Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Metal extremo é un termo xenérico pouco definido para un gran número de subxéneros relacionados coa música heavy metal que se veñen desenvolvendo dende principios dos anos 80. Foi definido como un "cúmulo de subxéneros do metal caracterizados pola súa transgresión sonora, verbal e visual".O termo normalmente refírese a un estilo máis abrasivo, máis duro, underground, e non comercial asociado co speed metal, o thrash metal, o black metal, o death metal e o doom metal. O hardcore punk considerouse unha parte integral do desenvolvemento do metal extremo con respecto á velocidade e á estrutura das cancións, en todos os casos que non sexan doom metal.
O tálero ou táler (alemán: thaler -ata 1901- e taler -actualmente-; neerlandés: daalder; linguas nórdicas: daler) era unha antiga moeda de prata de gran módulo orixinaria de Alemaña e usada en diversos países de Europa central en diferentes países, desde o século XVI ata o século XIX.O seu nome vén da forma abreviada do nome Joachimstaler Guldengroschen ("florín de ouro do val de San Xoaquín"), dado a unhas moedas cuñadas en 1484 polo duque Sexismundo de Austria con prata de minas de Sankt Joachimsthal en Bohemia, hox e Jáchymov, na República Checa.
Dave Foster é un músico estadounidense coñecido por ser o terceiro batería da banda de grunge Nirvana. Foi despedido despois de realizar só un feixe de concertos co grupo, principalmente por non asistir regularmente aos ensaios. Foster vivía lonxe de Kurt Cobain e Krist Novoselic, e este feito segundo Cobain complicaba os ensaios.
Gran Premio de Francia de 1953
O Gran Premio de Francia de 1953 foi unha carreira de Fórmula Dúas, celebrada no circuíto de Reims-Gueux o 5 de xullo de 1953. Foi a quinta carreira da tempada de Fórmula Un de 1953, disputouse baixo as regras da Fórmula Dúas en 1952 e 1953, en lugar da normativa da Fórmula Un usada normalmente. Non só se cambiou o trazado do circuíto de Reims, tamén o nome era diferente.
Os Campos Elisios (en francés Les Champs-Élysées) é a principal avenida de París. Mide 1.880 metros de lonxitude, e vai dende o Arco do Triunfo ata a Praza da Concordia. O nome Campos Elisios vén da mitoloxía grega, onde designaba a morada dos mortos reservada ás almas virtuosas, o equivalente do paraíso cristián.
O Mary Celeste foi un bergantín mercante norteamericano que se encontrou ao garete e sen tripulación no océano Atlántico a 400 millas náuticas dos Azores o 4 de decembro de 1872. Atopouno o bergantín canadense Dei Gratia en condicións de navegar, aínda que desantendido, coas velas parcialmente izadas e sen o seu bote salvavidas. A derradeira anotación do seu caderno de bitácora era de dez días antes.
A unidade astronómica (UA) é unha unidade de distancia aproximadamente igual á distancia media (xa que as órbitas son elípticas) entre a Terra e mailo Sol. É bastante utilizada en astronomía para expresar a órbita dos planetas e outros corpos celestes no ámbito da astronomía planetaria, e equivale aproximadamente a 149 597 870 700 metros.
O HC CSKA Moscova (en ruso ЦСКА Москва, abreviatura de Centralnyi Sportivnyi Klub Armii) é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Moscova (Rusia). Actualmente compite na KHL e xoga os seus partidos como local no CSKA Ice Palace, un pavillón con capacidade para 5.600 espectadores. É coñecido en occidente como o Equipo do Exército Vermello pola súa antica filiación co Exército Vermello, as forzas armadas da URSS. O HC CSKA gañou máis campionatos soviéticos e copas de Europa que calquera outro equipo na historia.
O dólar internacional é unha unidade monetaria hipotética que ten o mesmo poder adquisitivo que o dólar estadounidense ten nos Estados Unidos nun momento dado . Esta unidade mostra canto vale unha unidade dunha moeda local dentro das fronteiras do país. As conversións a dólares internacionais calcúlanse utilizando a "paridade de poder adquisitivo" (PPA).
Terminologia Anatomica [TA] (Terminoloxía Anatómica ou Terminoloxía Anatómica Internacional) é o corpo oficial de nomenclatura anatómica creado conxuntamente polo Comité Federal sobre Terminoloxía Anatómica (FCAT) e as 56 Asociacións membros das Asociacións Internacionais de Anatomistas (Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas, IFAA). Publicouse en 1998 e substitúe o estándar previo, a Nomina Anatomica [NA]. Terminologia Anatomica contén a terminoloxía para aproximadamente 7500 estruturas anatómicas macroscópicas humanas.
