Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Hamás (en árabe حماس, fervor, e acrónimo de Harakat al-Muqáwama al-Islamiya, حركة المقاومة الإسلامية Movemento de Resistencia Islámica) é unha organización político-relixiosa palestina que pretende a destrución de Israel e a creación dun estado islámico en Palestina. Hamás fundouna Ahmed Yassin o 14 de decembro de 1987 na franxa de Gaza, coincidindo co levantamento popular, ou intifada, contra a ocupación israelí. Ten relacións estreitas cos Irmáns Musulmáns exipcios.
A Torre de Londres é, oficialmente, O palacio e fortaleza da súa maxestade, a Torre de Londres, aínda que o derradeiro gobernante que residiu nela foi Xacobe I (1566-1625). A Torre Branca, o edificio cadrado con torretas en cada esquina que lle deu o nome ao edificio, atópase no centro dun complexo de diversos edificios á beira do río Támese en Londres. O complexo foi empregado como fortaleza, armería, almacén do tesouro, palacio, palacio de detención, observatorio, refuxio e cárcere, especialmente para prisioneiros de "clase alta".
Cataluña (en catalán: Catalunya, en aranés: Catalonha; en castelán: Cataluña) é unha comunidade autónoma española, considerada nacionalidade histórica, situada no nordeste da Península Ibérica. Nomeada tradicionalmente Principado de Cataluña, é unha nación, segundo se expresa no seu estatuto de autonomía: Ocupa un territorio duns 32.000 km² que limita ao norte con Francia (Occitania) e Andorra, ao leste co mar Mediterráneo ao longo dunha franxa marítima duns 580 quilómetros, ao sur coa Comunidade Valenciana (Castelló), e ao oeste con Aragón (Zaragoza, Teruel e Huesca). Esta situación estratéxica favoreceu unha relación moi intensa cos territorios da conca mediterránea e coa Europa continental.
A palabra forma pode referirse a: ArteForma musical, en música clásica, a forma, en sentido xenérico, designa unha estrutura ou unha tradición de escritura, que permite inscribir a obra na historia da evolución da creación musical. Forma, un dos elementos da arte.BioloxíaForma, categoría taxonómica que constitúe unha subdivisión xeralmente por debaixo da variedade ou da «raza».MatemáticasForma, figura espacial dos corpos. Forma canónica de Jordan, ou forma normal de Jordan, é un termo matemático empregado en álxebra lineal.
A bandeira de Sri Lanka, tamén chamada Bandeira do León foi adoptada o 22 de maio de 1972, e consiste nun león dourado, sostendo unha espada kastane coa súa gadoupa dereita, diante dun fondo granate, con catro follas douradas de Ficus relixiosa, unha en cada esquina. Arredor do fondo ten un marco amarelo, e á esquerda hai 2 franxas verticais de igual tamaño en cor azafrán e en verde, estando a azafrán máis preto do león.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 199.539.
Lionel Brockman Richie, Jr., nado en Tuskegee, no condado de Macon (Alabama) o 20 de xuño de 1949, é un cantautor e músico estadounidense que vendeu máis de 100 millóns de copias das súas cancións.Na década de 1970 formou parte da banda musical The Commodores, propiedade do famoso selo musical Motown de Detroit (Míchigan). A partir de 1981 iniciou a súa carreira como solista, logrando un grande éxito ao permanecer dúas semanas no Billboard co tema Hello para consolidarse posteriormente co tema Say you, say me, o cal gañou un Óscar da Academia á mellor canción nunha película.
A Gran Barreira de Coral (en inglés Great Barrier Reef) é o máis grande arrecife coralino do mundo composto por máis de 2.900 arrecifes individuais (sen incluír os arrecifes do estreito de Torres, que se calculan en 750 nunha área de 37.000 km2), e 900 illas nunha franxa de máis de 3.000 quilómetros sobre unha área de aproximadamente 348.000 km2. O arrecife está situado no mar do Coral, ao longo da costa do estado de Queensland no nordés de Australia. A Gran Barreira de Coral pódese ver desde o espazo exterior e é a estrutura máis grande do mundo feita por organismos vivos.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Un souto é un terreo poboado de castiñeiros (sin. castiñeira). O topónimo Souto pode referirse a: Na provincia da Coruña Souto, parroquia do concello de Paderne; Souto Calvo, lugar da parroquia de Cullergondo, no concello de Abegondo; Souto, lugar da parroquia de Morás, no concello de Arteixo; Souto Loural, lugar da parroquia de Viladavil, no concello de Arzúa; Souto, lugar da parroquia dos Ánxeles, no concello de Brión; Souto Grande, lugar da parroquia de Entrecruces, no concello de Carballo; Souto Figueira, lugar da parroquia de Sumio, no concello de Carral; Souto, lugar da parroquia de Soandres, no concello da Laracha; Souto da Vila, lugar da parroquia de San Xurxo de Moeche, no concello de Moeche; Souto Calvo, lugar da parroquia de San Claudio, no concello de Ortigueira; Souto, lugar da parroquia de Souto, no concello de Paderne; Souto, lugar da parroquia de Leroño, no concello de Rois; Souto, lugar da parroquia de Carnoedo, no concello de Sada; Souto da Igrexa, lugar da parroquia de Meirás, no concello de Sada; Souto Vello, lugar da parroquia de Mosteirón, no concello de Sada; Souto Calvo, lugar da parroquia de Ferreira, no concello de San Sadurniño; Souto, lugar da parroquia da Capela, no concello de Toques; Souto de Abaixo, lugar da parroquia de Morlán, no concello de Trazo; Souto de Arriba, lugar da parroquia de Morlán, no concello de Trazo;Na provincia de Lugo Souto de Torres, parroquia do concello de Castroverde; Souto de Ferradal, parroquia do concello de Láncara; Souto, lugar da parroquia de San Miguel de Neira de Rei, no concello de Baralla; Souto, lugar da parroquia de Sevane, no concello de Becerreá; Souto, lugar da parroquia de Teilán, no concello de Bóveda; Souto de Torres, lugar da parroquia de Souto de Torres, no concello de Castroverde; Souto, lugar da parroquia da Ribeira, no concello de Cervantes; Souto, lugar da parroquia de Arcos, no concello de Chantada; Souto, lugar da parroquia de Nogueira de Miño, no concello de Chantada; Souto, lugar da parroquia de Bruicedo, no concello da Fonsagrada; Souto, lugar da parroquia de Cereixido, no concello da Fonsagrada; Souto, lugar da parroquia de Souto de Ferradal, no concello de Láncara; Souto, lugar da parroquia de Muro, no concello de Láncara; Souto Vello, lugar da parroquia de San Xurxo de Lourenzá, no concello de Lourenzá; Souto Alto, lugar da parroquia de Xerdiz, no concello de Ourol; Souto Chao, lugar da parroquia de Xerdiz, no concello de Ourol; Souto, lugar da parroquia de Atán, no concello de Pantón; Souto, lugar da parroquia de Deade, no concello de Pantón; Souto, lugar da parroquia de Toiriz, no concello de Pantón; Souto de Xelo, lugar da parroquia de Toiriz, no concello de Pantón; Souto de Mogos, lugar da parroquia de Conforto, no concello da Pontenova; Souto, lugar da parroquia de Soutordei, no concello de Ribas de Sil; Souto Novo, lugar da parroquia de Anllo, no concello de Sober;Na provincia de Ourense Souto de Limia, parroquia do concello de Muíños; Souto, parroquia do concello de San Cristovo de Cea; Souto, lugar da parroquia de Amoeiro, no concello de Amoeiro; Souto, lugar da parroquia do Barón, no concello do Carballiño; Souto, lugar da parroquia da Piteira, no concello do Carballiño; Souto, lugar da parroquia de Macendo, no concello de Castrelo de Miño; Souto, lugar da parroquia de Ponte Castrelo, no concello de Castrelo de Miño; Aldea de Souto, lugar da parroquia de Refoxos, no concello de Cortegada.
Unha nave espacial é un vehículo deseñado para funcionar alén da superficie e da atmosfera terrestres, no espazo exterior. As naves espaciais poden ser robóticas (sondas non tripuladas) ou tripuladas (poden transportar persoas). As naves tripuladas posúen equipos e sistemas de soporte vital, que permiten aos astronautas comer, exercitarse, e facer as súas necesidades diarias.
