Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O sapoconcho común (Emys orbicularis) é unha tartaruga da familia Emydidae e única representante do xénero Emys, que se atopa no centro e sur de Europa, Asia Occidental, Norteamérica e a zona mediterránea de África. Vive preto ou en cursos de auga cuxa corrente sexa lenta e inverna durante máis de sete meses ao ano no fondo da auga. É unha tartaruga de tamaño medio e varía segundo as zonas entre 12 e 38 cm de lonxitude.
O Miño (en portugués: Minho) é o río máis longo de Galicia, cunha lonxitude de 315 km.e tamén o río máis caudaloso, cunha conca fluvial de 12.486 quilómetros cadrados (sobre os pouco máis de 29.000 de toda Galicia). Atravesa as provincias galegas de Lugo, Ourense e Pontevedra e baña o norte do distrito portugués de Viana do Castelo ata desembocar no Océano Atlántico, entre o municipios da Guarda e Caminha. Pasa, entre outros sitios, polas cidades de Lugo e Ourense e polas vilas de Rábade, Portomarín, Ribadavia, Melgaço, Salvaterra de Miño, Monção, Tui, Valença do Minho e Vila Nova de Cerveira.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Marquesado de Santa Cruz de Ribadulla
O Marquesado de Santa Cruz de Ribadulla (ou Rivadulla) é un título nobiliario instituído polo rei Carlos II, outorgado o 8 de marzo de 1683 ao nobre galego Andrés Ibáñez de Mondragón y Ozores de Sotomayor. Os seus titulares foron: Andrés Ibáñez de Mondragón Juan Ignacio de Armada y Mondragón Ignacio Antonio Armada y Salgado Juan Ignacio Armada y Mondragón Juan Ignacio Armada Mondragón y Caamaño Juan Antonio Armada Mondragón y Guerra Iván de Armada y Fernández de Córdoba Luís Gonzaga Armada y de los Ríos Enríquez Alfonso Armada Comyn Juan Armada y Díez de Rivera, actual marqués.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
A bioconxugación é o establecemento de enlaces covalentes estables entre dúas moléculas, das cales polo menos unha é unha biomolécula. Os métodos para conxugar biomoléculas aplícase en varios eidos da medicina, diagnóstico, biocatálise e materiais. As biomoléculas modificadas sinteticamente poden ter diersas funcionalidades, como rastrear eventos celulares, revelar a función de encimas, determinar a biodistribución de proteínas, biomarcadores específicos para ober imaxes, e entregar fármacos a células diana.
Véxase tamén O muíño na cultura popular galega A seguir recóllense os refráns que fan alusión ó pan, sexa pantrigo ou pan de centeo, pero tamén ó trigo, a fariña, o forno, ós panadeiros, etc. Debe terse en conta que en ocasións se utiliza o nome de pan para designar outros gran, como o centeo, e mesmo o cereal aínda no campo. A anguía en empanada e a lamprea escabechada .
A primeira guerra mundial (en adiante IGM), tamén coñecida como a Gran Guerra, foi un conflito bélico do século XX. Desenvolveuse entre o verán do 1914 e o outono de 1918 e involucrou uns trinta países, polo que se considera o primeiro conflito global da historia, malia estar centrado, fundamentalmente, en Europa. A teor do número de mobilizados (sesenta e cinco millóns de soldados) e falecidos, calculado en vinte millóns de persoas entre soldados e civís, é o segundo maior enfrontamento armado da historia, só por detrás da Segunda guerra mundial. A guerra enfrontou a dúas grandes alianzas: o bando aliado contra as potencias centrais.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol. Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural e dos lumes forestais. O elenco está composto por actores non profesionais da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.
Francesco Tonucci, nado en Fano en 1940, tamén coñecido polo alcume de "Frato", é un pensador, psicopedagogo e debuxante italiano impulsor de La città dei bambini (A cidade dos nenos) desde a área de psicoloxía e cognición en que traballa. Promoveu diversas iniciativas para fomentar a participación de nenos, como o camiño escolar ou o consello da infancia. Declárase admirador de Gianni Rodari e amante da arte.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 222.763.
