Internacional polo uso de métodos violentos como o asasinato e o secuestro , ademais da extorsión a empresarios para obter o chamado «imposto revolucionario», unha das súas fontes de financiamento.
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha). A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
O termo sistemática molecular é utilizado para referirse á sistemática macromolecular: o uso do ADN e do ARN para inferir relacións de parentesco entre os organismos (tamén chamados, para evitar confusións, análises moleculares de ADN, que implican análise de secuencias de ADN entre outros métodos). Aínda que tecnicamente, os métodos que implican o uso de isozimas e flavonoides tamén son moleculares, xeralmente son tratados en apartados diferentes. A aplicación da información sobre os ácidos nucleicos á Bioloxía Sistemática tivo un desenvolvemento espectacular a partir da década dos 90.
Santa María de Abeledo é unha parroquia do concello lugués de Abadín na comarca da Terra Chá. Segundo datos do IGE en 2023 tiña 111 habitantes (51 homes e 60 mulleres). Iso supón unha diminución da poboación respecto a 2015 cando tiña 137 habitantes (66 homes e 71 mulleres), distribuídos en 17 entidades de poboación.
Un relevo en escultura é un traballo onde unha forma se proxecta dun fondo plano (a propia musculatura tensa pode ser vista como unha forma de relevo). Dependendo da profundidade, o relevo pode ser chamado baixorrelevo — tal como aparece na numismática — ou altorrelevo, con bastante material removido e o restante proxectado do fondo plano case como se fose a parte visíbel dunha escultura embutida na pedra. Os relevos son un tipo de traballo común en todo o mundo, en especial na decoración de edificios monumentais, tales como templos.
Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
O Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), ata 2008 coñecido como Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo, é un conxunto de centros de asistencia sanitaria especializada, docencia e investigación en Ciencias da Saúde pertencente ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), na cidade da Coruña. Inaugurouse en 1972 e ten unha zona de docencia dependente da Universidade da Coruña.
A provincia de Guadalaxara (en castelán: Guadalajara) é unha provincia de Castela-A Mancha, con capital na cidade homónima. Limita ao sur coa provincia de Cuenca, ao oeste coa Comunidade de Madrid, ao norte e noroeste con Castela e León (provincias de Segovia e Soria), e con Aragón (provincias de Zaragoza e Teruel) polo nordeste. En 2008 tiña 237.787 habitantes, distribuídos nunha superficie de 12.190 km², que se repartían entre 288 municipios, dos cales tres cuartas partes son entidades con menos de 200 habitantes.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
O Celsius (°C) é unha unidade de temperatura, así denominada en homenaxe ao astrónomo sueco Anders Celsius (1701–1744), que foi o primeiro a propola en 1742. A escala de temperatura Celsius foi concibida de tal forma que o punto de conxelación da auga corresponde a 0 graos, e o punto de ebulición a 100 graos a unha presión atmosférica patrón. Como existen cen graduacións entre eses dous puntos de referencia, o termo orixinal para este sistema foi centígrado (100 partes) ou centésimos.
Rafael Sanzio (en italiano Raffaello Sanzio), Rafael de Urbino ou simplemente Rafael, nado en Urbino o 6 de abril de 1483 e finado o día do seu aniversario de 1520 en Roma, foi un pintor e arquitecto italiano da época do renacemento italiano. Ademais da súa labor pictórica, que sería admirada e imitada durante séculos, realizou importantes achegas na arquitectura e, como inspector de antigüidades, interesouse no estudo e conservación dos vestixios grecorromanos. Morreu o día en que facía os trinta e sete anos, dándose a coincidencia de que naceu e morreu en Venres Santo.
Eva, na mitoloxía xudaica e cristiá, é a primeira muller creada por Deus, compañeira de Adán. O nome de Eva provén do hebreo Hauuâh (que deu o grego Eua e este o latín Heva), e pode significar 'dadora de vida' ou 'nai dos viventes'. Ferro Ruibal considera máis probable que o nome estea relacionado cun nome semítico da serpe, que tentou a Eva.
Orde Teutónica, tamén Orde dos Cabaleiros Teutóns, Cabaleiros Teutónicos do Hospital de Santa María de Xerusalén e Cabaleiros Hospitalarios (en alemán Deutscher Ritterorden, en latín Domus Hospitalis Sanctæ Mariæ Teutonicorum) foi unha Orde medieval de carácter relixioso-militar fundada en Palestina no ano 1190 (Terceira cruzada) durante o asedio da fortaleza de San Xoán de Acre para axudar aos xermanos feridos nas cruzadas. En 1198 converteuse en orde militar. Desde o século XIX a orde pervive como unha organización cristiá de carácter caritativo, especialmente en Europa central.
O Matrimonio Arnolfini é o máis famoso cadro do pintor flamengo Jan van Eyck, pintado en 1434, nunha táboa de carballo coa técnica do óleo A obra mostra o rico comerciante Giovanni Arnolfini e a súa esposa Giovanna Cenami, que se estabeleceran e prosperaran na cidade de Bruxas (hoxe Bélxica), entre 1420 e 1472. A obra, considerada unha das pinturas máis orixinais e complexa da arte occidental e moi innovadora para a época en que foi concibida, exhibe diversos conceptos novos en canto ás perspectivas e á acentuación dos segundos planos, cunha iconografía complexa, a perspectiva xeométrica ortogonal e a expansión do espazo da imaxe co uso do espello no fondo da composición, en que toda escena aparece invertida, tal como a imaxe do propio artista. Na actualidade dentro da historiografía da arte discútese que representa exactamente a imaxe do cadro; a tese dominante durante moito tempo, introducida por Erwin Panofsky nun ensaio de 1934, afirmaba que a imaxe correspondía ao matrimonio de ambos, celebrado en segredo e testificado polo pintor.