Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A colocación do produto, tamén coñecida polo anglicismo Product placement, consiste nunha estratexia publicitaria baseada na introdución dun determinado produto ou unha marca nun soporte audiovisual. Esta técnica xorde nos Estado Unidos dos anos 30 no ámbito cinematográfico con fines narrativos que tras a segunda guerra mundial se ve truncada poca desconfianza que transmitía a publicidade. Na década dos 70 tivo un gran prestixio pola aparición das axencias especializadas encargadas de buscar e negociar cos creadores das series e películas.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Lois XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Ola mundo é un programa informático que simplemente imprime o texto «Ola mundo!» nun dispositivo de saída, xeralmente un monitor. Habitualmente o programa úsase como introdución ao estudo dunha linguaxe de programación e constitúe un típico primeiro exercicio, fundamental dende o punto de vista didáctico. Nalgunhas linguaxes, configurar un conxunto de ferramentas básicas completo dende cero ata compilar e executar pequenos programas envolve unha cantidade de traballo substancial, e por isto polo que se usa como un programa moi simple para probar un novo conxunto de ferramentas.
Campionato do Mundo de Ciclismo en Ruta de 2014
O Campionato do Mundo de Ciclismo en Ruta de 2014 foi a 81ª edición do Campionato do Mundo de Ciclismo en Ruta. O campionato celebrouse entre o día 21 e o día 28 de setembro de 2014 na cidade de Ponferrada, capital do Bierzo.
Os glareólidos (Glareolidae) constitúen unha familia de aves limícolas da suborde Charadrii. Comprende os corredores (dos que en Galicia vive o Cursorius cursor) e as anduriñas do mar (en Galicia vive Glareola pratincola). O atípico Pluvianus aegyptius, tradicionalmente situado nesta familia, sábese agora que só está distantemente relacionado con ela e clasifícase na súa propia familia, Pluvianidae.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Alison Bechdel, nada en Lock Haven o 10 de setembro de 1960, é unha autora de banda deseñada estadounidense. O seu primeiro traballo a chamar a atención da crítica foi a serie de banda deseñada Dykes to Watch Out For (producida ao longo de 25 anos, entre 1983 e 2008), disruptiva por tratar nos anos 1980 os relacionamentos lésbicos. Mais foi en 2006 que Bechdel obtivo máis recoñecemento, coa publicación de Fun Home: Unha Familia Traxicómica, unha obra autobiográfica en banda deseñada, apuntado pola revista Time como o mellor libro do ano (única HQ a recibir esa distinción) e finalista do National Book Critics Circle Award.
JavaScript (JS) é unha linguaxe de programación interpretada, é dicir, que non require compilación, utilizada principalmente en páxinas web, cunha sintaxe semellante á da Linguaxe Java e a linguaxe C. Ao contrario que Java, JavaScript non é unha linguaxe orientada a obxectos propiamente, xa que non dispón de herdanza, é máis ben unha linguaxe baseado en prototipos, xa que as novas clases xéranse clonando as clases base (prototipos) e estendendo a súa funcionalidade.Todos os navegadores interpretan o código JavaScript integrado dentro das páxinas web. Para interactuar cunha páxina web provese á linguaxe JavaScript dun desenvolvemento do DOM. O seu uso máis estendido atópase en páxinas web HTML para realizar tarefas e operacións no marco da aplicación unicamente cliente, sen acceso a funcións do servidor.
Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar, está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla desemboca na ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 27 km e de Ribeira atópase a uns 37 km, ten unha superficie de 36,1 km2 e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2023 tiña 2 675 habitantes (1 276 eran homes e 1 399 mulleres), cunha densidade de poboación de 73,29 hab./km2.
O algodón ou cotón é unha fibra branca ou esbrancuxada que se obtén dos froitos dos algodoeiros (algunhas especies do xénero Gossypium, familia Malvaceae). Hai moitas especies nativas das áreas tropicais de África, Asia e América, e desde o final da última Era glacial xa se confeccionaban tecidos con algodón. Actualmente, soamente se aproveitan 4 especies a grande escala para a confección de tecidos e instrumentos médicos.
3/24 é unha canle de Televisió de Catalunya, a emisora pública de Cataluña, dedicada integramente á emisión de noticias, as 24 horas do día. Comezou a emitir o 11 de setembro de 2003, nunha iniciativa para desenvolver a televisión dixital terrestre (TDT), aínda que nun principio emitía simultaneamente a través da televisión analóxica convencional. Emitía programas informativos da primeira canle catalá (TV3) e desde outubro do mesmo ano comezou a producir as súas propias emisións.
