Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Adamuz é un concello andaluz situado na provincia de Córdoba entre Serra Morena e o Guadalquivir. O municipio atópase na comarca do Alto Guadalquivir e pertence ao partido xudicial de Montoro. As súas coordenadas xeográficas son 38º 01' N 4º 31' O. Atópase a unha altitude de 240 msnm e a uns 32 km da capital de provincia, Córdoba.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Valladolid, coñecida historicamente en galego como Valedolide, é unha cidade española situada no cuadrante noroeste da Península Ibérica, no centro de Castela e León, na confluencia dos ríos Pisuerga e Esgueva. É a capital da provincia de Valladolid e sede das Cortes e da Xunta de Castela e León. Así mesmo foi sede da corte castelá e posteriormente, entre 1601 e 1606, capital do Imperio Español.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente eurasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.
Salamanca é unha cidade española, capital da provincia homónima, na Comunidade Autónoma de Castela e León. Está situada na comarca do Campo de Salamanca, xunto ao río Tormes, e forma parte da rexión histórica do Reino de León. Tiña unha poboación de 154.462 habitantes, e a súa área metropolitana acadaba os 213.399 (datos de 2010), sendo a segunda área máis poboada da comunidade, tras Valladolid.
Para outros significados, consultar o arquipélago de Madeira ou Madeira (homónimos). A madeira é un material sólido, orgánico, higroscópico (absorbe auga) e ortotrópico (crecemento diferente nas dimensións espaciais) obtido orixinalmente do tronco das plantas leñosas, especialmente das árbores, mais tamén dos arbustos. Esas plantas perennes caracterízanse polos caules, que crecen en diámetro ano tras ano, e tamén están compostas por celulosa, hemicelulosa e lignina entre os seus tecidos.
A Commonwealth de Massachusetts (en inglés, Commonwealth of Massachusetts) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Localízase ao nordés do país, a uns cantos quilómetros da fronteira co Canadá. Massachusetts é o sexto menor estado dos Estados Unidos pero, a pesar do seu pequeno tamaño, é o décimo terceiro en poboación.
O socialismo é unha corrente filosófica política, social e económica, e unha ideoloxía, que abarca unha gama de sistemas socioeconómicos caracterizados pola propiedade social dos medios de produción, e a autoxestión de empresas por parte dos traballadores. Inclúe teorías políticas e os movementos asociados con tales sistemas. A propiedade social pode ser pública, colectiva ou cooperativa.
O radar ( pronunciación ), do inglés Radio Detection And Ranging (Detección e Telemetría por Radio), é un dispositivo que permite detectar obxectos a longas distancias. O radar emite ondas electromagnéticas que son reflectidas por obxectos distantes. A detección das ondas reflectidas, permite determinar a localización do obxecto.
Douala é a maior cidade do Camerún e capital da Rexión do Litoral e do departamento de Wouri. Cunha poboación de 2 768 400 habitantes (2014), cidade atópase no oeste do país, a beiras do golfo de Guinea, no océano Atlántico, xusto na desembocadura do río Wouri. A cidade esténdese a ambas as beiras do río, unidas pola ponte Bonaberi.
Minecraft é un videoxogo de mundo aberto tipo sandbox creado orixinalmente polo deseñador e programador sueco Markus "Notch" Persson e desenvolvido e publicado posteriormente pola empresa fundada por el, Mojang. Os aspectos creativos e de construción de Minecraft permítenlles ós xogadores construír elementos a partir de cubos con diversas texturas nun mundo en tres dimensións xerado por procedementos. Outras actividades do xogo inclúen a exploración, a recolección de recursos, a confección de obxectos e o combate.
Katowice [katɔˈvʲit͡sɛ]: (checo: Katovice, alemán: Kattowitz) é unha cidade da rexión de Silesia, no sur de Polonia, sobre os ríos Kłodnica e Rawa (os afluentes do Oder e do Vístula). Katowice está situado nas terras da alta Silesia, aproximadamente a 50 quilómetros do Silesian Beskids (a parte dos Cárpatos) e aproximadamente a 100 quilómetros do sistema montañoso dos Sudetes (Chequia). Katowice foi a capital do Voivodato de Silesia dende a súa formación en 1999.
