Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A colocación do produto, tamén coñecida polo anglicismo Product placement, consiste nunha estratexia publicitaria baseada na introdución dun determinado produto ou unha marca nun soporte audiovisual. Esta técnica xorde nos Estado Unidos dos anos 30 no ámbito cinematográfico con fines narrativos que tras a segunda guerra mundial se ve truncada poca desconfianza que transmitía a publicidade. Na década dos 70 tivo un gran prestixio pola aparición das axencias especializadas encargadas de buscar e negociar cos creadores das series e películas.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Luís XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
A Declaración de Arbroath foi unha declaración de independencia do Reino de Escocia, asinada o 6 de abril de 1320 en Arbroath por 51 señores feudais. A declaración consistiu nunha carta enviada ao papa Xoán XXII, onde lle solicitaban ao pontífice que recoñecese a soberanía de Roberto I de Escocia sobre o territorio escocés. A Declaración, que aínda se conserva hoxe, é unha das tres misivas que debeu recibir o papa, canda unha do clero e outra do propio monarca escocés.
A Unión Soviética, de nome completo Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (abreviado: URSS, en ruso: Союз Советских Социалистических Республик ou СССР, tr.: Soyuz Sovétskij Sotsialistícheskij Respublik) foi unha federación de repúblicas soviéticas de proporcións continentais, cubrindo practicamente un sexto das terras emerxidas do planeta, converténdose así no meirande estado do planeta, o que tiña máis liña de costa e máis quilómetros de fronteiras ademais de ser un dos máis diversos etnicamente.Foi fundada o 30 de decembro de 1922 pola xuntanza dos países que formaban o antigo Imperio Ruso, tanto de Europa como de Asia, cun número que variou ao longo do tempo, aínda que foi de quince durante a maior parte da existencia do estado. Foi unha das dúas superpotencias durante a guerra fría xunto aos Estados Unidos de América. Foi disolta o 26 de decembro de 1991.
O Premio Óscar ó mellor actor é unha das categorías dos Premios Óscar que cada ano entrega a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas nos Ánxeles (California). Entrégase a un actor que tivese unha interpretación nun papel principal na industria do cinema. Tradicionalmente, o premio é presentado pola gañadora do Óscar á mellor actriz na edición anterior.
Na elocuencia grecorromana, chámase asianismo á tendencia baseada nos presupostos lingüísticos dos anomalistas. Os asianistas opoñíanse aos aticistas. O estilo asianista era irregular, baseábase en frases breves e inconexas, utilizaba abondosas figuras retóricas e efectos rítmicos e fonéticos rebuscados.
Nintendo (任天堂, にんてんどう) é unha compañía de videoxogos, fundada no século XIX en Kyoto no Xapón. Comezou facendo xogos de cartas, de entre elas as chamadas Hanafuda (carta de flor) que tiveron grande éxito. Máis tarde entraría no mercado dos xoguetes electrónicos, para ser unha das pioneiras do videoxogo a finais dos anos setenta.
O ATR 42 é un avión bimotor turbohélice rexional de curto alcance fabricado en Francia e Italia por ATR (Aerei da Trasporto Regionale ou Avions de transport régional). Os modelos de ATR son ensamblados finalsmente en Tolosa, e comparten recursos e tecnoloxía con Airbus. O nome "42" ven do número estándar de asentos do avión, que varía de 40 a 52.
Thomas Bangalter, nado en París o 3 de xaneiro de 1975, é un músico francés de música electrónica membro do dúo Daft Punk xunto con Guy-Manuel de Homem-Christo, ao cal coñeceu na escola primaria, e os dous fixeronse moi amigos debido aos seus intereses moi similares. Bangalter comezou a tocar o piano a idade dos seis anos, e entre os seus éxitos destacan "Get Lucky". Fora da produción musical Bangalter é coñecido pola creación das BSO para os filmes de Gaspar Noé, Irréversible e tamén Enter the Void.
Varsovia (en polaco: Warszawa, [varˈʂava] (AFI), escoitar; en alemán: Warschau) é a capital e cidade máis poboada de Polonia. A cidade atópase na chaira do río Vístula no corazón da rexión de Mazowsze (da que tamén é capital), aproximadamente a medio camiño tanto da costa do mar Báltico coma dos Montes Cárpatos. A súa poboación no ano 2017 era de 1 753 977 persoas, cunha área metropolitana de preto de 3,1 millóns de persoas.
