Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Nomes da folla do piñeiro en Galicia
Existe en Galicia unha riqueza sinonímica enorme que fai referencia á folla do piñeiro, habendo gran número de palabras para denominar á folla desta árbore. Fermín Bouza Brey publicou no ano 1948 Nombres de la hoja del pino en Galicia, nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, traballo no que se recollen por orde alfabética un total de 92 termos diferentes para denominar á folla do piñeiro, e ó seu carón, os lugares onde son utilizados. Segundo os datos recompilados no Atlas Lingüístico de Galicia (ALGa), non se produciron variacións significativas ó longo dos últimos anos canto á terminoloxía descrita por Bouza Brey, polo que segue estando vixente na actualidade.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Roberto Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no Benfica, da Primeira División de Portugal. É irmán xemelgo bivitelino de Bruno Di Benedetto e irmán máis novo de Carlo Di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Glaucus atlanticus é unha especie de pequena lesma de mar de cor azul, un nudibranquio peláxico e un molusco gasterópodo sen cuncha da familia Glaucidae. descrito por Georg Forster en 1777. Este nudibranquio peláxico, coñecido pola súa distintiva coloración azul, habita nas augas abertas de mares temperados e tropicais en todo o mundo, por exemplo nos do Brasil ou Mozambique, onde é chamado dragão azul, anjo azul e andorinha azul do mar.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A Bandeira é unha vila da parroquia de Manduas no concello pontevedrés de Silleda. Segundo o IGE, en 2015 tiña 757 habitantes (381 homes e 376 mulleres), o que supón un aumento con respecto ao ano 2007, cando tiña 694 habitantes, en 2023 tiña 868 habitantes (433 homes e 435 mulleres). É o lugar máis poboado de toda a parroquia.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador galego, integrante do golpe de Estado de 1936 contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito en 1939 ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973. Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime de inspiración fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo ultraconservador, católico e anticomunista.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Chandrexa de Queixa é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Trives e que forma parte do Macizo Central. Segundo o padrón municipal, en 2022 tiña 495 habitantes (854 en 2003). Concello eminentemente gandeiro e agrícola, a día de hoxe está moi despoboado e en franco retroceso demográfico.
A selva tropical húmida, tamén dita umbrofila ou pluviosa, é un bioma das zonas intertropicais, caracterizado por unha formación vexetal arbórea alta e densa, así como por un clima cálido e moi húmido. O bosque umbrófilo é o máis rico en diversidade específica, non só polas árbores senón pola flora e a fauna en xeral (ata varios centenares de especies de árbores por hectárea, contra unha decena como máximo nos medios temperados). Caracterízase por árbores de grande tamaño, de medra lenta.
Paul Johann Ludwig von Heyse, nado en Berlín o 15 de marzo de 1830 e finado en Múnic o 2 de abril de 1914, foi un escritor alemán. Estudou linguas clásicas na Universidade de Berlín coa idea de ser profesor de filoloxía; pero o éxito de L'Arrabbiata 1855, levouno a dedicarse á literatura. Foille concedido o Premio Nobel de Literatura en 1910.
A mitoloxía é o conxunto de lendas e mitos que pertencen á tradición dun pobo, dunha civilización ou dunha relixión, e que explican a súa natureza, a súa historia e os seus costumes. Como unha colección de historias, a mitoloxía é unha parte vital de calquera cultura. Existen varias orixes dos mitos, como a personificación da natureza, a personificación e explicación de fenómenos ou a esaxeración de feitos históricos.
As arañas (Araneae) son unha orde de artrópodos quelicerados adaptados ao medio aéreo, con oito patas e un par de quelíceros modificados en cabeiros capaces de inxectar veleno e glándulas que producen seda. Son a maior orde de arácnidos e ocupan o sétimo lugar na diversidade total de especies entre todas as ordes de organismos. As arañas viven en todos os continentes, excepto na Antártida, e establecéronse en case todos vos nichos ecolóxicos, excepto no mar e no aire.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Fisterra (do latín finēs terrae, 'os confíns da terra') é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».
