Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Filipinas —oficialmente, República de Filipinas (tagalo: Republika ng Pilipinas; inglés: Republic of the Philippines)— é un país insular (véxase arquipélago) situado no sueste asiático, sobre o océano Pacífico. A súa capital é Manila. Ao norte atópase separado da illa de Taiwán polo estreito de Luzón; ao oeste áchase o mar da China Meridional, tamén coñecido como o mar de Filipinas Occidental e Vietnam; ao suroeste, a illa de Borneo; ao sur, o mar de Célebes sepárao das illas de Indonesia, e o leste limita co mar de Filipinas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Ascocarpo, ou ascoma, é a designación que se dá en micoloxía ao corpo frutífero característico dos fungos pertencentes ao filo Ascomycota (ascomicetos), no cal se inclúen diversas especies formadoras de liques. Os esporocarpos destes fungos son estruturas reprodutivas complexas, compostas por hifas entrelazadas e firmemente compactadas, na superficie interior das cales se desenvolven millóns de ascos, un tipo específico de estrutura formada por células reprodutivas que cando maduran orixinan caracteristicamente oito ascósporas. En moitos ascomas, os ascos forman unha capa designada himenio ou capa himenial.
Un tambor é un instrumento de percusión pertencente á familia dos membranófonos segundo o sistema de clasificación de Hornbostel-Sachs. Consta dunha caixa de resonancia, xeralmente de forma cilíndrica, e unha, ou dúas membranas, chamadas parches, que cobren as aperturas da caixa. Doutra banda, e sobre todo no linguaxe coloquial, a palabra tambor aplícase tamén a outros instrumentos de percusión que non son membranófonos senón idiófonos; son exemplos o tambor de corte ou tambor de madeira que en realidade é un tronco baleiro;ou tamén, en inglés, o steel drum (traducido: tambor de aceiro) que tamén é un idiófono.
Walter Elias "Walt" Disney, nado en Chicago o 5 de decembro de 1901 e finado en Burbank (California) o 15 de decembro de 1966, foi un debuxante, produtor, director e guionista de filmes estadounidense. Un dos produtores cinematográficos máis coñecidos do mundo, Disney foi tamén un debuxante de banda deseñada e caricaturista en xornais, creador do parque de atraccións coñecido como Disneyland, e é o fundador, xunto co seu irmán Roy O. Disney da compañía Walt Disney Productions, que anos despois se converteu na máis soada produtora do campo da animación e na actualidade é a maior compañía de medios de comunicación e entretemento do mundo. Esta corporación, que se coñece hoxe co nome de The Walt Disney Company, é unha empresa multimillonaria con ingresos anuais de decenas de miles de millóns de dólares.
O Imperio Romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sáhara.
A Costa da Morte é a franxa costeira galega que gañou ese nome polos numerosos naufraxios acontecidos no século xix e comezos do século xx e que se popularizaron a través da literatura galega e inglesa. Un dos naufraxios de máis repercusión nos medios foi o dos mariñeiros do Serpent, que naufragaron en 1890 e se enterraron no Porto do Trigo, Trece. Algunhas veces a Costa da Morte foi delimitada como a costa que vai desde o cabo Fisterra ata as illas Sisargas, en Malpica, e outras mesmo desde Muros ata A Coruña.
Louis Henry (Henri) Sullivan, nado o 3 de setembro de 1856 en Boston e finado o 14 de abril de 1924, foi un arquitecto estadounidense, considerado un dos pais da Arquitectura Moderna. É considerado por moitos como o creador do moderno rañaceos. Foi un influente arquitecto e crítico pertencente á Escola de Chicago.
A olaría de Bonxe aséntase en Outeiro de Rei (provincia de Lugo), onde no século XIX e ata mediados do XX boa parte dos fogares dispuñan de cadanseu obradoiro. As pezas teñen cor crema cun ton máis alaranxado de seren vitrificadas. Adoitan levar unha decoración pintada con barro branco en forma de fita con medias lúas que as caracteriza.
Lista de concellos de España por poboación
En España, a 31 de decembro de 2016, existen 8.124 concellos, repartidos polas cincuenta provincias, Ceuta e Melilla e cuxos datos oficiais de poboación son recollidos polo Instituto Nacional de Estadística.. Nos últimos anos houbo variacións no número de concellos: apareceron novos concellos segregados doutro anteriores e tamén fusións entre concellos previamente existentes. Durante 2014: Montecorto, segregado de Ronda, na provincia de Málaga.
O portugués é unha lingua romance nada na alta Idade Media na Gallaecia, que agora é Galiza e o norte de Portugal. Estendeuse polo mundo nos séculos XV e XVI, na época en que Portugal fundou un imperio colonial, incluíndo o Brasil en Suramérica, Goa na India e Macau na China. Daquela xurdiron tamén varias linguas crioulas baseadas no portugués, sobre todo en África, Asia e o Caribe.
Leopoldo I, Sacro Emperador Romano-Xermánico
Leopoldo I de Habsburgo, nado en Viena o 9 de xuño de 1640 e finado na mesma cidade o 5 de maio de 1705). Foi Rei de Hungría desde 1655 e de Bohemia un ano despois, Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico desde 1658. Era fillo de Fernando III e da súa primeira muller María Ana de España, filla do Rei Filipe III de España.
Un aborto (do latín abortus) é a expulsión prematura do útero do embrión ou do feto, antes de que o feto sexa viable ou que a xestación haxa chegado entre as vinte e as vinte-e-oito semanas. A interrupción pode ser provocada con asistencia médica ou sen ela, e en calquera circunstancia social ou legal. A verba provén do verbo latino aborto, que significa rematar, apagarse, deixar de vivir.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
The Legend of Zelda é a epígrafe baixo a que se agocha unha das sagas máis rendibles e famosas da historia dos videoxogos. Creada nos anos 80 por Shigeru Miyamoto e Taqueshi Tezuka para a compañía Nintendo, pronto alcanzaría unha gran fama entre os xogos de acción e aventura. A historia conta como un rapaz da fraga de Kokiri (chamado Link) ten a misión de salva-lo mundo (Hyrule) ou ben rescatar á princesa Zelda.
Un astrolabio é un instrumento antigo usado con fins astrolóxicos e astronómicos coma medir a altura dos astros por riba do horizonte. Foi inventado por Hipatia de Alexandría, e máis tarde foi simplificado e substituído polo sextante. Tamén era utilizado para resolver problemas xeométricos, como calcular a altura dun edificio ou a profundidade dun pozo.
Os pobos indíxenas de América, tamén chamados amerindios, indios ou nativos americanos son os nomes dados ós habitantes das Américas antes da chegada dos europeos, e os seus descendentes actuais. A hipótese máis aceptada para a súa orixe é que os primeiros habitantes da América viñeran de Asia atravesando a pé o estreito de Bering. Malia que algúns pobos indíxenas de América eran tradicionalmente cazadores recolectores, especialmente na bacía do río Amazonas, aínda quedan moitos grupos que practican a acuicultura e a agricultura.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha). A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Xurxo III do Reino Unido, nado co nome de George William Frederic de Hannover o 4 de xuño de 1738 e finado o 29 de xaneiro de 1820, foi Rei da Gran Bretaña desde 1760 ata 1801. A partir da Acta de Unión de 1800, Xurxo III pasou a ser Rei do Reino Unido. Foi tamén Duque de Brunswick-Lüneburg e, a partir de 1814, Rei de Hannover.
O calcio en bioloxía exerce importantes funcións. En forma de ión calcio (Ca2+) contribúe á fisioloxía e bioquímica das células dos seres vivos. Xoga un importante papel nas vías de transdución de sinais, onde actúa como segundo mensaxeiro, na liberación de neurotransmisores desde as neuronas, na contracción de todos os tipos de células musculares e na fecundación dos óvulos.
Vladimir Sergeyevich Soloviev (ruso: Влади́мир Серге́евич Соловьёв), nado en Moscova o 16 de xaneiro de 1853 e finado o 31 de xullo de 1900, foi un poeta, pensador e teólogo ruso. En oposición ao positivismo e ao racionalismo europeo, Soloviev intentou desenvolver unha teoría unificada da ciencia, a ética e a relixión, superando tamén o cisma entre o catolicismo e o cristianismo ortodoxo.
Somalia (somalí: Soomaaliya, árabe: الصومال, As-Sumal) é un país africano do Corno de África, limitado ao norte por Djibuti e polo Golfo de Adén, do outro lado do cal se atopa o Iemen, ao leste e ao sur polo océano Índico, por onde fai fronteira cun arquipélago iemení dominado pola illa de Socotorá e ao oeste por Kenya e por Etiopía. A súa capital é Mogadixo. Somalia é o único país africano no que toda a poboación fala soamente unha lingua, o somalí.
A poesía é unha forma de literatura que emprega as calidades estética e rítmica da linguaxe, como a eufonía, o simbolismo fonético e a prosodia, para evocar significados engadidos ou o significado prosaico. A poesía ten unha longa historia que se remonta á Epopea de Gilgamesh sumeria. Os poemas máis antigos evolucionaron dende cancións populares, como o Shijing chinés, ou dende a necesidade de recoller a tradición das lendas orais, como os Vedas sánscritos, os Gathas zoroastras ou os poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea.
Carolina do Norte (North Carolina en inglés) é un dos estados que conforman os Estados Unidos de América. Carolina do Sur foi unha das Trece Colonias que se rebelou contra o goberno británico na Guerra de Independencia dos Estados Unidos, e o fogar da primeira colonia británica en América. Está situado na rexión Sur e limita ao oeste con Tennessee, ao sur con Carolina do Sur, ao suroeste con Xeorxia, ao norte con Virxinia e ao leste co océano Atlántico.
Afonso Froilaz foi rei de León e de Galiza durante un breve lapso de tempo, entre 925 e 926; tan desafortunado foi que a historia nin sequera o rexistra cun ordinal para acompañar o nome. A súa situación na cronoloxía dos "Reis de León" foi estabelecida só no século XX por Claudio Sánchez-Albornoz apoiándose en dous textos do século X, a nómina "rotense" e a "vigilana".
Denomínase arquitectura vernácula, arquitectura tradicional ou arquitectura popular a todo tipo de arquitectura no que se empregan materiais e recursos da propia contorna na que a edificación é construída. Dese xeito, presenta carácter local ou rexional. É a arquitectura das clases populares, sen arquitectos nin planos, realizada polos propios usuarios ou por artesáns con escasa instrución, que constrúen diversos tipos de edificios, basicamente as vivendas das áreas rurais, así coma diversos tipos de edificacións ou elementos auxiliares (muros, estradas, pontes, muíños, lavadoiros, fontes, hórreos, pozos, eiras, palleiras, pendellos etc.) Normalmente se relaciona co mundo rural agrícola.
O dada ou dadaísmo foi un movemento artístico xurdido en Europa (Suíza) e en Norteamérica en 1915, que se caracterizou por acenos e manifestacións provocadoras en que os artistas pretendían destruír tódalas convencións con respecto á arte, creando unha antiarte. As intencións do grupo eran basicamente a internacionalización da arte e a propagación da arte abstracta. Archipenko era considerado unha guía irrefutable en cuestións plásticas.
Iuri Alexeievitch Gagarin (en ruso Юрий Алексеевич Гагарин; [ˈjʉrʲɪj ɐlʲɪˈksʲejɪvʲɪtɕ ɡɐˈɡarʲɪn]), nado en Klushino (óblast de Smolensk) o 9 de marzo de 1934 e finado preto de Novosiolovo (óblast de Vladimir) o 27 de marzo de 1968, heroe da Unión Soviética, foi un cosmonauta ruso que, o 12 de abril de 1961, marcou a historia da humanidade e da exploración espacial ao converterse no primeiro ser humano que viaxou ao espazo exterior, realizando un voo orbital completo arredor da Terra, a bordo da nave espacial Vostok 1. Gagarin converteuse nunha celebridade internacional, e foi galardoado con diferentes medallas e honores, como o de Heroe da Unión Soviética, o honor máis elevado da nación. A Vostok 1 foi a súa única misión espacial, aínda que ocupou un cargo na tripulación de recambio da misión Soiuz 1 (que terminou en accidente).
En morfoloxía lingüística, sufixo é o morfema derivativo ou afixo que se engade despois do lexema, raíz ou tema dunha palabra e antes dos morfemas constitutivos para engadirlle a este unha información suplementaria. A palabra nova así formada denomínase palabra derivada, e o mecanismo polo cal se fai coñécese como derivación.
Un cnidoblasto, tamén chamado cnidocito ou nematocito é unha célula urticante característica da epiderme dos animais cnidarios (medusas, anemones, corais, hidras), que cando se toca explota liberando veleno contido nun orgánulo secretor xigante chamado cnidociste, cnida ou nematociste. Debe terse presente a diferenza terminolóxica indicada entre a célula completa e o orgánulo que se dispara e segrega e inxecta o veleno. Os cnidocistes que posúen os cnidocitos utilízanse para a captura das presas e a defensa dos depredadores.
IES Eduardo Blanco Amor de Ourense
O IES Eduardo Blanco Amor de Ourense é un centro de ensino secundario que imparte ESO e Bacharelato, dentro da rede pública de centros da Xunta de Galicia. O seu nome honra a memoria do autor Eduardo Blanco Amor, natural da cidade. Está localizado no núcleo urbano, no barrio da Ponte.
Niccolò Paganini foi un violinista e compositor que naceu en Xénova o 27 de outubro de 1782 e finou en Niza o 27 de maio de 1840, foi un dos máis famosos virtuosos da súa época e é considerado coma un dos mellores violinistas de tódolos tempos. A súa perfección técnica era moi elevada: técnicas de arco expresivas e innovacións no uso do staccato e do pizzicato, xunto cun oído absoluto e unha entoación perfecta. As súas obras máis coñecidas son os Caprichos (numerados dende o 1 até o 24).
Máis do 99,2% dos colombianos falan a lingua castelá; tamén se falan no país 65 linguas indíxenas, dúas linguas crioulas e o romaní. O inglés ten status oficial no Arquipélago de San Andrés, Providencia e Santa Catalina. Incluíndo o castelán, a base de datos Ethnologue nomea 101 linguas en Colombia.
O diadema de Moñes (antigamente de Ribadeo) é unha xoia de ouro da cultura castrexa, atopado en Moñes, no concello asturiano de Piloña. Está datada cara aos séculos III ou II a. C. A peza está formada por unha ancha lámina rectangular, dividida en dúas bandas horizontais, con baixorrelevos que representan escenas nas que aparecen guerreiros a pé e a cabalo, armados con puñais curtos e lanzas, con escudos pequenos e cascos de cornos ou penachos, personaxes (quizais divindades cornudas) portando grandes caldeiros ou ánforas (nunha probable analoxía co caldeiro de Gundestrup) e un pequeno poldro.
Johannes Kepler, nado o 27 de decembro de 1571 en Weil der Stadt (Baden-Württemberg) e finado o 15 de novembro de 1630 en Ratisbona, foi un astrónomo e matemático alemán e unha figura clave na revolución científica do século XVII, coñecido sobre todo polas súas leis do movemento planetario, e os seus libros Astronomia nova, Harmonice Mundi e Epitome Astronomiae Copernicanae, influíndo entre outros en Isaac Newton, proporcionandolle unha das bases para a súa teoría da gravitación universal. A variedade e repercusión dos seus traballos converteron a Kepler nun dos fundadores e pais da astronomía moderna, do método científico e das ciencias naturais. Kepler foi profesor de matemáticas nun seminario de Graz, onde se converteu en socio do príncipe Hans Ulrich von Eggenberg.
A educación a distancia é unha modalidade educativa na que o alumnado (discente) non comparte o mesmo espazo físico có profesorado (docente) durante o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe. Existen numerosas experiencias e modelos de educación a distancia no mundo enteiro que varían tanto polo tipo de contidos ensinados como polos medios utilizados. Os medios utilizados para a comunicación educativa ou para os recursos didácticos adoitan dar identidade a cada sistema.
Os fitocromos son unha clase de fotorreceptores en plantas, bacterias e fungos usados para detectar a luz. Son sensibles á luz na rexión do vermello e vermello distante (=infravermello próximo) do espectro visible e poden ser clasificados como de tipo I, que son activados pola luz do vermello distante, ou de tipo II que son activados pola luz vermella. Avances recentes suxeriron que os fitocromos tamén actúan como sensores de temperatura, xa que as temperaturas máis cálidas potencian a súa desactivación.
Bahrain (en árabe: البحرين; al-Baḥrayn), tamén coñecido como o Reino de Bahrain (en árabe: مملكة البحرين Mamlakat al-Baḥrayn), é un país do Oriente Medio. É un dos máis pequenos da rexión e está integrado por cinco illas, das cales a maior é a illa de Bahréin e 50 illas naturais e 33 illas artificiais adicionais, centradas na illa de Bahrain que representa ao redor do 83 por cento da masa terrestre do país. Está situado no Golfo Pérsico, compartindo fronteiras marítimas con Qatar polo sur e o leste; e con Arabia Saudita polo oeste e o noroeste, unidos pola Ponte do Rei Fahd.
O Coloso de Rodas foi unha estatua de Helios, deus grego do Sol, construída entre o ano 292 a.C. e o 280 a.C., polo escultor Chares de Lindos. A estatua tiña 32 metros de alzada, semellante á actual Estatua da Liberdade de Nova York, setenta toneladas de peso, feita integramente con placas de bronce sobre un armazón de ferro. O Coloso de Rodas tornouse nunha das Sete marabillas do mundo, mais todo o que se coñece sobre esta estatua débese ás novas que deixaron os escritores antigos Polibio, Estrabón e Plinio, e ás crónicas bizantinas de Constantino VII Porfiroxénito.