O snooker é un xogo de billar, que se xoga nunha mesa especial de medidas 3,6m x 1,8m e con seis furados. Xógase con 1 bóla branca, 15 bólas vermellas (de 1 punto de valor cada unha) e 6 bólas de varias cores (amarela, verde, marrón, azul, rosa e negra). O xogo é moi popular na Gran Bretaña, Irlanda, o Canadá, Australia e a India.
Avezzano é un concello italiano da provincia de L'Aquila, na rexión dos Abruzos. Ten 40.651 habitantes (en 2007) e esténdese por unha área de 104,05 km², cunha densidade de poboación de 390,7 hab/km². Fai fronteira cos concellos de Capistrello, Celano, Luco dei Marsi, Massa d'Albe, Ovindoli, Scurcola Marsicana e Trasacco.
Qatar (/ˈkætɑːr/,) (en árabe: قطر), oficialmente o Estado de Qatar (en árabe: دولة قطر, Dawlat Qatar) é un país soberano localizado no oeste de Asia, ocupando a pequena Península de Qatar na costa noroeste da Península Arábiga. Ten fronteira terrestre con Arabia Saudita no sur, co resto do seu territorio rodeado polo Golfo Pérsico. Un estreito no Golfo Pérsico separa Qatar do seu veciño Bahrain, tamén compartindo fronteiras marítimas cos Emiratos Árabes Unidos e Irán.
Kuwait (/kʊˈweɪt/; árabe: الكويت al-Kuwayt, oficialmente Estado de Kuwait (árabe: دولة الكويت Dawlat al-Kuwayt), é un país de Asia Occidental. Está situado no extremo norte de Arabia Oriental na punta do Golfo Pérsico, limitando con Iraq ao norte e Arabia Saudita ao sur. Kuwait tamén comparte fronteira marítima con Irán.
Un ritual é unha sequence de accións que inclúen xestos, palabras e obxectos realizados nun lugar específico, e realizados de acordo cunha secuencia. Son un conxunto de ritos e fórmulas realizadas principalmente polo seu valor simbólico, establecidas pola relixión ou polas tradicións da comunidade. Os rituais son un trazo característico de tódalas sociedades humanas coñecidas, son realizadas por varias razóns, tales como a adoración dun deus no contexto dun ritual relixioso, como fase de iniciación ou aceptación nunha comunidade, ou simplemente para referirse a unha acción diaria que é repetida por un longo tempo, tal como, por exemplo, despois de se erguer pola mañá abrir as fiestras.
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario.
O Taoiseach (plural: Taoisigh) é o equivalente a Primeiro Ministro (na súa tradución ao gaélico) na República de Irlanda. Mentres que o presidente remite a un posto elixido por votación directa, o Taoiseach ou Primeiro Ministro establécese mediante un acordo entre os partidos máis votados. O Taoiseach actual é Micheál Martin.
Aeroflot - Liñas Aéreas Rusas (en ruso Аэрофло́т - Росси́йские авиали́нии), ou Aeroflot (Аэрофло́т), é a liña aérea nacional de Rusia e a maior das existentes no país. No seu día foi tamén a compañía máis importante da Unión Soviética e a maior do mundo. A súa base é o Aeroporto Internacional Sheremetyevo en Moscova.
Crimea, que abrangue a República Autónoma de Crimea, (ucraíno: Автономна Республіка Крим - Avtonomna Respublika Krym, ruso: Автономная Республика Крым - Avtonomnaia Respublika Krym, tártaro de Crimea: Qırım Muhtar Cumhuriyeti) e a cidade de Sebastopol, é unha península e república autónoma situada na costa setentrional do Mar Negro que foi anexionada por Rusia no ano 2014. Crimea estivo baixo o control ruso dende 1783 até 1954, cando foi transferida dentro Unión Soviética, dende a República Soviética Federativa Socialista de Rusia á República Socialista Soviética de Ucraína. Posteriormente, despois do referendo do 20 de xaneiro de 1991, conseguiu o status de república autónoma dentro da República Socialista Soviética de Ucraína.
