Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Giorgio Chiellini, nado en Pisa o 14 de agosto de 1984, é un xogador de fútbol italiano que xoga actualmente no club da Serie A Juventus e na selección nacional de Italia. Comezou a súa carreira profesional como defensa, pero é famoso por ser un consitente defensa central con gran habilidade nas xogadas a balón parado. É o vice capitán, por detrás de Gianluigi Buffon.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego.Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.
A selección de fútbol de España é o equipo formado por xogadores de nacionalidade española que representa á Real Federación Española de Fútbol, o máximo organismo do fútbol en España, nas competicións oficiais organizadas pola FIFA. O equipo é coñecido familiarmente como «La Furia Española», rememorando o Saqueo de Antuerpen, episodio da historia militar española. Tamén é coñecido co pseudónimo «La Furia Roja», acuñado por un xornalista italiano que se referiu a el como «Furia Rossa», ou simplemente como «La Roja».A selección española participou en trece edicións da Copa Mundial de Fútbol e foi a anfitrioa da edición de 1982. O mellor resultado obtido pola selección española neste torneo foi ao proclamarse campioa do mundo, fito alcanzado no Mundial de 2010 realizado en Suráfrica.
O amidón é un polisacárido formado por unidades de glicosa coa fórmula xeral (C6 H10 O5)n producido por todas as plantas e polas algas. Consta de dous polímeros chamados amilosa e amilopectina, cuxa proporción nos gránulos de amidón varía coa especie, pero xeralmente predomina a amilopectina (75-80%). Os animais non producen amidón, pero si glicóxeno, que é parecido á amilopectina.
O Campionato de Europa de fútbol da UEFA (en inglés: UEFA European Football Championship), máis coñecida como Eurocopa ou simplemente Euro, é a competición de seleccións nacionais de fútbol que organiza a UEFA. Dispútase cada catro anos dende 1960. Hai tamén unha Eurocopa de fútbol feminino que comezou en 1984 e que dende 1997 celébrase tamén cada catro anos.
Arne Morris Sorenson, nado en Tokio o 13 de outubro de 1958 e finado en Washington D. C. o 15 de febreiro de 2021, foi un executivo hoteleiro estadounidense que ocupou o cargo de presidente e director executivo de Marriott International. Graduouse de Luther College en Iowa, da Facultade de Dereito da Universidade de Minnesota. Anteriormente exerceu a avogacía en Washington, DC con Latham and Watkins (especializado en litixios de fusións e adquisicións), e desempeñouse como Director de Operacións de Marriott.
Sergio Busquets Burgos, nado en Sabadell, provincia de Barcelona, o 16 de xullo de 1988, é un futbolista catalán. En 2010 xogaba como centrocampista no Fútbol Club Barcelona, da Primeira División de España. É fillo de Carles Busquets, ex gardameta tamén do Barcelona, e que actualmente é o adestrador de porteiros do club catalán.
Pequeno Hotel é unha comedia de televisión producida por CTV e que emitiu a Televisión de Galicia no ano 2001. A acción céntrase nas vivencias dos traballadores e clientes dun hotel localizado a carón da muralla de Lugo. A trama céntrase nas relacións entre os personaxes, donos e empregados do hotel, e os hóspedes que nel se aloxan.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A selección de fútbol de Italia é o equipo representativo de Italia nas competicións internacionais de fútbol. Está controlada pola Federación Italiana de Fútbol (en italiano: Federazione Italiana Giuoco Calcio), pertencente á UEFA. Gañadora de catro Copas do Mundo (1934, 1938, 1982, 2006) e unha Eurocopa (1968), é unha das seleccións máis prestixiosas do mundo deste deporte.
A Eurocopa da UEFA de 2020 é a décimo sexta edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo será celebrada por mor do sesenta aniversario da UEFA en varias sedes ao longo de toda Europa. O torneo, disputado en 11 estadios de 11 cidades diferentes, íase disputar do 12 de xuño ó 12 de xullo de 2020, pero por mor da pandemia por coronavirus foi adiada, e disputarase do 11 de xuño ó 11 de xullo de 2021, pero mantendo o nome de UEFA Euro 2020.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
O Teatro de sombras, tamén chamado sombras chinescas, é unha antiga forma de contar historias e entreter que usa monicreques que se manteñen entre unha fonte de luz e unha pantalla translúcida, unha tea ou gasa. As marionetas inclúen ás veces cor e outros detalles e acádanse varios efectos movendo os monicreques e a fonte de luz, como que parezan camiñar, bailar, loitar, asentir ou rir. O teatro de sombras tanto para nenos como para adultos é popular en varias culturas.
Jordi Alba Ramos, nado en l'Hospitalet de Llobregat (Barcelona) o 21 de marzo de 1989, é un futbolista español. Xoga de lateral por banda esquerda e o seu actual equipo é o Futbol Club Barcelona da Primeira División de España. Tamén xoga coa selección de fútbol de España, coa que gañou, sendo un dos xogadores revelación, a Eurocopa de 2012, o terceiro título do triplete conseguido pola selección entre 2008 e 2012, inédito na historia do fútbol.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Unha definición é unha proposición (ou conxunto de proposicións) mediante a cal trata de expor de maneira unívoca e con precisión a comprensión dun concepto ou termo ou dicción ou –se consta de dous ou máis palabras– dunha expresión ou locución. Unha definición é unha descrición dun complexo de estado de cousas ou obxectos, circunstancias ou abstraccións que permanecen unidas por medio dun establecemento da zona de validez. Desde un punto de vista lóxico, unha "definición" ben construída debería ser unha "determinación ou delimitación conceptual do que é esencial nun ente, que non supón necesariamente comprobación empírica.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Afganistán (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como República Islámica de Afganistán, é un país localizado en Asia Central. Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Twitter é unha rede social de balde que ofrece un servizo de microblogging, con sede en San Francisco, California, co filiais en San Antonio (Texas) e Boston (Massachusetts) nos Estados Unidos. Twitter, Inc. foi creado orixinalmente en California, mais está baixo a xurisdicción de Delaware dende o 2007. Dende que Jack Dorsey creou Twitter en marzo de 2006, lanzouno en xullo do mesmo ano, a rede gañou popularidade mundial estímase que ten máis de 500 millóns de usuarios, xerando 65 millóns de chíos ao día e manexa máis de 800 000 peticións de buscas diarias. Foi denominado como o «SMS de Internet».A rede permite enviar mensaxes de texto plano de curta lonxitude, cun máximo de 280 caracteres (orixinalmente 140), chamados chíos ou tweets, que se mostran na páxina principal do usuario.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Gianluigi "Gigi" Buffon, nado en Carrara (Massa-Carrara) o 28 de xaneiro de 1978, é un futbolista italiano, que xoga de porteiro na Juventus. Comezou a súa carreira deportiva no Parma Football Club, no que ingresou aos 13 anos, debutando profesional co primeiro equipo en 1995. Tras permanecer seis tempadas no equipo parmesano foi trasladado á Juventus de Turín onde gañou dezanove títulos a nivel nacional (nove Series A, unha Serie B, catro Copas Italia e cinco Supercopas de Italia).
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2021
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2021 será a 72ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Equipos e pilotos competirán polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores. Pilotos e equipos competirán polos títulos de Campión do Mundo de Pilotos e Campión do Mundo de Construtores respectivamente.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 174.416 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
A Eurocopa 2016, oficialmente Campionato Europeo de Fútbol da UEFA de 2016 (en francés: Championnat d'Europe de football 2016) ou UEFA EURO 2016, foi a décimo quinta edición do torneo de seleccións nacionais europeas. Celebrouse en Francia entre o 10 de xuño e o 10 de xullo e está organizada pola UEFA. Esta edición do certame foi a primeira que contou con vinte e catro de participantes na fase final, ampliándose desde 16, formato usado desde 1996. Baixo esta nova forma de disputa, a primeira fase estendeuse de 4 a 6 grupos, e os clasificados a segunda fase, de 8 a 16 equipos.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Mark Cavendish, nado o 21 de maio de 1985 en Douglas (Illa de Man), é un ciclista manx do Reino Unido. Fíxose profesional en 2006 co equipo T-Mobile, pasando en 2008 ó equipo HTC-Columbia, e en 2012 ó equipo Sky. Cavendish está considerado o mellor sprinter da súa xeración, e un dos mellores da historia.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Amazon.com, Inc., cuxo nome comercial é Amazon, é unha compañía estadounidense de comercio electrónico e servizos de computación na nube, establecida en Seattle, Washington. Foi unha das primeiras grandes compañías en vender bens a través de Internet. É tamén propietaria de Alexa Internet, a9.com, Shopbop, Internet Movie Database (IMDb), Zappos.com, DPreview.com e Twitch.
Para o aeroporto Federico García Lorca Granada-Xaén véxase: Aeroporto de Granada.Federico García Lorca, nado en Fuente Vaqueros (Provincia de Granada) o 5 de xuño de 1898 e finado en Víznar (Provincia de Granada) o 18 de agosto de 1936, foi un poeta e dramaturgo andaluz, membro da Xeración do 27 e autor en lingua galega de Seis poemas galegos (1935), o poeta español máis lido de tódolos tempos. Morreu fusilado polas autoridades franquistas un mes despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé ao inicio da Guerra civil española.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
David John Moore Cornwell, nado en Poole, Dorset, Reino Unido, o 19 de outubro de 1931 e finado en Truro o 12 de decembro de 2020, foi un novelista británico, máis coñecido co sobrenome de John le Carré. Durante as décadas de 1950 e 1960, traballou no Servizo de Seguridade (MI5) e no Servizo Secreto de Intelixencia (MI6). A súa terceira novela, The Spy Who Came in from the Cold (1963), converteuse nun best-seller internacional e abandonou os traballos anteriores parta se converter en escritor a tempo completo.
A prostaciclina (ou PGI2) é un lípido da familia dos eicosanoides , e dentro destes, xunto coas prostaglandinas e tromboxanos, forma o grupo dos prostanoides. A prostaciclina pode considerarse tamén un tipo de prostaglandina, pero presenta dous aneis cíclicos na súa molécula, que a distinguen das prostaglandinas, que teñen un. Como fármaco a prostaciclina recibe o nome de epoprostenol.
A Internet Movie Database (IMDb) (en galego: Base de Datos de Películas en Internet) é unha base de datos en liña con información sobre directores, produtores, actores, películas, programas de televisión, videoxogos e case todo o relacionado coa industria fílmica privada e independente. Propiedade de Amazon desde 1998, IMDb celebrou o seu décimo quinto aniversario o 17 de outubro de 2005.
iTunes é un reprodutor de medios e unha tenda de contidos multimediais desenvolvido por Apple Inc. É usado para reproducir, descargar e organizar son e vídeo dixital en ordenadores co sistema operativo OS X e os dispositivos baseados en iOS iPod, iPhone e iPad, con edicións tamén para Microsoft Windows. A través da iTunes Store, os usuarios poden mercar e descargar música, vídeos musicais, programas de televisión, xogos para o iPod, audiolibros, podcasts, películas (tamén alugalas nalgúns países) e tons para os móbiles.
María Xosefina Rosa Tascher de la Pagerie (en francés: Marie Josèphe Rose Tascher de la Pagerie), vizcondesa de Beauharnais, coñecida como Xosefina de Beauharnais, nada o 23 de xuño de 1763 na Martinica, daquela colonia do Reino de Francia, e finada o 29 de maio de 1814 en Rueil-Malmaison, Illa de Francia, Francia, crioula de nacemento, foi a primeira esposa de Napoleón Bonaparte, emperador dos franceses e, por tanto, emperatriz de Francia. Por parte da súa filla Hortensia, foi avoa de Napoleón III, e pola do seu fillo, bisavoaa dos máis recentes reis e raíñas suecos e daneses. As familias reais actuais de Bélxica, Noruega e Luxemburgo tamén descenden de Xosefina.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O Sacaúntos é un personaxe "asustanenos", igual có home do saco, un personaxe grande e mal vestido. Ás veces tamén se lle chama o papón, en alusión a que pode papar a alguén, especialmente os nenos. O Sacaúntos, de ollar terrible, dedícase a sacarlle a graxa aos nenos pequenos ata deixalos nos ósos.
Luis Suárez Miramontes, nado na Coruña o 2 de maio de 1935, é un ex futbolista e ex adestrador de fútbol galego. Alcumado "o arquitecto", xogaba de centrocampista e está considerado por moitos o mellor futbolista galego da historia e un dos mellores futbolistas do século XX. En 1960 converteuse no primeiro e único xogador nacido na Península Ibérica en gañar un Balón de Ouro. Comezou a xogar ao fútbol no seu barrio natal de Monte Alto e na praia de Santo Amaro e en 1949 entrou a formar parte da nova canteira do Deportivo da Coruña, a chamada Escola Scopelli, creada ese mesmo ano co impulso de Alejandro Scopelli.
Nur-Sultan (en casaco: Нұр-Cұлтан e ruso Нур-Султáн), antes de 2019 Astana (ruso e casaco Астана) e antigamente coñecida como Akmola (casaco: Ақмола / Aqmola) ata 1998, Tselinogrado (ruso: Целиноград) ata 1992 e Akmolinsk (ruso: Акмолинск) ata 1961, é desde 1997 a capital de Casaquistán. É a segunda meirande cidade do país, despois de Almati, a antiga capital. Segunda as estimacións oficiais, a súa poboación é de 780.000 a 14 de febreiro de 2013.
O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo do noroeste galego na provincia da Coruña que une Malpica de Bergantiños (lugar de saída) con Fisterra (lugar de chegada) o longo de 200 km dirección suroeste pola beira do mar. A presenza de faros ao longo do percorrido é o que lle dá nome; tamén decorre por outros lugares de interese da Costa da Morte: praias, bosques, dunas, acantilados, ríos ou regos, peiraos pesqueiros, estuarios, fontes de auga, arquitectura etc. Esta ruta adoita dividirse en oito etapas dunhas 9 horas de camiñada a ritmo de paseo cunha media de 26 km por etapa, sendo a máis curta a de Laxe a Arou (Camariñas) (mide 18 km) e a máis longa a que vai desde Camariñas ata Muxia (mide 32,6 km).
O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda.
A Guerra das correntes (ás veces chamada batalla das correntes) foi unha serie de acontecementos que envolvían a loita motivada pola introdución de sistemas de transmisión de enerxía eléctrica nos Estados Unidos, xerados entre finais da década dos 1880 e comezos da década de 1890, coa expectativa dos enormes beneficios que as grandes empresas esperaban obter do rápido crecemento da empresa de subministración eléctrica como pano de fondo. Nun ambiente de feroz competencia comercial, desencadeouse un debate público sobre seguridade eléctrica, acompañado de campañas de propaganda nos medios. Os sistemas de corrente continua (DC) da Edison Company e de corrente alterna (AC) de Westinghouse Electric, coas súas respectivas vantaxes e inconvenientes, convertéronse nos protagonistas do enfrontamento entre as empresas.