Iahrtseit (יאָרצײַט, "Tempo (dun) ano" en yiddish, escrito tamén iortsait coa ortografía iiddish estándar do YIVO, Instituto Científico Xudeu; Iohr Tseit, iahrseit, e iartseit, é un termo usado polos xudeus asquenacís non yiddish-parlantes para referirse á conmemoración anual do día da morte dun familiar. Esta data tamén é coñecida en ladino como naghala. É de práctica xeral, baseada na tradición xudía de que os doentes deben conmemorar a morte dun parente.
Biblioteca Virtual de Prensa Histórica
A Biblioteca Virtual de Prensa Histórica (BVPH) é unha hemeroteca dixital española. Fundada en 2009 e xestionada polo Ministerio de Cultura e Deporte de España, dixitalizou numerosas publicacións periódicas, desde o século XVIII até o XXI. Nela recóllense fondos de diversas comunidades autónomas. A BVPH, que en 2013 contaba con 2037 títulos, compleméntase coa Hemeroteca Dixital da Biblioteca Nacional de España.
Un xardín é unha zona de terreo onde se cultivan especies vexetais para o pracer dos sentidos. Facer estas hortas sen finalidade económica vén dunha larga tradición, e xa eran famosos os Xardíns colgantes de Babilonia, considerados como unha das marabillas do mundo antigo, o que denota que estes espazos de ocio teñen desde entón unha larga tradición. Un xardín pode incorporar tanto materiais naturais como feitos polo ser humano.
Pan European Game Information (en galego: Información Paneuropea sobre Videoxogos) ou PEGI é un sistema europeo para clasificar o contido dos videoxogos e outro tipo de software de entretemento. Foi desenvolvido pola ISFE e entrou en práctica en 9 de abril do 2003. O sistema PEGI aplícase en 25 países sen ter relación algunha coa Unión Europea.
Joseph Adam Jonas (Casa Grande, Arizona, 15 de agosto de 1989) é un cantante, músico, actor e bailarín estadounidense. É membro da banda de pop rock "Jonas Brothers" xunto cos seus irmáns Kevin Jonas e Nick Jonas e é o vocalista da banda DNCE. Ademais, desempeñou o papel de Shane Gray nas películas "Camp Rock" e de "Camp Rock 2": The Final Jam e Joseph Lucas na serie JONAS, producións de Disney Channel. En 2011 lanzou o seu primeiro e único álbum solista, "Fastlife".
Hideaki Anno (庵野 秀明, Anno Hideaki), nado en Ube o 22 de maio de 1960, é un animador, director de cinema e actor xaponés. É coñecido por ser o creador do popular anime Neon Genesis Evangelion. O seu estilo quedou definido pola incorporación do posmodernismo e da extensa representación dos pensamentos e emocións dos personaxes, a miúdo a través de escenas non convencionais que presentan a súa deconstrución mental.
O Premio do Banco de Suecia en Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel (en sueco Sverixes Riksbanks pris i ekonomisk vetenskap till Alfred Nobels minne) foi instituído en 1969 polo Banco de Suecia (‘‘Sverixes Riksbank’‘), o máis antigo dos bancos centrais, para celebrar o tricentésimo aniversario da súa fundación. O premio é xestionado pola Real Academia das Ciencias de Suecia, que o outorga anualmente, entregándose á vez que os premios Nobel (excepto o da Paz). Como nos premios Nobel, non pode repartirse entre máis de tres persoas en cada ocasión.
Voo 1308 de Inex-Adria Aviopromet
O voo 1308 de Inex-Adria Aviopromet era un McDonnell Douglas MD-81 que operaba un voo chárter á illa francesa de Córsega. O día 1 de decembro de 1981 o avión esnafrouse no monte San-Pietro matando ás 180 persoas a bordo. Foi o primeiro accidente fatal dun MD-80 e o peor sinistro dun avión deste tipo.
O Ankh (en inglés: Ankh, en alemán: Anch, en francés: Ânkh; pronunciado en todos estes idiomas con consoante aspirada final) é un xeroglífico exipcio que significa "vida", un símbolo moi utilizado na iconografía relixiosa desta cultura. Tamén se denomina cruz ansada: cruz coa parte superior en forma de óvalo, lazo, á, crux ansata en latín, a "chave da vida" ou a "cruz exipcia".
Tropicos é unha base de datos de botánica que contén información taxonómica das plantas, principalmente da ecozona neotropical (América Central e América do Sur). É mantido polo Xardín Botánico de Missouri e foi estabelecido hai 25 anos. A base de datos contén imaxes e datos taxonómicos e bibliográficos de máis que 4,2 millóns de especies de plantas.
ORCID (Open Researcher Contributor Identification ( pronuncia en inglés ), en galego "Identificador Aberto de Investigador e Colaborador") é un código alfanúmerico non propietario que identifica as autoras e autores do eido científico ou académico. Aborda os problemas asociados á localización da autoría nas publicacións científicas ou nas publicacións da área das Humanidades. Á hora de recuperar as contribucións dunha persoa nestes ámbitos hai moitas prácticas que dificultan este labor: o uso de nomes persoais que non son únicos; as diferentes prácticas culturais no que á orde dos nomes se refire; a inconsistencia entre o uso das abreviaturas de nomes e o emprego de distintos alfabetos.
Isaac Peral nado en Cartagena, Murcia, o 1 de xuño de 1851 e finado en Berlín o 22 de maio do 1895, foi un científico e mariño, inventor do submarino Peral (1885), primeiro submarino da historia que contaba cun sistema de lanzamento de torpedos, o mesmo dos submarinos actuais. Tras unha pequena mais intensa carreira como mariño da Armada Española, interveu na guerra de Cuba e na Terceira Guerra Carlista, acreditando pericia e valor, polo que foi felicitado e condecorado. Tamén destacou en traballos e misións de carácter científico: escribiu un Tratado teórico práctico sobre huracanes e traballou no levantamento dos planos do canal de Simanalés (Filipinas).
Unha escaleira é unha construción deseñada para unir diversos espazos situados en varios niveis en vertical, dividíndoo en alturas reducidas cun lugar para poñer o pé, chamadas chanzos. Poden ser fixas, transportábeis ou móbiles. A escaleira ampla, xeralmente artística ou monumental, coñécese co nome de escalinata.
Categoría lingüística que diferencia a cantidade de persoas que forman parte dunha entidade semántica: en galego, temos singular e plural, pero estes non son os únicos números. En linguas coma o árabe, hai outro número dual, que diferencia ás entidades que en galego serían plurais pero que están formadas por só dúas cousas. Do mesmo xeito, hai linguas que posúen un número chamado trial, e mesmo outras que teñen quatrial.
José de Ribera y Cucó nado en Xàtiva (Valencia) o 12 de xaneiro de 1591 e finado en Nápoles, Italia, o 2 de setembro de 1652, foi un pintor e gravador de orixe española do século XVII, que desenvolveu toda a súa carreira en Italia e principalmente en Nápoles. Foi tamén coñecido co seu nome italianizado Giuseppe Ribeira e co alcumo Lo Spagnoletto («o españolito») debido á súa baixa estatura e a que reivindicaba as súas orixes asinando as súas obras como «Jusepe de Ribera, español» (como no seu cadro Apolo e Marsias ou «setabense» (de Xàtiva) ou en varias obras indicando ambas as cousas á vez, sendo común que asinase como «Jusepe Ribera, español, setabense, Partenope». Cultivou un estilo naturalista que evolucionó do tenebrismo de Caravaggio cara a unha estética máis colorista e luminosa, influída por van Dyck e outros mestres.
O dólar da Liberdade sentada (en inglés: Seated Liberty dollar) foi unha moeda dun dólar de prata cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1840 e 1873, deseñada polo seu gravador xefe, Christian Gobrecht. Foi a derradeira moeda de prata deste valor cuñada antes da aprobación da Lei da Moeda de 1873, que supuxo unha interrupción temporal da emisión do dólar de prata. O anverso desta moeda baséase no do anterior "dólar Gobrecht", ao que substitúe, cuñado de xeito experimental entre 1836 e 1839.
A exuvia é a cutícula ou cuberta exterior (exoesqueleto), abandonada polos artrópodos (insectos, crustáceos e arácnidos) tras a muda. A exuvia dun artrópodo pode ser ben útil para identificar a especie e tamén o sexo do animal.Non é sempre práctico estudar insectos, crustáceos ou arácnidos directamente; en ocasións é máis fácil recoller e estudar as súas exuvias coas que poden determinarse varios aspectos xerais do seu ciclo biolóxico, a súa distribución, número de individuos por sexo, poboacións presentes nun ecosistema etc.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Liga de Campións da UEFA 2016-17
A Liga de Campións da UEFA 2016–17 foi a 62.ª edición da Liga de Campións da UEFA, a máxima competición europea de fútbol a nivel de clubs organizada pola UEFA. A final xogouse no Millennium Stadium de Cardiff, Gales.
Mongolia Interior (en mongol: Öbür Monggol e cirílico: Өвөр Монгол, Övör Mongol, en chinés: 内蒙古), oficialmente coñecida como Rexión Autónoma de Mongolia Interior (ᠦᠪᠦᠷᠮᠣᠩᠭᠤᠯ ᠤᠨᠥᠪᠡᠷᠲᠡᠭᠡᠨᠵᠠᠰᠠᠬᠣᠣᠷᠣᠨ), é unha rexión autónoma da República Popular da China, que se atopa no norte do estado. Contén a maior parte da fronteira da China con Mongolia (o resto da fronteira entre a China e Mongolia está na rexión autónoma de Xinjiang e na provincia de Gansu) e un pequeno anaco da fronteira con Rusia. A súa capital ié Hohhot, e outras cidades salientables son Baotou, Chifeng e Ordos.
Songkick é unha compañía tecnolóxica estadounidense que proporciona servizos de descubrimento de concertos e de vendas de entradas para eventos musicais ao vivo. A web e a app móbil de Songkick permite aos usuarios rastrexar a artistas en xira, recibir alertas de concertos na súa área e mercar entradas para os espectáculos, usando tecnoloxía e servizos que dirixen e xestionan as vendas de entradas en nome de artistas.
O termo aglomeración ou ateigamento utilízase frecuentemente para facer referencia á acumulación de individuos ou de animais nun mesmo lugar, o cal non se acha fisicamente preparado para albergalos de tal maneira que, esas persoas ou animais que se achan vivindo nesa situación se verán afectadas non unicamente pola incomodidade de ter que compartir un espazo mínimo con outros, senón tamén que por mor diso será practicamente imposíbel que o lugar observe unha hixiene e seguridade satisfactoria, afectando a saúde das persoas, e mesmo, naquelas situacións máis extremas até pode existir risco para a vida.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Biblioteca Nacional de Francia
A Biblioteca nacional de Francia (en francés: Bibliothèque nationale de France), coñecida polo acrónimo BnF e chamada tamén Biblioteca Nacional de París, é unha das bibliotecas máis importantes de Francia e do mundo. Ten o estatuto de estabelecemento público. As súas actividades desenvólvense en diferentes sedes, sendo François Mitterrand a principal, situada no barrio de Tolbiac, na beira sur de París.
Ask e Embla, segundo a mitoloxía nórdica, foron os dous primeiros seres humanos creados polos deuses, análogos a Adán e Eva. Odín e os seus irmáns, Ve e Vili, crearon os nove mundos da cosmoloxía nórdica. Atoparon máis tarde dous troncos crecendo nunha praia, un de freixo e un de umeiro e déronlles unha forma humana (segundo outra versión, foron Odín, Hœnir e Loki os deuses involucrados).
Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar, está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla desemboca na ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 27 km e de Ribeira atópase a uns 37 km, ten unha superficie de 36,1 km2 e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2023 tiña 2 675 habitantes (1 276 eran homes e 1 399 mulleres), cunha densidade de poboación de 73,29 hab./km2.
O Comité Olímpico Chinés (en chinés: 中国奥林匹克委员会; pinyin: Zhōngguó Àolínpǐkè Wěiyuánhuì) é o organismo oficialmente designado pola República Popular da China para representar o país nos Xogos Olímpicos e noutras federacións de deporte internacionais afiliadas dende 1979, logo de que a resolución de Nagoya fose adoptada polo Comité Olímpico Internacional (COI).
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Universidade Pontificia da Santa Cruz
A Universidade Pontificia da Santa Cruz é unha institución universitaria situada en Roma, inaugurada o 15 de outubro de 1984. Está a cargo da Prelatura da Santa Cruz e Opus Dei. O 9 de xaneiro de 1990, foi creado o Ateneo Romano da Santa Cruz, autorizado para impartir os estudos en teoloxía e filosofía.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
A anandamida (ANA), tamén chamada N-araquidonoiletanolamina (AEA), unha N-aciletanolamina (NAE), é un ácido graxo neurotransmisor. A anandamida foi o primeiro endocannabinoide que se descubriu. Paricipa no sistema endocannabinoide do corpo uníndose a receptores de cannabinoides, os mesmos receptores sobre os que actúa o composto psicoactivo THC do cánnabis.
A Wikipedia en indonesio (en indonesio: Wikipedia bahasa Indonesia) é a edición da enciclopedia libre Wikipedia en lingua indonesia. O seu primeiro artigo foi escrito o 30 de maio de 2003, aínda que a súa Páxina principal foi creada seis meses despois, o 29 de novembro de 2003.Esta versión da enciclopedia contén 673.671 artigos e 1.447.664 usuarios, dos cales 2.896 son activos.
Sentín, Rubiáns, Vilagarcía de Arousa
Sentín é un lugar da parroquia de Rubiáns no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, na comarca do Salnés, segundo consta no Nomenclátor de Galicia . Non obstante, o IGE non rexistra habitantes neste lugar no censo de 2016 , polo que non se poden achegar datos da súa poboación.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 244.700 habitantes (INE 2022), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Astorga (en leonés, Estorga) é unha cidade da provincia de León, sita na comunidade autónoma de Castela e León, (España), atópase a 48 quilómetros ao suroeste da capital provincial de León, é cabeza da comarca da Maragatería. A súa poboación é de 10.553 habitantes (INE, 2021). Corresponde á antiga Asturica Augusta - topónimo do cal o actual é unha derivación -, capital dun dos conventos xurídicos da antiga Gallaecia.
O algodón ou cotón é unha fibra branca ou esbrancuxada que se obtén dos froitos dos algodoeiros (algunhas especies do xénero Gossypium, familia Malvaceae). Hai moitas especies nativas das áreas tropicais de África, Asia e América, e desde o final da última Era glacial xa se confeccionaban tecidos con algodón. Actualmente, soamente se aproveitan 4 especies a grande escala para a confección de tecidos e instrumentos médicos.
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939 e finada en Majadahonda o 2 de decembro de 2023, foi unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
3/24 é unha canle de Televisió de Catalunya, a emisora pública de Cataluña, dedicada integramente á emisión de noticias, as 24 horas do día. Comezou a emitir o 11 de setembro de 2003, nunha iniciativa para desenvolver a televisión dixital terrestre (TDT), aínda que nun principio emitía simultaneamente a través da televisión analóxica convencional. Emitía programas informativos da primeira canle catalá (TV3) e desde outubro do mesmo ano comezou a producir as súas propias emisións.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".
William Bradley "Brad" Pitt, nado en Shawnee (Oklahoma) o 18 de decembro de 1963, é un actor e produtor estadounidense. Pitt recibiu catro nomeamentos ós Premios Óscar e cinco ós Globos de Ouro, e é gañador dun Globo de Ouro. Foi descrito como un dos homes máis atractivos do mundo, un feito polo cal recibiu moita atención por parte dos medios de comunicación.Pitt gañou recoñecemento por vez primeira interpretando a un cowboy autostopista en Thelma e Louise (1991).
Pablo Ruiz Picasso, nado en Málaga o 25 de outubro de 1881 e finado en Mougins, Francia, o 8 de abril de 1973, foi un pintor español máis coñecido polo nome artístico de Pablo Picasso, xa que asinaba co segundo apelido. Foi un dos máis recoñecidos artistas do século XX, coñecido sobre todo porque fundou o cubismo xunto con Georges Braque. Na súa dilatada carreira, evolucionou por diferentes estilos e experimentou con outras disciplinas como a cerámica, a escultura con bronce, o collage, e mesmo fixo poesía.
Alemaña nazi e Terceiro Reich son os nomes comúns para designar a Alemaña durante o período entre 1933-1945, cando o goberno estaba controlado por Adolf Hitler e o seu Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), máis coñecido como Partido Nazi. Baixo o goberno de Hitler, Alemaña foi transformada nun estado totalitario, onde case todos os aspectos da vida eran controlados polo Estado. A Alemaña nazi deixou de existir despois de que as Forzas Aliadas derrotaran a Wehrmacht en maio de 1945, co que rematou así a segunda guerra mundial en Europa.