Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Qatar (/ˈkætɑːr/,) (en árabe: قطر), oficialmente o Estado de Qatar (en árabe: دولة قطر, Dawlat Qatar) é un país soberano localizado no oeste de Asia, ocupando a pequena Península de Qatar na costa noroeste da Península Arábiga. Ten fronteira terrestre con Arabia Saudita no sur, co resto do seu territorio rodeado polo Golfo Pérsico. Un estreito no Golfo Pérsico separa Qatar do seu veciño Bahrain, tamén compartindo fronteiras marítimas cos Emiratos Árabes Unidos e Irán.
Ariana Grande-Butera, coñecida profesionalmente como Ariana Grande, nada en Boca Raton o 26 de xuño de 1993, é unha cantante e actriz estadounidense. Comezou a súa carreira no musical de Broadway 13, antes de intepretar a Cat Valentine na serie de televisión de Nickelodeon Victorious en 2009. Despois do remate da serie, Grande converteuse nunha ídolo adolescente noutra serie, Sam & Cat, que rematou no 2014.
LinkedIn é unha rede social para profesionais (coñecida tamén como “Facebook dos profesionais")[Cómpre referencia] fundada en decembro de 2002 e aberta ao público en maio de 2003; sendo creada por Reid Hoffman, Allen Blue, Konstantin Guericke, Eric Ly e Jean-Luc Vaillant. Nesta rede é posible crear o teu perfil e colgar o teu CV (resumo da tua experiencia e logros profesionais), ofrecéndoche a opción de contactar con persoas especializadas no teu mesmo sector, establecendo deste xeito unha rede de contactos. En outubro de 2008, tiña arredor de 20 millóns de usuarios rexistrados.
A lingua rusa ou ruso (antigamente coñecido como gran ruso, para diferenciala do ucraíno ou "pequeno ruso") (ruso: русский язык , romanizado: russkij jazyk ) ruso: [ˈruskʲɪj jɪˈzɨk] é unha lingua eslava oriental que se fala principalmente en Rusia. É a lingua nativa dos rusos, e pertence á familia das linguas indoeuropeas. É unha das catro linguas eslavas orientais vivas, e tamén forma parte das linguas baltoeslavas.
Unha empresa é unha organización ou institución dedicada a actividades ou persecución de fins económicos ou comerciais. A Comisión da Unión Europea suxire a seguinte definición: De acordo ao dereito internacional, a empresa é o conxunto de capital, administración e traballo dedicados a satisfacer unha necesidade no mercado.
A auga (fórmula química H2O) é unha substancia química inorgánica, transparente, insípida, inodora e case incolora, que é o principal constituínte da hidrosfera terrestre e dos fluídos de todos os organismos vivos coñecidos (no que actúa como disolvente).). É vital para todas as formas de vida coñecidas, aínda que non proporciona alimento, enerxía nin micronutrientes orgánicos. A súa fórmula química, H2O, indica que cada unha das súas moléculas conteñen un átomo de osíxeno e dous de hidróxeno, conectados por enlaces covalentes.
Linda Evangelista, nada en Saint Catharines (Ontario) o 10 de maio de 1965, é unha modelo canadense. Foi unha das principais protagonistas do mundo da moda a finais dos anos 80 e durante os 90 xunto a Claudia Schiffer, Cindy Crawford, Elle McPherson e Naomi Campbell entre outras. Foi descuberta como modelo con 12 anos de idade, despois de gañar o concurso de Miss Niágara.
Biblioteca Nacional Central de Florencia
A Biblioteca Nacional Central de Florencia (en italiano Biblioteca Nazionale Centrale dei Firenze) é unha biblioteca pública nacional e unha das dúas bibliotecas centrais de Italia, xunto coa Biblioteca Nacional Central de Roma. Atópase en Florencia.
En Infectoloxía, un axente biolóxico patóxeno (do grego pathos, enfermidade e genein, procrear) é toda aquela entidade biolóxica capaz de producir enfermidade ou dano na bioloxía dun hóspede (humano, animal, vexetal etc.) sensiblemente predisposto. O mecanismo da patoxenicidade foi moi estudado e ten varios factores, algúns dos cales son dependentes do axente patóxeno e outros do hóspede.
