Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Miguel de la Quadra-Salcedo y Gayarre, nado en Madrid o 30 de abril de 1932, e finado ibídem o 20 de maio de 2016, foi un reporteiro, promotor cultural e atleta español, especializado nas probas de lanzamento. Fundou e dirixiu o programa de estudos e aventuras Aventura 92, posteriormente coñecido como Ruta Quetzal. Aínda sendo madrileño de nacemento, el sempre se recoñeceu como vasco-navarro.
A festa dos maios, tamén coñecida simplemente como os maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Os irmáns Juan e Jesús García Naveira foron dous betanceiros que, ó regresaren da emigración na Arxentina, realizaron numerosas obras sociais e culturais na súa vila natal, na que investiron boa parte da fortuna que reuniron alá, tanto individual como conxuntamente. Como mostra de agradecemento e recoñecemento, a cidade de Betanzos dedicoulles a praza principal da cidade. Eran fillos de labregos, que tiveron que emigrar para sobreviviren, desenvolvendo distintos traballos en Buenos Aires ata que crearon unha empresa dedicada á importación, Etchegaray, Arriarán y Cía.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
A batalla de Nautla foi un enfrontamento armado que tivo lugar o 19 de outubro de 1519 entre as forzas españolas comandadas por Juan de Escalante e as forzas totonacas aliadas cos españois contra os mexicas encabezados por Cuauhpopoca, señor de Nautla. Foi a primeira derrota dos españois durante a conquista do Imperio Azteca por Hernán Cortés. A batalla tivo lugar no actual municipio de Nautla, Veracruz, na costa do golfo de México.
Sophia de Mello Breyner Andresen, nada no Porto o 6 de novembro de 1919 e finada en Lisboa o 2 de xullo de 2004, foi unha das máis importantes poetisas portuguesas do século XX. Distinguida co Premio Camões, en 1999, converténdose na primeira muller portuguesa en recibi-lo máis importante galardón literario da lingua portuguesa. Así mesmo, foi membro da Academia das Ciencias de Lisboa. Foi Premio Rosalía de Castro do Centro PEN Galicia no 2000.
A serie Game & Watch (en xaponés ゲーム&ウオッチ, Gēmu & Uotchi; coñecidas en Alemaña como tricOtronic e popularmente en España como «maquinitas») é unha liña de 59 consolas portátiles de videoxogos fabricadas por Nintendo dende 1980 a 1991 e creadas por Gunpei Yokoi. Cada unha delas posuían un único xogo de pantalla LCD e tiñan ademais reloxo e alarma. Algúns dos títulos do formato Game & Watch foron Pinball, Donkey Kong, The Legend of Zelda, Mario Bros.
Circus é un xénero de aves de presa accipítridas entre as que están as tartarañas e a gatafornela. As tartarañas cazan caracteristicamente voando baixo sobre terreo aberto, alimentándose de pequenos mamíferos, réptiles ou aves. Son aves facilmente identificables coas súas ás longas, unha cola estreita longa, un voo lento e baixo sobre pradeiras e teñen peculiaridades no cranio.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Estrasburgo (en francés: Strasbourg, [stʁaz.buʁ] (AFI); en alemán: Straßburg, [ˈʃtʁaːsbʊɐ̯k] (AFI); en alsaciano: Strossburi, [ˈʃd̥rɔːsb̥uri] (AFI)) é unha cidade situada no leste de Francia, na marxe esquerda do río Rin. É a capital da rexión administrativa francesa do Gran Leste e do departamento do Baixo Rin. A aglomeración urbana prolóngase ata Alemaña, á cidade de Kehl, que é o espello xeográfico de Estraburgo do lado oposto do Rin.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 231.182.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Rodrigo Cuevas González, nado en Oviedo en 1985, é un artista multidisciplinar, cantante, compositor, acordeonista, DJ e presentador de televisión asturiano. Na súa música e espectáculos, incorpora bases electrónicas á música tradicional, e viste vestimenta rural mesturada cun estilo cabaré e pin-up.
Galego para peques é un proxecto educativo creado para estender o uso do galego na infancia. Nace no ano 2023 da man de Álvaro López García e Fátima Suárez Barrantes, ao comprobar coa crianza do seu fillo a gran carencia de recursos audiovisuais e de entretemento que existían en lingua galega para estas primeiras etapas.
Michael Joseph Jackson, nado o 29 de agosto de 1958 en Gary, Indiana, e finado o 25 de xuño de 2009 nos Ánxeles, foi un cantautor, produtor, músico, actor e bailarín estadounidense. Alcumado coma o "Rei do Pop", a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Soledad Córdoba Guardado, nada en Avilés, Asturias, o 15 de setembro de 1977, é unha artista contemporánea asturiana que utiliza a fotografía como medio para representar novas realidades, na maioría dos casos a ferramenta é o seu propio corpo, para desvelar interrogantes acerca da existencia do ser humano a través da poética da imaxe.
Refraneiro galego sobre o mes de maio
A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano . A auga de maio inda carga o carro . A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón .
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2026, 72 autores (14 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 64 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Eclipse solar do 12 de agosto de 2026
A eclipse solar do 12 de agosto de 2026 será unha eclipse solar total. É a seguinte europea despois das que tiveron lugar o 11 de agosto de 1999 no norte de Francia, o sur de Bélxica, Luxemburgo, o sur de Alemaña, Austria, Hungría, o norte de Iugoslavia e Bulgaria; e o 29 de marzo de 2006 na illa de Kastelórizo en Grecia e o sur da Rusia europea. Esta será visíbel como total no extremo norte da Siberia rusa, no extremo oeste de Islandia, na illa danesa de Groenlandia e na maior parte da metade norte de España, ben como nunha pequena extremidade nordeste de Portugal, no distrito de Braganza.
A liga dos cantantes extraordinarios
A Liga dos cantantes extraordinarios é un programa musical emitido na TVG no que compiten cantantes de orquestra.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Jordi Évole Requena, nado o 21 de xullo de 1974 en Cornellà de Llobregat, Barcelona, é un presentador, humorista e guionista catalán, anteriormente coñecido tamén como El Follonero. Dende 2008 a 2019 presentou o programa Salvados, na cadea de televisión laSexta, e tamén escribe artigos de opinión no diario La Vanguardia e anteriormente en Mundo Deportivo e El Periódico de Catalunya.
Celaeno (Celeno ou 16 Tauri) é unha estrela da constelación de Taurus e membro do cúmulo das Pléiades. Celaeno tamén é coñecida coma a "Pléiade perdida" a través de Teón de Alexandría. Moita xente que observa as pléiades só ve seis estrelas das sete principais estrelas das Pléiades, xa que Celaeno, que ten unha magnitude aparente de +5.45, precisa dun ceo limpo e escuro para ser vista.
Vladimir Vladimirovich Putin (en ruso: Владимир Владимирович Путин), nado en Leningrado o 7 de outubro de 1952, é un político ruso e antigo oficial de intelixencia que é o actual presidente de Rusia, un cargo que ostenta dende o ano 2012, e que xa ocupou entre os anos 1999 e 2008. Tamén foi primeiro ministro dende 1999 até 2000, e de novo entre 2008 e 2012. Putin é o segundo presidente europeo máis lonxevo despois de Aliaksandr Lukašenka da veciña Belarús.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego. Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España.
A inmigración india en España refírese ao fluxo migratorio dos cidadáns da India cara a España. Os indios en España forman unha das poboacións máis pequenas da diáspora india. Segundo as estatísticas do Ministerio de Asuntos Exteriores da India, só representan 35.000 persoas, ou o 0,07% da poboación de España.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
A Internacional (L'Internationale en francés) é a canción socialista máis famosa, adoptada tamén polos anarquistas e comunistas, unha das cancións máis coñecidas internacionalmente, ademais do himno dos traballadores de todo o mundo. A letra orixinal é de Eugène Pottier en 1871 e música de Pierre Degeyter en 1888.
Yazd (persa یزد, fa) é unha cidade do Distrito Central do Condado de Yazd, provincia de Yazd, Irán, que serve como capital da provincia, do condado e do distrito. No censo de 2016, a súa poboación era de 529.673 habitantes. Desde 2017, a cidade histórica de Yazd está recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Debido a xeracións de adaptacións ao seu contorno desértico, Yazd é coñecida pola súa arquitectura persa.
Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego, membro de número da Real Academia Galega dende 2009. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego e é considerado na actualidade o escritor galego con máis proxección internacional, a súa obra está traducida a vinte idiomas, entre eles o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata e xaponés. Entre outros moitos premios é Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2022) e Premio Nacional das Letras Españolas (2024) do Goberno de España.
Francisco Bustelo García del Real
Francisco Bustelo García del Real, nado en Madrid o 12 de xaneiro de 1933, é un político español de orixe galega.
A inmigración filipina en España refírese ao fluxo migratorio dos cidadáns de Filipinas, e tamén dos filipinos que proveñen doutros países, cara a España. Case 200.000 persoas forman a colectividade filipina en España, que inclúe os aproximados 37.000 naturais de Filipinas que non posúen a nacionalidade española. Existe por unha gran porción da historia filipina a migración dos filipinos a España e os territorios españois debido da historia de Filipinas como unha posesión española, e a comunidade filipina é a comunidade inmigrante con orixe en Asia máis antiga de España.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega. Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.
Un qanāt (persa قَنَات) ou kārīz (کَارِیز) é un sistema de abastecemento de auga que se desenvolveu no antigo Irán co propósito de transportar auga potable á superficie desde un acuífero ou un pozo a través dun acueduto subterráneo. Orixinado hai aproximadamente 3.000 anos, a súa función é esencialmente a mesma nos sistemas de Asia e Norte de África, pero coñécese por unha variedade de nomes rexionais máis alá do Irán moderno, incluíndo: kārēz en Afganistán e Paquistán, foggāra en Alxeria, khattara nos Montañas Atlas, o ''falaj' de tipo 'daoudi en Omán e os Emiratos Árabes Unidos, e ʿuyūn en Arabia Saudita. Ademais dos de Irán, os qanats existentes e funcionais máis grandes atópanse en Afganistán, Xinjiang en China (o sistema de augas de Turpan), Omán e Paquistán.
Os bugallos ou bugallas, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos. A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre é a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos. En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².