Fenix, ou o proxecto Fenix, é o nome dun proxecto multiplataforma de software libre para crear un compilador alternativo á linguaxe DIV parte fundamental da suite para o desenvolvemento de videoxogos Div Games Studio. Con todo, co paso do tempo fóronse engadindo novas características que entre outras cousas, derivou nunha versión ata certo punto incompatible coa linguaxe DIV orixinal e nun novo proxecto máis ambicioso.
En metalurxia e a ciencia dos materiais a tenacidade dun material é a enerxía mecánica necesaria para levar ese material á ruptura. Se un material é tenaz pode sufrir un alto grao de deformación sen romper. Tal enerxía pode ser calculada a través da área nun gráfico Tensión - Deformación do material, portando basta integrar a curva que define o material, da orixe até a ruptura.
O estorniño pinto (Sturnus vulgaris) é unha ave paseriforme de mediano tamaño da familia Sturnidae. En Galicia é unha ave invernante moi numerosa e unha das dúas especies de estorniños do país; a outra é o estorniño negro. Mide uns 20 cm de longo e ten unha plumaxe negra brillante con reflexos metálicos, e ten pintas brancas en determinada época do ano.
14th Floor Records é un selo discográfico británico subsidiario de Warner Music UK, fundado en 2002 por Christian Tattersfield. A compañía ten publicado álbums de artistas como Biffy Clyro, Damien Rice, David Gray, Longview, Mark Joseph, Nerina Pallot, Ray LaMontagne ou The Wombats. Tattersfield foi nomeado CEO de Warner Music UK e presidente de Warner Bros.
Un dicionario é un lista de termos ou palabras coas súas definicións. Tamén se consideran dicionarios as compilacións de caracteres, iconas, símbolos coa súa representación gráfica. Moitos dicionarios inclúen información adicional: pronuncia, etimoloxía, exemplos de uso, ilustracións e a maior parte dos dicionarios están en formato libro.
O óso peneano ou báculo (en latín baculum), é un óso que se encontra no pene da maioría dos mamíferos, máis precisamente en insectívoros, roedores, carnívoros e nos primates (agás na especie humana). Entre as especies domésticas, encóntrase no gato e no can. Este óso permítelles a estes animais a penetración en ausencia de erección.
Louis Herbert Bullock Jr., nado o 20 de maio de 1976 en Washington, D.C., é un ex-xogador profesional de baloncesto estadounidense. Ocupaba a pocisión de escolta cunha altura de 1,85 m. Formado na Universidade de Michigan, destacou sobre todo en España, onde conseguiu gañar dúas ligas ACB e ser MVP da Final en 2005.
Unha bacteria gramnegativa é unha bacteria que non se tingue de violeta ou azul escuro coa tinguidura de Gram. Isto débese a que, pola estrutura da súa parede, non retén o colorante cristal violeta que se usa en dita tinguidura ao lavala nunha solución decolorante. Xeralmente, na tinguidura de Gram, despois de aplicar o cristal violeta, aplícase un segundo colorante de contraste (safranina ou fucsina), que tingue as bacterias gramnegativas de rosa ou vermello ; en caso de que non se aplique o colorante de contraste as bacterias gramnegativas quedarían pálidas (a diferenza das grampositivas, que quedarían violetas).
Hassan Khalid Hassan Al-Haidos (en árabe: حسن خالد حسن الهيدوس), nado en Doha o 11 de decembro de 1990, é un futbolista qatarí, que xoga de dianteiro. É o futbolista con máis partidos na historia tanto do Al Sadd (401) como da selección de Qatar (163). Formado na canteira do propio Al Sadd, militou durante toda a súa carreira en dito club, do que é ademais o capitán e o segundo máximo goleador histórico (con 115 tantos), e co que gañou numerosos títulos dende o seu debut aos 17 anos, incluída unha Liga de Campións da AFC. Internacional absoluto dende 2008 é tamén o capitán da selección, coa que gañou varios torneos, entre eles unha Copa Asiática.
A Provincia de Logroño, actualmente denominada A Rioxa, foi unha provincia española que formaba parte da rexión histórica denominada Castela a Vella. O territorio da actual comunidade autónoma formou parte durante o século XVIII das intendencias de Burgos e Soria, quedando incluída en 1810 case por completo na prefectura de Burgos, tras a división territorial proposta polo rei Xosé Bonaparte. O 15 de outubro de 1821, as cortes decidiron dar á rexión a denominación de provincia do Reino de España, que pasaría a denominarse provincia da Rioxa, aínda que a medida quedou sen efecto por orde de Fernando VII. Non sería ata o Real Decreto de 30 de novembro de 1833, cando Javier de Burgos crease a división administrativa liberal definitiva, e fose a rexión recoñecida como provincia, pero coa denominación de provincia de Logroño.
Amén (en hebreo אָמֵן; así sexa; verdadeiramente) é unha palabra que aparece na Biblia Hebrea e no Novo Testamento como declaración de afirmación que se no xudaísmo desde os seus máis antigos textos e que o cristianismo adoptou, converténdose nunha das aclamacións litúrxicas máis frecuentes e que se emprega para rematar oracións e himnos; adoptado tamén no islam emprégase no Corán e mais é a conclusión habitual da duʿāʾ (súplica).
Os rañaceos (en singular e plural) son edificios dotados dunha altura singular fronte aos demais e dunha forma xeral presentando formatos de torre. Estes edificios normalmente posúen carácter multifuncional, sendo capaces de abrigar establecementos residenciais, comerciais, de servizos, entre outros. A súa presenza no espazo urbano, cando destacada por enriba da altura media dos demais edificios, constitúese en xeral como unha referencia ou marco para a cidade, aínda que tamén poida xerar problemas varios ligados á mobilidade urbana, consumo de enerxía e seguridade.
John Hadley, nado en Bloomsbury (Londres) o 16 de abril de 1682 e finado en East Barnet (Hertfordshire) o 14 de febreiro de 1744, foi un matemático e astrónomo inglés. Baseándose no pequeno telescopio reflector presentado por Newton á Royal Society, iniciou a tarefa de puír e construír un instrumento de mellor calidade; a base de tanteos descubriu un modo de mellorar a esfericidade do espello, axudándose para iso dunha fonte de luz auxiliar.
A guasacaca é unha das salsas máis coñecidas en Venezuela, acompañante de carnes, polos, pasteis, empanadas e arepas. Pódese preparar de diversas formas, pero xeralmente úsanse os mesmos ingredientes: aguacate, allo, cebola, coandro, perexil, pementón, aceite e vinagre, todo salpementado. Consérvase refrixerada.
Os proturos (Protura) son un pequeno grupo de artrópodos de moi pequeno tamaño (de 0,6–1,5 mm de longo) que viven no solo, tan pouco visibles que só foron atopados no século XX. Protura constitúe, segundo algunhas clasificacións, unha orde de hexápodos que anteriormente eran considerados insectos, e que ás veces son tratados como unha clase.Algunhas evidencias indican que os Protura son basais a todos os outros hexápodos, aínda que non todos os investigadores os consideran Hexapoda, o que deixa a monofilia dos Hexapoda como un asunto non establecido. Os proturos presentan un carácter único entre os hexápodos, que é o desenvolvemento anamórfico, no cal se engaden segmentos corporais durante as mudas.O grupo comprende case 800 especies, distribuídas en sete familias. Case 300 especies pertencen a un só xénero, Eosentomon.
Maine, Estados Unidos de América
Este artigo trata sobre o estado dos EUA. Para outros significados véxase Maine.Maine é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Está localizado no extremo nordeste do país, na rexión de Nova Inglaterra. West Coddy Head, o punto máis oriental de Maine, está considerado o punto máis oriental dos Estados Unidos, aínda que algúns consideren Alasca o máis oriental do país, pois dúas das illas do arquipélago das Aleutas están localizadas no hemisferio oriental.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
Hamas (en árabe حماس, fervor, e acrónimo de Harakat al-Muqáwama al-Islamiya, حركة المقاومة الإسلامية Movemento de Resistencia Islámica) é unha organización político-relixiosa palestina que pretende a destrución de Israel e a creación dun estado islámico en Palestina. Hamas fundouna Ahmed Yassin o 14 de decembro de 1987 na franxa de Gaza, coincidindo co levantamento popular, ou intifada, contra a ocupación israelí. Ten relacións estreitas cos Irmáns Musulmáns exipcios.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Para o artigo do poeta galego nado en 1952 véxase: Luís González Tosar.Luís López Tosar, coñecido como Luís Tosar, nado en Xustás (Cospeito) o 13 de outubro de 1971, é un actor e músico galego. É coñecido por actuar en filmes como Cela 211, Te doy mis ojos, Mientras duermes, También la lluvia e Os luns ó sol. É o cantante da banda Di Elas.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Os crinoideos son animais mariños que constitúen a clase Crinoidea dos equinodermos. Os crinoideos que están sempre fixados ao fondo mariño por un talo ou pedúnculo adoitan denominarse lirios de mar, mentres que outros carecen de pedúnculo cando son adultos e adoitan denominarse comátulas ou comatúlidos, que son membros da maior das ordes dos crinoideos, Comatulida. Os crinoideos son equinodermos (filo Echinodermata), entre os que tamén están as estrelas de mar, ofiúras, cogombros de mar (holoturias) e ourizos de mar.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
O arco da vella, arco iris ou contrasol é un efecto óptico que consiste na aparición no ceo dun arco con bandas de cores, desde o vermello até o violeta, cubrindo todo o espectro visíbel de luz, e que se produce como resultado da presenza simultánea da luz directa do sol e máis da chuvia. A explicación deste meteoro atópase na dispersión cromática que provocan as pingas de auga condensada presentes no aire, descompoñendo os raios policromáticos procedentes do sol, e desviando o raio correspondente a cada cor cun ángulo diferente. Isto á vez débese á dependencia que exhibe o índice de refracción da auga respecto da frecuencia, longura de onda ou cor da luz, resultando en diferentes ángulos de refracción para as diferentes cores.
Unha cúpula é un elemento estrutural da arquitectura que se asemella á metade do oco dunha esfera; é unha bóveda cuxa xeometría é unha semiesfera no interior, e que serve para cubrir un espazo de planta circular, cadrada, poligonal ou elíptica, por medio de arcos semicirculares, parabólicos ou oxivais, que rotan respecto a un punto central de simetría. As solucións adaptadas ás cubertas, ao longo dos séculos, desde un punto de vista técnico, foron as bóvedas de canón e de aresta e a cúpula esférica. A primeira solución foi a utilizada en plantas lonxitudinais e a de aresta e a cúpula esférica en plantas cuadrangulares, polo xeral limitadas por arcos, e que consegue o paso á planta circular ou nalgúns casos octogonal mediante cunchas.Estruturas con forma de cúpula feitas con diversos materiais teñen unha longa traxectoria dentro do ámbito arquitectónico e a súa tradición esténdese ata a prehistoria.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
María Zambrano (Vélez-Málaga, 22 de abril de 1904 - Madrid, 6 de febreiro de 1991) foi unha filósofa e ensaísta española que viviu no exilio entre 1939 e 1984 a causa da Guerra Civil e o seu compromiso ideolóxico. A súa obra non acadou relevancia en España ata finais do século XX. A súa obra caracterízase por un intento de relacionar filosofía e poesía. Outorgáronlle os dous premios literarios máis importantes de España: o premio Príncipe de Asturias en 1981 e o Premio Cervantes no 1988.
Batelera expresión popular coa que, dende o século XVI, se designa o oficio que realizaban as mulleres, propietarias de bateis, barcos e embarcacións, en portos, como Bilbao, Rentería, Lezo e, sobre todo, no de Pasaia. Os traballos que realizaban consistían no transporte de carga, o paso de mercadorías e persoas dunha beira a outra, así como o transporte e venda de lastre para buques. Tamén se encargaban do atoaxe que consistía en remolcar con botes de remos, para facilitar a súa entrada a porto.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Halloween (AFI: /ֽhæləυ'i:n/, do ing. All Hallows' Evening ou Noite de tódolos Santos) é unha festa anual que se celebra principalmente nos Estados Unidos na noite do día 31 de outubro pero que desde finais do século XX tamén se observa en moitos outros países. A súa orixe é cristiá pero con raíces nas tradicións pagás celtas (véxase Samaín).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Acapulco de Juárez é unha cidade do estado de Guerrero, México, ten 638 000 habitantes, é o principal porto da costa oeste mexicana, e un dos destinos turísticos máis importantes do mundo. A voz acapulco procede do náhuatl e quere dicir, o lugar das canas. En 1873 engadiuse de Juárez ó nome da cidade como homenaxe ao presidente Benito Juárez, aínda que non se emprega popularmente.