Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
A Costa da Morte é a franxa costeira galega que gañou ese nome polos numerosos naufraxios acontecidos no século xix e comezos do século xx e que se popularizaron a través da literatura galega e inglesa. Un dos naufraxios de máis repercusión nos medios foi o dos mariñeiros do Serpent, que naufragaron en 1890 e se enterraron no Porto do Trigo, Trece. Algunhas veces a Costa da Morte foi delimitada como a costa que vai desde o cabo Fisterra ata as illas Sisargas, en Malpica, e outras mesmo desde Muros ata A Coruña.
Filipinas —oficialmente, República de Filipinas (tagalo: Republika ng Pilipinas; inglés: Republic of the Philippines)— é un país insular (véxase arquipélago) situado no sueste asiático, sobre o océano Pacífico. A súa capital é Manila. Ao norte atópase separado da illa de Taiwán polo estreito de Luzón; ao oeste áchase o mar da China Meridional, tamén coñecido como o mar de Filipinas Occidental e Vietnam; ao suroeste, a illa de Borneo; ao sur, o mar de Célebes sepárao das illas de Indonesia, e o leste limita co mar de Filipinas.
José Costas Fischer, nado en Freaza (Traspielas, Fornelos de Montes) o 17 de decembro de 1996, é un cantante galego, máis coñecido como Costas. Participou e foi un dos finalistas da quinta edición do programa A liga dos cantantes extraordinarios, emitido na TVG no 2024. É un dos cantantes do Grupo Tekila.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A diamina oxidase ou diamino oxidase (DAO), tamén chamada "amina oxidase que contén cobre 1" (AOC1), antes chamada histaminase, é un encima (EC 1.4.3.22) que intervén no metabolismo, oxidación e inactivación da histamina e outras poliaminas, como a putrescina ou a espermidina. O encima pertence á familia amina oxidase (que contén cobre) (AOC) dos encimas amina oxidases. O encima exprésase en animais bilaterais.
O Miño (en portugués: Minho) é o río máis longo de Galicia, cunha lonxitude de 307,5 km. Atravesa as provincias galegas de Lugo, Ourense e Pontevedra e baña o norte do distrito portugués de Viana do Castelo. Pasa polas cidades de Lugo e Ourense e polas vilas de Rábade, Portomarín, Ribadavia, Melgaço, Salvaterra de Miño, Monção, Tui, Valença do Minho e Vila Nova de Cerveira.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Le Bleu du caftan (en árabe: القفطان الأزرق) é un filme marroquí de 2022 dirixido por Maryam Touzani. Conta a historia dunha muller e o seu marido gai no armario que rexentan unha tenda de caftán na medina de Salé, Marrocos, e contratan a un mozo como aprendiz. O filme estreouse na sección Un Certain Regard do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2022.
O Castelo da Pena, tamén coñecido como Torre da Pena, Castelo da Pena da Portela ou Torre da Pena da Portela, é un castelo de Xinzo de Limia que forma parte dun conxunto de fortificacións que antigamente protexían a liña fronteiriza na comarca da Limia coa función de previr os ataques, fundamentalmente dos exércitos portugueses. Está considerado como Ben de Interese Cultural e, xunto coa Torre do Castro en Sandiás e a Torre de Fírbeda, foi transferida polo Estado español á Xunta de Galicia no ano 2009.
Linchamento de Cordella Stevenson
Cordella Stevenson foi unha muller afroamericana que foi violada e linchada por unha turba composta por homes brancos en Columbus, Mississippi o 15 de decembro de 1915.
Chicago é a cidade máis poboada do estado estadounidense de Illinois, así como dos estados da rexión xeográfica do Medio Oeste. Cunha poboación de 2 746 388 habitantes, segundo datos de 2020, é a terceira cidade máis poboada dos Estados Unidos de América, despois de Nova York e Os Ánxeles. A súa área metropolitana posúe máis de 9 millóns de habitantes.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
A liga dos cantantes extraordinarios
A Liga dos cantantes extraordinarios é un programa musical emitido na TVG no que compiten cantantes de orquestra.
