Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rodrigo Cuevas González, nado en Oviedo en 1985, é un artista multidisciplinar, cantante, compositor, acordeonista, DJ e presentador de televisión asturiano. Na súa música e espectáculos, incorpora bases electrónicas á música tradicional, e viste vestimenta rural mesturada cun estilo cabaré e pin-up.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy (Francia) o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas. Foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela; un, o seu marido Pierre Curie; un, a súa filla Irène Joliot-Curie; e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie).
Este artigo refírese ao grupo empresarial Sargadelos. Para outros significados, vexa Sargadelos O Grupo Sargadelos é unha sociedade limitada que ten como principal accionista a empresa Cerámicas do Castro S.L. desde 1949. Actualmente, a sociedade Sargadelos ten dúas plantas de produción cuns 245 empregados.
Álvaro Folgueiras Campos, nado en Málaga o 1 de abril de 2005, é un xogador universitario de baloncesto de orixe galega, que desempeña a posición de ala‑pivote. Xoga na NCAA, nos Estados Unidos, co equipo de Robert Morris Colonials (da Horizon League) e para a tempada 2025‑26 mudará á Universidade de Iowa (da Big Ten Conference).
As aves na cultura popular galega
A presenza das aves na cultura popular galega, sexa en forma de vocabulario que as utiliza como metáfora, de ditos que recollen o seu aspecto ou comportamento, de refráns, cantigas ou contos, é moi ampla, como non pode resultar estraño. Así, as diferentes aves, domésticas ou non, serven como prognósticos meteorolóxicos (Cando chían os biluricos, moita auga e moito frío), como agoiros de boa ou mala sorte (como o canto do moucho nas inmediacións da casa familiar), como remedios medicinais (como queimar plumas de perdiz para aliviar as dores do parto), describen comportamentos da xente (ser unha laberca) ou son a base de multitude de lendas (como a do chasco e o pimpín co gallo da Fuxida a Exipto). Obviamente, estas manifestacións culturais non pretenden unha exactitude biolóxica, como tampouco o pretende calquera outra expresión da cultura popular, senón que nacen da observación no campo (acertada ou non, coherente ou non) e se van estendendo -e modificando- mediante a transmisión oral.
Segundo o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, existen máis de 6000 apelidos galegos, que corresponden aproximadamente co 95% da poboación galega. Ao longo dos Séculos Escuros, moitos apelidos fóronse, ben adaptándose foneticamente ao español: *Feijoo/Feixoo, ben substituíndo polos seus equivalentes casteláns *Iglesias/Igrexas ou Eirexas. Por tanto, apelidos moi abundantes como Otero ou Alonso non proceden, na maior parte dos casos, de xente que viñese de fóra de Galiza, senón de transformacións que sufriron apelidos xenuinamente galegos (Outeiro e Afonso, neste caso).
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Oicatá é un concello colombiano que se atopa na provincia do Centro do departamento de Boyacá. O territorio do concello atópase sobre o altiplano Cundiboyacence, a 6 km ó nordés (liña de vista e 12 km en automóbil) da cidade de Tunja, capital do departamento. Conta cunha área total de 59 Km2, atópase entre os pisos térmicos frío seco e páramo cuxa temperatura rolda entre 10 e 14 °C, a precipitación preséntase entre 600 e 1.000 mm anuais.
Juma Xipaia, nada en 1991, é unha activista indíxena brasileira, líder do pobo xipaia, e a primeira muller en ser líder da rexión do Xingú Medio. É recoñecida internacionalmente pola súa defensa dos dereitos indíxenas, a protección ambiental e a súa resistencia contra o proxecto da represa hidroeléctrica Belo Monte na Amazonia.
En química, unha reacción de hidratación é unha reacción química na cal unha substancia se combina coa auga. En química orgánica, engádese auga a un substrato insaturado, que adoita ser un alqueno ou un alquino. Este tipo de reacción emprégase industrialmente para producir etanol, isopropanol e butan-2-ol.
Vanja Milinković-Savić (en serbio: Вања Милинковић-Савић), nado en Ourense o 20 de febreiro de 1997, é un futbolista galego-serbio que xoga como porteiro no Napoli, da Serie A, cedido polo Torino. É internacional coa selección serbia, coa que disputou o Mundial de 2022. É fillo do exfutbolista Nikola Milinković e irmán do tamén futbolista Sergej Milinković-Savić.
