Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Catedral de Notre-Dame de París
Este artigo trata sobre a sé parisiense, para a novela véxase: Notre-Dame de París.A Notre-Dame de París, coñecida como Notre-Dame, é a catedral da arquidiocese católica de París. Notre-Dame de París non é a meirande das catedrais francesas, mais é, sen dúbida unha das máis importantes da arquitectura dese país. Esta obra mestra, un dos símbolos da capital francesa, sitúase no extremo leste da Île de la Cité (Illa da Cidade), centro histórico da capital, á beira do Sena.
Georges Perec, nado en París o 7 de marzo de 1936 e finado en Ivry-sur-Seine o 3 de marzo de 1982, foi un escritor francés. Novelista, poeta, ensaísta, guionista, dramaturgo e autor de obras misceláneas, é un dos autores principais da literatura francesa do século XX, membro do grupo OuLiPo e abandeirado da Nouveau roman. A súa obra estivo baseada na experimentación e en certas limitacións formais como forma de creación, incluíndo elementos matemáticos.
Unha catedral é un importante templo de culto onde un bispo católico, anglicano ou luterano ten a súa sé ou cátedra: outras crenzas cristiás sen a figura do bispo, como a Igrexa de Escocia, tamén manteñen a denominación de catedral. Normalmente é meirande cós templos (igrexa) que non sexan sé dun bispado ou cabeza de diocese. As catedrais deben o seu nome a que no interior delas se impartían cátedras (inicialmente do latín cathedra, 'onde sentar', que tamén orixinaría a palabra cadeira) ós seminaristas versadas en Latín, Gramática ou Teoloxía.
O turismo é o acto de viaxar por pracer e as actividades que se realizan durante as viaxes e nun lugar de permanencia distinto do que se vive. Un turista é alguén que viaxa cando menos oitenta quilómetros dende a súa residencia por lecer por un período superior a 24 horas e inferior a un ano, tal como o define a Organización Mundial do Turismo. O turismo deu nacemento a unha verdadeira industria para a provisión do turista, dende o sistema de transportes ata hostaleiros, tanto de provisión e restauración como de aloxamento.
A Cidade de Westminster (en inglés City of Westminster, pronunciado [ˈwɛstmɪnstə]) é unha municipalidade (Borough) con rango de cidade (City) do Reino Unido, situada na zona central do Gran Londres, ao oeste da Cidade de Londres e ao norte do río Támese. A mediados de 2013 tiña unha poboación estimada de 226.841 habitantes.
David Keith Lynch, nado en Missoula (Montana) o 20 de xaneiro de 1946, coñecido como David Lynch, é un director de cine estadounidense. A súa actividade artística esténdese así mesmo ó terreo da pintura, a música, a fotografía e incluso o deseño de mobiliario. Foi descrito por The Guardian como "o director máis importante desta época".
Lionel Brockman Richie, Jr., nado en Tuskegee, no condado de Macon (Alabama) o 20 de xuño de 1949, é un cantautor e músico estadounidense que vendeu máis de 100 millóns de copias de súas cancións. Na década de 1970 formou parte da banda musical The Commodores, propiedade do famoso selo musical Motown de Detroit (Míchigan). A partir de 1981 iniciou a súa carreira como solista, logrando un grande éxito ao permanecer dúas semanas no Billboard co tema Hello para consolidarse posteriormente co tema Say you, say me, o cal gañou un Óscar da Academia á mellor canción nunha película.
O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.
Saint-Denis é unha comuna francesa situada no departamento de Seine Saint-Denis na rexión de Illa de Francia. Saint-Denis localízase nos suburbios de París, a 9,4 km ao norte de devandita cidade. Nesta localidade atópanse a necrópole real da Basílica de Saint-Denis e o estadio nacional de Francia, o Stade de France, construído para albergar a Copa Mundial de Fútbol de 1998.