Un tambor é un instrumento de percusión pertencente á familia dos membranófonos segundo o sistema de clasificación de Hornbostel-Sachs. Consta dunha caixa de resonancia, xeralmente de forma cilíndrica, e unha, ou dúas membranas, chamadas parches, que cobren as aperturas da caixa. Doutra banda, e sobre todo no linguaxe coloquial, a palabra tambor aplícase tamén a outros instrumentos de percusión que non son membranófonos senón idiófonos; son exemplos o tambor de corte ou tambor de madeira que en realidade é un tronco baleiro;ou tamén, en inglés, o steel drum (traducido: tambor de aceiro) que tamén é un idiófono.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Coalición Democrática (CD) foi unha coalición electoral española formada en 1979 para concorrer ás eleccións xerais, trala aprobación da Constitución en decembro do ano anterior. Nun primeiro momento adoptou o nome de Confederación Democrática Española. A coalición agrupaba a diversos partidos de centro dereita: Alianza Popular, de Manuel Fraga, Acción Ciudadana Liberal, de José María de Areilza e Alfonso Osorio, Partido Demócrata Progresista, Renovación Española e Partido Popular de Cataluña, de Luis Montal.
O termo nacións celtas fai referencia a uns territorios (nacións a maior parte das veces sen estado propio) do oeste da Europa Occidental que comparten o uso de linguas celtas e/ou trazos culturais atribuibles á devandita cultura. Neste contexto, o termo "nacións" cobra significado entendendo este como un colectivo étnico de persoas asociado historicamente a un territorio raíz e que comparten unha identidade común propia, manifestada ben na lingua, ben na cultura ou na mentalidade propia común.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 222.611.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Till Lindemann, nado o 4 de xaneiro de 1963 en Leipzig, antiga República Democrática Alemá, é un cantante, compositor, músico, actor, poeta e pirotécnico alemán. É moi coñecido por ser o vocalista principal e líder da banda alemá de Neue Deutsche Härte Rammstein. Destaca pola súa complexión física, actuacións escénicas únicas (incluíndo o uso da pirotecnia e un movemento específico coñecido como "The Till Hammer"), e a súa voz de baixo.
Tadjiikistán ou Taxikistán (en taxico: Тоҷикистон), oficialmente a República de Tadjiikistán (en taxico: Ҷумҳурии Тоҷикистон, Jumhurii Tojikiston) é un país montañoso e sen saída ó mar que se atopa en Asia Central, cunha área de 143 100 km² e unha poboación estimada de 9 275 828 persoas (2019). Ten fronteiras con Afganistán polo sur, a China polo leste, Kirguizistán polo norte e Uzbekistán polo oeste. A patria tradicional do pobo taxico inclúe a actual Tadjiikistán así como partes de Afganistán e Uzbekistán.
The Legend of Zelda é a epígrafe baixo a que se agocha unha das sagas máis rendibles e famosas da historia dos videoxogos. Creada nos anos 80 por Shigeru Miyamoto e Taqueshi Tezuka para a compañía Nintendo, pronto alcanzaría unha gran fama entre os xogos de acción e aventura. A historia conta como un rapaz da fraga de Kokiri (chamado Link) ten a misión de salva-lo mundo (Hyrule) ou ben rescatar á princesa Zelda.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
En química orgánica física, un sistema conxugado é un sistema de orbitais p conxugados con electróns deslocalizados nunha molécula, que en xeral rebaixa a enerxía global da molécula e incrementa a súa estabilidade. Represéntase convencionalmente con enlaces covalentes simples e múltiples alternantes (enlaces conxugados). Poden formar parte do sistema os pares solitarios, radicais ou ións carbenio, que poden ser cíclicas, acíclicas, lineal ou mixtas.
