Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Matthew Langford Perry, nado na vila de Williamstown (no condado de Berkshire, ao oeste de Massachusetts) o 19 de agosto de 1969 e finado o 28 de outubro de 2023 en Pacific Palisades, un barrio dos Ánxeles, foi un actor canado-estadounidense que se fixo coñecido polo seu papel de Chandler Bing na serie Friends da NBC, pola que obtivo unha candidatura ao Premio Emmy en 2002.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
O nariz ( pronunciación ) é unha protuberancia que forma parte do sistema respiratorio nos vertebrados. Trátase dun órgano do olfacto, sendo a entrada do tracto respiratorio. De conformación moi diversa pódese indicar que consta basicamente de dúas bolsas ou cavidades, unha no caso dos ciclóstomos, situadas na parte anterior da cabeza e abertas ao exterior por un número de orificios que oscila entre os dous pares por cavidade, no caso dos peixes e un nos outros vertebrados.En todos os vertebrados, agás os ciclóstomos e os peixes non crosopterixios, as cavidades nasais comunícanse a través do teito da boca coa farinxe e formas as coanas, o que permite que, ademais de cumprir a función olfactiva, sirvan como vías respiratorias.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella máis coñecida por Cruz Vermella é unha institución humanitaria, internacional e de carácter voluntario, que reúne ao redor de 97 millóns de voluntarios en todo o mundo. Fundouna en Suíza no ano 1863 Jean Henri Dunant, e dende entón traballa en favor dos colectivos máis vulnerables e necesitados. Defende os dereitos humanos, as minorías étnicas e a conservación dos ecosistemas.
O euro (EUR ou €) é a moeda usada polas institucións da Unión Europea (UE), así como a moeda oficial da eurozona, formada por 20 dos 27 Estados membros da UE: Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Portugal. Ademais, 4 microestados europeos teñen acordos coa Unión Europea para o uso do euro como moeda: Andorra, Cidade do Vaticano, Mónaco e San Marino. Por outra banda, o euro foi adoptado de maneira unilateral por Montenegro e Kosovo.
A entropía (do grego en [en] + trope [transformación]) é unha magnitude termodinámica que dá conta da enerxía que non pode realizar traballo útil nun proceso termodinámico. É unha función de estado de carácter extensivo e o seu valor medra nun sistema illado, de acordo coa Segunda Lei da Termodinámica. Pode ser interpretada como o estado de desorde dun sistema.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Getty Thesaurus of Geographic Names
O Tesauro de Nomes Geográficos Getty (en inglés Thesaurus of Geographic Names, abreviado ou TGN ou GTGN) é un produto da fundación J. Paul Getty Trust incluído no Programa de Vocabulario Getty. O TGN inclúe nomes e informacións asociadas sobre lugares. Os lugares do TGN inclúen entidades políticas administrativas (por exemplo, cidades ou nacións) e as súas características físicas (por exemplo montañas, ríos etc).
Gloria Frances Stuart, nada como Gloria Stewart en Santa Monica (California) o 4 de xullo de 1910 e finada nos Ánxeles o 26 de setembro de 2010, foi unha actriz, artista visual e activista estadounidense. Inicialmente coñecida polos seus papeis en filmes anteriores ao código de conduta, recuperou a fama no final da súa vida cando interpretou o papel de Rose DeWitt Bukater de maior no filme Titanic (1997), nese momento o filme de maior éxito comercial da historia. Desenvolveu unha carreira que se estendeu por 72 anos, na que adquiriu popularidade principalmente como actriz de cinema.
John Christopher Depp II, nado en Owensboro, Kentucky, o 9 de xuño de 1963, é un actor, produtor e músico estadounidense. Gañou un Globo de Ouro e un Premio do Sindicato de Actores ó mellor actor. Depp acadou a fama coa serie de televisión dos anos 1980 21 Jump Street, na que se converteu nun ídolo adolescente.
Maitreya (en sánscrito), Metteyya (en pali), Maithree (en cingalés), Jampa (en tibetano) ou Di-Lặc (vietnamita), é considerado o Buda futuro na escatoloxía budista. Nalgúns textos budistas, como o Sutra de Amitabha e o Sutra do Loto, é chamado Ajita. Segundo a tradición budista, Maitreya é un bodhisattva que aparecerá na Terra nun futuro, completará a iluminación, e ensinará dharma máis puro.
O aspecto gramatical, en lingüística, é unha propiedade que posúen os verbos e as perífrases verbais para sinalar o tempo interior da acción ou resaltar unha fase do seu desenvolvemento interior por enriba das demais, caracterizando así o transcurso do tempo dos acontecementos descritos. Cabo resaltar que o aspecto lingüístico diferénciase do tempo, en que mentres o tempo sinala o momento en que algo ocorre respecto de todo o demais, o aspecto especifica o tempo interior da acción ou a fase de desenvolvemento ou modificación da mesma que destaca sobre todas as demais, tanto na conxugación regular en que se reflicte o 'grao de terminación' do acontecemento, isto é, se posúe un aspecto perfectivo ou perfecto, que sinala a acción acabada no tempo de que se trate, como o aspecto imperfectivo ou imperfecto, que sinala acción inacabada no tempo exterior de que se trate. A chamada conxugación perifrástica ou por perífrase expresa os outros matices de aspecto, menos importantes ca estes .
Rockstar Games (anteriormente coñecido como Rockstar Games NYC) é unha empresa promotora e editora de videoxogos adquirida pola editora de videoxogos Take-Two Interactive e creadora do motor de videoxogos RAGE. A compañía é coñecida internacionalmente por títulos como a serie Grand Theft Auto, Max Payne, Midnight Club ou Red Dead. Inclúe estudos adquiridos e renomeados, así como outros creados internamente. Aínda que a maioría dos estudos que Take-Two Interactive adquiriu fusionáronse coa marca Rockstar, os máis recentes mantiveron a súa propia identidade e forman parte da división 2K Games da compañía.
Os Xogos Asiáticos constitúen unha competición multideportiva modelada seguindo os Xogos Olímpicos na que participan atletas dos países asiáticos e que se celebran cada catro anos desde 1951 regulamentados primeiro pola Federación Asiática de Xogos e desde 1982 polo Consello Olímpico de Asia. Os xogos contan co recoñecemento do Comité Olímpico Internacional e ata o momento nove son os países que organizaron os xogos, chegando a participar en total 46 países, incluíndo Israel que participou por última vez en 1974.
Os wolofs son un grupo étnico de África Occidental que habita no noroeste do Senegal, en Gambia e na costa suroeste de Mauritania. No Senegal, os wolofs son o meirande grupo étnico (~ 39%), mentres que nos outros dous países son minoría. Falan a lingua wolof, unha lingua da pola atlántica da familia níxer-congo.A súa historia antiga non está clara e está baseada nas tradicións orais que os vinculan cos almorábides.
Unha obra derivada é, en termos lexislativos de dereitos de autor, unha obra intelectual creada a partir dunha ou outras xa existentes incluíndo aspectos que poden estar suxeitos a dereitos de autor. A obra derivada debe garantir os dereitos de autor da obra orixinal. Exemplos de obras derivadas poden ser unha tradución, unha adaptación musical, unha adaptación a outro medio de comunicación ou un resumo.
A temperatura é unha magnitude física que indica a densidade de enerxía interna dun sistema referida ás nocións comúns de quente, morno ou frío que pode ser medida cun termómetro. A temperatura é un parámetro termodinámico do estado dun sistema que caracteriza a calor, ou transferencia de enerxía térmica, entre ese sistema e outros. En física, defínese como unha magnitude escalar relacionada coa enerxía interna dun sistema termodinámico, definida polo principio cero da termodinámica.
Super Mario Bros. (スーパーマリオブラザーズ) é un videoxogo deseñado por Shigeru Miyamoto para a videoconsola NES en 1985. Universalmente considerado un clásico, foi un dos primeiros xogos de plataforma de desprazamento lateral, a súa popularidade non tivo precedentes e comezou unha nova era nos xogos para consola, convertendo a figura de Mario na mascota oficial de Nintendo e nunha icona internacional.
O gravitón é un suposto bosón portador da gravidade na maioría dos sistemas teóricos de gravidade cuántica. As principais características que debería ter: ser sempre atractivo (a gravidade endexamais repele), ter efecto sen importar a distancia entre os corpos, e ademais habería unha cantidade ilimitada deles. Na teoría cuántica, isto define un bosón de spin par (2 neste caso) cunha masa en repouso de valor cero.
Tokusatsu (特撮) é a palabra xaponesa para denominar os efectos especiais e que fóra do Xapón identifica os filmes e series xaponesas que fan un considerable uso dos efectos especiais como filmes ou series de imaxe real tales como os de superheroes, como son as series de Metal Hero; kaijus como Godzilla; as de mecha, como Giant Robot ou aquelas producións que combinan dous ou máis destes xéneros, como Ultraman ou Super Sentai. En xeral abrangue temas que teñen que ver coa ficción científica, fantasía e terror. Constitúe unha das formas de entretemento máis populares do Xapón, pero fóra de Asia apenas teñen éxito uns poucos filmes e series, aínda que si conta cun importante número de afeccionados en todo o mundo.
A era cuaternaria ou Cuaternario é unha era xeolóxica que se estende dende o final do Noexeno, é dicir, hai 2,588 ± 0,005 millóns de anos ata os nosos días (a IUGS cambiou recentemente o anterior límite de 1,64 millóns de anos). Coñécese esta era tamén como antropozoica (iniciada hai 1 millón de anos) por ser nela cando apareceron os homínidos. O Cuaternario divídese en dous períodos, Plistoceno e Holoceno.
Push the Sky Away é o décimo quinto álbum da banda australiana de rock alternativo Nick Cave and the Bad Seeds, publicado o 18 de febreiro de 2013 a través do propio selo do grupo, Bad Seed Ltd. Gravado en La Fabrique, no sur de Francia, é o primeiro disco da banda que non conta co membro fundador Mick Harvey, que marchou en xaneiro de 2009, e o primeiro en contar co tamén fundador Barry Adamson dende Your Funeral... My Trial (1986).
"For Tomorrow" é unha canción da banda inglesa de rock alternativo Blur, editada como principal sinxelo do seu segundo álbum Modern Life Is Rubbish o 19 de abril de 1993. Chegou ao número 28 na lista británica de sinxelos, e a versión Visit To Primrose Hill Extended de "For Tomorrow" foi incluída nos recompilatorios Blur: The Best of e Midlife: A Beginner's Guide to Blur.
Internationale Bachakademie Stuttgart
A Internationale Bachakademie Stuttgart é unha fundación con sede en Stuttgart, creada en 1981 por Helmuth Rilling para fomentar concertos internacionais e obradoiros, entre eles o Musikfest Stuttgart, adicado especialmente á música de Johann Sebastian Bach en relación coa composición dos nosos días. Hans-Christoph Rademann foi designado director da fundación o 1 de xuño de 2013.
Os Tres Romances Galeses (Y Tair Rhamant en galés) son tres contos asociados cos Mabinogion. Son versións de contos artúricos que tamén aparecen na obra de Chrétien de Troyes. Os críticos teñen debatido se os Romances Galeses están baseados nos poemas de Chrétien ou se derivan dun orixinal en común.
A sinagoga (do grego συναγωγή, transliterado synagogē, "asemblea"; en hebreo בית כנסת beit knesset, "casa da asemblea"; en yiddish שול, shul; en ladino אסנוגה, esnoga) é a casa de oración dos practicantes do xudaísmo. O termo hebreo Beit Knesset - בית כנסת ("Casa da asemblea"), non debe confundirse co Knesset, o parlamento israelí. Algunhas congregacións empregan o termo Beit Tefila - בית תפילה ("Casa da oración").
O Pacto de Teodomiro (tamén coñecido como Pacto de Tudmir ou Tratado de Orihuela) foi un tratado dhimmi asinado no ano 713 entre ‘Abd al-‘Aziz (fillo de Musa ibn Nusayr, gobernador do norte de África) e o duque cristián visigodo Teodomiro, Tudmir en árabe (príncipe e gobernador da provincia de Aurariola con capital na actual Orihuela) a inicios do século VIII. Foi subscrito no ano 713, dous anos despois do inicio da conquista musulmá da Península Ibérica.
A 107ª edición da Milán-Sanremo disputouse o 19 de marzo de 2016 co tradicional percorrido de saída na cidade de Milán e chegada na de Sanremo de 293 quilómetros. Este foi o primeiro monumento dos cinco da tempada e a cuarta carreira do UCI WorldTour 2016. O gañador da clásica foi o francés do FDJ Arnaud Démare que se impuxo no sprint a Ben Swift (2º) e a Jürgen Roelandts (3º).
Unha nave é unha embarcación ou barco, especialmente os de gran tamaño. Outras embarcacións de gran tamaño son os navíos, usados para a guerra ou o transporte de mercancías, e os buques, barcos de gran tamaño e solidez de certa importancia pola misión a que son destinados e polas longas travesías que se poden realizar con eles.
Rhizoctonia é un xénero de fungo pertencente á familia Ceratobasidiaceae. As especies deste xénero non producen esporas mais están compostas de hifas e esclerocios (propágulos hifais) e snn estadios asexuais dos fungos do xénero Thanatephorus. As especies de Rhizoctonia son saprófitos, porén de xeito facultativo son parasitos patóxenos das plantes, que causan doenzas de importancia económica.
O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie a metade do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 213 317 639 (2021), así como en territorio.
O Reino de Inglaterra foi un estado soberano e país insular, situado o noroeste dá Europa continental, que existiu desde a caída do Imperio Romano (927) e os seus asentamentos na Britania Romana ata a súa fusión co Reino de Escocia (1707) creando así o Reino de Gran Bretaña. No seu cénit, o Reino de Inglaterra formábano as dúas terceiras partes do sur da illa de Gran Bretaña (incluíndo País de Gales) e varias illas pequenas periféricas, que é hoxe a unidade legal de Inglaterra e País de Gales. Inglaterra como un estado de nación comezou entre o século IX ou o século X, pero amplamente remonta as súas orixes á invasión anglosaxoa de Gran Bretaña e a Heptarquía anglosaxoa dos pequenos estados que a seguiron e en última instancia unificaron.
A inhibina ou folistatina é unha hormona proteica que xoga un papel fundamental na menstruación. Durante o ciclo menstrual, nos ovarios das mulleres inician o seu desenvolvemento regularmente unha ou dúas decenas de folículos primordiais e a inhibina ten a función de deter o crecemento de todos eles agás un, que será o folículo preovulatorio que liberará un óvulo durante o ciclo menstrual. A inhibina, que é abondosa nos folículos máis pequenos, contribúe a deter a síntese e secreción pola hipófise ou pituitaria da hormona estimulante dos folículos (FSH), que é esencial no ciclo menstrual.Fórmase na hipófise e encóntrase tamén no líquido folicular dos folículos ováricos.
O Uruguai, oficialmente a República Oriental do Uruguai (en castelán: República Oriental del Uruguay escoitar ), é un país de América do Sur. Limita ao norte e nordeste co estado de Río Grande do Sur (Brasil), ao oeste co río Uruguai coas provincias arxentinas de Entre Ríos e Corrientes, ao suroeste co esteiro do Río da Prata o cal o separa de Buenos Aires (Arxentina) e ao sueste co océano Atlántico. O seu territorio, cunha superficie de máis de 176.000 km², é o segundo máis pequeno do subcontinente detrás de Suriname e áchase dividido administrativamente en 19 departamentos.
Marmota é un xénero de roedores esciuromorfos da familia Sciuridae, coñecidos vulgarmente como marmotas, de onde toman o nome científico. Aínda que están estreitamente emparentadas cos esquíos, as marmotas supéranos amplamente en tamaño e son de hábitos terrestres. A maioría viven en zonas montañosas de Eurasia e Norteamérica e están ben adaptadas ao frío grazas aos seus corpos repoludos, densa pelaxe, pequenas orellas e gran cola.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2.041.603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o 38,5 % do total de migrantes españois (5.311.906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
Michael Joseph Jackson, nado en Gary, Indiana o 29 de agosto de 1958 e finado nos Ánxeles o 25 de xuño de 2009, máis coñecido simplemente como Michael Jackson, foi un cantautor, actor, músico, bailarín e home de negocios estadounidense. Chamado o Rei do Pop, a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Seme ou esperma é o conxunto de espermatozoides e substancias fluídas que se producen no aparello reprodutor masculino de todos os animais, entre eles a especie humana. O seme é un líquido viscoso e esbrancuxado que é expulsado a través do pene durante a exaculación. Está composto por espermatozoides (dos testículos) e plasma seminal que se forma polo achegamento dos testículos, o epidídimo, as vesículas seminais, a próstata, as glándulas de Cowper, as glándulas de Littré e os vasos deferentes.
Procariota e procarionte redirixen aquí. Para outras informacións taxonómicas ver Monera e Prokaryota.Chámase célula procariota (do grego πρό-, pro- = 'antes de' e κάρυον, káryon = 'noz, núcleo') a aquela célula sen núcleo celular diferenciado, é dicir, cuxo ADN se atopa disperso no citoplasma.As células que si teñen un núcleo, é dicir, co ADN pechado tras dunha cuberta membranosa, chámanse eucariotas e constitúen as formas de vida máis coñecidas e complexas, as que forman o imperio ou dominio Eukarya. As procariotas son células máis pequenas e moito menos complexas que as eucariotas e carecen de orgánulos como as mitocondrias, retículo endoplasmático, aparato de Golgi e outros.
Jennifer Joanna Aniston, nada no barrio de Sherman Oaks, nos Ánxeles (California) o 11 de febreiro do 1969, é unha actriz estadounidense de cinema e mais de televisión. Comezou a súa carreira na década dos 90 acadando sona internacional pola interpretación do personaxe Rachel Green da popular sitcom Friends; grazas ó devandito papel gañou un Premio Emmy, un Globo de Ouro e mais un Premio do Sindicato de Actores. É protagonista de varios filmes de Hollywood, e a pesar de que a maioría dos seus papeis veñen sendo comedias -Bruce Almighty, Office Space, Corre o rumor...- e comedias románticas -Along Came Polly, The Break-Up-, tamén actuou en filmes doutros xéneros, como a comedia de terror Leprechaun, o filme de suspense e crime Derailed e o drama musical Rock Star.
FileZilla é un software libre e multiplataforma, consistindo do FileZilla Client e do FileZilla Server. Os binarios están dispoñibles para Windows, Linux e Mac OS X. Soporta FTP, SFTP, e FTPS (FTP sobre SSL/TLS). No 18 de abril de 2011, o Filezilla Client era a sétima descarga máis popular de tódolos tempos en SourceForge.net.
O clan do oso das cavernas (na versión orixinal The Clan of the Cave Bear) é unha novela histórica escrita pola autora estadounidense Jean M. Auel en 1980. É o primeiro libro da serie Os fillos da terra que especula sobre a interacción entre dúas especies de homínidos, os Cro-Magnon e os Neanderthal. Foi publicado en galego por Punto G Edicións no 2012, con tradución de Xurxo Bértola.
A dos ápidos (Apidae) é unha familia de insectos da orde dos himenópteros, suborde dos apócritos, unha das numerosas comprendidas na superfamilia dos apoideos. Constitúe un numeroso grupo de abellas que inclúe a abella común (Apis mellifera), a máis coñecida, as abellas sen aguillón, as abellas parasitas, e os abesouros, ademais doutros grupos menos coñecidos, como as abellas albanel ou osmia.Moitas das súas especies son valiosas polinizadoras en hábitats naturais e nos cultivos agrícolas.
Co nome de danza do abellón denomínase un antigo rito funerario no que tódolos familiares e asistentes ó velorio dun cadáver, formando roda collidos da man, daban voltas ó redor do corpo imitando o zunido dun abellón. Este ritual foi recollido por Alfredo Brañas a raíz dun velorio no que el mesmo participou en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e constitúe un dos casos máis particulares das prácticas tradicionais galegas relacionados coa morte. Críase que se algún dos participantes falaba ou interrompía o baile por calquera causa, sería o primeiro dos presentes en morrer.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
Dune (titulado en pantalla Dune: Part One) é un filme de ciencia ficción de 2021 dirixido por Denis Villeneuve e escrito por Eric Roth, Jon Spaihts e o propio Villeneuve. É unha coprodución internacional dos Estados Unidos, o Reino Unido, o Canadá e Hungría e constitúe a primeira entrega de dous filmes baseados nunha nova versión revisada fiel á novela homónima de 1965 de Frank Herbert.Está protagonizada por Timothée Chalamet, Rebeca Ferguson, Oscar Isaac, Josh Brolin, Stellan Skarsgård, Dave Bautista, Stephen McKinley Henderson, Zendaya, David Dastmalchian, Chang Chen, Sharon Duncan-Brewster, Charlotte Rampling. Jason Momoa e Javier Bardem.
Archaeopteris é un xénero extinto de árbores proximnospermas con follas similares ás dos fentos. É un útil fósil índice que se encontra en estratos desde o Devoniano superior ao Carbonífero inferior (hai entre 383 e 323 millóns de anos), pero os seus fósiles máis antigos poderían ser de hai 385 millóns de anos, e tivo unha distribución global. Ata o descubrimento en 2007 de Wattieza, moitos científicos consideraban que Archaeopteris era a árbore máis antiga coñecida.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Campións dos Xogos Olímpicos da Antigüidade
Esta lista contén os campións dos Xogos Olímpicos da Antigüidade que se celebraron sen interrupción en Olimpia, na antiga Grecia, unha tradición que continuou durante máis de 1000 anos, desde o -776 ata o 393, cando todos os cultos pagáns foron prohibidos polo emperador cristián de Roma. Teodosio I o Grande. Trátase dunha lista incompleta que se basea en fragmentos de Pausanias (século II), Eusebio de Cesarea (século III), así como en inscricións compiladas por fontes modernas .
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Friends é unha serie de televisión estadounidense, creada por Marta Kauffman e David Crane, producida en asociación coa Warner Bros. Television, filmada nos estudios da Warner Bros. en Burbank, California, e emitida por vez primeira o 22 de setembro de 1994 na cadea NBC.Inmediatamente despois do éxito no seu país, comezou a súa difusión por todo o mundo con similares resultados, sendo considerado unha das mellores series na historia da televisión segundo múltiples críticas e rankings de series de televisión.A serie está composta de dez tempadas duns 24 capítulos cada unha, agás a terceira e a sexta que tiveron 25 e a última que só tivo 18.Unha vez finalizada, rodouse Joey, un spin off sobre a vida do personaxe homónimo nos Ánxeles.
Anxo Angueira Viturro, nado en Manselle (Dodro) o 13 de xaneiro de 1961, é un filólogo, escritor e estudoso da literatura galega. É o actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, con sede na Casa Museo de Rosalía, desde o 1 de xuño de 2012.O 28 de outubro de 2023 foi nomeado académico de número da RAG, ocupando a vacante producida polo pasamento do poeta Salvador García Bodaño-Zunzunegui.
Greta Tintin Eleonora Ernman Thunberg, nada en Estocolmo o 3 de xaneiro de 2003, é unha activista sueca que traballa contra o cambio climático e o quecemento global. Tornouse unha figura prominente por comezar a primeira folga escolar polo clima en agosto de 2018 ás portas do Parlamento sueco. En novembro dese mesmo ano falou na conferencia TEDx Estocolmo e un mes máis tarde dirixiuse á Conferencia da ONU sobre o cambio climático.
Courteney Bass Cox, tamén coñecida como Courteney Cox Arquette, nada en Birmingham (Alabama), o 15 de xuño de 1964, é unha actriz, produtora de cinema e ex modelo, coñecida polo seu papel de Monica Geller na serie de comedia Friends. Tamén foi protagonista na serie Dirt e na saga Scream, vixía quen chama, Tamén apareceu como estrela invitada na serie Scrubs.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.