O enforcamento ou aforcamento é a suspensión dunha persoa por unha ligadura para producir a morte por suspensión do corpo dende o pescozo. A suspensión pódese facer nunha forca ou culquera outro punto de suxeición a altura dabondo e resistencia ó peso. O enforcamento tamén foi empregado como un xeito de suicidio no cal a persoa aplica unha ligadura ó pescozo até que se presenta a inconsciencia e despois a morte por medio de suspensión parcial ou por mor do soporte do peso na ligadura.
A Prefectura de Okinawa (en xaponés: 沖縄県, おきなわけん; okinawano: Uchinā) é a prefectura máis ao sur do Xapón. Consta de 169 illas que forman o arquipélago Ryukyu, nunha cadea de illas de 1000 km de lonxitude, que se estende de suroeste, de Kyūshū ata Taiwán, aínda que as illas máis ao norte fagan parte da prefectura de Kagoshima. A capital de Okinawa, Naha, está localizada na parte meridional da maior e máis poboada illa do arquipélago: Okinawa Honto.
Internet Broadway Database (IBDB) (en galego: A base de datos de Broadway en Internet) é unha base de datos en liña de producións de Broadway e do seu persoal. Opera a través do Departamento de investigación de The Broadway League, unha asociación comercial norteamericana de teatro comercial.A IBDB achega rexistros de producións dende o inicio do teatro en Nova York no século XVIII até o presente. Nel, detállanse as persoas implicadas, feitos interesantes e estatísticas.Foi concibida por Karen Hauser, xefa do Departamento de Investigación da Liga de Teatros americanos e Produtores (agora chamado "The Broadway League").
A esfera é o lugar xeométrico dos puntos do espazo que teñen unha distancia constante respecto a outro chamado centro. Non debe confundirse o valor areal da súa superficie co volumétrico do espazo que pecha. Os dous están en función desa distancia constante chamada raio (R), pero a medida deste último ten o valor de: V = 4 3 π R 3 {\displaystyle V={\frac {4}{3}}\pi R^{3}} mentres que o valor da súa superficie é: S = 4 π R 2 {\displaystyle S=4\pi R^{2}} Podería definirse tamén a esfera coma un poliedro de infinitas caras.
O CD-Rom ou Compact Disc Read Only Memory é un disco compacto de só lectura. Trátase dun CD utilizado para almacenar datos de ordenador, unha vez gravado os seus datos non se poden modificar nin alterar. Diferencianse dos CDs de son só polo contido que teñen: os discos compactos de son almacenan son, e estes almacenan datos.
Vietnam (en vietnamita: Việt Nam viət˨ næm˧), oficialmente República Socialista de Vietnam (en vietnamita Cộng hòa Xã hội chủ nghĩa Việt Nam ( listen)) é o país máis oriental da Península de Indochina, no sueste asiático. Cunha poboación estimada de 90 millóns de habitantes, é o décimo terceiro país máis poboado do mundo, e o oitavo de Asia. O nome Vietnam, que se traduce por "Viet do sur" (sinónimo do termo antigo Nam Viet), foi oficialmente adoptado en 1802 polo Emperador Gia Long, e foi recuperado de novo en 1945 coa fundación da República Democrática de Vietnam baixo Ho Chi Minh.
Friedrich Sellow, nado o 12 de marzo de 1789 e finado no Brasil en outubro de 1831, foi un botánico e naturalista alemán. Por influencia de Georg Heinrich von Langsdorff, estivo no Brasil en 1814 como membro da primeira expedición científica estranxeira a aquel país. Percorreu a rexión do val do Río Doce e foi o autor da primeira guía do Brasil para inmigrantes, enviando ao museo de Berlín preto de 12 mil plantas, 5 mil aves, 110 mil insectos e 2 mil mostras xeolóxicas.
Stanley Martin Lieber, máis coñecido como Stan Lee, nado en Nova York o 28 de decembro de 1922 e finado o 12 de novembro de 2018, foi un escritor e editor estadounidense. Xunto con outros artistas co-creadores, especialmente Jack Kirby e Steve Ditko, introduciu complexos e naturais caracteres nos superheroes de cómic. O seu éxito posibilitou o cambio de Marvel Comics dunha pequena editorial a unha multinacional.
Organización Internacional para a Estandarización
A Organización Internacional para a Estandarización (coñecida como ISO) é unha organización non gobernamental composta por diferentes representantes de organismos de normalización de 162 países. Fundouse o 23 de febreiro de 1947 en Xenebra, onde está a súa sede central, a súa función é a elaboración de estándares e normas internacionais para todos os campos da industria e o comercio. A organización publica moitos tipos de normas, como agora as técnicas (por exemplo sobre MP3 ou tarxetas telefónicas), de clasificación (por exemplo os códigos dos países) ou estándares de procedementos (por exemplo a ISO 9000 sobre xestión da calidade).
Un anagrama é unha palabra ou frase que resulta de traspoñer as letras doutra palabra ou frase; por exemplo, amor e Roma. É dicir, as dúas palabras teñen as mesmas letras, coa mesma cantidade de aparicións, pero nunha orde diferente. Na lingua galega os anagramas non teñen relación gramátical ningunha (a non ser algunha coincidencia).
Enténdese por razoamento o acto de sacar conclusións e de aprender de maneira razoable uns feitos, establecendo conexións causais e lóxicas necesarias entre eles. Podemos diferenciar dous tipos de razoamento: • O razoamento argumentativo en tanto actividade mental correspóndese coa actividade lingüística de argumentar. Noutras palabras, un argumento é a expresión lingüística dun razoamento.
Un videoxogo para un xogador, (single-player en inglés) é aquel que ten entrada para un único xogador . Os videoxogos máis temperáns, como Tennis for Two, eran para dous xogadores, os xogos para un único xogador gañan popularidade pouco despois con títulos como Speed Race e Space Invaders. A primeiros dos 90 presentáronse moitos xogos que utilizaron redes de área local para modos de multixogador, Doom é un exemplo notábel destes.
Cultura (do latín cultura, cultivar o solo, coidar) é un termo con varias acepcións, en diferentes niveis de profundidade e diferente especificidade. Segundo a filosofía é o conxunto de manifestacións humanas que contrastan coa natureza ou comportamento natural. Pola súa quenda, en bioloxía unha cultura é normalmente unha creación especial de organismos (en xeral microscópicos) para fins determinados (por exemplo: estudo de modos de vida bacterianos, estudos microecolóxicos etc).
Estrasburgo (en francés: Strasbourg, [stʁaz.buʁ] (AFI); en alemán: Straßburg, [ˈʃtʁaːsbʊɐ̯k] (AFI); en alsaciano: Strossburi, [ˈʃd̥rɔːsb̥uri] (AFI)) é unha cidade situada no leste de Francia, na marxe esquerda do río Rin. É a capital da rexión administrativa francesa do Gran Leste e do departamento do Baixo Rin. A aglomeración urbana prolóngase ata Alemaña, á cidade de Kehl, que é o espello xeográfico de Estraburgo do lado oposto do Rin.
Getty Thesaurus of Geographic Names
O Tesauro de Nomes Geográficos Getty (en inglés Thesaurus of Geographic Names, abreviado ou TGN ou GTGN) é un produto da fundación J. Paul Getty Trust incluído no Programa de Vocabulario Getty. O TGN inclúe nomes e informacións asociadas sobre lugares. Os lugares do TGN inclúen entidades políticas administrativas (por exemplo, cidades ou nacións) e as súas características físicas (por exemplo montañas, ríos etc).
Juliette Binoche, nada o 9 de marzo de 1964 en París, é unha actriz, artista e bailarina francesa. Ó longo da súa carreira como actriz, actuou en máis de 40 filmes, recibindo numerosos premios internacionais. Procendente dunha familia de artistas, comezou a recibir clases de interpretación durante a adolescencia.
Un calendario é un sistema de medida para longos períodos de tempo. Os calendarios xeralmente definen unidades de espazo en termos de días, con unidades maiores para múltiplos días. Esas unidades reciben nomes ou números para facilitar a lembranza de eventos ou acontecementos históricos e planear eventos futuros.
Sesame Street é un programa infantil de televisión estadounidense dirixido a nenos en idade preescolar, coñecido pola combinación de educación e entretemento, empregando uns monicreques coñecidos como the Muppets creados por Jim Henson, a animación, as curtas, o humor, e a utilización de referencias culturais. En Galicia emitiuse desde 1979 e durante os anos oitenta do século XX en castelán e en Televisión Española cunha versión española chamada Barrio Sésamo. Na versión española, ademais dos monicreques internacionais: Big Bird (Caponata), Ernie and Bert (Epi e Blas), Elmo, Grover (Coco), Cookie Monster (Triqui ou Monstro das Galletas), Kermit the Frog (a Ra Gustavo), e Count von Count (o Conde) apareceron personaxes nacionais que acadaron gran sona, uns humanos e dous monicreques: O ourizo Espinete e o papagaio Don Pimpón.
Universidade Hebrea de Xerusalén
A Universidade Hebrea de Xerusalén (en hebreo: האוניברסיטה העברית בירושלים, [HaUniversita HaIvrit BeYerushalaim]; árabe: الجامعة العبرية في القدس: [Al-Jāmi`ah al-`Ibriyyah fil-Quds]) é a primeira universidade xudía en Israel, fundada 1925 como unha das institucións do Estado de Israel «en camiño» de establecerse como tal.
Stephen Edwin King, nado en Portland (Maine) o 21 de setembro de 1947, é un escritor estadounidense coñecido polas súas novelas de terror, suspense, ciencia ficción e fantasía. Os seus libros levan vendido máis de 350 millóns de copias, moitos dos cales foron adaptados a filmes, miniseries, series de televisión e banda deseñada. King publicou 54 novelas, incluíndo sete baixo o alcume Richard Bachman, e seis libros de non ficción.
Polaris, designada Alfa Ursae Minoris (α Ursae Minoris), e comunmente referida como Estrela do Norte ou a Estrela Polar por antonomasia (no hemisferio norte), é a estrela máis brillante na constelación da Osa Menor. Está moi próxima ao polo celeste setentrional, o que a converte na Estrela Polar setentrional contemporánea. Sitúase a 433 anos luz (133 parsecs).
O gremio era un tipo de asociación económica de orixe europea, implantada tamén nas colonias, que agrupaba os artesáns dun mesmo oficio, e que apareceu nas cidades medievais e estendeuse até fins da Idade Moderna, cando foron abolidas. Tivo como obxectivo conseguir un equilibrio entre a demanda de obras e o número de obradoiros activos, garantindo o traballo aos seus asociados, o seu benestar económico e os sistemas de aprendizaxe. Sostívose que o gremio foi un precedente do sindicato moderno.
A ira é a paixón anímica que conduce a un estado de indignación ou fastío do suxeito, ou ben un apetito ou desexo de vinganza, así como tamén unha arela de violencia contra os demais ou contra o propio individuo. Os efectos físicos derivados da ira son un aumento do ritmo cardíaco así como da presión sanguínea e mais dos niveis de adrenalina e noradrenalina. A psicoloxía moderna aconsella non gardar nin reprimir os enfados e desbotar a ira.
Pan European Game Information (en galego: Información Paneuropea sobre Videoxogos) ou PEGI é un sistema europeo para clasificar o contido dos videoxogos e outro tipo de software de entretemento. Foi desenvolvido pola ISFE e entrou en práctica en 9 de abril do 2003. O sistema PEGI aplícase en 25 países sen ter relación algunha coa Unión Europea.
The Legend of Zelda: Ocarina of Time
The Legend of Zelda: Ocarina of Time (A lenda de Zelda: A ocarina do tempo) é o primeiro videoxogo da saga The Legend of Zelda para Nintendo 64. Este videoxogo é unha combinación de xogo de acción, aventura en terceira persoa e xogo de rol (RPG). Foi sen dúbida un dos xogos con máis éxito do seu tempo.