Lalín é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á Comarca de Deza. O municipio tiña unha poboación de 20.277 habitantes (2024), repartida entre o núcleo urbano, onde viven algo máis de 10.000 persoas, e as 47 parroquias do rural. Lalín é a capital e a vila principal da súa comarca e o noveno concello máis poboado da provincia, despois da Estrada.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Google Scholar é un motor de busca de Google enfocado e especializado na busca de contido e bibliografía científico-académica. O sitio indexa editoriais, bibliotecas, repositorios, bases de datos bibliográficas, entre outros; e entre os seus resultados pódense atopar citas, ligazóns a libros, artigos de revistas científicas, comunicacións e congresos, informes científico-técnicos, teses, tesiñas e arquivos depositados en repositorios. Foi lanzado ao público en versión Beta o 19 de novembro de 2005. O índice inclúe todos aqueles documentos accesibles na Web que cumpran cunha serie de requisitos técnicos.
Escandinavia é a rexión cultural e histórica da Península Escandinava. Os países escandinavos son Noruega, Suecia e Dinamarca, que se recoñecen mutuamente como partes da Escandinavia. O rótulo colectivo "Escandinavia" reflicte a similitude cultural, e mailos fortes lazos históricos, entre eses países a pesar da súa independencia política.
San Paio Mártir, nado en Albeos (Crecente, daquela parte do condado de Turonia, no Reino de Galicia) no ano 911 e finado en Córdoba o 26 de xuño de 925, foi un rapaz cristián galego martirizado durante o califato de Abd al-Rahman III e canonizado posteriormente pola Igrexa católica, como exemplo de virtude da castidade xuvenil. O seu día no santoral católico é o 26 de xuño.
O diadema de Moñes (antigamente de Ribadeo) é unha xoia de ouro da cultura castrexa, atopado en Moñes, no concello asturiano de Piloña. Está datada cara aos séculos III ou II a. C. A peza está formada por unha ancha lámina rectangular, dividida en dúas bandas horizontais, con baixorrelevos que representan escenas nas que aparecen guerreiros a pé e a cabalo, armados con puñais curtos e lanzas, con escudos pequenos e cascos de cornos ou penachos, personaxes (quizais divindades cornudas) portando grandes caldeiros ou ánforas (nunha probable analoxía co caldeiro de Gundestrup) e un pequeno poldro.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Un wiki é unha aplicación web que permite aos internautas engadir, modificar ou borrar contido mediante software colaborativo que permite a edición colectiva dos documentos usando un sistema sinxelo sen que teña que ser revisado antes da súa publicación, toma o seu nome dunha palabra hawaiana que significa rápido. O meirande wiki do mundo é a Wikipedia, que ten o obxectivo de elaborar unha enciclopedia libre.[Cómpre referencia] O obxectivo dunha wiki é democratizar un pouco a creación e mantemento das páxinas; ou eliminar a "síndrome dun só webmaster".[Cómpre referencia] O potencial do wiki radica na non necesidade de aprender a usar complicadas etiquetas en HTML para escribir de xeito sinxelo documentos e establecer enlaces no sitio web.
Felipe González Márquez, nado en Sevilla o 5 de marzo de 1942, é un avogado, profesor universitario e político andaluz, secretario xeral do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) dende 1974 até 1997 e terceiro presidente do Goberno de España dende a reinstauración da democracia, entre 1982 e 1996.
Xurxo III do Reino Unido, nado co nome de George William Frederic de Hannover o 4 de xuño de 1738 e finado o 29 de xaneiro de 1820, foi Rei da Gran Bretaña desde 1760 ata 1801. A partir da Acta de Unión de 1800, Xurxo III pasou a ser Rei do Reino Unido. Foi tamén Duque de Brunswick-Lüneburg e, a partir de 1814, Rei de Hannover.
