Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Camiño Francés ou Camiño Real é a ruta principal entre as distintas variantes que ofrecen os Camiños de Santiago. Recolle os peregrinos procedentes de Europa e percorre o norte da península desde Roncesvales (Navarra) ou Somport (Huesca) ata Santiago de Compostela. No seu percorrido vai acollendo outras vías que conflúen nesta en diferentes puntos; esta imaxe de diferentes camiños confluíndo nun mesmo destino final quérese ver representada na figura da vieira como símbolo do Camiño.
Os crocodilianos ou crocodilios son os réptiles da orde Crocodilia (ou Crocodylia), da que existen 24 especies vivas e numerosas fósiles. Son réptiles maioritariamente grandes, predadores e semiacuáticos. Pertencen a esta orde os crocodilos (familia Crocodylidae), os aligátores e caimáns (ambos da familia Alligatoridae) e os gaviais (familia Gavialidae).
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finada na Coruña o 20 de abril de 2020, foi unha escritora, crítica literaria e poeta galega, unha das máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. Códice Calixtino (1986, Sotelo Blanco Edicións) é unha das súas obras máis destacadas. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao.
O fútbol gaélico (chamado en irlandés: Peil Ghaelach ou Caid) é unha variante do fútbol orixinario de Irlanda. Xunto co hurling, é o deporte de máis popularidade nese país . O fútbol gaélico xógase en equipos de 15 membros (alternativamente 11, 9 ou 7 dependendo da competición, ás veces mesmo 5, raramente 8) nun campo de céspede rectangular.
Alemaña nazi e Terceiro Reich son os nomes comúns para designar a Alemaña durante o período entre 1933-1945, cando o goberno estaba controlado por Adolf Hitler e o seu Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), máis coñecido como Partido Nazi. Baixo o goberno de Hitler, Alemaña foi transformada nun estado totalitario, onde case todos os aspectos da vida eran controlados polo Estado. A Alemaña nazi deixou de existir despois de que as Forzas Aliadas derrotaran a Wehrmacht en maio de 1945, co que rematou así a segunda guerra mundial en Europa.
A guerra de Inverno foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda guerra mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.
A Igrexa católica, tamén coñecida como Igrexa católica romana, é a maior denominación relixiosa cristiá con máis de 1.200 millóns de fieis. Reclámase organizativa e doutrinalmente a Igrexa cristiá orixinal fundada por Xesús e os Doce Apóstolos. A Igrexa católica está gobernada polo papa e polo Colexio Episcopal, integrado polos bispos en comuñón con el, e do cal é cabeza.
Eleccións municipais de 2019 en Galicia
As eleccións municipais de 2019 celebráronse o 26 de maio de 2019 en toda España. En Galicia, escolléronse nelas 313 corporacións municipais, unha menos ca nos comicios precedentes, logo da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade no de Cerdedo-Cotobade. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
Tristan da Cunha é un remoto arquipélago no sur do océano Atlántico. Constitúese como unha dependencia de Santa Helena, a cal forma parte do Territorio Británico de Ultramar. É o arquipélago habitado máis remoto do mundo, pois o lugar habitado máis próximo, a illa de Santa Helena, atópase a 2 161 km.
Pedro Froilaz (tamén escrito Pero, así como Froylaz ou Fróilaz), foi un nobre galego nado no século XI, conde de Traba (ou Trava), Trastámara, Galiza e señor doutras tenencias e castelos. Foi o máis importante partidario do conde de Galiza Raimundo de Borgoña, quen lle confiou a crianza do seu fillo Afonso Raimúndez. Na defensa dos dereitos sucesorios do neno enfrontouse á raíña Urraca, nai do infante, e ao seu esposo Afonso o Batallador.
O Airbus A380, fabricado polo consorcio europeo Airbus desde o 2005 ata 2021, é un avión para o transporte de viaxeiros (entre 555 e 850 viaxeiros), o que o converte no maior avión comercial da historia. Trátase dun catrimotor de dous pisos e fuselaxe ancha e debido ao seu tamaño moitos aeroportos tiveron que modificar e mellorar as súas instalacións para acomodalo. Inicialmente foi chamado Airbus A3XX e deseñouse para desafiar o monopolio de Boeing no mercado dos avións de gran tamaño.
