Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Vimianzo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Soneira e integrado no partido xudicial de Corcubión. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vimiancés». É un dos concellos máis extensos da provincia (187,4 km²) que, segundo o IGE, tiña 7.138 habitantes en 2018 (7.565 no 2015, 8.128 no 2010, 8.402 no 2006, 8.466 no 2005, 8.517 no 2004, 8.653 en 2003), cunha baixa densidade de poboación (38,09 hab./km²).
O hindi (हिन्दी) é un idioma falado en moitos estados do Norte e do Centro da India. É unha lingua indoeuropea, da familia Indoirania. Evolucionou a partir dos idiomas prákritos da Idade Media (indoario medio) e, indirectamente, do sánscrito, do cal toma gran parte do vocabulario técnico, relixioso e xurídico.
Un algoritmo é un conxunto ordenado e finito de operacións sinxelas que conducen á resolución dun problema, como por exemplo a formulación programática paso a paso para producir unha serie de resultados nun programa en informática. Máis especificamente, en matemáticas, constitúe o conxunto de procesos (e símbolos que os representan) para efectuar un cálculo. Partindo dun estado inicial e unha entrada determinada, a aplicación dos pasos sucesivos dun algoritmo conduce a un estado final que proporciona unha solución ao problema exposto.
O domingo é o sétimo día da semana. O nome "domingo" vén do latín Dominicus (dies) ou día do Señor, por causa da celebración cristiá da Resurrección de Xesús. Cando o Instituto da Lingua Galega elaborou o Atlas Lingüístico Galego, tamén foi rexistrada localmente a forma arcaica primeira feira, soamente observada polo estudo nos lugares de Sistallo (en Cospeito) e Vilachán (en Tomiño) .
Pedrafita do Cebreiro (do latín petra ficta, 'pedra chantada' e cebro, 'asno montés') é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca dos Ancares. Segundo o padrón municipal (INE 2018) ten 1.032 habitantes (563 homes e 469 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «cebreirego».
O estorniño pinto (Sturnus vulgaris) é unha ave paseriforme de mediano tamaño da familia Sturnidae. En Galicia é unha ave invernante moi numerosa e unha das dúas especies de estorniños do país; a outra é o estorniño negro. Mide uns 20 cm de longo e ten unha plumaxe negra brillante con reflexos metálicos, e ten pintas brancas en determinada época do ano.
Dacca ou Daca (bengalí: ঢাকা, transcrito Ḍhākā; pronunciado: [ɖʱaka]) é a capital e a maior cidade de Bangladesh. Tamén é a sexta cidade por número de poboación e a sétima por densidade de poboación do mundo. Dacca é unha megacidade e tiña unha poboación de 10,2 millóns de persoas en 2022, chegando a 22,4 millóns de residentes na súa área metropolitana.
As anxiospermas, plantas con flor ou Magnoliophyta é o grupo máis grande de plantas terrestres. Magnoliophyta é o nome dun taxon de plantas emprazado na categoría taxonómica de División, que no sistema de clasificación de Cronquist (1981) coincide na súa definición coas que noutros sistemas de clasificación son as chamadas anxiospermas (en latín Angiospermae, coma no sistema de clasificación de Engler, H. Melchior. 1964.
Plasmodium malariae é unha especie de protozoos parasitos, que é unha das especies de plasmodios causantes da malaria nos humanos. Está moi relacionado coas especies Plasmodium falciparum e Plasmodium vivax, que son as responsables da maioría das infeccións de malaria. A malaria que produce está moi estendida no mundo, pero denomínase "malaria benigna", xa que non é tan perigosa como a producida por P. falciparum ou P. vivax.
Hiroshige, nado en Tokyo en 1797 e finado na mesma cidade o 12 de outubro de 1858, tamén coñecido Andō Hiroshige (grafía xaponesa 安藤広重), Utagawa Hiroshige (歌川広重) e aínda Ichiyusai Hiroshige, foi un dos máis grandes paisaxistas xaponeses, elevando este tema a un nivel artístico de estilo inigualado. Distinguíuse polas series de estampas do monte Fuji e de Edo (o actual Tokyo), debuxando xenialmente as escenas e a atmosfera da cidade, tomando os instantes da vida cotiá da urbe antes da súa transformación na era Meiji (1868-1912). As súas obras -gravuras con técnica xilográfica- caracterízanse polo seu formato vertical, pola mestría sutil de cores libre -con dominio do verde e do azul- e polo sentido do primeiro plano, que sería máis tarde retomado pola fotografía e o cine.
José María Sanz Beltrán, coñecido artisticamente como Loquillo ou ás veces Loco, nado en Barcelona o 21 de decembro de 1960, é un cantante español de rock. Ata mediados de 2007, estivo acompañado polos denominados Trogloditas (Simón, o derradeiro troglodita orixinal, deixou a banda e quedou co nome de Trogloditas) e anteriormente por Los Intocables. Actualmente preséntase como Loquillo, se ben, acompañado dos seus colaboradores habituais, como Igor Paskual ou Jaime Stinus.
Hannah Arendt, nada Johanna Arendt en Linden-Limmer, un distrito de Hannover, o 14 de outubro de 1906 e finada en Nova York o 4 de decembro de 1975, foi unha filósofa, socióloga e teórica política alemá, despois nacionalizada norteamericana, de orixe xudía e unha das personalidades máis influentes do século XX. A privación de dereitos e persecución que os xudeus sufriron en Alemaña a partir de 1933, así como o seu breve encarceramento ese mesmo ano, contribuíron a que decidise emigrar. O réxime nacionalsocialista retiroulle a nacionalidade en 1937, polo que foi apátrida, ata que conseguiu a nacionalidade estadounidense en 1951. Traballou, entre outras cousas, como xornalista e mestra de escola superior.
O Principiño (en francés: Le Petit Prince) é unha novela, a obra máis famosa do aristócrata, escritor, poeta e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry, publicada por primeira vez en abril de 1943. A novela foi votada como o mellor libro do século XX en Francia. Traducida a 300 linguas e dialectos, vendendo preto de dous millóns de copias anualmente, e con máis de 140 millóns de copias vendidas en todo o mundo, converteuse nun dos libros máis vendidos e máis traducidos xamais publicados.
A síntese moderna foi unha síntese creada no século XX da teoría de Charles Darwin da evolución e das ideas de Gregor Mendel sobre a herdanza nun marco matemático conxunto. Julian Huxley acuñou este termo no seu libro de 1942 Evolution: The Modern Synthesis (Evolución: A síntese moderna). A síntese combinaba as ideas da selección natural, a xenética mendeliana e a xenética de poboacións.
O liberalismo é unha corrente de pensamento filosófica e unha ideoloxía que ten a liberdade e igualdade fronte á lei como os principais valores políticos e baséase nunha fe optimista na natureza e na súa crenza da razón, ten a súa orixe na Ilustración europea e enfatiza os dereitos individuais, preconiza unha sociedade baseada na liberdade de pensamento, na limitación do poder, no goberno da lei, no libre mercado que soporte a empresa privada e nun sistema transparente de goberno no cal se protexan os dereitos de todos os cidadáns. O radicalismo é unha ideoloxía liberal progresista nalgúns países difícil de distinguir do liberalismo clásico. Así mesmo o liberalismo é unha filosofía política e moral baseada nos dereitos do individuo, a liberdade, o consentimento dos gobernados, a igualdade política e a igualdade ante a lei.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
O Campionato de España-Copa da Súa Maxestade o Rei, comunmente coñecida como Copa do Rei ou simplemente A Copa, é un torneo futbolístico por eliminación directa que se disputa anualmente entre os mellores clubs de España. Organízao a Real Federación Española de Fútbol. Foi creada en 1903, a raíz do éxito da Copa da Coroación disputada un ano antes, sendo o torneo nacional de fútbol máis antigo de España.
O monte Kilimanjaro (Kilima Njaro, que significa 'montaña brillante' en kiswahili ou Oldoinyo Oibor, 'montaña branca' en masai) localizado no norte de Tanzania, xunto á fronteira con Kenya, é o punto máis alto de África, cunha altitude de 5 895 m. Este antigo volcán, co cume cuberto de neves eternas, érguese no medio dunha planicie de sabana, ofrecendo un espectáculo único. O monte e as selvas circundantes, cunha área de 75 353 ha, posúen unha fauna rica, incluíndo moitas especies ameazadas de extinción e constitúen un parque nacional que foi inscrito pola UNESCO en 1987 na lista dos lugares que son Patrimonio da Humanidade.
Asia ( pronunciación ) é o maior e máis poboado dos cinco continentes do planeta Terra localizado principalmente nos hemisferios norte e oriental. Abrangue un terzo das partes sólidas da superficie da Terra e é responsábel por albergar case tres quintos da poboación mundial. Limita ó norte a (Rusia) co océano Glaciar Ártico, ó leste co océano Pacífico e ó sur co océano Índico, ó oeste co mar Vermello, onde se xunta coa África pola canle de Suez.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Søren Aabye Kierkegaard, nado en Copenhague o 5 de maio de 1813 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1855, foi un teólogo e filósofo dinamarqués do século XIX, coñecido como o pai do existencialismo por facer filosofía sobre a condición da existencia humana, por centrar a súa filosofía no individuo e na subxectividade, na liberdade e na responsabilidade, e na desesperación e na angustia. Kierkegaard tiña pouco interese polo mundo natural, en cambio, tiña moito máis pola existencia do individuo illado.
Marshall Bruce Mathers III, nado en St. Joseph, Missouri o 17 de outubro de 1972, coñecido profesionalmente coma Eminem (estilizado EMINƎM), é un cantante de hip hop estadounidense, ademais de produtor musical e actor. Durante a súa carreira musical 10 dos seus álbums acadaron o número un na lista Billboard 200 e cinco dos seus sinxelos estiveron no primeiro posto da lista Billboard Hot 100.
O tiburón tigre (Galeocerdo cuvier) é unha especie de tiburón carcarrínido e único membro existente do xénero Galeocerdo. É un macrodepredador relativamente grande, que pode chegar aos 5 m de lonxitude. Vive en moitos mares de augas tropicais e temperadas, e é especialmente común arredor das illas do Pacífico central.
Leonardo da Vinci ( Leonardo di ser Piero da Vinci ), nado en Anchiano, Toscana (República de Florencia), preto de Vinci, o 15 de abril de 1452 e finado en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519, foi un artista florentino e destacado polímata en diferentes eidos: foi pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico, icona do Renacemento italiano. Frecuentemente descrito como un arquetipo e símbolo do home do Renacemento, xenio universal, ademais de filósofo humanista cuxa curiosidade infinita só pode ser equiparable á súa capacidade inventiva, Leonardo da Vinci é considerado como un dos máis grandes pintores de tódolos tempos e, probablemente, é a persoa co maior número de coñecemento en múltiples disciplinas que xamais existiu. É máis coñecido como pintor e dúas das súas obras máis soadas son a Mona Lisa, tamén coñecida como A Gioconda, e A Última Cea, copiadas e parodiadas en múltiples ocasións, do mesmo xeito que o seu debuxo do Home de Vitruvio, que chegaría a ser retomado en numerosos traballos derivados.
Os placozoos (Placozoa) son un pequeno filo descrito polo zoólogo alemán Franz Eilhard Schulze (1840 - 1921) a partir de pequenos animais planos e reptantes encontrados nun acuario mariño do Instituto de Zoología de Graz (Austria), aos que interpretou como novos animais relacionados coa teoría da plánula. O filo está representado unicamente pola especie Trichoplax adhaerens, animal mariño de forma globosa cunha cavidade corporal chea de líquido a presión, xa que a outra especie citada, Treptoplax reptans, describiuse en 1896 e non se volveu ver desde entón. Trichoplax adhaerens posibelmente sexa o animal de estrutura máis simple existente no noso planeta.
Val do Dubra é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago. Limita ó sur con Santiago de Compostela e Ames, ó oeste con Santa Comba e A Baña, ó norte con Tordoia e ó leste con Trazo. Sitúase a 20 quilómetros da capital autonómica coa que se comunica a través da estrada CP-0701, con Carballo coa CP-1914, con Ordes coa CP-5903 e dende Ames a través da estrada AC-452.
Unha cámara fotográfica é un dispositivo utilizado para tomar fotografías, xa sexa individualmente ou en secuencia. O seu nome deriva do latín camera obscura, que significa "cámara escura" e refírese a un mecanismo antigo para proxectar imaxes no cal unha habitación (ou cámara) funcionaba de maneira similar a como funciona unha cámara fotográfica actualmente.
A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948. O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
As Termas de Caracalla foron uns baños públicos construídos en Roma entre o ano 212 e o 216 durante o reinado do emperador Caracalla. Eran as termas máis grandes de Roma, con máis de 9 hectáreas, con capacidade para 1600 persoas, con 64 cisternas de 80 000 litros cada unha. As ruínas das termas constitúen unha popular atracción turística.
Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar.
Ernest André Gellner, nado en París o 9 de decembro de 1925 e finado en Praga o 5 de novembro de 1995, foi un filósofo e antropólogo social checo nacionalizado británico. Foi un importante teórico da sociedade moderna e das diferenzas que a distinguen das sociedades precursoras. A súa esfera de influencia é pouco común e abrangue os campos da Filosofía, Socioloxía, Ciencia Política, Historia e Antropoloxía social.
O termo vida (en latín: vita) é unha característica que distingue entidades físicas que teñen procesos biolóxicos, como procesos de sinalización celular e autosuficiencia, das que non a teñen, xa sexa porque tales funcións cesaron (morto), ou porque nunca tiveron tales funcións e clasifícanse como inanimadas. Existen diversas formas de vida, como plantas, animais, fungos, protistas, arqueas e bacterias. Actualmente non hai consenso sobre a definición de vida.
O mar de Aral é un mar interior da Asia Central, situado entre os 53° e os 56° de latitude norte e entre os 58° e os 62° de lonxitude leste. Está situado entre Kazakhstán ao norte e Uzbekistán ao sur, é un grande lago de auga doce que estivo considerada como a cuarta extensión de auga doce da Terra. A inicios do século XXI atópase en grave degradación ao ser desviada durante décadas a auga dos dous ríos tributarios, Amur Daria e Sir Daria, con fins agrícolas, o que provocou que perdese unha gran parte da súa superficie e maior aínda do seu volume de auga.
As formigas (Formicidae) son unha familia de insectos eusociales que, como as avespas e as abellas, pertencen ao orde dos himenópteros. As formigas evolucionaron de antepasados similares a unha avespa para mediados do Cretáceo, fai entre cento dez e cento trinta millóns de anos, diversificándose tras a expansión das plantas con flor polo mundo. Son un dos grupos zoolóxicos de maior éxito, cunhas catorce mil especies descritas, aínda que se estima que poden ser máis de vinte e dous mil.
Varanus salvator é unha especie de réptil varánido de gran tamaño nativo do sur e sueste de Asia. É un dos chamados lagartos monitor máis comúns de Asia, que vive desde as costas do nordeste da India, Bangladesh, Sri Lanka, sueste asiático continental e sur da China ata as illas de Indonesia, onde vive preto da auga. Na Lista vermella da IUCN está considerado como en situación pouco preocupante.
Max Alexander Chiton, nado en Reigate (Surrey) o 21 de abril de 1991, é un piloto inglés. Fixo o seu debut na Fórmula 1 na tempada 2013, competindo co equipo Marussia F1 Team, previamente competiu co equipo Carlin na GP2 de 2012. O seu irmán Tom tamén é un piloto de carreiras, que actualmente compite na World Touring Car Championship.
Aaliyah Dana Haughton, nada o 16 de xaneiro de 1979 e finada o 25 de agosto de 2001, foi unha cantante afroamericana de R&B, que actuou tamén en dous filmes antes da súa morte nun accidente de aviación aos 22 anos. Nada en Brooklyn, Nova York, medrou en Detroit. En 1994 lanzou o seu primeiro álbum, Age Ain't Nothing But a Number, que se converteu en disco de platino.
O Estado da India, tamén coñecido por India Portuguesa, designa o grupo de territorios ocupados por Portugal na India, en época do Imperio Portugués. Cando se deu a independencia da India en 1947, Portugal detentaba os dereitos sobre varios enclaves na costa indiana, cuxa pose databa da época dos Descubrimentos, logo despois da ligazón marítima ter sido establecida por Vasco da Gama. Entre estes territorios, incluíanse: Goa Cochim Damão Diu Dadrá e Nagar Haveli, un exclave de Damão ben metido no corazón do Estado de Gujarat.
Telecinco é unha canle de televisión xeneralista e privada española propiedade de Mediaset España que emite a través da TDT e nas plataformas de televisión de pago Movistar+ e Vodafone TV, Orange TV e R en España. As súas emisións experimentais comezaron o 10 de marzo de 1989 e posteriormente as emisións regulares comezaron o 3 de marzo de 1990, sendo a segunda rede privada a transmitir por España, despois de Antena 3. A sede central encóntrase en Madrid, situada no barrio de Fuencarral, no que antigamente foron os Estudios Roma.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Tempada 2025/26 do Deportivo da Coruña
Durante a tempada 2025/26 o Deportivo da Coruña compite na Segunda División por 43ª vez na súa historia.
WikiLeaks (WikiFiltracións ou WikiFugas en inglés) é unha organización internacional dos medios de comunicación e sen ánimo de lucro que publica a través do seu sitio web informes anónimos e documentos filtrados con contido sensíbel en materia de interese público, preservando o anonimato das súas fontes. O lanzamento da páxina web realizouse en decembro de 2006, e a súa actividade comezou en xullo de 2007 e desde esta data a súa base de datos creceu constantemente até acumular 1,2 millóns de documentos. Está xestionado por The Sunshine Press.
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
SpongeBob SquarePants, traducido para galego como Bob Esponxa, é unha serie de animación estadounidense creada por Stephen Hillenburg. O protagonista é o que dá o nome á serie. Bob Esponxa vive no fondo do océano Pacífico, na cidade de Fondo de Bikini (Bikini Bottom), nunha piña, onde reside en compañía do seu caracol, Gary.
A comarca de Ourense é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Ourense. Pertencen a esta comarca os concellos de Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín. Limita ao norte coa comarca de Chantada (Lugo), ao nordeste coa comarca de Terra de Lemos (Lugo) e comarca da Terra de Caldelas, ao leste e sueste coa de Allariz-Maceda, ao sur coa de Celanova e ao oeste coas do Ribeiro e Carballiño.
Sniffer é un programa destinado á captura de datos dunha rede informática. Hoxe en día, a topoloxía das redes máis comúns, obriga os equipos conectados a ela a compartir o medio físico de conexión (cable coaxilal, fibra óptica, wireless etc.). Pero isto non é un problema, xa que a información que mande ou solicite cada máquina só pode ser vista por ela, é dicir, as tramas chegadas de Internet, por exemplo, entrarán unicamente nese equipo (quen solicitou esas tramas).
Pedro Froilaz (tamén escrito Pero, así como Froylaz ou Fróilaz), foi un nobre galego nado no século XI, conde de Traba (ou Trava), Trastámara, Galiza e señor doutras tenencias e castelos. Foi o máis importante partidario do conde de Galiza Raimundo de Borgoña, quen lle confiou a crianza do seu fillo Afonso Raimúndez. Na defensa dos dereitos sucesorios do neno enfrontouse á raíña Urraca, nai do infante, e ao seu esposo Afonso o Batallador.
O mar Mediterráneo é un mar continental que esta conectado co océano Atlántico polo estreito de Xibraltar; rodeado pola conca mediterránea esta case completamente pechado por terra: ao norte baña as terras do sur de Europa e Anatolia, ao sur as do norte de África, o leste as do Levante mediterráneo e ao oeste baña as terras da Península Ibérica. O mar Mediterráneo ocupa unha superficie duns 2.500.000 km2, que representan o 0,7% da superficie oceánica mundial, pero a súa conexión co Atlántico a través do Estreito de Xibraltar-o estreito que conecta o océano Atlántico co mar Mediterráneo e separa a Península Ibérica en Europa de Marrocos en África- só ten 14 km de ancho. A súa lonxitude oeste-leste, desde o estreito de Xibraltar ata o golfo de Alexandreta, na costa sueste de Turquía, é dun 4000 km.
Sir Timothy John Berners-Lee, coñecido como Tim Berners-Lee e tamén por TimBL, nado o 8 de xuño de 1955, é un enxeñeiro e científico da computación británico, coñecido por ser o inventor da World Wide Web (www). É profesor numerario investigador do departamento de Ciencias da computación da Universidade de Oxford e profesor no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT). O 12 de marzo de 1989, Berners-Lee propuxo un sistema de xestión da información, e en novembro dese mesmo ano estableceu a primeira comunicación exitosa entre un cliente e un servidor a través de Internet usando o protocolo HTTP. Berners-Lee é o director do World Wide Web Consortium (W3C) que el mesmo fundou en outubro de 1994 para supervisar e estandarizar o desenvolvemento das tecnoloxías sobre as que se fundamenta a Web e que permiten o funcionamento de Internet.
Charles-Edouard Jeanneret-Gris, nado en La Chaux-de-Fonds (Suíza francófona) o 6 de outubro de 1887 e finado en Roquebrune-Cap-Martin (preto de Niza o 27 de agosto de 1965, máis coñecido polo pseudónimo de Le Corbusier, foi un arquitecto francés de orixe suíza que se considera como o pai de arquitectura moderna e que xunto con Frank Lloyd Wright, Ludwig Mies van der Rohe e Alvar Aalto son considerados dos arquitectos máis importantes do século XX.
Charles André Joseph Marie de Gaulle (/də ˈɡoʊl, -ˈɡɔːl/; Pronunciación francesa: [ʃaʁl də ɡol] ( ); comunmente abreviado como CDG e coñecido en Francia simplemente como "le général" ("o xeneral"), nado o 22 de novembro de 1890 en Lille e finado o 9 de novembro de 1970 en Colombey-les-Deux-Églises, foi un militar, resistente e home de estado francés. Foi o líder do goberno da Francia Libre contra a Alemaña nazi na segunda guerra mundial e presidiu o Goberno Provisional da República Francesa de 1944 a 1946 para restaurar a democracia en Francia. En 1958, saíu do seu retiro ao ser nomeado Presidente do Consello de Ministros (Primeiro Ministro) polo Presidente René Coty.
O islam (en árabe: الإسلام, al-Islām ) ou islamismo é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá». A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría».
Os aztecas -chamados así na historiografía tradicional-, ou mexicas (do náhuatl: mexihkah), foron unha civilización mesoamericana que xurdiu no centro do actual México no período posclásico de 1300 a 1521. O aztecas incluían diferentes pobos indíxenas do centro de México, en particular aqueles grupos que falaban a lingua náhuatl e que dominaron gran parte de Mesoamérica entre os séculos XIV e XVI. A cultura azteca organizouse en cidades-estado (altepetl), algunhas das cales se uniron para formar alianzas, confederacións políticas ou imperios. O Imperio Azteca foi unha confederación de tres cidades estado estabelecida en 1427: Tenochtitlán, a capital dos mexicas ou tenochca, Tetzcoco e Tlacopan, que anteriormente formaban parte do imperio tepaneca, cuxo poder dominante era Azcapotzalco.
Rabindranath Tagore ( rəˈbindrəˈnɑ:t ˈtɑ:ɡɔr ), nome anglicizado de Rabíndranáth Thákhur (रवीन्द्रनाथ ठाकुर), nado en Calcuta o 7 de maio de 1861 e finado en Calcuta, India, o 7 de agosto de 1941, foi un polímata indio que destacou como poeta, escritor, dramaturgo, compositor, filósofo, reformador social e pintor. Reformou a literatura e a música bengalí, así como a arte india co modernismo contextual a finais do século XIX e principios do XX. Autor da poesía "profundamente sensible, fresca e bela" de Gitanjali, converteuse en 1913 no primeiro non europeo e o primeiro letrista en gañar o Premio Nobel de Literatura. As cancións poéticas de Tagore eran vistas como espirituais e impredicibles; con todo, a súa "prosa elegante e a súa poesía máxica" seguen sendo descoñecidas fóra de Bengala.