Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Hamás (en árabe حماس, fervor, e acrónimo de Harakat al-Muqáwama al-Islamiya, حركة المقاومة الإسلامية Movemento de Resistencia Islámica) é unha organización político-relixiosa palestina que pretende a destrución de Israel e a creación dun estado islámico en Palestina. Hamás fundouna Ahmed Yassin o 14 de decembro de 1987 na franxa de Gaza, coincidindo co levantamento popular, ou intifada, contra a ocupación israelí. Ten relacións estreitas cos Irmáns Musulmáns exipcios.
Líbano (/ˈlɛbənɒn, -nən/, árabe: لُبْنَان), oficialmente a República do Líbano (árabe: الجمهورية اللبنانية) ou a República Libanesa, é un país de Asia Occidental. Está situado entre Siria ata o norte e o leste e Israel ata a o sur, mentres que Chipre atópase ao seu oeste atravesando o Mar Mediterráneo, a súa localización na encrucillada da Conca do Mediterráneo e do interior árabe contribuíu á súa rica historia e deu forma á unha identidade cultural de diversidade relixiosa. Forma parte da rexión do Levante de Oriente Medio.
O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Río Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Juan e José Ramón Varela Portas, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, actualmente compite na Liga ACB, competición da que é un dos equipos fundadores, tras ascender en 2021 desde a Liga LEB. Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño.
Mis adorables vecinos foi unha serie de televisión española emitida en Antena 3 que narra a relación entre dúas familias, os Sánchez, uns novos ricos que se mudan ao barrio dos Sandoval, que residen nunha urbanización de luxo. A serie foi estreada o 11 de abril do ano 2004, e foi cancelada no ano 2006, tralos baixos datos de audiencia que tivo na súa última tempada. Antena 3 decidiu relegar os últimos capítulos gravados da serie ao late night da cadea, emitindo o último capítulo da serie o día 21 de maio de 2006, sen un final definido.
O bosón de Higgs, tamén chamado bosón escalar (polo propio Peter Higgs, pois o termo bosón dinos que ten un spin -xiro- enteiro, e escalar que o valor do xiro é 0), é unha partícula elemental masiva teorizada no ano 1964 dentro do esquema do modelo estándar da física de partículas. É a derraderia partícula do modelo estándar que foi observada, confirmouse a súa existencia polo CERN o 14 de marzo de 2013 - os resultados preliminares comunicáronse publicamente o 4 de xullo de 2012-, e desenvolve un papel importante na explicación da existencia do mecanismo do Campo de BEH ou Campo de Higgs, que da orixe a masa doutras partículas elementais, en particular a diferenza entre o fotón (sen masa) e os bosóns W e Z (relativamente pesados). As partículas elementais con masa e a diferenza entre electromagnetismo (causado polos fotóns) e a forza débil (causada polos bosóns W e Z) son críticos en moitos aspectos da estrutura microscópica (e así macroscópica) da materia.
A Terra (AFI: [ˈtɛ.rɐ] ( )) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén chamada Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
O termo persoa provén do latín persōna, e este probablemente do etrusco phersona ('máscara do actor', 'personaxe'). O concepto de persoa é un concepto principalmente filosófico, que expresa a singularidade de cada individuo da especie humana en contraposición ao concepto filosófico de 'natureza humana' que expresa o común que hai neles. O significado actual de persoa ten a súa orixe nas controversias cristolóxicas dos séculos IV e V. No transcurso do debate entre as diferentes escolas teolóxicas, desenvolvéronse conceptos até entón non coñecidos.
3/24 é unha canle de Televisió de Catalunya, a emisora pública de Cataluña, dedicada integramente á emisión de noticias, as 24 horas do día. Comezou a emitir o 11 de setembro de 2003, nunha iniciativa para desenvolver a televisión dixital terrestre (TDT), aínda que nun principio emitía simultaneamente a través da televisión analóxica convencional. Emitía programas informativos da primeira canle catalá (TV3) e desde outubro do mesmo ano comezou a producir as súas propias emisións.