Osama bin Mohammed bin Awad bin Laden (en árabe, أسامة بن محمد بن عوض بن لادن, ʾUsāmah bin Muḥammad bin ʿAwaḍ bin Lādin), nado o 10 de marzo de 1957 en Riad e finado o 2 de maio de 2011 en Abbottabad (Paquistán), coñecido como Osama bin Laden, foi un multimillonario saudita considerado o fundador e a cabeza de al Qaida, unha organización terrorista islamita sunnita que está involucrada en ataques contra obxectivos civís e militares en todo o mundo. O goberno dos Estados Unidos responsabilizou a bin Laden da planificación dos atentados do 11 de setembro de 2001 polo que se converteu no home máis buscado do mundo. Finalmente, foi localizado e morto nun operativo das forzas especiais dos Estados Unidos.
Anna Hélène Paquin, nada en Winnipeg (Canadá) o 24 de xullo de 1982, é unha actriz neozelandesa.O primeiro filme co que acadou sona internacional foi The Piano, de Jane Campion, grazas ó que gañou o Óscar á mellor actriz secundaria en 1994, cando tiña once anos, converténdose deste xeito na segunda persoa máis nova en acadar este premio. Despois do éxito en The Piano, a súa traxectoria como actriz colle folgos unha década máis tarde con papeis en filmes como She's All That, Almost Famous e X-Men, sendo neste último onde interpreta a Pícara, papel polo cal é amplamente coñecida. Malia gañar o premio Óscar tan nova logrou manter unha carreira coherente e moita discreción na súa vida privada.
Asta Sofie Amalie Nielsen, nada o 11 de setembro de 1881 en Vesterbro (Copenhague) e finada o 24 de maio de 1972 en Frederiksberg, foi unha actriz de cine mudo dinamarquesa principalmente coñecida por protagonizar numerosos filmes na década de 1910 e por ser unha das primeiras estrelas de cinema de fama internacional.
Unha vía férrea é a parte da infraestrutura ferroviaria formada polo conxunto de elementos que conforman o sitio polo cal se desprazan os trens. As vías férreas son o elemento esencial da infraestrutura ferroviaria e constan, basicamente, de raís apoiados sobre dormentes que se dispoñen dentro dunha capa de balastro. Para a súa construción é necesario realizar movemento de terras e obras existentes (pontes, sumidoiros, muros de contención, drenaxes etc.) Complétase a infraestrutura básica con sistemas de sinalización (antes manuais e agora automáticos) e, no caso de liñas electrificadas, co tendido eléctrico que prové de enerxía ás locomotoras.
Unha lista de éxitos musicais é unha maneira de darlle á música un grao, que vén da súa popularidade. estadounidense Billboard Hot 100 é unha das listas máis populares. A información sobre listas vén dalgunhas fontes diferentes, como o número de vendas, ás veces que se programou na radio, ou que se descargau, e outros criterios.
O International Cricket Council (do inglés: Consello Internacional de Crícket), universalmente coñecido polo seu acrónimo ICC, é o organismo mundial reitor do crícket. Fundouse o en 1909 co nome de Imperial Cricket Conference (Conferencia Imperial de Crícket) con representantes de Australia, Inglaterra e Suráfrica. En 1965 mudou o nome a International Cricket Conference (Conferencia Internacional de Crícket) e en 1987 adoptou o seu actual nome.
Gol (do inglés goal) ou tanto, é meter o balón dentro da portería, que é o obxectivo do xogo de varios deportes. O equipo que marca máis goles nun período determinado, é o gañador do partido. O regulamento esixe que o balón estea completamente dentro da portería sen ningunha das súas partes sobre a liña branca.
François-Marie Arouet, nado en París o 21 de novembro de 1694 e finado na mesma cidade o 30 de maio de 1778, foi un poeta, ensaísta, dramaturgo, filósofo e historiador ilustrado francés, máis coñecido co pseudónimo de Voltaire. Voltaire destacou no século XVIII e ocupou un lugar particular na memoria colectiva dos franceses. Con el, iníciase a figura do intelectual comprometido ao servizo da verdade, da xustiza e da liberdade de pensamento.
Universo cinematográfico de Marvel
O Universo cinematográfico de Marvel (inglés: Marvel Cinematic Universe, a miúdo abreviado MCU) é unha franquía de medios e un universo compartido, centrada nunha serie de filmes de superheroes producidos independentemente por Marvel Studios e baseados nos personaxes que aparecen nas publicacións de Marvel Comics. Marvel, nos seus inicios non tiña un estudo propio e colaboraba con outras axencias que quixesen levar a cabo os seus proxectos, como por exemplo a realizada en 1978 por Philip DeGuere, Dr. Strange.