Treasure Coast é unha rexión vernácula do estado de Florida, nos Estados Unidos. Está situada na costa atlántica do Estado, comprendendo os condados de Indian River, Saint Lucie e Martin, e para algunhas fontes, ademais, o de Palm Beach. A rexión, cuxo nome fai referencia á Frota do Tesouro español que perdeuse a causa dun furacán en 1715, naceu como resultado do desexo dos residentes de separarse da influencia de Miami e da rexión vernácula de Gold Coast.
Alana é un trío musical galego formado por Antía Vázquez (Oleiros), Pablo Castro (Vimianzo) e Eloy Vidal (Ponteceso) en 2023. O grupo traballa co repertorio da música tradicional galega, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, achegándose ao pop ou á electrónica. O nome do grupo procede da voz celta alun, que fai referencia á harmonía.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 226.188.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O teixedal de Casaio, coñecido tamén como O Teixadal, é un pequeno bosque de teixos situado na parroquia de Casaio no municipio de Carballeda de Valdeorras (provincia de Ourense). Forma parte da zona especial de conservación (ZEC) de Pena Trevinca, case no linde coas provincias de León e Zamora. É un bosque de difícil acceso.
Pena Trevinca é un pico da serra do Eixe, no macizo de Pena Trevinca, que fai fronteira entre as provincias de Ourense e Zamora. É o punto de maior altitude do territorio galego pois está a 2127 m sobre o nivel do mar. Pena Trevinca é ademais un espazo natural galego declarado zona especial de conservación (ZEC) e parte dunha zona de especial protección para as aves (ZEPA) que abrangue o macizo montañoso dos vales glaciais galegos que rodean este pico.
Bugatti é unha marca de automóbiles superdeportivos e de luxo, fundada en 1909 na entón cidade alemá de Molsheim, Alsacia (agora en territorio francés) polo italiano Ettore Bugatti. Hoxe en día pertence ao grupo alemán Volkswagen. Na súa primeira etapa, os coches Bugatti eran coñecidos pola beleza do seu deseño (Ettore Bugatti era dunha familia de artistas e considerábase á vez un artista e construtor) e polas súas moitas vitorias.
Os hunos (latín vulgar: huni; tamén como chuni; grego medieval: Oúnnoi / Οὕννοι) eran unha confederación de pobos formada a partir dun feixe de tribos de diferentes orixes que, na súa maior parte, proviñan das estepas de Asia Central e na que foron incluíndo a outros pobos conquistados ou asimilados do leste de Europa, segundo se producía o seu avance cara a occidente. Eran nómades (non tiñan vivenda fixa e vivían percorrendo campos e bosques) e eran excelentes criadores de cabalos. Como non construían casas, vivían nos seus carros e tamén en barracas que armaban nos camiños que percorrían.
O mar Negro (en latín Pontus Euxinus, abkhaza: Амшын Еиқәа, xeorxiano: შავი ზღვა, turco: Karadeniz, en póntico: Μαύρον Θάλασσα, Εύξεινος Πόντος, búlgaro: Черно море, romanés: Marea Neagră, ruso: Чёрное море, ucraíno: Чорне море, en tártaro de Crimea: Qara deñiz) é un mar situado entre a Europa Oriental e a Asia Occidental. Atópase encerrado entre os Balcáns, a estepa póntica, Crimea, o Cáucaso e a península de Anatolia. O estreito do Bósforo conéctao co pequeno mar de Mármara, e o estreito dos Dardanelos conecta ao mar anterior co mar Exeo, que é unha división do mar Mediterráneo.