A impresión é o proceso e o resultado de reproducir textos e imaxes, polo xeral con tinta sobre papel. É posible imprimir sobre gran diversidade de materiais, sendo necesario utilizar diferentes sistemas de impresión en cada caso. Pódese realizar de forma doméstica, artesanal, comercial ou industrial a grande escala, e é unha parte esencial da edición de libros e toda clase de publicacións impresas coma xornais, revistas, cartas, documentos etc.
Unha tormenta de po é un fenómeno meteorolóxico común no deserto do Sahara da África setentrional, nas Grandes Chairas de Norteamérica, en Arabia, no deserto do Gobi de Mongolia, no deserto Taklamakán do noroeste da China e noutras rexións áridas e semiáridas. As tormentas de po severas poden reducir a visibilidade a cero, imposibilitando a realización de viaxes, e levar voando a capa superior do chan, depositándoa noutros lugares. A seca e, por suposto, o vento contribúen á aparición de tormentas de po, que empobrecen a agricultura e a gandaría.
Paul Cézanne, nado en Aix-en-Provence o 19 de xaneiro de 1839 e finado na mesma cidade o 22 de outubro de 1906, foi un pintor francés, considerado o pai da arte moderna. Tentou conseguir unha síntese ideal da representación naturalista, a expresión persoal e a orde pictórica abstracta. Entre todos os artistas do seu tempo, Cézanne talvez sexa o que exerceu unha influencia máis profunda na arte do século XX (Henri Matisse admiraba a súa utilización da cor e Pablo Picasso desenvolveu a estrutura da composición plana de Cézanne para crea-lo estilo cubista).
O tigriña (ትግርኛ tigriñā) é unha lingua afroasiática pertencente á póla semítica da familia. É falada pola etnia tigriña do Corno de África. Os falantes de tigriña viven principalmente na rexión de Tigré do norte de Etiopía (65%), denominados tigray ("Tigrāwōt" -singular- e "Tegaru" -plural-), así como na fronteira contigua do sur de Eritrea (35%), onde os falantes coñécense como Tigriña.
O xustillo é unha peza de vestir feminina que se emprega como un corpiño interior para cinguir o corpo. Emprégase para estilizar e moldear a figura humana do xeito desexado por razóns estéticas ou médicas, pode ser mentres se leva ou por un tempo posterior. Non debe confundirse cun xustillo ortopédico que se usa por motivos médicos.
Jin-Roh (人狼, Jinrō, lit. "Lobishome") é un filme anime xaponés dirixido por Hiroyuki Okiura que foi estreado en 1999. É a terceira adaptación do manga de Mamoru Oshii Ken-Roh Densetsu, despois de dous filmes en vivo: The Red Spectacles e StrayDog: Kerberos Panzer Cops estreados en 1987 e 1991 respectivamente.
A lingua groenlandesa (kalaallisut), tamén chamada esquimó-groenlandés ou groenlandés-inuktitut, é unha lingua esquimó-aleutiana falada en Groenlandia e que está estreitamente relacionada con algúns idiomas canadenses como o inuktitut. O groenlandés, ao igual que as linguas coas que está emparentada, é de carácter altamente polisintético e ergativo. Case non ten palabras compostas.
Karate (en xaponés: 空手), ou karatedo (空手道), é unha arte marcial xaponesa e un deporte de combate orixinario de Okinawa, que se desenvolveu con base na arte marcial nativa da rexión baixo as influencias do chuan fa, de orixe chinesa, e das escolas xaponesas tradicionais de arte marcial, chamadas koryu, que practicaban loita desarmada e armada, principalmente con espadas. Neste proceso, cando a influencia xaponesa se tornou preponderante, fóronse incorporando máis características do código de conduta dos samurais, o Budo.A influencia chinesa foi maior nun primeiro estadio de desenvolvemento, cambiando un paradigma primitivo dunha loita simple con agarramento e proxeccións, con máis énfase nos golpes traumáticos, e fíxose sentir nas técnicas dos estilos máis fluídos e pragmáticos da China meridional. Despois, en razón do cambio do escenario xeopolítico, comezou o tempo de predominio das disciplinas de combate do Xapón e, nese período, o máis común era simplificar aínda máis os movementos de orixe do chuan fa, facéndoos máis directos e renunciando a aquilo que non fose útil, como movementos acrobáticos ou que eran executados máis por razóns estéticas.O repertorio de técnicas do karate reúne principalmente golpes contundentes (atemi waza), como patadas, sopapos, xeonlladas etc., executados todos coas mans desarmadas.
Hen Wlad Fy Nhadau (pronunciado /Hen ulad ven hadai/, habitualmente traducido ao galego como A terra dos meus pais, mais literalmente significa O vello país dos meus pais). É, actualmente, o himno nacional do País de Gales. Foi escrito por Evan James e a melodía composta polo seu fillo, James James, ambos veciños de Pontypridd, Glamorgan, en xaneiro de 1856.
Nápoles (Napoli en italiano e Napule en napolitano) é a cidade máis poboada do sur de Italia, capital da rexión de Campania e da provincia de Nápoles, situada a medio camiño entre o monte Vesuvio e outra área volcánica, os Campos Flégreos. A cidade de Nápoles administrativa ten pouco menos dun millón de habitantes, que, unidos aos da súa área metropolitana, chegan a 3,7 millóns. Os seus habitantes reciben o xentilicio de napolitanos.
Ar pode referirse a: o ar ou aire; en química, o símbolo do argon; o código ISO 639 da lingua árabe; o código ISO 3166 da Arxentina; Ar!, revista galega antimilitarista, publicada dende 1994.Como topónimo galego, pode referirse a: Ar, lugar da parroquia de Montouto no concello de Abegondo; Ar, lugar da parroquia de Vilar no concello de Pontedeume; O Ar, lugar da parroquia de Abellá, no concello de Frades; O Ar, lugar da parroquia de Goente, no concello das Pontes de García Rodríguez.
ISO 9000 é unha norma de xestión da calidade internacional da Organización Internacional para a Estandarización (ISO). Para a certificación nesta norma debe ser feita unha auditoría por outra organización allea que debe ser quen garanta o cumprimento da normativa ISO así como a súa validez. Estas certificacións deben ser renovadas periodicamente e debe haber un seguimento das mesmas.
Museo Nacional de Arte de Cataluña
O Museo Nacional de Arte de Cataluña (en catalán: Museu Nacional d'Art de Catalunya), tamén coñecido polas súas siglas MNAC, está situado na cidade de Barcelona. Destaca pola súa colección de arte románica, considerada como unha das máis completas do mundo.
Cidade Ho Chi Minh (en lingua vietnamita Thành Phố Hồ Chí Minh) ou Saigón (Sài Gòn) é unha cidade do sur de Vietnam, a maior do país. Enclavada no norte do delta do Mekong e no oeste da desembocadura do río Saigón, baixo o nome khemer , foi o principal porto de Camboxa antes da anexión da zona polos vietnamitas no século XVII. Baixo o nome de Saigón foi capital do protectorado francés da Cochinchina ata 1954 e logo pasou a ser a capital de Vietnam do Sur despois da independencia ata 1975. Dende entón conservou un aire cosmopolita con forte presenza occidental.
Joseph Hill «Joss» Whedon nado o 23 de xuño de 1964 en Nova York, é un director e guionista estadounidense. Traballou en televisión como director, produtor executivo e creador de varias series, sendo coñecido especialmente o seu traballo en Buffy the Vampire Slayer. En cómic o seu traballo máis difundido realizouno dende 2004 en Astonishing X-Men.
A relixión da Grecia antiga, tamén coñecida como Helenismo, (grego: Ἑλληνισμός) é un conxunto de crenzas e rituais practicados na Grecia antiga en forma de relixión popular e de diversos cultos. Os diversos grupos diferían dabondo como para falar de relixións gregas ou "cultos" en plural, malia que a maioría deles compartían moitas semellanzas. A maioría dos antigos gregos louvaba ós deuses olímpicos: Zeus, Poseidón, Hades, Apolo, Ártemis, Afrodita, Ares, Dioniso, Hefesto, Atenea, Hermes, Deméter, Hestia e Hera.
O estoniano (eesti keel, IPA: [ˈeːs.ti ˈkeːl]) é a lingua oficial da Estonia, falada por preto de 1,1 millón de persoas. É unha lingua fino-ugria e intimamente ligada ao finés, falado do outro lado do Golfo de Finlandia (ambas as dúas linguas son mutuamente intelixíbeis), a lingua võro, e o saami, falado no norte da Finlandia. Máis afastadamente está relacionado coa lingua húngara.
A forma física é un estado xeral de saúde, e de xeito máis específico, a capacidade de practicar certa actividade física, ocupacións e actividades cotiás. Unha boa forma física polo xeral adquírese como resultado dunha nutrición axeitada e a práctica de exercicio físico de moderado a vigoroso, e un descanso apropiado.Con anterioridade á revolución industrial, definíase forma física como a capacidade de realizar as actividades cotiás sen experimentar fatiga. Porén, coa automatización e os cambios no estilo de vida no presente, considérase que a forma física é unha medida da capacidade do corpo de funcionar de forma eficiente e efectiva durante o traballo e actividades de esparexemento, estar en condición saudable, ser capaz de resistir doenzass hipocinéticas, e poder enfrontar situacións de emerxencia.Ponse énfase en que a saúde física é o resultado da actividade física regular, dunha dieta e nutrición axeitados, ademais dun descanso apropiado para a recuperación física dentro dos parámetros individuais.
Charlize Theron, nada o 7 de agosto de 1975 en Benoni, Gauteng, Suráfrica é unha actriz, produtora e modelo surafricana e estadounidense. É unha das actrices mellor pagadas do mundo, e ao longo da súa carreira recibiu varios galardóns, incluíndo un Premio Óscar, un Screen Actors Guild Award e un Globo de Ouro. En 2016, a revista Time considerouna unha das 100 persoas máis influentes do mundo.
Narendra Damodardas Modi, nado en Vadnagar o 17 de setembro de 1950, é un político indio, primeiro ministro desde o 26 de maio de 2014. Foi ministro-xefe do estado de Guxarat desde o ano 2001 ata 2014, membro do Partido do Pobo Indio (BJP). Membro da organización Rashtriya Swayamsevak Sangh (RSS), cualificado como un nacionalista hinduísta polos medios e por el mesmo.
Para ver información sobre o control de autoridades na Wikipedia, véxase Axuda:Control de autoridades.En biblioteconomía e en ciencia da información, chámase control de autoridades á práctica de instaurar e manter o control dos materiais bibliográficos do catálogo dunha biblioteca. O control de autoridades ten dúas funcións importantes: primeiro, que os catalogadores poidan distinguir entre nomes semellantes ou idénticos; segundo, que poidan dispor de materiais que loxicamente están reunidos, aínda que se presentan de forma diferente.
Política (do latín politĭcus, e este do grego antigo πολιτικός politikós, masculino de πολιτική politikḗ, que significa «de, para o relacionado cos cidadáns») é a teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade, o cal implica un proceso ou actividade de toma de decisións que se aplican a todos os membros dun grupo para a consecución duns obxectivos orientados ao ben común.
O Victoria and Albert Museum (a miúdo abreviado como V&A) de Londres é o maior museo do mundo de artes aplicadas e decorativas e deseño, así como de escultura, que alberga unha colección permanente de máis de 2,27 millóns de obxectos. Foi fundado en 1852 e leva o nome da raíña Vitoria e do príncipe Alberte. O V&A está situado no Royal Borough de Kensington e Chelsea, nunha zona coñecida como "Albertopolis" debido á súa asociación con príncipe Alberte, o Albert Memorial e as principais institucións culturais coas que estivo asociado.
O Museo do Prado (oficialmente Museo Nacional del Prado) situado en Madrid, é unha das pinacotecas máis importantes do mundo, singularmente rica en cadros de mestres dos séculos XVI ao XIX. O seu principal atractivo radica na ampla presenza de obras de Velázquez, Goya, Tiziano e Rubens, dos que posúe as mellores coleccións que existen a nivel mundial, ao que hai que sumar as coleccións de autores como El Greco, Murillo, José de Ribera, Zurbarán, Rafael, Veronese, Tintoretto, van Dyck ou Hieronymus Bosch, entre outros. As habituais limitacións de espazo explican que o museo exhiba unha selección de obras de máxima calidade (unhas 900 pinturas), do total de 7800 que ten no seu inventario. Tamén é destacable a súa colección de escultura grega e romana que provén das coleccións reais españolas e de sitios como Pompeia.
Chip e Chop (no orixinal en inglés Chip 'n Dale) son dúas tamias ficticias da Walt Disney, que aparecen en series de debuxos animados e historietas infantís. Chip e Chop non son verdadeiros esquíos, senón uns roedores do xénero Tamias, semellantes aos esquíos, tamén da familia Sciuridae. De acordo coa Disney, Chip é o lóxico e Chop o tolo.
Un filme ou película é unha arte visual baseada nunha serie de imaxes fixas que, cando se proxectan nunha pantalla de forma consecutiva en rápida sucesión, crean a ilusión óptica de imaxes en movemento. O termo úsase normalmente como sinónimo de obra cinematográfica, é dicir, unha historia (ficticia ou documental), rexistrada nun soporte (filme flexible ou contedor dixital) que se grava e le mediante un mecanismo continuo ou intermitente de sucesión de imaxes. Un filme pódese crear fotografando escenas reais cunha cámara de imaxes en movemento, fotografando debuxos ou modelos en miniatura empregando técnicas de animación tradicional, por medio de imaxes xeradas por computador ou animación por ordenador, ou por unha combinación dalgunhas ou todas destas técnicas e outros efectos visuais.
Sir Charles Spencer "Charlie" Chaplin, nado en Walworth (Londres, Inglaterra) o 16 de abril de 1889 e finado en Corsier-sur-Vevey (Suíza) o 25 de decembro de 1977, foi un actor, director de cine e compositor inglés que acadou a fama na era do cine mudo. Converteuse nunha icona mundial a través da súa personaxe "Charlot" (The Tramp en inglés, "O vagabundo"), e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cine. A súa carreira abrangue máis de 75 anos, dende a súa nenez na época vitoriana ata un ano antes da súa morte ós 88 anos.
Un contido de descarga ou contido descargable, tamén coñecido polas siglas DLC (inglés: DownLoadable Content, «contido descargable») o DDC (Descarga De Contido), é un arquivo de datos liberado en forma dixital, xeralmente creado para un videoxogo, e distribuído a través de Internet. A frase se utiliza para referirse especificamente a todo material novo, exclusivo o adicional creado polos desenvolvedores para os videoxogos e que se publica por separado, non incluído no produto base. A frase, non obstante, tamén se ha utilizado para referirse a calquera tipo de medios de entretemento dixital distribuído en liña, por exemplo os mods.
David Hockney, nado o 9 de xullo de 1937, é un pintor, debuxante, gravador, escenógrafo e fotógrafo inglés. É un dos maiores representantes da Arte pop da década dos 60, e un dos artistas británicos máis influentes do século XX. O seu estilo pictórico atópase estreitamente relacionado co sur de California, onde viviu e desenvolveu a súa obra entre 1963 e 2005. Dende esta última data, Hockney posúe unha vivenda e estudo en Bridlington, Londres.