Iuri Alexeievitch Gagarin (en ruso Юрий Алексеевич Гагарин; [ˈjʉrʲɪj ɐlʲɪˈksʲejɪvʲɪtɕ ɡɐˈɡarʲɪn]), nado en Klushino (óblast de Smolensk) o 9 de marzo de 1934 e finado preto de Novosiolovo (óblast de Vladimir) o 27 de marzo de 1968, heroe da Unión Soviética, foi un cosmonauta ruso que, o 12 de abril de 1961, marcou a historia da humanidade e da exploración espacial ao converterse no primeiro ser humano que viaxou ao espazo exterior, realizando un voo orbital completo arredor da Terra, a bordo da nave espacial Vostok 1. Gagarin converteuse nunha celebridade internacional, e foi galardoado con diferentes medallas e honores, como o de Heroe da Unión Soviética, o honor máis elevado da nación. A Vostok 1 foi a súa única misión espacial, aínda que ocupou un cargo na tripulación de recambio da misión Soiuz 1 (que terminou en accidente).
Antonio Couceiro Méndez, nado na Coruña o 18 de decembro de 1955, é un político e dirixente galego. Foi conselleiro de Industria e Comercio durante o goberno de Manuel Fraga, entre 1994 e 1999, e deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Popular entre 1997 e 1999. Ten ocupado presidencias e cargos nos consellos de administración de numerosas institucións, tanto públicas coma privadas.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
Un concilio ecuménico é unha reunión dos bispos de toda a Igrexa para decidir sobre asuntos doutrinais. Os ortodoxos aceptan os primeiros sete, algúns teólogos ortodoxos tamén o 8º e o 9º, as igrexas ortodoxas orientais os tres primeiros, os católicos 21, algunhas confesións protestantes, como os luteranos ou os metodistas aceptan os primeiros sete con reservas, e os anglicanos tamén os primeiros sete, aínda que o 7º xera controversias no seu seo. Ao longo de toda a historia, os concilios ecuménicos teñen xogado un papel moi importante na fixación da doutrina eclesiástica.
Lista de concellos de España por poboación
En España, a 31 de decembro de 2016, existen 8.124 concellos, repartidos polas cincuenta provincias, Ceuta e Melilla e cuxos datos oficiais de poboación son recollidos polo Instituto Nacional de Estadística.. Nos últimos anos houbo variacións no número de concellos: apareceron novos concellos segregados doutro anteriores e tamén fusións entre concellos previamente existentes. Durante 2014: Montecorto, segregado de Ronda, na provincia de Málaga.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2026, 72 autores (14 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 64 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Turonio é unha rexión xeográfica do suroeste de Galicia con entidade de seu durante a Idade media, cuxa extensión e límites non ten até de agora consenso entre os investigadores. O Cronicón de Hidacio sinálaa como terra invadida polos vándalos cara ao ano 445, co nome de Turonium. Un século despois, o Parochiale suevorum menciónaa como unha das igrexas con vencello á sé de Tui e co nome de Turonio.
As rexións pseudoautosómicas, PAR1 e PAR2 son secuencias homólogas de nucleótidos situadas nos cromosomas X e Y. (PAR = Pseudoautosomal Region). As rexións pseudoautosómicas reciben ese nome porque calquera xene localizado neles (ata agora descubríronse 29) hérdase igual que calquera xene autosómico. A PAR1 comprende 2,6 Mpb do extremo do brazo curto dos cromosomas X e Y dos humanos e simios (os cromosomas X e Y teñen 155 Mpb e 59 Mpb, respectivamente, en total).
Os Apalaches (en inglés Appalachians) é un sistema montañoso de América do Norte que vai de Terra Nova e Labrador (Canadá) ata o centro de Alabama (Estados Unidos), aínda que a parte máis setentrional dos mesmos morre na península de Gaspé, no Quebec. Constitúen o elemento morfolóxico máis destacable da parte oriental de América do Norte. Trátanse de montañas antigas formadas no Paleozoico con relevos suavizados pola prolongada acción dos axentes esóxenos.
O Imperio Romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sáhara.
Os Premios Feroz son uns galardóns de cine español, creados en novembro de 2013 pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) con carácter anual para recoñecer o mérito e a calidade das producións españolas. A primeira cerimonia de entrega de premios celebrouse o 27 de xaneiro de 2014. A intención destes premios é converterse na antesala dos Premios Goya, o que lles valeu o nome de Globos de Ouro españois.