Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Qatar (/ˈkætɑːr/,) (en árabe: قطر), oficialmente o Estado de Qatar (en árabe: دولة قطر, Dawlat Qatar) é un país soberano localizado no oeste de Asia, ocupando a pequena Península de Qatar na costa noroeste da Península Arábiga. Ten fronteira terrestre con Arabia Saudita no sur, co resto do seu territorio rodeado polo Golfo Pérsico. Un estreito no Golfo Pérsico separa Qatar do seu veciño Bahrain, tamén compartindo fronteiras marítimas cos Emiratos Árabes Unidos e Irán.
Eastman Kodak Company é unha compañía multinacional dedicada ao deseño, produción e comercialización de equipamento fotográfico. A actual empresa ten a súa antecedente na Eastman Dry Plate Company fundada polo inventor George Eastman e o home de negocios Henry Strong en 1881. Ten a súa sede na cidade de Rochester, no estado de Nova York, nos Estados Unidos.
Xosé Ramón Gayoso Bonigno, nado na Coruña o 25 de abril de 1956, é un presentador da Televisión de Galicia e un dos personaxes públicos máis coñecidos en Galicia. Presentou varios programas da canle pública galega dende a súa mesma creación, en 1985, facéndose enormemente popular polo seu traballo en Luar, programa que presenta dende 1992.
Ana Mena Rojas, nada en Estepona (Málaga) o 25 de febreiro de 1997, é unha cantante e actriz española. Deuse a coñecer no ano 2006 após gañar a XII edición rexional dos Premios Veo Veo, aínda que a súa popularidade aumentou cando participou na miniserie Marisol, la película interpretando a Marisol.Mena debutou na industria musical en 2016 co seu sinxelo "No soy como tú crees". En 2018 acadou gran popularidade en Italia coa canción "D'estate non vale" xunto ao cantante italiano Fred de Palma.
A República das Illas Marshall, oficialmente a República das Illas Marshall (marshalés: Aolepān Aorōkin Ṃajeḷ), en inglés Republic of the Marshall Islands) é un estado insular do Pacífico. Está composta maiormente por atois coralinos nos que a elevación non supera os nove metros como máximo. Os principais atois son: Kwajalein, Jaluit, Majuro, Bikini e Enewetak.
Kala Patthar (Rocha negra, en nepalés) é unha montaña no Himalaia do Nepal de 5.545 metros. Constitúe un cume marxinal do Pumori, que aparece como unha gran formación marrón na súa impresionante cara sur, xunto ao Glaciar Khumbu. Moitos dos sendeiristas que alcanzan o campo base do Monte Everest intentan alcanzar o seu cume.
Alboraia (en valenciano: Alboraia, en castelán: Alboraya) é un concello da Comunidade Valenciana, situado na zona norte da área metropolitana de Valencia, na comarca da Horta Nord, da que conserva todo o sabor típico da de la horta valenciana, é chamada por iso como "El portal de l'Horta" ("O Portal da Horta"). Con 22.174 habitantes (2008) a vila é coñecida por ser o berce da orchata.
Protocolo pode ter varios significados: Un protocolo de actuación é un conxunto de regras escritas que indican que pasos dar nun proceso determinado. Un protocolo, que regula as normas de cortesía nas relacións interpersoais e nos actos sociais. O Protocolo criptográfico, que regula os procedementos de encriptación da información.
Kenzō Tange (丹下健三, Tange Kenzō), nado en Sakai o 4 de setembro de 1913 e finado en Toquio o 22 de marzo de 2005, foi un arquitecto xaponés gañador do Premio Pritzker de Arquitectura no ano 1987. Foi un dos máis significativos arquitectos do século XX, mesturando o estilo tradicional xaponés co modernismo, e deseñando edificios monumentais ao longo de todo o mundo.
