Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
A hematoxilina (CI 75290) é un composto que se extrae da cerna ou durame da madeira da árbore pau de Campeche (Haematoxylum campechianum). É un composto básico/positivo que se une e forma sales con compostos ácidos (basofílicos) que conteñen cargas negativas (por exemplo o ADN ou ARN, que son ácidos/negativos debido aos fosfatos cargados negativamente que conteñen) e tíngueos de azul escuro ou violeta. A hematoxilina e a eosina adoitan aplicarse conxuntamente na que se denomina tinguidura de hematoxilina-eosina ou tinguidura HE, que é unha das máis utilizadas en histoloxía.
Jennifer Lynn Lopez, nada en Nova York o 24 de xullo de 1969, é unha bailarina, cantante e actriz estadounidense de orixe portorriqueña. En 1986 realizou un pequeno papel na película My Little Girl, traballou a continuación como bailarina en diversos vídeos musicais de rap e cos New Kids on the Block e Janet Jackson. Como actriz o seu primeiro papel relevante foi na serie South Central en 1994 e na gran pantalla en My Family en 1995.
A glutamato descarboxilase ou ácido glutámico descarboxilase (GAD) é un encima que cataliza a descarboxilación do glutamato a ácido gamma-aminobutírico (GABA) e dióxido de carbono (CO2). A GAD usa o fosfato de piridoxal (PLP) como cofactor. A reacción procede da seguinte maneira: HOOC−CH2−CH2−CH(NH2)−COOH → CO2 + HOOC−CH2−CH2−CH2NH2 En mamíferos a GAD existe en dúas isoformas con pesos moleculares de 67 e 65 kDa (GAD67 e GAD65), que están codificadas en dous xenes situados en distintos cromosomas; en concreto, en humanos o xene GAD1 está no cromosoma 2 e o GAD2 no cromosoma 10.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
O sindicalismo ou movemento sindical é un termo amplo para designar o desenvolvemento da historia e a organización colectiva dos traballadores, en dirección á defensa dos seus intereses e de mellores condicións de traballo, fronte ós empregadores e os gobernos. Sindicato e gremio son palabras habituais para designar as organizacións dos traballadores coa fin de representar colectivamente os intereses da clase obreira.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Long Beach é unha cidade estadounidense situada no condado dos Ánxeles, no estado de California. No censo do ano 2010 tiña unha poboación de 462 257 habitantes, sendo a 39º cidade mais poboada dos Estados Unidos, a 7º de California e a segunda da área metropolitana dos Ánxeles. A cidade é sede dun aeroporto nacional e do maior porto marítimo industrial da rexión dos Ánxeles.
Braveheart é unha longametraxe dirixida e protagonizada por Mel Gibson estreada nos cines en 1995. O guión está adaptado do poema épico de Blind Harry The Actes and Deidis of the Illustre and Vallyeant Campioun Schir William Wallace, e foi escrito por Randall Wallace. É un filme que conta a historia do heroe nacional escocés William Wallace e a súa loita contra os ingleses e o seu tiránico rei Eduardo I de Inglaterra na Primeira Guerra de Independencia de Escocia.
Os Philadelphia 76ers (tamén coñecidos como Sixers) son un equipo americano de baloncesto profesional con base en Filadelfia, Pensilvania. Xogan na División Atlántico da Conferencia Leste da National Basketball Association (NBA). Orixinalmente coñecidos coma Syracuse Nationals, son unha das franquías máis antigas da NBA. Despois do seu traslado a Filadelfia, fíxose un concurso para decidir o novo nome do equipo.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Coalición Democrática (CD) foi unha coalición electoral española formada en 1979 para concorrer ás eleccións xerais, trala aprobación da Constitución en decembro do ano anterior. Nun primeiro momento adoptou o nome de Confederación Democrática Española. A coalición agrupaba a diversos partidos de centro dereita: Alianza Popular, de Manuel Fraga, Acción Ciudadana Liberal, de José María de Areilza e Alfonso Osorio, Partido Demócrata Progresista, Renovación Española e Partido Popular de Cataluña, de Luis Montal.
The Legend of Zelda (videoxogo)
The Legend of Zelda (The Hyrule Fantasy ゼルダの伝説, Zeruda no Densetsu) é un videoxogo deseñado por Shigeru Miyamoto e editado por Nintendo. Ambientado na fantástica terra de Hyrule, é un clásico exemplo do xénero acción-aventura, centrado ao redor dun heroe novo (Link) e a súa misión de rescatar a Princesa Zelda do malvado Ganon, reunindo os oito fragmentos dun poderoso artefacto coñecido como a Triforza. Como xogo inaugural da serie The Legend of Zelda, foi editado por primeira vez no Xapón como un título inicial para o periférico Disk System da videoconsola Famicom.
O motor diésel ou motor de ignición por compresión é un motor de combustión interna inventado polo enxeñeiro alemán Rudolf Diesel (1858-1913), no que a inflamación do combustíbel se fai polo aumento na temperatura provocado pola compresión da mestura inflamábel. Na cámara de combustión chea de ar comprimido inxéctase un aceite no momento de máxima compresión, a alta temperatura fai que o aceite se vaporice e se inflame. Desenvolveu ese método cando perfeccionaba motores para substituír as máquinas a vapor.
Dracula, traducido por Xela Arias ao galego como "Drácula" é unha novela de Bram Stoker, publicada en 1897. É un clásico entre os libros de terror, e unha das representacións máis famosas do concepto de vampiro. O libro deu lugar a unha longa serie de versións para o cine, o teatro, a televisión e a banda deseñada.
O tiro de corda é un deporte popular que se practica en diversas partes do mundo e que mesmo conta cunha Federación Internacional, a Tug of War International Federation. No estado español practícase, ademais de en Galiza, en Asturias, Cantabria e Euskadi, onde recibe o nome de Sokatira, entre outros.
As Illas Orcadas (escocés: Arcaibh, en inglés e escocés Orkney) son un arquipélago habitado do Mar do Norte, moi próximo á costa setentrional de Escocia, a tan só 16 quilómetros, e que na actualidade constitúen unha área municipal de seu. Atópase ao norte da costa de Caithness e comprende aproximadamente 70 illas, das cales 20 están habitadas. A illa máis grande Mainland refírese a miúdo como "o continente".
Mozilla Firefox (ou só Firefox) é unha aplicación para a navegación web, libre e de código aberto e que desenvolve o proxecto o grupo Mozilla Corporation da organización aberta Fundación Mozilla. É multiplataforma e está dispoñíbel para os sistemas operativos Linux, macOS e Windows, así como en Android (como Firefox para Android) e iOS. Emprega o motor de rendemento web Quantum (que substituíu a Gecko), e executa os modelos web actuais e os próximos a ser aprobados. En 2015 liberouse Firefox para iOS, que emprega WebKit no canto de Gecko por restricións de Apple no desenvolvemento do seu sistema operativo móbil.
As células de Schwann ou neurolemocitos (TA: gliocytus periphericus, gliocito periférico) son as principais células da glía do sistema nervioso periférico (SNP). Reciben o seu nome polo fisiólogo alemán Theodor Schwann, que as estudou. As células gliais, das cales hai varios tipos, teñen como misión apoiar as neuronas.
A guerra civil chinesa, foi unha guerra civil que tivo lugar na China entre as forzas leais ao Kuomintang (ou Partido Nacionalista Chinés) (KMT), que gobernaban na República da China e as forza leais ao Partido Comunista Chinés (PCCh). Este conflito iniciouse en agosto de 1927 despois da Expedición do Norte, dirixida polo xeneralísimo Chiang Kai-shek, e, esencialmente, terminou cando cesaron as grandes hostilidades en 1950. Xeralmente pódese dividir en dúas etapas: a primeira desde 1927 ata 1937 e a segunda desde 1946 ata 1950 coa segunda guerra sino-xaponesa (1-07-1937-9-09-1945) separándoos.
A Confederación Sindical de Comisións Obreiras (CCOO) é un sindicato español, primeiro en número de persoas afiliadas e por delegados elixidos nas eleccións sindicais. Fundouse en 1976 como confederación das diferentes Comisións Obreiras que existían na clandestinidade. Nas súas orixes o sindicato estaba profundamente ligado ao Partido Comunista de España, sendo moi habitual a dupla militancia no PCE e nas Comisións Obreiras clandestinas.
Chauncey Ray Billups, nado o 25 de setembro de 1976 en Denver, Colorado, é un ex xogador e adestrador profesional estadounidense de baloncesto que xogou durante 17 tempadas na National Basketball Association (NBA), e que adestra ós Portland Trail Blazers. A súa mellor etapa como profesional viviuna en Detroit Pistons, onde xogou durante seis tempadas (2002-2008) logrando un anel de campión en 2004. Ademais, converteuse no MVP das Finais fronte a Los Angeles Lakers.
225088 Gonggong é un obxecto trans-neptuniano cunha magnitude absoluta (H) de 1,7. Isto cualifícao coma un dos candidatos a planeta anano máis grandes: Mike Brown estima que ten un tamaño entre o de Sedna e o de Quaoar. O anuncio do seu descubrimento foi feito público formalmente o 7 de xaneiro do ano 2009.
Melo Moreno, nado o 19 de xaneiro de 1989 en Perpiñán, Francia, é un cantante, creador de contido e activista hispano-francés. Acadou popularidade a partir do ano 2010 grazas á súa canle de Youtube YellowMellow, no que combinaba humor, música e reflexións persoais, converténdose nun dos pioneiros da escena youtuber hispana. A súa carreira musical iniciou en 2015 co sinxelo Phantom Limb, que chegou ao número un en iTunes España, consolidando o seu camiño como artista independente.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
O copto ou copta (ⲙⲛⲧⲣⲙⲛⲕⲏⲙⲉ met rem en kēme) é a última forma de escrita utilizada no Antigo Exipto, descendente directa do exipcio pero escrita nunha forma modificada do alfabeto grego. Pertence, polo tanto, á familia afroasiática de linguas, na subfamilia exipcia. Floreceu, como lingua falada, entre os séculos II e X e emprégase hoxe en día como lingua litúrxica da Igrexa Ortodoxa Copta e da Igrexa Católica Copta.
Luis Otero Sánchez-Encinas, nado en Pontevedra o 22 de outubro de 1893 e finado na Coruña o 20 de xaneiro de 1955, foi un futbolista galego, que xogaba de defensa. Tras xogar case unha década no Real Vigo Sporting co que gañou catro Campionatos de Galicia, foi o primeiro capitán na historia do Celta de Vigo, despois de que este nacese da fusión do Real Vigo co Fortuna de Vigo. Con todo, pouco despois deixou o Celta e fichou xunto a Chiarroni e Ramón González polo Deportivo da Coruña, o que foi un dos detonantes da histórica rivalidade entre o equipo vigués e o coruñés.
Enrique Liste Forján, coñecido como Enrique Líster, nado en Ameneiro (Calo, Teo) o 21 de abril de 1907 e finado en Madrid o 8 de decembro de 1994, foi un militante comunista e dirixente militar republicano galego, que combateu na guerra civil española e na Segunda guerra mundial. Recibiu formación militar na Unión Soviética, en academias do Exército Vermello e durante a guerra civil española tivo un destacado papel organizando e dirixindo as milicias do Quinto Rexemento. Posteriormente pasou a mandar varias unidades do Exército Popular da República.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía.
Celanova (do latín cella nova, 'cuarto pequeno, almacén ou santuario recente, de nova construción') é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 5.533 persoas (6.020 en 2009). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «celanovés».
Colexiata de Santa María do Campo
A Real Colexiata de Santa María do Campo é un templo católico situado na Coruña. Tamén foi coñecida cos apelativos do Mar e do Portal. Foi declarada Ben de Interese Cultural o 3 de xuño de 1931.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Universidade de California, Berkeley
A Universidade de California, Berkeley (tamén coñecida como Cal, University of California, UC Berkeley, UCB, ou simplemente Berkeley) é unha universidade pública mixta localizada en Berkeley, ó leste da baía de San Francisco, en California. É a matriz e a máis antiga dos campus da Universidade de California, ademais de ser a máis prestixiosa. UC Berkeley non é só considerada líder en investigación, senón tamén unha das mellores universidades do mundo (segundo lugar en xeral segundo UK Times Higher Education Supplement Primeiro lugar en universidades publicas no mundo).