Organización Mundial do Comercio
A Organización Mundial do Comercio, coñecida tamén polo acrónimo OMC, é unha organización internacional que supervisa un gran número de acordos sobre as "regras do comercio" entre os seus estados-membros. A OMC non forma parte do sistema das Nacións Unidas, e tampouco dos organismos de Bretton Woods como o Banco Mundial ou o FMI.A OMC comezou oficialmente o 1 de xaneiro de 1995 despois do acordo de Marrakesh, asinado por 123 nacións o 15 de abril de 1994, e que substituía o Acordo Xeral de Tarifas e Comercio (GATT), que comezara en 1948. É a maior organización económica do mundo.O corpo principal de decisións da OMC é a Conferencia Ministerial, que adoita reunirse cada dous anos.
Un Estado non recoñecido é un territorio cuxa soberanía non está recoñecida internacionalmente a pesar de ser administrado parcial ou plenamente por algún organismo polo menos potencialmente autónomo. As rexións son países na medida en que acollan os tres elementos que esixe para iso o Dereito Internacional: territorio, poboación e goberno autónomo. O recoñecemento por parte da Comunidade Internacional ten un efecto político e declarativo, pero a existencia dun Estado só depende da vontade da poboación dunha rexión determinada de constituírse como sociedade independente, consecuentemente, o concepto de "estado non recoñecido" non nega, estritamente, a súa existencia, senón que afirma que non recoñece a súa independencia ou soberanía por cuestións de política ou legalidade.
Procariota e procarionte redirixen aquí. Para outras informacións taxonómicas ver Monera e Prokaryota.Chámase célula procariota (do grego πρό-, pro- = 'antes de' e κάρυον, káryon = 'noz, núcleo') a aquela célula sen núcleo celular diferenciado, é dicir, cuxo ADN se atopa disperso no citoplasma.As células que si teñen un núcleo, é dicir, co ADN pechado tras dunha cuberta membranosa, chámanse eucariotas e constitúen as formas de vida máis coñecidas e complexas, as que forman o imperio ou dominio Eukarya. As procariotas son células máis pequenas e moito menos complexas que as eucariotas e carecen de orgánulos como as mitocondrias, retículo endoplasmático, aparato de Golgi e outros.
María Dolores Flores Ruiz, máis coñecida polo nome artístico de Lola Flores, nada en Xerez da Fronteira o 21 de xaneiro de 1923 e finada en Alcobendas (Madrid) o 16 de maio de 1995, foi unha cantante de copla, bailaora e actriz española, artisticamente alcumada "La Faraona". Estivo casada co guitarrista Antonio González "El Pescaílla" (1926-1999), co que tivo tres fillos, os cantantes Lolita Flores (Dolores González Flores) (1958), Antonio Flores (Antonio González Flores) (1961-1995) e Rosario Flores (Rosario González Flores) (1964). Foi irmá da tamén cantante Carmen Flores (1936), tía do exfutbolista e adestrador Quique Sánchez Flores (1965) e avoa das actrices Elena Furiase (filla de Lolita) e Alba Flores (filla de Antonio).
Fernando Julián Esteso Allué, nado en Zaragoza o 16 de febreiro de 1945, é un actor, director, guionista, cantante e humorista de cine, teatro e televisión español. A relación de Fernando Esteso co mundo do espectáculo foi bastante cedo, comezando a traballar como pallaso co seu pai cando era só un neno.Trasladouse a Madrid en 1964 aos dezanove anos, onde pouco despois debutou como actor de teatro e en 1972 actuaba co seu propio espectáculo. Xa na década de 1970 fíxose popular como humorista en diversos programas de televisión, gravando clásicos do humor ibérico como o comercial "Coñac La Parra".
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Titán é a maior lúa de Saturno e a segunda maior de todo o Sistema Solar, despois de Ganímedes, tendo case unha vez e media o tamaño da nosa Lúa. É maior que un dos planetas principais, Mercurio, e que o planeta anano Plutón, e se orbitase ao redor do Sol sería un planeta por dereito propio. Esta é a única lúa no Sistema Solar que ten unha atmosfera densa, sendo mesmo máis densa que a da Terra.
