Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Xoán Calvino, nado en Noyon (Picardía) o 10 de xullo de 1509 e finado en Xenebra o 27 de maio do 1564, foi un dos principais reformadores e teólogos da reforma protestante. O seu pensamento relixioso inaugurou unha das correntes máis importantes do protestantismo, o calvinismo, ademais de ser en menor ou maior grao unha influencia na teoloxía evanxélica.
O Sistema de Coordenadas Xeográficas expresa todas as posicións sobre a Terra usando dúas das tres coordenadas dun sistema de coordenadas esféricas que está aliñado co eixo de rotación da Terra. Este define dous ángulos medidos desde o centro da Terra: A latitude mide o ángulo entre calquera punto e o ecuador. As liñas de latitude chámanse paralelos e son círculos paralelos ao ecuador na superficie da Terra.
SVG (do inglés Scalable Vector Graphics, "Gráficos Vectoriais Escalábeis") é unha linguaxe XML que describe gráficos vectoriais bidimensionais, tanto estáticos como animados. Unha das características principais dos gráficos vectoriais é que non perden calidade ao seren ampliados. A grande diferenza entre o SVG e outros formatos vectoriais é que se trata dun estándar aberto creado polo Consorcio da Rede Mundial.
O grao centesimal, chamado en lingua inglesa gon e, derivado da lingua francesa, grad (en plural: grads, que non debe confundirse con radiáns) — é unha unidade de medida para ángulos planos, unha alternativa ao grao sesaxesimal e ao radián. O valor dun grao centesimal defínese como o ángulo central subtendido por un arco, cuxa lonxitude é a parte catrocentésima (1/400) dunha circunferencia. O seu símbolo é unha g en minúscula, en superíndice, colocada despois da figura en cuestión; por exemplo, 12,4574 g.
Un grao sesaxesimal, ou sexaxesimal, corresponde a un ángulo central subtendido por un arco de lonxitude 1/360 de circunferencia, a nonaxésima parte dun ángulo recto. Non se debe confundir co grao centesimal. Chamado comunmente simplemente grao, de símbolo, °, é orixinario da civilización babilónica.
O dólar estadounidense (en inglés United States dollar, U.S. dollar ou, simplemente, dollar) é a moeda oficial dos Estados Unidos dende o 6 de xullo de 1785. A Reserva Federal é o órgano encargado da súa emisión. O seu símbolo é $, aínda que o código ISO 4217 para o dólar norteamericano é USD e o Fondo Monetario Internacional utiliza US$ .
O castelán mexicano é un conxunto de variedades da lingua castelá ou español falado en México e nalgunhas partes dos Estados Unidos e do Canadá. Tamén salienta o dialecto do castelán propio da península do Iucatán, coñecido como castelán iucateco. México posúe o maior número de falantes de castelán, chegando a superar o dobre de falantes que existe en calquera país do mundo.
LibraryThing é unha aplicación web de catalogación social para almacenar e compartir listaxes de libros coa fin de establecer un catálogo ordenado e etiquetado que permite as valoracións e os comentarios e que posibilita conectarse con xente con gustos semellantes , destínase tanto a particulares como a autores, bibliotecas e editoriais. Desenvolvida polo estadounidense Tim Spalding, subiuna por vez primeira a internet de forma pública o 29 de agosto de 2005. En maio de 2006 AbeBooks mercou o 40% da compañía, que dous anos despois adquiriu Amazon.
Unha persoa docente é aquela que se adica ao proceso de aprendizaxe e ensino. Adoitan ter recoñecida unha destreza notábel nunha determinada área do saber, con capacidade de ensinar e compartir os seus coñecementos con outras persoas, denominadas discípulos, aprendices, ou simplemente alumnos. O profesorado que se encarga da educación formal e institucionalizada das etapas de Educación Infantil, Primaria ou Especial en escolas ou colexios adoitan ser chamados mestres e mestras.
O irlandés ou gaélico irlandés (Gaeilge) é unha lingua céltica da rama goidélica falada na illa de Irlanda. Segundo datos de 2016, na República de Irlanda había 73 803 persoas que falan o irlandés a diario fóra do sistema educativo, mentres que outras 1 761 420 declararan ser quen de falalo como segunda lingua. Tamén a fala un número indeterminado de inmigrantes noutros países (Reino Unido, Canadá, Estados Unidos e Australia).
Frecuencia é un termo empregado nas matemáticas e na física para indicar a velocidade de repetición de calquera fenómeno periódico. Defínese como o número de veces que se repite un fenómeno na unidade de tempo. A unidade de medida da frecuencia é o hertz (Hz), onde 1 Hz é un suceso que ten lugar unha vez por segundo.
Unha sociedade erudita (tamén coñecida como academia erudita ou asociación académica) é unha organización que existe para promover unha disciplina académica, unha profesión ou un grupo de disciplinas relacionadas como as artes. A afiliación pode ser aberta a todos, pode requirir posesión dalgunha cualificación ou pode ser unha honra conferida por elección.Moitas das sociedades eruditas son organizacións sen ánimo de lucro, e moitos son asociacións profesionais. As súas actividades tipicamente inclúen conferencias regulares para a presentación e discusión de novos resultados de investigación e publicación de revistas académicas patrocinadoras na súa disciplina.
As illas Senkaku (en xaponés: 尖閣諸島 | Senkaku-Shotō ou Diaoyutai; en chinés: 釣魚台及其附屬島嶼 釣魚台列島 Diàoyútái Lièdǎo) son un grupo de illas situadas no extremo occidental do arquipélago xaponés, que están en disputa entre o Xapón, a República Popular da China e a República da China (Taiwán) desde hai xa varias décadas.
Microsoft Corporation é unha compañía de software fundada por Bill Gates e Paul Allen en 1975 en Albuquerque, Novo México. Ten a súa sede actual en Redmond, Washington. É a maior compañía de software do mundo (conta con máis de 50.000 empregados en total en varíos países) e é coñecida principalmente polas diferentes versións dos seus sistemas operativos Windows e MS-DOS, así como polo paquete de aplicacións ofimáticas Microsoft Office, da que fan parte programas como MS-Word, MS-Excel, MS-Access ou MS-FrontPage.
Os anfibios (Amphibia, do grego ἀμφί, amphí ('ambos') e βίος, bíos ('vida'), que significa «ambas as vidas» ou «en ambos os medios») son unha clase de vertebrados anamniotas (sen amnio, como os peixes), tetrápodos, ectotérmicos, con respiración branquial durante a fase larvaria e pulmonar ao alcanzar o estado adulto. A diferenza do resto dos vertebrados, distínguense por sufrir unha transformación durante o seu desenvolvemento. Os anfibios foron os primeiros vertebrados en adaptarse a unha vida semiterrestre, presentando na actualidade unha distribución cosmopolita ao atoparse exemplares en practicamente todo o mundo, estando ausentes só nas rexións árticas e antárticas, nos desertos máis áridos e na maioría das illas oceánicas.
O Celsius (°C) é unha unidade de temperatura, así denominada en homenaxe ao astrónomo sueco Anders Celsius (1701–1744), que foi o primeiro a propola en 1742. A escala de temperatura Celsius foi concibida de tal forma que o punto de conxelación da auga corresponde a 0 grao, e o punto de ebulición a 100 graos a unha presión atmosférica patrón. Como existen cen graduacións entre eses dous puntos de referencia, o termo orixinal para este sistema foi centígrado (100 partes) ou centésimos.
Joan Miró, nado en Barcelona o 20 de abril de 1893 e finado en Palma o 25 de decembro de 1983, foi un pintor, escultor e ceramista catalán, un dos máximos representantes do surrealismo. Na súa obra reflectiu o seu interese no subconsciente, no infantil e no seu país. Nun principio mostrou fortes influencias fauvistas, cubistas e expresionistas, pasando a unha pintura plana con certo aire naïf, como o é o seu coñecido cadro La masia do ano 1920.
O atentado non ten un concepto moi sinxelo de dar: defínese como unha agresión ou desacato grave a autoridade, que tamén se considera coma unha ofensa a un principio de orde que se considera recto/a. Tamén é observado este concepto a través do dereito penal e do código civil coma unha agresión contra a vida ou a integridade física, psíquica e moral dunha persoa. Na actualidade téndese a espallar o termo a o delito que leva consigo a violencia e resistencia grave na contra das autoridades, axentes en servizo de funcións públicas (gardas, policías etc...), sen chegar a rebelión ou a sedición.
Un falso amigo (ou falso cognado) é unha palabra doutros idiomas que se parece (na escritura ou na pronunciación) a unha palabra na lingua materna do falante, pero que ten un significado diferente. Moitos dos falsos amigos débense a unha etimoloxía común que derivou en significados distintos en cada lingua.
En Matemáticas, un número ordinal denota a posición dun elemento pertencente a unha sucesión ordenada. Por exemplo, na sucesión a b c d, o elemento a é o primeiro, b o segundo, c o terceiro etc. Os números ordinais poden xeneralizarse para as sucesións infindas, concepto introducido por Georg Cantor en 1897.
Actinidia é un xénero of leñosas e, cunhas poucas excepcións, caducifolias nativas de zonas temperadas do leste de Asia, medrando na meirande parte da China, Taiwán, Corea e o Xapón, e estendéndose cara o norte até o sur de Siberia e cara o sur até a Indochina. O xénero inclúe arbustos que medran até 6 m de alto, rubideiras vizosas e resitentes, que poden medrar até os 30 m polas copas das árbore. As follas son alternas, simples, coa marxe dentada e un longo pecíolo.
Propiedade física intrínseca dalgunhas partículas que as caracteriza e pola cal sofren a interacción electromagnética. No Sistema Internacional de Unidades mídese en culombios e nas fórmulas físicas acostuman representarse coas letras q ou Q. Clasifícase en carga positiva e negativa. As cargas do mesmo signo repélense mentres que as de signo contrario atráense.
A unidade astronómica (UA) é unha unidade de distancia aproximadamente igual á distancia media (xa que as órbitas son elípticas) entre a Terra e mailo Sol. É bastante utilizada en astronomía para expresar a órbita dos planetas e outros corpos celestes no ámbito da astronomía planetaria, e equivale aproximadamente a 149 597 870 700 metros.
Unha tumba, ou sepultura, é un lugar onde se enterran os finados, que se escava na terra ou se constrúe sobre ela. As tumbas poden estar parcial ou totalmente soterradas (agás a súa entrada) nun cemiterio, ou no interior dunha igrexa ou na súa cripta. As tumbas individuais adoitan estar seladas, mentres que as familiares, ou para grupos, teñen portas para acceder a elas cada vez que fose necesario.
O punjabi (nome local: ਪੰਜਾਬੀ / pañjābī ou پنجابی / panjābī) é unha lingua indoeuropea da rama das linguas indoiranias falada na India (rexión do Punjab) e no Paquistán, por preto de 100 millóns de falantes (entre todos os dialectos; ese número pode ser ben máis pequeno de excluírmos certos dialectos); deriva de prácritos, como o hindi, pero é máis arcaico, e, xa que logo, máis irregular que este. Para a súa escritura emprega principalmente o semisilabario gurmukhî, así como o devanágari ou o alfabeto árabe na súa variante persa. Esta lingua sería, co hindi, a lingua nai do romaní, a lingua dos xitanos.
O termo compás pode referirse a: o compás, adro ou lonxa previo ó acceso de igrexas e conventos. o compás, un instrumento de navegación que indica a dirección dos polos magnéticos. o compás naútico (constelación norte) e o compás de debuxo (constelación sur), a primeira é unha constelación do hemisferio norte que pertencía a antiga (obsoleta) constelación Argo Navis e a segunda é tamén unha constelación pero do hemisferio sur, aínda que en astronomía a confusión é moito menor xa que normalmente son usados os seus nomes en latín; Pyxis para a constelación do norte (compás naútico) e Circinus para a constelación do sur (compás de debuxo).
Un contrato, en termos xerais, é definido como un acordo privado, verbal ou escrito, entre partes que se obrigan sobre materia ou cousa determinada, e a cuxo cumprimento poden ser compelidas. É un acordo de vontades que xera dereitos e obrigacións para as partes. Por iso sinálase que haberá contrato cando varias partes se poñen de acordo sobre unha manifestación de vontade destinada a regular os seus dereitos.
Eleccións presidenciais dos Estados Unidos de 2016
As eleccións presidenciais dos Estados Unidos de 2016 foron as 58ª eleccións presidencias dos Estados Unidos de América, celebradas o martes 8 de novembro de 2016. Os votantes elixen ós compromisarios que á súa vez deberán escoller ó novo presidente e vicepresidente a través do Colexio Electoral. O límite estabelecido pola Vixésimo segunda Emenda constitucional impediu ó presidente en exercicio, Barack Obama, ser reelixido para un terceiro período de goberno.
Unha bandeira é unha peza de tea, normalmente rectangular, aínda que pode adoptar formas moi variadas, que se suxeita por un dos seus lados a unha hasta, ou se pendura dunha driza, e que se emprega para identificar unha persoa (guión, estandarte, bandeira persoal, bandeira de rango etc.), ou grupo de persoas (bandeira nacional, Nacións Unidas, a Unión Europea, a OTAN e a Cruz Vermella, por citar uns exemplos). Tamén se emprega para transmitir sinais (como un semáforo), especialmente na navegación marítima. O estudo das bandeiras coñécese como vexiloloxía.