Biblioteca (do grego βιβλιοθήκη, composto de βιβλίον, "libro", e θήκη "caixa, depósito"), na definición tradicional do termo, é un espazo físico en que se gardan libros. Por extensión, o termo biblioteca aplícase tamén a un conxunto de libros, ou ao moble onde se colocan libros. De maneira mais ampla, biblioteca é todo espazo (concreto, virtual ou híbrido) destinado a unha colección de informacións de calquera tipo, sexan escritas en papel (novelas, monografías, enciclopedias, dicionarios, manuais etc) ou dixitalizadas e almacenadas noutros tipos de soportes físicos, tales como CD, VHS, DVD ou bases de dados informatizadas.
Viljandi (en alemán: Fellin, en letón: Vīlande, en polaco: Felin e en sueco: Fellin) é unha cidade e concello do sur de Estonia cunha poboación de 17 255 habitantes en 2024. É a capital do condado de Viljandi e sitúase xeograficamente entre dúas grandes cidades de Estonia, Pärnu e Tartu. A cidade mencionouse por primeira vez en 1283, tras serlle concedida a súa carta de cidade por Wilhelm von Endorpe.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
easyJet (nome oficial: easyJet Airline Company Limited) é unha aeroliña de baixo custo británica con sede no Aeroporto de Londres-Luton, no Reino Unido. Ten bases (hubs) en 24 aeroportos europeos e está composta por unha frota con máis de 200 avións. easyJet é a aeroliña máis grande do Reino Unido en número de pasaxeiros transportados.
O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Oriente Medio, India, América e Oceanía. Adóitase preparar mediante o enfornado dunha masa, elaborada fundamentalmente con fariña de cereais, sal e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas calidades, como especias, froitos secos, froitas confeitadas, mel etc. A mestura, na maioría das ocasións, adoita conter lévedos para que fermente a masa e sexa máis esponxosa e tenra.
Mariehamn en sueco, Maarianhamina en finés, é a capital da Provincia das Illas de Åland (Finlandia), que conta cunha poboación de 11.775 habitantes en 2019, dos cales o 91% son de lingua sueca. A cidade foi fundada en 1861 e debe o seu nome ("porto de María") a María Alexandrovna, esposa do tsar Alexandre II de Rusia. A cidade é famosa, sobre todo, como destino de turismo estival, anualmente uns 1,5 millóns de persoas visitan a cidade.
François-Marie Arouet, nado en París o 21 de novembro de 1694 e finado na mesma cidade o 30 de maio de 1778, foi un poeta, ensaísta, dramaturgo, filósofo e historiador ilustrado francés, máis coñecido co pseudónimo de Voltaire. Voltaire destacou no século XVIII e ocupou un lugar particular na memoria colectiva dos franceses. Con el, iníciase a figura do intelectual comprometido ao servizo da verdade, da xustiza e da liberdade de pensamento.
Minnesota é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, situado na rexión do Medio Oeste (Midwest). É o duodécimo (12º) maior estado dos Estados Unidos, cunha superficie de 225.365 km². O estado de Minnesota foi constituído a partir da metade oriental do territorio de Minnesota, e foi o 32º estado en ser admitido na Unión, en 1858.
Esta páxina trata sobre a serie, para o artigo sobre o protagonista véxase Naruto Uzumaki. Naruto (ナルト) é unha serie manga creada por Masashi Kishimoto, máis tarde levada ao anime, sobre un ninja adolescente chamado Naruto. O manga apareceu publicado por vez primeira por Shūeisha en 1999 no número 43 da revista Shōnen Jump no Xapón.
O cortisol (ou hidrocortisona) é unha hormona esteroide do grupo dos glicocorticoides, producida na glándula adrenal. Libérase en resposta ao estrés e a baixos niveis sanguíneos de glicocorticoides. As súas funcións principais son incrementar os niveis de azucre en sangue estimulando a glicoxenólise; suprime o sistema inmunitario; e intervén no metabolismo das graxas, proteínas e carbohidratos.
O jazz (dʒæz; AFI: [/ʝas/] en galego) é un xénero musical nacido a finais do século XIX nas comunidades afroamericanas de Nova Orleáns (Luisiana) que se expandiu de forma global ao longo do século XX. A identidade musical do jazz é complexa e non pode ser delimitada con facilidade. En primeiro lugar, aínda que a miúdo o termo úsese para facer referencia a un idioma musical (tal como faise, por exemplo, cando se fala da música clásica), o jazz é en realidade unha familia de xéneros musicais que comparten características comúns, pero non representan individualmente a complexidade de xénero como un todo; en segundo lugar, as súas diversas "funcións sociais" (o jazz pode servir como música de fondo para reunións ou como música de baile, pero certos tipos de jazz esixen unha escoita atenta e concentrada) requiren un ángulo de estudo diferente; e en terceiro lugar, o tema racial sempre xerou un profundo debate sobre o jazz, moldeando a súa recepción por parte do público. Aínda que o jazz é un produto da cultura afroamericana, sempre estivo aberto a influencias doutras tradicións musicais variando coa mestura de culturas, e xa desde a década de 1920 foi executado por músicos de diversas partes do mundo cun trasfondo moi diferente.
O esperanto é unha lingua auxiliar artificial elaborada para servir como lingua internacional para toda a poboación mundial sen substituír as linguas naturais. O esperanto é, actualmente, a lingua artificial máis falada. O esperanto é un idioma auxiliar internacional, concibido como segunda lingua de comunicación (despois da lingua nai).
Bangladesh ou Bangladés (en bengalí: বাংলাদেশ), formalmente República Popular de Bangladesh (en bengalí: গণপ্রজাতন্ত্রী বাংলাদেশ Gônôprôjatôntri Bangladesh) é un estado da Asia Meridional, localizado no fértil delta do Ganxes. Fai fronteira coa República da India polo norte, oeste e leste, con Myanmar polo sueste e co Golfo de Bengala polo sur. Está separado do Nepal e de Bután polo territorio indio coñecido como Corredor de Siliguri.
Colombia, oficialmente República de Colombia, é un país que se atopa no recuncho noroccidental de América do Sur, o que a fai posuidora de costas nos océanos Atlántico e Pacífico. Na costa norte e noroeste está o mar Caribe, e ten fronteira continental con Venezuela ó leste, o Brasil ó sueste, o Perú e Ecuador ó sur, e Panamá e o océano Pacífico ó oeste. Limita vía marítima con Costa Rica ó oeste; Nicaragua, Porto Rico e Honduras, ó noroeste; a República Dominicana, Xamaica e Haití ó norte.
Android é un sistema operativo para móbiles baseado en Linux, que xunto con aplicacións middleware está destinado para ser empregado en dispositivos móbiles como teléfonos intelixentes, tabletas, Google TV e outros dispositivos. É desenvolvido pola Open Handset Alliance, a cal é liderada por Google. Este sistema polo xeral manexa aplicacións como PlayStore.
As aves son animais vertebrados, de sangue quente, que camiñan, saltan ou se manteñen só sobre as extremidades posteriores, mentres que as extremidades anteriores evolucionaron até converterse en ás que, do mesmo xeito que moitas outras características anatómicas únicas, permítenlles, na maioría dos casos, voar, aínda que non todas voan. Teñen o corpo cuberto de plumas e, as aves stricto sensu, un bico córneo sen dentes. Para reproducírense poñen ovos que incuban até a súa eclosión.
A India (hindi: भारत), oficialmente a República da India (hindi: भारत गणराज्य), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión.
As verduras son hortalizas nas que a parte comestible son os órganos verdes da planta, tal e como poden ser os talos, as follas etc. e que forman parte da alimentación humana. Case todas elas son de baixo contido en graxas e calorías, representando ademais fontes de vitaminas, minerais, fibra e hidratos de carbono.
Vi ,editor de texto, orixinalmente escrito por Bill Joy no 1976, tomando recursos de ed e ex, dous editores de texto deficientes para UNIX, que trataban de crear e editar ficheiros, de alí, a creación de "vi". Hai unha versión mellorada chamada Vim, pero Vi é un editor de texto que se atopa en (case) todos os sistema de tipo Unix, de forma que coñecer a forma de usalo é unha axuda ante operacións de emerxencia en diversos sistemas operativos.
Sabaton é unha banda sueca de heavy metal procedente de Falun. Os temas líricos principais do grupo baséanse na guerra, batallas históricas e actos de heroísmo: o nome é unha referencia a un escarpe (en inglés "sabaton"), peza da armadura que servía para protexer o pé. O tema de armaduras e batallas pode escoitarse nos álbums Primo Victoria, The Art of War, Coat of Arms, Carolus Rex, Heroes e The Last Stand, nos cales todos os seus temas teñen eses motivos agás os temas de peche, que son cancións tributo a influentes bandas de heavy metal.
Sichuan é unha provincia do suroeste da República Popular da China. A súa capital é Chengdu; e con outras poboacións importantes como son Zigong (tamén coñecida como Tzu-kung), Kangding e Litang. Ten unha extensión de 487.000 quilómetros cadrados e unha poboación, en crecemento, duns 85.600.000 habitantes no (2009), sendo a cuarta provincia máis poboada da China, detrás de Guangdong (Kwangtung), Henan (Honan) e Shandong (Shantung).
Na mitoloxía grega Zeus (en lingua grega Ζεύς), Zeús Kroniōn («descendente de Crono») ou Dias (Δίας, «rei divino») foi o soberano dos deuses e o deus do ceo e mais do trono. Na mitoloxía romana correspóndese con Xúpiter, protector da cidade de Roma desde o seu templo no Capitolio. Zeus deu orixe a boa parte dos deuses olímpicos e tamén á maioría dos heroes gregos, froito das relacións sexuais que tivo con diferentes mulleres mortais.
Gmail, tamén coñecido como Google Mail, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Sonny John Moore, nado no barrio de Highland Park, na cidade dos Ánxeles, o 15 de xaneiro de 1988, é un DJ, cantante e produtor musical estadounidense coñecido polo seu nome artístico Skrillex. Sonny Moore uniuse á banda post-hardcore From First to Last como o seu cantante en 2004, e gravou dous álbums con eles Dear Diary, My Teen Angst Has a Body Count (2004) e Heroine, (2006). Deixou a banda para comezar a súa carreira en solitario en 2007.
Gorcy é unha comuna no departamento do Meurthe-et-Moselle, na rexión francesa de Lorena, na fronteira franco-belga. A súa poboación é, segundo o censo de 1999, de 2130 habitantes e a comuna ten 4.1 km². Na comuna había tres castelos, pero dous quedaron destruídos, un no século XVII e o outro en 1940 durante a segunda guerra mundial.
Malawi (oficialmente República de Malawi, en inglés: Republic of Malawi, en chewa, Dziko la Malawi) é un país situado en África Oriental, limita polo norte e polo leste con Tanzania, polo leste, sur e oeste con Mozambique e polo oeste con Zambia. Non ten costas e está separado de Tanzania e Mozambique polo lago Malawi. A capital é Lilongwe e a cidade máis poboada Blantyre.
Para a outra cidade chamada Frankfurt vexa Frankfurt do Oder. Frankfurt (en alemán: Frankfurt am Main; para a distinguir de Frankfurt do Oder) é a cidade máis importante do Estado federado de Hessen (Alemaña), aínda que a capital administrativa é Wiesbaden. Frankfurt forma o núcleo urbano da rexión Rin-Meno.
Modernismo é o termo co que se designa a unha corrente de renovación artística e literaria desenvolvida a finais do século XIX e principios do XX. Segundo os distintos países, recibiu diversas denominacións: Art Nouveau (en Bélxica e Francia), Sezession (en Austria), Jugendstil (Alemaña), Liberty (Inglaterra) e Floreale (en Italia). En catalán, modernisme ou Estilo modernista.
