Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Giorgio Armani, nado en Piacenza o 11 de xullo de 1934 e finado en Milán o 4 de setembro de 2025, foi un deseñador de moda e empresario italiano. Principalmente coñecido pola súa roupa para os homes, formou a súa propia empresa en 1974 e 37 anos máis tarde a revista Forbes considerouno o deseñador italiano de maior éxito comercial, estimando a súa fortuna en 9,8 miles de millóns de dólares. Admirado e promocionado por diferentes actores de cinema e músicos, Armani diversificou a súa produción con perfumaría e outros complementos no que se coñece como Emporio Armani.
A bioloxía é a ciencia que estuda a vida e, en particular, as características e comportamento dos organismos, a orixe de especies e individuos, e o xeito en que estes interactúan entre si e co seu ambiente. A bioloxía abrangue un espectro amplo de áreas académicas consideradas frecuentemente disciplinas independentes, mais que, no seu conxunto, estudan a vida ás máis variadas escalas. Os cinco temas fundamentais na bioloxía son a célula como unidade básica da vida, os xenes como base da herdanza, a evolución como motor da diversidade biolóxica, a transformación da enerxía para o mantemento dos procesos vitais e o mantemento da estabilidade interna (homeostase).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Un funicular (do latín funicŭlus, "corda") é un tipo especial de ferrocarril utilizado para salvar grandes pendentes. Non se debe confundir cos ferrocarrís dotados de planos inclinados. Circula sobre raís e normalmente dispón de dúas cabinas enlazadas por un cable de aceiro sobre unha vía de ferrocarril, a modo de ascensor inclinado, de tal forma que mentres un vehículo sobe o outro baixa, o que permite aproveitar a enerxía potencial do que queda na parte superior para subir o inferior á vez que se frea o que está baixando.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Cristovo Colón, nado na República de Xénova c. 1450 ou 1451 e finado en Valladolid o 20 de maio de 1506, foi un navegante, cartógrafo, almirante, vicerrei, explorador e gobernador xeral das Indias durante os séculos XV e XVI ao servizo dos Reis Católicos, famoso polo denominado descubrimento de América para a civilización occidental en 1492, tras emprender unha viaxe a través do océano Atlántico co obxectivo de chegar á India, malia que en troques chegou ás illas do Caribe na América Central conseguindo establecer as rutas marítimas e abrindo o camiño á colonización americana. As terras exploradas por Colón foron inicialmente chamadas Indias Occidentais ou Novo Mundo, até a aparición, en 1507, do mapa de Martin Waldseemüller e Matthias Ringmann do obradoiro cartográfico de Saint-Dié-des-Vosges, cando se pasaron a chamar América, co gallo de que Waldseemüller leu unhas relacións sobre exploracións feitas naquel continente polo navegante italiano Amerigo Vespucci.
A lingua inglesa ou inglés (ˈɪŋɡlɪʃ) é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
O Pazo de Parada ou de Miranda, tamén coñecido como a "casa grande", é unha construción civil, de uso privado, situada na parroquia de Parada de Amoeiro, no concello de Amoeiro. Está considerado por moitos estudosos como o pazo máis grandioso da provincia, tanto pola súa arquitectura como pola súa relevancia histórica.
Nomes da folla do piñeiro en Galicia
Existe en Galicia unha riqueza sinonímica enorme que fai referencia á folla do piñeiro, habendo gran número de palabras para denominar á folla desta árbore. Fermín Bouza Brey publicou no ano 1948 Nombres de la hoja del pino en Galicia, nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, traballo no que se recollen por orde alfabética un total de 92 termos diferentes para denominar á folla do piñeiro, e ó seu carón, os lugares onde son utilizados. Segundo os datos recompilados no Atlas Lingüístico de Galicia (ALGa), non se produciron variacións significativas ó longo dos últimos anos canto á terminoloxía descrita por Bouza Brey, polo que segue estando vixente na actualidade.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
O Ficheiro Integrado de Autoridades (alemán: Gemeinsame Normdatei) ou GND é un ficheiro de autoridades internacional para a organización de nomes persoais, títulos temáticos e entidades corporativas para catálogos. Emprégase principalmente para a documentación en bibliotecas e en museos e arquivos. A entidade responsable do GND é a Biblioteca Nacional Alemá, en cooperación con diversas redes de bibliotecas rexionais na Europa de fala alemá.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Library of Congress Control Number
O Library of Congress Control Number (LCCN) é un sistema baseado en números de serie para numerar os rexistros de catálogo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Este sistema de numeración están en uso dende 1898. Non ten relación algunha cos contidos dos libros e non debe confundirse coa Library of Congress Classification (LCC).