Helloween é unha banda alemá de speed metal nada en 1984 en Hamburgo coa publicación dun EP homónimo, e que se converteu nun dos primeiros e maiores expoñentes dese subxénero. Os discos de 1987 e 1988 Keeper of the seven keys, part I e Keeper of the seven keys, part II convetíronse en clásicos e referencias dentro do panorama do Heavy Metal. Da formación orixinal, só persisten Michael Weikath e Markus Großkopf.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A primeira guerra balcánica, tamén coñecida como primeira guerra dos Balcáns, foi un conflito militar que durou de outubro de 1912 a maio de 1913 e colocou a Liga Balcánica (Serbia, Montenegro, Grecia e Bulgaria) contra o Imperio Otomán. As forzas combinadas dos Estados balcánicos conseguiron superar as forzas otomás, numericamente inferiores e en desvantaxe estratéxica, conseguindo unha rápida vitoria. Como resultado da guerra, case todos os territorios europeos do Imperio Otomán foron conquistados e divididos entre os aliados, e creouse un estado independente albanés, por presión de Austria-Hungría e de Italia.
A muiñeira vella, chamada tamén ribeirana, é a modalidade máis antiga de muiñeira. Conservouse e foi recollida na franxa costeira norocidental galega, maiormente nos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe, Zas e Malpica. Nestas zonas chamaselle simplemente muiñeira, pasando a máis moderna e estendida "muiñeira nova" a recibir o nome de punteada.
Para a división administrativa do Imperio otomán, véxase Sandjak. O Sandžak, en serbio, montenegrino, e bosníaco, Sandžak, en cirílico, Санџак, (pronuncia IPA /sǎndʒak/), en turco Sancak, tamén coñecido como Raška (en serbio latino Sandžak, en serbio cirílico Рашка, pronuncia IPA /râʃka/) é unha rexión histórica situada ao longo da fronteira entre Serbia e Montenegro. O nome Sandžak deriva do Sandjak de Novi Pazar, antigo distrito administrativo do Imperio Otomán que existiu até as Guerras balcánicas (1912), mentres que Raška era o nome do prominente reino medieval serbio que o precedeu.
Lista de títulos con versión en galego nas plataformas de streaming
A lista de títulos con versión en galego que foron estreados nas plataformas de streaming inclúe os filmes, series e miniseries das que hai versión en galego, ben sexa orixinal, dobrada ou subtitulada.
A Commonwealth de Massachusetts (en inglés, Commonwealth of Massachusetts) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Localízase ao nordés do país, a uns cantos quilómetros da fronteira co Canadá. Massachusetts é o sexto menor estado dos Estados Unidos pero, a pesar do seu pequeno tamaño, é o décimo terceiro en poboación.
Brian Hugh Warner, coñecido como Marilyn Manson, nado en Canton (Ohio) o 5 de xaneiro de 1969 é un cantante, compositor, actor, escritor, pintor e director de cine estadounidense, coñecido pola súa personalidade e a súa imaxe controvertidas como vocalista e líder da banda de metal industrial Marilyn Manson. O seu nome artístico formouse a partir dos nomes da actriz Marilyn Monroe e do convicto Charles Manson. Apareceu nalgunhas películas como Jawbreaker, Lost Highway de David Lynch e Party Monster, e en series como Sons of Anarchy.
A candorca ou alcandorca, (Orcinus orca) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus. É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos, e pode chegar a pesar 10 t. Poderoso e versátil depredador, pode cazar peixes, pinnípedes, cefalópodos, aves e tartarugas.
A Copa América de fútbol é o campionato de seleccións masculinas nacionais dese deporte máis importante do continente americano, organizado pola Confederación Suramericana de Fútbol (Conmebol). A Copa América é un do tres eventos futbolísticos máis importantes a nivel de seleccións, xunto á Copa Mundial de Fútbol e a Eurocopa. Para a Copa América 2007 estimouse unha audiencia de 530 millóns de persoas en América Latina e a nivel mundial unha audiencia acumulada de 4.000 millóns de persoas pertencentes aos 185 países en que o evento foi retransmitido.