O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Río Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Juan e José Ramón Varela Portas, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, actualmente compite na Liga ACB, competición da que é un dos equipos fundadores, tras ascender en 2021 desde a Liga LEB. Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Orihuela (en castelán e oficialmente: Orihuela, en valenciano: Oriola) é unha cidade da provincia de Alacant, capital da comarca do Baix Segura, na Comunidade Valenciana. Foi capital de provincia e do Reino. Foi nomeada cidade o 11 de setembro de 1437, a primeira en toda a actual provincia de Alacant.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 244.700 habitantes (INE 2022), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Celanova (do latín cella nova, 'cuarto pequeno, almacén ou santuario recente, de nova construción' ) é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 5.533 persoas (6.020 en 2009). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «celanovés».
O Racing Club de Ferrol, S.A.D. é un club de fútbol da cidade de Ferrol (A Coruña), fundado no 1919 pola fusión do Racing Club e o Club Ferrol, dous dos equipos da cidade nesa época. Xoga actualmente na Segunda División tras conseguir o ascenso na tempada 2022/23. Entre os seus maiores logros conta con tres campionatos galegos, un subcampionato da Copa do Rei en 1939, e un segundo posto na Segunda División en 1940.
O dogma da Inmaculada Concepción é un artigo de fe do Catolicismo que sostén a crenza en que María, nai de Xesús, a diferenza de todos os demais seres humanos, non foi alcanzada polo pecado orixinal senón que, desde o primeiro instante da creación da súa alma, estivo libre de todo pecado. Non debe confundirse esta doutrina coa da maternidade virxinal de María, que sostén que Xesús foi concibido sen intervención de home e que María permaneceu virxe antes, durante e despois do parto. Ao desenvolver a doutrina da Inmaculada Concepción, a Igrexa católica contempla a posición especial de María por ser nai de Xesús de Nazaret e sostén que Deus preservou a María libre de todo pecado e, aínda máis, libre de toda mancha ou efecto do pecado orixinal, que había de transmitirse a todos os homes e mulleres por ser descendentes de Adán e Eva, en atención a que ía ser a nai de Xesús, que é tamén Deus.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
O factor inhibidor da leucemia ou LIF (polas súas siglas en inglés de leukemia inhibitory factor) é unha citocina da clase da interleucina 6 que afecta ao crecemento celular ao inhibir a diferenciación. Cando os niveis de LIF caen, as células diferéncianse. En humanos está codificado no xene LIF do cromosoma 22.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939 e finada en Majadahonda o 2 de decembro de 2023, foi unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
Malí, oficialmente República de Malí, (en francés: République du Mali; en bambara: Mali ka Fasojamana; en alfabeto n'ko: ߡߊߟߌ ߞߊ ߝߊߛߏߖߊߡߊߣߊ) é un país africano. É un estado sen costa, o oitavo máis extenso de África, cunha área de 1 240 000 km². A poboación de Malí era de 19,3 millóns de persoas no ano 2018, e no 2017 estimouse que o 67% da poboación tiña menos de 25 anos.
Selección feminina de hóckey sobre xeo de España
A selección feminina de hóckey sobre xeo de España é o equipo que representa a España nas competicións internacionais de hóckey sobre xeo en categoría feminina. En 2023, a IIHF publicou a clasificación mundial de seleccións, na que España ocupou o 24º posto, oito postos por riba da selección masculina. O equipo debutou en 2009 nun torneo amigable disputado en Cergy (Francia), e en competición oficial no Campionato do Mundo 2011 - Division V, no que finalizou na segunda posición.
Nadia María Calviño Santamaría, nada na Coruña o 3 de outubro de 1968, é unha economista galega que desempeñou varios cargos na administración pública de España e da Unión Europea e, desde o 7 de xuño de 2018, foi a Ministra de Economía e Empresa de España. En xaneiro de 2020 foi nomeada Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. É filla do ex-director de TVE José María Calviño.
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta segunda do Goberno de España. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
Napoleone di Buonaparte ou Napoleón Bonaparte (en francés [napoleɔ̃ bɔnɑpaʁt]), nado en Ajaccio (Córsega) o 15 de agosto de 1769 e finado en Santa Helena o 5 de maio de 1821, foi emperador de Francia a principios do século XIX e o home máis poderoso e influente de Europa. O seu reinado dá nome a toda unha época da historia de Europa, a unha longa serie de guerras, e simboliza a loita entre as correntes liberais da Revolución Francesa e o absolutismo e tradicionalismo do antigo réxime. A súa pegada quedaría na permanencia das súas reformas legais e administrativas, e no recoñecemento unánime do seu prodixioso talento militar.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.A cidade é o centro da área estatística metropolitana dos Ánxeles-Long Beach-Santa Ana e do Grande os Ánxeles que, segundo o censo de 2010, sumaban unha poboación de 13 e 18 millóns de persoas, respectivamente.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Asociación Internacional de Estudos Galegos
A Asociación Internacional de Estudos Galegos/International Association of Galician Studies (AIEG) é unha organización internacional sen ánimo de lucro que busca consolidar e visibilizar os estudos galegos en todas as disciplinas académicas en universidades e centros de investigación arredor do mundo.
Pamela "Pam" Denise Anderson, nada en Ladysmith (Columbia Británica), en 1967, é unha actriz e modelo canadense-estadounidense. É coñecida por interpretar a salvavidas C. J. Parker na serie de televisión Baywatch, na que tivo un papel entre os anos 1992 e 1997. Así mesmo participou en películas, comerciais, comedias de situación e programas de telerrealidade.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 201.371.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Denomínase reloxo a un instrumento destinado a medir o tempo. Os reloxos utilízanse desde a antigüidade, aínda que a súa precisión aumentou espectacularmente no último século. O reloxo é unha das máis antigas invencións humanas, satisfacendo a necesidade de medir intervalos de tempo máis curtos que as unidades naturais como o día, o mes lunar e o ano.
O trackBack é un sistema implementado en moitos blogs que permite saber se un blog ligou o artigo doutro. O sistema traballa enviando un ping entre os dous blogs. Basicamente, se un blog admite trackbacks quer dicir que é capaz de recibir un aviso doutro blog, de forma que os dous artigos fican relacionados entre si.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.Descoñécese a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estado soberano, que non estaba ligado nin á coroa de Portugal nin á de España.
Everwood (coñecida como Our New Life in Everwood no Reino Unido) é unha serie de televisión estadounidense creada por Greg Berlanti. Berlanti, Mickey Liddell, Rina Mimoun, Andrew A. Ackerman e Michael Green foron os produtores exectivos da serie. Emitiuse orixinalmente a través de The WB dende o 16 de setembro de 2002 até o 5 de xuño de 2006, cun total de 89 episodios ao longo de catro tempadas.
Sevilla é unha cidade española situada ao suroeste da Península Ibérica, capital de Andalucía e da provincia homónima. Sevilla é a cuarta cidade de España e cuarta área metropolitana por número de habitantes. Ten 696.676 habitantes en 2014, 1.317.098 na área metropolitana, 1.813.908 en total na provincia (datos de 2005).
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
Lois XVIII ou Luís XVIII foi un rei de Francia (Versalles, 17 de novembro de 1755 — París, 16 de setembro de 1824), rei titular dende 1795 e de feito entre 1814 e 1824, a excepción do breve período do Imperio dos Cen Días. Coñecido polo seu título de conde de Provenza, era irmán de Lois XVI. Durante o reinado deste adoptou unha postura avanzada, próxima ao pensamento da Ilustración, e ata aceptou a Revolución de 1789. Máis tarde, con todo, a evolución da Francia revolucionaria decidiulle a fuxir do país en 1791 (o mesmo día que o rei era detido en Varennes cando intentaba escapar por outro camiño); reuniuse co seu outro irmán (o futuro Carlos X) e empezou a encabezar as intrigas dos emigrados contra o réxime revolucionario, dirixindo unha rede de espías e mantendo contacto cos insurxentes contrarrevolucionarios do interior.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
O Nadal na cultura popular galega
As festas do Nadal en Galicia comparten rituais coa mesma festividade de Nadal noutros lugares, aínda que se poden destacar algunhas peculiaridades. Comprenden diferentes celebracións entre os días 24 de decembro e o 6 de xaneiro e teñen como eixo a conmemoración do nacemento de Xesús, malia que os etnógrafos concordan en que as verdadeiras raíces son moi anteriores e están relacionadas co solsticio de inverno sobre as que houbo unha superposición relixiosa .
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei".A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible. Ten sido galardoada con premios internacionais como o da ONU-Hábitat en 2014 en Dubai ou o da Comisión Europea en 2020 en Bruxelas, entre outros.