Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Hentai é unha palabra xaponesa que fóra do Xapón se emprega para referirse á banda deseñada e ós debuxos animados de carácter pornográfico ou sexualmente explícitos, particularmente aqueles de orixe xaponesa, como o anime, manga e os videoxogos, estes últimos coñecidos como eroge ou xogos H. En xaponés hentai é unha palabra kanji composta de 変 (hen que significa "mudanza") e 態 (tai que significa "actitude" ou "aparencia"). Utilízase como abreviación da frase 変態性欲 (hentai seiyoku), "perversión sexual". Utilízase tamén popularmente como un insulto equivalente a pervertido, pero non se aplica á pornografía no Xapón, alí denomínase 18-kin (18禁, literalmente "18-prohibido") e seijin manga (成人漫画 "manga para adultos"), tamén empréganse as letras AV do inglés Adult Video (vídeo para adultos).
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas
A Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas é unha asociación ecoloxista galega fundada en 1989 e centrada na conservación da natureza a través da custodia do territorio. Esta asociación protexe e conserva o bosque Ridimoas no concello de Beade, na comarca do Ribeiro.
Factor de transcrición asociado á microftalmia
O factor de transcrición asociado á microftalmia tamén chamado proteína de hélice-bucle-hélice básica de clase E 32 (bHLHe32) é unha proteína que nos humanos está codificada no xene MITF do cromosoma 3. O MITF é un factor de transcrición de cremalleira de leucina de hélice-bucle-hélice básica implicado na regulación da vía específica de liñaxe de moitos tipos de células, como melanocitos, osteoclastos e mastocitos. O termo "específico de liñaxe", cando se refire ao MITF, significa xenes ou caracteres que soamente se atopan en certos tipos de células.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A aritmética (do grego αριθμός = número) é unha das máis antigas ramas elementais das matemáticas que trata de operacións numéricas como a suma, a resta, a multiplicación e a división. Nun sentido máis amplo, tamén inclúe a potenciación, a extracción de raíces e a obtención de logaritmos. Comunmente enténdese por aritmética a parte da álxebra elemental ensinada na escola primaria que estuda os números e as operacións básicas que con eles se fan.
O queixo Idiazabal (en éuscaro: Idiazabal gazta) é unha denominación de orixe protexida para unha variedade de queixo producido no País Vasco e en Navarra (agás nos concellos navarros do val de Roncal, que contan coa súa propia denominación de orixe «Queixo Roncal»). Entre outros requisitos, o queixo Idiazabal debe ser elaborado integramente con leite cru de ovella das razas latxa e carranzana. En 1992 o queixo Idiazabal foi nomeado Produto Patrimonio Gastronómico Europeo polo Ministerio de Agricultura francés e en 1995 obtivo en Parma o primeiro premio ao Mellor Queixo Europeo de Ovella.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Ames é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago. Segundo o IGE, o 1 de xaneiro de 2018 tiña 31.278 habitantes (15.015 homes e 16.263 mulleres) (en 2012 29.331 habitantes, 27.900 no 2010, 24.553 no 2007, 23.219 no 2006, 22.228 no 2005, 20.840 no 2004).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «amesán».
Os antibióticos β-lactámicos son unha clase de antibióticos de amplo espectro, que comprenden todos os axentes antibióticos que conteñen un anel beta-lactámico na súa estrutura molecular. Isto inclúe a penicilina e os seus derivados (penams), cefalosporinas (cefems), monobactams e carbapenems. A maioría dos antibióticos β-lactámicos funcionan inhibindo a biosíntese da parede celular no organismo bacteriano e son o grupo máis amplamente utilizado de antibióticos.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Cangas, ou Cangas do Morrazo (á espera da oficialización da forma Cangas de Morrazo), é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, da que é capital histórica. Segundo o IGE, en 2021 tiña 26.708 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cangués, aínda que tamén é común na zona a forma cangueiro.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
Lista de comunidades autónomas españolas por poboación
Lista das comunidades autónomas españolas ordenadas por poboación segundo padrón municipal, a 1 de xaneiro do 2018.
Na lírica medieval galego-portuguesa unha cantiga de amigo é unha composición breve e sinxela posta en boca dunha muller namorada. Deben o seu nome a que na maior parte delas aparece a palabra amigo no primeiro verso e, sobre todo, a que a voz narrativa é sempre a dunha muller nova —a amiga—, quen fala nelas do seu amigo-amado, habitualmente ausente nese momento. Constitúen o xénero máis destacado desta literatura pola súa orixinalidade, e o corpus lírico galego-portugués conta con arredor de 500 cantigas deste tipo.
Os somitos ou somitas (un sinónimo obsoleto é segmentos primitivos) son un conxunto de bloques pares bilateralmente de mesoderma paraxial que se forman no estadio embrional da somitoxénese, ao longo do eixe cabexa-cola en animais segmentados. En vertebrados, os somitos subdivídense en dermátomos, miótomos, esclerótomos e sindétomos que dan lugar ás vértebras da columna vertebral, caixa torácica, parte do óso occipital, músculo esquelético, cartilaxe, tendóns e pel (das costas). O termo somito (en latín somitus) úsase ás veces en lugar do termo metámero.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.775.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Os Premios María Casares son uns galardóns entregados anualmente pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia que destacan os mellores espectáculos, actores e actrices e profesionais técnicos da temporada teatral anterior. Concedéronse por vez primeira no ano 1997 e reciben o nome de María Casares debido á que foi a actriz galega con máis éxito internacional de sempre. Os gañadores son decididos por todas as persoas asociadas mediante votación electrónica.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
O Líbano (árabe: لُبْنَان), oficialmente a República do Líbano (árabe: الجمهورية اللبنانية) ou a República Libanesa, é un país de Asia Occidental. Está situado entre Siria ata o norte e o leste e Israel ata o sur, mentres que Chipre se atopa ao oeste, atravesando o mar Mediterráneo. A súa localización na encrucillada da Conca do Mediterráneo e do interior árabe contribuíu á súa rica historia e deu forma á unha identidade cultural de diversidade relixiosa.
A lingua seto (seto kiil´; en estoniano: setu keel) é un dialecto do estoniano meridional falado por unhas 25.080 persoas. Ás veces identifícase como unha variedade do võro, ou os dous son descritos como võro-seto. O pobo seto (setokõsõq) habita principalmente na área preto do fronteira sueste de Estonia con Rusia en Setomaa, e son principalmente ortodoxos orientais, mentres que os võros (võrokõsõq) son tradicionalmente luteranos e viven no histórico condado de Võru.
A lingua das bolboretas é a versión cinematográfica de varios relatos do escritor Manuel Rivas, publicados dentro do libro Que me queres, amor?. José Luis Cuerda levou ó cine no ano 1999 esta historia da infancia nun contorno rural case idílico sobre a que se cerne a sombra do alzamento contra a II República Española.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Everything Everywhere All at Once
Everything Everywhere All at Once é un filme de estadounidense de 2022 escrito e dirixido por Daniel Kwan e Daniel Scheinert (coñecidos colectivamente como "Daniels"), que a produciron xunto a Anthony e Joe Russo. The New York Times cualificou o filme como un "remuíño de anarquía de xéneros" con elementos de comedia surrealista, ficción científica, fantasía, filmes de artes marciais e animación.
Gregorio Esteban Sánchez Fernández, nado en Málaga o 28 de maio de 1932 e finado no mesmo lugar o 11 de novembro de 2017, máis coñecido polo alcume de Chiquito de la Calzada, foi un humorista, cantante de flamenco e actor andaluz. Comezou como cantante de flamenco con 8 anos e traballou en diferentes teatros, salas e espectáculos en España e o Xapón. Fíxose moi popular grazas ao programa humorístico Genio y figura (Antena 3, 1994).
A Bolsa de Talín (en estoniano: Tallinna Börs, coñecida oficialmente como Nasdaq Tallinn) é a principal bolsa de valores de Estonia e forma parte da rede Nasdaq Baltic, que tamén inclúe as bolsas de valores de Riga e Vilnius. Dende a súa fundación en 1996, foi un actor clave na transformación económica de Estonia, facilitando o financiamento empresarial, o investimento e a integración cos mercados financeiros europeos.
Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego, membro de número da Real Academia Galega dende 2009. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego e é considerado na actualidade o escritor galego con máis proxección internacional, a súa obra está traducida a vinte idiomas, entre eles o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata e xaponés. Entre outros moitos premios é Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2022) e Premio Nacional das Letras Españolas (2024) do Goberno de España.
Imarhan é un grupo musical tuareg alxeriano formado en 2006, en Tamanrasset. Os seus primeiros tres álbums foron lanzados co selo discográfico alemán City Slang. A banda está composta polo vocalista Iyad Moussa Ben Abderahmane (Sadam), o baixista Tahar Khaldi, os guitarristas Hicham Bouhasse e Abdelkader Ourzig e o percusionista Haiballah Akhamouk.
O Amenal é un lugar da parroquia de Pereira, no concello coruñés do Pino, na comarca de Arzúa. Segundo o IGE, en 2019 tiña 91 habitantes (44 homes e 47 mulleres), aínda que nestas cifras se inclúe unha boa parte do lugar que se atopa dentro da parroquia de Castrofeito. O Camiño Francés a Santiago pasa por esta pequena poboación xusto antes de encarar a suba cara á plataforma do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.
Abeleiras de Abaixo, Dorneda, Oleiros
Abeleiras de Abaixo é un lugar da parroquia de Dorneda no concello de Oleiros, na provincia da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2012) ten 259 habitantes (130 homes e 129 mulleres).
O lapis do carpinteiro (filme)
O lapis do carpinteiro (en castelán: El lápiz del carpintero) é un filme galego dirixido por Antón Reixa baseado na novela homónima de Manuel Rivas. O filme conta unha historia ambientada durante a guerra civil española en Galiza. Obtivo os premios, o mellor actor e o do público, no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata (2004).
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
Un Youtubeiro ou YouTuber, tamén coñecido como personalidade de YouTube, famoso de YouTube ou creador de contido de YouTube, é un tipo de famosos e videógrafos de Internet que gañou popularidade no sitio para compartir vídeos de YouTube. Ás veces, as redes apoian a estas celebridades. Algunhas personalidades de YouTube teñen patrocinadores corporativos que pagan por colocar produtos nos seus clips ou producir anuncios en liña.
João de Barros, tamén escrito Joam de Barros e Ioam de Barros, chamado o Grande ou o Tito Livio portugués, nado en Viseu, c. 1496 e finado en Pombal, Santiago de Litém, Ribeira, o 20 de outubro de 1570, é xeralmente considerado o primeiro gran historiador portugués e pioneiro da gramática da lingua portuguesa, tendo escrito a segunda obra para normativizar a lingua tal e como era falada no seu tempo.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Alana é un trío musical galego formado por Antía Vázquez (Oleiros), Pablo Castro (Vimianzo) e Eloy Vidal (Ponteceso) en 2023. O grupo traballa co repertorio da música tradicional galega, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, achegándose ao pop ou á electrónica. O nome do grupo procede da voz celta alun, que fai referencia á harmonía.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Falange Española de las JONS (1934)
Falange Española de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FE de las JONS; en galego: Falanxe Española das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista) foi un partido político español de extrema dereita. FE de las JONS fundouse o 15 de febreiro de 1934 en Madrid, como resultado da unificación de Falange Española e Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista. Os primeiros serían máis próximos ao fascismo italiano; os segundos aos nazis.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia: