Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rodrigo Cuevas González, nado en Oviedo en 1985, é un artista multidisciplinar, cantante, compositor, acordeonista, DJ e presentador de televisión asturiano. Na súa música e espectáculos, incorpora bases electrónicas á música tradicional, e viste vestimenta rural mesturada cun estilo cabaré e pin-up.
A eritromicina (ás veces abreviada como ETM en informes) é un antibiótico usado no tratamento de varias infeccións bacterianas. Entre elas están as infeccións do tracto respiratorio, infeccións da pel, infeccións por clamidias, enfermidade inflamatoria pélvica e sífilis. Pode tamén usarse durante o embarazo para impedir a infección estreptocócica do grupo B no neonato, e para mellorar a gastroparese (retardo no baleiramento do estómago).
A inmigración en Galicia é un fenómeno demográfico e social que adquiriu especial relevancia dende finais do século XX e comezos do século XXI. Tradicionalmente considerada unha terra de emigración, Galicia experimentou nas últimas décadas un cambio progresivo cara a un saldo migratorio positivo, caracterizado pola chegada de poboación estranxeira e o retorno de emigrantes galegos e os seus descendentes. Segundo datos do 1 de xaneiro de 2026, a poboación nada no estranxeiro en Galicia era de 359.870 persoas, representando o 13,1 % do total da poboación. O 46,2 % dos procedentes doutros países fixérono co pasaporte español ou obtivérono co seu novo destino por arraigo.
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy (Francia) o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas. Foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela; un, o seu marido Pierre Curie; un, a súa filla Irène Joliot-Curie; e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie).
Carolina María Marín Martín, nada en Huelva o 15 de xuño de 1993, é unha xogadora de bádminton española. Foi campioa olímpica, tres veces campioa do mundo, catro veces campioa de Europa e número un do mundo individual segundo a BWF, mantendo o posto durante un récord de 66 semanas. Amplamente considrada unha das mellores deportistas femininas no circuíto do bádminton, ten a distinción de recibir algunha medalla en case todos os torneos da BWF, ademais de lograr ouros consecutivos nos Xogos Olímpicos, o campionato do mundo e o campionato de Europa.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
En biofísica e química coloidal, o polimorfismo de lípidos é a capacidade dos lípidos de agregarse de diversos xeitos, dando lugar a estruturas de distintas formas coñecidas como "fases". Estas poden ter a forma de esferas de moléculas lipídicas (micelas), pares de capas enfrontadas entre si (fase lamelar, observada en sistemas biolóxicos como unha bicapa lipídica), unha disposición tubular (hexagonal) ou varias fases cúbicas (sendo as descubertas ata agora Fd3m, Im3m, Ia3m, Pn3m, e Pm3m). Tamén se observaron agregacións máis complicadas, como as fases romboédrica, tetragonal e ortorrómbica.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Miguel Anxo Bastos Boubeta, nado na Bouciña (Lavadores, Vigo) o 12 de agosto de 1967, é un economista galego e profesor de ciencia política na Universidade de Santiago de Compostela, especializado na Escola Austríaca de economía. Posúe licenciaturas en economía e ciencia política, así como un doutoramento en economía e empresa pola mesma universidade. Exerce tamén como profesor visitante na Universidad Francisco Marroquín, onde contribuíu a programas de doutoramento mediante a docencia e publicacións sobre política económica e elección pública.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Charles Robert Darwin [tʃɑrlz ˈdɑrwɪn], nado o 12 de febreiro de 1809 e finado o 19 de abril de 1882, foi un naturalista, biólogo e xeólogo inglés que destaca pola súa achega á teoría evolutiva. Observou e postulou que todas as especies de organismos vivos evolucionaron a partir dun único antecesor común. Nunha publicación conxunta con Alfred Russel Wallace, introduciu a teoría de que ese fenómeno de diversificación é o resultado do que denominaron selección natural; un proceso no que a competición por persistir ten a mesma resultante que teñen os cruzamentos selectivos na selección artificial.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Na mitoloxía grega, unha serea é unha ninfa filla do río Aqueloo, o maior río de Grecia, e dunha musa, Calíope para uns; Terpsícore, para outros; ou Estérope, filla de Éurite, segundo outros máis . Segundo outras versións, as sereas poden ser fillas de Forcis e Xea. Cos seus cantos engaiolaban os mariñeiros e provocaban a súa morte contra os cantís que arrodeaban a súa illa.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un arquivo de texto que se envía dende os servidores dun sitio web e que se garda nos dispositivos dos usuarios (móbiles, ordenadores, etc). Almacenan información sobre a actividade dos usuarios cada vez que visitan un sitio web e permiten recuperar a información almacenada ata o momento cada vez que estes acceden aos sitios (os rastros envíanse aos servidores para a súa consulta). Deste xeito, o sitio web ou os seus propietarios poden consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación.