Lista de episodios de Shin-chan
Esta é unha lista da serie anime Shin-chan, que se rexe pola numeración e a orde de emisión da dobraxe galega. Shin-chan (en xaponés クレヨンしんちゃん, Crayon Shin-chan) é un manga do debuxante Yoshito Usui e unha serie de animación sobre a vida dun neno de 5 anos extravertido, falangueiro, descarado e moi larpeiro. Malia que o protagonista sexa un cativo, segundo o seu autor, a serie non vai dirixida ó público infantil, senón pola contra a un xuvenil ou mesmo adulto.
Josefa Rodríguez Porca "Sefa", nada en Irixoa cara a 1962, é unha militante independentista galega, que foi membro do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. O 2 de febreiro de 1989, liderou a primeira acción terrorista do grupo que provocou unha vítima mortal, pola cal foi condenado pola Audiencia Nacional a 84 anos de cadea.
Santiago de Barbadelo é unha parroquia rural do concello de Sarria na provincia de Lugo, a de maior extensión, e está situada a 3 km da capital municipal. Segundo o IGE no ano 2007 tiña 275 habitantes (129 homes e 146 mulleres) distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2003 cando tiña 293 habitantes.
O KDE Software Compilation (K Desktop Environment) é un proxecto internacional de software libre no que traballan centos de enxeñeiros informáticos e outros voluntarios de tódalas partes do planeta a través da Internet para desenvolver un contorno de escritorio completo, repleto de funcións mais sinxelo de usar, e máis toda unha serie de aplicacións destinadas a diversos usos. KDE ofrece por unha banda un contorno de escritorio completo, que logo de 12 anos de traballo ininterrompidos avanza pola súa versión 4, e toda unha serie de aplicacións, instalables en diferentes contornos de escritorio e plataformas, que cobren as necesidades de xestión de ficheiros, reprodución de son e vídeo, produción de textos, follas de cálculo, bases de datos ou presentacións, navegadores web e comunicación pola web, xestión de calendarios, correo electrónico e novas, produción e manexo de datos científicos, videoxogos etc.
Maximilien François Marie Isidore de Robespierre, nado en Arras o 6 de maio de 1758 e finado en París o 28 de xullo de 1794, foi un líder da Revolución Francesa. Os seus partidarios coñecíano como "o incorruptible" debido á súa dedicación moral austera á revolución. Era un membro influente do comité da seguridade pública, e unha figura fundamental no período da revolución coñecida comunmente como o reino do terror.
Sir Vidiathar Surajprasad Naipaul, máis coñecido como V. S. Naipaul, nado en Chaguanas, Illa Trinidad, Trinidad e Tobago o 17 de agosto de 1932 e finado en Londres o 11 de agosto de 2018, foi un escritor británico, orixinario de Trinidad e Tobago, galardoado co premio Nobel de Literatura no ano 2001.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
O Index Librorum Prohibitorum ou "Índice de libros prohibidos", tamén chamado Index Expurgatorius é unha lista daquelas publicacións que os laicos da Igrexa católica catalogaron como libros perniciosos; ademais establecía as normas da igrexa con respecto aos libros. O propósito desta lista era previr a lectura de libros ou traballos inmorais que contivesen erros teolóxicos e previr a corrupción dos fieis. Foi creado no ano 1559 pola Sagrada Congregación da Inquisición da Igrexa católica (posteriormente chamada a Congregación para a Doutrina da Fe).
As asteráceas (Asteraceae), tamén chamadas compostas (Compositae Giseke, nom. cons.), reúnen máis de 23.000 especies (Jeffrey, 2007; Stevens, 2001) polo que son a familia de anxiospermas con maior riqueza e diversidade biolóxica. A familia está caracterizada por presentar as flores dispostas nunha inflorescencia composta denominada capítulo a cal se acha rodeada dunha ou máis filas de brácteas (invólucro).
A dos ácaros (Acari ou, antigamente, Acarina), é unha subclase de artrópodos quelicerados pertencente á clase dos arácnidos (teñen, por iso, oito patas). Existen preto de 150 especies no mundo enteiro. Os ácaros do po doméstico son visíbeis apenas ao microscopio e teñen un tamaño que varía entre 200 e 500 μm.