Google Académico (en inglés: Google Scholar) é un motor de busca de Google enfocado e especializado na busca de contido e bibliografía científico-académica. O sitio indexa editoriais, bibliotecas, repositorios, bases de datos bibliográficas, entre outros; e entre os seus resultados pódense atopar citas, ligazóns a libros, artigos de revistas científicas, comunicacións e congresos, informes científico-técnicos, teses, tesiñas e arquivos depositados en repositorios. Foi lanzado ao público en versión Beta o 19 de novembro de 2005. O índice inclúe todos aqueles documentos accesibles na Web que cumpran cunha serie de requisitos técnicos.
Unión Internacional para a Conservación da Natureza
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), (en inglés: International Union for Conservation of Nature and Natural Resources, IUCN), é unha organización internacional dedicada á conservación dos recursos naturais. Fundada en 1948, ten a súa sede en Gland (Suíza). A IUCN reúne 78 estados, 112 axencias de goberno, 735 ONGs e miles de expertos e científicos de 181 países.
Na mitoloxía nórdica, Ginnungagap ("aparente baleiro" ou "oco enorme") era o vasto abismo que existía entre Niflheim e Muspelheim antes da creación. Era tan profundo que ningún ollo mortal chegaba a ver o fondo. Ó norte deste xacía o intenso frío do Niflheim, ó sur, o insufrible calor do Muspelheim.
MPlayer é un reprodutor de medios libre e de código aberto que destaca pola súa capacidade para reproducir unha enorme variedade de formatos de vídeo. A súa versión máis recente é a 1.0rc2. Está dispoñible para os sistemas operativos máis importantes, entre os cales están GNU/Linux e outros sistemas baseados en Unix, FreeBSD, Mac OS X e Windows.
O grunge é un tipo de música dos primeiros anos noventa. É unha mestura do rock máis duro dos sesenta coa forza da música punk aderezado con guitarras marcadamente distorsionadas, e caracterízase polo rexeitamento de estilo de metal que marcou os últimos oitenta, con grupos coma Bon Jovi, Whitesnake ou Van Halen. Naceu coa chamada escena de Seattle e o selo discográfico Sub Pop.
En termos de Dereito a cidadanía é a condición da persoa física (dita cidadán ou cidadá) pola cal o ordenamento xurídico dun Estado lle recoñece a plenitude dos dereitos civís e políticos. A cidadanía pode ser vista como un status do cidadán, ou como un contrato xurídico entre ese cidadán e o Estado. As persoas que carecen da cidadanía dun Estado son estranxeiros, se a teñen doutro Estado, ou apátridas se, por contra, non teñen ningunha cidadanía.
A guitarra, un instrumento musical de corda pulsada, evolución da vihuela, é un invento español, desenvolto nos séculos XVI a XVIII e perfeccionada polo lendario Antonio de Torres que lle deu a forma e estrutura que aínda ten hoxe. A guitarra clásica, de concerto ou española, está feita de madeira (normalmente nobres) e ten seis cordas, os tres bordóns graves metálicas e as agudas de nailon ou carbono; antigamente as cordas eran de tripa. No século XX apareceron outros tipos de guitarra nos Estados Unidos, primeiro a chamada acústica, con cordas de aceiro, e despois a guitarra eléctrica, que ten unha pastilla ou imán bobinado que transforma as vibracións nun sinal eléctrico que se pode amplificar.
Camela é unha banda de música española de pop electrónico formada en Madrid. Os seus compoñentes son Dionisio Martín Lobato (vocalista-compositor) e María de los Ángeles Muñoz Dueñas (vocalista-compositora). O terceiro integrante, Miguel Ángel Cabrera Jiménez (teclados-compositor), abandonou o grupo en febreiro de 2013 debido á falta de acordo cos seus compañeiros.
Unha revista científica e un medio de comunicación escrito no que os investigadores e científicos poden publicar periodicamente os seus traballos e investigacións, xunto co desenvolvemento das mesmas, para dalas a coñecer ó resto da xente e a outros científicos. Estes artigos publicados teñen unha gran diversidade de temas, pero sempre referentes a aspectos científicos. Antes de ser publicados, tódolos artigos pasan un control e revisión dun panel de expertos que determinan se reúne uns mínimos de calidade e validez científica, e deciden se o artigo se publica ou non.
