Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Aeroporto de Gotemburgo-Landvetter
O aeroporto de Gotemburgo–Landvetter (en sueco: Göteborg–Landvetter Flygplats) (IATA: GOT, OACI: ESGG) é un aeroporto internacional que serve a rexión de Gotemburgo en Suecia. Con 6,3 millóns de pasaxeiros en 2016 é o segundo aeroporto máis grande de Suecia (tras Estocolmo-Arlanda). Está xestionado por Swedavia.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo A
O Grupo A da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, estivo composto por catro equipos que se enfrontaron entre si nun total de seis encontros: a anfitrioa Rusia, xunto con Arabia Saudita, Exipto e Uruguai. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
O detective Conan (名探偵 コナン, Meitantei Conan) é unha serie de Gosho Aoyama que aínda non está rematada nin en manga nin en anime e que alcanzou un éxito notable dentro e fóra do Xapón. O anime está producido por TMS Entertainment e supera xa os 830 episodios. Ademais, conta con 20 películas e aínda se emite tódalas semanas no Xapón en Yomiuri TV. No Xapón, o manga aínda se publica semanalmente todos os mércores no Shonen Sunday, dende 1994 e supera xa a cantidade de 925 capítulos.
Tihama é unha chaira costeira da península de Arabia que se acha xunto ao mar Vermello e esténdese entre o golfo de Aqaba e o estreito de Bab el-Mandeb, seguindo a costa de Arabia Saudita e o Iemen. Máis a miúdo, recibe este nome entre a cidade árabe de Yeda e o sur do Iemen. Esta rexión, estreita e alongada, está formada por dunas e chairas áridas, con excepción dalgúns oasis.
O metro é a unidade fundamental de lonxitude, pertencente ó Sistema Internacional de Unidades. O seu símbolo é m. Definiuse inicialmente como a 10 000 000 parte do cuadrante do meridiano terrestre, mais actualmente, o metro defínese como a lonxitude do traxecto percorrido pola luz no baleiro durante un intervalo de tempo de 1/299 792 458 de segundo (Unidade de Base ratificada pola 17ª CXPM - 1983).
A Unión Africana (UA) é unha unión continental formada por 55 estados membros situados no continente africano. A UA foi anunciada na Declaración de Sirte en Sirte, Libia, o 9 de setembro de 1999, na que se pedía a creación da Unión Africana. O bloque fundouse o 26 de maio de 2001 en Adís Abeba (Etiopía), e púxose en marcha o 9 de xullo de 2002 en Durban (Suráfrica).
Denomínase biota de Jehol aos organismos que habitaron os ecosistemas do nordés da China, na provincia de Liaoning e arredores, hai 131-120 millóns de anos (Cretáceo inferior), e cuxos fósiles se atopan nas formacións de Dabeigou, Yixian e Jiufotang (grupo Jehol). Recuperáronse restos fósiles de máis de 60 especies de plantas, máis de mil de invertebrados e unhas 70 especies de vertebrados. O estudo desta fauna é importante, xa que proporciona un material fósil moi interesante para tentar dilucidar aspectos sobre a evolución de distintos taxóns (anfibios, aves, anxiospermas...), a orixe das plumas e do voo aviano, ou a coevolución de insectos polinizadores e as plantas con flores.O ambiente de Jehol no Cretáceo caracterizábase pola presenza dunha grande actividade tectónica, un vulcanismo intenso con erupcións frecuentes, un aumento da temperatura e cambios na paleoxeografía da zona.
Toy Story 4 é un filme estadounidense de 2019 producido por Pixar Animation Studios para Walt Disney Pictures. É o cuarto título da serie Toy Story, sendo a secuela de Toy Story 3 (2010). Foi dirixido por Josh Cooley (no seu debut como director) a partir dun guión de Andrew Stanton e Stephany Folsom; os tres concibiron a historia xunto con John Lasseter, Rashida Jones, Will McCormack, Valerie LaPointe e Martin Hynes.
Gran Premio de Marrocos de 1958
O Gran Premio de Marrocos de 1958 foi unha carreira de automobilismo de Fórmula Un, celebrada o 19 de outubro de 1958 no circuíto da Ain-Diab. Foi a 11º e derradeira carreira da tempada de Fórmula Un de 1958.
Gotland é un municipio sueco (kommun) cunha responsabilidade ampliada de tarefas que normalmente pertencen á rexións suecas. O concello tamén ten responsabilidades de desenvolvemento rexional dende o ano 2011. En relación con isto o municipio comezou a utilizar o nome de Region Gotland en lugar do aínda oficial Gotlands kommun.
O quilómetro por hora (km/h) é unha unidade derivada do SI de velocidade, tanto escalar como vectorial. Un obxecto que viaxa a unha velocidade media de 1 km/h desprázase 1 quilómetro nunha hora se a velocidade se mantén constante durante ese período. O símbolo utilizado para esta unidade é km/h, aínda que tamén se utiliza km·h−1.
Ne gledaj mi u pijat é un filme croata-dinamarqués de 2016 escrito e dirixido por Hana Jušić.Estreouse na sección Venice Days da 73ª edición do Festival Internacional de Cinema de Venecia, no cal foi galardoado co Premio Fedeora ó mellor filme euroeo. Foi escollido como candidato croata ó Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 90ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado.
Saccharomyces pastorianus é unha especie de lévedo utilizado para a fabricación de cervexa de tipo lager, ou de fermentación baixa. O epíteto específico pastorianus púxollo o alemán Max Rees na honra de Louis Pasteur en 1870. Trece anos despois, outro epítico específico, carlsbergensis, deullo Emil Christian Hansen en 1883 cando traballaba na cervexería Carlsberg.
PNG (Portable Network Graphics) é un formato gráfico baseado nun algoritmo de compresión sen perda para bitmaps non suxeito a patentes. Este formato foi desenvolvido en boa parte para liquidar as deficiencias do formato GIF e permite almacenar imaxes cunha maior profundidade de cor e outros importantes datos. Soporta unha paleta de cores de 16 bits, varios niveis de transparencia e emprega compresión sen perda mediante o formato ZIP. É un estándar recomendado polo W3C e recoñecido como estándar ISO (ISO/IEC 15948:2003).
A narrativa é un xénero literario, que adoita presentarse en forma de prosa, mais pode ser tamén en versos (epopea, romanceiros). Segundo Carlos Reis, o texto narrativo é un proceso de exteriorización, unha actitude obxectiva e baseada na sucesividade. No século XX, a partir do estruturalismo, xorde unha especie de teoría semiótica da narrativa (ou narratoloxía) que propón estudar a narratividade en xeral (novelas, contos, filmes, espectáculos, mitos, anécdotas, cancións, músicas, vídeos).
Internet Archive é un sitio web e unha organización sen ánimo de lucro destinada á preservación de historiais Web e recursos multimedia. Creada en 1996, atopábase desde esa data e até o 2009 no Presidio de San Francisco e actualmente áchase na rúa 300 de Funston, tamén en San Francisco. A colaboración que levou a cabo a amplitude desa páxina foi grazas a Alexa Internet e doutros colaboradores á parte da colaboración da Biblioteca do Congreso.
O Ferrari 156 foi un coche de carreiras fabricado pola Ferrari en 1961 para cumprir coa entón nova normativa da Fórmula Un que reduciu a cilindrada do motor de 2,5 a 1,5 litros, semellante á clase Fórmula 2 anterior a 1961 para a que Ferrari desenvolvera un coche de motor central tamén chamado 156 F2. Phil Hill gañou a campionato mundial de pilotos de 1961 e Ferrari conseguiron a campionato mundial de construtores de 1961, ambas vitorias acadadas co 156.
A inxenua explosiva (en inglés: Cat Ballou) é un filme estadounidense de 1965 dirixido por Elliot Silverstein. Está protagonizado por Jane Fonda e Lee Marvin, quen gañou o Óscar ó mellor actor polo seu papel na 38ª edición dos premios. O resto do elenco está composto por Tom Nardini, Michael Callan, Dwayne Hickman, Nat King Cole e Stubby Kaye.
A lingua erzya (эрзянь кель, eŕźań keĺ) é unha lingua urálica falada por 260.000 persoas nas zonas norte, leste e noroeste da República de Mordovia. Tamén é falada nas rexións adxacentes de Nizhniy Novgorod, Chuvashia, Penza, Samara, Saratov, Orenburg, Ulyanovsk, Tatarstan e Bashkortostan en Rusia. O erzya escríbese en cirílico sen modificacións á variante usada en ruso.
Althea Gibson, nada en Silver (Carolina do Norte) o 25 de agosto de 1927 e finada en East Orange (Nova Jersey) o 28 de setembro de 2003, foi unha tenista e golfista estadounidense, e a primeira deportista de raza negra en cruzar a liña da cor no tenis internacional. En 1956 converteuse na primeira afroamericana que gañou un torneo de Grand Slam (o Torneo de Roland Garros). O ano seguinte gañou tanto Wimbledon como o US Nationals (precursor do aberto dos Estados Uniods), o que repetiu en 1958, e foi votada como a Deportista Feminina do Ano pola Associated Press os dous anos.
A heurística é unha forma de traballar para resolver os problemas, aprender, ou facer descubrimentos que usa métodos prácticos, que non garante unha solución ideal ou perfecta, aínda que suficiente para os obxectivos inmediatos. Deste xeito é posible obter resultados aceptables nun tempo máis curto, e neste sentido pode ser considerado como atallo simplificador. Son exemplos deste método as estimacións fundamentadas, aproximacións, opinións intuitivas, o sentido común e a categorización.
Godzilla (ゴジラ, Gojira) é un kaiju xaponés que apareceu por vez primeira no filme de Ishirō Honda Godzilla (1954). Dende aquela, Godzilla converteuse nunha icona mundial da cultura pop protagonizando máis de 28 filmes producidos por Toho Co., Ltd.. O monstro apareceu en gran variedade de medios como videoxogos, novelas, banda deseñada e series de televisión.
A tramontana (do latín: transmontanus-i, "máis aló das montañas", en catalán: tramuntana) é un vento forte e frío do norte, de orixe polar, que usa o Macizo Central francés e os Pireneos como zona de aceleración. É moi habitual na rexión francesa do Rosellón, na comarca catalá do Empordán e na illa de Menorca. Ten acadado refachos de máis de 200 km/h.
Carmen de Burgos y Seguí —tamén coñecida polos pseudónimos Colombine, Gabriel Luna, Perico el de los Palotes, Raquel, Honorine e Marianela— , nada en Níjar, Almería, o 10 de decembro de 1867 e finada en Madrid o 9 de outubro de 1932, foi unha xornalista, escritora, tradutora e activista dos dereitos da muller española. Considérase a primeira xornalista profesional en España e en lingua castelá, pola súa condición de redactora do madrileño Diario Universal en 1906, xornal que dirixía Augusto Figueroa.
Os Países Cataláns (Països Catalans en catalán) son os territorios nos que a lingua autóctona é o catalán, ou ben os territorios que forman parte dunha unidade xeohistórica, cultural e lingüística de predominio catalán. Son tamén os territorios onde viviron ou viven os falantes de catalán.En termos xerais, os Países Cataláns abranguen a zona oriental da península Ibérica, entre os Pireneos, até a Lagoa de Leucate e a serra das Corbières, polo norte, e o río Segura polo sur, o arquipélago das Baleares (que inclúe o das Pitiusas) e illas adxacentes (como as Columbretes e a illa de Tabarca), a Franxa Oriental (no leste de Aragón), a comarca do Carxe (na Rexión de Murcia) e a cidade de L'Alguer (na illa de Sardeña), onde un 30% da poboación fala catalán.Os Países Cataláns teñen unha superficie conxunta de 70 520 quilómetros cadrados e unha poboación de 14,4 millóns de habitantes.
Gwaihir é unha criatura ficticia que pertence ó legendarium do escritor británico J. R. R. Tolkien e que aparece nas novelas O hobbit e O Señor dos Aneis. É unha aguia xigante descendente de Thorondor, e toma o seu lugar como rei das aguias na Terceira Idade do Sol. A súa primeira aparición (aínda que sen ser nomeado explicitamente) na historia da Terra Media foi no ano 2941 T. E. cando xunto a un grupo de aguias baixo o seu mando, rescatou a Compañía de Thorin, a Bilbo Bulseiro e a Gandalf do ataque dos lobos de Isengarda no Claro dos Lobos nas Montañas Bretemosas.
Un porto de montaña é unha ruta ou paso para cruzar unha montaña o calquera clase de sistema montañoso; o cume do porto é o lugar de maior altitude sobre o que pasa dito camiño e á vez adoita ser o punto máis baixo de dito sistema montañoso. Os portos de montaña caracterízanse por ter trazados moi sinuosos e pendentes moi pronunciadas ademais da frecuente presenza de neve. Nos porto de montaña o vento adoita encaixar e adoita ser particularmente forte, o que causa un descenso de altitude nas bandas de vexetación.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2.041.603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o que supón o 38,5% do total de migrantes españois (5.311.906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
O tecido adiposo marrón, tamén chamado graxa marrón ou parda, é un dos dous tipos de tecido adiposo; o outro é o tecido adiposo branco (ou graxa branca), que é máis abundante. O tecido adiposo marrón atópase en case todos os mamíferos. A clasificación da graxa marrón comprende dúas poboacións celulares distintas con funcións similares.
Willa Joanna Chance Holland, nada o 18 de xuño de 1991 nos Ánxeles (California) é unha actriz e modelo estadounidense. É coñecida por interpretar a Kaitlin Cooper, a irmá máis nova de Marissa Cooper na serie de televisión The O.C.. Tamén apareceu na serie da The CW Gossip Girl, como Agnes Andrews, e en Arrow, como Thea Queen.
Unha disciplina académica ou campo de estudo é o desenvolvemento do coñecemento sobre un tema específico, pensado ou investigado nunha escola superior, un centro de estudos ou investigacións, unha universidade ou un laboratorio. As disciplinas están en parte definidas e recoñecidas por publicacións científicas ou académicas, onde se expoñen resultados de procesos investigativos, e polos círculos académicos ou científicos aos que pertencen os investigadores. Os campos de estudo teñen polo xeral numerosas ramas ou subdisciplinas e as liñas que as distinguen adoitan ser difusas, ambiguas e mesmo por veces arbitrarias.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Hamás (en árabe حماس, fervor, e acrónimo de Harakat al-Muqáwama al-Islamiya, حركة المقاومة الإسلامية Movemento de Resistencia Islámica) é unha organización político-relixiosa palestina que pretende a destrución de Israel e a creación dun estado islámico en Palestina. Hamás fundouna Ahmed Yassin o 14 de decembro de 1987 na franxa de Gaza, coincidindo co levantamento popular, ou intifada, contra a ocupación israelí. Ten relacións estreitas cos Irmáns Musulmáns exipcios.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Nightmare Alley (filme de 2021)
Nightmare Alley é un filme estadounidense de 2021 dirixido por Guillermo del Toro. É un filme neo-noir e suspense psicolóxico cun guión de del Toro e Kim Morgan, que está baseado na novela homónima de 1946 escrita por William Lindsay Gresham. É a segunda adaptación da novela de Gresham, despois da de 1947.
Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κύπρος/Kýpros, en turco: Kıbrıs), oficialmente República de Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κυπριακή Δημοκρατία, en turco: Kıbrıs Cumhuriyeti) é unha república que abrangue o territorio da illa homónima, situada ó leste do mar Mediterráneo, 113 km ao sur de Turquía, 120 km ao oeste de Siria e 150 km ao leste da illa grega de Kastellorizo. Chipre ingresou como membro das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1960 e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados até o seu ingreso na Unión Europea o 1 de maio de 2004. Segundo a lei internacional, a illa de Chipre no seu todo é un estado independente, mais de facto atópase dividida dende o 15 de xullo de 1974 en dúas partes.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Robert Charlton, coñecido como Bobby Charlton, nado o 11 de outubro de 1937 en Ashington (Northumberland) e finado o 21 de outubro de 2023, foi un futbolista inglés, que xogaba como centrocampista. Foi galardoado co Balón de Ouro en 1966, o mesmo ano que foi campión do mundo coa selección inglesa. Era coñecido pola súa chegada ao remate dende o mediocampo e os seus brillantes disparos dende lonxe.
O One World Trade Center (tamén coñecido como 1 World Trade Center, One WTC e 1 WTC; o edificio actual foi bautizado a "Torre da Liberdade" durante a planificación inicial) é o principal edificio do novo complexo World Trade Center (en galego: Centro do Comercio Mundial) no Baixo Manhattan, Cidade de Nova York. É o rañaceos máis alto do Hemisferio Occidental, e o quinto máis alto do mundo. A megaestrutura de 104 pisos comparte o nome numérico coa Torre Norte do World Trade Center orixinal, o cal foi destruído nos ataques terroristas do 11 de setembro de 2001.
Jennifer Joanna Aniston, nada no barrio de Sherman Oaks, nos Ánxeles (California) o 11 de febreiro do 1969, é unha actriz estadounidense de cinema e mais de televisión. Comezou a súa carreira na década dos 90 acadando sona internacional pola interpretación do personaxe Rachel Green da popular sitcom Friends; grazas ó devandito papel gañou un Premio Emmy, un Globo de Ouro e mais un Premio do Sindicato de Actores. É protagonista de varios filmes de Hollywood, e a pesar de que a maioría dos seus papeis veñen sendo comedias -Bruce Almighty, Office Space, Corre o rumor...- e comedias románticas -Along Came Polly, The Break-Up-, tamén actuou en filmes doutros xéneros, como a comedia de terror Leprechaun, o filme de suspense e crime Derailed e o drama musical Rock Star.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 199.581.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval, e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Fernando Alonso Díaz ( pronunciación ), nado en Oviedo o 29 de xullo de 1981, é un piloto asturiano de automobilismo que actualmente compite para Aston Martin na Fórmula 1. Foi Campión do Mundo de Fórmula 1 nas tempadas 2005 e 2006 con Renault, interrompendo a serie de cinco títulos consecutivos acadada polo alemán Michael Schumacher e converténdose no gañador máis novo do título mundial, batendo a histórica marca do brasileiro Emerson Fittipaldi. É frecuentemente considerado como un dos mellores pilotos de Fórmula 1 na historia do deporte.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a franxa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Suleiman I (Otomán: سليمان Sulaymān, Turco: Süleyman), nado o 6 de novembro de 1494 e finado o 6 de setembro de 1566, foi sultán e padishá do Imperio Otomán desde 1520 ata a súa morte, coñecido como Suleiman o Magnífico en Occidente e Suleiman o Lexislador no mundo islámico, e un dos monarcas máis importantes da Europa do século XVI. Levou ao Imperio ás súas maiores cotas. Baixo a súa administración o estado otomán gobernaba polo menos a 25 millóns de persoas.Sucedeu ao seu pai, o sultán Selim I, en setembro de 1520 e comezou o seu reinado emprendendo unha campaña militar contra as potencias cristiás na Europa central e no mar Mediterráneo. Belgrado caeu en 1521; en 1522-1523 foi a quenda de Rodas, arrancada do longo dominio dos Cabaleiros de San Xoán.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur. Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
O corno é un filme galego de 2023 dirixido e escrito por Jaione Camborda e protagonizado por Janet Novás, Siobhan Fernandes e Carla Rivas. Foi rodado en lingua galega. Estreouse no Festival Internacional de Cinema de Toronto de 2023 antes de presentarse á 71ª edición do Festival Internacional de Cine de Donostia, onde se converteu no primeiro filme en galego en competir na sección oficial.O 30 de setembro de 2023 converteuse tamén no primeiro filme en galego en gañar a Cuncha de Ouro á mellor película no Festival de Donostia.
Mahoma (en árabe: محمّد - Muḥammad) ou Abū al-Qāsim Muḥammad ibn ʿAbd Allāh ibn ʿAbd al-Muṭṭalib ibn Hāshim, nado o 26 de abril do 569/570 na Meca e finado o 8 de xuño do 632 en Medina (ambas as dúas cidades fican na actual Arabia Saudita), foi un líder relixioso, político e militar árabe. Fundou o islam, relixión na que é considerado o maior profeta do Deus de Abraham. Aos 40 anos de idade, segundo a tradición do islamismo, foille confiada por Deus (a través do Arcanxo Gabriel) a mensaxe do islam na forma do Corán.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.