Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Nevenka Fernández, nada en 1975, é unha economista española. Foi concelleira de Facenda de Ponferrada entre 1999 e 2000. É coñecida por ser a primeira española en lograr a condena dun cargo político, Ismael Álvarez, alcalde de Ponferrada, por acoso sexual despois de que se introducise o delito no Código Penal español de 1999.
Orraca de Galicia, Castela e León
Dona Urraca ou Dona Orraca, nada en Burgos contra 1081 e finada en Saldaña de Burgos o 8 de marzo de 1126, foi raíña de Galicia, León, Castela e Toledo desde a morte do pai, o 30 de xuño de 1109, até o 8 de marzo de 1126. Era filla de Afonso VI e da súa terceira dona Costanza de Borgoña.
A proteína do retinoblastoma (a proteína simbolízase como Rb ou pRb e o seu xene como Rb, RB ou RB1) é unha proteína supresora de tumores que é disfuncional en varios cancros importantes. Unha función da pRb é impedir o crecemento celular excesivo ao inhibir a progresión do ciclo celular ata que a célula está pronta para dividirse. Cando a célula está preparada para dividirse, a pRb é inactivada por fosforilación, e o ciclo celular pode progresar.
Alternativa dos Veciños é un partido político que actuou ao longo da súa historia no concello de Oleiros. A partir das eleccións de 2015 iniciou un proceso de ampliación coa presentación de candidaturas nos concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo o que lle permitu entrar na Deputación da Coruña. Nos anos seguintes o partido aumentou as agrupacións locais, e así tras as eleccións de 2019 fíxose coa alcaldía do concello de Carral e entrou nos gobernos locais de Bergondo e Sada.
María Aránzazu «Arancha» González Laya, nada en Donostia o 22 de maio de 1969, é unha xurista vasca, ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación de España. Foi directora executiva do Centro de Comercio Internacional (ITC) e subsecretaria xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU).
Ruth Joan Bader Ginsburg, nada en Brooklyn (Nova York) o 15 de marzo de 1933 e finada en Washington, D.C. o 18 de setembro de 2020, foi unha xuíza e xurista estadounidense que destacou especialmente polo seu traballo na loita pola igualdade legal entre homes e mulleres. Dende o 10 de agosto de 1993 e ata o seu pasamento foi xuíza da Corte Suprema dos Estados Unidos, nomeada polo presidente Bill Clinton. En 1972 fundou a sección de dereitos da muller na Unión Estadounidense polas Liberdades Civís.
Unha cuestión de xénero (en inglés: On the Basis of Sex) é un filme estadounidense de 2018 dirixido por Mimi Leder. É un filme biográfico baseado na vida e nos primeiros casos da xuíza do Tribunal Supremo Ruth Bader Ginsburg. Está protagonizado por Felicity Jones no papel de Ginsburg, xunto con Armie Hammer, Justin Theroux, Jack Reynor, Cailee Spaeny, Sam Waterston e Kathy Bates nos papeis secundarios.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe ao Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrillero Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana, fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
Fernando Ónega López, nado en Mosteiro (Pol) o 16 de xuño de 1947 e finado en Madrid o 3 de marzo de 2026, foi un xornalista galego. Ao longo da súa carreira traballou en gabinetes oficiais, prensa escrita, radio e televisión pública (TVE) e privada (Telecinco e Antena 3). Foi xefe de prensa da Guardia de Franco (1975) e subdirector do diario Arriba, órgano oficial da Falanxe.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
SonDeSeu é a primeira orquestra de música folk e tradicional de Galiza, considerada como unha das primeiras orquestras folk de Europa, formada por 67 membros e dirixida por Rodrigo Romaní. É tamén unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galiza, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións, que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Nintendo (en xaponés: 任天堂, にんてんどう) é unha compañía de videoxogos, fundada no século XIX en Kyoto no Xapón. Comezou facendo xogos de cartas, de entre elas as chamadas Hanafuda (carta de flor) que tiveron grande éxito. Máis tarde entraría no mercado dos xoguetes electrónicos, para ser unha das pioneiras do videoxogo a finais dos anos setenta.
Los domingos é un filme dramático de 2025 dirixido por Alauda Ruiz de Azúa e protagonizado por Patricia López Arnaiz, Mabel Rivera, Blanca Soroa, Nagore Aranburu e Miguel Garcés. Foi premiada coa Cuncha de Ouro do Festival Internacional de Cine de Donostia. Nos premios Goya de 2026 recibiu cinco galardóns: o de mellor filme, dirección, actriz secundaria, actriz protagonista e guión orixinal.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Este artigo trata sobre a cantante, para a representación artística da Virxe María, véxase Madonna (arte). Madonna Louise Ciccone, nada en Bay City (Míchigan) o 16 de agosto de 1958, é unha cantante, compositora e produtora estadounidense, máis coñecida como Madonna. De ascendencia italiana e francocanadense, o seu estilo musical abrangue a música disco, pop, dance e electrónica.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Ponferrada (do latín pontem ferratam 'ponte de ferro, na que se utilizou ese material') é un concello e cidade de Castela e León, capital da comarca do Bierzo, na provincia de León. Está situada na confluencia dos ríos Sil e Boeza, e cos seus 64.509 habitantes, é o segundo municipio máis poboado da provincia, por detrás de León. Atópase a 543 m de altitude nunha cunca mineira, ocupa unha superficie de 283 km² e ten unha poboación duns 65.000 habitantes.
Chūō (中央区, ちゅうおうく, Chūō-ku) é un barrio especial da prefectura de Tokyo no Xapón. Está situado ó sur da rexión de Kanto e ó leste da prefectura, na parte leste da illa de Honshu. A súa superficie é de 10,18 km², a poboación é de 114.385 habitantes (2009) e ten unha densidade de poboación de 11.240 hab./km².
Eleccións municipais en Oleiros
Estes foron os resultados das eleccións municipais no concello de Oleiros dende 1979.
A Unidade 731 (en xaponés: 731部隊; Nana-san-ichi Butai) tamén coñecido como Destacamento Manshu 731, Destacamento Kamo ou Unidade Ishii, foi un programa encuberto de investigación e desenvolvemento de armas biolóxicas do Exército Imperial Xaponés, que levou a cabo letais experimentos médicos sobre humanos vivos durante a segunda guerra sino-xaponesa (1937-1945) no marco da segunda guerra mundial. Estímase que asasinaron entre 200.000 e 300.000 persoas. Foi responsábel dalgúns dos máis horribles crimes de guerra cometidos na época moderna.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Líbano (árabe: لُبْنَان), oficialmente a República do Líbano (árabe: الجمهورية اللبنانية) ou a República Libanesa, é un país de Asia Occidental. Está situado entre Siria ata o norte e o leste e Israel ata o sur, mentres que Chipre se atopa ao oeste, atravesando o mar Mediterráneo. A súa localización na encrucillada da Conca do Mediterráneo e do interior árabe contribuíu á súa rica historia e deu forma á unha identidade cultural de diversidade relixiosa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.089.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A guasacaca é unha das salsas máis coñecidas en Venezuela, acompañante de carnes, polos, pasteis, empanadas e arepas. Pódese preparar de diversas formas, pero xeralmente úsanse os mesmos ingredientes: aguacate, allo, cebola, coandro, perexil, pementón, aceite e vinagre, todo salpementado. Consérvase refrixerada.
Eurocidade Salvaterra de Miño-Monção
A eurocidade de Salvaterra de Miño-Monçao, tamén coñecida ás veces coma eurocidade Salvaterra-Monçao, é a denominación coa que se coñece á conurbación transfronteiriza situada entre os concellos de Salvaterra e Monçao, en Galicia e Portugal respectivamente. Ambos núcleos de poboación están separados pola fronteira natural que exerce o río Miño. Entre ambos concellos, unidos desde 1995 por unha ponte internacional, suman 28.277 habitantes.
O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é xornada recoñecida nalgúns países. Tradicionalmente, grupos e asociacións de mulleres militantes no feminismo ou no movemento obreiro preparan manifestacións, por veces utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións co fin de mellorar as condicións da muller, festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Comezou a ser celebrado pola ONU en 1975 para, finalmente, adoptar unha resolución, en 1977, na que establece un Día das Nacións Unidas para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.
Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κύπρος/Kýpros, en turco: Kıbrıs), oficialmente República de Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κυπριακή Δημοκρατία, en turco: Kıbrıs Cumhuriyeti) é unha república que abrangue o territorio da illa homónima, situada ó leste do mar Mediterráneo, 113 km ao sur de Turquía, 120 km ao oeste de Siria e 150 km ao leste da illa grega de Kastellorizo. Chipre ingresou como membro das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1960 e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados até o seu ingreso na Unión Europea o 1 de maio de 2004. Segundo a lei internacional, a illa de Chipre no seu todo é un estado independente, mais de facto atópase dividida dende o 15 de xullo de 1974 en dúas partes.
Os venres negros son unha serie de protestas levadas a cabo polo persoal da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), agrupados no movemento Defende a Galega, iniciadas para denunciar a manipulación informativa e a falta de independencia editorial nos medios públicos galegos. Estas protestas continuaron ocorrendo todos os venres, durante anos e, polo seu nome simbólico e a roupa de cor negra que visten os manifestantes, fai referencia ao "loito" pola calidade do xornalismo. Os participantes nese movemento denunciaron represalias contra eles.
Esta é a lista dos emperadores romanos, indicando a data en que estes controlaron o Imperio Romano, até á caída do Imperio do Occidente, no 476. Nótese que, ao contrario do que moita xente pensa, Xulio César nunca foi emperador (princeps), aínda que foi nomeado ditador vitalicio en -45 (a pesar de teren existido outros ditadores romanos antes del) e, aínda, a pesar dalgúns historiadores romanos así o designaren. Por outro lado, o nome César tornouse nome de familia da primeira dinastía, sendo usado como un título, manténdose esa tradición por todo o imperio.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirāt. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy (Francia) o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas. Foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela; un, o seu marido Pierre Curie; un, a súa filla Irène Joliot-Curie; e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie).
Na Galicia medieval, os irmandiños eran os membros das Irmandades constituídas para a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores. No século XIV entrou en Galiza unha nobreza moi guerreira e que atacaba os mosteiros, os bispos, os burgueses e os campesiños. Esta nobreza xurdira despois das loitas de Pedro I "o Cruel" e Henrique II. Eran os Osorio en Lemos e Sarria, os Andrade en Pontedeume, os Sarmiento, os Ulloas, os Soutomaior...
Manuel Blanco Romasanta, nado no Regueiro (Santa Olaia de Esgos, Esgos, Ourense) o 18 de novembro de 1809 e finado en Ceuta o 14 de decembro de 1863, foi o primeiro asasino en serie galego documentado, coñecido co alcume do lobishome de Allariz, ou o do unto. Cando o detiveron en 1853, Romasanta admitiu que cometera trece asasinatos, mais argüíu non ter responsabilidade porque o fixera baixo os efectos dunha maldición que o convertía nun lobo, recuperando a forma humana tralos asasinatos. Malia que esta súa defensa foi rexeitada no xuízo, a Raíña Isabel II conmutou a sentenza de morte pola de cadea perpetua para permitirlles ós doutores investigalo como un exemplo de licantropía clínica, se ben non consta que ningún médico o examinase con tal fin.
Gran Premio de Australia de 2026
O Gran Premio de Australia de 2026 (coñecido oficialmente como Fórmula 1 Qatar Airways Australian Grand Prix 2026) foi unha carreira de Fórmula 1 celebrada o 8 de marzo de 2026 no Circuíto Albert Park en Melbourne Victoria. Foi a primeira rolda do Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2026.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
Gala Martínez-Murguía de Castro, máis coñecida como Gala Murguía, nada en Lestrobe (Dodro) o 2 de xullo de 1871 e finada na Coruña o 18 de xaneiro de 1964, foi a filla máis lonxeva de Rosalía e Murguía e tivo un papel importante na apertura da Casa Museo Rosalía de Castro, xa que foi clave na reconstrución da vida familiar na Casa da Matanza.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente eurasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.
Irán (en persa ایران) , tamén coñecido como Persia, e oficialmente República Islámica de Irán dende 1980, é un país de Asia Occidental. Limita ó norte con Armenia, Azerbaidján e Turkmenistán, con Kazakhstán e Rusia a través do Mar Caspio, polo leste con Afganistán e Paquistán, polo sur co Golfo Pérsico e co Golfo de Omán, polo oeste con Iraq e polo noroeste con Turquía. Comprende unha área de 1 648 195 km², sendo a segunda nación maior de Oriente Medio e a 18 en todo o mundo.
Tratamos demasiado bien a las mujeres
Tratamos demasiado bien a las mujeres é un filme hispano-francés de 2024 dirixido por Clara Bilbao (no seu debut como directora) a partir dun guión de Miguel Barros que se basea na novela de Raymond Queneau. Está protagonizado por Carmen Machi e Antonio de la Torre. Estreouse nos cinemas españois o 15 de marzo de 2024, con distribución de Filmax.
Trasar de Carballo, Cartelos, Carballedo
Trasar de Carballo é un lugar da parroquia de Cartelos, no concello lugués de Carballedo, na comarca de Chantada. Segundo o INE en 2017 tiña 38 habitantes, en 2018 33 e en 2020 28 (14 homes e 14 mulleres).
Segundo o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, existen máis de 6000 apelidos galegos, que corresponden aproximadamente co 95% da poboación galega. Ao longo dos Séculos Escuros, moitos apelidos fóronse, ben adaptándose foneticamente ao español: *Feijoo/Feixoo, ben substituíndo polos seus equivalentes casteláns *Iglesias/Igrexas ou Eirexas. Por tanto, apelidos moi abundantes como Otero ou Alonso non proceden, na maior parte dos casos, de xente que viñese de fóra de Galiza, senón de transformacións que sufriron apelidos xenuinamente galegos (Outeiro e Afonso, neste caso).
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.