O blues é un estilo musical vocal e instrumental que evolucionou dos espirituais, cánticos e cancións de traballo afroamericanos e ten a súa raíz estilística na África Occidental. O blues foi a maior influencia da música popular occidental e americana, con expresión no ragtime, jazz, nas big bands, rhythm and blues, rock and roll e na música country, como tamén na música pop convencional e ata na música clásica moderna. Este xénero desenvolveuse a través das espirituais, cancións de oración, cancións de traballo, rimas inglesas, baladas escocesas e irlandesas narradas e berros de campo.
Bélxica ( pronunciación ) (en alemán: Belgien [ˈbɛlɡiən] , en francés: Belgique [bɛlʒik] , en neerlandés: België [ˈbɛl.ɣi.jə] ), oficialmente Reino de Bélxica ( pronunciación ) (en alemán: Königreich Belgien, en francés: Royaume de Belgique, en neerlandés: Koninkrijk België), é unha monarquía parlamentaria situada en Europa Noroccidental, que fai fronteira cos Países Baixos, Alemaña, Luxemburgo e Francia. É un dos membros fundadores da Unión Europea cuxas institucións principais están hospedadas no país, así como moitas outras organizacións internacionais, como a OTAN. O territorio belga espállase ao longo de 30.528 km², onde viven un pouco máis de 11 millóns de habitantes, o que fai de Bélxica un dos países máis densamente poboados do mundo. O país atópase na encrucillada entre os límites da Europa xermánica coa latina.
O gas é o estado da materia cando non ten forma nin volume de seu. A súa principal composición son moléculas non unidas, expandidas e con pouca forza de atracción, provocando que o gas se expanda para ocupar todo o volume do recipiente que o contén. É considerado nalgúns dicionarios como sinónimo de vapor, aínda que non hai que confundir os seus conceptos, pois este termo debe usarse estritamente para referirse a aquel gas que se pode condensar por presurización a temperatura constante.
Un arquivo é o conxunto de documentos producidos por unha persoa, unha empresa ou unha institución. A xestión de arquivos de dimensións poboacionais só foi posible co xurdimento dos estados modernos, inda que na Idade Media xa existían bibliotecas, bases de datos (rexistros parroquiais) e xestión de contabilidade (foros) en dependencias eclesiásticas.
Para outras moedas coa denominación de "real", véxase a páxina de homónimos Real.O real é a moeda oficial do Brasil. Logo de numerosos trocos monetarios (réis, cruzeiro, novo cruzeiro, cruzado, novo cruzado, novamente cruzeiro e cruzeiro real), Brasil adoptou o real en 1994. As moedas e os billetes brasileiros son emitidos polo Banco Central do Brasil e realizados pola Casa da Moeda do Brasil.
The Meg é un filme chinés-estadounidense de 2018 dirixido por Jon Turteltaub a partir dun guión de Dean Georgaris, Jon Hoeber e Erich Hoeber. Baséase vagamente na novela de 1997 Meg: A Novel of Deep Terror de Steve Alten. Está protagonizado por Jason Statham, Li Bingbing, Rainn Wilson, Ruby Rose, Winston Chao e Cliff Curtis.
iOS é un sistema operativo móbil da multinacional Apple Inc. Orixinalmente desenvolvido para o iPhone (iPhone OS), despois foi usado en dispositivos como o iPod touch e o iPad. Máis tarde en iPad, crearíase o sistema operativo iPad OS para substituír a iOS. Apple non permite a instalación de iOS en hardware de terceiros.
The Economist é unha publicación semanal en lingua inglesa con sede en Londres, que aborda a actualidade das relacións internacionais e da economía desde un marco global. O seu primeiro número foi publicado o 2 de setembro de 1843 baixo a dirección de James Wilson. Aínda que por razóns históricas se define a si mesma como un xornal, o seu formato actual aseméllao ao dunha revista.
