Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
O Museo Británico (en inglés: British Museum) é un museo sobre a cultura e historia humana situado na cidade de Londres (Inglaterra). As súas coleccións, constituídas por máis de 13 millóns de obxectos, atópanse entre as maiores e máis detalladas do mundo, formadas por obxectos de tódolos continentes que ilustran e documentan a historia da cultura dende os seus comezos ata a actualidade. O Museo Británico foi inaugurado en 1753.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
O Imperio Mongol (en mongol, Монголын Эзэнт Гүрэн) dos séculos XIII e XIV foi o segundo imperio máis extenso da historia e o maior dos imperios constituídos por territorios continuos. Orixinario da actual Mongolia na Asia Oriental, o imperio mongol no seu apoxeo estendíase desde o mar do Xapón ata zonas da Europa Oriental, estendéndose cara ao norte ata zonas do Ártico; cara ao leste e o sur ata zonas do subcontinente indio, tentou invasións do sueste asiático e conquistou a meseta iraniana; e cara ao oeste ata o Levante e os montes Cárpatos. O imperio mongol xurdiu da unificación de varias tribos nómades na patria mongol baixo o liderado de Temüjin, coñecido polo título máis famoso de Xenxis Khan (c. 1162-1227), a quen un consello proclamou gobernante de todos os mongoles en 1206.
O Camiño Francés ou Camiño Real é a ruta principal entre as distintas variantes que ofrecen os Camiños de Santiago. Recolle os peregrinos procedentes de Europa e percorre o norte da península desde Roncesvales (Navarra) ou Somport (Huesca) ata Santiago de Compostela. No seu percorrido vai acollendo outras vías que conflúen nesta en diferentes puntos; esta imaxe de diferentes camiños confluíndo nun mesmo destino final quérese ver representada na figura da vieira como símbolo do Camiño.
Kaş (pronunciado en turco [kaʃ]) é unha pequena cidade turca turística para pescar, mergullarse e navegar en iate, así como unha municipalidade e distrito da provincia de Antalya, Turquía. A área do distrito é de 1.750 km2, e a súa poboación é de 62.866 (2022). Está situada a 168 km ao oeste da cidade de Antalya.
Mariano Eusebio González García, coñecido artisticamente como Luis Mariano, nado en Irún (Guipúscoa) o 13 de agosto de 1914 e finado en París o 15 de xullo de 1970, foi un cantante de orixe vasca. Acadou gran notoriedade como tenor e cantante de operetas e filmes musicais durante das décadas de 1950 e 1960, especialmente en Francia, onde se exiliara coa familia durante a guerra civil española.
En medicina, unha fasciculación é a contracción breve dun grupo de fibras musculares constitutivas dunha unidade motriz, é dicir, dun fascículo muscular. Este fenómeno indoloro e independente da vontade maniféstase na periferia do músculo concernido como un lixeiro movemento transmitido á pel, habitualmente sen desprazamento articular. Todos os músculos esqueléticos poden presentar fasciculacións, que, se se fan abundantes e xeneralizadas, poden converterse nun síntoma que perturba a calidade de vida.
Os crocodilianos ou crocodilios son os réptiles da orde Crocodilia (ou Crocodylia), da que existen 24 especies vivas e numerosas fósiles. Son réptiles maioritariamente grandes, predadores e semiacuáticos. Pertencen a esta orde os crocodilos (familia Crocodylidae), os aligátores e caimáns (ambos da familia Alligatoridae) e os gaviais (familia Gavialidae).
Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra
A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra é un centro educativo da Universidade de Vigo con sede en Pontevedra, no campus da Xunqueira.
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
CODA é un filme franco-estadounidense de 2021 escrito e dirixido por Sian Heder. É unha adaptación en lingua inglesa do filme franco-belga de 2014 La Famille Bélier. Está protagonizado por Emilia Jones como Ruby Rossi, o único membro oínte da súa familia, unha adolescente que intenta axudar ao negocio pesqueiro da súa familia en dificultades mentres persegue as súas propias aspiracións de ser cantante.