MobyGames é un sitio web dedicado a catalogar videoxogos, tanto do pasado como do presente. O sitio contén unha extensa base de datos de información de videoxogos. O obxectivo do sitio web defínese así na propia páxina: "Catalogar polo miúdo toda a información relevante acerca de xogos electrónicos (computadora, consola, e arcade) nunha maneira de xogo-por-xogo, e logo ofrecer esa información a través de preguntas flexibles e minaría de datos.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Unha biblioteca virtual é unha biblioteca establecida en Internet mediante informatización. Os seus servizos son os das bibliotecas informatizadas (fichas e catálogos en versión electrónica), os das bibliotecas dixitais (que proporcionan recursos dixitais e sistemas de información en rede incorporando datos multimedia) e outros a maiores coma reprodución destes recursos en liña. Adoitan permitir buscas no catálogo (polos datos dos recursos e polo seu contido), servizos de intercomunicación co usuario (mesmo empréstito ou reserva), servizos de espallamento da información (grupos de usuarios, publicidade, listas de correo), uso dos recursos (texto, imaxe, son e vídeo) e acceso e recuperación da información dependendo da linguaxe de marcado (HTML ou XML segundo un molde ou Document Type Definition).
Selección de fútbol de España de afeccionados
A selección de fútbol de España de afeccionados foi unha categoría non profesional da selección española de fútbol creada a mediados da década de 1950 que representou a España nas primeiras edicións dos Xogos Mediterráneos, na Copa da UEFA Amateur (acadando o título na edición de 1970) e nos Xogos Olímpicos de 1948 a 1988.
Secretario Xeral das Nacións Unidas
O Secretario Xeral das Nacións Unidas é o máximo funcionario da ONU e xefe da Secretaría das Nacións Unidas. Debe actuar de acordo coa Carta das Nacións Unidas, de acordo cos principios de independencia e imparcialidade. O actual secretario xeral, António Guterres, asumiu en 2017 o lugar de Ban Ki-moon, quen cumpriu dous mandatos, dous lustros consecutivos (do 1 de xaneiro de 2007 ao 1 de xaneiro de 2017), sendo renovado cando expirou o seu primeiro mandato en 2011.
O ARNr 28S (ou 28S rRNA) é un tipo de ARN ribosómico cun coeficiente de sedimentación de 28 uniddes svedberg (28S) que é un compoñente estrutural da subunidade maior do ribosoma citosólico eucariota, polo que está presente en todas as células eucariotas. É o homólogo eucariota nuclear do ARNr 23S procariota.
Un estudio de gravación é un lugar adaptado para o rexistro de voces e música, polo que debe reunir unhas condicións de acústica e electrónica. Unha das condicións máis importantes no seu deseño é a insonorización, de forma que o son interior non se propague cara ao exterior nin que o son exterior penetre e interfira nas gravacións. Isto conséguese mediante a aplicación de diversos materiais especiais (absorbentes e illantes) e o uso de cámaras de aire.
Boreidae (boreidos) é unha familia moi pequena de insectos mecópteros, que só contén unhas 30 especies, todas as cales son boreais ou son especies de montaña do hemisferio norte. Son insectos pequenos (normalmente de 6 mm ou menos), coas ás reducidas a sedas ou ausentes, e de corpo algo comprimido, lembrando pulgas. Normalmente están activos durante os meses de inverno, cara á transición á primavera e as larvas e adultos aliméntanse xeralmente de musgos.
Joan Mary Cusack, nada en Nova York o 11 de outubro de 1962, é unha actriz estadounidense. Foi candidata aos premios Oscar e aos Globos de Ouro e é coñecida polas súas interpretacións en filmes como Working Girl (1988), Addams Family Values (1993), Nine Months (1995), In & Out (1997), Runaway Bride (1999) e High Fidelity e por poñer voz á cowgirl Jessie nas cintas animadas Toy Story 2 (1999) e Toy Story 3 (2010). É irmá do tamén actor John Cusack.
O Sport Club Internacional é un club brasileiro de fútbol con sede en Porto Alegre. Actualmente ocupa a primeira posición no rango de clubs da Conmebol como mellor equipo de Suramérica, polas boas actuacións dos últimos anos nas competicións continentais. O equipo mantén unha intensa rivalidade co seu veciño, o Gremio de Porto Alegre, co cal disputa o derby clásico coñecido como Grenal.
Un porto de montaña é unha ruta ou paso para cruzar unha montaña o calquera clase de sistema montañoso; o cume do porto é o lugar de maior altitude sobre o que pasa dito camiño e á vez adoita ser o punto máis baixo de dito sistema montañoso. Os portos de montaña caracterízanse por ter trazados moi sinuosos e pendentes moi pronunciadas ademais da frecuente presenza de neve. Nos porto de montaña o vento adoita encaixar e adoita ser particularmente forte, o que causa un descenso de altitude nas bandas de vexetación.