Birmingham é unha cidade inglesa situada no condado metropolitano de Midlands do Oeste, pertencente á rexión inglesa homónima, terra ondulada pobre para o cultivo pero rica en xacementos de carbón e ferro, ao sur dos Peninos. Segundo estimacións do 2008 ten 1 016 800 habitantes, que ascenden a 2 284 093 se temos en conta a súa área metropolitana (censo 2001). Tradicionalmente é considerada a segunda cidade de Inglaterra e o Reino Unido en termos de poboación, aínda que Manchester dispútalle ese posto en canto a representatividade.
Polis (do grego πόλις, romanizado como pólis —plural póleis—) é a denominación dada ás cidades-estado independentes da antiga Grecia, xurdidas na Idade Escura mediante un proceso de agregación de núcleos e grupos de poboación (anteriormente vinculados polo οἶκος oikos casa) denominado sinecismo (συνοικισμóς synoikismós «xuntar as casas» ou «habitar xuntos»). A unificación entre o núcleo urbano e a súa contorna rural, característica esencial da polis arcaica e clásica, completouse xa cara á segunda metade do século -VII. A polis foi o marco esencial onde se desenvolveu e expandiu a civilización grega até a época helenística e a dominación romana. A estrutura da polis leva un establecemento urbano (ἄστυ, ásty), xeralmente instalado ao pé dunha cidadela elevada (ἀκρόπολις, acrópole), xunto cunha parte rústica (χώρα, khōra), composta polas terras propiedade dos cidadáns particulares, os campos sen cultivar e os bosques.
Lenovo Group Ltd. ou Lenovo PC International, tamén acurtado como Lenovo (en chinés: 联想集团, pinyin: Liánxiǎng jítuán); anteriormente estilizado como lenovo) é unha multinacional chinesa de tecnoloxía con sedes en Beijing, e en Morrisville, Carolina do Norte. Deseña, desenvolve, manufactura e vende ordenadores persoais, tabletas, teléfonos intelixentes, estacións de traballo, servidores, dispositivos de almacenamento de datos, software IT e televisións intelixentes.
JavaScript (JS) é unha linguaxe de programación interpretada, é dicir, que non require compilación, utilizada principalmente en páxinas web, cunha sintaxe semellante á da Linguaxe Java e a linguaxe C. Ao contrario que Java, JavaScript non é unha linguaxe orientada a obxectos propiamente, xa que non dispón de herdanza, é máis ben unha linguaxe baseado en prototipos, xa que as novas clases xéranse clonando as clases base (prototipos) e estendendo a súa funcionalidade. Todos os navegadores interpretan o código JavaScript integrado dentro das páxinas web. Para interactuar cunha páxina web provese á linguaxe JavaScript dun desenvolvemento do DOM. O seu uso máis estendido atópase en páxinas web HTML para realizar tarefas e operacións no marco da aplicación unicamente cliente, sen acceso a funcións do servidor.
O anime (アニメ, en xaponés) é o nome co que se coñece a animación xaponesa. Sería algo como a extrapolación dos mangas (bandas deseñadas xaponesas) para as pantallas de televisión. Entre a manga e anime adoita haber moita interacción, posto que os mangas que teñen éxito son posteriormente adaptados ó anime.
Un tsunami (do xaponés 津波: tsu, "porto" e nami, "onda") é unha serie de ondas xeradas cando a auga de superficie, por exemplo dun lago ou océano, se despraza rapidamente a escala masiva. Os derrubamentos (de xeo nos glaciares ou de terra na beiramar), as erupcións volcánicas (terrestres ou submarinas) ou un meteorito grande teñen o potencial de xerar un tsunami pero o 90 % deles son provocados por terremotos, e nese caso reciben o nome de tsunamis tectónicos. Este tipo de ondas desprazan unha cantidade de auga moi superior ás ondas superficiais producidas polo vento.
Lviv ou Leópolis, (oficialmente en ucraíno: Львів; en polaco: Lwów; antigamente en alemán: Lemberg) é unha cidade do oeste de Ucraína, capital da provincia (oblast) do mesmo nome. É un importante centro cultural, Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Ten 808 900 habitantes. Conta cun aeroporto internacional e dúas universidades.