O Gran Gatsby é unha novela en lingua inglesa escrita polo estadounidense F. Scott Fitzgerald, publicada por vez primeira en 1925 co título orixinal de The Great Gatsby. A trama desenvólvese en Nova York e Long Island na década de 1920. O libro foi descrito como o reflexo da era do jazz na literatura estadounidense.
Un verso (do latín versus, que significa "volto", por oposición a prorsus, de onde vén prosa, que significa "todo seguido") é un conxunto de palabras suxeitas a medida, ritmo e cadencia, ou só a cadencia, en contraposición á prosa, que non está sometida habitualmente a estes procedementos. Adoita ser a canle formal habitual de expresión da poesía lírica. Convén distinguir claramente entre verso, que é unha forma literaria, e poesía lírica, que é un xénero literario.
Unha semifusa é unha figura musical que se utiliza para indicar un son cunha duración de tempo que equivale á metade dunha fusa. En comparación con outras figuras, dura 1/16 parte dunha negra. O seu silencio é o silencio de semifusa, que indica que durante o tempo equivalente a unha semifusa non se pode efectuar ningún son.
Frankenstein ou o moderno Prometeo
Frankenstein ou o moderno Prometeo é unha novela de terror gótico da británica Mary Shelley, que podería englobarse dentro do romanticismo, sendo tamén unha obra pioneira da ciencia ficción. A obra foi publicada de xeito anónimo en 1818 en Londres, e por primeira vez co nome de Shelley no lombo en Francia dous anos máis tarde.
A Virxe María, Santa María ou simplemente María (Mariam: grego: Μαριάμ; hebreo: מרים; árabe: مَريَمْ) foi unha muller xudía de Nazaret (Galilea), considerada segundo as tradicións cristiá e musulmá a nai de Xesús de Nazaret e, polo tanto, para a meirande parte dos cristiáns, a nai de Deus. Entre outros dos seus nomes e títulos están o de Benaventurada Virxe María e Nai de Deus nas igrexas occidentais, e o seu equivalente Theotokos no cristianismo oriental, e Maryam, nai de Isa (Xesús) no islam. Os cristiáns manteñen que o seu fillo Xesús é Cristo (é dicir, o mesías prometido ao pobo xudeu) e Deus Fillo encarnado, mentres que para os musulmáns é o mesías e un dos profetas más importantes enviados por Deus á humanidade.
Christopher John Reuel Tolkien, nado en Leeds, Inglaterra, o 21 de novembro de 1924 e finado en Draguignan o 15 ou 16 de xaneiro de 2020, foi mellor coñecido como o fillo do escritor John Ronald Reuel Tolkien, do que era o segundo fillo máis vello, e mais como o editor da maior parte do traballo do seu pai, publicado de maneira póstuma.
A seguinte lista, inevitablemente incompleta, tenta recolle-las datas nas que se celebran diferentes efemérides convocadas por distintos organismos, oficiais ou privados, de ámbito social e xeográfico moi variable, co obxectivo de promover actividades reivindicativas, de información ou concienciación social sobre o tema que se celebre en cada caso. Por razóns prácticas e a pesar do título do artigo, inclúense non só as celebracións de ámbito internacional, senón tamén algunhas de ámbito local.
Freebase foi unha base de coñecemento colaborativa composta por metadatos creados principalmente polos membros da súa comunidade. Tratábase dunha base de datos en liña recompilados dende diferentes fontes, incluíndo contribucións wiki individuais. O obxectivo de Freebase era crear un recurso global que permitise á xente e ás máquinas acceder á información dun xeito máis efectivo.
Para o álbum de Third Day, véxase Come Together (álbum)."Come Together" é unha canción de The Beatles escrita principalmente por John Lennon e acreditada a Lennon/McCartney. A canción é a primeira no álbum de setembro de 1969, Abbey Road. Un mes despois tamén apareceu como un dos lados do sinxelo número vinte e un do grupo (foi un single con dúas caras, a outra ocupábaa "Something" de George Harrison) no Reino Unido, e o seu número vinte e seis nos Estados Unidos.
A investigación ou investigación científica é unha actividade orientada á obtención de novos coñecementos e, por esta vía, ocasionalmente dar solución a problemas ou interrogantes de carácter científico. Tamén existe a investigación tecnolóxica, que emprega o coñecemento científico para o desenvolvemento de "tecnoloxías brandas ou duras".
O alcume ou alcuño é un sobrenome, usado en troques do nome e, moitas veces, máis coñecido que o mesmo nome. En Galicia hai unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non o tiveron; moitas veces está referido a unha particularidade da persoa ou da familia, sendo posible un derivado do lugar de nacemento, un defecto facial, a profesión do pai etc.
O neerlandés flamengo (vlaams-nederlands), ou simplemente flamengo (vlaams), é o dialecto ou variedade rexional da lingua neerlandesa falada en Flandres polo pobo flamengo, e polo tanto unha das linguas de Bélxica. O neerlandés era falado orixinalmente na zona da desembocadura dos ríos Rin, Escalda e Mosa que aproximadamente cubría os actuais Países Baixos, Norte de Bélxica, Norte de Francia (Dunkerque, Calais) e unha pequena parte do noroeste de Alemaña. A guerra dos Oitenta Anos (1568-1648) provocou a división das Dezasete Provincias nas Provincias Unidas ó norte e os Países Baixos do Sur ó sur.
O segundo (símbolo no SI: s) é o nome dunha unidade de tempo, e é a unidade básica no Sistema Internacional de Unidades para medilo. Tradicionalmente, o segundo é definido como unha das 86.400 partes nas que se divide o período de tempo que tarda a Terra en dar unha volta sobre o seu eixo imaxinario (período tamén chamado día), mais a definición oficial de segundo é a duración equivalente a 9 192 631 770 períodos de radiación correspondente á transición entre os dous niveis hiperfinos do estado fundamental do isótopo 133 do átomo de cesio, medidos a 0 kelvin.A miúdo os prefixos do SI son combinados coa palabra segundo para denotar subdivisións do segundo, por exemplo, o milisegundo (unha milésima parte dun segundo) e o nanosegundo (unha mil millonésima parte dun segundo). Aínda que os prefixos do SI poden ser usados para formar múltiplos do segundo (tales como o «quilosegundo» ou mil segundos), estas unidades son rara vez usadas na práctica.
O metro por segundo ao cadrado ou m/s2 é unha unidade derivada do Sistema Internacional de Unidades (SI) para medir a aceleración dun corpo. Mide o incremento da velocidade (en metros por segundos) conseguido en cada segundo. O símbolo desta unidade tamén pode verse escrito como m·s−2, ou simplemente m s−2.
O téxtil (que provén do latín "textilis" que, á súa vez provén de "texere", tecer) é aquilo relacionado coas telas fabricadas por medio de tramas e tecidos. Trátase dun material flexible que consiste nunha rede de fibras, tanto naturais coma artificiais, chamadas fíos. Até o século XX había catro tipos de fibras empregadas, o algodón e o liño, que proveñen de fibras vexetais, e a la e a seda, que son fibras animais.
Unha abadía (do latín tardío abbatia, derivado do arameo abba, "pai") é un mosteiro ou convento cristián, baixo o goberno dun abade ou abadesa, independente da xurisdición ordinaria dos bispos, que serve de pai ou nai espiritual da comunidade. Un priorado só se diferenza dunha abadía en que o superior leva o título de prior ou prioresa: os priorados foron en orixe dependencias das grandes abadías, pero hoxe a distinción entre abadías e priorados perdeuse.
Un traumatismo é unha situación con dano físico ó corpo causado por unha forza externa. O traumatismo pode deberse a accidentes, caídas, golpes, armas e outras causas. En medicina, porén, identifícase polo xeral como paciente traumatizado a alguén que sufriu feridas serias que pon en risco a súa vida e que poden resultar en complicacións secundarias tales como shock, paro respiratorio e morte.En 2013, 4,8 millóns de persoas en todo o mundo morreron por mor dun traumatismos, en comparanza dos 4,3 millóns do ano 1990.
A Avanced Packaging Tool, ou APT ("Ferramenta avanzada de xestión de paquetes") é un sistema xestor de paquetes usado pola Debian e seus derivados. APT foi deseñado orixinalmente para traballar con paquetes .deb en sistemas Debian, pero xa foi modificado para traballar con paquetes RPM con apt-rpm, e para correr noutros sistemas operativos como o MacOS X. En sistemas con xestión de paquetes baseados en .deb, como a Debian, APT é realmente unha interface para dpkg. APT simplifica o proceso de instalación e desinstalación de software en sistemas Unix, automatizando a obtención, (dende o Internet, rede local, ou CD-ROM a configuración, a compilación (algunhas veces) e a instalación do software dende as fontes APT. Non hai un programa apt por si mesmo; APT é unha libraría escrita na linguaxe C++ de funcións que son usadas por varios programas de liña de comandos (consola) para o tratamento de paquetes; os máis destacados son apt-get e apt-cache.
Enténdese por metro cadrado a superficie que ocupa un cadrado que mide un metro de cada lado. Representado co símbolo m² é a unidade básica do Sistema Internacional de Unidades para a superficie, sendo derivada da unidade básica metro.En agrimensura, utilízanse algunhas unidades derivadas do metro cadrado, como a área (equivalente a 100 metros cadrados, 1 decámetro cadrado) e a hectárea (equivalente a 10.000 metros cadrados, 1 hectómetro cadrado). De aquí sae a sinonimia entre centiárea e metro cadrado, que son o mesmo.
O termo obxectivo refírese ao fin que se quere atinxir, e nese sentido é sinónimo de albo tanto como fin a atinxir (lugar ou obxecto) como punto de mira dunha arma ou proxectil.A definición clara de obxectivos é de extrema importancia en varios eidos de actuación humanos, a nivel administrativo e de xestión, orientando a acción dos individuos. En educación, por exemplo, a definición de actividades curriculares debe ser feita tendo en conta os obxectivos definidos no programa curricular dos alumnos.
A Terra (AFI: [ˈtɛ.rɐ] ( )) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939, é unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
A India (en hindi: Bharat), oficialmente a República da India (Bharat Ganrajya), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión.
A Star Is Born (filme de 2018)
A Star is Born é un filme estadounidense de 2018 producido e dirixido por Bradley Cooper (no seu debut como director) e escrito por Cooper, Eric Roth e Will Fetters. Está protagonizado polo propio Cooper, Lady Gaga, Dave Chappelle, Andrew Dice Clay e Sam Elliott, e conta a historia dun músico bebedor (Cooper) que se namora dunha cantante nova (Gaga). É o terceiro remake do filme orixinal de 1937, despois dos musicais de 1954 e 1976.
Leticia Dolera, nada en Barcelona o 23 de outubro de 1981, é unha actriz, guionista, directora de cine e escritora española. Foi a gañadora do Festival de Series de Cannes en 2019 por Vida perfecta, da que foi actriz protagonista, creadora, directora e coguionista xunto a Manuel Burque, sendo a primeira española en obter este galardón por un audiovisual español. É directora da longametraxe Requisitos para ser una persona normal —gañador de tres premios do Festival de Málaga en 2015 e tres nomeamentos nos Premios Goya en 2016—, das curtas "Lo siento, te quiero" —gañador no Fantastic Fest de 2010—, A ou B, Habitantes e Vuelta al mundo e das series de televisión Bloguera en construcción e Vida perfecta, gañadora do Festival de series de Cannes 2019 á mellor serie e á mellor interpretación feminina.
Qatar (/ˈkætɑːr/,) (en árabe: قطر), oficialmente o Estado de Qatar (en árabe: دولة قطر, Dawlat Qatar) é un país soberano localizado no oeste de Asia, ocupando a pequena Península de Qatar na costa noroeste da Península Arábiga. Ten fronteira terrestre con Arabia Saudita no sur, co resto do seu territorio rodeado polo Golfo Pérsico. Un estreito no Golfo Pérsico separa Qatar do seu veciño Bahrain, tamén compartindo fronteiras marítimas cos Emiratos Árabes Unidos e Irán.
Elon Reeve Musk, nado en Pretoria o 28 de xuño de 1971, é un empresario, enxeñeiro e inventor surafricano de nacionalidade estadounidense-canadense. É o CEO e o CTO de SpaceX. É un dos primeiros investidores e CEO de Tesla, Inc.; fundador de The Boring Company; cofundador de Neuralink e cofundador e xefe inicial de OpenAI. Musk é unha das persoas máis adiñeiradas do mundo.
O burro ( pronunciación ) ou asno (Equus asinus) é un mamífero doméstico da familia dos équidos, de ata metro e medio aproximadamente de altura á cruz, caracterizado polas longas orellas e a cabeza proporcionalmente grande. O pelo das crinas é curto, polo que estas son erectas. Emprégase, ou mellor empregábase, como animal de carga.