Grande Otelo, pseudónimo de Sebastião Bernardes de Souza Prata, nado o 18 de outubro de 1915 e finado o 26 de novembro de 1993, foi un actor, comediante, cantante, produtor e compositor brasileiro. Artista dos casinos de Río de Xaneiro e do chamado teatro de revista, participou en varios filmes brasileiros de éxito, entre eles as famosas chanchadas dos anos 40 e 50, nas que protagonizou en colaboración co cómico Oscarito, e a versión cinematográfica de Macunaíma, realizado en 1969. Adoita ser citado como un dos actores máis importantes da historia brasileira.
A música country de Australia forma parte da música de Australia. Existe un amplo abano de estilos, dende o bluegrass, o iodelei ou o folk até os máis populares. O xénero foi influenciado pola música folk celta e inglesa, a tradición de bush ballad australiana, así como a música country estadounidense.
Ringo Starr nado como Richard Starkey, (MBE) en Liverpool o 7 de xullo de 1940, é un músico, cantante, compositor e actor británico, recoñecido por ser o batería de The Beatles. Dos catro membros do grupo, foi o último en incorporarse á formación definitiva. Chámanlle así porque sempre usa aneis, aínda que nunha entrevista dixo: "Elixino porque é nome de can e os cans agrádanme".
Frecuencia é un termo empregado nas matemáticas e na física para indicar a velocidade de repetición de calquera fenómeno periódico. Defínese como o número de veces que se repite un fenómeno na unidade de tempo. A unidade de medida da frecuencia é o hertz (Hz), onde 1 Hz é un suceso que ten lugar unha vez por segundo.
Windows 98 é un sistema operativo que Microsoft lanzou ao mercado o 25 de xuño de 1998. Basicamente era unha revisión de Windows 95, e como el era híbrido entre os 16 bit e os 32 bit pero máis grande e lento. A primeira versión tivo problemas de compatibilidade e de estabilidade que se traducían en que o ordenador quedábase bloqueado e aparecese unha pantalla azul para indicar un fallo.
Dig Dug (ディグダグ, Digu Dagu) é un videoxogo arcade desenvolvido e publicado por Namco no Xapón en 1982. Funciona con hardware Namco Galaga, e foi publicado fóra do Xapón por Atari, Inc.. Atari tamén obtivo a licenza para as versións de Dig Dug, e estreouno para Atari 2600, Atari 5200, Atari 7800, Intellivision, Apple II, Atari 8-bit family, VIC-20, Commodore 64, IBM PC e TI-99/4A. Namco adaptou Dig Dug a Nintendo Family Computer en 1985.
No sistema universitario, o reitorado é a máxima autoridade académica e ostenta a representación desta. Exerce a dirección, goberno e xestión da universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados (Consello Social, Consello de Goberno e Claustro Universitario), e executa os seus acordos. Para o desenvolvemento destas funcións é asistido polo Consello de Dirección no que están presentes os vicerreitores, a secretaria xeral e o xerente.
The Beatles: Get Back é un filme documental de 2021 dirixida e producida por Peter Jackson. O filme recolle a creación do álbum Let It Be (1970) de The Beatles (que tiña o título provisional de Get Back) e baséase en gran parte en imaxes non utilizadas e material de son capturado orixinalmente para o documental de 1970 do álbum realizado por Michael Lindsay-Hogg. O documental ten unha duración total de case oito horas, que consta e tres partes de entre dúas e tres horas, cada unha cubrindo períodos aproximadamente semanais de 21 días de traballo no estudio.
Os malaiali (en malayalam: മലയാളി e കേരളീയൻ) son un grupo étnico da India orixinario do actual estado de Kerala, que se atopa no sur do país. Falan a lingua malayalam, que está clasificada como parte da familia lingüística dravídica. Segundo o censo da India de 2011, hai arredor de 33 millóns de malaialis en Kerala, o cal supón o 96,7% da poboación total do estado.
