Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Narendra Damodardas Modi, nado en Vadnagar o 17 de setembro de 1950, é un político indio, primeiro ministro desde o 26 de maio de 2014. Foi ministro-xefe do estado de Guxarat desde o ano 2001 ata 2014, membro do Partido do Pobo Indio (BJP). Membro da organización Rashtriya Swayamsevak Sangh (RSS), cualificado como un nacionalista hinduísta polos medios e por el mesmo.
Un parque nacional é, no marco lexislativo español, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente. Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente. O único parque nacional galego é o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O jazz é un estilo musical, nado entre 1890 e 1910 en Nova Orleáns. As súas raíces remontan á música dos negros e crioulos dos Estados Unidos desde as súas épocas como escravos que datan pouco antes de 1850. As influencias nomean o ragtime, as worksongs músicas cantadas polos negros ao traballaren e o blues, principalmente, non se sabe moi ben como era esta música anterior a 1910, o primeiro músico do que se ten noticia é Buddy Bolden, do que só se conservan unha foto e as opinións dos seus compañeiros, que falan dun virtuoso cun son potente e limpo.
Cronoloxía das invasións xermánicas en Hispania
Este artigo presenta unha cronoloxía das invasións xermánicas do século V na Hispania (a actual península Ibérica), e os principais acontecementos relacionados con ela.
The Monochrome Set é unha banda inglesa de post-punk formada en 1978. O grupo está liderado polo cantante de orixe india Bid (pseudónimo de Ganesh Seshadri), apoiado polo guitarrista Lester Square e baixista Andy Warren. A banda destaca polas súas letras espirituosas, a entrega do seu lacónico vocalista, e o estilo do seu guitarrista orixinal Lester Square.
En matemáticas, o semieixe ou semieixo maior (tamén chamado semieixo maior ou eixo semimaior) dunha elipse é a metade do diámetro máis longo; o seu símbolo é a. En astronomía, é a distancia media dun obxecto que orbita ao redor doutro. O semieixe maior é unha das características máis importantes dunha órbita, xunto co seu período orbital.
PDF (Portable Document Format, Formato de Documento Portábel) é un formato de ficheiro aberto creado por Adobe para crear documentos impresos como se se tratase dunha imaxe electrónica que o usuario pode observala no PC, imprimila etc empregando un programa lector apropiado. O fundamental deste formato é que o aspecto dos documentos é independente do dispositivo electrónico no que se visualice. O lector máis coñecido é o Adobe Reader.
Sixeberto III, nado cara o 630 e finado en 660, foi rei de Austrasia, fillo primoxénito de Dagoberto I. Para satisfacer as esixencias de autonomía da aristocracia local, o seu pai cédelle no ano 632 o reino de Austrasia e instálase en Metz no ano 634, pero segue estando baixo a tutela do rei franco ata a morte de Dagoberto no ano 639. Nese ano, Sixeberto recibe como herdanza Austrasia, aínda que agora liberada de toda dependencia de Neustria. Intenta inutilmente someter a Radulfo, duque de Turinxia, que o vence no ano 640.
O voo 245 de Air India era un servizo regular de pasaxeiros que se esnafrou no Mont Blanc, Francia, o día 3 de novembro de 1950. Na mañá dese día o Lockheed L-749A Constellation Malabar Princess, con rexistro VT-CQP, pilotado polo piloto xefe Alan R. Saint, británico de 34 anos, e o copiloto V. Y. Korgaokar chocou contra o Mont Blanc. No avión, que realizaba unha ruta entre Bombai e Londres, con escalas en Istambul e Xenebra, ían 40 pasaxeiros e 8 tripulantes.
TVT Records é un selo discográfico independente fundado por Steve Gottlieb. Entre os grupos que promocionaron estivo Nine Inch Nails, Ja Rule, Lil Jon, Underworld, The KLF, Sevendust, Brian Jonestown Massacre e Pitbull. Os seus maiores éxitos comerciais foron o triplo platino de Nine Inch Nails Pretty Hate Machine, dúas edicións de platino de Lil Jon, e os tamén lanzamentos de platino de Snoop Dogg and the Eastside Boyz, Dashboard Confessional, Default e Ying Yang Twins.
Unha escola filosófica é unha maneira de pensar ou de proceder en relación á filosofía. As escolas filosóficas moitas veces xorden a partir das ensinanzas dun mestre e en oposición a unha escola rival. Outros nomes para aproximadamente a mesma idea son: escola de pensamento, corrente de pensamento, corrente filosófica, doutrina filosófica e movemento filosófico.
O Autódromo Slovakia Ring ou Slovakia Ring (en eslovaco: Automotodróm Slovakia Ring) é un autódromo situado en Orechová Potôň, no Distrito de Dunajská Streda en Eslovaquia, a uns 30 km do Aeroporto de Bratislava. Construíuse entre os anos 2008 e 2009 e o trazado principal ten unha lonxitude de 5,922 quilómetros.
O dalton (símbolo Da) ou unidade de masa atómica (símbolo u) é unha unidade de masa empregada en física e química, especialmente na medida de masas atómicas e moleculares. Equivale á doceava (1/12) parte da masa dun átomo de carbono-12. No Sistema Internacional de Magnitudes (ISO 80000-1), dáse como único nome o de dalton e desaconséllase o de unidade de masa atómica unificada.
O Sistema Central é unha cordilleira situada no centro da Península Ibérica que ten unha orientación oeste-leste na súa metade oeste, e orientación suroeste-nordés na súa metade este. Ten unha lonxitude aproximada de 600 km e vai desde o centro de Portugal ao Sistema Ibérico, situado no centro-nordés de España. Constitúe a separación natural entre Castela e León, ao norte, e Castela-A Mancha, Comunidade de Madrid e Estremadura, ao sur.
VRML (Virtual Reality Modeling Language) é unha linguaxe para o desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual, deseñado para o seu emprego na World Wide Web. VRML é un formato de ficheiro de texto no que se especifican os vértices e as arestas de cada polígono tridimensional. VRML é a base sobre a que se desenvolveu X3D, que a substituíu, o que non provocou a desaparición de VRML, que aínda é amplamente usada.
Liesel Anne Pritzker nada o 14 de marzo de 1984 en Chicago, Illinois, é unha actriz estadounidense e herdeira da fortuna de Hyatt Hotels. Emprega o nome artístico de Liesel Matthews e é recoñecida por interpretar o papel de Sara Crewe en A princesiña, unha adaptación cinematográfica de 1995 do clásico de Frances Hodgson Burnett, e fixo da filla do presidente dos Estados Unidos no filme Air Force One.
Yawar Mallku (en quechua: "Sangue de cóndor") é un filme boliviano de 1969 dirixido e coescrito por Jorge Sanjinés. Conta a historia dunha comunidade indíxena de Bolivia que recibe atención médica da axencia estadounidense Cuerpo del Progreso (do estilo do Corpo de Paz) que está secretamente esterilizando as mulleres locais. A historia, que está baseada en feitos reais sufridos pola comunidade do director, provocou unha indignación no público que conduciu a unha investigación gobernamental sobre as accións do Corpo de Paz en Bolivia, que rematou coa expulsión da axencia do país.
Sistema Internacional de Unidades
O Sistema Internacional de unidades (en inglés: International System of Units e en francés: Le Système international d'unités), abreviado como SI ou SIU, é o nome adoptado pola XI Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (celebrada en París en 1960) para un sistema de unidades de medida universal, unificado e coherente, baseado no sistema MKS (metro-quilogramo-segundo). Na conferencia de 1960 definíronse os patróns para seis unidades básicas ou fundamentais e dúas unidades suplementarias (radián e estereorradián); en 1971 engadiuse unha sétima unidade fundamental, o mol. As dúas unidades suplementarias suprimíronse como clase independente dentro do Sistema Internacional na XX Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (1995); estas dúas unidades quedaron incorporadas ó SI como unidades derivadas sen dimensións.
Os cree forman un grupo nativo norteamericano de máis de 200.000 individuos, o que o converte nun dos maiores grupos do Canadá. Viven no Quebec, Ontario, Manitoba, Saskatchewan e Alberta. A maioría dos cree eran indios dos bosques orientais, mentres que os que viven en Saskatchewan e o sur de Alberta, eran indios das pradeiras.
Renfe AV City é un servizo diúrno de transporte de pasaxeiros por alta velocidade prestados polo operador ferroviario español Renfe desde 2014. O seu obxectivo é a comercialización de servizos similares aos que ofrece o AVE cun custo reducido.Caracterízase por utilizar trens das series S-104, S-114 e S-121 (usados habitualmente para Avant) e carecer de clase Preferente, así como doutros servizos complementarios que si se ofrecen nos percorridos de AVE convencionais. A súa velocidade punta é de 250 km/h.
Dilwale Dulhania Le Jayenge é un filme musical indio de 1995 dirixido por Aditya Chopra. Foi o primeiro filme dirixido por Chopra, e foi producido polo seu pai Yash Chopra, e escrito por Javed Siddiqui xunto con Aditya Chopra. Estreouse o 20 de outubro de 1995, e está protagonizado por Shah Rukh Khan e Kajol.
O Premio ao Xogador Máis Deportivo da NBA (NBA Sportsmanship Award ou Joe Dumars Trophy, por ser o primeiro gañador) é nomeado cada ano pola NBA dende 1996 ao jugador máis deportivo, de mellor conduta e máis honrado na pista. Este premio é comparábel ao Trofeo Lady Byng da NHL. Cada ano, os 30 equipos da NBA nominan a un dos seus xogadores para competir polo galardón. Deses 30, 6 xogadores, un por división, son seleccionados por un grupo coma os Xogadores Máis Deportivos da división.
Un dicionario é un lista de termos ou palabras coas súas definicións. Tamén se consideran dicionarios as compilacións de caracteres, iconas, símbolos coa súa representación gráfica. Moitos dicionarios inclúen información adicional: pronuncia, etimoloxía, exemplos de uso, ilustracións e a maior parte dos dicionarios están en formato libro.
Os New York Yankees son un equipo profesional estadounidense de béisbol con sede no barrio do Bronx, Nova York. O club compite na Major League Baseball (MLB) como membro da Divisón Leste da American League (AL). Os Yankees son un dos dous equipos ddas ligas maiores que posúe a cidade de Nova York, sendo o outro os New York Mets.
Yonago (米子市, よなごし, Yonago-shi) é un concello da prefectura de Tottori no Xapón. Está situado ao oeste da prefectura, na zona da provincia histórica de Hōki e no centro da rexión de San'in, na parte noroeste da rexión de Chuugoku, na illa de Honshū. Ten 132,21 km² de superficie e unha poboación de 148.408 habitantes (2009) e unha densidade de poboación de 1.120 h/km².
O río Potomac flúe ata a Baía de Chesapeake, e atópase na costa Atlántica dos Estados Unidos. O río mide aproximadamente 665 km., cunha zona de influencia de preto duns 38.000 km². O Potomac é o 4º río da costa Atlántica estadounidense en termos de área irrigada, e ocupa o posto 21 na clasificación do país.
AlloCiné é unha organización de servizo que achega información do cine francés, especialmente centrando na promoción das novidades en DVD, Blu-ray e información de VOD. A empresa foi fundada como comunicador telefónico, e posteriormente deveu nun portal de Internet, o cal ofrece información por acceso rápido e cobre todos os filmes que foron distribuídos en Francia. No 2005, empezou a cubrir series televisivas. AlloCiné foi lanzado en 1993, antes de ser adquirido por Canal+ no 2000 e por Vivendi Universal no 2002.
Un tapete microbiano ou tapiz microbiano é unha lámina formada por moitas capas de microorganismos, principalmente bacterias e arqueas, que crece en determinados ambientes. Os tapetes microbianos crecen nas interfaces entre diferentes tipos de materiais, principalmente sobre superficies húmidas ou mergulladas, aínda que algúns poden sobrevivir en desertos. Colonizan ambientes con temperaturas entre –40 °C e 120 °C. Algúns atópanse vivindo como endosimbiontes en animais.
A Common Travel Area é unha zona libre de pasaporte que comprende as illas de Irlanda, Gran Bretaña, a Illa de Man e as Illas da Canle. As fronteiras internas están suxeitas ós mínimos ou a ningún control fronteirizo e poden ser cruzadas con normalidade por calquera cidadán inglés ou irlandés con só o documento de identidade. O mantemento da área involve unha considerable cooperación en canto a materia de inmigración por parte de ambos gobernos inglés e irlandés.
O test de Bechdel, tamén coñecido como test de Bechdel/Wallace é un método para avaliar se un guión de película, serie, cómic ou outra representación artística cumpre cos estándares mínimos para evitar a fenda de xénero. Orixinouse no cómic Dykes to Watch Out For, obra de Alison Bechdel de 1985. A invención do test atribúese a Liz Wallace, unha amiga da autora do cómic.
Un grupo ou tipo sanguíneo é unha forma de agrupar certas características do sangue que dependen dos antíxenos presentes na superficie dos glóbulos vermellos e no soro do sangue. As dúas clasificacións máis importantes para describir grupos sanguíneos en humanos son os antíxenos e o factor Rh. As transfusións de sangue entre grupos incompatibles poden provocar unha reacción inmunolóxica que pode desembocar en hemólise, anemia, insuficiencia renal, shock, ou morte.
As Illas Virxes Británicas (IVB) oficialmente simplemente as Illas Virxes son un Territorio Británico de Ultramar do Reino Unido no Caribe, que corresponde á metade oriental das Illas Virxes (as maiores son Tórtola, Virgin Gorda e Anegada). Ten fronteira marítima ao oeste coas Illas Virxes Americanas. Ao leste a Pasaxe Anegada sepáraas doutro territorio británico, Anguila.
Unha lingua materna, tamén chamada lingua nativa ou primeira lingua, é a primeira lingua que aprende unha persoa dende o seu nacemento e que xeralmente corresponde ó grupo étnico-lingüístico co que o individuo se identifica culturalmente. En certos casos, cando a persoa é educada por pais (ou outras persoas) que falan linguas diferentes, é posíbel adquirir o dominio de dúas linguas ó mesmo tempo, cada unha delas podendo ser considerada lingua materna, creándose entón unha situación de bilingüismo.A expresión lingua materna provén do costume pola que as nais eran as únicas que educaban os nenos na primeira infancia, facendo que a lingua da nai sexa a primeira en ser asimilada polo neno, condicionando o seu aparello fonador ó sistema lingüístico. A adquisición da lingua materna ocorre en varias fases.
O metal progresivo é un xénero musical que fusiona o heavy metal e o rock progresivo, xurdido a finais da década dos 80 con grupos como Watchtower, Queensrÿche ou Fates Warning. Queensrÿche foi o primeiro grupo en situar o metal progresivo no panorama musical mundial grazas a popularidade da canción "Silent Lucidity", pero foi Dream Theater a banda que revolucionou o xénero en 1992 coa publicación de Images and Words. Desde entón xurdiron moitas fusións entre o metal progresivo e outros subxéneros do heavy metal, como o death metal progresivo (grazas a Opeth, Death ou Cynic), o black metal progresivo (con grupos como Enslaved), o thrash metal progresivo (cuxo máximo expoñente foi Voivod, ademais dos mencionados Watchtower) ou o power metal progresivo (Symphony X ou Kamelot).
Hideo Kojima (en xaponés 小島秀夫), nado en Setagaya (Toquio) o 24 de agosto de 1963, é un popular deseñador de videoxogos que en 2009 traballaba na compañía xaponesa Konami. Inicialmente foi o vicepresidente de Konami Computer Entertainmet Japan, exercendo máis tarde o cargo de creador de videoxogos Kojima Productions, cun novo equipo dedicado ao desenvolvemento de videoxogos creativos deixando de lado as decisións económicas e administrativas. Hideo Kojima é o creador e director de varios videoxogos exitosos, incluíndo as series Metal Gear, Snatcher e Policenauts.
O termo pé, en anatomía e zooloxía pode referirse a: En anatomía (humana e animal), o pé é a parte final da perna, que serve de plataforma de sustentación do corpo, e para camiñar. Por analoxía, en bioloxía o termo pé aplícase a diferentes tipos de estruturas soporte de varios seres vivos, especialmente ao: pé dos moluscos; pé dos cogomelos. Así mesmo, por extensión, os termos pé ou pata aplícanse ás estruturas que soportan outras en diversos mobles e outros obxectos (mesas, camas, armarios, hórreos etc.).
Robert Charlton, coñecido como Bobby Charlton, nado o 11 de outubro de 1937 en Ashington (Northumberland) e finado o 21 de outubro de 2023, foi un futbolista inglés, que xogaba como centrocampista. Foi galardoado co Balón de Ouro en 1966, o mesmo ano que foi campión do mundo coa selección inglesa. Era coñecido pola súa chegada ao remate dende o mediocampo e os seus brillantes disparos dende lonxe.
Hamás (en árabe حماس, fervor, e acrónimo de Harakat al-Muqáwama al-Islamiya, حركة المقاومة الإسلامية Movemento de Resistencia Islámica) é unha organización político-relixiosa palestina que pretende a destrución de Israel e a creación dun estado islámico en Palestina. Hamás fundouna Ahmed Yassin o 14 de decembro de 1987 na franxa de Gaza, coincidindo co levantamento popular, ou intifada, contra a ocupación israelí. Ten relacións estreitas cos Irmáns Musulmáns exipcios.
Un dramaturgo é un autor de obras teatrais. Os dramaturgos máis antigos dos que sobreviven obras son gregos do século V a.C., entre os que destacan Esquilo, Sófocles, Eurípides e Aristófanes. O termo dramaturgo resérvase ás veces para o autor de dramas, en contraposición cos autores de comedias ou farsas.
Miles Peter Kane, nado en Birkenhead o 17 de marzo de 1986, é un músico inglés, máis coñecido por ser membro principal de The Last Shadow Puppets e exmembro de The Rascals, antes de que a banda anunciara a súa en agosto de 2009.Ademais, comezou a súa carreira en solitario ó tempo que continúa como membro de The Last Shadow Puppets. O seu primeiro álbum en solitario, Colour of the Trap, foi lanzado o 9 de maio de 2011, e o seguinte, Don't Forget Who You Are, foi lanzado o 3 de xuño de 2013.
Vsevolod Iúrievich (en ruso: Все́волод Ю́рьевич e en ucraíno: Всеволод Юрійович), chamado Vsevolod III Vladimirski, Vsevolod (ou Vsévold) III, e máis coñecido como Vsévolov o Gran Niño (en ruso Все́волод III Ю́рьевич Большо́е Гнездо́), nado contra 1154 en Dmitrov e finado o 15 de abril de 1212, foi un príncipe da dinastía Ruríkida que gobernou a Rus de Kíiv en 1173 e o Principado de Vladímir (ou de Vladímir-Súzdal) entre 1177 e a súa morte. Durante o seu reinado o principado acadou o cumio do seu poder.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
A termoxenina (/ ʃ /), chamada polos seus descubridores proteína desacoplante e agora coñecida como proteína desacoplante 1 ou UCP1, é unha proteína transportadora mitocondrial que se atopa nas mitocondrias do tecido adiposo marrón (graxa marrón). Utilízase para xerar calor por termoxénese sen tremer polo frío, e fai unha contribución cuantitativamente importante para contrarrestar a perda de calor nos bebés, que se tende a producir neles debido á súa alta proporción área-volume.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Steven Paul Jobs, máis coñecido como Steve Jobs, nado o 24 de febreiro de 1955 e finado o 5 de outubro de 2011, foi un magnate e empresario informático estadounidense. Foi o cofundador, e presidente executivo de Apple Inc. Jobs tamén foi durante un tempo presidente executivo de Pixar Animation Studios; e fíxose membro do consello de directores de The Walt Disney Company en 2006, despois da adquisición de Pixar por parte de Disney.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2.041.603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o que supón o 38,5% do total de migrantes españois (5.311.906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
As chinches das camas ou simplemente chinches ou tamén chinchas ou percebellas son insectos parasitos da familia dos cimícidos (Cimicidae), que se alimentan exclusivamente de sangue. Cimex lectularius é a chinche das camas común e a especie máis coñecida que prefire alimentarse de sangue humano. Outras especies de Cimex especializáronse en alimentarse doutros animais, por exemplo, as chinches dos morcegos, como Cimex pipistrelli (de Europa), Cimex pilosellus (de Norteamérica) e Cimex adjunctus (de Norteamérica), ou as chinches das aves.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.