Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Portugaliza é un concepto promovido por algúns defensores do reintegracionismo, que reivindican a unidade cultural, lingüística, histórica e xeográfica entre os pobos de Portugal e de Galiza. Para os reintegracionistas que defenden este concepto, Portugaliza implicaría unha reintegración política (e non só lingüística) de Galiza no espazo portugués. Este novo estado tería unha superficie de 121.810 km² e unha poboación de 13 millóns de habitantes.
Sark (francés: Sercq; Sercquiais: Sèr ou Cerq), é unha pequena illa das Illas da Canle no suroeste do Canle da Manga, na costa de Normandía, Francia. É un feudo real, que forma parte da Bailía de Guernsey, co seu propio conxunto de leis baseadas na lei normanda e o seu propio parlamento. Ten unha poboación de preto de 600 habitantes.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Nathan Lee Chasing His Horse, nado na reserva india de Rosebud o 28 de abril de 1976, é un actor da tribo síux dos lakota, tamén coñecido polo nomes Nathan Chasing Horse e Nathan Chases His Horse. É fillo do xefe Joseph Chasing Horse e de Winifred Chasing Horse. Pasou gran parte da súa vida adulta en California, e vive en Las Vegas, Nevada.
Santa Mariña de Baíña é unha parroquia do concello de Baiona. Limita coas parroquias de Belesar, Baredo, Santa Cristina da Ramallosa e Baiona e pertence á comarca do Val Miñor e ó arciprestado de Miñor. Segundo o IGE , tiña 1749 veciños en 2015 e os seus lugares máis destacados son: O Burgo (518), O Cruceiro (178), Os Eidos (150), Fontes (231), A Igrexa (121), As Laxes (442), O Río (104) e San Cosme (5).
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Michael Joseph Jackson, nado o 29 de agosto de 1958 en Gary, Indiana, e finado o 25 de xuño de 2009 nos Ánxeles, foi un cantautor, produtor, músico, actor e bailarín estadounidense. Alcumado coma o "Rei do Pop", a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio.
O rispetto é unha forma poética italiana de orixe popular que recibe este nome porque nela o poeta rende homenaxe á muller amada. O rispetto consta dunha cuarteta de hendecasílabos en rima alterna (ABAB), seguida por un ou dos dísticos de hendecasílabos en rima pareada. Os rispetti continuados forman unha serie de composicións unidas entre si polo mesmo tema; os rispetti soltos preséntanse nunha serie mais sen vínculos internos.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Organización de Países Exportadores de Petróleo
A Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) é unha organización económica internacional, con sede en Viena. Foi creada como resposta á baixada do prezo oficial do petróleo acordada unilateralmente polas grandes compañías distribuidoras en agosto de 1960 (que eran estranxeiras). Os seus fins son: a unificación e coordinación das políticas petroleiras dos países membros, coa defensa dos seus intereses como nacións produtoras.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Palau de la Generalitat de Catalunya
O Palau de la Generalitat (Pazo da Xeneralidade en galego) é a sede da Presidencia da Generalitat de Cataluña e é un dos poucos edificios de orixe medieval en Europa que se mantén como sede do goberno e da institución que o construíu. Encóntrase no distrito de Ciutat Vella da cidade de Barcelona. O edificio está situado entre os límites das rúas do Bisbe, de Sant Sever e de Sant Honorat coa fachada principal na plaça de Sant Jaume fronte á Casa de la Ciutat de Barcelona.
As Illas Canarias son un arquipélago do Atlántico, unha das dezasete comunidades autónomas de España e unha das rexións ultraperiféricas da Unión Europea. Está formada por oito illas: El Hierro, La Gomera, La Palma e Tenerife, que forman a provincia de Santa Cruz de Tenerife; e Fuerteventura, Gran Canaria, Lanzarote e La Graciosa, que forman a provincia das Palmas. Tamén fan parte das Canarias os illotes deshabitados de Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste, que forman xunto coa illa de La Graciosa o Arquipélago Chinijo, e a Illa de Lobos, todos eles pertencentes á provincia das Palmas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 231.142.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Lista de comunidades autónomas españolas por poboación
Lista das comunidades autónomas españolas ordenadas por poboación segundo padrón municipal, a 1 de xaneiro do 2018.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Damon Graham Devereux Hill, OBE, nado en Londres o 17 de setembro de 1960, é un expiloto de Fórmula 1 británico e o campión do mundo de 1996. É fillo do dúas veces campión do mundo de Fórmula 1 Graham Hill. Hill chegou ás competicións de motor profesionais relativamente tarde, comezou a competir con motocicletas en 1983 á idade de 23 anos.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Rallus eivissensis é unha especie fósil rcentemente descuberta de rálido, descrita para o período que vai desde o Plistoceno tardío ao Holoceno temperán atopada nun depósito nunha cova de Es Pouàs na illa de Eivisa (Illas Baleares), polo que se lle adoita chamar zarrusca de Eivisa. É un parente da actualmente existente zarrusca eurasiática (Rallus aquaticus) e puido derivar dela, pero era un pouco máis pequena e repoluda, tiña patas máis curtas e robustas e ás máis curtas, probablemente cunha limitada capacidade para voar. Pode que vivese tamén na veciña illa de Formentera, onde son se examinaron aínda posibles localizacións.
A Catedral de Santa María (en estoniano: Toomkirik); en alemán: Ritter- und Domkirche), cuxo nome completo é Catedral Episcopal da Santa Virxe María de Talín (en estoniano: Tallinna Püha Neitsi Maarja Piiskoplik Toomkirik), é unha catedral luterana que se atopa no outeiro de Toompea, na cidade vella de Talín, a cidade capital de Estonia. Estabelecida no século XIII, é a igrexa máis antiga de Talín e da Estonia continental, e o único edificio de Toompea que sobreviviu ao incendio do século XVII. A igrexa foi creada orixinalmente no século XIII como catedral católica, despois de que Talín e o norte de Estonia fosen conquistados polo Reino de Dinamarca durante as Cruzadas do Norte. Despois da reforma protestante, a igrexa converteuse en luterana en 1561, e agora é a sede do arcebispo de Talín, líder espiritual e presidente do sínodo gobernante da Igrexa Evanxélica Luterana Estoniana.
Khvicha Kvaratskhelia (en xeorxiano: ხვიჩა კვარაცხელია), nado en Tbilisi o 12 de febreiro de 2001, é un futbolista xeorxiano que xoga como extremo esquerdo no Paris Saint-Germain, da Ligue 1 francesa, e na selección de Xeorxia. Comezou a súa carreira no Dinamo Tbilisi, co que debutou aos 16 anos, antes de pasar ao Rustavi, onde xogou media tempada. A continuación xogou tres anos na Liga Premier de Rusia, nas filas do Lokomotiv Moscova e do Rubín Kazán, sendo elixido dúas veces consecutivas como mellor xogador novo da liga.
Git é un sistema de control de versións (VCS) que traza os cambios en ficheiros e permite a coordinación de traballo en grupos de moitas persoas. Emprégase máis para o desenvolvemento de software, pero úsase para xestionar traballos sobre calquera tipo de ficheiros. É un sistema de control de versións distribuído orientado á ser rápido, manter a integridade dos datos, e soportar modelos de traballo distribuídos e non lineais.
Rocío Wanninkhof Hornos, nada o 9 de novembro de 1979 e finada o 9 de outubro de 1999, foi unha moza adolescente española que foi asasinada na súa vila natal, en Mijas, Málaga, localizada no Costa do Sol. En 2001, en medio da presión popular e o circo dos medios de comunicación (definido en ocasións como un "linchamento público" do acusado), un xuízo con xurado condenou a María Dolores "Loli" Vázquez, de 52 anos, polo asasinato, aínda que non existían probas que a relacionasen co crime. Vázquez era a amante separada da nai de Wanninkhof, Alicia Hornos.
Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España.
Vladimir Vladimirovich Putin (en ruso: Владимир Владимирович Путин), nado en Leningrado o 7 de outubro de 1952, é un político ruso e antigo oficial de intelixencia que é o actual presidente de Rusia, un cargo que ostenta dende o ano 2012, e que xa ocupou entre os anos 1999 e 2008. Tamén foi primeiro ministro dende 1999 até 2000, e de novo entre 2008 e 2012. Putin é o segundo presidente europeo máis lonxevo despois de Aliaksandr Lukašenka da veciña Belarús.
Eclipse solar do 12 de agosto de 2026
A eclipse solar do 12 de agosto de 2026 será unha eclipse solar total. É a seguinte europea despois das que tiveron lugar o 11 de agosto de 1999 no norte de Francia, o sur de Bélxica, Luxemburgo, o sur de Alemaña, Austria, Hungría, o norte de Iugoslavia e Bulgaria; e o 29 de marzo de 2006 na illa de Kastelórizo en Grecia e o sur da Rusia europea. Esta será visíbel como total no extremo norte da Siberia rusa, no extremo oeste de Islandia, na illa danesa de Groenlandia e na maior parte da metade norte de España, ben como nunha pequena extremidade nordeste de Portugal, no distrito de Braganza.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Patrimonio da Humanidade en Irán
Os sitios do Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) son lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural tal como se describe na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, establecida en 1972. O patrimonio cultural está composto por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e sitios (incluídos os sitios arqueolóxicos). Os elementos naturais (que constan de formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluídos os hábitats das especies ameazadas de animais e plantas) e os sitios naturais que son importantes desde o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural defínense como patrimonio natural.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Pasargada (/pəˈsɑːrɡədi/; de Pāθra-gadā, club forte, persa پاسارگاد Pāsārgād) foi a capital do Imperio aqueménida baixo Ciro o Grande, situada xusto ao norte da cidade 559–50 a.C. Madar-e-Soleyman e uns 90 km ao nordeste da cidade de Shiraz. É un dos Patrimonio da Humanidade da UNESCO de Irán. Considérase que é o lugar onde se atopa a Tumba de Ciro, unha tumba anteriormente atribuída a Madar-e-Soleyman, a "Nai de Salomón".
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
A festa dos maios, tamén coñecida simplemente como os maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Marcus Aurelius Antoninus Basianus, nado en Lugdunum, actual Lión, o 4 de abril de 188 e finado o 8 de abril do ano 217, político romano e fillo do entón gobernador da Galia Septimio Severo, foi un emperador romano co nome oficial de Marcus Aurelius Severus Antoninus Augustus. O seu nome de Caracalla fai referencia a unha capa de orixe gala que usaba decote e co alcume pasou á historia.
Partido Socialdemócrata Estoniano
O Partido Socialdemócrata Estoniano (en estoniano, Eesti Sotsiaaldemokraatlik Partei, ESDP) foi un partido político, un dos predecesores do actual Partido Socialdemócrata, que operou en Estonia dende 1990 ata 1996. Durante a maior parte da existencia do partido, estivo dirixido por Marju Lauristin.