Un santuario (do latín sanctuarium) é un lugar sagrado dedicado a unha deidade, devanceiro, heroe, mártir, santo, demo, ou a unha figura de respecto similar, onde é venerada ou adorada. Os santuarios con frecuencia conteñen ídolos, reliquias ou outros obxectos asociados coa figura que se venera. Un santuario en que se fan ofrendas votivas chámase altar.
Sebastian Roché, nado en París o 4 de agosto de 1964 é un actor franco-escocés. É coñecido por interpretar a Kurt Mendel en Odyssey 5, a Jerry Jacks en General Hospital, a Thomas Jerome Newton en Fringe e a Balthazar on Supernatural. Ademais do seu traballo en televisión, Roché tamén apareceu en O derradeiro dos mohicanos (1992), O pacificador (1997), 15 Minutes (2001), Sorry, Haters (2005), The Namesake (2006), Beowulf (2007), Happy Tears (2009), Safe House (2012), Wer (2013) e A Walk Among the Tombstones (2014).
Ima ni Kitto...In My Life (今にきっと…In My LIFE) é o single número 14 da cantante xaponesa de J-Pop, pertencente o Hello! Project, Maki Goto, lanzado no Xapón o 25 de xaneiro do ano 2006 baixo o selo Zetima e producido por Tsunku. O single alcanzaría a décima posición nas listas de Oricon, vendendo 21.409 copias.
Good Company é unha canción que forma parte do álbum A Night at the Opera, editado en 1975 pola banda de rock inglesa Queen. Brian May, o guitarrista, foi o autor da canción e era tamén quen a icantaba, ao tempo que tocaba o banjo, nas actuacións en directo, que substituíu por un ukelele na versión gravada. A canción, inspirada na vida do pai do compositor, narra a historia dun rapaz ao que o seu pai lle daba consellos para saber elixir as compañías.
Fitzcarraldo é un filme alemán de 1982 escrito e dirixido por Werner Herzog e protagonizado por Klaus Kinski. Conta a historia dun señor do caucho, un irlandés coñecido no Perú como Fitzcarraldo, que está determinado a transportar un barco de vapor sobre un outeiro para acceder a un rico territorio do caucho na conca do Amazonas. O filme baseáse nos feitos reais do peruano Carlos Fitzcarrald e a súa fazaña de transportar un barco de vapor desmontado sobre o istmo de Fitzcarrald.
A antropoloxía física é a ciencia dedicada ó estudo da variabilidade e a evolución orgánica do ser humano e os seus determinantes culturais e de comportamento. Estuda a variabilidade biolóxica do ser humano como entidade individual e como especie. Neste sentido, a antropoloxía física é unha ciencia solidamente construída, con ambas as ciencias naturais e sociais, aínda que o seu contexto metodolóxico e epistemolóxico, sen dúbida, corresponde ó das ciencias experimentais.
Wallace Michael Shawn, nado o 12 de novembro de 1943 en Nova York, é un actor, actor de voz, cómico e escritor estadounidense. Entre as súas interpretacións máis recoñecidas salientan o seu papel como Wally Shawn (un versión ficticia de si mesmo) na comedia My Dinner with Andre (1981), Vizzini no filme A princesa prometida (1987), Mr. James Hall en Clueless (1995) e a voz de Rex na franquía cinematográfica de Toy Story.
Isabel de Borbón e Borbón (de nome completo María Isabel Francisca de Asís Cristina Francisca de Paula Dominga de Borbón e Borbón), coñecida popularmente como La Chata, nada en Madrid o 20 de decembro de 1851 e finada en París o 23 de abril de 1931, filla primoxénita de Isabel II e Francisco de Asís de Borbón, foi infanta de España, princesa de Asturias de 1851 a 1857 e de 1874 a 1880 e condesa de Girgenti por casamento.
A Universidade de Barcelona (en catalán e oficialmente: Universitat de Barcelona) é unha institución académica pública con sede en Barcelona, Cataluña. As súas facultades están distribuídas entre varios campus repartidos pola cidade e arredores: os campus de praza Universitat, el Raval, Diagonal, Bellvitge, Torribera, Mundet, Sants e Hospital Clínic.
A Gran Sinagoga de París (en francés: Grande synagogue de Paris) xeralmente coñecida como "sinagoga da Vitoria" ou "Gran Sinagoga da Vitoria" está situada no 44, Rue de la Victoire, no distrito 9 da cidade de París, capital de Francia.O arquitecto que a deseñou foi Alfred-Philibert Aldrophe (1834-1895) quen tamén construíu a sinagoga de Versalles e a de Enghien-les-Bains. A súa construción comezou en 1867 e a sinagoga foi inaugurada en 1874. Abriuse ao público en 1874, construída no estilo clásico, pero adornada con motivos bizantinos.
New Kids on the Blecch é un episodio pertencente á tempada 12 da serie animada The Simpsons, estreado nos Estados Unidos pola cadea Fox o 25 de febreiro de 2001. Foi escrito por Tim Long, dirixido por Steven Dean Moore, e as estrelas convidadas foron 'N Sync como si mesmos. No episodio, Bart únese a unha banda só creada co propósito de recrutar xente para a Armada dos Estados Unidos.
Os Edaphosauridae ou Edafosaurios son unha familia de reptilomorfos da clase dos sinápsidos que apareceron no Carbonífero superior e se extinguiron no Permiano inferior en Norteamérica. A maioría tiñan 3 metros ou máis de largo e a súa característica predominante era que tiñan unha vela de pel cunha probable función termorreguladora. Os edafosaurios foron herbívoros, tendo as formas máis primitivas como o Ianthasaurus, uns 60 centímetros de longo, mentres que os sucesivos animais como o Edaphosaurus superaban xa os 3 metros.
Os Xogos Olímpicos de Pequín 2008 (oficialmente denominados Xogos da XXIX Olimpíada) tiveron lugar na cidade de Pequín, capital da República Popular da China, entre o 8 e o 24 de agosto de 2008, aínda que o torneo de fútbol comezou dous días antes, o 6 de agosto. Ao concluír o evento, leváronse a cabo na mesma cidade os XIII Xogos Paralímpicos, entre o 6 e o 17 de setembro. O evento deportivo contou con 302 probas en 28 deportes nas que, segundo estimacións, participaron uns 10 500 atletas de 204 países.
Agar.io é un videoxogo de acción en liña masivo multixogador creado por Matheus Valadares. Cada xogador controla unha célula nun mapa que representa unha placa de Petri, e o obxectivo é gañar a maior candidade de masa absorbendo células máis pequenas e evitando a outras células meirandes. O nome do xogo provén da substancia ágar-ágar, usada en bioloxía para cultivar bacterias.O xogo recibiu críticas xeralmente favorables pola súa sinxeleza, competitividade e mecánicas, mais tamén foi criticado negativamente pola súa repetitividade.
Un milímetro de mercurio (símbolo mmHg) ou torricelli (símbolo Torr, así denominada na honra de Evangelista Torricelli), é unha unidade de presión. O milímetro de mercurio defínese como a presión exercida na base dunha columna dun milímetro de mercurio, que ten unha densidade de 13,5951 g/cm3, baixo a acción da gravidade estándar (9,80665 m/s2), é dicir, 133,322 387 415 Pa, mentres que o torr equivale a 1/760 da presión atmosférica estándar, é dicir, 133,322 368 421... Pa (os decimais son periódicos).
O controlador de xogo é un dispositivo de entrada usado para controlar un videoxogo. Un controlador é normalmente conectado a un arcade, consola ou computador e pode ser un teclado, rato, gamepad, joystick, paddle ou calquera dispositivo proxectado para xogos que poida recibir comandos. Algúns dispositivos especiais como volantes ou pistolas poden ser usados en xogos de carreiras ou de tiro.
Oiartzualdea, tamén coñecida como Oarsoaldea, é unha subcomarca do nordés de Guipúscoa, en Euskadi, cuxo territorio normalmente inclúese na comarca de Donostialdea. Limita ao norte co mar Cantábrico, ao leste con Bidasoaldea, ao oeste con Donostialdea e ao sur con Navarra (concretamente coa comarca de Leitzaldea).