Os pimpíns de Darwin (tamén chamados pimpíns das Galápagos) son un grupo formado por unhas catorce especies de aves paseriformes. Clasifícanse xeralmente na subfamilia Geospizinae tribo Geospizini. Aínda que se coñecen como pimpíns, foron clasificados durante moito tempo na familia Emberizidae (escribentes), e máis modernamente algúns autores considéranos pertencentes á familia Thraupidae, polo que non serían "verdadeiros pimpíns" (frinxílidos) nin emberícidos (ver sección de taxonomía máis abaixo).
Hildegart Rodríguez Carballeira
Hildegart Rodríguez Carballeira, nada en Madrid o 9 de decembro de 1914 e finada o 9 de xuño de 1933, foi unha nena prodixio, concibida pola súa nai como o modelo de muller do futuro. Con tres anos escribía e con oito falaba seis idiomas. Acabou a carreira de Dereito con 17 anos e foi membro activa do PSOE e despois do Partido Republicano Democrático Federal.
Bambi é un filme de animación en Technicolor, baseado no relato Bambi, unha vida no bosque (Bambi, ein Leben im Walde no orixinal en alemán), publicado en 1923 polo autor austríaco Felix Salten. É o quinto filme de animación producido por Walt Disney Pictures, estreado o 13 de agosto de 1942, e distribuído por RKO Radio Pictures nas salas de cinema dos Estados Unidos. Os personaxes principais son Bambi, un cervo de cola branca, os seus pais (o Gran Príncipe do bosque e súa nai), os seus amigos Tambor (un coello de fociño rosado) e Flor (unha mofeta), e a súa amiga de infancia e futura compañeira, Faline.
O Corán ou Alcorán (en árabe: القرآن al-qur'ān, literalmente "a recitación"; tamén Al Qur'ān Al Karīm ou "O Nobre Corán") é o libro sagrado do islam. Os musulmáns cren que o Corán é a transcrición da palabra literal de Deus e a culminación da revelación de Deus á humanidade, transmitida a través do profeta Mahoma durante un período de 23 anos polo anxo Jibreel (Gabriel). O Corán consiste de 114 suras, ou capítulos, cun total de 6.236 aleias (versículos).
LGBT, ou LGTB, é o acrónimo de "Lesbianas, Gais, Bisexuais e Trans". O termo agrupa ás persoas coas orientacións sexuais e identidades de xénero relativas a estas catro verbas, mais tamén pode chegar a referirse a calquera persoa que non sexa heterosexual, heterorromántica ou cisxénero. Existen outras variantes, coma LGBTQ, que engade unha nova letra para as persoas que se identifican coma queer, ou que están cuestionando a súa identidade sexual ou de xénero, mentres que, LGBTA e LGBTI, por exemplo, engaden outra diferente para representar ás persoas asexuais e intersexuais, respectivamente.
Gdańsk (en polaco [ˈɡdaɲsk] (AFI), en caxubio Gduńsk) é unha cidade polaca, antigamente coñecida coma Danzig (en alemán [ˈdantsɪç] (AFI)) e tamén chamada Dantiscum, Gedanum, Gedania, Gydannyzc, Danczik e Dantzig. É a capital da rexión de Pomerania con preto de 464.000 habitantes, sendo a sexta cidade máis poboada do país e a súa maior cidade portuaria. A súa importancia histórica en dúas ocasións foi fundamental: na segunda guerra mundial foi o primeiro escenario de enfrontamententos armados, ao ser asaltada polo exército alemán; e durante a guerra fría, por seren os seus estaleiros o lugar que viu nacer o sindicato católico Solidariedade (en polaco, Solidarność) que desestabilizaría o maior país satélite do bloque comunista.
O Grove é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2020 tiña 10 518 habitantes, mantendo un lento declive desde o 2010, cando alcanzou a cifra de 11.297 habitantes; esta curva demográfica mostra un lixeiro ascenso no último censo, con 10.699 habitantes en 2021. Forma unha península situada na beira sur da ría de Arousa.
