Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Céline Marie Claudette Dion (nada o 30 de marzo de 1968 en Charlemagne, Quebec, Canadá) máis coñecida como Céline Dion, é unha cantante, empresaria, compositora e actriz ocasional. Logrou o recoñecemento internacional na década de 1980 ao gañar o festival da canción popular de Yamaha de 1982 e o festival da canción de Eurovisión de 1988.Anos máis tarde, xurdiu como unha estrela adolescente no mundo de fala francesa despois de que seu empresario e futuro esposo, René Angélil, hipotecara a súa casa para financiar o seu primeiro álbum. En 1990 lanzou ao mercado Unison, a súa primeira produción en inglés que a estableceu como unha artista pop prometedora en América do Norte e noutras partes do mundo anglosaxónico.Un dos seus principais éxitos foi a banda sonora do filme Titanic, gañadora do Óscar.
O estranxeiro (en francés, L'Étranger) é unha novela publicada en 1942, a primeira do escritor Albert Camus. O estranxeiro adoita asociarse á filosofía do absurdo e ao existencialismo, aínda que Camus sempre se distanciou desta última etiqueta. O protagonista, Meursault, é un francés alxeriano indiferente á realidade por resultarlle absurda e inabordable.
Circa é unha palabra latina que significa ao redor ou cerca (podendo abreviarse como c., ca. ou cca.). Úsase fundamentalmente a súa abreviatura en bibliografía para describir diversas datas (normalmente de nacemento ou falecemento) ou datos que son incertos ou aproximados, polo que utilizar circa indica que a data ou valor é estimación aproximada.
Un programa é un conxunto de emisións periódicas transmitidas por televisión ou radio, agrupadas baixo un título ou cabeceira común, nas que a modo de bloque inclúese a maior parte dos contidos audiovisuais que se ofrecen nunha cadea. No ámbito profesional, non son considerados programas os bloques de contidos dedicados ás autopromocións, á continuidade e á publicidade convencional. Os programas televisivos serven para entreter, informar, entre outras finalidades.
Die Zauberflöte, en galego A frauta máxica, é a última ópera (concretamente un singspiel, nome que recibe a ópera cómica en alemán e onde se intercalan partes faladas) composta por Wolfgang Amadeus Mozart con libreto de Emanuel Schikaneder, baseado en parte en Lulu, oder die Zauberflöte, de A.J. Liebeskind e en parte na obra Sethos de Jean Terrasson. Foi representada por primeira vez en vida do compositor austríaco, estreándose no Theater an der Wien de Viena o 30 de setembro de 1791 baixo a dirección do propio Mozart, apenas dous meses antes da súa morte.
O teorema das catro cores é un teorema de formulación e conceptualización simple, mais de demostración extremadamente complexa. A súa formulación é a seguinte: Dado un mapa plano, dividido en rexións, chegan catro cores para colorealo, de forma que rexións veciñas non partillen a mesma cor.É necesario precisar un pequeno detalle: as rexións que só se tocan nun punto non se consideran veciñas. Sen esta condición, o teorema demostrouse pola primeira vez en 1976 por Appel e Haken, utilizando un computador IBM 360.
Fringe é unha serie de televisión de ciencia ficción estadounidense creada por J.J. Abrams, Alex Kurtzman e Roberto Orci. A serie tivo a súa estrea o 9 de setembro de 2008 na cadea Fox e rematou as súas emisións o 18 de xaneiro de 2013, tras cinco temporadas e 100 episodios. A historia xira ao redor de Olivia Dunham (Anna Torv), Peter Bishop (Joshua Jackson) e Walter Bishop (John Noble), membros dun equipo de investigación, a División Fringe, pertencente ao Federal Bureau of Investigation e con base en Boston, Massachusetts baixo a supervisión do Departamento de Seguridade Nacional.
Adrien Nicholas Brody, nado en Queens, Nova York o 14 de abril de 1973, é un actor estadounidense. Acadou fama a nivel internacional e o recoñecemento da crítica no filme de Roman Polanski O pianista (2002), por cuxa interpretación gañou o Oscar ó mellor actor con 29 anos, sendo o actor máis novo en ter ese recoñecemento. Brody é tamén o único actor americano que recibiu un galardón nos Premios César franceses.
Monk é unha serie de televisión estadounidense, creada por Andy Breckman e protagonizada por Tony Shalhoub no papel de Adrian Monk, un ex-axente de homicidios de San Francisco que traballa agora coma detective privado. Así pois, é principalmente unha serie de misterio cun ambiente ás veces escuro, mais sempre con grandes toques cómicos. Con todo, é unha serie un pouco habitual dentro deste xénero, debido a que a súa personaxe principal, Monk, acompañado pola súa axudante, padece unha serie de graves desordes psiquiátricos, como un trastorno obsesivo-compulsivo e un gran número de fobias, agravados polo trauma da morte da súa esposa.
Aethelstan, Æþelstan, Æðelstān ou Ethelstan (nórdico antigo: Aðalsteinn), nado en 895 e finado o 27 de outubro de 939, chamado o Glorioso, foi rei dos anglosaxóns de 924 a 927 e rei de Inglaterra de 927 a 939. O seu reinado é frecuentemente pasado por alto polos historiadores modernos, enfocándose máis no do seu avó, Alfredo o Grande, ou no do seu sobriño, Edgar o Pacífico.
O hertz (símbolo Hz), tamén chamado hercio, é a unidade derivada do SI para frecuencia, a cal é expresada en termos de oscilacións por segundo (s−1, 1/s). A unidade é nomeada en homenaxe ao físico alemán Heinrich Rudolf Hertz, que fixo algunhas importantes contribucións á ciencia no campo do electromagnetismo. O nome foi establecido pola Comisión Electrotécnica Internacional (IEC nas súas siglas inglesas) en 1930.
Unha disciplina académica ou campo de estudo é o desenvolvemento do coñecemento sobre un tema específico, pensado ou investigado nunha escola superior, un centro de estudos ou investigacións, unha universidade ou un laboratorio. As disciplinas están en parte definidas e recoñecidas por publicacións científicas ou académicas, onde se expoñen resultados de procesos investigativos, e polos círculos académicos ou científicos aos que pertencen os investigadores. Os campos de estudo teñen polo xeral numerosas ramas ou subdisciplinas e as liñas que as distinguen adoitan ser difusas, ambiguas e mesmo por veces arbitrarias.
A Wikimedia Foundation, Inc. (en galego: Fundación Wikimedia) é a organización matriz da Galipedia (Wikipedia), Galizionario (Wiktionary), Galicitas (Wikiquote), Galilibros (Wikibooks), Galifontes (Wikisource), In Memoriam 9/11, Wikimedia Commons, Wikidata, Wikispecies, Wikinews, Wikiversity, Wikivoyage e a abandonada Nupedia. É unha fundación sen fins lucrativos que obedece ás leis do estado da Florida nos Estados Unidos.
A milla é unha unidade de lonxitude que non forma parte do sistema métrico decimal. De orixe moi antiga, foi herdada da Antiga Roma e equivalía a mil pares de pasos camiñados por un home (en latín: mille passus, plural: milia passuum). Como os pasos eran dobres, a milla romana era aproximadamente igual a 1 467 m, e polo tanto un paso simple era duns 73 cm.
O disco de vinilo, tamén coñecido como disco microsurco ou simplemente como microsurco ou vinilo, é un medio de almacenamento analóxico de sinais sonoras, caracterizado por utilizar como material de soporte un plástico denominado policloruro de vinilo, do que recibe o nome. Foi introducido oficialmente en 1948 pola compañía Columbia Records nos Estados Unidos, como unha evolución moi mellorada dos anteriores discos de 78 rpm (fabricados cun material moito máis fráxil como a goma laca). Actualmente o termo vinilo adoita utilizarse para indicar en particular o formato LP (discos de 30 cm xirando a 33⅓ revolucións por minuto), aínda que este uso sexa inadecuado, xa que tamén discos fabricados con outros materiais explotan o mesmo formato como soporte.
Prosopography of Anglo-Saxon England
A Prosopography of Anglo-Saxon England (PASE) é unha base de datos e un sitio web asociado que ten como obxectivo reunir todo o que se escribiu en rexistros contemporáneos sobre calquera persoa que vivise na Inglaterra anglosaxoa, nunha prosopografía. A base de datos en liña PASE, presenta detalles (que denomina factoides) das vidas de cada individuo rexistrado que viviu na Inglaterra anglosaxoa ou estivo estreitamente relacionado coa Inglaterra entre 597 e 1087, con citas específicas (e moitas veces citas de) de cada fonte primaria que describe cada factoide.PASE foi financiada polo British Arts and Humanities Research Council de 2000 a 2008 como un importante proxecto de investigación baseado no King's College de Londres no Departamento de Historia e no Centre for Computing in the Humanities, e no Departamento de Anglosaxóns, nórdicos e celtas da Universidade de Cambridge.A primeira fase do proxecto foi lanzada pola Academia Británica o 27 de maio de 2005 e está dispoñible gratuitamente en Internet. Unha segunda fase (PASE2), foi publicada o 10 de agosto de 2010, e engadiu á base de datos información extraída principalmente do Domesday Book.
Os sete magníficos (en inglés: The Magnificent Seven) é un filme estadounidense dirixido por John Sturges que foi estreado en 1960. É un remake de estilo western baseado no filme de 1954 Os sete samurais, dirixido por Akira Kurosawa. Está protagonizado por Yul Brynner, Steve McQueen, Charles Bronson, James Coburn, Robert Vaughn, Brad Dexter e Horst Buchholz que interpretan a un grupo de pistoleiros contratados para protexer unha pequena vila agrícola de México duns bandidos liderados Calvera (Eli Wallach).
Unha magnitude física e unha propiedade dos sistemas físicos susceptible de ser medida e expresada mediante un número e unha unidade, e coa cal se pode establecer relacións cuantitativas. A técnica por medio da cal se asigna un número a unha propiedade física, como resultado dunha comparación de dita propiedade con outra similar tomada como patrón, a cal se adoptou como unidade, denomínase medición. Resulta fundamental establecer unha única unidade de medida para unha magnitude dada, de forma que poida ser comprendida pola xeneralidade das persoas.
Wikivoyage é unha guía turística libre en Internet baseada na tecnoloxía wiki. Foi fundada en setembro do ano 2006 por autores alemáns de Wikitravel desconformes coas políticas dos donos do devandito sitio. Converteuse no wiki co tema viaxes máis popular en Alemaña, con máis de 8000 artigos, e en decembro do 2007 lanzouse a versión en italiano, que actualmente rolda os 1600 artigos.
Haile Gebrselassie, nado en Asella o 18 de abril de 1973, é un atleta etíope especialista en carreiras de fondo. Gebrselassie acadou as súas grandes vitorias nas distancias comprendidas entre os 1500 metros e o maratón. Rompeu 25 récords mundiais e gañou numerosos títulos olímpicos e mundiais, e está amplamente considerado coma un dos mellores corredores de longa distancia de toda a historia.
Os puntos cardinais son as catro direccións derivadas do movemento de rotación terrestre que conforman un sistema de referencia cartesiano para representar a orientación nun mapa ou na propia superficie terrestre. Estes puntos cardinais son o leste, que vén sinalado polo lugar aproximado onde sae o Sol cada día; o oeste, o punto indicado polo ocaso do sol no seu movemento aparente, e considerando a liña leste-oeste como o eixo das abscisas nun sistema de coordenadas xeográficas, o eixo das coordenadas estaría descrito por liña norte-sur. Esta composición xera catro ángulos de noventa graos que á súa vez se dividen polas bisectrices, xerando noroeste, suroeste, nordés e sueste.
Un foguete espacial é unha máquina que, utilizando un motor de combustión, produce a enerxía cinética necesaria para a expansión dos gases, que son lanzados a través dun tubo propulsor (chamada propulsión por reacción). Por extensión, o vehículo, xeralmente espacial, que presenta motor de propulsión deste tipo é denominado foguete ou mísil. Normalmente, o seu obxectivo é enviar artefactos (especialmente satélites artificiais e sondas espaciais) ou espazonaves e seres humanos ao espazo.
A Wikipedia en italiano (en italiano: Wikipedia in italiano) é a edición da enciclopedia libre Wikipedia en lingua italiana. Esta versión foi creada o 11 de maio de 2001 e a primeira edición foi realizada o 11 de xuño de 2001. É a novena meirande Wikipedia en número de artigos (despois da inglesa, da cebuana, da sueca, da alemá, da francesa, da neerlandesa, da rusa e da castelá).Esta versión da enciclopedia contén 1.792.409 artigos e 2.338.961 usuarios, dos cales 8.374 son activos.
O ámbar gris é unha secreción producida no intestino dos cachalotes.É unha substancia inflamábel de aparecencia cerosa e cor moura ou gris mate, con tonalidades variadas como a mármore. Ten un olor peculiar, doce e terroso, parecido ao do alcohol isopropílico. Trátase dunha substancia resinosa que se forma no intestino dalgúns exemplares, en forma de masas sólidas, opacas.
Un animal de compaña, animal de compañía, animal doméstico ou mascota é un animal que serve principalmente para a compaña ou protección dunha persoa, en contraste cos de traballo, de deporte, do gando e de animais de laboratorio, que serven para a súa exhibición, polo seu valor agroalimentario ou para a investigación. As mascotas máis populares son escollidas polas súas aparencias atractivas, a súa lealdade ou personalidade. As mascotas achegan ós seus donos (ou gardiáns) beneficios físicos e emocionais.
Precuela é o nome dado a unha obra narrativa que contén elementos ambientados no mesmo universo ficcional, cuxa historia antecede ao traballo anterior, presentando eventos que ocorreran antes da obra orixinal. As precuelas poden debruzarse ou non sobre a mesma trama da cal son derivadas. Moitas veces, explican o pasado que levou ao acontecemento dos eventos na narrativa orixinal, mais, ás veces, as conexións entre as obras non son explícitas.
Robert James Gilbert "Bob" Anderson, nado en Gosport o 15 de setembro de 1922 e finado en West Sussex o 1 de xaneiro de 2012 foi un esgrimista olímpico inglés, e un recoñecido coreógrafo de loita con espadas no cinema durante máis de 50 anos, traballando en Highlander, A princesa prometida, A máscara do Zorro, O señor dos Aneis e Die Another Day entre outras. Foi considerado o primeiro coreógrafo de Hollywood na loita con espada, e durante a súa carreira adestrou moitos actores na arte de armas, tales como Errol Flynn, Sean Connery, Antonio Banderas e Johnny Depp. Tamén apareceu como dobre nas pelexas de láser de Darth Vader en O imperio contraataca e O retorno do Jedi.
Penélope Cruz Sánchez, nada en Madrid o 28 de abril de 1974, é unha actriz española. Aínda que inicialmente foi bailarina e presentou programas de televisión, é mundialmente coñecida pola súa faceta cinematográfica, participando en películas realizadas en español, inglés e outros idiomas, coas que acadou un éxito importante e varios premios.
O dólar da Liberdade sentada (en inglés: Seated Liberty dollar) foi unha moeda dun dólar de prata cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1840 e 1873, deseñada polo seu gravador xefe, Christian Gobrecht. Foi a derradeira moeda de prata deste valor cuñada antes da aprobación da Lei da Moeda de 1873, que supuxo unha interrupción temporal da emisión do dólar de prata. O anverso desta moeda baséase no do anterior "dólar Gobrecht", ao que substitúe, cuñado de xeito experimental entre 1836 e 1839.
Urano é o sétimo planeta do sistema solar, situado entre Saturno e Neptuno, o terceiro de maior tamaño, e o cuarto máis masivo. Chámase así en honra da divindade grega do ceo Urano (do grego antigo Οὐρανός), o pai de Cronos (Saturno) e o avó de Zeus (Xúpiter). Aínda que é detectable a primeira ollada no ceo nocturno, non foi catalogado como planeta polos astrónomos da antigüidade debido á súa escasa luminosidade e á lentitude da súa órbita.
Seúl (서울; hangul, 서울특별시; hanja, 서울特別市; romanización revisada, Seoul Teukbyeolsi; McCune–Reischauer, Sŏul T'ŭkpyŏlsi) é a capital e meirande metrópole de Corea do Sur. Segundo o censo de 2020, Seúl tiña unha poboación de 9,9 millóns de persoas e forma o corazón da Área da capital de Seúl coa metrópole circundante de Incheon e a provincia de Gyeonggi. Considerada unha cidade global e clasificada como unha cidade alfa pola Globalization and World Cities Research Network (GaWC), Seúl foi a 4ª economía metropolitana máis grande do mundo en 2014 despois de Toquio, Nova York e Os Ánxeles.
Terminologia Anatomica [TA] (Terminoloxía Anatómica ou Terminoloxía Anatómica Internacional) é o corpo oficial de nomenclatura anatómica creado conxuntamente polo Comité Federal sobre Terminoloxía Anatómica (FCAT) e as 56 Asociacións membros das Asociacións Internacionais de Anatomistas (Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas, IFAA). Publicouse en 1998 e substitúe o estándar previo, a Nomina Anatomica [NA]. Terminologia Anatomica contén a terminoloxía para aproximadamente 7500 estruturas anatómicas macroscópicas humanas.
National Basketball Association
A National Basketball Association (NBA) é a principal liga profesional de baloncesto de América do Norte, estando considerada maioritariamente como a mellor competición deste deporte no mundo. Formada por trinta franquías, vinte e nove delas situadas nos Estados Unidos e unha no Canadá, a NBA é membro da USA Basketball (Federación de Baloncesto dos Estados Unidos), a cal está considerada pola FIBA como o órgano nacional para o baloncesto nos Estados Unidos. A NBA está tamén considerada unha das catro grandes competicións deportivas do América do Norte xunto coa NFL, a MLB e a NHL. Os xogadores da NBA son os deportistas mellor pagados do mundo tendo en conta o salario medio por xogador.
O baloncesto (basketball en inglés) é un deporte colectivo inventado en 1891 polo profesor de Educación Física James Naismith, na Asociación Cristiá de Mozos de Springfield, EUA. Cada un dos dous equipos está formado por cinco xogadores. Ten como obxectivo pasar a pelota por dentro dunha cesta colocada nas extremidades da pista. Actualmente pode xogarse tamén en pistas ao aire libre.
O metro por segundo ao cadrado ou m/s2 é unha unidade derivada do Sistema Internacional de Unidades (SI) para medir a aceleración dun corpo. Mide o incremento da velocidade (en metros por segundos) conseguido en cada segundo. O símbolo desta unidade tamén pode verse escrito como m·s−2, ou simplemente m s−2.
A Wikipedia en castelán é a edición da enciclopedia libre Wikipedia en lingua castelá. Foi creada o 11 de maio de 2001, acadando os 100 000 artigos o 8 de marzo de 2006 e o 1 000 000 de artigos o 16 de maio de 2013. Esta versión da enciclopedia contén 1.833.586 artigos e 6.746.055 usuarios, dos cales 13.684 son activos.
Os Servizos Web, ou Web Services de acordo á nomenclatura orixinal en inglés, son unha serie de tecnoloxías, estándares e protocolos que permiten a comunicación e cooperación entre sistemas informáticos, independentemente das súas plataformas ou a linguaxe de programación na que estes sexan escritos.
Un xene é a unidade básica de herdanza dos seres vivos. Dende o punto de vista molecular, un xene é unha secuencia lineal de nucleótidos na molécula de ADN (ou ARN no caso dalgúns virus), que contén a información necesaria para a síntese dunha macromolécula con función celular específica. Por exemplo: Proteínas, ARNm, ARN ribosómico, ARN de transferencia e ARN pequenos.
Os escaravellos bombardeiros son escaravellos carábidos pertencentes ás tribos Brachinini, Paussini, Ozaenini ou Metriini (en total máis de 500 especies) que se caracterizan por ter un mecanismo de defensa que consiste en exectar (bombardear) contra os animais que os ameazan un chorro de produtos químicos desagradables e irritantes desde o extremo do seu abdome, que fan un ruído ao saír. Por tanto, o nome non coresponde a unha especie, senón a moitas que teñen este comportamento e que pertencen a distintos taxons de carábidos. O spray que botan prodúcese por unha reacción entre dous compostos químicos hipergólicos, a hidroquinona e o peróxido de hidróxeno, que se almacenan en dous depósitos do abdome do escaravello.
The Two Popes é un filme de 2019 dirixido por Fernando Meirelles e escrito por Anthony McCarten, adaptado a partir da obra de McCarten The Pope. Está protagonizado por Anthony Hopkins no papel do papa Bieito XVI e Jonathan Pryce como o cardeal Jorge Mario Bergoglio (máis tarde o papa Francisco).Estreouse no Festival de Cinema de Telluride o 31 de agosto de 2019. Tivo unha estrea limitada nos cinemas dos Estados Unidos o 27 de novembro de 2019 e no Reino Unido o 29 de novembro de 2019.
Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972 pola Editorial Galaxia. A segunda edición é de 1976. Galaxia publicou en 2014 unha edición que é o resultado dunha investigación de Xosé Manuel Dasilva, na que reconstrúe definitivamente a versión orixinal que se sometera á censura na década de 1970.
María del Carmen Rosario Soledad Cervera, coñecida popularmente como Tita Cervera ou Tita Thyssen, nada en Sitges o 23 de abril de 1943, é unha coleccionista e marchante de arte de orixe catalá. Foi Miss España en 1961 e esposa de Lex Barker, Espartaco Santoni e Hans Heinrich von Thyssen-Bornemisza, II barón Thyssen-Bornemisza.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Nyugat ("Occidente") foi a revista fundamental da literatura húngara do século XX. Publicouse en Budapest entre o 1 de xaneiro de 1908 e o 1 de agosto de 1941. O seu primeiro número non se publicou como di a súa portada o 1 de xaneiro de 1907 senón no Nadal de 1907. A revista xogou un papel moi importante na renovación da literatura húngara e nela colaboraron autores relevantes da época como Dezső Kosztolányi.
Daniel Alves da Silva, máis coñecido como Dani Alves, nado en Juazeiro, Baía, o 6 de maio de 1983, é un futbolista brasileiro nacionalizado español, que xoga como lateral dereito. Foi considerado por algúns medios de comunicación deportivos como o mellor lateral dereito do mundo. Actualmente atópase sen equipo tras ser detido de xeito preventivo por un presunto delito de violación, o que provocou a rescisión do seu contrato co Club Universidad Nacional mexicano.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha doenza ou enfermidade é unha condición anormal que afecta ó corpo dun organismo. A miúdo é interpretada como unha condición médica asociada a uns síntomas e sinais específicos. Pode ser causada por factores procedentes dunhas fontes externas, como as enfermidades infecciosas, e poden causar dor, disfunción, malestar, problemas sociais ou a morte á persoa aflixida.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
The Economist é unha publicación semanal en lingua inglesa con sede en Londres, que aborda a actualidade das relacións internacionais e da economía desde un marco global. O seu primeiro número foi publicado o 2 de setembro de 1843 baixo a dirección de James Wilson. Aínda que por razóns históricas se define a si mesma como un xornal, o seu formato actual aseméllao ao dunha revista.
O espírito do cabaleiro (en alemán: Geisterritter) é unha novela de literatura xuvenil escrita pola autora alemá Cornelia Funke. Unha adaptación teatral da novela foi representada no Thalia Theatre de Hamburgo en 2012.Traduciuna ó galego María Xesús Bello Rivas e publicouna Edicións Xerais en outubro de 2011.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Màxim Huerta Hernández, nado en Utiel, Valencia o 26 de xaneiro de 1971, é un xornalista, escritor e político español. En xuño de 2018 desempeñou o cargo de ministro de Cultura e Deporte durante seis días até a súa dimisión ó darse a coñecer unha sentenza por fraude fiscal. Foi gañador do Premio Primavera 2014 coa súa cuarta novela, La noche soñada.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Cicindela é un xénero de escaravellos da familia dos cicindélidos. Son xeralmente de cores brillantes e metálicos, a miúdo con algún tipo de deseño con marcas de cor crema ou marfil. Son máis abundantes e diversos en hábitats preto de corpos de auga con solos areosos e ás veces arxilosos; poden atoparse ao longo de cursos de ríos, e costas de mares e lagos, dunas areosas, arredor de leitos de lagos secos en bancos de arxila or en camiños de bosques.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
O axolote (do náhuatl clásico: āxōlōtl; Ambystoma mexicanum) é unha especie de urodelo, estreitamente relacionada co Ambystoma tigrinum. Malia que o axolote é coñecido coloquialmente como "peixe camiñante", non é un peixe, senón un anfibio. A especie é orixinaria de numerosos lagos, como o lago Xochimilco preto da Cidade de México.
Illa sagrada de Okinoshima e sitios asociados na rexión de Munakata
A Illa sagrada de Okinoshima e sitios asociados na rexión de Munakata, (「神宿る島」宗像・沖ノ島と関連遺産群), é un grupo de sitios no noroeste de Kyūshū, Xapón, que inscribíuse na Lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO en 2017, baixo os criterios II e III.
O termo vehículo deportivo utilitario (en inglés SUV, de sport utility vehicle) designa a aqueles vehículos semellantes aos vehículos familiares pero cun chasis máis lixeiro e normalmente equipado con tracción ás catro rodas coa pretensión de ser utilizado nalgunha medida como vehículo todo terreo, a súa orixe está nos vehículos militares tales como os jeeps e os Land Rover. Foi un vehículo popular na década de 1990 e 2000 nos Estados Unidos, Canadá e Australia e en menor medida en Europa. Desde aquela declinou polo aumento do prezo do combustible e a crise económica substituído polo crossover que conta ademais cunha mellor eficiencia no consumo de combustible.