Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Jeffrey Edward Epstein, nado en Brooklyn o 20 de xaneiro de 1953 e finado o 10 de agosto de 2019, foi un financeiro estadounidense e pedófilo convicto por delitos sexuais. Epstein comezou a súa vida profesional dando clases na Dalton School malia non ter o título universitario necesario. Despois do seu despedimento da escola en 1976, entrou no sector bancario e financeiro, traballando en Bear Stearns en varios roles antes de iniciar a súa propia empresa.
Mao Tse Tung ou Mao Zedong (en chinés tradicional: 毛澤東; en chinés simplificado: 毛泽东; pinyin: Máo Zédōng; Wade-Giles: Mao2 Tse2-tung1), nado o 26 de decembro do 1893 e morto o 9 de setembro de 1976, foi o máximo dirixente do Partido Comunista da China (PCCh) e da República Popular da China. Baixo o seu liderado, o Partido Comunista fíxose co poder na China continental en 1949, cando se proclamou a nova República Popular, trala vitoria na guerra civil contra as forzas da República da China. A vitoria comunista provocou a fuxida de Chiang Kai-shek e os seus seguidores do Kuomintang para Taiwán e converteu a Mao no líder máximo da China ata a súa morte en 1976.
José Luis Vara Olveira, nado en Esteiro (Muros) o 5 de outubro de 1958 e finado na Coruña o 23 de abril de 2009, foi un futbolista e adestrador galego, que xogaba como centrocampista. Capitán e xogador máis emblemático do Deportivo da Coruña na década de 1980, militou nove tempadas no club coruñés, disputando un total de 291 partidos oficiais, nos que marcou 80 goles. Nunca puido xogar co Deportivo na Primeira División, pero fíxoo co Betis, no que militou entre 1987 e 1990.
Angkor é un nome asociado á rexión de Camboxa na que se asentou o Imperio Khmer, que tivo o seu apoxeo entre os séculos IX e XV da nosa era. O período de Angkor pode definirse coma o período dende 802, cando o monarca Khmer hinduísta Jayavarman II se autodeclarou "monarca universal" e "rei divino" de Camboxa, ata 1431, cando os invasores tailandeses saquearon a capital Khmer, provocando que a súa poboación tivese que migrar á área meridional de Phnom Penh. As ruínas de Angkor localízanse entre fragas e terras de labranza ao norte do Gran Lago (Tonle Sap) e o sur das Montañas Kulen, preto da actual Siem Reap.
O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella máis coñecida por Cruz Vermella é unha institución humanitaria, internacional e de carácter voluntario, que reúne ao redor de 97 millóns de voluntarios en todo o mundo. Fundouna en Suíza no ano 1863 Jean Henri Dunant, e dende entón traballa en favor dos colectivos máis vulnerables e necesitados. Defende os dereitos humanos, as minorías étnicas e a conservación dos ecosistemas.
Os escíncidos (Scincidae), tamén chamados esgonzos, son unha familia de lagartos da infraorde Scincomorpha dos que hai descritas máis de 1.500 especies, polo que son unha das familias máis diversas de lagartos. En Galicia só viven dúas especies de escíncidos, que son o esgonzo común e o esgonzo ibérico.
Prudente José de Morais e Barros, nado en Itu (estado de São Paulo) en 4 de outubro de 1841 e finado en 3 de decembro de 1902, foi un avogado e político brasileiro, o primeiro presidente civil do Brasil, de 15 de novembro de 1894 ata 15 de novembro de 1898. O seu goberno foi marcado polo fin da Revolución Federalista no Rio Grande do Sur e pola Guerra de Canudos no sertao da Baía. O seu goberno marcou tamén o inicio no Brasil da chamada política do café con leite, que durou de 1894 até 1930 e caracterizouse polo predominio de presidentes orixinarios do estado de São Paulo (entón grande produtor de café) e de Minas Xerais (entón grande produtor de gando leiteiro).
Os gadiformes (Gadiformes), ou anacantinos (Anacanthini), son unha orde de peixes osteíctios teleósteos, da superorde dos paracantopterixios (Paracanthopterygii), entre os que se inclúen especies de tanta importancia pesqueira e comercial como as pescadas, os bacallaus, as fanecas ou as pescadas. Apareceron por primeira vez no rexistro fósil no mioceno medio, na metade do terciario.
As células ciliadas son os receptores sensoriais do sistema auditivo e do oído de todos os vertebrados. Tamén hai células ciliadas similares no sistema vestibular do oído dos vertebrados, e no órgano da liña lateral dos peixes. Por mecanotransdución realizada por un feixe de estereocilios que posúen, as células ciliadas detectan o movemento das estruturas dos tecidos ou do ambiente que as rodean.
Mu isamaa, mu õnn ja rõõm (en galego, A miña terra nai, o meu gozo e dita) foi adoptado como himno nacional (en estoniano: riigihümn, ou rahvushümn) da República da Estonia en 1920, sendo retomado en 1990. A letra foi escrita por Johann Voldemar Jannsen para unha melodía composta en 1848 por Fredrik (Friedrich) Pacius que tamén compuxo a música do himno nacional da Finlandia: Maamme. A canción presentouse ao público pola primeira vez no decorrer do Gran Festival da Canción de Estonia en 1869 e tornouse rapidamente no símbolo do Nacionalismo estoniano.
Xogos Olímpicos de Inverno de 2026
Os Xogos Olímpicos de Inverno 2026 (en italiano: Olimpiadi invernali del 2026), oficialmente os XXV Xogos Olímpicos de Inverno e comunmente coñecido como Milano Cortina 2026, é un próximo evento multideportivo internacional que terá lugar do 6 ao 22 de febreiro de 2026 en sitios de Lombardía e o nordés de Italia. A oferta conxunta de Milán e Cortina d'Ampezzo obtivo os Xogos Olímpicos de Inverno 2026 na 134ª Sesión do COI o 24 de xuño de 2019, superando a oferta conxunta feita por Estocolmo e Åre (Suecia); serán os primeiros Xogos Olímpicos que serán oficialmente copatrocinados por dúas cidades, con Milán organizando principalmente eventos sobre xeo, e os eventos restantes celebraranse en grupos arredor de Cortina, e os vales de Valtellina e Fiemme. Marcarán os terceiros Xogos Olímpicos de Inverno, e o cuarto en xeral, que será acollido por Italia; Cortina d'Ampezzo acollera previamente os Xogos Olímpicos de Inverno de 1956.
Congreso Universal de Esperanto
O Congreso Universal de Esperanto (en esperanto: Universala Kongreso de Esperanto) ten a máis longa tradición de entre as convencións internacionais de esperanto, levándose a cabo case ininterrompidamente por máis de cen anos. Os congresos organizáronse cada ano desde 1905, excepto durante as Guerras Mundiais. A Asociación Universal de Esperanto estivo organizando estes encontros desde 1920.
Caimán Menor (en inglés Little Cayman) é a máis pequena das Illas Caimán. Atópase ao nordés da illa máis grande, Gran Caimán, ten unha superficie aproximada de 26 km² e unha poboación de menos de 170 persoas. Gran parte da illa está ao nivel do mar, e é accesible polo aire a través da aeroliña local Cayman Airways e por mar desde Caimán Brac.
En infectoloxía, un axente biolóxico patóxeno (do grego pathos, enfermidade e genein, procrear) é toda aquela entidade biolóxica capaz de producir enfermidade ou dano na bioloxía dun hóspede (humano, animal, vexetal etc.) sensiblemente predisposto. O mecanismo da patoxenicidade foi moi estudado e ten varios factores, algúns dos cales son dependentes do axente patóxeno e outros do hóspede.
Universidade de Madrid ou Universidade Central foron os nomes que tomou a Universidade de Madrid cando se pechou a Universidade de Alcalá, e os seus estudos foron trasladados á cidade de Madrid, a mediados do século XIX. Mediante Real Orde da Raíña Rexente de 29 de outubro de 1836, decretouse o comezo do traslado a Madrid dos estudos. A universidade de Madrid denominouse nun principio Universidade Literaria e en 1851, Universidade Central.
A beleza, definida como o conxunto de características dunha persoa, animal, lugar, obxecto ou idea que proporcionan unha experiencia de percepción de pracer ou satisfacción, é unha noción abstracta vinculada a numerosos aspectos da existencia humana. A beleza, a arte e o gusto son os principais temas da estética , un dos campos de estudo da filosofía. Este concepto é estudado principalmente pola disciplina filosófica da estética, mais esténdese, se ben en distintos graos, noutros terreos tal que a historia, a socioloxía ou a psicoloxía.
O río Guadalhorce (do árabe wādi, "río" + latín forfex, "tesoiras" ou "cizallas") é un curso fluvial andaluz que desemboca no mar Mediterráneo. É o principal río da provincia de Málaga e da Conca hidrográfica do sur. Proporciona electricidade e auga a Málaga a través das centrais de Gobantes, Paredones, Gaitanejo e El Chorro, habendo unha nova central proxectada na súa desembocadura.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. Posteriormente, xa na segunda década do século XXI, por mor da crise en Galicia e España, iniciouse unha segunda vaga de emigración galega, principalmente cara a países de Europa (Alemaña e Inglaterra), formada normalmente por mozos con estudos e un nivel cultural medio-alto.
O Meco é unha figura da cultura tradicional galega, coñecida popularmente pola súa queima durante a celebración do entroido. Na cultura popular, a lenda do Meco remite a un ser eclesiástico, ben pastor, ben seminarista, que abusaba sexualmente das mulleres da contorna baixo o amparo do dereito de pernada, lei medieval que permitía aos terratenentes abusaren dos labradores que traballasen e morasen nos terreos da súa propiedade. A queima do Meco no entroido corresponde ao axustizamento violento por parte das masas, que nun acto de rebeldía aforcaran a este ser ao pé dunha figueira.
A provincia de Zamora é unha provincia española integrada actualmente na Comunidade Autónoma de Castela e León e cuxo territorio pertenceu antigamente ao Reino de León. O territorio da provincia de Zamora abarca 10.559 km² e conta con 174.544 habitantes no 2018. Trátase dunha poboación fortemente envellecida e en clara regresión demográfica.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
En física de partículas, a interacción nuclear forte, tamén chamada forza forte, forza nuclear forte ou interacción forte é un dos catro tipos de forzas fundamentais que o modelo estándar da Física establece para explicar o universo. Esta forza é a responsable de manter unidos aos nucleóns (protóns e neutróns) que coexisten no núcleo atómico, vencendo á repulsión electromagnética entre os protóns que posúen carga eléctrica do mesmo signo (positiva) e facendo que os neutróns, que non teñen carga eléctrica, permanezan unidos entre si e tamén aos protóns. É a maior forza existente en todo o universo, non existe unha forza equiparable coa interacción nuclear forte; pois esta é a que dá a existencia de todo o universo en conxunto ademais da interacción nuclear débil, o electromagnetismo e a gravidade.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Porto Rico nos Xogos Olímpicos
Porto Rico participou por vez primeira nos Xogos Olímpicos en 1948, e dende entón enviou atletas para competir en cada edición dos Xogos de Verán. Porto Rico tamén participou nos Xogos Olímpicos de Inverno dende 1984, mais perdeu os Xogos de 2006, 2010 e 2014. Os deportistas portorriqueños gañaron un total de doce medallas.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego. Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Mancomunidade ETAP Benavente y los Valles
A Mancomunidade ETAP Benavente y los Valles é unha agrupación voluntaria de concellos para a xestión en común de determinados servizos de competencia municipal, creada por varios concellos na provincia de Zamora, da comunidade autónoma de Castela e León, España. Substituíu a Mancomunidade de Benavente y Comarca.
Virginia Apgar, nada en Westfield (New Jersey) o 7 de xuño de 1909 e finada en Manhattan o 7 de agosto de 1974, foi unha médica, obstetra, anestesióloga e investigadora médica estadounidense. É coñecida como a creadora do test de Apgar, un xeito rápido de avaliar a saúde dun bebé inmediatamente despois do nacemento para combater a mortalidade infantil. En 1952 desenvolveu este exame clínico de 10 puntos para o persoal médico e de enfermaría avaliaren o estado de bebés.
Alice Cooper, é unha banda de Hard rock e Rock and roll que tivo o seu maior auxe nos anos 70, e, máis tardiamente, o nome artístico do ex-líder da banda, Vincent Damon Furnier, nado en Detroit o 4 de febreiro de 1948, como solista e compositor de Rock, tocando subxéneros coma o Hard rock, Glam rock, New wave ou Heavy metal, ó longo da súa carreira. É coñecido polas súas presentacións en vivo, frecuentemente teatrais e violentas, cheas de maquillaxe, cadeiras eléctricas, forcas, guillotinas, cabezas decapitadas artificiais e sangue falso. O humor, frecuentemente, forma parte dos seus traballos e entrevistas.
O MS Estonia, un transbordador-cruceiro construído en 1980 afundiuse o mércores 28 de setembro de 1994, entre as 00:50 e a 1:50 (UTC 2) aproximadamente mentres o barco cruzaba o mar Báltico, en ruta dende Talín, Estonia, ata Estocolmo, Suecia. O naufraxio foi un dos peores desastres marítimos do século XX. É un dos naufraxios en tempos de paz con máis vítimas mortais dun barco europeo, despois do Titanic en 1912 e do Empress of Ireland en 1914, e o naufraxio en tempos de paz con máis mortes producido en augas europeas, con 852 (de 989) vidas perdidas.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2026, 72 autores (14 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 64 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Mancomunidade Seabra-Carballeda
A Mancomunidade de Municipios Sanabria-Carballeda é unha agrupación voluntaria de concellos para a xestión en común de determinados servizos de competencia municipal, creada por varios concellos da provincia de Zamora, da comunidade autónoma de Castela e León, España.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
A Mancomunidade de Alta Seabra é unha asociación voluntaria de concellos da provincia de Zamora para a xestión en común de determinados servizos de competencia municipal. Ten personalidade xurídica propia, ademais da consideración de entidade local. Engloba unha poboación de case 2.000 habitantes espallados en diferentes núcleos de poboación da bisbarra de Seabra.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
A comarca das Mariñas é unha comarca natural e histórica galega, situada no litoral do Golfo Ártabro. Malia que o topónimo das Mariñas foi usado amplamente ao longo dos séculos XX e XXI para denominar diversas institucións e entes da zona , esta comarca non foi incorporada ao plan de comarcalización aprobado en 1997 pola Xunta de Galicia, dado que o seu territorio histórico ficou dividido entre diversas comarcas, coma as da Coruña e Betanzos.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Mancomunidade de Servizos Órbigo-Eria
A Mancomunidade de Servizos «*Órbigo-Eria» é unha agrupación voluntaria de concellos para a xestión en común de determinados servizos de competencia municipal, creada por varios concellos na provincia de Zamora, da comunidade autónoma de Castela e León, España. Ten personalidade xurídica propia, ademais da consideración de entidade local. Engloba unha poboación de case 5.000 habitantes diseminados en diferentes núcleos de poboación da comarca de Benavente y Los Valles.
Febreiro na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de febreiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Incluímos tamén as mencións ó entroido, por coincidir -habitualmente- con este mes.
Xavier Vence Deza, nado en Álceme (Rodeiro) o 19 de xaneiro de 1961, é un Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor e político galego, portavoz nacional do BNG desde o 17 de marzo de 2013 ao 28 de febreiro de 2016. Membro correspondente da Real Academia Galega desde 2012.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.