En informática, un teclado de ordenador é un periférico utilizado pola introdución de ordes e datos nun ordenador, aínda que teclados similares se utilizan tamén en máquinas de escribir. Actualmente o teclado é un elemento indispensábel para un ordenador e é xunto co rato o periférico de entrada máis importante.
O quilómetro por hora (km/h) é unha unidade derivada do SI de velocidade, tanto escalar como vectorial. Un obxecto que viaxa a unha velocidade media de 1 km/h desprázase 1 quilómetro nunha hora se a velocidade se mantén constante durante ese período. O símbolo utilizado para esta unidade é km/h, aínda que tamén se utiliza km·h−1.
O 28 de xuño, o arquiduque Francisco Fernando, herdeiro do Imperio austrohúngaro e súa dona Sofía Chotek foron asasinados na cidade de Saraxevo, capital da actual Bosnia e Hercegovina por Gavrilo Princip, membro da Bosnia Moza, grupo terrorista que loitaba pola unificación da Terra dos Eslavos do Sur (Iugoslavia). Tal evento serviu como pretexto para o comezo da primeira guerra mundial.
O Somorrostro foi un barrio de barracas da cidade de Barcelona, situado entre os actuais distritos de Sant Martí e Ciutat Vella durante o século XX. As barracas atopábanse na praia, entre o hospital de infecciosos (actual Hospital del Mar, na periferia da Barceloneta) e a desaparecida fábrica de gas Lebon do Poblenou. O barrio estendeuse ata a riera do Bogatell. Desapareceu en 1964 logo do traslado dos seus habitantes a vivendas da Obra Sindical del Hogar.
«Straatdeuntje» (en galego: «Melodía rueira») é unha canción composta por Harry Frekin e interpretada en neerlandés por Bobbejaan Schoepen. Lanzouse como sinxelo en 1994 mediante Bertelsmann Music Group. Foi elixida para representar a Bélxica no Festival de Eurovisión de 1957 tras gaña-la final nacional belga, De T.V. Maakt Muziek 1957.
Kongzi ou Kong Fuzi, latinizado como Confucio (en pinyin Kǒng Zǐ, 孔子 o Kǒng Fūzǐ, 孔夫子; en Wade-Giles K'ung-fu-tzu, literalmente "Mestre Kong", ) nado o 551 a.C en Qufu durante a Dinastía Chou e finado no mesmo lugar o 479 a.C., foi un pensador e filósofo chinés. As súas ensinanzas influíron fondamente na Asia oriental ata hoxe en día, e sobre elas formouse o confucianismo.Confucio considerábase un transmisor dos valores das épocas anteriores que, segundo el, foran abandonadas na súa época. As súas ensinanzas filosóficas, chamadas confucianismo, enfatizaban a moral persoal e gobernamental, a corrección das relacións sociais, a xustiza, a bondade e a sinceridade.
John Arthur Carradine, nado no barrio de Hollywood, nos Ánxeles (California), o 8 de decembro de 1936 e finado en Bangkok o 3 de xuño de 2009, foi un actor estadounidense, máis coñecido polo nome de David Carradine. Acadou sona polo seu traballo na serie de televisión dos anos 70 Kung Fu e máis recentemente coa película Kill Bill. Apareceu en máis de 100 filmes e foi nomeado catro veces a un Globo de Ouro.
A dos portunoideos (Portunoidea) é unha superfamilia de crustáceos decápodos brauiúros que agrupa once familias, das cales catro só albergan formas fósiles. As máis coñecidas son as dos xeriónidos (cangrexos de mar aberto), portúnidos (cangrexos nadadores) e tricodactílidos (cangrexos de auga doce).Foi creada en 1815 polo naturalista estadounidense Constantine Samuel Rafinesque (1783-1840).
En socioloxía, a estrutura social refírese á forma que adopta o sistema das relacións entre individuos dunha sociedade ou grupo. O concepto foi introducido na ciencia polo alemán Georg Simmel, a finais do século XIX e por Ferdinand Tönnies con 'comunidade íntima' e 'asociación impersoal', para explicar as relacións sistemáticas que vinculan a membros dunha determinada comunidade aínda que non se atopen en ningún momento en contacto directo, resultou un dos conceptos máis problemáticos da disciplina e o comportamento humano. A falta dun consenso acerca de en que medida as estruturas teñen unha existencia real, máis aló das accións dos individuos —o chamado problema da relación axencia-estrutura- e a posición dalgunhas correntes, especialmente de orixe empirista, que negan a posibilidade de concibir adecuadamente a estrutura social no seu conxunto, foron causa de numerosos debates.
O Club de Rugby Cisneros, tamén coñecido como Complutense Cisneros pola súa relación coa Universidade Complutense, é unha entidade deportiva de Madrid adicada ó rugby que compite na División de Honra. O equipo disputa os seus partidos como local no Estadio Nacional Complutense, popularmente chamado "O Central", que comparte co seu máximo rival, o CD Arquitectura, e coa selección española.
Alfred Molina, nado o 24 de maio de 1953 en Paddington, Londres, é un actor inglés. Coñecido polos seus papeis nos filmes Na busca da arca perdida, Prick Up Your Ears, The Man Who Knew Too Little, Spider-Man 2, Maverick, Species. Especies asasinas, Not Without My Daughter, Chocolat, Frida, Steamboy, The Hoax, Prince of Persia: The Sands of Time, The Da Vinci Code, A Panther in the Basement, An Education e The Sorcerer's Apprentice.
A milgranda, tamén chamada granada, é o froito en balaustia da árbore Punica granatum, chamada milgrandeira (ou tamén milgranda, nome que se lle pode dar ao froito e á árbore). O froito está normalmente maduro no hemisferio norte de setembro a febreiro e no sur de marzo a maio.Estes froitos, utilizados como sarcotestas completas (os graniños vermellos do interior) ou como zume, utilízanse en bolaría, cociña, mesturas de zumes, gornicións de comidas, batidos de froitas e bebidas alcohólicas, como cócteles e viño. As milgrandas orixináronse na zona de Irán e plantáronse por todo o mundo.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Lei da Moeda de 1792 (Estados Unidos)
Para outras leis acerca da cuñaxe e a emisión de moeda, véxase a páxina de homónimos Lei da MoedaA Lei da Moeda de 1792 dos Estados Unidos de América (en inglés: Coinage Act of 1792), tamén coñecida como Lei da Casa da Moeda (Mint Act), é unha lei aprobada polo Congreso dos Estados Unidos e asinada polo presidente George Washington o 2 de abril de 1792, mediante a que se establece o dólar como unidade monetaria de curso legal no país, se regula o seu sistema monetario de carácter decimal e se crea a Casa da Moeda dos Estados Unidos, con sede en Filadelfia. A lei vinculou o dólar estadounidense ao valor do real de oito de prata español, que era amplamente utilizado.
Un estranxeirismo é aquela palabra que existe nun idioma e que procede doutro. segundo o grao de adaptación do lexema dentro da lingua de destino, adoitan dividirse en préstamos e calcos. Esta adaptación á lingua final pode facerse mediante unha modificación da estrutura fonética, escrita ou mesmo semántica.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
As chinches das camas ou simplemente chinches ou tamén chinchas ou percebellas son insectos parasitos da familia dos cimícidos (Cimicidae), que se alimentan exclusivamente de sangue. Cimex lectularius é a chinche das camas común e a especie máis coñecida que prefire alimentarse de sangue humano. Outras especies de Cimex especializáronse en alimentarse doutros animais, por exemplo, as chinches dos morcegos, como Cimex pipistrelli (de Europa), Cimex pilosellus (de Norteamérica) e Cimex adjunctus (de Norteamérica), ou as chinches das aves.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2.041.603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o que supón o 38,5% do total de migrantes españois (5.311.906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval, e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Un programador ou programadora é unha persoa que se dedica á programación ou que escribe un código ou programa, xeralmente enténdese no campo da informática e dos ordenadores. Ada Lovelace considérase a primeira persoa que empregou un algoritmo co propósito de ser introducido nunha computadora en outubro de 1842 e, polo tanto, a primeira programadora da historia.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
Jamila Abdallah Taha al-Shanti
Jamila Abdallah Taha al-Shanti (árabe: جميلة الشنطي), nada en 1955 e finada o 19 de outubro de 2023, foi unha profesora e política palestina, membro de organización islamita Hamás e do Consello Lexislativo Palestino. Morreu nun asalto israelí en Gaza durante a guerra entre Israel e Hamas de 2023.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
Brassica rapa é unha especie de plantas da familia das brasicáceas que se pode presentar en varias subespecies e variedades cultivadas moi comúns, como o nabo (nabizas, grelos); komatsuna, bomdong, bok choy e outras coles chinesas, etc. Brassica rapa subsp. oleifera é unha subespecie de sementes oleíferas.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.