A historia de Francia abrangue a historia de Francia e a dos seus estados predecesores. Tradicionalmente os historiadores remontan a fundación de Francia ao ano 486, data da conquista da parte máis grande da Galia por Clodoveo I, rei dos francos. O Reino Franco logo francés existiu sen interrupción dende esta época, o que o fai o estado máis vello de Europa.
Unha insuficiencia renal é unha condición médica na cal os riles deixan de filtrar adecuadamente os produtos de refugallo do sangue. As dúas formas principais son a insuficiencia renal aguda, que adoita ser reversible co tratamento axeitado, e a insuficiencia renal crónica, que normalmente non é reversible. En ambos os casos, adoita haber unha causa subxacente.
La traviata é unha ópera en tres actos de Giuseppe Verdi con libreto de Francesco Maria Piave. Está baseada na novela de Alexandre Dumas A dama das camelias (1852), aínda que non directamente senón a través dunha adaptación teatral. Foi estreada o 6 de marzo de 1853 no Gran Teatro La Fenice de Venecia.
A Veiga de Valcarce ou A Veiga do Valcarce (en español e oficialmente Vega de Valcarce) é un concello da comarca do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León que cobre unha superficie de 69,38 km², na que vivían 732 habitantes no ano 2008, cunha densidade de poboación de 10,85 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 47 concellos da Galicia estremeira.
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
As Illas Ons son un arquipélago nas rías baixas formado pola illa de Ons e a illa de Onza ou Onceta e outros illotes, como o das Freitosas, o Centulo e a Laxe do Crego. O arquipélago das Ons, ao igual que demais illas atlánticas galegas, son unha barreira natural das rías e as Ons pechan a boca da ría de Pontevedra. A illa de Ons é alongada e cun relevo pouco marcado.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Rodrigo Ovéquiz (ás veces escrito Rodrigo Ovéquez e mesmo Rodrigo Ováquiz), conde de Lugo e autoproclamado conde de Galiza, foi un importante persoeiro na Galiza do século XI, na que foi líder da nobreza local e sostén do rei García II de Galicia. Fillo de Oveco Bermúdez e Elvira Suárez, sublevouse co seu pai e co bispo de Santiago de Compostela, Diego Peláez, contra Afonso VI de León. A revolta fracasou e o monarca confiscoulle os bens e desterrouno.
Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [fʁɑ̃s] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes. Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).
Partido Comunista pola República Galega
O Partido Comunista da República Galega (PCRG) é unha organización política galega, de ideoloxía comunista marxista-leninista e independentista. Os seus obxectivos políticos son a construción do socialismo en Galicia,o comunismo a nivel internacional, a independencia de Galicia, a liberación da muller e o antiimperialismo. De acordo co modelo organizativo do centralismo democrático, o seu órgano de dirección é un Comité Central.
O panxabí, tamén coñecido como punjabi (nome local: ਪੰਜਾਬੀ / pañjābī ou پنجابی / panjābī) é unha lingua indoeuropea da rama das linguas indoiranias falada na India (rexión do Panxab) e en Paquistán, por preto de 100 millóns de falantes (entre todos os dialectos; ese número pode ser ben máis pequeno de excluírmos certos dialectos); deriva de prácritos, como o hindi, pero é máis arcaico, e, xa que logo, máis irregular que este. Para a súa escritura emprega principalmente o semisilabario gurmukhî, así como o devanágari ou o alfabeto árabe na súa variante persa. Esta lingua sería, co hindi, a lingua nai do romaní, a lingua dos xitanos.
As plumas de voo (Pennae volatus) son as plumas pennáceas longas, ríxidas, de forma asimétrica, pero emparelladas simetricamente, das ás e cola das aves; as situadas nas ás denomínanse rémixes ou remeiras, as ás da cola, rectrices ou temoneiras. A función primaria das plumas de voo é axudar á xeración do impulso e sustentación, posibilitando o voo das aves. As plumas de voo dalgunhas aves evolucionaron para realizar funcións adicionais, xeralmente asociadas con exhibicións territoriais, rituais de cortexo ou métodos de alimentación.