Carolina Iglesias, tamén coñecida como Percebes y Grelos, nada en Oleiros o 8 de agosto de 1993, é unha humorista, guionista e youtubeira feminista galega. En 2021, foi recoñecida co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo en prol dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón.
Un complexo de pre-replicación (pre-RC) é un complexo proteico que se forma na orixe de replicación durante a etapa de inicio da replicación do ADN. A formación do complexo de pre-replicación é necesaria para que se produza a replicación do ADN e é unha parte moi importante do ciclo celular. Unha replicación completa e fiel do xenoma asegura que cada célula filla levará a mesma información xenética que a célula parental.
Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.
Evasión ou vitoria (en inglés: Escape to Victory; e estilizado como Victory) é un filme británico-estadounidense-italiano de 1981 dirixido por John Huston e protagonizado pot Sylvester Stallone, Michael Caine, Max von Sydow e Pelé. O filme conta a historia dun grupo de prisioneiros de guerra aliados que están recluídos nun campo nazi durante a segunda guerra mundial e que xogan un partido de fútbol contra un equipo alemán.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Zhengzhou (en chinés 郑州市) é a capital e a cidade máis grande da provincia de Henan, República Popular da China. Localizada na marxe sur do río Amarelo, esta cidade-prefectura ocupa unha área de 7.507 km² e, segundo o censo de 2010, conta cunha poboación de 8.626.505 habitantes. É unha das oito capitais antigas da China.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Debido ao intenso aproveitamento das plantas por parte dos humanos, o estudo das mesmas, ou botánica, é das especialidades do saber que deixou rexistros máis antigos. Os primeiros escritos sobre a historia da botánica de que se ten noticia corresponden a catálogos ou guías de plantas alimenticias ou medicinais. Un exemplo disto é o Libro de xardinería de Marduk-Apal-Iddina II (do século VIII a.
Sacro Imperio Romano Xermánico
O Sacro Imperio Romano Xermánico ou sinxelamente Sacro Imperio (en alemán: Heiliges Römisches Reich Deutscher Nation "Sacro Imperio Romano da Nación Alemá", en latín: Sacrum Romanum Imperium Nationis Germaniae "Sacro Imperio Romano das Nacións Xermánicas") foi a unión política dun conglomerado de estados da Europa central, que se mantivo dende a Idade Media até inicios da Idade Contemporánea. Formado en 962 da parte oriental das tres en que se repartiu o reino franco de Carlomagno en 843 mediante o tratado de Verdún, o Sacro Imperio foi a entidade predominante de Europa central durante case un milenio, até a súa disolución en 1806 por Napoleón Bonaparte. Cando a elección como emperador de Carlos V (28 de xuño de 1519) ademais dos territorios alemáns e de Holstein e Prusia, que con Riga chegaba até o golfo de Finlandia, o Sacro Imperio comprendía Bohemia, Moravia e Silesia, alcanzando con Krajina as costas do mar Adriático; polo oeste, pertencían a el, o condado libre de Borgoña (ou Franco Condado) e Savoia, aos que se sumaban Xénova, Lombardía e Toscana en terras italianas.
As tartarugas ou quelonios constitúen unha unha orde de réptiles caracterizados por teren un tronco ancho e curto e unha coiraza, cuncha ou envoltura que protexe os órganos internos do seu corpo, e que está formada por dúas capas —a superior (espaldar) e a inferior (peto ou plastrón), unidas por unha ponte— de ósos planos e que posúe orificios para a saída, por diante, da cabeza e as patas anteriores e, por detrás, das patas posteriores e a cola. Carecen de dentes pero teñen un peteiro córneo para colleren e esmagaren os alimentos. As tartarugas inclúen especies existentes (vivas) e extintas.