Albedo é unha medida da reflectividade difusa ou poder reflectante dun corpo ou dunha superficie. É a razón entre a radiación electromagnética reflectida e a cantidade incidente. Esta fracción acostúmase a presentar como unha porcentaxe, entre 0% e 100%, e é un importante concepto da astronomía e mais da climatoloxía.
Marcos Evangelista de Morais, coñecido como Cafu, nado en Itaquaquecetuba o 7 de xuño de 1970, é un exfutbolista brasileiro. Foi 142 veces internacional coa selección brasileira, sendo o futbolista brasileiro con máis partidos como internacional. Coñecido pola súa velocidade e as súas enérxicas internadas pola banda dereita, está considerado un dos mellores laterais de todos os tempos, así como un dos mellores xogadores brasileiros e suramericanos da súa xeración.
Asia ( pronunciación ) é o maior e máis poboado dos cinco continentes do planeta Terra localizado principalmente nos hemisferios norte e oriental. Abrangue un terzo das partes sólidas da superficie da Terra e é responsábel por albergar case tres quintos da poboación mundial. Limita ó norte a (Rusia) co océano Glaciar Ártico, ó leste co océano Pacífico e ó sur co océano Índico, ó oeste co mar Vermello, onde se xunta coa África pola canle de Suez.
O Senegal, oficialmente República do Senegal, é un país de África Occidental. Limita ao norte con Mauritania, ao leste con Malí, ao sur con Guinea e Guinea-Bissau, e ao oeste co océano Atlántico e Gambia. É o máis próximo veciño de Cabo Verde, arquipélago que se espalla polo Atlántico a occidente da península de Cabo Verde.
O go (en xaponés: go 碁 ou igo 囲碁), tamén chamado baduk en Corea (en coreano: 바둑) e weiqi na China (chinés tradicional: 圍棋; chinés simplificado: 围棋; pinyin: wéiqí), é un xogo de mesa de estratexia abstracta para dous xogadores no que o obxectivo é cercar máis territorio que o opoñente. O xogo inventouse na China fai máis de 2.500 anos e crese que é o xogo de mesa máis antigo que se segue xogando na actualidade. Unha enquisa realizada en 2016 polos 75 países membros da Federación Internacional de Go revelou que hai máis de 46 millóns de persoas en todo o mundo que saben xogar ao go, e máis de 20 millóns de xogadores actuais, a maioría dos cales viven na Asia Oriental..
O Uruguai, oficialmente a República Oriental do Uruguai (en castelán: República Oriental del Uruguay escoitar ), é un país de América do Sur. Limita ao norte e nordeste co estado de Río Grande do Sur (Brasil), ao oeste co río Uruguai coas provincias arxentinas de Entre Ríos e Corrientes, ao suroeste co esteiro do Río da Prata o cal o separa de Buenos Aires (Arxentina) e ao sueste co océano Atlántico. O seu territorio, cunha superficie de máis de 176.000 km², é o segundo máis pequeno do subcontinente detrás de Suriname e áchase dividido administrativamente en 19 departamentos.
Malta ( pronunciación ) (en maltés: Malta, [ˈmɐl.tɐ] (AFI); en inglés: Malta, [ˈmɔːl.tə] (AFI), escoitar), oficialmente República de Malta ( pronunciación ) (en maltés: Repubblika ta' Malta, [rɛˈpʊbb.lɪ.kɐ ˈtɐ ˈmɐl.tɐ] (AFI); en inglés: Republic of Malta) é un pequeno país europeo, que consta dun arquipélago de tres illas moi próximas unhas das outras. Atópase 80 km ao sur de Sicilia (Italia), 284 km ao leste de Tunisia, e 333 km ao norte de Libia. As linguas oficiais son o maltés e inglés, e o 66% da poboación actual de Malta polo menos conversa en lingua italiana.
Marshall Bruce Mathers III, nado en St. Joseph, Missouri o 17 de outubro de 1972, coñecido profesionalmente coma Eminem (estilizado EMINƎM), é un cantante de hip hop estadounidense, ademais de produtor musical e actor. Durante a súa carreira musical 10 dos seus álbums acadaron o número un na lista Billboard 200 e cinco dos seus sinxelos estiveron no primeiro posto da lista Billboard Hot 100.