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Wayback Machine (pronunciado [ˈwejbak maˈʃin]) é un servizo e unha base de datos que contén copias dunha gran cantidade de páxinas ou sitios de Internet. Se por algunha razón algún sitio non está dispoñíbel momentaneamente ou foi borrado do servidor de orixe, é posíbel consultar unha réplica vía "Wayback machine". Como consecuencia deste proxecto, tamén se pode consultar a historia ou modificacións das páxinas ao longo do tempo.
Catedral de Santa María de Tui
A catedral de Santa María de Tui é un templo católico situado na cidade de Tui, próxima á beira do río Miño. É sé da diocese de Tui-Vigo, convertida en sé episcopal durante o reino suevo. O edificio actual foi iniciado cara a 1120 en estilo románico, e foi finalizado cara a 1225 coa fachada xa de estilo gótico, ano no que foi consagrada polo bispo Estevo Egea.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Biblioteca Nacional de Francia
A Biblioteca nacional de Francia (en francés: Bibliothèque nationale de France), coñecida polo acrónimo BnF e chamada tamén Biblioteca Nacional de París, é unha das bibliotecas máis importantes de Francia e do mundo. Ten o estatuto de estabelecemento público. As súas actividades desenvólvense en diferentes sedes, sendo François Mitterrand a principal, situada no barrio de Tolbiac, na beira sur de París.
O DOI ou identificación de material dixital (en inglés, digital objet identifier) é un tipo de identificador persistente ou handle único que permite identificar de modo unívoco diversos obxectos dixitais. Foi estandarizado pola Organización Internacional para a Estandarización (ISO 26324:2012). O DOI forma parte un sistema estándar para a identificación e localización de obras difundidas a través de calquera tipo de formato dixital, por exemplo Internet.
Nouvelle vague (en galego, Nova Onda) é o nome co que se coñece a un grupo de cineastas franceses que, durante a década dos sesenta, realizan filmes baixo unha serie de principios ou metas estéticas comúns. Por este motivo, é posible consideralo coma un movemento cinematográfico. Este grupo de cineastas, influenciados polo existencialismo francés de Jean-Paul Sartre e de Albert Camus, pon en cuestión as estruturas narrativas tradicionais e formula a aplicación de novas técnicas de experimentación.
O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.
Sergio Scariolo é un adestrador de baloncesto italiano. Dirixe a selección española. Tras gañar catro Campionatos de Europa e unha Copa do Mundo á súa fronte, Scariolo é un dos adestradores máis exitosos da historia da competición internacional, e, segundo moitos xogadores, xornalistas e comentaristas, é considerado o mellor adestradora dunha selección nacional nas súas historias.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
A Copa do Mundo de 2026 será a 23ª edición do máximo campionato internacional de seleccións nacionais de fútbol organizado cada catro anos pola FIFA. O torneo terá lugar en 10 cidades dos Estados Unidos, 3 do Canadá e 3 de México, cuxa candidatura conxunta derrotou a de Marrocos o 13 de xuño de 2018 na votación levada a cabo no 68º Congreso da FIFA celebrado en Moscova. Será a primeira edición da Copa do Mundo de Fútbol organizada por tres países, e nela medrará o número de seleccións nacionais participantes de 32 a 48.
Système universitaire de documentation
O système universitaire de documentation (sistema universitario de documentación) ou SUDOC é un sistema empregado por bibliotecas universitarias de Francia para identificar e manexar os documentos na súa posesión. Este catálogo contén máis de 10 millóns de referencias. A axencia responsable do seu mantemento é a Agence bibliographique de l'enseignement supérieur.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Deutschland [ˈdɔʏtʃlant] , en alto sorbio: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorbio: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] ) é un estado federal da Europa central. Limita ao norte co mar do Norte, Dinamarca e o mar Báltico, ao leste con Polonia e a República Checa, ao sur con Austria e Suíza, e ao oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio, por un clima temperado estacional.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O Plan Palacios, denominado formalmente como Plan de Extensión e Reforma Interior de Vigo, foi un proxecto urbanístico ideado polo arquitecto Antonio Palacios para a cidade de Vigo. Foi asinado o 1 de decembro de 1932 e aprobado no concello o 26 de xaneiro de 1934. Porén, xamais chegou a executarse, e finalmente foi desbotado en febreiro de 1937.
Posición do misioneiro invertida
A posición da amazona é calquera posición sexual na que a muller está enriba do seu compañeiro sexual durante a actividade sexual. A posición máis comunmente asociada coa muller na parte superior adoita chamarse posición da vaqueira ou cabalgando, que deriva o seu nome da imaxe da muller que "monta" o home como vaqueira montando a cabalo. Nesta posición, o home adoita deitarse de costas coas pernas pechadas, mentres que a parella está a cabalo sobre el estendendo as pernas a cada lado, normalmente de xeonllos, coas canelas detrás, ou sentado sobre o sexo e as pernas da parella, mirando cara a adiante ou cara a atrás, e o home ou a muller insire o pene erecto do home na vaxina ou no ano da muller.
A Encyclopædia Britannica, tamén chamada pola súa tradución a galego Enciclopedia Británica, é unha enciclopedia de contidos xerais redactados en lingua inglesa e publicada pola editorial privada Encyclopædia Britannica, Inc.. Os verbetes na Britannica teñen como público un perfil de lector adulto e cultivado; está escrita por 19 editores que traballan a xornada completa e conta coa colaboración de máis de catro mil expertos. É amplamente considerada como a máis académica das enciclopedias do mundo.
Italia ( pronunciación ) (en italiano: Italia, [iˈtaːlja] (AFI), escoitar), oficialmente República Italiana ( pronunciación ) (en italiano: Repubblica Italiana), é unha república parlamentaria cuxo territorio está en Europa meridional (99,97%) e no norte de África (0,03%). O territorio europeo confórmano a maior parte da Península Itálica, o val do río Po e dúas grandes illas no mar Mediterráneo: Sicilia e Sardeña. O territorio africano fórmano as pequenas illas de Lampedusa, Lampione e Pantelaria.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Biblioteca Nacional da República Checa
A Biblioteca Nacional da República Checa (checo: Národní knihovna České republiky) é a biblioteca central da República Checa, dirixida polo Ministerio de Cultura dese país. O seu edificio principal localízase no edificio histórico Clementinum, en Praga, onde se garda aproximadamente a metade dos libros da biblioteca, mentres que a outra metade da colección atópase no distrito de Hostivař. É a maior biblioteca do país, cun catálogo duns 6 millóns de documentos e uns 60 000 lectores rexistrados.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'Espanya, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A Grande Enciclopedia Rusa (GER) (en ruso: Большая российская энциклопедия, Bolshaya rossiyskaya entsiklopediya) é unha enciclopedia rusa universal, publicada en 35 volumes dende o ano 2004. Foi lanzada baixo o impulso da Real Academia Rusa das Ciencias, despois de que o Presidente Vladimir Putin asinase o decreto №1156 no ano 2002. Segundo o editor da enciclopedia, Sergei Leonidovich Kravets, a edición completa estará dispoñible no ano 2016.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Prisciliano, nado no ano 340 e axustizado en Tréveris en 385, foi un relixioso heresiarca galaico-romano, aínda que non se coñece exactamente se naceu na Gallaecia ou noutro lugar. En todo caso, é considerado galaico pola exitosa propagación da súa herexía e persistencia de adeptos neste territorio.
HTTP 404, 404 not found, 404, 404 error, page not found ou file not found é unha mensaxe de erro do código estándar de resposta do protocolo HTTP que indica que o cliente se puido comunicar co servidor pero que este non foi capaz de atopar o que se buscaba. Un erro 404 indica que o recurso buscado, xeralmente unha páxina web, pode estar dispoñible no futuro. O erro tamén pode aparecer cando un servidor non quere revelar se ten a información solicitada.
Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: България/Balgariya), oficialmente República de Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: Република България/Republika Balgariya) é un país situado ao sueste de Europa, na península dos Balcáns. Limita ao norte con Romanía, estando a maior parte da fronteira entre estes dous países conformada polo río Danubio, ao sur con Turquía e Grecia, o oeste con Macedonia do Norte e Serbia e está bañada ao leste polo Mar Negro. Foi aceptada na OTAN no ano 2004 e é membro da Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2007.
Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante.
O termo de uso marítimo Avante, en dirección á fronte, pode referirse, entre outros, ao título dalgunha das seguintes publicacións periódicas: Avante, semanario editado en Vilagarcía de Arousa en 1931. Avante, trimestral, subtitulada Hojas divulgadoras de propiedad industrial, Madrid, 1935-1936.[1] Avante, Semanario del Hogar del Marino, un centro dentro do Ministerio de Marina, Madrid, 1937-1939.[2] Avante, periódico de divulgación de la Delegación Provincial de Sindicatos de Pontevedra-Vigo (Vigo 1954-1958).[3] Véxase tamén ¡Avante!, periódico editado en Marín en 1915. ¡Avante!, semanario que apareceu en Pontevedra en 1922 como Órgano de los exploradores.[4]; GEG Avante!, periódico oficial do Partido Comunista Portugués.
O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda.
International Standard Name Identifier
O International Standard Name Identifier ou ISNI é unha base de datos que xestiona un método para identificar de forma unívoca as persoas que colaboran con contidos nos medios de comunicación, como libros, programas de televisión, artigos de xornais ou revistas, etc. Este identificador consiste en dezaseis cifras divididas en cadanseu bloque de catro. Exemplo: o número ISNI de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é 0000 0001 0856 5397.
A mitoloxía galega é o conxunto de mitos máis ou menos relacionados (ou mesmo sen conexións entre si): relatos que forman parte da cultura tradicional do pobo galego. Poden vir a través de discursos, narracións ou expresións culturais de orixe sagrada e que posteriormente foron secularizados, ou ben ser de orixe pagá que posteriormente foron sacralizados. En todo caso, os relatos mitolóxicos están tratados como discursos relativos a esta cultura, a unha época concreta ou indeterminada ou a unha serie de crenzas de carácter imaxinario.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 226.439.
A Internet Movie Database (IMDb) (en galego: Base de Datos de Películas en Internet) é unha base de datos en liña con información sobre directores, produtores, actores, películas, programas de televisión, videoxogos e case todo o relacionado coa industria fílmica privada e independente. Propiedade de Amazon desde 1998, IMDb celebrou o seu décimo quinto aniversario o 17 de outubro de 2005.
Mauricio (/məˈrɪʃ(i)əs, mɔː-/, francés: Maurice [mɔʁis, moʁis] ( ); Modelo:Lang-mfe), oficialmente a República de Mauricio, é unha nación insular no océano Índico, a uns 2.000 quilómetros da costa sueste do continente africano, ao leste de Madagascar. Constituído polas illas Mascareñas orientais (Mauricio e Rodrigues) e por dous arquipélagos de illotes máis ao norte: as illas Cargados Carallos e as illas Agalega (Saint Brandon).. Os seus veciños máis próximos son a posesión francesa de Reunión, ao oeste, e as Seychelles, ao norte.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O pexego é o froito do pexegueiro (Prunus persica), da familia Rosaceae. Contén unha única e gran semente cuberta por unha casca dura, dentro dunha froita, de pel de veludo, que posúe unha carne que pode tirar a branco, amarelo, laranxa e incluso algo colorado; presenta un sabor doce e despide un delicado aroma. Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques, son froitas de carabuña.
Xesús Ferro Couselo, nado en Cordeiro (Valga) o 30 de xullo de 1906 e finado en Ourense o 23 de abril de 1975, foi un historiador e infatigable investigador galego, difusor da historia galega e creador en 1943 do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. En 1951 ingresou na Real Academia Galega. Impulsou, en 1963, xunto cos académicos Francisco Fernández del Riego e Manuel Gómez Román, a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, coincidindo co centenario (1863-1963) da primeira edición de Cantares gallegos.
Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación )), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia.