Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A alquimia é unha antiga práctica protocientífica e filosófica que combina elementos da química, a metalurxia, a física, a medicina, a astroloxía, a semiótica, o misticismo, o espiritualismo e a arte. Practicouse no Antigo Exipto, na India, na China, na Grecia Antiga e no Imperio Romano, no Imperio Islámico, e despois en Europa ata o século XIX, nunha complexa rede de escolas e sistemas filosóficos que abrangue polo menos 2.500 anos.
A investigación cualitativa é o método científico de observación para recompilar datos non numéricos. Adóitanse determinar ou considerar técnicas cualitativas todas aquelas distintas ao experimento como as entrevistas, os grupos de discusión e a observación. A investigación cualitativa recolle os discursos completos dos suxeitos para proceder logo á súa interpretación, analizando as relacións de significado que se producen en determinada época, cultura ou ideoloxía.
A neuroloxía (do grego: νεῦρον (neûron), "corda, nervio" e o sufixo -loxía, "estudo de") é unha póla da medicina que se ocupa do diagnóstico e tratamento de todas as categorías de afeccións e doenzas que afectan o cerebro, a medula espiñal e os nervios periféricos. A práctica neurolóxica depende en gran medida do campo da neurociencia, o estudo científico do sistema nervioso. Un neurólogo é un médico especializada en neuroloxía e formado para investigar, diagnosticar e tratar desordes neurolóxicos.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
Tor (The Onion Router) é un software libre que permite a comunicación anónima a través de internet. Orixinalmente desenvolvido pola US Naval Research Laboratory, Tor converteuse nun proxecto da Electronic Frontier Foundation (EFF) a fins de 2004 e ata novembro de 2005. Actualmente desevólveo The Tor Project, unha asociación sen fins de lucro.
O ouro é un elemento químico de número atómico 79 (isto convérteo nun dos elementos de maior número atómico que se producen na natureza) situado no grupo 11 da táboa periódica. O seu símbolo é Au (do latín aurum ‘brillante amencer’). O ouro é un metal de transición brando, brillante, amarelo, pesado, maleable, dúctil (trivalente e univalente) que non reacciona coa maioría de produtos químicos, pero é sensible ao cloro e á auga rexia.
A India (en hindi: Bharat), oficialmente a República da India (Bharat Ganrajya), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Un animal (do latín animus, "espírito", ou "principio vital") é, segundo a clasificación clásica, un ser vivo heterótrofo, é dicir, que se alimenta de substancias orgánicas. Hoxe en día resérvase o termo animais aos seres complexos e multicelulares, aínda que durante moito tempo se consideraban tamén os protozoos como animais unicelulares. Nas clasificacións científicas dos seres vivos modernas, o reino dos animais constitúe un amplísimo grupo de organismos cuxo taxon se denomina Animalia , creado orixinalmente por Linné en 1758, ou ben Metazoa, sinónimo creado por Haeckel en 1874.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 191.729 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
Día Internacional dos Voluntarios
O Día Internacional dos Voluntarios foi decretado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 40/212 o 17 de decembro de 1985. Dende entón, os gobernos, o sistema das Nacións Unidas e as organizacións civís uníronse de maneira exitosa ao voluntariado de todo o mundo para celebrar este día o 5 de decembro.
Un ensaio clínico é un estudo prospectivo de investigación biomédica ou comportamental realizado en participantes humanos, deseñado para responder preguntas específicas sobre intervencións biomédicas ou de comportamento, incluídos novos tratamentos (como novas vacinas, fármacos, eleccións dietéticas, suplementos alimenticios e produtos sanitarios) así como intervencións coñecidas que merecen máis estudos e comparacións. Os ensaios clínicos xeran datos sobre a dosificación, a seguridade e a eficacia. Realízanse só despois de recibir a aprobación da autoridade sanitaria/comité de ética do país onde se solicita a aprobación da terapia.
O tizón de Nadal ou cepo de Nadal (tamén cachopo de Nadal) é un gran madeiro que na Noiteboa se prende na lareira coidadosamente limpa e varrida. É unha tradición ancestral galega e doutras partes do centro e oeste de Europa ligada a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno. Simboliza destruír o vello para dar paso ao novo.
O hunsrik (chamado nativamente en portugués hunsrik ou hunsrückisch), tamén chamado riograndenser hunsrückisch ou katharinensisch, é unha variedade da lingua fráncica moselana que deriva principalmente do dialecto hunsrückisch do alemán central occidental. A lingua ten certo recoñecemento, principalmente no Brasil. É considerada unha parte integrante do patrimonio histórico e cultural do estado brasileiro de Río Grande do Sur dende 2012, e patrimonio cultural inmaterial do estado de Santa Catarina dende 2016.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Cidade da Xustiza de Pontevedra
A Cidade da Xustiza de Pontevedra é un complexo administrativo xudicial na cidade de Pontevedra, composto por dous grandes edificios de xulgados construídos en 1998 e 2019 no barrio da Parda.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O bancor foi unha proposta de unidade monetaria internacional ideada polo economista John Maynard Keynes nas negociacións que chegaron ao establecemento dos Acordos de Bretton Woods, na súa condición de líder da delegación británica. O nome estaba inspirado no francés banque or ("banco ouro"). Porén, o bancor non chegou a ser instrumentado como moeda global, xa que se empregou no canto del o dólar estadounidense.
Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas.
Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Gonzalo Queipo de Llano y Sierra, nado en Tordesillas (provincia de Valladolid) o 5 de febreiro de 1875 e finado en Sevilla o 9 de marzo de 1951, foi un xeneral español, conspirador e un dos principais protagonistas, sobre todo en Sevilla, do golpe que deu orixe á guerra civil española. Foi educado nun seminario, loitou na Guerra hispano-estadounidense e na Guerra do Rif, ascendendo a Xeneral de Brigada en 1923. Aínda que inicialmente apoiou ao ditador Miguel Primo de Rivera, as críticas ás súas políticas fixeron que fose rezagado na escala e nos nomeamentos e foi trasladado á reserva en 1928.
Faro de Vigo é un diario que se publica en Vigo fundado por Ángel de Lema y Marina e que pertenceu á súa familia ata 1986 cando o mercou o empresario canario Javier Moll. Ten a súa redacción en Chapela (Redondela), e é o decano da prensa galega e española. O primeiro número é do 3 de novembro de 1853 e tiña carácter bisemanal ata que en 1879 se converteu en diario.
Francisco Morales Nieva, nado en Valdepeñas, Cidade Real, o 29 de decembro de 1924 e finado en Madrid o10 de novembro de 2016, foi un dramaturgo, escenógrafo, director de escena, narrador, ensaísta e debuxante español.Académico da Real Academia Española desde 1990, onde ocupou a cadeira J, a súa produción teatral valeulle o Premio Nacional de Teatro en dúas ocasións (1980 e 1992), o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Literatura Dramática e o Premio Vale-Inclán (2011), pola escritura e dirección de Tórtolas, crepúsculo y... telón. Pola súa produción literaria en xeral, outorgóuselle o Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1992.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei".A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible. Ten sido galardoada con premios internacionais como o da ONU-Hábitat en 2014 en Dubai ou o da Comisión Europea en 2020 en Bruxelas, entre outros.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Croacia ( pronunciación ) (en croata: Hrvatska [xř̩ʋaːtskaː] ), oficialmente República de Croacia ( pronunciación ) (en croata: Republika Hrvatska ( pronunciación )), é un país de Europa central, rodeado pola chaira Panónica, os Balcáns e o mar Mediterráneo. A súa capital e cidade máis grande é Zagreb. Comparte fronteiras con Eslovenia e Hungría ao norte, Bosnia e Hercegovina ao sueste e Serbia e Montenegro ao leste.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
O ácido nonadecanoico ou ácido nonadecílico é un ácido graxo saturado de cadea liñal con 19 átomos de carbono coa fórmula molecular C19H38O2, que se simboliza como C19:0. A temperatura ambiente é un sólido cristalino que funde a 69,4 °C. Como o resto dos ácidos graxos presenta polimorfismo, no caso dos ácidos de número impar de carbonos denomínanse A', B', C' e D'. A súa estrutura cristalina B' é triclínica, pertencendo ao grupo espacial P1, a súa cela unidade ten as arestas de lonxitudes: a = 5,553 Å, b = 7,987 Å e c = 44,612 Å; e os ángulos α = 92.10°, β = 93,05° e γ = 99.64°.
Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra
O Pavillón Municipal dos Deportes é un recinto deportivo cuberto da cidade de Pontevedra, cunha capacidade de 4.000 persoas. É usado como feudo local polos equipos do Teucro de balonmán e o Leis de fútbol sala, ademais do CB Ciudad de Pontevedra de baloncesto.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
María del Mar Cabra Valero, nada en Madrid o 14 de xuño de 1983, é xornalista de investigación e especialista en análise de datos española. É licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Xornalismo de investigación pola Universidade de Columbia de Nova York, estudos que realizou grazas a unha bolsa Fulbright.
Célestin Freinet (Gars, Alpes Marítimos, 15 de outubro de 1896 - Vence, Alpes Marítimos, 8 de outubro de 1966) foi un mestre e pedagogo francés, creador das "Técnicas Freinet". Atribúeselle a xestación do chamado "materialismo escolar", partindo da filosofía krausista e marxista. Propón a autoxestión, cooperación e solidariedade entre o alumnado a través da introdución da imprenta na escola, o texto libre e o método natural de lectura e escrita.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente milita no Manchester United da Premier League inglesa. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Marián López Fernández Cao, coñecida tamén como Marián Cao, nada en Vigo o 5 de febreiro de 1964, é profesora e investigadora galega, especializada en arte, feminismo, arteterapia e inclusión social. Investigou os desequilibrios de xénero na arte e os museos e é impulsora do proxecto Museos en Feminino. Desde 2019, é Catedrática de Educación Artística da Universidade Complutense de Madrid.
Zënzar é unha banda de punk rock galega procedente de Meirama (Cerceda), e formada durante o outono do ano 1987. Son a banda con máis anos de actividade en Galiza facendo rock en galego, polo que son alcumados a miúdo como "os padriños do rock galego". O vocalista do grupo é o polifacético Xosé Bocixa.
O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Lucio Urtubia Jiménez, nado en Cascante (Navarra) o 18 de febreiro de 1931 e finado en París o 18 de xullo de 2020, foi un albanel e militante anarquista. Considerado como o último dos "bandidos bos", foi definido como un "Robin Hood", como un Quixote; aínda que en palabras de Albert Boadella "Lucio es un Quijote que no luchó contra molinos de viento, sino contra gigantes de verdad".
O lago Vitoria (Nam Lolwe en luo; "Nalubaale" en Luganda e Nyanza en ruanda e bantú) é un dos Grandes lagos africanos, localizado nun planalto elevado na parte occidental do Gran Val do Rift, na África oriental. O nome foille dado en honor da raíña Vitoria polo explorador John Hanning Speke, o primeiro británico en documentar a súa existencia en 1858, no transcurso dunha expedición con Richard Francis Burton para localizar as Fontes do Nilo.En termos de superfice, con 68.870 km² (aproximadamente o mesmo que a Irlanda), é o maior lago do continente africano, o maior lago tropical no mundo e o segundo maior lago de auga doce do mundo, só superado pola superficie do lago Superior de América do Norte. En termos de volume, é o sétimo maior lago de auga doce do mundo con 2.750 km³ de auga.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O Cason (pronunciado Casón) foi un cargueiro panameño que o 5 de decembro de 1987, mentres navegaba fronte ás costas galegas, sufriu un accidente por mor dun temporal que fixo que a carga se correse e provocase un incendio. O barco terminou varando nas costas de Fisterra, na punta do Castelo da praia do Rostro, e morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa.