Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Nadia María Calviño Santamaría, nada na Coruña o 3 de outubro de 1968, é unha economista galega que desempeñou varios cargos na administración pública de España e da Unión Europea e, desde o 7 de xuño de 2018, foi a Ministra de Economía e Empresa de España. En xaneiro de 2020 foi nomeada Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. É filla do ex-director de TVE José María Calviño.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Lois XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Pokémon (ポケットモンスター, Poketto Monsutā, Pocket Monsters, literalmente "monstros de peto" en galego) é unha franquía multimillonaria, que orixinalmente comezou coma un videoxogo, mais debido á súa popularidade logrou expandirse a outros medios de entretemento coma series de televisión, xogos de cartas, roupa, entre outros, converténdose nunha marca que é recoñecida no mercado mundial. As vendas de videoxogos até o 1 de decembro de 2006, acadaran unha cantidade de 175 millóns de exemplares (incluíndo a venda da versión Pikachu da consola Nintendo 64), atinxindo ocupar o segundo lugar das sagas de videoxogos máis vendidos de Nintendo. A franquía celebrou o seu décimo aniversario o 27 de febreiro de 2006.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Nicole Mary Kidman, nada en Honolulú (Hawai) o 20 de xuño de 1967, é unha actriz e produtora con dobre nacionalidade australiana e estadounidense. Gañou un Óscar, catro Globo de Oro, un Bafta e un Oso de Prata á mellor actriz, entre outros. Ten unha irmá máis nova, Antonia Kidman, que tamén é actriz.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Un seareiro é unha persoa afeccionada a un determinado deporte, á que lle gusta ir animar aos partidos ou competicións deportivas a algún equipo ou deportista. Normalmente, o seareiro é afeccionado a un só club deportivo ou deportista en concreto e acode con frecuencia ás competicións oficiais ou amigábeis nas que participa, a miúdo vestido cunhas cores representativas e realizando danzas e cánticos. A súa paixón na defensa do seu equipo ou deportista pode ir desde a simple afección até o radicalismo propio dun fan.
La Pianiste é un filme franco-austríaco do ano 2001 dirixido por Michael Haneke e protagonizado por Isabelle Huppert e Benoît Magimel. O guión, escrito polo propio Haneke, é unha adaptación da novela do mesmo nome de Elfriede Jelinek, gañadora do Premio Nobel de Literatura no ano 2004. Foi estreada o 14 de maio de 2001 no Festival de Cine de Cannes, onde conseguiu o Gran Premio do Xurado e a súa parella protagonista levou dous premios á mellor interpretación.
Amazon Prime Video, ou sinxelamente Prime Video, é un servizo estadounidense de streaming e alugamento de vídeo de subscrición baixo demanda ofrecido por Amazon como servizo autónomo ou como parte da subscrición a Prime de Amazon. O servizo distribúe principalmente filmes e series de televisión producidas por Amazon Studios e MGM Holdings ou con licenza de Amazon, como Amazon Originals. Este servizo tamén conta con contido doutros provedores, complementos de contido, eventos deportivos en directo e servizos de compra e alugamento de vídeos.
Call of Duty 3 é un videoxogo pertencente á serie Call of Duty, ambientado durante a segunda guerra mundial. Foi desenvolvido por Treyarch e distribuído por Activision, agás a versión para Playstation Portable, desenvolvida por Amaze. Púxose á venda para Playstation 3, Playstation 2, Playstation Portable, Nintendo Wii, Xbox e Xbox 360.
O indie pop é un xénero do rock alternativo orixinado no Reino Unido a mediados dos anos 80. Ten as súas raíces nas bandas de post-punk escocesas do selo Postcard Records de principios dos 80 (Josef K e Orange Juice) e na banda británica The Smiths. O indie pop inspirouse na ética DIY do punk e en ideoloxías relacionadas.
Kimigayo (君が代) é o himno nacional do Xapón. A súa letra é a máis antiga de entre os himnos nacionais do mundo, ademais dunha das máis curtas cunha lonxitude de 11 medidas e 32 caracteres. A súa letra procede dun poema waka escrito no período Heian (794–1185), e a melodía adaptouse en 1880, substituíndo a outra melodía pouco popular composta once anos antes.