A chuvia ou choiva é un fenómeno físico que consiste na precipitación de auga sobre a superficie da Terra. Este tipo de meteoro fórmase nas nubes. Non todas as choivas chegan ao chan: algunhas evapóranse mentres están aínda a caer, nun fenómeno que recibe o nome de virga e acontece principalmente en períodos locais de ar seco.
O Galatasaray Spor Kulübü é un club deportivo turco de Istambul, fundado en 1905 por Ali Sami Yen. O seu equipo de fútbol actualmente compite na Superliga de Turquía e o seu campo é o estadio Ali Sami Yen, con capacidade para 23.785 espectadores. O equipo de baloncesto é coñecido por motivos de patrocinio como Galatasaray Medical Park.
Yitzhak Rabin ou Isaac Rabin ( יִצְחָק רַבִּין en hebreo ), nado en Xerusalén o 1 de marzo de 1922 e finado en Tel Aviv o 4 de novembro de 1995, foi un político e militar israelí. Foi o quinto primeiro ministro de Israel entre 1974 e 1977 e de novo entre 1992 e o seu asasinato en 1995, perpetrado por Yigal Amir.
América precolombiana, era precolombiana e culturas precolombianas son termos que inclúen os períodos da historia e da prehistoria de América antes da aparición da influencia europea no continente, unha época que abrangue dende o poboamento orixinal no Paleolítico superior até a colonización europea durante a Idade Moderna. Malia que o termo se refire literalmente ó tempo precedente á chegada de Cristovo Colón en 1492, na práctica emprégase a expresión para facer referencia á historia das culturas indíxenas de América até que estas culturas foron exterminadas, menosprezadas ou alteradas polos europeos, mesmo se isto ocorreu décadas ou séculos despois da primeira chegada de Colón. Por este motivo os termos América precontacto, América precolonial ou América prehistórica tamén teñen certo uso.
Quíos (grego: Χίος, turco: Sakız Adası traducións alternativas Quío, Khios, Chiou, Chíos ou Híos) é a quinta illa grega máis grande, situada no mar Exeo está separada polo estreito de Cesme a sete quilómetros da costa de Anatolia en Turquía. Quíos é famosa polas súas exportacións de goma de masilla, as olivas, os figos e o viño. O seu alcume é A illa da masilla.
Blade Runner é un filme de ciencia ficción, cyberpunk e cinema negro de 1982 dirixido por Ridley Scott e protagonizado por Harrison Ford, Rutger Hauer, Sean Young, Edward James Olmos e Daryl Hannah. O guión, escrito por Hampton Fancher e David Peoples, foi unha adaptación libre da novela de 1968 Soñan os androides con ovellas eléctricas? de Philip K. Dick.
Papúa-Nova Guinea ou Papúa Nova Guinea (en tok pisin: Papua Niugini; en hiri motu: Papua Niu Gini) é un país de Oceanía que ocupa a metade oriental da Illa de Nova Guinea, e unha serie de illas e arquipélagos, ao leste e ao nordeste, aínda que sempre na Melanesia. A única fronteira terrestre que ten é con Indonesia, ao oeste, mais ten fronteiras marítimas con Palau e mailos Estados Federados de Micronesia, ao norte, coas Illas Salomón, ao sueste, e con Australia, a través do Mar de Coral, o Estreito de Torres e o Mar de Arafura, ao sur. A súa capital é Port Moresby.
Bandua foi un dos principais deuses dos galaicos e lusitanos, considerado o deus da guerra e vinculado á tradición céltica centroeuropea. Está encadrado polos investigadores como un deus indoeuropeo da primeira función (segundo estudos de Georges Dumézil). Estes deuses caracterízanse por usar a "maxia dos lazos", pola cal ataba os seus inimigos ou vinculaban maxicamente os seus seguidores.
Omán é un país situado no extremo oriental da Península da Arabia. Está constituído por dous territorios descontinuos: o máis pequeno é a Península de Musandam e mailos territorios veciños, no Estreito de Ormuz, separados do resto de Omán polos Emiratos Árabes Unidos. O resto e meirande parte do país está á sueste da Arabia Saudita.
Shōjo (kanji: 少女, hiragana: しょうじょ) é un tipo de manga e de anime dirixido realmente a mozas (de feito, a palabra literalmente significa "mociña"), aínda que pode interesarlle tamén ós mozos. Tradicionalmente, o shōjo céntrase nas historias de amor e nun forte protagonismo feminino, aínda que algunhas combinan elementos doutros xéneros para atraer a grupos máis variados de persoas, este tipo coñécese como Mahō shōjo, exemplo do cal é Sailor Moon.