A seda é unha fibra natural formada por proteínas. Aínda que é producida por varios grupos de insectos, na actualidade só a seda dos casulos feitos polas larvas de Bombyx mori (verme da seda) se emprega para a fabricación industrial téxtil. Houbo algunhas investigacións en procura doutros tipos de sedas con distintas propiedades, que se diferencian no nivel molecular.
Walter Ray Allen, nado o 20 de xullo de 1975 en Merced (California), é un xogador profesional estadounidense de baloncesto que actualmente é axente libre. Antes de xogar no equipo de Massachusetts xogou nos Milwaukee Bucks, nos Seattle SuperSonics e nos Boston Celtics, pasando a súa etapa de formación na Universidade de Connecticut. É un dos mellores triplistas da historia da NBA, sendo tan só superado en triplas anotadas polo antigo xogador dos Indiana Pacers Reggie Miller.
A vacaloura (tamén existe a variante vacaloira), carouca, cornetán ou escornabois (Lucanus cervus) é un escaravello da familia Lucanidae de gran tamaño. Trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais. A larva deste insecto pasa dun a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos, e razón tamén de que non sexa común en terreos urbanos.
Kazakhstán, tamén chamado Kazakistán, Casaquistán ou Kazhakhstán, é un país fundamentalmente asiático, aínda que tamén inclúa unha rexión relativamente pequena que, xeograficamente, pertence á Europa: a área situada ao oeste do río Ural, o punto máis oriental do continente europeo. Limita ao norte e oeste con Rusia (6.846 quilómetros de fronteira), ao leste coa China (1.533 km), a sur co Kirguizistán (1.051 km), o Uzbekistán (2.203 km) e Turkmenistán (379 km) e a oeste co Mar Caspio. É o noveno país máis grande do mundo por superficie, mais ten unha densidade de 6 hab./km².
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente eurasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirât. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Agustina del Carmen Otero Iglesias, máis coñecida como a Bela Otero ou Carolina Otero, nada na parroquia de San Miguel de Valga do concello pontevedrés de Valga o 4 de novembro de 1868 e finada en Niza o 12 de abril de 1965, foi unha célebre actriz, bailarina, cantante e cortesá galega residente en Francia e un dos personaxes máis destacados da Belle Époque francesa nos círculos artísticos e na vida galante de París.
O estado de conservación dun grupo de organismos, como poden ser unha especie, refírese en ecoloxía da conservación a se ese grupo aínda sobrevive e se aínda ten potencial de continuar existindo nunha área ou ecosistema. A extinción é un proceso natural. Con todo, na actualidade ás especies enfróntanse a unha importante acción antrópica, sexa pola agricultura intensiva, a construción de cidades ou de estradas, centrais hidroeléctricas e outras obras, que favorece as extincións.
En computación, un hipertexto é un sistema para a visualización de información, onde os seus documentos conteñen referencias internas a outros documentos (chamadas hipervínculos ou, simplemente, vínculos), e para a fácil publicación, actualización e procura de información. O sistema de hipertexto máis coñecido é a World Wide Web.
A televisión é un sistema de telecomunicación para a transmisión de imaxes en movemento, habitualmente acompañadas de son, así como tamén o medio de radiodifusión desa imaxe e son a través de ondas electromagnéticas. Funciona a partir da análise e conversión da luz e do son en ondas electromagnéticas e da súa reconversión nun aparello que recibe o mesmo nome do sistema ou pode tamén chamarse televisor ou aparello de televisión. O aparello de televisión capta as ondas electromagnéticas e a través dos seus compoñentes internos convérteas novamente en imaxe e son.
Luis Buñuel Portolés, nado en Calanda (provincia de Teruel) o 22 de febreiro de 1900 e finado en Cidade de México o 29 de xullo de 1983, foi un director de cinema aragonés, nacionalizado mexicano e considerado un dos máis importantes e orixinais na historia do cinema mundial. A meirande parte da súa obra foi realizada en México e Francia.