Un ciclo de cancións na música clásica é un grupo de cancións pensadas para seren tocadas xuntas. Aínda que cada unha pode ser cantada por separado, o compositor realmente decide ou suxire que se interpreten xuntas como unha soa obra. Ás veces contan unha historia, pero ás veces só pertencen porque son máis ou menos a mesma idea (por exemplo, a tristeza que pode provocar o amor).
NTSC (National Television System Committee) é o sistema de televisión analóxica usado nos Estados Unidos e que se estendeu ao resto de Norteamérica, Centroamérica e as Antillas, a maioría dos países de Suramérica, Birmania, Corea do Sur, Taiwán, Xapón, Filipinas e algúns países de Oceanía. Do NTSC derivouse o sistema PAL que utilizan ou utilizaron a maioría dos países.
Tolomeo I Sóter ("o Salvador") (en grego: Πτολεμαίος Σωτήρ), nado no reino de Macedonia en 367 a.C. e finado en Alexandría en 283 a.C., foi un xeneral grego macedonio ao servizo de Alexandre Magno e un dos tres diádocos que se disputaron o control do seu extenso imperio. Tolomeo converteuse en gobernante de Exipto entre 323 e 282 a. C. e alí iniciou unha dinastía, tamén coñecida como Láxida, que controlou o país nos seguintes tres séculos.
Xogo de patriotas (en inglés: Patriot Games) é un filme estadounidense de suspense dirixido por Phillip Noyce que se estreou en 1992. Baséase na novela homónima de Tom Clancy. É unha secuela do filme de 1990 The Hunt for Red October, pero con diferentes actores nos papeis principais, Harrison Ford como Jack Ryan e Anne Archer como a súa muller.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Metal Gear (メタルギア, Metaru Gia) é unha saga de videoxogos creado por Hideo Kojima, desenvolvido e publicado pola compañía Konami. O xogador toma o control dun soldado de elite, dependendo de que Metal Gear se trate, poderás controlar a Solid Snake (protagonista do MGS1 e MGS4; ao soldado Raiden adestrado por Realidade Virtual quen controlas en MGS2 e a Naked Snake (que máis tarde é coñecido como Big Boss) o pai de Solid Snake, a quen controlas durante todo o MGS3, que é cronoloxicamente, o primeiro de todos. Os Metal Gear son uns tanques bípedes coa capacidade de lanzaren armas nucleares desde calquera punto do planeta.
A Masa de Xúpiter (Mx or MXUP) é a unidade de masa que é equivalente á masa total do planeta Xúpiter (1,8986 x 1027 kg, 317,83 masas terrestres; unha masa da Terra equivale a 0,00315 masas de Xúpiter). A masa de Xúpiter usase para expresa-las masas dos xigantes gasosos, coma os planetas exteriores e os planetas extrasolares. Tamén é usado para expresa-la masa das ananas marróns.
Silent Hill (en xaponés: サイレントヒル, Hepburn: Sairento Hiru) é unha franquía de terror centrada nunha serie de videoxogos de terror psicolóxico e supervivencia creados por Keiichiro Toyama e distribuídos por Konami. Os primeiros catro videoxogos da serie, Silent Hill, Silent Hill 2, Silent Hill 3 e Silent Hill 4: The Room, foron desenvolvidos por un grupo interno chamado Team Silent, un persoal de desenvolvemento dentro da antiga subsidiaria de Konami Konami Computer Entertainment Tokyo. Os seguintes seis xogos Origins, Homecoming, Shattered Memories, Downpour, Book of Memories e P.T. (un teaser xogable de Silent Hills), foron desenvolvidos por outros equipos, na súa maioría occidentais.
O synthpop (tamén coñecido como electropop ou technopop) é un xénero de música popular que inicialmente se fixo popular nos anos 80, década na cal o sintetizador foi o instrumento musical dominante. Fi presaxiado nos anos 60 e comezos dos 70 polo uso de sintetizadores no rock pogresivo, art rock electrónico, disco e particularmente no Krautrock de bandas como Kraftwerk. Xurdiu como un xénero distinto no Xapón e no Reino Unido na época do post-punk como parte do movemento new wave de finais dos 70 ata mediados dos 80.