Tareixa Afónsez, nada cara ao 1080 e finada o 1 de novembro de 1130, foi a primeira condesa de Portucale. Entre o 1095/1096 e o 1112 exerceu o goberno do condado á par do seu marido, Henrique de Borgoña, desde a morte deste en 1112 até 1128 gobernou o condado en solitario. O fillo de ambos, Afonso Henriques, converteríase no primeiro rei de Portugal.
O castelo da Rocha Forte é un sitio arqueolóxico en proceso de escavación do castelo medieval máis emblemático da mitra compostelá, que tivo un período de ocupación desde, aproximadamente, o ano 1240 ao 1467, ano no que foi destruído ata os seus alicerces polos irmandiños. Nel tiveron lugar feitos moi sinalados da historia de Compostela.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a segunda cidade maior de España. Situada á beira do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.
A banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular. Bailando as rúas é o título do seu primeiro traballo, enteiramente autoproducido e editado no Nadal de 2017.
Os pterosauros ("lagartos alados") son un grupo de réptiles voadores que existiron durante a Era Mesozoica. As súas ás estaban formadas por unha complexa membrana sostida polo cuarto dedo da man, que estaba hipertrofiado. O seu corpo estaba cuberto de pelo, preservado en fósiles de polo menos tres especies distintas.
Eleccións municipais en Santiago de Compostela
Corporacións democráticas en Santiago de Compostela desde a aprobación da Constitución de 1978.
Churrasco é un termo que se refire á carne asada á brasa nunha grella. De orixe ibérica, o churrasco aparece xa citado en documentos do século XV, traspasado ás Américas coma un xeito de preparación da carne moi común en toda Suramérica. É típico dun amplo número de países desde España e Portugal a América Latina (asado) particularmente na Arxentina, o Uruguai e Nicaragua; e tamén no Brasil (churrasco) e nos Estados Unidos (barbacue).
O castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Ciudá, Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, é un dos castros galaicos en proceso de escavación de maior tamaño entre os localizados no territorio da actual Galicia, e un dos catro piares da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir un período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías. A Cidade é o nome tradicional entre as xentes dos arredores.
O Val de Aosta (en italiano Valle d'Aosta, en francés Vallée d'Aoste e en francoprovenzal Val d'Oûta) é unha rexión autónoma con estatuto especial da Italia noroccidental. Ten preto de 120.000 habitantes e a capital é Aosta. Limita ao norte con Suíza (Cantón Valais), ao oeste con Francia (departamentos da Alta Savoia e de Savoia, na rexión de Ródano-Alpes), ao sur e ao leste co Piemonte (provincias de Torino, Biella e Vercelli).
Unha aeronave ou nave é un vehículo deseñado para desprazarse polo aire, podendo transportar mercadorías e/ou persoas. Son exemplos de aeronave os globos, avións, dirixíbeis ou helicópteros. Deben distinguirse a aeronaves dos obxectos que non se axudan da atmosfera para voar, é dicir, todas as aeronaves dependen da existencia dalgunha clase de atmosfera para xerar unha sustentación grande dabondo como para termar o seu propio peso.
Emilia Calé Torres Sanjurjo (asinou Emilia Calé y Torres de Quintero despois de casada) nada na Coruña o 12 de febreiro de 1837 e finada en Madrid o 18 de setembro de 1908, foi unha narradora, poetisa, dramaturga e xornalista galega en lingua castelá. Empregou, en ocasións, o pseudónimo de Esperanza.
O músculo esquelético ou tecido muscular estriado esquelético é un tipo de músculo estriado que está baixo o control do sistema nervioso somático, polo que se controla voluntariamente. É un dos tres grandes tipos de tecido muscular; os outros dous son o músculo cardíaco (tamén de tipo estriado) e o músculo liso (non estriado). Como indica o seu nome, a maioría dos músculos esqueléticos están unidos aos ósos por feixes fibrosos de coláxeno chamados tendóns.
Un ordenador, tamén chamado computadora ou computador, é unha máquina que realiza cálculos e controla operacións expresadas en termos lóxicos e numéricos. O ordenador é un sistema dixital con tecnoloxía microelectrónica, capaz de procesar datos a partir dun grupo de instrucións denominado programa. A estrutura básica dun ordenador inclúe microprocesador (CPU), memoria e dispositivos de entrada/saída (E/S), xunto ós buses que permiten a comunicación entre eles.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
O Trofeo Pichichi é o premio que outorga cada ano o xornal deportivo español Marca ao máximo goleador da Primeira división da Liga española de fútbol. Por extensión, en España adoita utilizarse de forma xenérica o termo Pichichi para referirse ao máximo goleador de cada torneo futbolítisco. Ao premio chámaselle así como homenaxe ó famoso xogador do Athletic Club de Bilbao Rafael Moreno "Pichichi", que destacou pola súa gran capacidade goleadora ó longo dos anos 1910 e 1920, antes da creación da Liga española de fútbol.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Os lepidópteros (Lepidoptera) son unha orde de insectos que comprende as bolboretas (diúrnas) e as avelaíñas (esencialmente nocturnas), na que se describiron preto de 180.000 especies, clasificadas en 126 familias e 46 superfamilias, que supoñen o 10% de todas as especies de seres vivos descritas. É unha das ordes de insectos máis estendida no mundo e recoñecible, e está entre as catro ordes e insectos con máis especies, xunto cos himenópteros, dípteros e coleópteros. O termo foi acuñado por Linneo en 1735 e significa 'ás escamosas'.
Monforte de Lemos é un concello galego situado ao sur da provincia de Lugo, capital da comarca de Terra de Lemos e da Ribeira Sacra. Recibiu o título de cidade en 1885. Cunha poboación de 18.599 habitantes en 2018 segundo o IGE, Monforte de Lemos é o segundo concello máis poboado da provincia de Lugo, só superado pola capital.
A parada respiratoria é a ausencia de fluxo de aire nos pulmóns, por ausencia de movementos respiratorios. É unha grave condición médica causada por apnea ou disfunción respiratoria o suficientemente grave como para non poder manter as necesidades de oxíxeno do corpo (como na respiración agónica). Unha apnea prolongada dáse cando o paciente deixou de respirar por un longo período de tempo.
O Digital Video Broadcasting (DVB) é un conxunto de estándares abertos para televisión dixital internacionalmente aceptados. Os estándares DVB están xestionados polo DVB Project, un consorcio internacional da industria con máis de 270 membros, e son publicados polo Joint Technical Committee (JTC, Comité Técnico Conxunto) do ETSI (European Telecommunications Standards Institute, xunto co CENELEC (European Committee for Electrotechnical Standardization) e a EBU (European Broadcasting Union). A interacción dos diferentes subestándares DVB descríbese no DVB Cookbook. .
Eleccións municipais en Ourense
Estes foron os resultados das eleccións municipais no concello de Ourense dende 1979.
Un gai ou gay (do inglés gay, esta do francés gai e esta do latín gaudio) é un home homosexual que mantén unha certa actitude e un certo estilo de vida que implican a reivindicación e a afirmación da súa orientación sexual en pé de igualdade coas demais. Porén, na linguaxe coloquial emprégase con frecuencia como sinónimo de homosexual, do mesmo modo que na tradición anglosaxoa abrangue tanto homes como mulleres.
O pelicano branco grande (Pelecanus onocrotalus) é unha especie de aves da familia dos pelecánidos. Reprodúcese no sueste de Europa e ao longo de Asia e en África en pantanos e lagos de pouca profundidade. Nalgunhas raras ocasións pode verse en Galicia polo que está incluído na lista das aves de Galicia.
Biel/Bienne (en alemán: Biel [biːl]; en francés: Bienne [bjɛn]) é unha cidade e comuna bilingüe do cantón de Berna, en Suíza. Con pouco máis de 55 mil residentes, ocupa o posto 10o na lista de cidades máis poboadas de Suíza. Segundo datos de 2024, a súa área urbana posúe ao redor duns 100 mil habitantes.
O teixugo eurasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.