Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O desastre de Annual foi a grave derrota militar que sufriu o exército español durante a guerra de Marrocos (ou guerra do Rif) o 22 de xullo de 1921, preto da localidade marroquí de Annual, fronte as tropas rifeñas baixo o mando de Abd el-Krim. A denominación de "Desastre de Annual" dáse unicamente en España, xa que no Rif coñécese como "Vitoria de Annual". Esta foi unha das maiores crises que atacaron o reinado de Afonso XIII, e o intento de evitar as responsabilidades foi unha das causas do golpe de estado de Primo de Rivera en 1923 e a posterior ditadura.
James Prescott Joule, nado en Salford o 24 de decembro de 1818 e finado en Sale o 11 de outubro de 1889, foi un físico e cervexeiro inglés. Joule estudou a natureza da calor, e descubriu a súa relación co traballo mecánico (véxase enerxía). Isto levouno á teoría da conservación da enerxía o que o levou o desenvolvemento da primeira lei da termodinámica.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
En bioloxía, un ciclo vital ou ciclo de vida é a serie de estadios polos que pasa a vida dun organismo, que empezan no cigoto, que adoita estar nun ovo, pasa por varias fases de desenvolvemento e conclúe nun adulto que se reproduce, producindo descendencia, que volve repetir o ciclo. Nos humanos, non é o mesmo o concepto de xeración que o concepto biolóxico de xeracións, xa que nos humanos é un conxunto de persoas que, como media, naceron arredor dun mesmo período de tempo. "O concepto está estreitamente relacionado co de historia vital, desenvolvemento e ontoxenia, pero difire deles en que fai máis fincapé na renovación." As transicións na forma poden implicar o crecemento, a reprodución asexual ou a reprodución sexual.
María Belén Rueda García-Porrero, máis coñecida como Belén Rueda, nada en Madrid o 16 de marzo de 1965, é unha actriz e presentadora de televisión española. Logo dunha extensa carreira televisiva en series e programas durante máis de dez anos, Belén Rueda debutou no cine en 2004 con Mar adentro, dirixida por Alejandro Amenábar, protagonizou El orfanato en 2007 e Los ojos de Julia en 2010. Nela compartiu repartición con actores como Javier Bardem ou Lola Dueñas e gañou ademais o premio como mellor actriz revelación na XIX edición dos Premios Goya.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Jeffrey Edward Epstein, nado en Brooklyn o 20 de xaneiro de 1953 e finado o 10 de agosto de 2019, foi un financeiro estadounidense e pedófilo convicto por delitos sexuais. Epstein comezou a súa vida profesional dando clases na Dalton School malia non ter o título universitario necesario. Despois do seu despedimento da escola en 1976, entrou no sector bancario e financeiro, traballando en Bear Stearns en varios roles antes de iniciar a súa propia empresa.
O Meco é unha figura da cultura tradicional galega, coñecida popularmente pola súa queima durante a celebración do entroido. Na cultura popular, a lenda do Meco remite a un ser eclesiástico, ben pastor, ben seminarista, que abusaba sexualmente das mulleres da contorna baixo o amparo do dereito de pernada, lei medieval que permitía aos terratenentes abusaren dos labradores que traballasen e morasen nos terreos da súa propiedade. A queima do Meco no entroido corresponde ao axustizamento violento por parte das masas, que nun acto de rebeldía aforcaran a este ser ao pé dunha figueira.
Felipe González Márquez, nado en Sevilla o 5 de marzo de 1942, é un avogado, profesor universitario e político andaluz, secretario xeral do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) dende 1974 até 1997 e terceiro presidente do Goberno de España dende a reinstauración da democracia, entre 1982 e 1996.
Esta é unha cronoloxía de Galicia, que comprende importantes eventos, cambios legais e territoriais ademais de acontecementos políticos, sociais e económicos en Galicia e nos seus estados predecesores; tamén eventos acontecidos na península ibérica e eventos internacionais que tiveron relevancia para a Historia de Galicia.
Padre Casares é unha serie de televisión galega estreada no ano 2008, converténdose na serie revelación da tempada na TVG. Dirixida por Manuel A. Espiñeira, Jorge Coira, Carlos Sedes e Marta Piñeiro, escrita por Carlos Portela e producida por Voz Audiovisual, emitiuse con éxito os luns pola noite na TVG desde o 15 de xaneiro de 2008 ata o 28 de setembro de 2015. Os exteriores foron gravados na parroquia de Santaia de Liáns (Oleiros), e no lugar de Redes (Ares) e en Santiago de Compostela. Foi o espazo con máis audiencia da TVG nas tempadas 2008-09 e 2009-10, e segundo a tempada anterior, por detrás de Libro de familia.
Enrique Martín Morales, máis coñecido polo seu nome artístico Ricky Martin, nado en San Juan o 24 de decembro de 1971, é un cantante, compositor, actor e escritor portorriqueño. Iniciou a súa carreira musical a mediados da década de 1980, como vocalista dun grupo xuvenil chamado Menudo. A partir de 1991 estableceuse como solista.
María Rosa Rodríguez Ramírez, nada en Quilmes (Arxentina) o 18 de outubro de 1993, é unha filóloga, profesora e concursante de televisión galega nada na Arxentina. É coñecida pola súa participación no concurso Pasapalabra de Antena 3, onde foi a primeira muller en superar os 300 programas en competición. O 5 de febreiro de 2026 pasou a ser unha das poucas mulleres en gañar o concurso.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Primeira división española de fútbol sala
A Primera División de fútbol sala (desde 1989 ata 2011 chamada División de Honra de fútbol sala) é a máxima categoría de fútbol sala en España, organizada pola Liga Nacional de Fútbol Sala. Atópase por riba da Segunda División e dispútase dende 1989.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía.
Bacopa monnieri é unha planta herbácea perenne rastreira cuxo hábitat inclúe as zonas húmidas e as beiras fangosas. Brahmi é tamén o nome dado a Centella asiatica por algúns botánicos, mentres que outros consideran que é un erro que xurdiu durante o século XVI, cando brahmi foi confundido con mandukaparni o nome para a Centella asiática. Está catalogada como especie invasora en Galicia.
Antonio Segundo Durán Moreiras, máis coñecido como "Morris", nado en Vigo o 9 de xullo de 1959, é un actor galego. Cunha carreira interpretativa que abrangue case 50 anos, traballou en máis dun cento de obras audiovisuais e é un dos rostros máis célebres e recoñecidos do cine, a televisión e o teatro en Galicia. Fíxose especialmente popular polos papeis de Antón Santos na serie Pratos combinados e Delmiro Ferreira en Padre Casares, personaxes que interpretou ao longo de 14 e 16 tempadas respectivamente.
Roberto Ignacio Vidal Bolaño, nado en Vista Alegre (Santiago de Compostela) o 31 de xullo de 1950 e finado na mesma cidade o 11 de setembro de 2002, foi un autor, director e actor de teatro galego, pioneiro da dramaturxia profesional en Galicia. Foi un dos líderes do Grupo Antroido, a primeira compañía teatral galega profesional, e con ela realizou unha gran cantidade de funcións, desenvolvendo diferentes tarefas como director, escritor, actor e iluminador, ademais de moitas outras. Escribiu preto de 30 obras de teatro e recibiu numerosos premios e recoñecementos polo seu traballo, o premio Abrente, o premio Álvaro Cunqueiro, o Rafael Dieste, o Eixo Atlántico e o Tirso de Molina, entre outros.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Os arquivos de Epstein son unha colección de millóns de documentos, imaxes e vídeos que detallan as actividades criminais do financeiro estadounidense e delincuente sexual infantil condenado Jeffrey Epstein, incluído o seu círculo social de figuras públicas, políticos e famosos. Os arquivos son documentos recompilados como proba nos casos criminais contra Epstein e os seus asociados, almacenados como máis de 300 gigabytes de datos, ademais doutros soportes, no sistema de xestión de casos Sentinel do FBI. Inclúen o seu libro de contactos, os rexistros de voo dos seus avións e documentos xudiciais. Moitos dos rexistros e arquivos relacionados con Epstein pertencen á súa herdanza, que actualmente está dirixida polo avogado Darren Indyke e o contable Richard Kahn.
Santiago de Xustás é unha parroquia do concello lugués de Cospeito na comarca da Terra Chá. Tiña 265 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 139 homes e 126 mulleres distribuídos en 10 entidades de poboación. O que supón unha diminución de 21 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 286 habitantes (148 homes e 138 mulleres) e 59 menos que en 2000.
En química, un composto químico é unha substancia formada pola unión de dous ou máis elementos da táboa periódica, e que pode descompoñerse nestes por métodos químicos apropiados. Os compostos, do mesmo xeito que as mesturas, están constituídos por dous ou máis elementos químicos diferentes, pero diferéncianse esencialmente destas nos seguintes aspectos: Os compoñentes das mesturas poden separarse por medios físicos (filtración, decantación, destilación, ...), pero os constituíntes dos compostos, non. As mesturas teñen as propiedades dos seus compoñentes, pero os compostos posúen as súas propiedades específicas correspondentes.
SIMP J013656.5 +093347 (de xeito abreviado SIMP0136) é unha anana marrón ou un obxecto de masa planetaria a unha distancia de 19,9 anos luz da Terra, na constelación Pisces. Pertence á clase espectral T2.5 e a súa posición cambia debido ó seu movemento propio, o cal é de aproximadamente 1,24 segundos de arco por ano, na ascensión recta. Esta anana marrón proporcionou a primeira evidencia de variacións periódicas do fluxo de variabilidade entre as ananas tipo T. Isto interpretouse como unha sinatura de patróns meteorolóxicos que entran e saen da vista durante o período de rotación de 2,4 horas do obxecto.
Mikel Garikoitz Aspiazu Rubina
Mikel Garikoitz Aspiazu Rubina, nado en Bilbao o 6 de xullo de 1973, máis coñecido como Txeroki, é un membro da banda terrorista ETA, da que asumiu a xefatura militar no 2008 até a súa detención en novembro do mesmo ano.
A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular da China, en chinés 中華人民共和國香港特別行政區 é unha rexión chinesa formada por unha península e varias illas, entre elas a illa de Hong Kong, no Mar da China Meridional, no delta do Río das Perlas, xunto á provincia de Guangdong. Ata 1997 foi colonia do Reino Unido. O nome da illa de Hong Kong (chinés: 香港), significa literalmente "porto fragrante" ou "porto do recendo".
O contador eléctrico é un aparello electrónico (os antigos eran electromecánicos) empregado para medir a enerxía eléctrica consumida nun circuíto ou instalación. A unidade de medida da enerxía eléctrica é o vatio ( joule por segundo), e o seu múltiplo o kWh (quilovatio por hora). Os contadores eléctricos son de diverso tipo.
A serra da Loba é unha serra galega localizada dentro da cordilleira dorsal galega. Fai fronteira entre as provincias de Lugo e da Coruña, a partir da depresión das Pontes de García Rodríguez até os nacentes dos ríos Mandeo e Labrada, que ao tempo a separan da cordal de Montouto. Está conformada por rocha granítica de dúas micas, gneis ollo de sapo, xistos migmáticos e granito intrusivo.
O Rally de Narón de 1994 foi a 7ª edición de dito rally e a sétima proba da tempada 1994 do Campionato de Galicia de Rally. Foi a primeira edición na que o rally se disputou sobre asfalto, xa que ós anos anteriores fora sobre terra. Celebrouse o 19 e o 20 de agosto e o vencedor foi o navarro Javier Azcona cun Renault Clio Williams e con Juan Louro como copiloto.
A pataca ( pronunciación ), baloca, castaña ou castaña da terra é o tubérculo da planta da pataca ou pataqueira (Solanum tuberosum), unha planta da familia das solanáceas, orixinaria de América do Sur e cultivada en case todo o mundo polo seu tubérculo comestíbel. Con frecuencia adóitase citar como endémica dos Andes nunha área que coincide aproximadamente co sur do Perú, onde foi cultivada e consumida polo menos dende o VIII milenio a. C., porén dende hai séculos a planta é cultivada noutras latitudes dando lugar a diversas variedades de patacas.
Mareas vivas é unha serie da Televisión de Galicia, creada por Antón Reixa e producida por Voz Audiovisual e Zopilote, que foi emitida entre 1999 e 2003. Foi o maior éxito da TVG e os personaxes das primeiras tempadas fixéronse moi populares entre a poboación galega. A teleserie fixo historia por empregar unha lingua popular, dialectalmente propia do galego da Costa da Morte.
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A Lenda do Meco recolle unha vella lenda popular na que os veciños do Grove enforcaron a un crego, fartos dos abusos sexuais que protagonizara, e declaráronse culpables colectivamente, todos a un, ante a xustiza. O feito deu lugar ó xentilicio popular que reciben os grovenses como mecos. Aparece documentada por vez primeira da man de frei Martín Sarmiento, que a cita na súa Viaje a Galicia, de 1745, como un sucedido uns oitenta anos antes da súa viaxe.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 229.710.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
S Ori 70 ou S Ori J053810.1-023626 é un obxecto astronómico de tipo T que está situado en primeiro plano no cúmulo estelar de Sigma Orionis, que está a aproximadamente 1.150 anos luz de Terra. Foi descuberto o 24 de novembro de 2002 polo equipo de M. R. Zapatero Osorio e E. L. Martín no Observatorio de Roque de los Muchachos. Aínda non se determinou se é unha anana marrón ou un planeta de 3 millóns de anos de idade que forma parte do cúmulo anteriormente citado.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebráronse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. O partido no goberno, o Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda mantivo o seu dominio respecto das eleccións anteriores, aínda que perdeu dous escanos en relación ás eleccións de 2020. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) mantívose no segundo posto e sumou 6 escanos máis dos 19 que xa tiña, o cal o situou no seu mellor resultado histórico.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Paloma San Basilio, nada en Madrid o 22 de novembro de 1950, é unha cantante e actriz española. Trátase dunha das intérpretes máis populares e prestixiosas no ámbito da canción melódica en castelán. A potencia vocal de Paloma San Basilio, e a súa precisión e nitidez no fraseo son as súas características máis destacables.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
José Miguel Figueira Domínguez, nado na Picota (Mazaricos) o 16 de abril de 1974, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego, que dende novembro de 2024 dirixe o Deportivo da Coruña Xuvenil na División de Honra. Xogaba principalmente como centrocampista e tivo unha longa carreira como futbolista, vestindo a camiseta dunha decena de equipos en cinco categorías diferentes, dende a Primeira Autonómica de Galicia ata a Segunda División española.
Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Deutschland [ˈdɔʏtʃlant] , en alto sorbio: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorbio: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] ) é un estado federal da Europa central. Limita ao norte co mar do Norte, Dinamarca e o mar Báltico, ao leste con Polonia e a República Checa, ao sur con Austria e Suíza, e ao oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio, por un clima temperado estacional.
Gabriel Rufián Romero, nado en Barcelona o 8 de febreiro de 1982, é un activista social e político catalán vinculado con movementos sociais de esquerdas e independentistas. Presentouse nas eleccións xerais españolas de 2015, 2016, abril de 2019 e novembro de 2019 como cabeza de lista de ERC e foi elixido membro do Congreso dos Deputados español.
A Super Bowl é o partido final anual da National Football League (NFL), principal campionato profesional de fútbol americano do mundo. O partido culmina unha temporada que comeza no final do verán do ano anterior. Habitualmente, máis que o ano no que se disputa o encontro, utilizanse números romanos para identificar e diferenciar cada partido.
Xavier Vence Deza, nado en Álceme (Rodeiro) o 19 de xaneiro de 1961, é un Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor e político galego, portavoz nacional do BNG desde o 17 de marzo de 2013 ao 28 de febreiro de 2016. Membro correspondente da Real Academia Galega desde 2012.