O Club Gimnàstic de Tarragona, coñecido popularmente como Nàstic, é un club polideportivo español da cidade de Tarragona, en Cataluña, sendo a entidade deportiva máis antiga en existencia ininterrompida de España. Aínda que a entidade fundouse en 1886, o club de fútbol non viu a luz até 1914. Actualmente compite na Segunda División Española.
Igrexa de Santa Comba de Bande
Santa Comba de Bande é unha pequena igrexa prerrománica visigoda construída durante a segunda metade do século VII. Santa Comba de Bande é a única igrexa deste período que se conserva na súa integridade. Trátase do único edificio que se conservou dun mosteiro prerrománico a onde se trouxeran as reliquias de San Trocado (discípulo do Apóstolo Santiago), a quen estivo dedicada. Recibiu a distinción de Monumento Nacional por mor dun Real Decreto do 11 de agosto de 1921 e, posteriormente, converteuse en Ben de Interese Cultural conforme á lei 16/1985 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.
Manuel Fraga Iribarne, nado en Vilalba o 23 de novembro de 1922 e finado en Madrid o 15 de xaneiro de 2012, foi un político galego. Foi profesor catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional, doutor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas. Durante o franquismo ocupou os cargos de ministro de Información e Turismo e embaixador de España no Reino Unido.
Educación (do latín educare, "guiar", e educere, "extraer") pode definirse como: Proceso bidireccional polo que se transmiten coñecementos, valores, xeitos e formas de actuar. Prodúcese a través da palabra, a imaxe etc., estando presente en todas as accións, sentimentos e actitudes humanas, e sendo a imitación moitas veces un fenomenal instrumento educativo. Proceso de inculcación e asimilación cultural, moral e de conduta.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Congreso Europeo de Matemáticas de 2024
O Congreso Europeo de Matemáticas de 2024 foi o 9 Congreso Europeo de Matemáticas, celebrado en Sevilla do 15 de xullo ao 19 de xullo de 2024. Era a segunda vez que España organizaba este Congreso. Estaba prevista a organización de eventos matemáticos por toda Andalucía, aínda que o lugar de celebración será Sevilla.
Concepción Gamarra Ruiz-Clavijo, nada en Logroño o 23 de decembro de 1974, máis coñecida como Cuca Gamarra, é unha política española, secretaria xeral do Partido Popular. Foi alcaldesa da cidade española de Logroño, capital da comunidade autónoma da Rioxa, a primeira muller na historia da cidade que exerceu ese cargo. Chegou á alcaldía tras obter o seu partido, o PP, a maioría absoluta nas eleccións municipais de 2011.
Cunnilingus ou cunilingua (do latín cunnus: "cuña" ou "vulva", e lingus: "lingua"), é a práctica de sexo oral onde unha persoa (poden ser incluso dúas persoas, á vez) chupa(n), frota(n), lambe(n), ou adenta(n) (con graos variables de intensidade, e tamén poden ensalivar ou cuspir), coa boca, coa lingua, cos beizos, cos dentes ou incluso co nariz ou co queixo ou a barba e os bigotes, os labios da vulva, a entrada da vaxina e o clítoris. O clítoris é a parte sexual máis sensitiva dos xenitais femininos humanos, e a súa estimulación pode provocar excitación sexual ou orgasmo. Cunnilingus pode ser sexualmente excitante para os seus participantes, e pode ser practica polo compañeiro sexual como preliminares para incitar a excitación antes doutras actividades sexuais (como o sexo anal ou vaxinal), ou como un acto erótico e de intimidade física.
Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos. En recoñecemento polos seus méritos artísticos, o rei Afonso XIII concedeulle en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.