Un carcinóxeno é calquera substancia, radioisótopo, ou radiación que funciona como un axente que está directamente implicado en causar un cancro. Isto pode deberse á súa capacidade de danar o xenoma ou de afectar a procesos metabólicos celulares. Varias substancias radioactivas considéranse carcinóxenos, pero a súa actividade carcinoxénica é directamente atribuída á radiación, como raios gamma e partículas alfa que emiten.
Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), chamada antes de 2024 Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) é un ente público con titularidade xurídica propia creada polo Parlamento de Galicia en 1984 co obxectivo de pór en funcionamento, xestionar, e explotar os medios de comunicación públicos de Galicia. Para tal fin e para contribuír na normalización lingüística e a cohesión social de Galicia, creáronse as sociedades anónimas Televisión de Galicia S.A. e Radio-televisión de Galicia S.A. que co seu sinal chegan a todo o territorio galego.
Badaxoz (en castelán: Badajoz, en estremeño: Badajós) é unha das dúas provincias da Comunidade Autónoma de Estremadura, España. Pola súa área, 21.657 km², é a provincia máis extensa de España. Polo norte limita coa outra provicia extremeña, Cáceres, con Cidade Real (enclave de Rincón de Anchuras) e con Toledo; polo leste confina con Cidade Real e Córdoba; polo sur con Sevilla e Huelva; e polo oeste linda coa antiga provincia do Alto Alentexo (Portugal).
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
O alquerque é un xogo de estratexia cun taboleiro inscrito en pedra, tamén denominado muíño de mesa ou pai-fillo-nai, que coñece tres variedades clásicas: o alquerque dos tres, o alquerque dos nove e o alquerque dos doce. O rei Afonso X o Sabio fai mención deste xogo, nas súas tres variantes, na obra Libro dos xogos, tamén denominada Libro de xadrez, dados e taboleiros. O substantivo 'alquerque' provén do árabe القرقات Al-Qirkat, lit.
Le Mont-Saint-Michel (pronounced: [mɔ̃ sɛ̃ mi.ʃɛl]; Normando: Mont Saint Miché, galego: Monte San Miguel) é unha illa e unha comuna continental en Normandía, Francia. A illa está situada a aproximadamente un quilómetro da costa noroeste do país, na boca do Río Couesnon preto de Avranches e con 7 hectáreas de superficie. A parte continental da comuna ten unha superficie de 393 hectáreas para que a superficie total da comuna sexa de 400 hectáreas.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A gravata ( pronunciación ) é un lenzo fino ou anaco de seda en forma de tira que se anoa arredor do colo da camisa ou directamente do pescozo como adorno ou a xeito de abrigo. A orixe da gravata moderna data da terceira década do século XVII cando durante o reinado de Lois XIII de Francia se uniron ao exército de Richelieu que combatía á raíña nai María de Médicis mercenarios croatas que portaban ese complemento para adornar o seu uniforme. A peza popularizouse na corte de Versalles ligada ao emprego da casaca, peza militar que se estendía cada volta máis entre os civís a mediados do século XVII. En 1670 o rei Lois XIV de Francia ordenou o uso obrigatorio do uniforme entre os seus soldados que incluía a gravata que levaban anoada e pendurada pero no mundo civil o seu deseño fíxose máis relambido.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
O Gran Teatro Circo Tamberlick foi un centro de representación escénica, circense (espectáculos ecuestres e ximnásticos) e sala de cinema de titularidade privada de Vigo. Inaugurouse o 11 de outubro de 1882 e demoleuse en 1991. Situado no que hoxe é a rúa Eduardo Iglesias, foi, no seu día, o teatro de maior capacidade da cidade.
Crise final do reinado de Isabel II
A crise final do reinado de Isabel II constitúe o cuarto e último período no que se adoita dividir o reinado de Isabel II de España. Comeza en marzo de 1863 coa caída do goberno da Unión Liberal do xeneral Leopoldo O'Donnell e termina coa Revolución de 1868 que puxo fin á Monarquía de Isabel II -que marchou ao exilio- e abriu a nova etapa da historia contemporánea de España denominada Sexenio Democrático (1868-1874).