Un estudio é un local onde traballa e estuda un profesional, en particular un pintor, escultor ou arquitecto. O termo evolucionou coas comunicacións ao local onde se realizan gravacións e emisións de programas de radio ou televisión, fotografía, animación, rodaxes de filmes, dobraxes etc. Nos estudios as persoas con vontade de crear poden experimentar, manipular e producir un ou máis tipos de arte.
Good Company é unha canción que forma parte do álbum A Night at the Opera, editado en 1975 pola banda de rock inglesa Queen. Brian May, o guitarrista, foi o autor da canción e era tamén quen a icantaba, ao tempo que tocaba o banjo, nas actuacións en directo, que substituíu por un ukelele na versión gravada. A canción, inspirada na vida do pai do compositor, narra a historia dun rapaz ao que o seu pai lle daba consellos para saber elixir as compañías.
Francis-Marie Martínez de Picabia, nado en París o 22 de xaneiro de 1879 e finado na mesma cidade o 30 de novembro de 1953, foi un pintor francés. Amais de practicar a pintura e o debuxo, exerceu como escritor e poeta. Tras comezar experimentando co impresionismo e o puntillismo, achegouse ao cubismo.
The Independent é un xornal británico publicado por Independent Print Limited, de Alexánder Lébedev. Ten o alcume de «the Indie», mentres que a edición dos domingos é alcumada «the Sindie». Lanzado en 1986, é o máis novo de todos os xornais de tirada nacional do Reino Unido, cunha circulación de arredor de 250.000 exemplares en 2004.
Un litro é unha unidade de volume equivalente a un espazo de 1 dm³ (1000 cm³). O seu símbolo é l, se ben en moitas ocasións se usa L para distinguir entre 'l' e '1' nalgunhas grafías, sendo aceptado o seu uso. Porén, a unidade de volume do Sistema Internacional de Unidades (SI) é o metro cúbico (m³), e o litro equivale a unha milésima de metro cúbico.
Wallis e Futuna, oficialmente o Territorio das illas Wallis e Futuna (/ˈwɒlɪs ... fuːˈtuːnə/; francés: Wallis-et-Futuna [walis e futuna] ou Territoire des îles Wallis-et-Futuna, é unha colectividade francesa no Pacífico Sur, situado entre Tuvalu ao noroeste, Fidxi ao suroeste, Tonga ao sueste, Samoa ao leste, e Tokelau ao nordés. A capital é Matāʻutu, tamén capital da illa Wallis e cidade máis grande. A súa superficie é de 14 242 km2 (5 499 sq mi).
Die Zauberflöte, en galego A frauta máxica, é a última ópera (concretamente un singspiel, nome que recibe a ópera cómica en alemán e onde se intercalan partes faladas) composta por Wolfgang Amadeus Mozart con libreto de Emanuel Schikaneder, baseado en parte en Lulu, oder die Zauberflöte, de A.J. Liebeskind e en parte na obra Sethos de Jean Terrasson. Foi representada por primeira vez en vida do compositor austríaco, estreándose no Theater an der Wien de Viena o 30 de setembro de 1791 baixo a dirección do propio Mozart, apenas dous meses antes da súa morte.
PlayStation 4 (プレイステーション4, Pureisutēshon Fō, oficialmente abreviada como PS4) É a cuarta videoconsola do modelo PlayStation. Forma parte das videoconsolas de oitava xeración. Foi anunciada oficialmente o 20 de febreiro de 2013 no evento PlayStation Meeting 2013, aínda que o deseño da consola non foi presentado ata o 10 de xuño no E3 2013.
Aretha Louise Franklin, nada o 25 de marzo de 1942 en Memphis, e finada en Detroit o 16 de agosto de 2018, foi unha cantante de soul, R&B e gospel. Recibiu o alcume de «Lady Soul» (a dama do soul) ou «Queen of soul» (a raíña do soul), e foi unha das artistas máis influentes na música contemporánea, ostentando o posto número un da lista dos 100 cantantes máis grandes de todos os tempos da revista Rolling Stone. A mediados da década de 1960 consolidouse como estrela feminina do soul, algo que favoreceu os dereitos raciais e das mulleres nos Estados Unidos.
Metro-Goldwyn-Mayer Inc. (ou simplemente MGM) é unha gran compañía, involucrada principalmente na produción e distribución de películas de cine e programas de televisión. Os seus principais subsidiarios foron MGM Studios Inc., United Artists Corporation e Orion Pictures Corporation (adquirida en 1997).
Faceted Application of Subject Terminology
FAST (Faceted Application of Subject Terminology) é unha sintaxe simplificada para o tesauro Library of Congress Subject Headings (LCSH). Foi desenvolvido por Online Computer Library Center, Inc. (OCLC) como parte do WorldCat, co obxectivo de facer catalogación menos custosa e máis doada de aplicar en contextos conectados.
Turandot é unha ópera en tres actos con música de Giacomo Puccini e libreto en italiano de Giuseppe Adami e Renato Simoni. A ópera, inconclusa pola morte de Puccini, foi completada por Franco Alfano. Foi estreada o 25 de abril de 1926 no Teatro alla Scala de Milán baixo a batuta de Arturo Toscanini e sen as adicións de Alfano.
Simpsons Roasting on an Open Fire
"Simpsons Roasting on an Open Fire", tamén coñecido como "The Simpsons Christmas Special", é o primeiro episodio da serie de animación The Simpsons que estaba pensado para que, orixinalmente, fose o oitavo episodio producido para a primeira temporada. A súa estrea orixinal foi na cadea FOX o 17 de decembro de 1989. No episodio, Homer descobre que non cobrará a paga extra de Nadal, polo que a familia non terá cartos para mercar agasallos de Nadal.
Star Wars Episode VII: The Force Awakens
Star Wars Episode VII: The Force Awakens (tamén coñecido como Star Wars: The Force Awakens) é un filme estadounidense dirixido por J. J. Abrams que se estreou en decembro de 2015. É o sétimo título na serie de filmes de Star Wars, e está protagonizado por John Boyega, Daisy Ridley, Adam Driver, Oscar Isaac, Andy Serkis, Domhnall Gleeson e Max von Sydow, xunto con Harrison Ford, Carrie Fisher, Mark Hamill, Anthony Daniels, Peter Mayhew e Kenny Baker. A historia está ambientada aproximadamente 30 anos despois dos eventos de O retorno do Jedi (1983).
Os xogos populares, como outros elementos culturais, conteñen diferentes concepcións que forman parte da sociedade, teñen unha dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo. Posúen un gran valor socio-cultural que supera os aspectos lúdicos, pois cada xogo presenta diferentes características dependendo da zona na que se practica. Os xogos defínense como a actividade física ou mental que ten a finalidade de divertirse e entreterse.
Unha aplicación móbil (app) é unha aplicación informática deseñada para ser empregada en tabletas táctiles, teléfonos intelixentes e outros dispositivos móbiles. Pódense adquirir a través de plataformas de distribución de aplicacións. Algunhas aplicacións son de balde, mentres que outras deben ser mercadas.
A cor dos ollos é un carácter fenotípico polixénico, é dicir, no que interveñen varios xenes, e que está determinado por dous factores: a pigmentación do iris do ollo e a dispersión da luz causada pola turbidez do medio no estroma do iris.Nos humanos, a pigmentación do iris varía do castaño claro ao castaño moi escuro case negro, dependendo de tres cousas: a concentración de melanina no epitelio pigmentario do iris (localizado na parte posterior do iris), o contido de melanina do estroma do iris (situado na parte anterior do iris), e a densidade celular do estroma. O aspecto dos ollos azuis, verdes, e abelás débese á dispersión de Rayleigh da luz no estroma, un fenómeno similar ao que orixina que o ceo do noso planeta sexa azul. No ollo humano non hai pigmentos azuis nin verdes.
Ronald Gerald Wayne, nado en 1934 en Cleveland, é o terceiro e pouco coñecido fundador da empresa de computadoras Apple Computer (ademais de Steve Jobs e Steve Wozniak). Foi el quen ilustrou o primeiro logotipo de Apple (un debuxo de Isaac Newton debaixo dunha maceira). Ademais escribiu os manuais de instrucións do Apple I e o convenio de colaboración.
A temperatura é unha magnitude física que indica a densidade de enerxía interna dun sistema referida ás nocións comúns de quente, morno ou frío que pode ser medida cun termómetro. A temperatura é un parámetro termodinámico do estado dun sistema que caracteriza a calor, ou transferencia de enerxía térmica, entre ese sistema e outros. En física, defínese como unha magnitude escalar relacionada coa enerxía interna dun sistema termodinámico, definida polo principio cero da termodinámica.
Brawl Stars é un videoxogo multixogador en liña gratuíto para móbiles dispoñible en Android e IOS, desenvolvido por Supercell e lanzado globalmente en 2018. A versión de demostración do xogo foi lanzada o 14 de xuño do 2017 unicamente para o Canadá, con temáticas simples e sen moito coidado no apartado visual, cun control básico no xogo e mecánicas sinxelas, mentres que a versión global se lanzou agregando un apartado visual con maiores detalles interesantes e diferentes funcionalidades, que se lle engadiron ao xogo o 12 de decembro do 2018. En 2019 foi distinguido como xogo do ano.
Aquisgrán (en alemán: Aachen, [ˈʔaːxən] (AFI), escoitar, en fráncico ripuario: Oche, en francés: Aix-la-Chapelle, [ɛkslaʃapɛl] (AFI)) é unha cidade alemá do Land de Renania do Norte-Westfalia localizada xunto á fronteira con Bélxica e os Países Baixos, a 65 km de Colonia, constitúe a cidade máis ao oeste de Alemaña, e levántase a 191 metros sobre o nivel do mar, aínda que o seu punto máis alto é de 410.
Francisco José de Goya y Lucientes, nado en Fuendetodos (Zaragoza) o 30 de marzo de 1746 e finado en Bordeos (Francia) o 16 de abril de 1828, foi un pintor e gravador español. A súa obra abarca a pintura de cabalete e mural, o gravado e o debuxo. En todas estas facetas desenvolveu un estilo que inaugura o Romanticismo.
Den skyldige é un filme dinamarqués de 2018 co-escrito e dirixido por Gustav Möller. Estreouse na sección de Cinema Dramático Mundial no Festival de Cinema de Sundance de 2018. Foi escollido como candidato de Dinamarca para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 91ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado, chegando a clasificarse na lista curta de decembro.
Pierre Auguste Renoir, nado en 1841 e finado en 1919, é un dos pintores franceses de maior sona. Non é doado clasificalo, pertenceu á escola impresionista, pero separouse dela rapidamente polo seu interese pola pintura de corpos femininos sobre as paisaxes, o pintor Rafael tivo unha grande influencia nel.
Un motor de busca ou buscador é un sistema informático que procura arquivos almacenados en servidores web, un exemplo son os buscadores de internet (algúns buscan só na Web pero outros buscan ademais en News, Gopher, FTP etc.) cando lles pedimos información sobre algún tema. As procuras fanse con palabras clave ou con árbores xerárquicas por temas; o resultado da procura é unha listaxe de direccións Web nas que se mencionan temas relacionados coas palabras clave buscadas.
Thomas Montgomery Newman, nado nos Ánxeles o 20 de outubro de 1955, é un compositor estadounidense coñecido polas súas bandas sonoras. Newman estivo nomeado a doce Premios Oscar e tres Globos de Ouro, e gañou dous BAFTAS, seis Grammys e un Emmy. Newman foi galardoado co premio Richard Kirk nos premios BMI de 2000.
Wu Zetian, nada o 17 de febreiro de 624 e finada en Luoyang o 16 de decembro de 705, tamén chamada Wu Zhao, Wu Hou, Tian Hou durante o final da dinastía Tang, foi unha soberana chinesa que goberno non oficialmente como emperatriz consorte e oficialmente como rexente e emperatriz viúva e como emperatriz reinante. Durante vinte e cinco anos, cogobernou co seu marido e fillos e por quince co seu propio nome (皇帝) durante a breve dinastía Zhou (周, 690–705), que interrompeu a dinastía Tang. Wu é a única emperatriz recoñecida na China en máis de dous milenios.
O pirrol é un composto químico orgánico aromático e heterocíclico, formado por un anel de cinco membros coa fórmula C4H5N. Os seus derivados substituídos tamén se chaman pirrois (por exemplo, o N-metilpirrol). Os pirrois únense formando aneis compostos máis grandes, como as porfirinas do grupo hemo, as clorinas e bacterioclorinas, clorofilas e o anel de corrina. Por exemplo, o grupo hemo fórmase a partir do porfobilinóxeno, un pirrol trisubstituído.
Paisaxe ou país é o nome que a historiografía da arte dá ao xénero pictórico que representa escenas da natureza, tales como montañas, vales, árbores, ríos e bosques. Case sempre se inclúe o ceo e as condicións atmosféricas, que poden ser un elemento importante da composición. Ademais da paisaxe natural, tamén se trata, como un xénero específico, a paisaxe urbana.
Racine carrée (do francés: raíz cadrada, estilizado como √) é o segundo álbum de estudio do músico belga Stromae. Lanzouse dixitalmente o 16 de agosto de 2013 e tres días máis tarde en formato físico en Francia e Bélxica. Stromae expresou o seu desexo de incorporar influencias musicais caribeñas e africanas xunto cos seus ritmos inspirados nos anos 90.
Na anatomía humana, o polgar ou matapiollos é o primeiro dedo ou deda a contar dende o interior. O polgar da man humana (a diferenza dos primates en xeral) é completamente opoñible aos outros catro dedos, pode tocar os demais dedos dende a súa punta até a súa base e mesmo a parte superior da palma da man. Esta calidade dálle á man dos primates unha vantaxe evolutiva moi notable xa que mediante esta función anatómica, o polgar pode manipular obxectos grandes apoiándose coa palma da man e obxectos medianos ou pequenos apoiándose cun ou máis dedos dos outros dedos.
A hepatite C é unha doenza infecciosa que afecta principalmente ao fígado, e é causada polo virus da hepatite C (VHC). A infección en fase aguda adoita ser, polo xeral, asintomática. Porén, na meirande parte dos casos a doenza tórnase crónica, podendo producir lesións no fígado e, co tempo, evolucionar a cirrose e hepatocarcinoma.
Terminologia Anatomica [TA] (Terminoloxía Anatómica ou Terminoloxía Anatómica Internacional) é o corpo oficial de nomenclatura anatómica creado conxuntamente polo Comité Federal sobre Terminoloxía Anatómica (FCAT) e as 56 Asociacións membros das Asociacións Internacionais de Anatomistas (Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas, IFAA). Publicouse en 1998 e substitúe o estándar previo, a Nomina Anatomica [NA]. Terminologia Anatomica contén a terminoloxía para aproximadamente 7500 estruturas anatómicas macroscópicas humanas.
Philip Anthony Hopkins, nado en Port Talbot (Glamorgan) o 31 de decembro de 1937, é un actor, produtor, compositor e director de cinema británico. É coñecido polo gran público pola súa interpretación do asasino en serie Hannibal Lecter nos filmes O silencio dos cordeiros, a súa secuela Hannibal e a súa precuela Red Dragon. Gañou premios como o Óscar, o Emmy, o Globo de Ouro ou o BAFTA, entre outros.
American Horror Story é unha serie de televisión de terror creada e producida por Ryan Murphy e Brad Falchuk. Descrita como unha serie antolóxica, cada temporada está concibida como unha miniserie autónoma que segue a un conxunto dispar de personaxes e escenarios, e unha historia co seu propio principio, nó e desenlace. Algúns elementos do argumento de cada tempada están vagamente inspirados en feitos reais.
Un túmulo é o nome que recibe unha morea de terra e pedras sobre unha tumba ou varias, e que se remonta á época das Idades de Pedra, de Bronce e de Ferro. En Galicia atopamos restos de túmulos en todo o territorio. Orixinariamente consistía nunha morea de rochas que recubrían directamente o corpo, mais a súa estrutura foi modificada e estes soterramentos foron cubertos por terra até formar verdadeiras montañas artificiais, ao longo dos séculos, e medrando en tamaño até chegar a se converter en cámaras funerarias nas que repousaban tanto o guerreiro morto como as súas armas e as súas principais pertenzas.
O Equipo Crónica ou Crónicas de la realidad foi un grupo de pintores españois que estivo activo entre 1963 e 1981, data esta última na que finou Rafael Solbes. Foi fundado por Manolo Valdés, Rafael Solbes e Juan Antonio Toledo, se ben este último desligouse pronto do grupo. O Equipo Crónica afastouse da arte informal para cultivar unha pintura figurativa dentro da tendencia Pop art.
The Legend of Zelda: The Wind Waker
The Legend of Zelda: The Wind Waker (ゼルダの伝説 風のタクト - Zeruda no Densetsu Kaze no Takuto, literalmente "A Lenda de Zelda: a batuta do vento"), é un xogo de acción-aventura, décima entrega da serie The Legend of Zelda. Foi editado para a Nintendo GameCube no Xapón o 13 de decembro de 2002, en Norteamérica o 24 de marzo de 2003, en Europa o 3 de maio de 2003 e en Australia o 7 de maio de 2003. The Legend of Zelda: Phantom Hourglass para a Nintendo DS é a secuela directa de The Wind Waker.
A prevalencia (P) é un termo empregado en epidemioloxía para definir a proporción de individuos dunha poboación que presentan un determinado evento con respecto do total de individuos de dita poboación. Adóitase expresar, polo xeral, en porcentaxe, fracción ou número de casos por cada mil, dez mil ou cen mil habitantes. En medicina emprégase para expresar o número de pacientes que presenta unha doenza con respecto do total da poboación ou dun subgrupo poboacional.
Georg Friedrich Händel, nado en Halle o 23 de febreiro de 1685 e finado en Londres o 14 de abril de 1759, foi un compositor musical de orixe alemá nacionalizado inglés, considerado un dos cumes do Barroco e un dos mellores compositores da música occidental. É, na historia da música, o primeiro compositor moderno en adaptar e enfocar a súa música para satisfacer os gustos e necesidades do público, en vez dos da nobreza e dos mecenas. Está considerado o sucesor e continuador de Henry Purcell, e marcou toda unha era na música inglesa, sendo o compositor máis importante entre Purcell e Elgar en Inglaterra.
Boloña (Bulåggna en emiliano-romañolo, Bologna en italiano) é unha cidade de Italia de 374.561 habitantes (2008), capital da provincia homónima, así como da rexión de Emilia-Romaña. Situada entre o río Reno e o río Sávena, cerca dos Apeninos, é unha das cidades históricas mellor conservadas e que posúe a segunda zona vella medieval máis grande de Europa, despois da de Venecia. Antiquísima cidade universitaria (oficialmente dende 1088), acolle numerosos estudantes que enriquecen e animan a súa vida cultural e social.
Os estudios de gravación Abbey Road Studios (chamados EMI Studios ata 1970) están situados na rúa londiniense de Abbey Road. O grupo The Beatles gravou case a totalidade da súa discografía neles e para a portada do álbum Abbey Road decidiron tomar unha fotografía da agrupación mentres cruzaba o paso de peóns situado diante dos estudios. Esta imaxe foi e segue a ser unha das imaxes máis emblemáticas de portadas de álbums.
Clasificación Aarne-Thompson-Uther
A clasificación Aarne-Thompson-Uther (ATU) é unha revisión en profundidade da Clasificación Aarne-Thompson (AT, ou AaTh), utilizada nos estudos do folclore e que permite a indexación de contos e outros relatos tradicionais por tipo de conto (conto-tipo). Foi publicada por vez primeira en 2004, da man do folclorista alemán Hans-Jörg Uther.
En bioloxía, principalmente na anatomía, un órgano é un conxunto de tecidos que evolucionaron para executar unha determinada función vital. Algúns órganos comúns aos vertebrados son o corazón, o cerebro, o estómago etc. Nas plantas "superiores", os órganos principais son a raíz, o caule, as follas, as flores e os froitos.
Megumi Hayashibara (林原 めぐみ, Hayashibara Megumi), nada en Kita o 30 de marzo de 1967, é unha actriz de voz xaponesa, así como cantante, letrista e personalidade da radio. É unha das actrices de voz máis salientables do Xapón da década de 1990, sendo coñecida polos seus papeis en Love Hina, Saber Marionette J, Ranma ½, Neon Genesis Evangelion, Cowboy Bebop, Slayers, O detective Conan, Pokémon, All Purpose Cultural Catgirl Nuku Nuku, Video Girl Ai e Shaman King.
A adenosina monofosfato (AMP), tamén chamada adenosín monofosfato ou ácido 5'-adenílico, é un nucleótido que se encontra no ARN (no ADN encóntrase a desoxiAMP). É un éster do ácido fosfórico e o nucleósido adenosina. Consta de tres moléculas unidas: un grupo fosfato, o azucre ribosa, e a base nitroxenada adenina.