Europeana é un repositorio cultural a nivel europeo.Iniciativa da Unión Europea, é financiada pola European Union’s Connecting Europe Facility e os Estados membros da Unión Europea. Os servizos prestados son operados por un consorcio liderado pola Fundación Europeana baixo un contrato de servizo coa Comisión Europea.A 27 de marzo de 2019 daba acceso a 58 207 042 arquivos dixitalizados —libros, música, material gráfico etc.— de coleccións culturais europeas, dispoñendo de ferramentas de procura propias. As diversas coleccións que compoñen o conxunto tamén teñen de xeito interno galerías multimedia, blogs e exposicións ad hoc.
Un imposto é unha clase de tributo (obrigas xeralmente pecuniarias en favor do acredor tributario: goberno central, autonómico ou local) rexido por dereito público, pagado por persoas ou organizacións. Caracterízase por non requirir unha contraprestación directa ou determinada por parte da administración da facenda (acredor tributario). Os impostos na maioría das lexislacións xorden exclusivamente pola "potestade tributaria do Estado", principalmente co obxecto de financiar os seus gastos.
Boy é o álbum de estrea da banda irlandesa de rock U2, editado o 20 de outubro de 1980 a través do selo Island Records. O disco inclúe o primeiro sinxelo da banda que foi un éxito no Reino Unido, "I Will Follow". O disco foi producido por Steve Lillywhite e contén cancións do repertorio de 40 temas que o grupo tiña na época, incluídos dous temas regravados do seu primeiro lanzamento, o EP Three.
Google Trends é unha ferramenta de Google Labs que amosa os termos de busca máis populares do pasado recente. As gráficas de Google Trends representan con canta frecuencia se realiza unha busca particular en varias rexións do mundo e en varios idiomas. No eixo horizontal da gráfica representa o tempo (dende algún momento de 2004), e o eixo vertical representa a frecuencia coa que se buscou o termo globalmente.
O enforcamento ou aforcamento é a suspensión dunha persoa por unha ligadura para producir a morte por suspensión do corpo dende o pescozo. A suspensión pódese facer nunha forca ou culquera outro punto de suxeición a altura dabondo e resistencia ó peso. O enforcamento tamén foi empregado como un xeito de suicidio no cal a persoa aplica unha ligadura ó pescozo até que se presenta a inconsciencia e despois a morte por medio de suspensión parcial ou por mor do soporte do peso na ligadura.
O calado dun corpo é a diferenza entre a súa parte máis somerxida e o nivel que acada a auga no corpo, polo tanto pódese definir como a altura dun corpo somerxida nun líquido, xeralmente aplicado a barcos, bateas, boias e demais obxectos marítimos ou fluviais na auga. Este calado dependerá da densidade do líquido, da superficie na que o corpo toca co líquido e da densidade do corpo principalmente. Por estas razóns mentres que un petroleiro, por exemplo, leva varios metros de barco afundidos, unha lancha planeadora apenas leva uns centímetros.
Unha persoa docente é aquela que se adica ao proceso de aprendizaxe e ensino. Adoitan ter recoñecida unha destreza notábel nunha determinada área do saber, con capacidade de ensinar e compartir os seus coñecementos con outras persoas, denominadas discípulos, aprendices, ou simplemente alumnos. O profesorado que se encarga da educación formal e institucionalizada das etapas de Educación Infantil, Primaria ou Especial en escolas ou colexios adoitan ser chamados mestres e mestras.
O mandarín (北方話, 北方话, běifāng huà , "fala do norte") como termo xeral refírese ao conxunto de dialectos chineses mutuamente intelixíbeis que se fala no norte, centro e suroeste da China continental. Non hai que confundilo coa outra acepción de mandarín, non obxecto deste artigo, a do mandarín estándar ou padrón (普通話 / 普通话, pǔtōnghuà, "lingua común", tamén chamada 漢語 / 汉语, hànyǔ, "lingua dos Hàn" , o cal se refire á lingua oficial da República Popular da China desde 1956, a lingua oficial de Taiwán (Formosa), e unha das catro linguas oficiais de Singapur. O mandarín escríbese por medio de sinogramas, que son susceptíbeis de ser transcritos en caracteres románicos, na actualidade o máis frecuentemente en pinyin (como na maioría dos artigos da Wikipedia), mais tamén en bopomofo.
Países constituíntes ou nacións constitutivas é unha frase ás veces empregada, normalmente por institucións oficiais, en contextos nos cales un número de países compón unha grande entidade ou agrupación; así o OECD usou a frase en referencia á antiga Iugoslavia e as institucións europeas coma o Consello de Europa frecuentemente a empregan en referencia á Unión Europea. Non é terminoloxía técnica e non ten un sentido legal definido; 'constituínte' é simplemente un adxectivo, e a frase non ten un sentido claro fóra dun contexto da entidade ou agrupación de países en cuestión son constituíntes ou os seus compoñentes poden ser entendidos.
Linus Benedict Torvalds, nado en Helsinqui o 28 de decembro de 1969, é un informático finés que comezou o desenvolvemento de Linux, un kernel, e hoxe fai de coordinador do proxecto. Inspirándose no sistema operativo Minix, desenvolto por Andrew S. Tanenbaum para aprenderlle ós seus alumnos como funcionaba un sistema operativo, sentiu a necesidade dun sistema operativo de tipo UNIX capaz de executarse no seu PC. Torvalds fixo o desenvolvemento orixinal do kernel Linux no seu propio equipo durante o seu tempo libre.
A prominencia dunha montaña, tamén denominada prominencia topográfica, altura de culminación, altura relativa, altura autónoma ou factor primario, é unha noción usada en orografía para a clasificación das montañas. Defínese como o desnivel mínimo que hai que descender desde o cume dunha montaña para ascender a outra, calquera que sexa, máis alta. Canto máis prominente sexa unha montaña máis destacará entre as que a rodean, con independencia da súa altitude.
Mauricio (/məˈrɪʃ(i)əs, mɔː-/, francés: Maurice [mɔʁis, moʁis] ( ); Modelo:Lang-mfe), oficialmente a República de Mauricio, é unha nación insular no océano Índico, a uns 2.000 quilómetros da costa sueste do continente africano, ao leste de Madagascar. Constituído polas illas Mascareñas orientais (Mauricio e Rodrigues) e por dous arquipélagos de illotes máis ao norte: as illas Cargados Carallos e as illas Agalega (Saint Brandon).. Os seus veciños máis próximos son a posesión francesa de Reunión, ao oeste, e as Seychelles, ao norte.
Departamento de Estado dos Estados Unidos de América
O Departamento de Estado dos Estados Unidos de América (en inglés: United States Department of State; acrónimo : DOS ) é o departamento executivo federal responsable das relacións internacionais e da política exterior dos Estados Unidos, equivalente aos Ministerios de Asuntos Exteriores doutros países, e forma parte do poder executivo dese Estado-nación.
A temperatura ambiente é a que está comprendida entre as temperaturas que a xente prefire para lugares pechados. Representa o rango no cal o aire non sente nin moi frío nin quente cando se usa roupa de entrecasa. Este rango está entre 15 °C (59 °F) e 30 °C (86 °F) e é o rango para regular a temperatura que ofrecen os dispositivos de control climático.
Para información sobre a batalla da Segunda Guerra Mundial, véxase Batalla de MontecassinoA Abadía de Montecassino é un mosteiro no outeiro rochoso homónimo. É célebre por ser o lugar onde Bieito de Nursia estabeleceu o seu primeiro mosteiro, a fonte da orde beneditina, sobre o ano 529, e por ser o lugar de varias batallas cara ao final da segunda guerra mundial.
Os eucariontes son os organismos con células que conteñen un núcleo e outros orgánulos rodeados de membranas. Os eucariontes pertencen ao dominio Eukarya ou Eukaryota. A característica que os distingue dos procariotas (as bacterias e as arqueas) é a posibilidade de que teñan orgánulos rodeados de membrana, especialmente un núcleo celular e que contén o material xenético rodeado dunha membrana nuclear.
O sánscrito (saṃskr̥tam / संस्कृतम) é unha lingua indoeuropea, da familia indoirania, outrora falada no subcontinente indio. En especial, é a lingua dos textos relixiosos hindús e, neste senso, segue a ser utilizada, ao xeito do latín nos séculos pasados en Occidente, como lingua de culto, cultural e vehicular (un censo de 1981 indica que habería aínda cerca de 6100 falantes; en 1961 aproximadamente 194400 persoas dicían que o empregaban como lingua secundaria). É ademais unha das vinte e dúas linguas oficias da India.
O joule (de símbolo J) é a unidade de enerxía e traballo no SI, e é definida como 1 kg × m2 × s−2 = 1 N × m = 1 W × s. Dito doutras formas, a unidade joule pode definirse como: a enerxía cinética (movemento) dun corpo cunha masa de dous quilogramos que se move a unha velocidade dun metro por segundo (m/s) no baleiro. E c = 1 2 m v 2 {\displaystyle E_{c}={\begin{matrix}{\frac {1}{2}}\end{matrix}}mv^{2}} o traballo necesario para mover unha carga eléctrica dun culombio a través dunha tensión (diferenza de potencial) dun voltio.
Os fakaleiti (tamén chamados leiti, fakafefine ou lady) son homes tonganos que se comportan de xeito efeminado ao contrario co resto dos homes do arquipélago, que tenden a comportarse dunha maneira moi masculina. O termo fakaleiti (cun longo i no final) está formado polo prefixo faka- (na maneira de) e o empréstito anglosaxón lady (dama). Os fakaleiti prefiren autonominarse como leiti ou ladies.
Deutsche Grammophon Records é un selo discográfico alemán especializado en música clásica, pertencente (2022) á empresa Universal Music Group, unha división do grupo francés Vivendi Universal. Foi fundada co nome de Deutsche Grammophon Gesellschaft o 6 de decembro de 1898 polo cidadán estadounidense de orixe alemán Emile Berliner como a filial alemá local da súa Berliner Gramophone Company, converténdoa na compañía discográfica máis antiga do mundo que aínda está en funcionamento.Deutsche Grammophon sempre foi moi coñecido polos seus altos estándares de alta fidelidade. Entre os intérpretes que gravaron coa compañía están Herbert von Karajan, Daniel Barenboim, Leonard Bernstein ou Maria João Pires.
O abismo Challenger (foxa de Challenger ou sima de Challenger) é o punto máis profundo medido nos océanos. Atópase no grupo das illas Marianas, no extremo sur da foxa das Marianas, no océano Pacífico. A terra máis achegada é a illa Fais, unha das illas exteriores de Yap, 289 km ó suroeste, e Guam, 306 km ao nordés.
Mission: Impossible é unha serie de televisión estadounidense creada e producida por Bruce Geller. Relata as historias dun equipo secreto do goberno coñecido como Impossible Missions Force (IMF). Na primeira tempada, o equipo é liderado por Dan Briggs, interpretado por Steven Hill; Jim Phelps, interpretado por Peter Graves, toma o relevo para o resto das tempadas.
Zinedine Yazid Zidane, nado o 23 de xuño de 1972 en Marsella, é un exfutbolista francés e actual adestrador de fútbol, de familia orixinaria da Cabilia alxeriana. É considerado por algúns medios o máximo expoñente do fútbol mundial de mediados dos anos 90 e principios do 2000 así como un dos mellores xogadores de fútbol de tódolos tempos. Está incluído na lista dos 125 máis grandes xogadores vivos realizada por Pelé, en asociación coa FIFA. Dita organización distinguiuno como Mellor xogador Mundial en 1998, 2000, 2003.
Reuters é unha axencia de noticias con sede no Reino Unido, coñecida por subministrar información a medios de comunicación e mercados financeiros. Está presente en máis de 201 cidades de 94 países e achega información en máis de vinte linguas. Reuters é unha das maiores axencias de noticias do mundo.Aínda que é coñecida polo seu labor como axencia de noticias, isto só supón o 10 % dos ingresos totais do grupo.