FilmAffinity é un sitio web dedicado ao cinema, creado en 2002 polo crítico Pablo Kurt e o programador informático Daniel Nicolás. Tamén conta cunha versión en inglés. A edición americana de PC Magazine (abril de 2004) incluíu FilmAffinity entre as cen mellores webs por descubrir do mundo; cualificouno como a mellor web na categoría de entretemento.
Internet Broadway Database (IBDB) (en galego: A base de datos de Broadway en Internet) é unha base de datos en liña de producións de Broadway e do seu persoal. Opera a través do Departamento de investigación de The Broadway League, unha asociación comercial norteamericana de teatro comercial.A IBDB achega rexistros de producións dende o inicio do teatro en Nova York no século XVIII até o presente. Nel, detállanse as persoas implicadas, feitos interesantes e estatísticas.Foi concibida por Karen Hauser, xefa do Departamento de Investigación da Liga de Teatros americanos e Produtores (agora chamado "The Broadway League").
The Pokémon Company (株式会社ポケモン, Kabushiki gaisha Pokemon) é unha empresa xaponesa responsable da xestión, produción, mercadotecnia e licenzas da franquía Pokémon, consistente en software de videoxogos, un xogo de cartas, unha serie de televisión anime, filmes, manga, produtos de entretemento caseiro e outros. Estabeleceuse a través dun investimento conxunto das tres empresas que posúen os dereitos de autor de Pokémon: Nintendo, Game Freak e Creatures. Comezou a súa actividade en 1998 e adoutou o sobrenome Pokémon Ltd.
A marcación ISO 3166-1 alfa-3 refírese a un código de países comporto de tres letras definido en ISO 3166-1, parte da estándar ISO 3166 publicado pola Organización Internacional para a Estandarización (ISO), para representar países, territorios dependentes e zonas de especial interese xeográfico. Permítese así unha asociación visual entre os códigos e o respectivos nomes dos países mellor ca o modelo de dúas letras do estándar alpha-2 (o terceiro conxunto de códigos é o ISO 3166-1 numérico e, polo tanto, non ofrece asociación visual ningunha). Estes conxuntos foron incluídos inicialmente como parte do ISO 3166, na súa primeira edición, de 1974.
A teoría cuántica de campos (QFT, polo inglés Quantum Field Theory) é unha teoría que aplica as regras cuánticas ós campos continuos da Física, por exemplo o campo electromagnético, así como ás interaccións entre estes e o resto da materia. Proporciona así un marco teórico usado moito en física de partículas e física da materia condensada. En particular, a teoría cuántica do campo electromagnético, coñecida como electrodinámica cuántica, foi o primeiro exemplo de teoría cuántica de campos que se estudou e é a teoría probada experimentalmente con maior precisión da física.
O universo de Pokémon é un universo ficticio no que está ambientado a franquía Pokémon, a cal inclúe as historias e as obras ficticias producidas por The Pokémon Company, Nintendo, Game Freak e Creatures, Inc. O concepto do universo Pokémon, tanto nas obras de ficción como no mundo xeral de non ficción de Pokémon, provén da afección de coleccionar insectos, un popular pasatempo que o creado de Pokémon, Satoshi Tajiri, practicaba sendo neno. Os xogadores da serie de videoxogos son designados como adestradores Pokémon, e teñen dous obxectivos principais (como na maioría de xogos de Pokémon): completar a Pokédex conseguindo tódalas especies de Pokémon presentes na rexión ficticia na que está ambientada o xogo e adestrar un equipo de poderosos Pokémon para batallar con outros adestradores e converterse no máis forte: o campión Pokémon.
Alex Kidd in Miracle World é un videoxogo de plataformas para a consola de 8-bit Sega Master System. Foi publicado no Xapón o día 1 de novembro de 1986, e con posterioridade nos EEUU en decembro dese mesmo ano, en Europa en setembro de 1987, en Corea do Sur en outubro de 1988, e no Brasil en 1989. Un remake feito por Merge Games e Jankenteam, titulado Alex Kidd in Miracle World DX, foi publicado o 22 de xuño do 2021.
Un motor de xogo (inglés: game engine) é un programa informático deseñado para a creación e desenvolvemento de videoxogos. Os desenvolvedores utilizan estes programas para crear xogos para consolas, dispositivos móbiles e ordenadores. As funcionalidades habituais que adoita fornecer un motor de xogo inclúen a renderización de gráficos 2D e 3D, un motor de físicas e detección de colisións, son, scripting, animación, intelixencia artificial e funcionalidades de rede entre outras.
Un disquete é un disco removible de almacenamento fixo de datos. O termo equivalente en inglés é floppy-disk, que significa "disco flexíbel". Pode ter o tamaño de 3,5 polgadas con capacidade de almacenamento de 720 KB (DD, Double Density) até 2,88 MB (ED, Extra Density), aínda que o máis común actualmente sexa 1,44 MB (HD, High Density), ou 5,25 polgadas con almacenamento de 160 KB (Single Side = Face Simples) até 1,2 MB (HD).
Organización sen ánimo de lucro
Unha organización sen ánimo de lucro (OSAL), tamén denominada unha organización non lucrativa (ONL) ou unha organización sen fins de lucro (OSFL) é unha entidade cuxo fin non é a consecución dun beneficio económico. Adoitan ter a figura xurídica de asociación, fundación, mutualidade ou cooperativa (as cooperativas poden ter ou carecer de ánimo de lucro) e polo xeral reinvisten o excedente da súa actividade en obra social.
Vampire: The Masquerade – Bloodlines
Vampire: The Masquerade – Bloodlines é un videoxogo de rol de acción de 2004 desenvolvido por Troika Games e publicado por Activision para Microsoft Windows. Ambientado no World of Darkness de White Wolf Publishing, o xogo baséase no xogo de rol Vampire: The Masquerade. O xogador encarna o papel protagonista dun humano personaxe que morre e revive como un vampiro, nunha historia que se desenvolve na cidade dos Ánxeles no século XXI tentando descubrir a verdade sobre unha reliquia recentemente atopada que presaxia o fin de tódolos vampiros.
A norma ISO 26262 é un estándar internacional deseñado para a súa aplicación sobre sistemas de seguridade que inclúan un ou máis elementos electrónicos levados a produción serie en motocicletas, vehículos de pasaxeiros e vehículos de transporte de mercadorías. A norma foi publicada pola Organización Internacional para a Estandarización (ISO) en 2011 (na que só se incluían os vehículos de pasaxeiros cunha carga máxima de 3500 kg) cunha segunda versión publicada en decembro de 2018. Exclúense os sistemas de carácter especial como por exemplo os deseñados para pasaxeiros con minusvalías.
Le Dernier Métro é un filme francés de 1980 escrito e dirixido por François Truffaut, e protagonizado por Catherine Deneuve e Gérard Depardieu. Ambientado en 1942 durante a ocupación alemá de Francia, segue a fortuna dun pequeno teatro da zona de Montmartre, en París, que emprega a resistencia pasiva mantendo a súa integridade cultural, a pesar da censura, o antisemitismo e a escaseza de materiais, para saír triunfante ao final da guerra. O título evoca dous feitos salientables da vida da cidade baixo os alemáns: a escaseza de combustible levou á xente a pasar as noites en teatros e outros lugares de entretemento, mais o toque de queda fixo que tivesen que coller o último tren do metro para casa.
Rick Dangerous é un videoxogo desenvolvido por Corel Design en 1989 para Amiga, Amstrad CPC, Atari ST, Commodore 64, ZX Spectrum e DOS. Baseado no personaxe de Indiana Jones é un arcade de habilidade no que Rick Dangerous ten que superar tres fases diferentes, no templo azteca terá que recoller as estatuas do deus Sol, na pirámide exipcia onde terá que rescatar a pedra Ankhal que caeu en poder duns fanáticos que pretenden destruíla e a última fase é unha fortaleza nazi na que terá que salvar a uns prisioneiros británicos.
Un centro comercial, (tamén coñecidos como shopping centers do inglés), é unha construción que consta dun ou varios edificios, polo xeral de gran tamaño, que albergan servizos, locais e oficinas comerciais aglutinados nun espazo determinado concentrando maior cantidade de clientes potenciais dentro do recinto. Un centro comercial está pensado como un espazo colectivo con distintas tendas; ademais, inclúe lugares de lecer, esparexemento e diversión, como cines ou feiras de comidas dentro do recinto. Aínda que estea en mans privadas, polo xeral os locais comerciais alúganse e véndense de forma independente, polo que existen varios donos de devanditos locais, que deben pagar servizos de mantemento ao construtor ou á entidade administradora do centro comercial.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Desperate Housewives é unha serie de televisión estadounidense de comedia-drama e misterio creada por Marc Cherry e producida por ABC Studios e Cherry Productions. Foi emitida a través da canle ABC dende o 3 de outubro de 2004 até o 13 de maio de 2012. O argumento da serie céntrase en Wisteria Lane, un rúa da vila ficticia de 'Fairview'.
O premio César é a recompensa cinematográfica outorgada anualmente aos profesionais da sétima arte nas diversas categorías do cinema francés ás mellores producións así como tamén aos artistas, directores e demais traballadores do mundiño. Os filmes premiados deben ter sido estreados nas salas entre o primeiro de xaneiro e o 31 de decembro do ano precedente á cerimonia.
Canna indica é unha planta perenne de até 3 m de altura pertencente á familia das cannáceas. Hai 5000 anos, en Caral, a primeira civilización de América, situada no Perú, utilizou como parte da súa dieta a raíz da canna indica; tamén desenvolveron o seu uso medicinal pola súa capacidade diurética, antiséptica, analxésica e cicatrizante. En Galicia está catalogada como especie exótica invasora.
Albus Percival Wulfric Brian Dumbledore é unha personaxe ficticia das novelas de Harry Potter, escritas por J. K. Rowling. Durante a meirande parte da serie, é o director da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Como parte da súa historia, revélase que é o líder e fundador da Orde do Fénix, unha organización adicada á loita contra o antagonista principal da serie, Lord Voldemort.
Computer Entertainment Rating Organization
A Computer Entertainment Rating Organization (特定非営利活動法人 コンピュータエンターテインメントレーティング機構, Tokutei Hieiri Katsudō Hōjin Konpyūta Entāteinmento Rētingu Kikō) (CERO) é a organización que se encarga de clasificar os videoxogos no Xapón con niveis de clasificación ("rating") que informan ao consumidor acerca da natureza do produto e para que grupo de idades é adecuado. Foi establecido en xullo de 2002 como unha división da Computer Entertainment Supplier's Association, e usando a ESRB norteamericana como modelo e foi oficialmente recoñecido como organización sen fines de lucro en 2003.
O solsticio de verán (o termo solsticio provén do latín sol ["Sol"] e sistere ["ficar quedo"]) ocorre durante o verán de cada hemisferio, cando o semieixo dun planeta, xa for no hemisferio norte ou no sur, está máis inclinado cara á estrela da súa órbita. A inclinación máxima do eixo da Terra cara ao sol é de 23°27'. Isto ocorre dúas veces ao ano: dous intres nos que o Sol acada a súa posición máis alta no ceo, como se ve desde o polo norte ou sur.
Lucasfilm (nome completo en inglés: Lucasfilm Limited ou Lucasfilm Ltd.) é unha produtora de películas fundada por George Lucas en 1971, localizada no condado de Marin (California). É internacionalmente coñecida por producir sagas como Star Wars ou Indiana Jones entre outros proxectos recoñecidos. A compañía é líder en desenvolver nova tecnoloxía en canto a efectos especiais, son e animación computarizada.
Péter Medgyessy, nado o 19 de outubro de 1942 en Budapest, é un político húngaro que foi o quinto primeiro ministro da República de Hungría dende o 27 de maio de 2002 até o 29 de setembro de 2004. O 25 de agosto de 2004 dimitiu polas diferenzas que tiña coa Alianza dos Demócratas Libres, ficando como primeiro ministro durante un período de 30 días como require a constitución, e uns cantos días máis até que o seu sucesor Ferenc Gyurcsány foi confirmado pola parlamento.
Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar, está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla desemboca na ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 27 km e de Ribeira atópase a uns 37 km, ten unha superficie de 36,1 km2 e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2023 tiña 2 675 habitantes (1 276 eran homes e 1 399 mulleres), cunha densidade de poboación de 73,29 hab./km2.
Titus Petronius Niger, máis coñecido como Petronio (Petronius Arbiter en latín), nado cara ao ano 27 en Marsella (Galia) e finado cara ao ano 66 en Cumae, foi un escritor romano. No ano 66 foi acusado de participar na conspiración de Piso, co obxectivo de asasinar a Nerón. De feito, pretendía el mesmo tornarse emperador de Roma.
A ISO 3166-2 é a segunda parte do estándar da ISO 3166. É un sistema geocode creado para cifrar os nomes de subdivisións dos países (entidades territoriais), así coma tamén as Áreas dependentes. O obxectivo do estándar é estableces unha serie mundial de abreviaturas curtas para os lugares, para o seu uso en etiquetas de paquetes, envases e outros obxectos semellantes.
Un milisegundo é o período de tempo que corresponde á milésima fracción dun segundo (10−3 ou 1/1,000) = (0,001s). A súa simboloxía, igual que outras milésimas partes de distintas magnitudes, como poden ser a masa ou a lonxitude, especifícase como "m" minúscula anteposto ao símbolo da magnitude fundamental, que neste caso é o segundo (s), resultando, por tanto, ms. 1 ms = 0,001 segundos = 1 milisegundo.
A música alternativa é un termo que engloba a todos os tipos de música que se afastan da tendencia dominante ou dos modelos oficiais comunmente aceptados. Este tipo de música non conta con trazos diferenciadores que a convertan nun estilo musical único e recoñeocíbel, senón que agrupa un amplo número de xéneros musicais que se afastan da música comercial ou industrial e que teñen cada un as súas características propias.Este termo abrangue un gran número de subxéneros, entre os que destacan o rock alternativo, o grunge, o indie, a world music, a New Wave ou a música folk, Rap alternativo, entre outros. No entanto, os artistas representativos da música alternativa non sempre se encadran dentro do mesmo subxénero, senón que cada unha das súas composicións pode corresponder a un tipo distinto de música alternativa.
O dominio de primeiro nivel (en inglés Top Level Domain TLD) é un dos compoñentes dun enderezo de internet, estes van separados por puntos, así por exemplo: gl.wikipedia.org, e precisamente o último é o que se denomina dominio de primeiro nivel, ou TLD. Por exemplo, no nome de dominio "gl.wikipedia.org", "org" é o TLD, ou dominio de primeiro nivel. O sistema de nomes de dominio en internet transforma os nomes de dominio en enderezos IP numéricos, permitindo así referirse a sitios web e outros recursos mediante nomes doados de lembrar en vez dos enderezos IP numéricos, como 207.142.131.245, que identifican cada ordenador. Este Sistema de Servidores de Nomes de Dominio (DNS, de Domain Name Server) constitúe unha xerarquía en forma de árbore: Cada TLD (p.ex.
The Last of Us é un videoxogo de acción e horror desenvolvido por Naughty Dog e distribuído por Sony Computer Entertainment exclusivamente para a PlayStation 3. Foi estreado oficialmente o 10 de decembro de 2011, durante a Spike TV Video Game Awards e a súa estrea mundial fíxose o 14 de xuño de 2013. O xogador ten o control de Joel (voz e movementos de Troy Baker), que está viaxando a través duns Estados Unidos postapocalípticos no ano 2033, coa fin de acompañar a Ellie (voz e movementos de Ashley Johnson) cara a un grupo de resistencia, os Fireflies, que segundo cre Ellie, pode ser a chave para atopar a cura da infección que devastou o mundo.
John Christopher Depp II, nado en Owensboro, Kentucky, o 9 de xuño de 1963, é un actor, produtor e músico estadounidense. Gañou un Globo de Ouro e un Premio do Sindicato de Actores ó mellor actor. Depp acadou a fama coa serie de televisión dos anos 1980 21 Jump Street, na que se converteu nun ídolo adolescente.
Tate é o museo nacional de arte moderna do Reino Unido acollido principalmente na cidade de Londres. Comprende catro galerías: Tate Britain (aberta en 1897), Tate Liverpool (1988), Tate St Ives (1993) e Tate Modern (2000), coa aínda a galería online, Tate Online (1998). Foi fundada orixinalmente co nome de National Gallery of British Art e renomeada tras Henry Tate fundar un edificio especialmente para ela en Millbank, Londres.
Dragon Ball (ドラゴンボール, Doragon Bōru), tamén traducido ó galego como As bólas máxicas, é o nome dun manga xaponés e dunha serie de anime creados por Akira Toriyama. O manga publicouse inicialmente na revista semanal Shōnen Jump entre 1984 e 1995 e orixinalmente editouse en 42 tomos individuais chamados Tankōbon. No 2004 volveuse publicar o manga nunha colección de 34 volumes, chamados Kanzenban, que incluía un final lixeiramente modificado.
O Daodejing, Tao Te King ou Tao Te Ching (en pinyin Dao De Jing, 道德经,) é un libro clásico chinés que, segundo a tradición, foi escrito por Lao Zi (o sabio fundador do taoísmo) contra o século VI a.C. Esta colección de aforismos poéticos está dividida en 81 capítulos que tratan nocións importantes do pensamento chinés antigo, como o «Non-facer», o «Camiño» (Tao), o regreso etc. O seu título pódese traducir como O Clásico do Camiño e da súa Virtude. Este libro ten o mérito de que tivo unha influencia moi considerábel na civilización oriental e comeza a ser coñecido en Occidente, a través das súas numerosas traducións.
Un músico de sesión é un músico dispoñible para ser contratado, a diferenza dos que son membros permanentes dun grupo ou que se fixeron famosos. Aínda que o termo xeralmente refírese a músicos con experiencia en estilos de música contemporáneos como o rock, jazz, country ou pop, tamén se pode usar para describir a músicos de estilos máis tradicionais. Aínda que os termos "músico de sesión" e "músico de estudio" úsanse indistintamente, o último xeralmente reservase para aqueles que traballan exclusivamente en estudios de gravación, ás veces para un único estudio ou selo discográfico.
O Reino das Dúas Sicilias (en italiano Regno delle Due Sicilie) é un antigo estado de Italia meridional, creado en 1816 e anexionado polo Reino de Italia en 1861. Comprendía os territorios de Nápoles e Sicilia, cunha extensión aproximada duns 95.000 km2. Foi gobernada por unha póla da Casa de Borbón española, descendente de Carlos III de España, o tamén rei de Nápoles e de Sicilia coma Carlos VII. Dúas Sicilias estaba formada polos antigos reinos de Sicilia e Nápoles, ligados á Coroa de Aragón desde os séculos XIII e XV, respectivamente.
Dominio de primeiro nivel xeográfico
Un dominio de primeiro nivel xeográfico (ccTLD) é un dominio de Internet usado e reservado para un país ou territorio dependente. Existen uns 243 ccTLD, cunha lonxitude de dous ou tres caracteres, a maioría ó estándar de código de países ISO 3166-1. Cada país designa xestores para seus ccTLT, por exemplo Cataluña (.cat), Italia (.it) ou Alemaña (.de).
Julie Ann Smith, coñecida como Julianne Moore, nada en Fayetteville o 3 de decembro de 1960, é unha actriz e escritora estadounidense. Prolífica no cinema dende principios da década de 1990, é coñecida especialmente polos seus retratos de mulleres con problemas emocionais, tanto en filmes independentes como en blockbusters, e recibiu múltiples premios, incluído un Óscar á mellor actriz, un premio da BAFTA e dous Globos de Ouro. A revista Time nomeou a Moore unha das 100 persoas máis influentes do mundo en 2015.
High School Musical é un telefilme musical estadounidense escrito por Peter Barsocchini e dirixido por Kenny Ortega. É o primeiro título da franquía musical High School Musical. Foi descrito como unha adaptación moderna de Romeo e Xulieta, e High School Musical conta a historia de dous adolescentes de instituto que pertencen a dous grupos escolares rivais.
En informática, a extensión do nome dun ficheiro apareceu no sistema operativo MS-DOS para diferenciar os diferentes tipos de documentos segundo o seu contido. Naquela altura, os nomes de ficheiro podían ter como máximo oito caracteres para o nome mesmo, e outros tres para a extensión (separada do resto por un punto, como por exemplo autoxec.bat).