A rápida e dramática desaparición do estado iugoslavo a finais do século XX -e da que aínda perduran flocos no XXI- causou unha fonda conmoción en todo o mundo, pero especialmente en Europa onde, para moitas persoas, era complicado entender como se puideron dar tales sucesos no culto e civilizado continente de finais de século. Comprender estes feitos non é doado, porque na maioría do material dispoñíbel fálase de Iugoslavia unicamente como o estado europeo que existiu desde os tratados que puxeron fin á Primeira guerra mundial até a súa desaparición, o ano 2003, en que pasou a denominarse Serbia e Montenegro. Para poder interpretar o sucedido hai que rastrexar na historia de Europa, xa que o termo Iugoslavia non se refire só ao estado citado, senón que é unha denominación de carácter cultural e xeográfica (a parte occidental da península Balcánica onde viviron, e viven, os eslavos do sur, que iso é o que significa o termo (Iugoslavia, en croata, serbio latino e esloveno Jugoslavija, en macedonio e serbio cirílico Југославија, tradúcese literalmente como Eslavia do sur ou país dos eslavos do sur).
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O sistema nervioso é unha parte altamente complexa dos animais, constituída de tecidos e órganos, que coordina as súas accións, voluntarias e involuntarias, e a información sensorial, mediante a transmisión de sinais entre as diferentes partes do organismo. O sistema nervioso transmite os impulsos necesarios para os movementos dos músculos e a realización das diversas funcións; e recibe, tanto do propio organismo como do mundo externo, as sensacións e os estímulos; respondendo, xunto co sistema endócrino, a tales eventos. O tecido nervioso aparece por primeira vez nos organismos semellantes a vermes que xurdiron arredor de 550 a 600 millóns de anos atrás.
A historia (termo procedente da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais. Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade. Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica).
Galiza estremeira é a denominación que reciben todos aqueles territorios galegofalantes, que se atopan fóra das fronteiras de Galiza, baixo a administración de Castela e León e Asturias. Ligados lingüística, cultural e tradicionalmente a Galiza, existe neles e arredor deles, a reivindicación histórica de pertenza á cultura galega e nalgúns casos de incorporación ou reincorporación á propia Galiza, utilizándose neste último caso a denominación de Galiza irredenta moi a miúdo ou mesmo outras denominacións como Faixa Leste.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'Espanya, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A sociedade é o conxunto de individuos que comparten fins, condutas e cultura, e que se relacionan interactuando entre si, cooperativamente, para constituír un grupo ou unha comunidade. Existen sociedades animais como as sociedades de formigas ou as de primates cuxo estudo realízao a sociobioloxía ou a etoloxía social. As sociedades de humanos son estudadas polas chamadas disciplinas sociais, principalmente a socioloxía e outras como a antropoloxía e a economía.
A batalla de Inglaterra foi unha das batallas máis importantes da segunda guerra mundial, librada entre as forzas aéreas do Reino Unido (RAF) e da Alemaña nazi (Luftwaffe) nos ceos de Gran Bretaña durante 1940 e 1941. Segundo os historiadores británicos, comeza o 10 de xullo de 1940 e remata o 31 de outubro de 1940, mentres que os alemáns din que durou dende agosto de 1940 ata maio de 1941; dependendo do que se considera batalla. Non obstante, os combates aéreos alcanzaron o seu cumio dende agosto ata outubro de 1940, onde sucederon as loitas decisivas.
Igrexa de Santa María de Dodro
A igrexa de Santa María de Dodro é un templo barroco do século XVIII dedicado á Virxe María, sede da parroquia homónima, no concello de Dodro. É unha das primeiras obras de Simón Rodríguez e presenta algunhas peculiaridades características do seu estilo.
A Universidade Johns Hopkins, comunmente chamada Johns Hopkins, JHU ou, sinxelamente, Hopkins, é unha universidade privada situada en Baltimore, Maryland (Estados Unidos). Foi fundada o 22 de febreiro de 1876, sendo a primeira universidade dedicada á investigación nos Estados Unidos. A Johns Hopkins ofrece programas de grao e posgrao no seu campus principal, o campus de Homewood, en Baltimore.