Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Àlex Soler-Roig, nado en Barcelona o 29 de outubro de 1931, é un ex piloto de carreiras catalán. Participou en 10 Grandes Premios do Campionato Mundial de Fórmula Un, debutando o 19 de abril de 1970 e non logrou ningún punto no campionato. Tamén participou en varias carreiras fóra de Campionato de Fórmula Un.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
A 89.ª entrega dos premios Óscar tivo lugar o día 26 de febreiro de 2017 no Dolby Theatre dos Ánxeles (Estados Unidos). Durante a cerimonia, AMPAS presentou os Premios Óscar en 24 categorías. A cerimonia, televisada nos Estados Unidos pola ABC, foi producida por Michael De Luca e Jennifer Todd e dirixida por Glenn Weiss.
"Good Vibrations" é unha canción da banda estadounidense de rock The Beach Boys que foi composta por Brian Wilson con letras de Mike Love. Foi editado como sinxelo o 10 de outubro de 1966 e foi inmediatamente un éxito de crítica e de vendas, chegando ao número 1 das listas de varios países, incluídos Estados Unidos e Reino Unido. Caracterizada polas súas complexas paisaxes sonoras, estrutura episódica e subversións da fórmula da música pop, foi o sinxelo máis caro xamais gravado.
Plastic Beach é o terceiro álbum de estudio da banda virtual británica Gorillaz, editado o 3 de marzo do 2010 a través dos selos Parlophone e Virgin Records. Concibido dende un proxecto inacabado de Gorillaz chamado Carousel, o álbum foi gravado dende xuño do 2008 ata novembro do 2009 e foi producido principalmente por Damon Albarn. Nel aparecen varios artistas convidados, como Snoop Dogg, Gruff Rhys, De La Soul, Bobby Womack, Mos Def, Lou Reed, Mick Jones, Mark E. Smith, Paul Simonon, Bashy, Kano, Little Dragon e Hypnotic Brass Ensemble.
O Club Balonmano Huesca é un equipo de balonmán da cidade de Huesca (Aragón), fundado en 1995. A súa primeira participación nunha categoría estatal tivo lugar na tempada 1997-98, cando o equipo debutou na Primeira División Nacional. O BM Huesca conseguiu o ascenso nos despachos para a tempada 2004-05 logo de disputar sen éxito tres veces a fase de ascenso á División de Honra B, onde tras xogar seis tempadas con resultados dispares (estando mesmo ao límite do descenso) conseguiu o ascenso á Liga ASOBAL no 2011 por primeira vez na súa historia.
O espazo exterior ou espazo baleiro, tamén simplemente chamado espazo, refírese ás rexións relativamente baleiras do universo fóra das atmosferas dos corpos celestes. Úsase espazo exterior para distinguilo do espazo aéreo (e as zonas terrestres). O espazo exterior non está completamente baleiro de materia (é dicir, non é un baleiro perfecto) senón que contén unha baixa densidade de partículas, predominantemente gas hidróxeno, así como radiación electromagnética.
Brandeburgo ou Brandemburgo (en alemán Brandenburg, en sorabo Braniborska e en baixo saxón Brannenborg) é un dos 16 Estados federados (Bundesländer) de Alemaña. O estado atópase no leste do país e foi un dos 6 novos bundesländer creados en 1990 coa absorción da República Democrática Alemá por parte da Alemaña Federal. Brandeburgo, arrodea a capital do país Berlín, mais non a inclúe.
Defense of the Ancients (DotA) é un mod dentro do xénero multiplayer online battle arena para o videoxogo de estratexia Warcraft III: Reign of Chaos e a súa expansión Warcraft III: The Frozen Throne, baseado no mapa "Aeon of Strife" de StarCraft. O obxectivo do xogo é que cada equipo destrúa un edificio central da base do inimigo, fortemente protexidas e situada cada unha delas en esquinas opostas do mapa. Cada xogador controla unha unidade ou "heroe", formando equipo con outros xogadores así como con outras unidades controladas pola IA. Ao igual que nos xogos de rol, os xogadores poden subir de nivel ós seus heroes e usan ouro que van conseguindo durante a partida para mercar e mellorar o seu equipamento.O escenario do xogo desenvolveuse empregando o editor de mapas do Warcraft III, recibindo unha actualización trala publicación da expansión The Frozen Throne.
En etoloxía denomínase agasallo nupcial, galano nupcial, obsequio nupcial, presente nupcial, ou regalo nupcial, ao comportamento animal adoptado por un macho que presenta alimentos ou substancias nutritivas á femia mentres a cortexa, se aparea con ela ou incluso despois de copular. Este comportamento forma parte dos ritos nupciais da selección sexual.
Alcatel-Lucent é unha empresa francesa xurdida da fusión da francesa Alcatel e da norteamericana Lucent. A empresa adícase á fabricación de equipamento de telecomunicacións e ao deseño, instalación e mantemento de infraestruturas de telecomunicacións. É unha das principais empresas do sector no mundo xunto a Huawei, Ericsson e Cisco.
Unha institución, termo derivado etimoloxicamente do latín institutio ("educación"), é un establecemento ou organismo que realiza un labor social de tipo educativo e cultural, como os institutos de ensino ou investigación, ou ben os museos. Palabras como instrución, instrutor ou institutriz pertencen ao campo semántico de institución. Así mesmo, a palabra institución fai referencia ao mecanismo de orde social e cooperación que procura gobernar o comportamento dun grupo de individuos, xa sexa reducido ou unha sociedade completa.
Un festival de cinema é unha presentación organizada e estendida de filmes nun ou máis cinemas ou locais de visionado, normalmente nunha soa cidade ou rexión. Tamén son adoitos os festivais de cinema que exhiben filmes no exterior.Os máis prestixiosos festivais de cinema do mundo, coñecidos como os "Tres Grandes", son o Cannes, Venecia e Berlín.
James Bond (tamén coñecido como 007) é un personaxe ficticio creado polo novelista inglés Ian Fleming en 1952, ano no que foi publicada a súa primeira novela, Casino Royale, onde o autor se refire a Bond coma un axente secreto.[Cómpre referencia]Bond protagoniza as súas propias aventuras, que posúen un aspecto común: o seu traballo como espía internacional e as aventuras que se desenvolven con cada misión. A súa profesión outórgalle a denominación de axente encuberto, afiliado ao Servizo Secreto de Intelixencia británico -coñecido actualmente como MI6-. Aínda que nun primeiro momento se fixo famoso a través das novelas, agora é máis coñecido pola serie de películas creadas pola produtora EON, e aínda que se produciron dúas películas independentes e unha adaptación estadounidense da primeira novela de Fleming baixo licenza legal, só as películas de EON son polo xeral consideradas "oficiais" dentro da franquía do personaxe.
Palau del Parlament de Catalunya
O Palau del Parlament de Catalunya é un edificio situado no Parc de la Ciutadella de Barcelona, sede do Parlament de Catalunya dende 1932. Obra de Joris Prosper Van Verboom, foi construído no século XVIII como arsenal da Cidadela militar de Barcelona. En 1889 foi reformado como pazo real polo Concello de Barcelona e en 1932 este cedeuno para que se convertera na sede parlamentaria de Cataluña.
O Campionato de Wimbledon é o máis antigo e prestixioso evento deportivo de tenis. Lévase a cabo en xuño e xullo e é o terceiro torneo de Grand Slam que se xoga no ano, precedido polo Aberto de Australia e o Aberto de Francia, e seguido polo Aberto dos Estados Unidos. O torneo, (o único dos Grand Slam que se xoga en cancha de céspede) dura dúas semanas, aínda que pode estenderse en caso de choiva.
Hamás (en árabe حماس, fervor, e acrónimo de Harakat al-Muqáwama al-Islamiya, حركة المقاومة الإسلامية Movemento de Resistencia Islámica) é unha organización político-relixiosa palestina que pretende a destrución de Israel e a creación dun estado islámico en Palestina. Hamás fundouna Ahmed Yassin o 14 de decembro de 1987 na franxa de Gaza, coincidindo co levantamento popular, ou intifada, contra a ocupación israelí. Ten relacións estreitas cos Irmáns Musulmáns exipcios.
O Windows 2000 (coñecido tamén como Windows NT 5.0) foi un sistema operativo de Microsoft dirixido a empresas na mesma liña que Windows NT, saíu ao mercado o 17 de febreiro de 2000, en catro versións: Professional, Server, Advanced Server e Datacenter Server. No ano 2001 apareceu Windows 2000 Advanced Server- Limited Edition que podía correr en microprocesadores Intel Itanium de 64 bit.
Gonets (significando "mensaxeiro") ou Gonets-D1 é un sistema de satélites de comunicacións civís rusos do tipo almacenar e reenviar, polo que o satélite recolle información desde un punto da súa órbita e a envía a outro sitio do planeta ao pasar sobre el. O sistema Gonets é a versión civil do sistema militar Strela 3. O sistema estaría formado por 12 satélites, cada un de 250 kg de masa, 10 W de potencia de transmisión e 2 ou 3 canais de transmisión nas frecuencias de 200 a 400 MHz.
Galeuzca (contracción dos topónimos Galicia, Euskadi e Cataluña) é o nome co que foron designados varios pactos entre partidos e políticos nacionalistas de Cataluña, o País Vasco e Galicia dende 1923 ata a actualidade. O nome Galeuzca empregouno por vez primeira Josep Conangla i Fontanilles o 31 de agosto de 1924 nunha conferencia no Centro Catalán da Habana titulada Catalunya. Passat, present i futur.
Arte dei Maestri di Pietra e Legname
Arte dei Maestri di Pietra e del Legname (en galego, Gremio dos Mestres da pedra e da madeira), foi un dos gremios menores dos gremios de artes e oficios de Florencia .
Westworld é un filme estadounidense de ciencia ficción escrito e dirixido por Michael Crichton, o cal se estreou en 1973. O filme tivo unha secuela, Mundo futuro (estreada en galego o 21 de setembro de 1995 a través da TVG) e unha miniserie de televisión Beyond Westworld. En 2016, HBO estreou unha serie de televisión homónima baseada na trama do filme orixinal.
O termo bar pódese referir a: Bar, local onde se serven bebidas; Bar, unidade de presión.Amais, como topónimo pode referirse a: Bar, lugar da parroquia de Branzá, no concello de Arzúa; Bar, comuna francesa do departamento de Corrèze; Bar-le-Duc, comuna francesa do departamento de Meuse; Bar-lès-Buzancy, comuna francesa do departamento de Ardennes; Bar-sur-Seine, comuna francesa do departamento de Aube; Bar, cidade de Montenegro; Bar, cidade de Ucraína; Río Bar, río de Francia.
A prefectura de Okinawa (en xaponés: 沖縄県, おきなわけん; okinawano: Uchinā) é a prefectura localizada máis ao sur do Xapón. Consta de 169 illas que forman o arquipélago Ryukyu, nunha cadea de illas de 1000 km de lonxitude, que se estende de suroeste, de Kyūshū ata Taiwán, aínda que as illas máis ao norte fagan parte da prefectura de Kagoshima. A capital de Okinawa, Naha, está localizada na parte meridional da maior e máis poboada illa do arquipélago: Okinawa Honto.
A batalla de Legnano tivo lugar o 29 de maio de 1176, nos arredores da cidade de Legnano, na actual provincia de Milán, rexión histórica da Lombardía, Italia. Tivo unha repercusión crucial na guerra que mantiña o Sacro Imperio Romano Xermánico, dirixido por Frederico Barbarroxa, contra as comunas do norte de Italia, que depuxeran as súas rivalidades para unirse na Liga lombarda baixo a dirección do Papa Alexandre III. Este enfrontamento non era propiamente unha guerra entre Alemaña e Italia, posto que non existían como tales nacións e había alemáns e italianos interesados na vitoria de cada uns dos bandos. Máis ben debe entenderse como parte do prolongado conflito interno entre güelfos e xibelinos, e do aínda máis antigo existente entre os dous poderes universais: Pontificado e Imperio.
Mark Richard Hamill, nado en Oakland, California o 25 de setembro de 1951, máis coñecido como Mark Hamill, é un actor de cine, teatro e televisión, actor de voz, director e escritor estadounidense, principalmente recoñecido por interpretar a Luke Skywalker na serie de películas de A guerra das galaxias.
Jean-François Champollion, coñecido como Champollion o mozo, nado en Figeac (departamento de Lot) o 23 de decembro de 1790 e finado en París o 4 de marzo de 1832, foi un exiptólogo francés, considerado o pai da exiptoloxía por conseguir descifrar os xeroglíficos. Dicía de si mesmo: «Son adicto a Exipto, Exipto éo todo para min».
Afluenza, affluenza, como préstamo do inglés, é un neoloxismo conformado polas palabras afluencia e influenza, usado polos críticos do capitalismo e do consumismo, principalmente polos de fala inglesa, que acuñaron o termo por vez primeira. Dúas fontes defínena do seguinte xeito: affluenza, condición dolorosa, contaxiosa, socialmente transmitida, de sobrecarga, débeda, ansiedade e vacuidade resultante da obstinada persecución de máis.affluenza, 1. Sentimento pesado e lento de insatisfacción como resultado dos esforzos de manterse ó ritmo da clase social e bens materiais dos veciños.
En demonoloxía, Amdusias (tamén Amduscias, Amdukias ou Ambduscias) é un demo que posúe trinta lexións baixo o seu mando (29 segundo outros autores) e ten o título de Gran Duque. É representado coma un humano con garras en lugar de mans e pés, a cabeza dun unicornio e unha trompeta para simbolizar a súa poderosa voz. De acordo con outras fontes, este demo é representado coma un unicornio que cambia a un home baixo a petición do conxurador.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
As chinches das camas ou simplemente chinches ou tamén chinchas ou percebellas son insectos parasitos da familia dos cimícidos (Cimicidae), que se alimentan exclusivamente de sangue. Cimex lectularius é a chinche das camas común e a especie máis coñecida que prefire alimentarse de sangue humano. Outras especies de Cimex especializáronse en alimentarse doutros animais, por exemplo, as chinches dos morcegos, como Cimex pipistrelli (de Europa), Cimex pilosellus (de Norteamérica) e Cimex adjunctus (de Norteamérica), ou as chinches das aves.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2.041.603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o que supón o 38,5% do total de migrantes españois (5.311.906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O xénero Selenomonas constitúe un grupo de bacterias móbiles con forma de lúa crecente entre o que se inclúen especies que viven no tracto gastrointestinal de animais, en especial de ruminantes. Os membros do xénero Selenomonas denomínanse tamén comunmente selenomónadas. Varias formas de tamaño pequeno que foran descubertas co microscopio óptico poden agora cultivarse, pero moitas outras, especialmente as de tamaño grande, non, debido aos seus requirimentos de crecemento esixentes e incompletamente coñecidos.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 199.539.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
La Mesías é unha serie de televisión española de suspense e drama creada, escrita e dirixida por Javier Ambrossi e Javier Calvo para Movistar Plus+. Está protagonizada por un amplo elenco liderado por Macarena García, Roger Casamajor, Lola Dueñas, Ana Rujas, Carmen Machi, Albert Pla, Amaia, Cecilia Roth, Nora Navas, Rossy de Palma, Aixa Villagrán e Gracia Olayo, entre outros. Tivo a súa estrea mundial no Festival Internacional de Cine de Donostia o 28 de setembro de 2023, e logo estreouse para o público en Movistar Plus+ o 11 de outubro de 2023.
A fotografía é a técnica e arte de gravar imaxes fixas e duradeiras sobre unha superficie de material sensible á luz baseándose no principio da cámara escura. Na cámara escura conséguese proxectar unha imaxe captada por unha lente ou un conxunto de lentes sobre unha superficie, de tal forma que o tamaño da imaxe queda reducido e aumenta a súa nitidez. Para almacenar esta imaxe as cámaras fotográficas utilizaban ata hai algúns anos exclusivamente as películas sensibles, mentres que na actualidade empréganse tamén sensores dixitais.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval, e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
A primeira guerra mundial foi o segundo maior conflito bélico do século XX. Durou do 1914 ó 1918 e puxo os primeiros cravos no ataúde da hexemonía de Europa no mundo. Durante catro anos, millóns de persoas morreron nun conflito que destacou pola súa dureza, polas longas e inamovibles trincheiras e polo uso de gas mostaza para acabar coa resistencia do inimigo. Enfrontou inicialmente a Francia, Reino Unido e mais Rusia (os aliados) contra Alemaña (gobernada por Guillerme II de Alemaña), Austria-Hungría, Bulgaria e mais Turquía (as Potencias Centrais).
O éuscaro ou vasco (euskara en éuscaro) é a lingua tradicional do pobo vasco. Na actualidade fálase no territorio coñecido como Euskal Herria. Comprende Euskadi e o norte de Navarra (que conforman Hegoalde) e as rexións de Baixa Navarra/Nafarroa Beherea, Lapurdi e Zuberoa, no departamento francés de Pireneos Atlánticos (o que é coñecido como Iparralde.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 244.700 habitantes (INE 2022), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
O corno é un filme galego de 2023 dirixido e escrito por Jaione Camborda e protagonizado por Janet Novás, Siobhan Fernandes e Carla Rivas. Foi rodado en lingua galega. Estreouse no Festival Internacional de Cinema de Toronto de 2023 antes de presentarse á 71ª edición do Festival Internacional de Cine de Donostia, onde se converteu no primeiro filme en galego en competir na sección oficial.O 30 de setembro de 2023 converteuse tamén no primeiro filme en galego en gañar a Cuncha de Ouro á mellor película no Festival de Donostia.