Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O chasco europeo (Saxicola rubicola, antes S. torquata, S. torquatus ou S. torquatus rubicola), é unha pequena ave paseriforme membro da familia Muscicapidae, dos papamoscas do Vello Mundo, (antes incluída en Turdidae). Este é aínda un taxon controvertido xa que só recentemente se propuxo considerala como especie independente, Saxicola rubicola, como resultado de estudos de secuenciación de ADN, recibindo aceptación diversa. Recibe tamén os nomes de chasca, chaschás e charra.
A candorca ou alcandorca, (Orcinus orca) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus. É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos, e pode chegar a pesar 10 t. Poderoso e versátil depredador, pode cazar peixes, pinnípedes, cefalópodos, aves e tartarugas.
As nucleósido-difosfato quinases (NDPKs, tamén NDP quinase, (poli)nucleótido quinases e nucleósido difosfoquinases) son encimas que se encontran en procariotas e eucariotas e que catalizan o intercambio de fosfatos terminais entre diferentes nucleósidos difosfato (NDP) e trifosfato (NTP) de maneira reversible para producir nucleósidos trifosfato. Moitos NDP funcionan como aceptores mentres que os NTP son doantes de grupos fosfato. A reacción xeral por medio dun mecanismo ping-pong é a seguinte: XDP + YTP ←→ XTP + YDP (X e Y representan diferentes bases nitroxenadas).
Este artigo trata sobre a cantante, para a representación artística da Virxe María, véxase Madonna (arte). Madonna Louise Ciccone, nada en Bay City (Míchigan) o 16 de agosto de 1958, é unha cantante, compositora e produtora estadounidense, máis coñecida como Madonna. De ascendencia italiana e francocanadense, o seu estilo musical abrangue a música disco, pop, dance e electrónica.
A GNU General Public License (abreviado como GNU GPL ou GPL; en galego "Licenza pública xeral de GNU" ) é unha licenza de software libre, que garante que os usuarios finais teñen a potestade de usar, estudar, modificar e compartir o software. A licenza escribiuna Richard Stallman, da Free Software Foundation (FSF), para o proxecto GNU e para outorgarlle aos usuarios das aplicacións os dereitos que establece a definición de software libre. Agora os dereitos de autoría da licenza son da Free Software Foundation.
O baloncesto (basketball en inglés) é un deporte colectivo inventado en 1891 polo profesor de Educación Física James Naismith, na Asociación Cristiá de Mozos de Springfield, EUA. Cada un dos dous equipos está formado por cinco xogadores. Ten como obxectivo pasar a pelota por dentro dunha cesta colocada nas extremidades da pista. Actualmente pode xogarse tamén en pistas ao aire libre.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Supernova é o nome dado a diferentes tipos de explosións de estrelas, que producen obxectos extremadamente brillantes, os cales declinan ata se tornaren invisíbeis pasadas algunhas semanas ou meses. En apenas algúns días o seu brillo pode se intensificar en millóns de veces a partir do seu estado orixinal, mais co pasar do tempo a súa temperatura e brillo diminúen ata chegaren a un grao inferior aos primeiros. A explosión dunha supernova pode expulsar ao espazo ata o 90% da materia dunha estrela.
Hermione Jean Granger é un personaxe de ficción e unha dos protagonistas da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling. Fai a súa primeira aparicion no primeiro libro, Harry Potter e a pedra filosofal, como a mellor amiga de Harry Potter e Ron Weasley. É filla de dous pais muggles, non-máxicos, pero destaca polas súas habilidades máxicas, así como os seus coñecementos.
Irlanda (en irlandés: Éire, e en inglés: Ireland) é a terceira illa máis grande de Europa. Está situada entre o océano Atlántico e o mar de Irlanda. Politicamente está dividida na República de Irlanda (oficialmente chamada Irlanda), un estado que cobre os cinco sextos da illa (sur, leste, oeste e noroeste), e Irlanda do Norte, parte do Reino Unido, no nor-leste da illa.
.ag é o código de Internet do dominio de primeiro nivel (ccTLD) de Antiga e Barbuda, administrado pola Escola de Medicina da Universidade de Ciencias da Saúde de Antiga, aínda que quen presta o servizo é NIC AG. Os rexistros pódense realizar no segundo nivel directamente con .ag, ou nun terceiro nivel con .com.ag, .org.ag, .net.ag, .co.ag, or .nom.ag. Non hai ningún tipo de limitación no rexistro.
O dodo, Raphus cucullatus, era unha ave non voadora extinta e endémica da illa de Mauricio, ó leste de Madagascar no océano Índico. O seu familiar xenético máis próximo era o tamén extinto Pezophaps solitaria, formando ámbalas dúas especies a subfamilia dos rafinos da familia dos colúmbidos (pombas). O seu familiar existente máis próximo é o Caloenas nicobarica.
A Orde do Temple ou Orde dos Templarios foi unha orde relixiosa militar, creada en 1118 na cidade de Xerusalén, por nove cabaleiros de orixe francesa, cuxo nome completo era Orde dos Pobres Cabaleiros de Cristo e do Templo de Salomón. Nos séculos seguintes volveuse nunha institución de enorme poder político, militar e económico. A súa divisa era: Non nobis, Domine, non nobis, sed nomini Tuo da gloriam, o que significa «Non a nós, Señor, non a nós, dade a gloria ao Voso nome».
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Harry Potter and the Order of the Phoenix (videoxogo)
Harry Potter and the Order of the Phoenix é un videoxogo que se basea no quinto libro da popular saga Harry Potter de J. K. Rowling e máis na adaptación cinematográfica. O xogo foi creado para Game Boy Advance, Microsoft Windows, Nintendo DS, PlayStation 2, PlayStation 3, PlayStation Portable, Xbox 360, Wii e Mac OS X. Foi posto á venda o 25 de xuño de 2007 nos Estados Unidos, o 28 de xuño en Australia e o 29 de xuño no Reino Unido e Europa para PlayStation 3, PSP, PlayStation 2, Windows e o 3 de xullo para a maioría das demais plataformas.
O sionismo (en hebreo: צִיּוֹנוּת Tsiyyonut) é un movemento que defende a volta dos xudeus a Palestina (chamada polos xudeus Eretz Israel ou simplemente Haaretz, A Terra). Cando o xornalista vienés Theodor Herzl asistiu en París á degradación do oficial Dreyfus, inxustamente acusado de espionaxe, que fixo un gran rebumbio na sociedade francesa, poñendo a poboación francesa en dous eidos "dreyfusard" e "antidreyfusard" levando consigo tamén na prensa estas dúas posicións algúns artigos francamente antisemitas, no entanto outros defendían a inocencia de Dreyfus. Theodor Herzl pensou que o seu pobo nunca se integraría en Europa, o que o levou a fundar en Basilea en 1897 a Organización Sionista Mundial (de Sión, monte de Xerusalén), que recadaba fondos para comprar terreos e favorecer a inmigración xudía a Palestina.
O mar de Mármara, turco: Marmara Denizi tamén coñecido como mar de Mármora, é un mar interior que separa o mar Negro do mar Exeo; así, a parte asiática da Turquía da súa parte europea. O mar de Mármara é o mar máis pequeno do mundo, cunha superficie de 11.500 km² (280 ×80 km), e ten unha profundidade máxima de 1370 metros.
Ar ou aire son os nomes que recibe a combinación de gas que forma a atmosfera da Terra, que permanece dentro do planeta por acción da forza da gravidade. O ar é esencial para a vida no planeta, é particularmente delicado e é transparente a simple vista. Está composto en proporcións lixeiramente variábeis por substancias tales como o nitróxeno (78%), osíxeno (21%), vapor de auga (variábel entre 0-7%), ozono, dióxido de carbono, hidróxeno e algúns gases nobres como o cripton ou o argon.
Os nervios son estruturas condutoras de impulsos nerviosos situadas fóra do sistema nervioso central. Están formados por un conxunto de fibras nerviosas ou axóns agrupados, asociadas en fascículos por medio de tecido conxuntivo, cada un deles procedente dunha neurona. Poden ser motores ou sensitivos, mais a maior parte son mixtos e conteñen tanto fibras sensitivas como motoras.
A muiñeira vella, chamada tamén ribeirana, é a modalidade máis antiga de muiñeira. Conservouse e foi recollida na franxa costeira norocidental galega, maiormente nos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe, Zas e Malpica. Nestas zonas chamaselle simplemente muiñeira, pasando a máis moderna e estendida "muiñeira nova" a recibir o nome de punteada.
As miñocas son animais anélidos (Annelida) da clase Oligochaeta, distribuídas polos solos húmidos de todo o mundo, algunhas de apenas centímetros e outras de case dous metros. O seu corpo está formado por aneis (segmentos corporais). Tamén se lles chama miñocas a outros anélidos similares pero de hábitat mariño da clase dos poliquetos, como Arenicola marina.
Francia está nunha transición entre unha economía cunha intervención estatal substancial, e unha economía de mercado moderna. Grandes áreas de terreos fértiles, a aplicación de tecnoloxía moderna e subsidios fixeron de Francia o principal produtor agrícola da Europa Occidental. O país destaca na industria automobilística, aeronáutica, e con gran recoñecimento na súa industria alimenticia, ademais de sectores de tecnoloxía punta, especialmente informática.
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) é unha orquestra filharmónica con base en Santiago de Compostela. Creada pola Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, comezou a súa andaina en febreiro de 1996 cun concerto dirixido polo mestre Helmuth Rilling. Dende 2013 o seu director principal é o británico Paul Daniel, mentres que o compostelán Maximino Zumalave e a portuguesa Joana Carneiro ocupan os cargos de director asociado e principal director convidado respectivamente.
A contaminación xenética ou polución xenética é un temo usado para referirse ao fluxo xénico incontrolado cara a poboacións silvestres. Defínese como "o espallamento de xenes alterados contaminados procedentes de organismos modificados xeneticamente por enxeñaría a organismos naturais, especialmente por polinización cruzada", pero acabou por ser usado en sentido máis amplo. Está relacionado co concepto de fluxo xénico da xenética de poboacións, e o rescate xenético, o cal é o material xenético introducido intencionalmente para incrementar a fitness ou aptitude dunha poboación.
Manuel Antonio Pérez Sánchez, máis coñecido como Manoel Antonio ou Manuel Antonio, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados (Rianxo) o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego en lingua galega, o máximo representante do movemento vangardista na literatura galega. Asistiu á II Asemblea Nacionalista en Compostela (1919), á III en Vigo (1921) e á IV en Monforte (1922). Mantivo arreo fortes conviccións, intentando casar o anarquismo individualista co galeguismo independentista e chamou á defensa radical do monolingüismo en galego.
Para a división administrativa do Imperio otomán, véxase Sandjak. O Sandžak, en serbio, montenegrino, e bosníaco, Sandžak, en cirílico, Санџак, (pronuncia IPA /sǎndʒak/), en turco Sancak, tamén coñecido como Raška (en serbio latino Sandžak, en serbio cirílico Рашка, pronuncia IPA /râʃka/) é unha rexión histórica situada ao longo da fronteira entre Serbia e Montenegro. O nome Sandžak deriva do Sandjak de Novi Pazar, antigo distrito administrativo do Imperio Otomán que existiu até as Guerras balcánicas (1912), mentres que Raška era o nome do prominente reino medieval serbio que o precedeu.
En botánica, o froito é o órgano procedente da flor, ou de partes dela, que contén ás sementes ata que estas maduran e logo contribúe a ciscalas. Desde un punto de vista ontoxenético, o froito é o ovario desenvolvido e maduro das plantas con flor. A parede do ovario se engrosa ao transformarse na parede do froito e denomínase pericarpo, cuxa función é protexer ás sementes.
@ (lido arroba) é o símbolo empregado para representar a unidade de masa chamado arroba. Unha arroba equivale a un cuarto de quintal e vén do mozárabe, que foi prestado do árabe الربع (ar-rubʿ, cuarta parte, (á súa vez da mesma orixe que o hebreo arba, 4), un cuarto de quintal, é dicir 25 libras, masa equivalente a 11 os 15 kg segundo as zonas. Tamén se emprega en informática para indicar "en" (at en inglés) nos enderezos de correo electrónico e outros servizos en liña que usan o formato usuario@servidor .
Aliaksandr Ryhoravič Lukašenka (en belaruso Аляксандр Рыгоравіч Лукашэнка), nado o 30 de agosto de 1954 en Kopis, é un político belaruso, Presidente de Belarús dende que se creou o cargo o 20 de xullo de 1994. O seu goberno é moi controvertido, para os seus partidarios evitou os peores efectos da caída da Unión Soviética, para os seus opoñentes é un ditador que arredou Belarús da Unión Europea, converténdoa nun estado satélite de Rusia.
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador galego, integrante do golpe de Estado de 1936 contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito en 1939 ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973. Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime de inspiración fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo ultraconservador, católico e anticomunista.
A selva tropical húmida, tamén dita umbrofila ou pluviosa, é un bioma das zonas intertropicais, caracterizado por unha formación vexetal arbórea alta e densa, así como por un clima cálido e moi húmido. O bosque umbrófilo é o máis rico en diversidade específica, non só polas árbores senón pola flora e a fauna en xeral (ata varios centenares de especies de árbores por hectárea, contra unha decena como máximo nos medios temperados). Caracterízase por árbores de grande tamaño, de medra lenta.
Doraemon, o gato cósmico (ドラえもん, Doraemon) é un manga e anime creado entre os anos 1969 e 1970 polo debuxante xaponés Himiko Fujisaki, baixo o pseudónimo de Fujiko Fujio. Fujiko Fujio era pseudónimo común de dous debuxantes, Hiroshi Fujimoto e Motoo Abiko. Doraemon é a obra creada de Hiroshi Fujimoto, entón agora se utiliza Fujiko Fujio como o seu pseudónimo.
Sir Vidiathar Surajprasad Naipaul, máis coñecido como V. S. Naipaul, nado en Chaguanas, Illa Trinidad, Trinidad e Tobago o 17 de agosto de 1932 e finado en Londres o 11 de agosto de 2018, foi un escritor británico, orixinario de Trinidad e Tobago, galardoado co premio Nobel de Literatura no ano 2001.
Manhattan é o nome dunha illa no río Hudson e tamén dun dos cinco distritos metropolitanos que forman a cidade de Nova York. O distrito metropolitano ten os mesmos límites que o condado de Nova York e inclúe a illa de Manhattan así como varias illas máis pequenas (Roosevelt, Randall, entre outras), a máis diso unha pequena porción de terra continental (Marble Hill, que xeograficamente está no Bronx, pero politicamente pertence ao condado de Nova York). No ano 2004, a poboación era de 1 562 723 persoas.
A mostaza branca (Sinapis alba) é unha planta anual da familia das Crucíferas. Ás veces é coñecida como Brassica alba, Brassica hirta ou mostaza amarela. Cultívase comercialmente en practicamente todo o mundo polo interese das súas sementes para a industria alimentaria, mais probablemente é orixinaria da rexión mediterránea.
O miñato de bico amarelo (Milvus aegyptius) é a especie de accipítrido afrotropical correspondente ao miñato negro (Milvus migrans), do cal é considerado por moitos autores unha subespecie. Porén, os estudos de ADN indican que o miñato de bico amarelo difire significativamente do miñato negro do clado eurasiático, e debería considerarse unha especie separada alopátrica.
O espectro de frecuencia dun fenómeno ondulatorio é unha medida da distribución das amplitudes de cada frecuencia. O gráfico de intensidade fronte á frecuencia dunha onda particular tamén recibe o nome de espectro de frecuencia. O espectro de frecuencia pode aplicarse a calquera concepto asociado coa frecuencia ou a movementos ondulatorios, como son as cores, as notas musicais, as ondas electromagnéticas da radio ou da televisión.
Os Grandes Lagos Africanos son lagos de orixe tectónica, localizados na África oriental, que inclúen algúns dos lagos máis profundos do mundo. A maior parte destes lagos foi formada hai preto de 35 millóns de anos no Gran Val do Rift Occidental, un dos sectores desta formación xeolóxica que abrangue a Etiopía, Kenya, Tanzania, Uganda, Ruanda, Burundi, Malawi e Mozambique. Son os seguintes os Grandes Lagos Africanos (de sur para norte): Lago Niassa, compartido por Mozambique, Malawi e Tanzania; Lago Tanganica, que fai a fronteira entre a República Democrática do Congo, a Tanzania e o Burundi; Lago Kivu, que separa Ruanda do Congo; Lago Eduardo e Lago Alberte, que separan Uganda do Congo; Lago Vitoria, que é o maior de todos, encóntrase entre os dous sectores (oriental e occidental do Val do Rift) e é compartido por Kenya, Uganda e Tanzania; e Lago Turkana, en Kenya, que é o único grande lago africano no sector oriental do Val do Rift.
Pena Trevinca é un pico da serra do Eixe, no macizo de Pena Trevinca, que fai fronteira entre as provincias de Ourense e Zamora. É o punto de maior altitude do territorio galego pois está a 2127 m sobre o nivel do mar. Pena Trevinca é ademais un espazo natural galego declarado zona especial de conservación (ZEC) e parte dunha zona de especial protección para as aves (ZEPA) que abrangue o macizo montañoso dos vales glaciais galegos que rodean este pico.
Carlo Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 31 de maio de 1996, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no FC Porto, do Campionato Portugués. É irmán máis vello dos xemelgos bivitelinos Bruno e Roberto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
Football Club Internazionale Milano
O Football Club Internazionale Milano (coñecido en galego como o «Inter de Milán» aínda que a súa tradución literal é « Internacional de Milan ») é un club de fútbol italiano, da cidade de Milán na rexión da Lombardía. Tradicionalmente foi considerado como o equipo da clase alta de Milán. Foi fundado en 1908 por disidentes do Milan & Cricket, actual AC Milan.
Desde un punto de vista técnico, o Codex Alimentarius da FAO define á carne como "todas as partes dun animal que se ditaminaron como inocuas e aptas para o consumo humano ou que se destinan para este fin". A carne componse de auga, proteínas e aminoácidos, minerais, graxas e ácidos graxos, vitaminas e outros compoñentes bioactivos, así como pequenas cantidades de carbohidratos. Desde o punto de vista nutricional, a importancia da carne deriva das súas proteínas de alta calidade, que conteñen todos os aminoácidos esenciais, así como dos seus minerais e vitaminas de elevada biodispoñibilidade.
Urano é o sétimo planeta do sistema solar, situado entre Saturno e Neptuno, o terceiro de maior tamaño, e o cuarto máis masivo. Chámase así en honra da divindade grega do ceo Urano (do grego antigo Οὐρανός), o pai de Cronos (Saturno) e o avó de Zeus (Xúpiter). Aínda que é detectable a primeira ollada no ceo nocturno, non foi catalogado como planeta polos astrónomos da antigüidade debido á súa escasa luminosidade e á lentitude da súa órbita.
A Copa América de fútbol é o campionato de seleccións masculinas nacionais dese deporte máis importante do continente americano, organizado pola Confederación Suramericana de Fútbol (Conmebol). A Copa América é un do tres eventos futbolísticos máis importantes a nivel de seleccións, xunto á Copa Mundial de Fútbol e a Eurocopa. Para a Copa América 2007 estimouse unha audiencia de 530 millóns de persoas en América Latina e a nivel mundial unha audiencia acumulada de 4.000 millóns de persoas pertencentes aos 185 países en que o evento foi retransmitido.
Fisterra (do latín finēs terrae, 'os confíns da terra') é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O estado de conservación dun grupo de organismos, como poden ser unha especie, refírese en ecoloxía da conservación a se ese grupo aínda sobrevive e se aínda ten potencial de continuar existindo nunha área ou ecosistema. A extinción é un proceso natural. Con todo, na actualidade ás especies enfróntanse a unha importante acción antrópica, sexa pola agricultura intensiva, a construción de cidades ou de estradas, centrais hidroeléctricas e outras obras, que favorece as extincións.
A proteína fluorescente verde (GFP, do inglés Green Fluorescent Protein) é unha proteína que presenta unha brillante fluorescencia verde cando se expón á luz no espectro que vai do azul ao ultravioleta. A proteína fluorescente verde tradicional é a que primeiro se illou procedente da medusa Aequorea victoria, á que lle dá bioluminescencia, aínda que se encontran proteínas fluorescentes verdes en moitos outros organismos mariños. En bioloxía celular e molecular, o xene GFP utilízase frecuentemente como un reporteiro da expresión xénica (a súa fluorescencia é indicativa da expresión do xene considerado).
Os pazos minoicos eran enormes complexos de edificios construídos en Creta durante a Idade de Bronce. A miúdo considéranse emblemáticos da civilización minoica e son destinos turísticos modernos. Os arqueólogos e a Patrimonio Mundial da UNESCO recoñecen xeralmente seis estruturas como palacios, concretamente os de Cnossos, Festos, Malia, Zominto, Zakros e Cydonia.
Afonso de Lanzós ou Alonso de Lanzós, foi un nobre e dirixente irmandiño. No ano 1467, dentro da Gran Guerra Irmandiña, uniuse aos vasalos facendo súas as reivindicacións destes e dirixiu xunto a Pedro Osorio e Diego de Lemos un auténtico exército popular. Lanzós ergueuse contra a casa dos Andrade, aos que servira, por afrontas á súa propia familia.
A denominación popular caso do metílico designa un gromo de intoxicación alimentaria acaecida en Galicia e nas illas Canarias durante a primavera de 1963, por consumo de bebidas alcohólicas elaboradas a partir de alcohol metílico, co resultado de 51 falecidos e 9 persoas cegas, aínda que se estima que a cifra real de mortos puido contarse por milleiros. Polas obvias similitudes, o caso metílico foi cualificado posteriormente como a colza do franquismo. As primeiras mortes coñecidas acaeceron entre mariñeiros do concello de Haría, pequena localidade do norte de Lanzarote.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2026, 72 autores (14 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 64 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
Novi Sad (en alfabeto cirílico Нови Сад, en húngaro Ujvidék, en alemán Neusatz, en eslovaco Nový Sad) é unha cidade do norte de Serbia, situada sobre o río Danubio. É a capital da provincia autónoma da Voivodina. Sede da antiga institución cultural e científica Matica Srpska, é un gran centro industrial e cultural.
Xoán I de Inglaterra, nado o 24 de decembro de 1166 e finado 19 de outubro de 1216, tamén coñecido como Xoán sen Terra (en anglonormando: Johan sanz Terre), foi rei de Inglaterra desde o 6 de abril de 1199 ata a súa morte en 1216. Xoán perdeu o Ducado de Normandía fronte ao rei Filipe II de Francia, o que provocou a perda da maior parte do Imperio anxevino e o subsecuente aumento de poder da dinastía dos Capetos durante o século XIII. A revolta dos baróns ao final do reinado de Xoán levou á sinatura da Carta Magna, un documento que se considera ás veces o primeiro paso na evolución da constitución do Reino Unido. Xoán foi o máis novo dos cinco fillos do rei Henrique II de Inglaterra e Aliénor de Aquitania, e nun primeiro momento non se esperaba que herdase unha gran cantidade de terras.