Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Hentai é unha palabra xaponesa que fóra do Xapón se emprega para referirse á banda deseñada e ós debuxos animados de carácter pornográfico ou sexualmente explícitos, particularmente aqueles de orixe xaponesa, como o anime, manga e os videoxogos, estes últimos coñecidos como eroge ou xogos H. En xaponés hentai é unha palabra kanji composta de 変 (hen que significa "mudanza") e 態 (tai que significa "actitude" ou "aparencia"). Utilízase como abreviación da frase 変態性欲 (hentai seiyoku), "perversión sexual". Utilízase tamén popularmente como un insulto equivalente a pervertido, pero non se aplica á pornografía no Xapón, alí denomínase 18-kin (18禁, literalmente "18-prohibido") e seijin manga (成人漫画 "manga para adultos"), tamén empréganse as letras AV do inglés Adult Video (vídeo para adultos).
Adolfo Prego de Oliver Domínguez
Adolfo Prego de Oliver Domínguez, nado en Ourense o 1 de xaneiro de 1913 e finado en Madrid o 15 de outubro de 2000, foi un xornalista, escritor e crítico teatral galego.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Bárbaro é un exónimo pexorativo que procede do grego (βάρβαρος) e a súa tradución literal é "o que tatexa". Aínda que os gregos empregaban o termo para referirse a persoas estranxeiras, que non falaban o grego e cuxa lingua estranxeira soaba aos seus oídos como un tatexo incompresible ou onomatopea, tamén existen escritos, como os de Isócrates, que amosan unha apertura deste pobo para concibir aos bárbaros non como "estranxeiros", senón como individuos que carecían de educación, independentemente do seu lugar de nacemento, primitivos ou salvaxes. Os romanos tomaron posteriormente a palabra e o seu significado para o trato cos pobos que invadiron o Imperio Romano.
Os somitos ou somitas (un sinónimo obsoleto é segmentos primitivos) son un conxunto de bloques pares bilateralmente de mesoderma paraxial que se forman no estadio embrional da somitoxénese, ao longo do eixe cabexa-cola en animais segmentados. En vertebrados, os somitos subdivídense en dermátomos, miótomos, esclerótomos e sindétomos que dan lugar ás vértebras da columna vertebral, caixa torácica, parte do óso occipital, músculo esquelético, cartilaxe, tendóns e pel (das costas). O termo somito (en latín somitus) úsase ás veces en lugar do termo metámero.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Guernica é un cadro pintado por Pablo Picasso en 1937, cuxo título alude ó bombardeo de Gernika ocorrido o 26 de abril do mesmo ano, no transcurso da guerra civil española. Foi pintado por encargo do Goberno da Segunda República Española para ser exposto no pavillón español durante a Exposición Internacional de París de 1937, xunto ás obras doutros afamados artistas españois, co propósito de chamar a atención internacional cara á causa republicana en plena guerra civil. Rematada a guerra e instaurada a ditadura de Franco, Picasso decidiu que o cadro permanecese en depósito no Museo de Arte Moderna de Nova York, aínda que expresou a súa vontade de que regresase a España cando se reinstaurase a democracia.
San Vicente de Meá é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Mugardos. Segundo o IGE en 2018 tiña 573 habitantes (297 mulleres e 276 homes) distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 767 habitantes. Ten unha extensión de 2,07 km² e unha densidade de poboación de 294,69 hab./km².
As bolboretas son insectos da orde dos lepidópteros. As bolboretas "diúrnas" clasificábanse antes no grupo Rhopalocera, mentres que as bolboretas "nocturnas" ou avelaíñas clasificábanse no grupo Heterocera, pero estes grupos, que xeralmente eran considerados subordes, xa non se utilizan nas clasificacións máis modernas por seren polifiléticos, e non todas as especies de cada grupo son nocturnas ou diúrnas. A dos lepidópteros é unha orde de insectos holometábolos (é dicir, de metamorfose completa), case sempre voadores, caracterizados, entre outras cousas, porque despois de ter superado o estado de larva, presenta dous pares de ás.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O Líbano (árabe: لُبْنَان), oficialmente a República do Líbano (árabe: الجمهورية اللبنانية) ou a República Libanesa, é un país de Asia Occidental. Está situado entre Siria ata o norte e o leste e Israel ata o sur, mentres que Chipre se atopa ao oeste, atravesando o mar Mediterráneo. A súa localización na encrucillada da Conca do Mediterráneo e do interior árabe contribuíu á súa rica historia e deu forma á unha identidade cultural de diversidade relixiosa.
O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Aiko el grupo é unha banda española de punk pop e indie pop formada en Santander en 2019. O conxunto está integrado por Teresa Iñesta, Lara Miera e Bárbara López. A súa música combina elementos do riot grrrl, o o‑fi e o pop de guitarras, caracterizándose por cancións breves, letras irónicas e unha estética deliberadamente desenfadada.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
A aritmética (do grego αριθμός = número) é unha das máis antigas ramas elementais das matemáticas que trata de operacións numéricas como a suma, a resta, a multiplicación e a división. Nun sentido máis amplo, tamén inclúe a potenciación, a extracción de raíces e a obtención de logaritmos. Comunmente enténdese por aritmética a parte da álxebra elemental ensinada na escola primaria que estuda os números e as operacións básicas que con eles se fan.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
Rafael Sánchez Ferlosio, nado en Roma (Italia) o 4 de decembro de 1927 e finado en Madrid o 1 de abril de 2019, foi un escritor español, Premio Cervantes no 2004 e Premio Nacional das Letras Españolas no 2009. A súa obra máis coñecida é El Jarama (1955), manifestación eminente da estética do realismo.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
O Reino Suevo (en latín: Regnum Suevorum), reino dos suevos, Reino Suevo de Galiza (en latín: Gallaecia suevorum regnum) ou Reino de Galiza configurouse como a estrutura política máis antiga das actuais rexións de Galiza e o norte e centro de Portugal, despois da caída do Imperio Romano de Occidente. Foi o primeiro estado medieval da Europa occidental continental: nas Illas Británicas foi anterior en Gales o Reino de Dyfed, logo da fin do dominio romano en Britania. Os suevos eran un pobo xermánico que entraron no noroeste da Península Ibérica en 409 ou 410 nunha vaga migratoria ou guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas).
The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros no ano 2018. Nada baixo a influencia do grupo Terbutalina, a súa andaina iníciase da man de Xanma e Samuel (Rapante), ambos guitarristas da vila aos que non tardaría en sumarse Matías ao baixo e sintetizadores. Cunha base musical apoiada en ritmos disco e guitarras indies característicos de agrupacións como The Smiths, The Growlers ou mesmo Novedades Carminha, o carácter destes catro mozos radica nunha actitude despreocupada e enérxica.
María Dolores de Cospedal García, nada en Madrid o 13 de decembro de 1965, é unha xurista e política española, secretaria xeral do Partido Popular e presidenta do Partido Popular de Castela-A Mancha. Foi presidenta da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha entre 2011 e 2015, e ministra de Defensa entre 2016 e 2018.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.758.
Ana María Oramas González-Moro, nada en Santa Cruz de Tenerife o 17 de xullo de 1959, é unha política española que forma parte de Coalición Canaria. É deputada nacional pola provincia de Tenerife desde 2007 e portavoz de Coalición Canaria no grupo mixto. Foi tamén alcaldesa de San Cristóbal de La Laguna desde 1999 até 2008.
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Ánxel Casal Gosenxe, nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego. Para Alonso Montero: sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público, e segundo Ramón Villares, Casal foi no campo da industria cultural o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político.
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
O David é unha escultura de mármore branco de 5,17 metros de altura (que inclúe o baseamento de 107 cm) e 5572 quilogramos de masa, realizada por Michelangelo Buonarroti entre 1501 e 1504 por encarga da Opera del Duomo da catedral de Santa María del Fiore de Florencia. A escultura representa ao rei David bíblico no momento previo a enfrontarse con Goliat, e foi acollida coma un símbolo da República de Florencia fronte á hexemonía dos seus derrocados dirixentes, os Medici, e a ameaza dos estados adxacentes, especialmente os Estados Pontificios. O David é unha das obras mestras do Renacemento segundo a maioría dos historiadores, e unha das esculturas máis famosas do mundo que, acotío, serve para representar tanto a Florencia como á propia Italia.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Cangas, ou Cangas do Morrazo (á espera da oficialización da forma Cangas de Morrazo), é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, da que é capital histórica. Segundo o IGE, en 2021 tiña 26.708 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cangués, aínda que tamén é común na zona a forma cangueiro.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Thomas John Woodward, máis coñecido polo nome artístico de Tom Jones, nado en Trefforest (Pontypridd) o 7 de xuño de 1940, é un cantante e actor galés, cabaleiro da Coroa Británica. Jones acadou sona na década de 1960 pola súa gran voz, estilo extravagante e sensualidade, elementos claves na súa imaxe como artista. É coñecido como o tigre de Gales.
Camilo Buenaventura Díaz Baliño, nado en Ferrol o 14 de xullo de 1889 e asasinado en Saa (Meixide, Palas de Rei) o 14 de agosto de 1936, foi un escritor, pintor, debuxante, ilustrador de libros, muralista, cartelista, escenógrafo e versátil artista gráfico galego, membro da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, das Irmandades da Fala desde 1918, do Seminario de Estudos Galegos desde 1926 e do Partido Galeguista. Colaborou nas coleccións Lar e Céltiga e noutras obras da literatura galega.
Groenlandia ou Grenlandia (en groenlandés: Kalaallit Nunaat, "Terra dos Groenlandeses"; en dinamarqués: Grønland) é un territorio de Dinamarca, situado xunto ao océano Ártico e ao norte do océano Atlántico. É a illa máis grande do mundo, estando case o 84% da súa superficie cuberta por xeo, ademais de ser o país cunha menor densidade de poboación. Aínda que fisicamente é parte do continente norteamericano, Groenlandia atópase politicamente ligado a Europa dende hai máis dun milenio, pertencendo ata 1814 a Noruega pasando, ese mesmo ano, ao dominio de Dinamarca.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
Marcos González, alcumado Buli, nado en Lugo o 1 de decembro de 1970 e finado o 27 de decembro de 2017, é un ex xogador e profesional de baloncesto galego. Cunha altura de 1,90 m, xogaba na posición de escolta. Chegou a xogar na Liga ACB da man do club da súa cidade natal, o Club Baloncesto Breogán.
O topónimo O Convento pode referirse a: En Galiza O Convento, lugar da parroquia de Abadín, no concello de Abadín; O Convento, lugar da parroquia de Penamaior, no concello de Becerreá; O Convento, lugar da parroquia de San Salvador de Asma, no concello de Chantada; O Convento, lugar da parroquia de San Fiz de Monfero, no concello de Monfero; O Convento, lugar da parroquia de San Xoán de Poio, no concello de Poio; Vilariño de Tras do Convento, lugar da parroquia de Allariz, no concello de Allariz.