Nyugat ("Occidente") foi a revista fundamental da literatura húngara do século XX. Publicouse en Budapest entre o 1 de xaneiro de 1908 e o 1 de agosto de 1941. O seu primeiro número non se publicou como di a súa portada o 1 de xaneiro de 1907 senón no Nadal de 1907. A revista xogou un papel moi importante na renovación da literatura húngara e nela colaboraron autores relevantes da época como Dezső Kosztolányi.
Sutorenjia Mukōhadan (ストレンヂア 無皇刃譚, Stranja Mukōhadan) é un filme xaponés dirixido por Masahiro Andō que se estreou no 2007. O filme conta a historia de Kotaro, un cativo que é perseguido por un grupo de espadachíns da Dinastía Ming por razóns misteriosas. Entre eles hai un bravo loitador occidental chamado Luo-Lang, cuxo único desexo é atopar un rival do seu talle.
Indicación Xeográfica Protexida
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) é un nome empregado para designar un produto agrícola, alimenticio ou doutro tipo, que posúe unha orixe xeográfica determinada e cuxa calidade ou reputación débese ao devandito lugar de orixe. Habitualmente, consiste no nome da localidade, rexión ou país de orixe de tales produtos. Debido a que as calidades do produto proveñen do medio xeográfico no que se elaboran, a indicación xeográfica supón un viorto entre o produto e o lugar de orixe.
Cornelius Vanderbilt I, nado en Staten Island o 27 de maio de 1794 e finado en Manhattan o 4 de xaneiro de 1877, tamén coñecido como O Comodoro ("The Comodore") ou Comodoro Vanderbilt, foi un empresario estadounidense que amasou a súa fortuna grazas ao transporte mediante barcos e ferrocarrís. Foi o patriarca da familia Vanderbilt. No negocio ferroviario, a compañía de Vanderbilt era a Accessory Transit Company (compañía de tránsito accesorio).
As Canarias son un arquipélago do Atlántico, unha das dezasete comunidades autónomas de España e unha das rexións ultraperiféricas da Unión Europea. Está formada por oito illas: El Hierro, La Gomera, La Palma e Tenerife, que forman a provincia de Santa Cruz de Tenerife; e Fuerteventura, Gran Canaria, Lanzarote e La Graciosa, que forman a provincia das Palmas. Tamén fan parte das Canarias os illotes deshabitados de Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste, que forman xunto coa illa de La Graciosa o Arquipélago Chinijo, e a Illa de Lobos, todos eles pertencentes á provincia das Palmas.
O dalton (símbolo Da) ou unidade de masa atómica (símbolo u) é unha unidade de masa empregada en física e química, especialmente na medida de masas atómicas e moleculares. Equivale á doceava (1/12) parte da masa dun átomo de carbono-12. No Sistema Internacional de Magnitudes (ISO 80000-1), dáse como único nome o de dalton e desaconséllase o de unidade de masa atómica unificada.
O carbón vexetal é un material que se obtén da queima ou carbonización da madeira; após este proceso a madeira dá como resultado unha substancia negra. Na vida cotiá, o carbón vexetal emprégase como combustible para quentadores, lareiras, grellas e cociñas de leña, ademais de abastecer a algúns sectores industriais, como as siderurxias. O carbón vexetal tamén se usa en medicina, neste caso chamado carbón activado procedente de certas madeiras brandas e non resinosas.O maior produtor do mundo é o Brasil, con preto do 12% da produción mundial.
Un programa é un conxunto de emisións periódicas transmitidas por televisión ou radio, agrupadas baixo un título ou cabeceira común, nas que a modo de bloque inclúese a maior parte dos contidos audiovisuais que se ofrecen nunha cadea. No ámbito profesional, non son considerados programas os bloques de contidos dedicados ás autopromocións, á continuidade e á publicidade convencional. Os programas televisivos serven para entreter, informar, entre outras finalidades.
Geographic Names Information System
O Geographic Names Information System (GNIS) é unha base de datos que contén nomes e información sobre localidades xeográficas. Alberga máis de 2 millóns de localidades xeográficas e culturais dos Estados Unidos. É un tipo de gazetteer (dicionario xeográfico).