Emeryson foi unha efémera escudaría de Fórmula 1 británico fundada por Paul Emery, George Emery e Alan Brown en 1930 e participou en varias ocasións na Fórmula 1 entre 1956 e 1962. Emeryson nunca logrou puntos no campionato, o mellor resultado foi un undécimo posto no Gran Premio do Reino Unido de 1962.
Un século é unha unidade de tempo que equivale a cen (100) anos. Os séculos acostuman contarse dentro da era cristiá comezando o 1 de xaneiro dos anos que son múltiplos de 100 máis 1 (incluíndo os negativos; vg., 101, -199 ou 2001) e finalizando o 31 de decembro dos anos múltiplos de 100 (vg., 0, 1700 ou -500). Dese xeito numéranse por números romanos.
Unha antoloxía (do grego ἄνθος 'flor' e λέγω 'seleccionar': ramallete, grilanda) é unha recompilación de obras literarias, en orixe, de poemas. No contexto literario, unha antoloxía contería unha selección de textos literarios dun ou varios autores e, por extensión, calquera medio (libro, disco ou colección de discos, exposición etc.) que inclúa unha selección de obras artísticas. É común en poesía (antoloxía poética), aínda que tamén pode darse noutros xéneros, como fábulas, ensaios ou contos que tamén poida ter natureza temática.
A psicanálise é unha disciplina fundada por Sigmund Freud que agrupa tres tipos de reflexións e de estudos: un conxunto de teorías nacidos da experiencia analítica, a metapsicoloxía; unha serie de métodos de investigación das significations inconscientes da lingua, do comportamento ou das producións da imaxinación; unha psicoterapia, a cura psicanalítica.A psicanálise, como disciplina creada para tratar enfermidades mentais, baséase na revelación do inconsciente. O seu campo de acción é o da psicoterapia que procura elucidar a través dun proceso de asociacións as conexións entre os compoñentes inconscientes dos procesos mentais dos pacientes. Na psicanálise clásica, a materia fundamental da psicanálise son os patróns inconscientes da vida conforme son revelados a través das asociacións libres do analizando.
O movemento, no plano mecánico, é un fenómeno físico que se define como todo cambio de posición que experimentan os corpos dun sistema ou conxunto no espazo con respecto a eles mesmos ou conforme a outro corpo que serve de referencia. Todo corpo en movemento describe unha traxectoria. A parte da física que se encarga do estudo do movemento sen estudar as súas causas é a cinemática.
Dennis Wayne Johnson, nado no barrio de San Pedro, nos Ánxeles (California) o 18 de setembro de 1954, coñecido como DJ, foi un xogador de baloncesto estadounidense que xogou durante 14 tempadas na NBA. Posteriormente foi adestrador de Los Angeles Clippers e dos Austin Toros, da NBDL. Faleceu en Austin (Texas) o 22 de febreiro de 2007, por mor dun infarto.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2018
O Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2018 foi a tempada 69º de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Equipos e pilotos competiron polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores. Comezou en marzo e terminou en novembro, o campionato disputouse durante vinte e un Grandes Premios celebrados en diferentes países do mundo.
A choiva ácida ou chuvia ácida caracterízase por un pH inferior a 4,5 por conter ácidos, orixinados polo xofre proveniente das impurezas da queima dos combustíbeis fósiles e polo nitróxeno do aire, que se combinan co osíxeno para formar dióxido de xofre e dióxido de nitróxeno, os cales difunden pola atmosfera e reaccionan coa auga para formar ácido sulfúrico e ácido nítrico, que son solúbeis en auga. Tamén se forma algo de ácido clorhídrico. As choivas normais teñen un pH de aproximadamente 5,6, que é levemente ácido.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a franxa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
A arte gótica é un estilo que se desenvolveu na Europa occidental durante os derradeiros séculos da Idade Media, dende mediados do século XII até a implantación do Renacemento (século XV para Francia e Italia, e ben entrado o século XVI nos lugares onde o gótico perviviu máis tempo). Trátase dun amplo período artístico, que xurdiu na rexión francesa de Illa de Francia e espallouse ao longo de Occidente. Segundo os países e as rexións desenvólvese en momentos cronolóxicos diversos, ofrecendo no seu amplo desenvolvemento fondas diferenciacións: máis puro en Francia (sendo ben distinto o de París e o da Provenza), máis horizontal e preto da tradición clásica en Italia (aínda que ao norte acóllese un dos exemplos máis paradigmáticos, como a catedral de Milán), con peculiaridades locais en Flandres, Alemaña, Inglaterra, Castela e Aragón.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marchan cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2.041.603 o número de galegos emigrados a América, o que supón o 38,5% do total de migrantes españois (5.311.906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
A fiestra valdeira: comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro c'un respiro é unha peza teatral de ambiente mariñeiro escrita por Rafael Dieste. Foi publicada na tipografía de El Eco de Santiago o 16 de marzo de 1927, aínda que saíu á luz uns meses antes, o 21 de xaneiro de 1927, cando Dieste fixera unha lectura da obra para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Ese mesmo ano, a obra foi relida na Festa da Prosa Galega.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Palestina (Árabe: فلسطين, Filasṭīn, Falasṭīn ou Filisṭīn), oficialmente declarado como o Estado de Palestina (Árabe: دولة فلسطين, Dawlat Filasṭin), é un Estado con recoñecemento limitado situado no Oriente Medio, máis concretamente no Levante mediterráneo, e que limita con Israel, Xordania, Exipto e a ribeira sudoriental do mar Mediterráneo. Tamén é considerado un protoestado. Foi proclamado no exilio en Alxer o 15 de novembro de 1988, cando o Consello Nacional da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) adoptou a declaración de independencia de Palestina de forma unilateral.
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
Este é un artigo sobre un territorio de Palestina, de procurar outro artigo de igual nome vexa Gaza.A Franxa de Gaza (قطاع غزة , Qita' Ghazzah en árabe; רצועת עזה , Retzu'at 'Azza en hebreo) é un territorio baixo a xurisdición da Autoridade Nacional Palestina, aínda que de iure non forma parte de ningún Estado soberano. Os palestinos afirman que está baixo ocupación militar de Israel, quen nega esa afirmación, sobre todo tras o seu Plan de retirada de 2005. O territorio está limitado ao norte e leste por Israel, ao sur por Exipto e ao oeste polo Mar Mediterráneo.
As chinches das camas ou simplemente chinches ou tamén chinchas ou percebellas son insectos parasitos da familia dos cimícidos (Cimicidae), que se alimentan exclusivamente de sangue. Cimex lectularius é a chinche das camas común e a especie máis coñecida que prefire alimentarse de sangue humano. Outras especies de Cimex especializáronse en alimentarse doutros animais, por exemplo, as chinches dos morcegos, como Cimex pipistrelli (de Europa), Cimex pilosellus (de Norteamérica) e Cimex adjunctus (de Norteamérica), ou as chinches das aves.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 244.700 habitantes (INE 2022), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
As 24 Horas de Le Mans (24 Heures du Mans) é unha carreira de resistencia que se disputa dende 1923 no circuíto da Sarthe, preto de Le Mans, Francia. É a carreira de resistencia máis prestixiosa do mundo e forma xunto ao Gran Premio de Mónaco e as 500 Millas de Indianápolis a Tripla coroa do automobilismo.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Victoria Beckham (de solteira Victoria Caroline Adams), nada en Harlow (Essex) o 17 de abril de 1974, é unha cantante, deseñadora de moda e escritora inglesa. Victoria Beckham foi parte integrante do grupo pop feminino Spice Girls, popularmente alcumada Posh Spice é tamén coñecida por estar casada co xogador de fútbol David Beckham. A súa carreira e matrimonio canda David Beckham levouna a se converter nunha das mulleres máis adiñeiradas de Gran Bretaña.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 199.256.