Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Tolosa (en francés: Toulouse, [tu.luz] (AFI), escoitar; en occitano: Tolosa, [tu'luːzɔ] (AFI)), tamén coñecida como Tolosa de Linguadoc, é unha comuna francesa capital do departamento de Alta Garona, da rexión do Mediodía-Pireneos, capital histórica do Languedoc, e considerada por unha corrente como a capital da Occitania. É chamada a Cidade Rosa, pola cor que domina nos edificios antigos, feitos de ladrillo. É a capital da industria aeroespacial europea, xa que aquí radican os despachos e fábricas centrais da compañía Airbus.
Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país maior da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Os califóridos (Calliphoridae) son unha familia de insectos dípteros (moscas), con case 1900 especies coñecidas. As larvas ou careixas destes insectos ás veces úsanse como isco para pescar. Sábese que a familia é polifilética, pero moitos aspectos do mellor tratamento taxonómico que se lles pode dar ás especies que contén seguen estando baixo discusión, e algunhas subfamilias deste taxón reciben ás veces o rango de familia propia (por exemplo, Bengaliidae e Helicoboscidae).
Costa do Marfil (en francés: Côte d'Ivoire, [kot divwaʁ] (AFI), escoitar), oficialmente República de Costa do Marfil (en francés: République de Côte d'Ivoire), é un país africano. Limita ao norte con Malí e Burkina Faso, ao leste con Ghana, ao sur co océano Atlántico e ao oeste con Liberia e Guinea. A súa capital é Yamousoukro.
O capitalismo é un sistema económico caracterizado pola propiedade privada dos medios de produción, no que individuos e empresas operan estes activos para xerar beneficio a través de intercambios voluntarios en economías de mercado competitivas, cunha asignación de recursos determinada principalmente pola oferta e a demanda en lugar de por unha autoridade central. As súas características definitorias inclúen dereitos de propiedade privada seguros, o motivo do beneficio como impulsor da innovación e a eficiencia, a competencia que fomenta a mellora, e unha intervención gobernamental limitada para facer cumprir os contratos e previr a coerción. Orixinado na Europa medieval a través da expansión comercial e as prácticas mercantís, o capitalismo cristalizou intelectualmente coa obra A riqueza das nacións (1776) de Adam Smith e practicamente a través da Revolución Industrial, que desencadeou a produción mecanizada, a urbanización e o comercio global.
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
Chester Charles Bennington, nado en Phoenix (Arizona) o 20 de marzo de 1976 e finado nos Ánxeles o 20 de xullo de 2017, foi o vocalista da banda estadounidense de nu metal, Linkin Park. No ano 2013, tras a expulsión de Scott Weiland, Bennington converteuse tamén no vocalista da banda Stone Temple Pilots.
A Copa do Mundo de 2026 é a 23ª edición do máximo campionato internacional de seleccións nacionais de fútbol organizado cada catro anos pola FIFA. O torneo está a ter lugar en 11 cidades dos Estados Unidos, 2 do Canadá e 3 de México, cuxa candidatura conxunta derrotou a de Marrocos o 13 de xuño de 2018 na votación levada a cabo no 68º Congreso da FIFA celebrado en Moscova. É a primeira edición da Copa do Mundo de Fútbol organizada por tres países, e a primeira con 48 seleccións nacionais participantes, en lugar das 32 de edicións anteriores.
Como topónimo galego Compostela pode referirse a: En Galiza Santiago de Compostela, concello da comarca de Santiago; Santiago de Compostela, parroquia de dito concello; Santiago de Compostela, vila e cidade de dita parroquia; Cidade vella de Santiago de Compostela, centro histórico da cidade de Santiago de Compostela; Compostela, lugar da parroquia de Manín, no concello de Lobios; Compostela, lugar da parroquia de Abeancos, no concello de Melide; Compostela, da parroquia da Mezquita, no concello da Merca. Praia de Galiza A praia de Compostela, no concello de Vilagarcía de Arousa. Fóra de Galiza En México O municipio de Compostela, no estado de Nayarit; A cidade de Compostela de Indias, capital de dito municipio.
Nevenka Fernández, nada en 1975, é unha economista española. Foi concelleira de Facenda de Ponferrada entre 1999 e 2000. É coñecida por ser a primeira española en lograr a condena dun cargo político, Ismael Álvarez, alcalde de Ponferrada, por acoso sexual despois de que se introducise o delito no Código Penal español de 1999.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Zara Maria Larsson, nada en Estocolmo o 16 de decembro de 1997, é unha cantante e cantautora sueca. Conseguiu sona no seu país após gañar no 2008 o concurso televisivo Talang, a versión sueca de Got Talent. Zara asinou co selo discográfico TEN Music Group no 2010 e lanzou o seu primeiro álbum EP Introducing, en xaneiro de 2013.
Justin Pierre James Trudeau, nado en Ottawa o 25 de decembro de 1971, é un político canadense, Primeiro ministro do Canadá desde o 4 de novembro de 2015, que foi o líder do Partido Liberal do Canadá entre abril de 2013 e xaneiro de 2025. O 6 de xaneiro declarou publicamente que tamén deixará o cargo de Primeiro ministro após nomeamento dun novo líder do seu partido.
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Sidney Dillon Ripley II, nado o 20 de setembro de 1913 e finado o 12 de marzo de 2001, foi un ornitólogo e conservacionista da vida silvestre estadounidense. Foi secretario da Smithsonian Institution por 20 anos, desde 1964 a 1984, levando a institución ao seu período de maior crecemento e expansión. Pola súa dirección do Smithsonian, foi premiado coa Medalla Presidencial da Liberdade por Ronald Reagan en 1985.
Os camiños da vida é unha novela de Ramón Otero Pedrayo publicada en 1928 pola Editorial Nós en tres volumes independentes. A editorial Galaxia editouna xa nun único tomo no ano 1978 como terceiro volume da súa Obra Selecta e en 1990 na colección Narrativa, cun estudo introdutorio de Ramón Mariño Paz, que vai pola 15ª edición.
O Real Madrid Club de Fútbol é un club deportivo da cidade de Madrid (España), fundado o 6 de marzo de 1902, que ten case 100.000 socios. Xoga na Primeira división española desde 1929, sendo un dos equipos que nunca descendeu, xunto co Athletic Club e o FC Barcelona. Formou parte, en calidade de membro fundador, da Asociación de Clubs Europeos, unha organización internacional que agrupaba os clubs máis importantes e influentes de Europa.
O Unión Sporting Club foi un equipo de fútbol que tiña a súa sede social no actual barrio vigués de Lavadores, concello independente ata o ano 1941 cando foi absorbido polo municipio de Vigo. Naceu no ano 1922 da fusión do equipo vigués Comercial Foot-ball Club, que viña de ser subcampión da segunda categoría do campionato galego, e do Victoria Sporting Club. Chegou a xogar na Segunda División, pouco antes de desaparecer no ano 1937 a raíz da Guerra Civil.
Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: България/Balgariya), oficialmente República de Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: Република България/Republika Balgariya) é un país situado ao sueste de Europa, na península dos Balcáns. Limita ao norte con Romanía, estando a maior parte da fronteira entre estes dous países conformada polo río Danubio, ao sur con Turquía e Grecia, o oeste con Macedonia do Norte e Serbia e está bañada ao leste polo Mar Negro. Foi aceptada na OTAN no ano 2004 e é membro da Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2007.
Valentino Rossi, nado en Urbino o 16 de febreiro de 1979, é un piloto italiano de motociclismo que gañou nove títulos mundiais en diferentes categorías do Mundial de Motociclismo (125 cc, 250 cc, 500 cc, e MotoGP de 990 e 800 cc). Foi o único motociclista da historia en logralo. É coñecido polos alcumes que se deu a si mesmo en diferentes momentos da su carreira: "The Doctor" (O Doutor), Valentinik e Rossifumi.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Cuatro é unha canle de televisión privada española propiedade de Mediaset España que emite a través da TDT e nas plataformas de televisión de pago Movistar+ e Vodafone TV, Orange TV e R en España. Empezou a emitir o día 7 de novembro de 2005 por reconversión da concesión da canle analóxica nacional pola que emitiu desde 1990 a canle de pago do grupo, Canal+.