Antía Muíño, nada en Santiago de Compostela, é unha cantautora e guitarrista galega. O seu estilo vai dende a canción de autor, a música tradicional galega, o jazz ou a bossa nova. En 2020 publicou o seu primeiro sinxelo "Carta Aberta" e dous anos máis tarde o seu primeiro álbum, tamén titulado Carta Aberta.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Vilamor é un filme galego dirixido por Ignacio Vilar que se estreou no 2012 e rodado nos Ancares, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. A estrea do filme fíxose na cidade de Lugo o 30 de marzo de 2012. É o cuarto filme en galego máis visto da historia, con 42.459 espectadores nos cinemas logo da súa estrea.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Os xipaias son un pobo indíxena da Amazonia brasileira, cuxo territorio tradicional se atopa nas concas dos ríos Iriri e Curuá no estado do Pará. Historicamente hábiles navegantes e construtores de canoas, os xipaia soportaron séculos de desprazamento, violencia e traballo forzado, pero mantiveron unha identidade cultural distinta e continúan reclamando e defendendo as súas terras ancestrais.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.486.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
El maestro que prometió el mar
El maestro que prometió el mar é un filme español de 2023 dirixido por Patricia Font a partir dun guión de Albert Val. Baséase no libro de Francesc Escribano. Está protagonizada por Enric Auquer e Laia Costa xunto a Luisa Gavasa.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Ciénega é un concello da provincia de Márquez, no departamento de Boyacá, en Colombia. O centro urbano de Ciénega atópase no Altiplano Cundiboyacense a unha distancia de 27 quilómetros da capital do departamento, Tunja, e a unha altitude de 2 460 metros. Limita cos concellos de Viracachá e Soracá polo norte, Rondón polo leste e sur e con Ramiriquí polo sur e oeste.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un arquivo de texto que se envía dende os servidores dun sitio web e que se garda nos dispositivos dos usuarios (móbiles, ordenadores, etc). Almacenan información sobre a actividade dos usuarios cada vez que visitan un sitio web e permiten recuperar a información almacenada ata o momento cada vez que estes acceden aos sitios (os rastros envíanse aos servidores para a súa consulta). Deste xeito, o sitio web ou os seus propietarios poden consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas
A Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas é unha asociación ecoloxista galega fundada en 1989 e centrada na conservación da natureza a través da custodia do territorio. Esta asociación protexe e conserva o bosque Ridimoas no concello de Beade, na comarca do Ribeiro.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Chámase Reconquista de Vigo ao alzamento popular que, no contexto da Guerra da Independencia española, ocorreu en Vigo o 28 de marzo de 1809, cando as tropas do exército do Primeiro Imperio Francés de Napoleón Bonaparte saíron da vila. Os vigueses, encabezados polos militares Pablo Morillo e Bernardo González “Cachamuíña” conseguiron expulsar os galos da vila, converténdose na primeira de Europa en facelo. Por estes feitos, o rei Fernando VII outorgou en 1810 o título de cidade “fiel, leal e valorosa”.
Miguel Anxo Bastos Boubeta, nado na Bouciña (Lavadores, Vigo) o 12 de agosto de 1967, é un economista galego e profesor de ciencia política na Universidade de Santiago de Compostela, especializado na Escola Austríaca de economía. Posúe licenciaturas en economía e ciencia política, así como un doutoramento en economía e empresa pola mesma universidade. Exerce tamén como profesor visitante na Universidad Francisco Marroquín, onde contribuíu a programas de doutoramento mediante a docencia e publicacións sobre política económica e elección pública.
Rondón é unha vila e concello do departamento colombiano de Boyacá, e forma parte da provincia de Márquez. O centro urbano de Rondón atópase a unha altitude de 2,075 metros no Altiplano Cundiboyacense, na Cordilleira Oriental dos Andes colombianos. Está a 61 quilómetros de distancia da capital departamental, Tunja.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
José de Sousa Saramago, nado en Azinhaga, Golegã, o 16 de novembro de 1922 e finado en Tías, Lanzarote, o 18 de xuño de 2010, foi un escritor portugués, gañador en 1998 do Premio Nobel de Literatura e en 1995 do Premio Camões. Saramago considerouse responsable do recoñecemento internacional efectivo da prosa en portugués. Coñecido polo seu ateísmo e iberismo, foi membro do Partido Comunista Portugués e foi subdirector do Diário de Notícias.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
O piollo na cultura popular galega
A seguir recóllese a pegada dos piollos na cultura popular galega. Por seren uns parasitos comúns no medio rural non cabe sorprenderse de que terminaran sendo citados con frecuencia na literatura popular. Tradicionalmente, os piollos combatíanse buscándoos directamente entre os pelos e esmagándoos entre as uñas: catar ou cachear os piollos.
Manuel González González (músico)
Manuel González González, tamén coñecido como O Chicho do Funk ou Ortiga, nado en Santiago de Compostela o 30 de agosto de 1994, é un músico galego.
Nas ciencias sociais, unha ideoloxía é un conxunto normativo de emocións, ideas e crenzas colectivas que son compatibles entre si e están especialmente referidas á conduta social humana. As ideoloxías describen e postulan modos de actuar sobre a realidade colectiva, xa sexa sobre o sistema xeral da sociedade ou nun ou varios dos seus sistemas específicos, como o económico, social, científico-tecnolóxico, político, cultural, moral, relixioso, medioambiental ou outros relacionados co ben común. O historiador español José Luís Rodríguez Jiménez definiu a ideoloxía como «un universo de valores ou conxunto de ideas que reflicten unha concepción do mundo, codificados nun corpo doutrinal, co obxectivo de establecer canles de influencia e de xustificación dos seus intereses [do grupo social ou político que o sostén]:).
José Tojeiro Díaz, nado en Ortigueira[Cómpre referencia] o 11 de xullo de 1934 e finado o 4 de marzo de 2015 en Narón, foi un cidadán galego que se fixo célebre a comezo de 1990 pola súa aparición no programa de televisión Código Uno, de TVE, onde denunciaba un roubo no seu domicilio. Foi o autor da cita «me echaron droja en el Cola Cao». Após volver de Suíza en 1993, onde emigrara por motivos laborais, José Tojeiro acudiu ao programa de Televisión Española Código Uno, presentado polo escritor Arturo Pérez-Reverte.
Saúl Craviotto Rivero, nado en Lleida o 3 de novembro de 1984, é un piragüista e policía español, especialista na modalidade de caiac. É dobre campión olímpico, en Pequín 2008 e Río de Xaneiro 2016, e tres veces campión do mundo, nos anos 2009, 2010 e 2011. Participou en catro Xogos Olímpicos de Verán, obtendo en total cinco medallas, ouro en Pequín 2008, prata en Londres 2012, ouro e bronce en Río de Xaneiro 2016 e prata en Toquio 2020.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Un magnetófono, tamén coñecido como gravador de fita magnética, reprodutor de casetes ou simplemente gravadora de casetes, é un dispositivo de gravación e reprodución de son que grava e reproduce sons normalmente usando fita magnética para o almacenamento. Na súa forma actual, grava un sinal fluctuante movendo a fita por unha cabeza magnética que polariza os dominios magnéticos da fita en proporción ao sinal sonoro. Os dispositivos de gravación en fita inclúen o magnetófono de bobina aberta e o reprodutor de casetes, que usa unha casete para o almacenamento.
Pedro Floriani, nado probábelmente no norte de Italia no primeiro terzo do século XIX (entre 1833 e 1835) e finado en Pontevedra en 1911, foi un persoeiro de relevancia en Redondela por estar relacionado coa construción do viaduto de Madrid, un dos dous viadutos principais que atravesan o centro urbano de Redondela. Aínda que parte da tradición oral atribuílle a autoría desta obra civil, o arquitecto encargado da construción da ponte foi Augusto Cazaux e o enxañeiro Javier Boguerín. Floriani probablemente foi un dos contratistas ou subcontratistas da obra.
Emily Anderson, nada en Galway o 17 de marzo de 1891 e finada en Londres o 26 de outubro de 1962, foi unha académica irlandesa de ascendencia alemá, historiadora da música e criptoanalista da Escola de Códigos e Cifrados do Goberno Británico (ahora GCHQ) durante case 30 anos. Foi recoñecida coa Orde do Imperio Británico.
Vladimir Vladimirovich Putin (en ruso: Владимир Владимирович Путин), nado en Leningrado o 7 de outubro de 1952, é un político ruso e antigo oficial de intelixencia que é o actual presidente de Rusia, un cargo que ostenta dende o ano 2012, e que xa ocupou entre os anos 1999 e 2008. Tamén foi primeiro ministro dende 1999 até 2000, e de novo entre 2008 e 2012. Putin é o segundo presidente europeo máis lonxevo despois de Aliaksandr Lukašenka da veciña Belarús.
Gonzalo Francisco López Abente, nado en Muxía o 24 de marzo de 1878 e finado na mesma vila o 23 de xullo de 1963, foi un escritor en lingua galega que cultivou o xornalismo, a narrativa, o teatro e a poesía, baseando na Costa da Morte boa parte da súa obra. Dirixiu a Irmandade da Fala de Muxía. En 1971 foi homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Curtas Festival do Imaxinario, tamén coñecido como Festival Internacional de Cine Fantástico de Galicia, é un festival cinematográfico especializado en cinema fantástico, fantasía, terror e ciencia ficción, que presta unha especial atención ao mundo do cómic e a ilustración. Celébrase anualmente na cidade de Vilagarcía de Arousa e é o certame decano de Galicia e un dos dez máis antigos de España, superando o medio século de existencia desde a súa fundación en 1973. Baixo a dirección de Luis M. Rosales, o festival evolucionou de ser unha mostra de cine afeccionado a converterse nun referente multidisciplinar do xénero fantástico a nivel europeo.