Proteína periférica de membrana
As proteínas periféricas de membrana son proteínas que se adhiren só temporalmente ás membranas celulares coas cales están asociadas. Estas moléculas están unidas a proteínas integrais de membrana ou penetran nas rexións periféricas da bicapa lipídica da membrana. As subunidades de proteínas reguladoras de moitos canles iónicas e receptores transmembrana, por exemplo, poden definirse como proteínas periféricas de membrana.
José Manuel Rodríguez Benito, coñecido como Chema Rodríguez ou simplemente Chema, nado en Caudete o 3 de marzo de 1992, é un futbolista castelán-manchego. Xoga principalmente como defensa central e tamén pode ocupar a posición de lateral. O seu equipo actual é o Racing de Ferrol da Primeira Federación.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Rumiñahui, nado a finais do século XV no actual Ecuador, e finado o 25 de xuño de 1535, foi un xeneral durante a guerra civil inca. As ortografías hispanizadas do seu nome inclúen Rumiaoui, Ruminavi, Ruminagui, Rumiñagui e Rumiñawi. Despois da morte do emperador Atahualpa, liderou un levantamento en 1533 contra os españois na parte norte do Imperio Inca (actual Ecuador).
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.463.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
No estudo da mitoloxía, un mitema é unha unidade irreducíbel dun mito, un elemento constante (a diferenza dun meme cultural) que sempre aparece intercambiado e reensamblado —«atado» era a imaxe de Lévi-Strauss— con outros mitemas relacionados de diversas formas, ou unido en relacións máis complicadas, coma átomos enlazándose para formar unha molécula. Por exemplo, os mitos de Adonis e Osiris comparten varios elementos, o que leva a algúns investigadores a concluír que comparten unha mesma fonte. O catalogador de lendas populares Vladimir Propp consideraba que a unidade de análise era o conto individual.
Vilamor é un filme galego dirixido por Ignacio Vilar que se estreou no 2012 e rodado nos Ancares, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. A estrea do filme fíxose na cidade de Lugo o 30 de marzo de 2012. É o cuarto filme en galego máis visto da historia, con 42.459 espectadores nos cinemas logo da súa estrea.
Partido Comunista pola República Galega
O Partido Comunista da República Galega (PCRG) é unha organización política galega, de ideoloxía comunista marxista-leninista e independentista. Os seus obxectivos políticos son a construción do socialismo en Galicia, o comunismo a nivel internacional, a independencia de Galicia, a liberación da muller e o antiimperialismo. De acordo co modelo organizativo do centralismo democrático, o seu órgano de dirección é un Comité Central.
Oicatá é un concello colombiano que se atopa na provincia do Centro do departamento de Boyacá. O territorio do concello atópase sobre o altiplano Cundiboyacence, a 6 km ó nordés (liña de vista e 12 km en automóbil) da cidade de Tunja, capital do departamento. Conta cunha área total de 59 Km2, atópase entre os pisos térmicos frío seco e páramo cuxa temperatura rolda entre 10 e 14 °C, a precipitación preséntase entre 600 e 1.000 mm anuais.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Ribonucleoproteína nuclear pequena
As ribonucleoproteínas nucleares pequenas, con frecuencia coñecidas abreviadamente polas súas siglas en inglés snRNP (Small Nuclear Ribonucleoprotein, pronunciada a sigla como "snurp"), son complexos de proteínas, que están unidas a snRNA, e que se combinan co pre-ARNm non modificado e con outras varias proteínas para formar o espliceosoma, un grande complexo molecular de ARN-proteína que realiza o splicing do pre-ARNm. A actuación das snRNP é esencial para a eliminación dos intróns dos pre-ARNm, algo fundamental na modificación postranscricional do ARN, que ocorre só no núcleo da célula eucariota. Os dous compoñentes esenciais das snRNP son proteínas e ARN. O ARN presente nas snRNP coñécese como ARN nuclear pequeno (snRNA), e ten normalmente uns 150 nucleótidos de longo.
Ácido 3-desoxi-D-mano-oct-2-ulosónico
O ácido 3-desoxi-D-mano-oct-2-ulosónico, tamén chamado ácido cetodesoxioctónico (KDO; símbolo da IUPAC Kdo), é un ácido ulosónico dunha 2-cetooctosa que usan as bacterias na síntese de lipopolisacáridos. O prefixo D-mano indica que os catro centros quirais teñen a mesma configuración que a D-manosa.
Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta
Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta, nado en Pontevedra en 1986, é un escritor e profesor galego.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
HTTP 404, 404 not found, 404, 404 error, page not found ou file not found é unha mensaxe de erro do código estándar de resposta do protocolo HTTP que indica que o cliente se puido comunicar co servidor pero que este non foi capaz de atopar o que se buscaba. Un erro 404 indica que o recurso buscado, xeralmente unha páxina web, pode estar dispoñible no futuro. O erro tamén pode aparecer cando un servidor non quere revelar se ten a información solicitada.
A zoca (do latín soccus), tamén chamada zoco, galocha, galocho, madroña ou zamanco, é un tipo de calzado dunha peza propio do pobo galego e doutros pobos europeos, xeralmente de madeira de bidueiro, amieiro ou cerdeira. Foron utilizados, e aínda seguen a utilizarse nalgúns países europeos, principalmente nos Países Baixos, Bretaña, Alemaña, Asturias ou Galiza entre outros. Son empregadas como calzado protector tanto en fábricas coma no campo.
A Cidade da Cultura de Galicia (CDC) é un complexo arquitectónico que se atopa no monte Gaiás, na cidade de Santiago de Compostela, pertencente á Xunta de Galicia. As funcións dos edificios son múltiples, dende a Biblioteca e Arquivo de Galicia ou o Museo Centro Gaiás que se adican á difusión, conservación e investigación cultural, a edificios como o CINC ou o CEM, centrados na tecnoloxía e o emprendemento empresarial. Ten tamén unha extensa rede de áreas verdes para practicar deporte e pasar tempo de lecer.
O IBM Personal Computer (modelo 5150), a miúdo coñecido como IBM PC, é o primeiro microordenador lanzado na liña de modelos IBM PC e a base do estándar de facto IBM PC compatible. Lanzado o 12 de agosto de 1981, foi creado por un equipo de enxeñeiros e deseñadores de International Business Machines (IBM), dirixido por William C. Lowe e Philip Donald Estridge en Boca Raton, Florida. Equipada cun microprocesador Intel 8088 con arquitectura x86, a máquina baseábase nunha arquitectura aberta e en periféricos de terceiros.
O pluviómetro é un instrumento usado nas estacións meteorolóxicas para a recollida e medición das precipitacións. A cantidade de auga caída exprésase en milímetros de altura. O deseño básico dun pluviómetro consiste nun recipiente de entrada, chamado balancín, por onde a auga ingresa a través dun embude cara a un colector, onde se recolle a auga, medíndose visualmente cunha regra graduada ou mediante o peso da auga depositada.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
A bandeira do Reino Unido (en inglés: Union Flag ou Union Jack) é unha combinación das cruces dos santos patróns de Inglaterra, de Escocia e de Irlanda do Norte, tres das catro rexións que, con Gales, forman o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte. A cruz vermella sobre fondo branco do centro é a de San Xurxo, de Inglaterra. A aspa branca sobre fondo azul é a cruz de Santo André, de Escocia.
O Día das Galegas nas Letras é unha celebración organizada pola plataforma de crítica literaria A Sega que honra anualmente a mulleres que contribuíron de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular como "Señora das Letras". Comezou a organizarse no ano 2014. Naceu en contraposición do Día das Letras Galegas, ao seren homes a maioría das persoas homenaxeadas nesa celebración.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Juan Carlos Copa Quiroga, nado na Coruña en 1970, é un ex xogador e adestrador de hóckey a patíns galego, que dende 2017 adestra o Liceo da Coruña. Considerado un dos mellores xogadores que deu a canteira coruñesa, debutou aos 15 anos co Dominicos na División de Honra (actual OK Liga) e con 17 converteuse no primeiro capitán non catalán dunha selección española. Desenvolveu case toda a súa carreira como xogador no Dominicos, co que gañou a Copa do Rei en 1990, e xogou tamén no Liceo.
O rito romano é unha das formas nas que son celebrados na Igrexa Católica tanto a Eucaristía (misal romano) como os outros sacramentos (ritual romano), a liturxia das horas (breviario) e as outras cerimonias litúrxicas (ritual e Caeremoniale Episcoporum). É o rito litúrxico orixinario da diocese de Roma da Igrexa Católica. É o rito máis estendido dos ritos litúrxicos latinos, empregados na Igrexa Latina, unha das 23 igrexas particulares autónomas en comuñón co Papa.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, dende o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2018, 7.800 militantes, e 591 concelleiros e 36 alcaldes en 2023 en diversos concellos de Galiza.
Marzo na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de marzo na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Marzal é o adxectivo, e é incorrecto empregalo como substantivo: Pascua marzal, trigo marzal. Pega marza ou pega marceña son denominacións dunha ave máis coñecida como gaio (Garrulus glandarius).
Os nervios son estruturas condutoras de impulsos nerviosos situadas fóra do sistema nervioso central. Están formados por un conxunto de fibras nerviosas ou axóns agrupados, asociadas en fascículos por medio de tecido conxuntivo, cada un deles procedente dunha neurona. Poden ser motores ou sensitivos, mais a maior parte son mixtos e conteñen tanto fibras sensitivas como motoras.
Oreo (/ˈɔːrioʊ/ pronunciado en inglés) é unha marca de galletas tipo sándwich creada pola compañía estadounidense Nabisco, unha división de Mondelēz International Inc. e Kraft Foods, caracterizada por estar constituída por dúas galletas circulares unidas por un doce cremoso no centro. As oreos orixinais eran de galleta de chocolate negro forte e crema de vainilla, aínda que na actualidade existen multitude de variedades, mantendo o estilo básico de deseño e preparación.
O Frölunda HC Dam é un equipo feminino profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Gotemburgo (Suecia). O equipo creouse en 2022 e actualmente compite na Svenska damhockeyligan (SDHL), a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino sueco. Xoga os seus partidos como local no Frölundaborgs isstadion, un pavillón con capacidade para 6 044 persoas.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Os lípidos son un amplo grupo de compostos químicos orgánicos naturais, que son uns dos principais compoñentes dos seres vivos, formados principalmente por carbono, hidróxeno e osíxeno, aínda que tamén poden conter fósforo, nitróxeno e xofre, entre os que se inclúen as graxas, ceras, esterois, vitaminas liposolubles (como as vitaminas A, D, E, e K), fosfolípidos e outros. Algúns lípidos son moléculas lineais ou curvadas e outros son compostos cíclicos. Poden definirse a grandes trazos como moléculas relativamente pequenas hidrófobas ou anfipáticas.