Victoria Pérez Díaz, coñecida artisticamente como Victoria Vera, nada en Madrid o 19 de febreiro de 1956, é unha actriz española. Comezou a súa carreira nos anos finais da ditadura franquista, sendo considerada a Musa da Transición Española. Rodou con estrelas como Anthony Quinn, Omar Sharif e o cantante Alice Cooper, e durante os anos 1980 protagonizou algunhas das películas máis significativas do cine español como Asignatura aprobada (finalista no Óscar á mellor película estranxeira en 1988) e Testigo Azul, de P. Rodríguez, que participou no Festival de Cine de Berlín.
Pablo Gavián Alonso, nado en Vigo o 2 de marzo de 2006, é un futbolista galego que xoga como lateral dereito do Celta Fortuna, o equipo filial do Real Club Celta de Vigo, que milita na Primeira Federación, a terceira división do fútbol español. A súa axencia de representación é Boim Football Boutique.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Borja Iglesias Quintás, nado en Santiago de Compostela o 13 de xaneiro de 1993, é un futbolista galego que xoga na demarcación de dianteiro centro no Celta de Vigo da Primeira División. Formouse nas canteiras do Santiago, do Valencia e do Villarreal e debutou na Primeira División coa camiseta do Celta de Vigo en 2015, despois de militar varios anos no seu filial, do que é o máximo goleador histórico. A continuación conseguiu boas cifras goleadoras no Zaragoza e no Espanyol e en 2019 fichou polo Betis.
Coñécense como os homiños de Boimorto os doce veciños de Boimorto, once deles asasinados o 20 de agosto de 1936 por partidas falanxistas tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, paseados nos Batáns, Ortoño (Ames) e na Agra da Vila, O Amenal (O Pino), soterrados na foxa común do cemiterio de Ortoño (Ames) e nas foxas comúns do Amenal (O Pino) respectivamente. Conseguiu salvarse só un deles, José Cabanas Vázquez, a quen deron por morto, e regresou á súa casa, onde permaneceu agochado durante quince anos ata o día do seu falecemento.
A Selección de fútbol do Perú é o equipo representativo do Perú nas competicións oficiais de fútbol. A súa organización está a cargo da Federación Peruana de Fútbol, a cal é membro da Confederación Suramericana de Fútbol. O debut da selección peruana produciuse o 1 de novembro de 1927 ante a selección do Uruguai no Campionato Suramericano daquel ano.
Mandato británico de Palestina
O Mandato británico de Palestina foi unha administración territorial encomendada pola Sociedade de Nacións ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte en Oriente Medio, tras a primeira guerra mundial e como parte da partición do Imperio Otomán, co status de territorio baixo mandato. O territorio sobre o que se estableceu correspondía á rexión meridional do Levante mediterráneo, unha rexión que o Imperio Otomán perdeu como consecuencia da súa derrota na guerra. Aínda que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda administraba estes territorios de facto desde 1917, o Mandato entrou en vigor en xuño de 1922 e expirou en maio de 1948.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
O urmetazoo (urmetazoa, do prefixo en alemán ur- «orixinal, primitivo, arquetípico» e do grego μετα-ζωα, metazoa, «animal») é o hipotético derradeiro devanceiro común de todos os animais. Quizais o primeiro urmetazoo fora acuático, pero máis aló disto a súa forma é difícil de determinar, xa que se plantearon diferentes hipóteses e a discriminación mediante o método científico entre estas hipóteses é difícil por mor de que as relacións entre os filos animais non se resolveron de todo.
Manuel José Blanco y Calvo de Encalada, nado en Buenos Aires, Vicerreinado do Río da Prata, o 21 de abril de 1790 e finado en Santiago de Chile o 5 de setembro de 1876, foi un militar, político e diplomático chileno, de orixe galega, que tivo unha destacada participación na guerra de independencia de Chile e o Perú. Foi un dos fundadores da Armada de Chile e o seu primeiro comandante, e máis tarde, ao entrar no campo da política, foi o primeiro en ostentar o título de presidente da República de Chile. Fillo do galego Manuel Lorenzo Blanco Cicerón e da chilena Mercedes Calvo de Encalada y Recabarren, naceu na cidade de Santa María de los Buenos Aires, na aquela altura capital do Virreinado do Río da Prata.
Ponferrada (do latín pontem ferratam 'ponte de ferro, na que se utilizou ese material') é un concello e cidade de Castela e León, capital da comarca do Bierzo, na provincia de León. Está situada na confluencia dos ríos Sil e Boeza, e cos seus 64.509 habitantes, é o segundo municipio máis poboado da provincia, por detrás de León. Atópase a 543 m de altitude nunha cunca mineira, ocupa unha superficie de 283 km² e ten unha poboación duns 65.000 habitantes.
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario.
Economía dos Estados Unidos de América
A economía dos Estados Unidos de América é a máis forte e influente do mundo. O país posúe un produto interior bruto duns 12 billóns de dólares americanos, un número maior que o PIB da Unión Europea, mesmo tendo esta última 160 millóns de habitantes máis. A economía dos Estados Unidos está baseada no capitalismo.
Os Países Baixos (en neerlandés: Nederland) é un dos países constituíntes do Reino dos Países Baixos que abrangue a súa parte europea e os municipios especiais de Bonaire, Saba e Santo Eustaquio. Localizado no noroeste de Europa, limita ó norte e ó oeste co mar do Norte, ó leste con Alemaña e ó sur con Bélxica. Aínda que Holanda é en orixe o nome de dúas das súas provincias, Holanda Setentrional e Holanda Meridional, nalgunhas linguas como é o caso do galego pasou a ser a forma popular de se referir a todo o país, en neerlandés pola contra Holland só se usa para se referir a esas dúas provincias.
O Arde Lucus (tamén escrito como Arde Lvcvs) é unha festa celebrada en Lugo a finais do mes de xuño que revive o pasado romano e castrexo da cidade amurallada e que xurdiu para conmemorar a declaración da Muralla coma Patrimonio da Humanidade no ano 2000. Chegou a xuntar nas súas dúas últimas edicións preto dun millón de participantes. En 2017 foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo H
O Grupo H da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, está composto por catro equipos que se enfrontarán entre si nun total de seis encontros: Polonia, Senegal, Colombia e Xapón. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
Bandeira da República Popular da China
A bandeira da República Popular da China é un pano de cor vermella que simboliza a revolución, con cinco estrelas amarelas de cinco puntas que simbolizan á súa vez a unidade do pobo revolucionario baixo a dirección do Partido Comunista da China. Como se pode apreciar as estrelas pequenas aparecen orientadas cara á estrela de maior tamaño. A bandeira foi deseñada por Zang Liansong, un cidadán de Zhejiang e na China é coñecida como 五星红旗 (en pinyin: Wǔ Xīng Hóng Qí) que significa "a bandeira vermella das cinco estrelas".
Non confundir con Antonio Tovar Llorente (Valladolid 1911-1985), filólogo, lingüista e historiador. Antonio Domingo José Tovar Bobillo, chamado Antón Tovar, nado na Pereira (Rairiz de Veiga) o 23 de outubro de 1921 e finado en Ourense o 16 de xuño de 2004, foi un poeta galego que escribiu en lingua castelá e lingua galega, encadrado na chamada promoción de enlace. A súa obra está marcada polo pesimismo, o sentimento poético sincero e auténtico, o existencialismo, o intimismo e a preocupación social, ademais da baldía procura de deus.
Ángel Arcos Cadilla, nado no Rosal o 18 de abril de 2006, e tamén coñecido como Angelito, é un futbolista galego que xoga como dianteiro e extremo dereito no Celta Fortuna de Primeira Federación. Foi, ademais, internacional coa Selección española de fútbol sub-19, igual que outros canteiráns celestes da súa promoción, coma Hugo Burcio ou Óscar Marcos.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.