Diego Antonio Cernadas y Castro, máis coñecido como O Cura de Fruíme, bautizado en Santiago de Compostela o 18 de marzo de 1702 e finado en Fruíme (Lousame) o 30 de marzo de 1777, foi un sacerdote e escritor galego. A maior parte dos seus escritos están en lingua castelá, pero tamén escribiu en lingua galega. Segundo Xosé Manuel Rivas Troitiño, Fruíme quizais fora o escritor de maior produción en galego nese século.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finada na Coruña o 20 de abril de 2020, foi unha escritora, crítica literaria e poeta galega, unha das máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. Códice Calixtino (1986, Sotelo Blanco Edicións) é unha das súas obras máis destacadas. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao.
Henry Ford, nado o 30 de xullo de 1863 e finado o 7 de abril de 1947, foi un industrial e magnate estadounidense, fundador de Ford Motor Company e acredítanlle a creación dunha clase media na sociedade americana. Foi un dos primeiros en aplicar técnicas de traballo en cadea na produción de automóbiles. Este logro non só revolucionou a produción industrial, tivo tal influencia sobre a cultura moderna que algúns teóricos identifican esta etapa da historia social e económica como fordismo.
Pablo Echenique Robba, nado en Rosario (Arxentina) o 28 de agosto de 1978, é un científico e político español, de orixe arxentina, que ostenta a dobre nacionalidade española e arxentina. En 2015, foi elixido secretario xeral de Podemos en Aragón e, en 2016, secretario de Organización de Podemos en España. Nas eleccións europeas de 2014 foi elixido eurodeputado pola formación política Podemos.
Pamela "Pam" Denise Anderson, nada en Ladysmith (Columbia Británica), en 1967, é unha actriz e modelo canadense-estadounidense. É coñecida por interpretar a salvavidas C. J. Parker na serie de televisión Baywatch, na que tivo un papel entre os anos 1992 e 1997. Así mesmo participou en películas, comerciais, comedias de situación e programas de telerrealidade.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Alemaña nazi e Terceiro Reich son os nomes comúns para designar a Alemaña durante o período entre 1933-1945, cando o goberno estaba controlado por Adolf Hitler e o seu Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), máis coñecido como Partido Nazi. Baixo o goberno de Hitler, Alemaña foi transformada nun estado totalitario, onde case todos os aspectos da vida eran controlados polo Estado. A Alemaña nazi deixou de existir despois de que as Forzas Aliadas derrotaran a Wehrmacht en maio de 1945, co que rematou así a segunda guerra mundial en Europa.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
O Grove é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2020 tiña 10 518 habitantes, mantendo un lento declive desde o 2010, cando alcanzou a cifra de 11.297 habitantes; esta curva demográfica mostra un lixeiro ascenso no último censo, con 10.699 habitantes en 2021. Forma unha península situada na beira sur da ría de Arousa.
Concellos do departamento de Finistère
A seguinte é unha lista das 277 comunas do departamento de Finistère, na Bretaña, en Francia.
A Igrexa católica, tamén coñecida como Igrexa católica romana, é a maior denominación relixiosa cristiá con máis de 1.200 millóns de fieis. Reclámase organizativa e doutrinalmente a Igrexa cristiá orixinal fundada por Xesús e os Doce Apóstolos. A Igrexa católica está gobernada polo papa e polo Colexio Episcopal, integrado polos bispos en comuñón con el, e do cal é cabeza.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Eleccións municipais de 2019 en Galicia
As eleccións municipais de 2019 celebráronse o 26 de maio de 2019 en toda España. En Galicia, escolléronse nelas 313 corporacións municipais, unha menos ca nos comicios precedentes, logo da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade no de Cerdedo-Cotobade. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 225.702.
A guerra de Inverno foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda guerra mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O Trofeo MacCrimmon de Gaita é unha competición musical celebrada dende 1986 no marco do Festival Intercéltico de Lorient entre gaiteiros galegos e asturianos. Os competidores deben tocar música tradicional galega, asturiana e bretoa e un xurado formado por membros das tres rexións elixe un gañador. O gaiteiro máis laureado é o galego Edelmiro Fernández, con catro vitorias, seguido do asturiano José Manuel Tejedor, con tres.
Bambi é un filme de animación en Technicolor, baseado no relato Bambi, unha vida no bosque (Bambi, ein Leben im Walde no orixinal en alemán), publicado en 1923 polo autor austríaco Felix Salten. É o quinto filme de animación producido por Walt Disney Pictures, estreado o 13 de agosto de 1942, e distribuído por RKO Radio Pictures nas salas de cinema dos Estados Unidos. Os personaxes principais son Bambi, un cervo de cola branca, os seus pais (o Gran Príncipe do bosque e súa nai), os seus amigos Tambor (un coello de fociño rosado) e Flor (unha mofeta), e a súa amiga de infancia e futura compañeira, Faline.
O Airbus A380, fabricado polo consorcio europeo Airbus desde o 2005 ata 2021, é un avión para o transporte de viaxeiros (entre 555 e 850 viaxeiros), o que o converte no maior avión comercial da historia. Trátase dun catrimotor de dous pisos e fuselaxe ancha e debido ao seu tamaño moitos aeroportos tiveron que modificar e mellorar as súas instalacións para acomodalo. Inicialmente foi chamado Airbus A3XX e deseñouse para desafiar o monopolio de Boeing no mercado dos avións de gran tamaño.
Mohandas Karamchand Gandhi (en gujarati, મોહનદાસ કરમચંદ ગાંધી, devanágari मोहनदास करमचन्द गांधी), máis coñecido popularmente por Mahatma Gandhi (Mahatma, do sánscrito "grande alma"), nado en Porbandar (Gujarat) o 2 de outubro de 1869 e finado en Nova Deli o 30 de xaneiro de 1948, foi un avogado indio, nacionalista anticolonial e un político ético que empregou a resistencia non violenta para liderar a exitosa campaña pola independencia da India do dominio británico, e máis tarde inspirar movementos polos dereitos civís e pola liberdade en todo o mundo. O nome honorífico de Mahatmā (sánscrito: "alma grande", "venerable"), aplicado por primeira vez a el en 1914 en Suráfrica, úsase agora en todo o mundo. Nado e criado no seo dunha familia hindú da costa de Gujarat, Gandhi formouse en dereito no Inner Amorne de Londres, e foi proclamado avogado aos 22 anos, en xuño de 1891.
Gran Premio de Hungría de 2025
O Gran Premio de Hungría de 2025 (oficialmente Formula 1 Lenovo Hungarian Grand Prix 2025) foi unha carreira de automobilismo de Fórmula 1 que se celebrou o 3 de agosto de 2025 no circuíto de Hungaroring, en Mogyoród, Hungría por cuadraxésima vez na historia do circuíto. O Gran Premio foi a décimo cuarta rolda do Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2025 e a cuadraxésima edición do Gran Premio de Hungría como parte do Campionato Mundial de Fórmula Un.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
Pedro Froilaz (tamén escrito Pero, así como Froylaz ou Fróilaz), foi un nobre galego nado no século XI, conde de Traba (ou Trava), Trastámara, Galiza e señor doutras tenencias e castelos. Foi o máis importante partidario do conde de Galiza Raimundo de Borgoña, quen lle confiou a crianza do seu fillo Afonso Raimúndez. Na defensa dos dereitos sucesorios do neno enfrontouse á raíña Urraca, nai do infante, e ao seu esposo Afonso o Batallador.
Baltasar Garzón Real, nado en Torres (Xaén) o 26 de outubro de 1955, é un xuíz español. Foi xuíz dende 1981 e maxistrado do Xulgado Central de Instrución n.º 5 da Audiencia Nacional dende 1988 até 2012 (agás dende maio de 1993 até maio de 1994), tivo ó seu cargo a investigación dalgúns dos delitos de maior relevancia que se produciron en España durante aquela época: crimes contra a humanidade, terrorismo, terrorismo de Estado, narcotráfico, corrupción política e delincuencia económica. Presentouse como candidato independente a deputado nas listas do PSOE en 1993 e, ó constituírse o executivo, foi nomeado delegado do Goberno no Plan Nacional sobre Drogas, con rango de secretario de Estado.
O Corán ou Alcorán (en árabe: القرآن al-qur'ān, literalmente "a recitación"; tamén Al Qur'ān Al Karīm ou "O Nobre Corán") é o libro sagrado do islam. Os musulmáns cren que o Corán é a transcrición da palabra literal de Deus e a culminación da revelación de Deus á humanidade, transmitida a través do profeta Mahoma durante un período de 23 anos polo anxo Jibreel (Gabriel). O Corán consiste de 114 suras, ou capítulos, cun total de 6.236 aleias (versículos).
A Veiga de Valcarce ou A Veiga do Valcarce (en español e oficialmente Vega de Valcarce) é un concello da comarca do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León que cobre unha superficie de 69,38 km², na que vivían 732 habitantes no ano 2008, cunha densidade de poboación de 10,85 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 47 concellos da Galicia estremeira.
O fútbol gaélico (chamado en irlandés: Peil Ghaelach ou Caid) é unha variante do fútbol orixinario de Irlanda. Xunto co hurling, é o deporte de máis popularidade nese país . O fútbol gaélico xógase en equipos de 15 membros (alternativamente 11, 9 ou 7 dependendo da competición, ás veces mesmo 5, raramente 8) nun campo de céspede rectangular.
John Michael "Ozzy" Osbourne, nado o 3 de decembro de 1948, e finado o 22 de xullo de 2025, foi un vocalista e compositor de heavy metal inglés, cunha carreira musical que se estende xa ao longo de 50 anos. Osbourne acadou a fama como vocalista principal da banda inglesa Black Sabbath, que co seu son duro e escuro contribuíu a propagar o xénero do heavy metal. Debido ao estilo escuro do grupo, Osbourne comezou a ser coñecido como o "Príncipe da escuridade".
O Football League Championship (oficialmente Sky Bet Championship por motivos de patrocinio), tamén coñecida no Reino Unido como Championship, é a segunda máxima categoría de liga de clubs de fútbol de Inglaterra, tras a Premier League. O Football League Championship foi fundado na tempada 2004-05, sendo previamente coñecido coma Football League First Division.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Na tempada 2024/25 compite na Segunda División Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
O teixugo eurasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Un xogo de rol é un xogo en que cada xogador participante interpreta un determinado rol ou papel dentro dunha aventura arbitrada polo chamado director de xogo. Nos xogos de rol, os xogadores, axudados polo Dx (Director de Xogo, Master, Narrador etc.), encarnan os papeis de personaxes que habitan outros mundos ou situacións diferentes ás reais, "vivindo" aventuras neses mundos que, normalmente, están inzadas de dificultades, inimigos, xentes e razas fantásticas, conflitos e maxia. Os xogos de rol desenvólvense ao redor dunha mesa, na cal se sentan os xogadores que encarnan aos "Px´s" (Personaxes xogadores) e o Director de Xogo.
Os fósiles (do latín: fossus, "desenterrado") son os restos ou sinais da actividade de organismos pretéritos conservados, principalmente pero non só, nas rochas sedimentarias e que poden sufrir transformacións na súa composición (por diaxénese) ou deformacións (por metamorfismo dinámico) máis ou menos intensas. A ciencia que se ocupa do estudo dos fósiles é a Paleontoloxía. Dentro da paleontoloxía están a paleobioloxía, que estuda os organismos do pasado —entidades paleobiolóxicas, que coñecemos só polos seus restos fósiles—, a biocronoloxía, que estuda cando viviron devanditos organismos e a tafonomía, que se ocupa dos procesos de fosilización.
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei". A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible.
As Illas Ons son un arquipélago nas rías baixas formado pola illa de Ons e a illa de Onza ou Onceta e outros illotes, como o das Freitosas, o Centulo e a Laxe do Crego. O arquipélago das Ons, ao igual que demais illas atlánticas galegas, son unha barreira natural das rías e as Ons pechan a boca da ría de Pontevedra. A illa de Ons é alongada e cun relevo pouco marcado.
Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas.