Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
As ácido graxo desaturases son unha familia de encimas que converten os ácidos graxos saturados en ácidos graxos insaturados e poliinsaturados, nunha reacción chamada desaturación. Para os ácidos graxos comúns de 18 carbonos (C18), as desaturases converten o ácido esteárico en ácido oleico. Outras desaturases converten o ácido oleico en ácido linoleico, que é o precursor do ácido α-linolénico, ácido gamma-linolénico e ácido icosatrienoico.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Ignacio Rivera Quintana, nado na Coruña o 24 de abril de 1965, é un empresario galego, presidente executivo actual da Corporación Hijos de Rivera, empresa galega con actividade centrada na distribución de bebidas, cuxa marca máis recoñecida é a Estrella Galicia. Pertence á cuarta xeración da familia Rivera, sendo bisneto de José María Rivera Corral, o fundador da empresa Estrella Galicia na Coruña, en 1906.
Pedro Manuel Arias Veira, coñecido como Pedro Arias e ás veces Pedro Arias Veira, nado na Coruña o 6 de maio de 1949 e finado o 2 de maio de 2025, foi un economista e político galego de varias formacións. Cunha destacada traxectoria no eido universitario e na vida pública de Galicia, combinou a docencia co activismo social e político, así como a participación en faladoiros; foi ademais autor de varios ensaios sobre economía e pensamento político contemporáneo.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, dende o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2018, 7.800 militantes, e 591 concelleiros e 36 alcaldes en 2023 en diversos concellos de Galiza.
Lión (en francés: Lyon, francoprovenzal: Liyon), é a terceira cidade máis grande e a segunda área urbana máis grande de Francia. Está situado na confluencia dos ríos Ródano e Saona, a uns 470 km ao sueste de París, 320 km ao norte de Marsella e 56 km ao nordés de Saint-Étienne. A cidade de Lión propiamente dita tiña unha poboación de 516.092 en 2017 dentro do seu pequeno territorio municipal de 48 km², pero xunto coa súa contorna e suburbios a área metropolitana de Lión tiña unha poboación de 2.323.221 ese mesmo ano a segunda máis poboada de Francia.
Unha pirámide (do grego "πυραμίς" – pyrámis a través do latín pyrămis, -ĭdis) é unha estrutura na que as superficies exteriores son triangulares e converxen nun punto. A base dunha piramide pode formar calquera forma poligonal con máis de tres lados, o que significa que unha pirámide ten polo menos catro superficies triangulares. A pirámide cadrada, cunha base cadrada e catro superficies exteriores triangulares é a versión máis común.
Ana Torroja Fungairiño, nada en Madrid o 28 de decembro de 1959, é unha cantante española, unha das voces máis coñecidas da música pop do país. Foi a vocalista do grupo Mecano, xunto aos irmáns José María e Nacho Cano, cos que conseguiu un éxito espectacular en España e outros países. Con Mecano vendeu máis de 25 000 000 de discos.
A carriza eurasiática, comunmente carriza ou carrizo, (Troglodytes troglodytes) é un paxaro de aspecto arredondado e moi pequeno (o terceiro máis pequeno dos que viven en Europa). Esta especie é o único representante en Eurasia da familia dos trogloditas (Troglodytidae). Son aves insectívoras que cantan mesmo no inverno e fan niños moi traballados.
Un sacho, chamado tamén aixada, laia, sacha ou legón, é unha ferramenta agrícola consistente nunha peza de metal, ferro polo xeral, en forma de pa aguzada por un lado e unida a un mango perpendicular, e que se utiliza para cavar ou remexer a terra. A súa forma e tamaño varía en función da zona do país na que nos situemos.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Nomadland é un filme estadounidense escrito e dirixido por Chloé Zhao. Baséase no libro Nomadland: Surviving America in the Twenty-First Century escrito por Jessica Bruder, e narra a historia dunha muller que abandona a súa poboación para emprender unha viaxe polo oeste dos Estados Unidos. Está protagonizado por Frances McDormand, David Strathairn e os nómades reais Linda May, Swankie e Bob Wells interpretando versións ficticias deles mesmos.
Milkybar, tamén coñecido como Galak na maior parte de Europa continental e América Latina, é un doce de chocolate branco producido por Nestlé dende 1936 e comerciado internacionalmente (non se vende nos Estados Unidos, mais pode ser mercado online e atopado en tendas especializadas). Segundo Nestlé, Milkybar/Galak non contén colorantes, sabores nin conservantes artificiais.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirāt. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
HTTP 404, 404 not found, 404, 404 error, page not found ou file not found é unha mensaxe de erro do código estándar de resposta do protocolo HTTP que indica que o cliente se puido comunicar co servidor pero que este non foi capaz de atopar o que se buscaba. Un erro 404 indica que o recurso buscado, xeralmente unha páxina web, pode estar dispoñible no futuro. O erro tamén pode aparecer cando un servidor non quere revelar se ten a información solicitada.
A Universidade de Salamanca (en latín Universitas Studii Salmanticensis) encóntrase emprazada na cidade de Salamanca, na comunidade autónoma de Castela e León. É a universidade máis antiga de España e unha das catro máis antigas de Europa que seguen abertas, tras as de Boloña, Oxford e París (hoxe A Sorbona). O Studium Generale, xerme da universidade, instituído en 1218, era nese momento o segundo máis antigo de España, tras o studium de Palencia (fundado entre 1208 e 1214), e ademais foi a primeira institución educativa europea que obtivo o título de Universidade por unha bula de Alexandre IV no ano 1255.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.298.
A orella (do diminutivo latino de auris, auricula) ( pronunciación ) é a parte visible do órgano do sentido do oído, e está formada polo pavillón auricular ou pavillón auditivo externo que, canda o conduto auditivo externo, constitúe o chamado oído externo. É unha estrutura cartilaxinosa (composta por cartilaxe e pel) que ten como función captar as vibracións sonoras e dirixilas cara ao interior do oído. Moitos animais son capaces de mover a vontade o pavillón auricular cara a dirección da que procede o son (por exemplo, os cans).
Os pinnípedes (Pinnipedia) son unha superfamilia de mamíferos carnívoros da suborde dos caniformes. Xunto cos cetáceos e os sirenios, son os únicos mamíferos adaptados á vida acuática, e adoitan vivir preto das costas, que utilizan para descansar, reproducirse e parir, estratexia reprodutora que recordan dos seus antepasados terrestres. Diferéncianse doutras especies de mamíferos mariños por teren pelo en todo o corpo e, con el e sobre todo coa grosa capa de graxa subepidérmica, conseguen o illamento térmico que precisan para a súa vida no mar.
Unha autopsia ou necropsia é unha investigación médica dun cadáver para determinar as causas da morte. Existen dous tipos de autopsias, a forense, na que se realiza para determinar a causa da morte por motivos legais, e mais a clínica, a realizada en hospitais para determinar a causa da morte para investigación e estudo.
Max Planck, nado en Kiel o 23 de abril de 1858 e finado en Gotinga o 4 de outubro de 1947, foi un físico alemán, considerado como o pai da teoría cuántica. Gañou o Premio Nobel de Física de 1918 "polos servizos que prestou ao avance da física co seu descubrimento da enerxía cuántica". Planck realizou numerosas contribucións importantes á física teórica, pero a súa fama débese principalmente ao seu papel como precursor da teoría cuántica e como un dos fundadores da física moderna, o que revolucionou a comprensión dos procesos atómicos e subatómicos.
Mareas vivas é unha serie da Televisión de Galicia, creada por Antón Reixa e producida por Voz Audiovisual e Zopilote, que foi emitida entre 1999 e 2003. Foi o maior éxito da TVG e os personaxes das primeiras tempadas fixéronse moi populares entre a poboación galega. A teleserie fixo historia por empregar unha lingua popular, dialectalmente propia do galego da Costa da Morte.
Your Choice Live Series Vol. 12
Your Choice Live Series Vol.12 é un álbum ao vivo da banda estadounidense de sludge metal The Melvins, publicado no ano 1991 a través do selo Your Choice Records. O disco foi gravado o 23 de xaneiro de 1991 no Oberhaus en Alzey, Alemaña. A banda tamén interpretou a canción "It's Shoved", que non foi incluída no álbum pero despois foi lanzada no recompilatorio It's Your Choice.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
As Pirámides de Exipto son antigas estruturas feitas en albanelaría construídas pola civilización do Antigo Exipto. Até novembro de 2008, existían fontes citando entre 118 e 138 pirámides exipcias identificadas. A maioría delas foron construídas como túmulos para os faraóns e as súas consortes durante os períodos do Antigo e do Medio Imperio.
Benjamín «Bibi» Netanyahu (en hebreo, בִּנְיָמִין «בִּיבִּי» נְתָנְיַהוּ Binyamin Netanyahu ), nado en Tel Aviv o 21 de outubro de 1949, é un político israelí, primeiro ministro de Israel dende o 29 de decembro de 2022. É a persoa que máis tempo exerceu este posto pois, previamente, xa fora primeiro ministro en dúas xeiras (de 1996 a 1999 e de 2009 a 2021). Tamén é membro da Knesset e presidente do partido conservador Likud.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Un foro ou foro de discusión de Internet é unha ferramenta de comunicación asíncrona en grupo, coñecida tamén como conferencia electrónica. O funcionamento é moi semellante ao das listaxes de distribución ou de correo electrónico, mais neste caso, para participar ou ler as mensaxes emitidas polo resto do grupo fai falta que o usuario estea conectado ao servidor que xestiona o foro. As mensaxes non se transfiren directamente ao computador do usuario, como sucede co correo electrónico, senón que o usuario traballa directamente na aplicación do foro, accedendo mediante unha chave de aceso.
A Liga de Campións da UEFA (en inglés: UEFA Champions League) é un torneo de fútbol organizado pola UEFA e disputado entre os mellores clubs europeos. É un dos trofeos de fútbol máis prestixiosos do mundo e o máis importante a nivel de clubs en Europa. Foi creada en 1955 co nome oficial de Copa de Campións de Europa, e foi coñecida durante as súas primeiras décadas como Copa de Europa.