Marilyn Monroe, de nome real Norma Jeane Mortensen, nada nos Ánxeles o 1 de xuño de 1926 e finada na mesma cidade o 5 de agosto de 1962, foi unha actriz, modelo e cantante estadounidense. Converteuse nun importante sex symbol, protagonizando un bo número de exitosos filmes durante a década de 1950 e principios da de 1960, chegando a ser unha das actrices de Hollywood máis famosas de todos os tempos.Iniciou a súa carreira como modelo fotográfica e a partir de 1946 comezou a interpretar pequenos papeis en películas de baixo custo. Os primeiros papeis destacados interpretounos nas películas A xungla do asfalto (1950) e Todo sobre Eva (1950).
Pokémon Go é un videoxogo de realidade aumentada para móbil desenvolvido por Niantic e distribuído por The Pokémon Company. Foi lanzado en xullo de 2016 para dispositivos iOS e Android. O xogo permite ó xogador capturar, combater e adestrar criaturas virtuais, chamadas Pokémon, que aparecen nas pantallas dos dispositivos como se estivesen no mundo real.
Tema artístico é o tema dunha obra de arte. Normalmente a expresión restrínxese ás artes visuais, polo que coincide cos temas iconográficos (os que poden expresarse cunha iconografía identificativa). Os temas literarios e os temas musicais (mesmo na música descritiva ou música programática) non adoitan incluírse nesta expresión.
A bandeira do Xapón, coñecida como Nisshōki (日章旗) ou Hinomaru no hata (日の丸の旗) traducido como "o disco solar" en xaponés, consiste nun fondo branco cun gran disco vermello (representando ao sol) no centro. As súas proporcións son de 2:3; o disco atópase exactamente no centro e o diámetro do mesmo é igual a tres quintas partes da medida vertical. Non se coñece cando comezou a empregarse como símbolo pero quedaron recollidos discos solares en abanos pregables chamados guisen que datan do século XII e foron debuxados por guerreiros samurai (bushi).
O francés (le français [lə fʁɑ̃sɛ] ( ) o la langue française [la lɑ̃ɡ fʁɑ̃sɛz]) é unha lingua romance da familia indoeuropea procedente do latín falado. Descendente do Latín vulgar do Imperio Romano, como todas as linguas romances. O francés evolucionou a partir do galo-romance, o latín que se fala na Galia, e máis concretamente no norte da Galia.
Sonic the Hedgehog ou "Sonic o ourizo" é unha serie de videoxogos de SEGA ademais de ser o nome do personaxe principal da saga, sendo a mascota da compañía. Tamén está presente en cómics, debuxos animados e libros. O primeiro videoxogo desta saga foi creado en 1991 na consola Sega Mega Drive (ou Genesis, como é coñecida nos EUA).
Xénero é unha palabra que significa "tipo, clase, categoría" e que ten distintos significados en galego. En bioloxía, o xénero é un taxon por riba da especie, é dicir, que agrupa un conxunto de especies con certos caracteres comúns, e que se inclúe, con outros xéneros, nunha familia, orde e clase. Por outra parte (e en relación cos xéneros gramaticais), nos organismos, incluída a especie humana, falamos de dúas clases de individuos, os machos (♂) e as femias (♀), segundo o seu xénero sexual.
Angelina Jolie Voight, nada nos Ánxeles (California) o 4 de xuño de 1975, é unha actriz estadounidense de cine e televisión, gañadora dun Oscar á mellor actriz secundaria e de tres Globos de Ouro. Ademais, Jolie escribiu un libro (Notes from my travels) onde relata as súas viaxes a países golpeados pola pobreza en África. Jolie participa activamente en actos humanitarios tratando de promover a axuda cara aos refuxiados.
Halo: Combat Evolved (tamén coñecido como Halo: CE, Halo 1, ou sinxelamente Halo), é un videoxogo en primeira persoa creado por Bungie e publicado por Microsoft Game Studios. É o primeiro xogo da franquía, foi lanzado ó mercado o 15 de novembro de 2001 para a consola Xbox, e ten vendido máis de cinco millóns de copias en todo o mundo. Microsoft lanzou versións do xogo para Microsoft Windows (creada por Gearbox Software) e Mac OS X en 2003, e a historia foi adaptada e elaborada nunha serie de novelas e bandas deseñadas.
John Sidney McCain III, nado en Coco Solo, Canal de Panamá, o 29 de agosto de 1936 e finado en Cornville (Arizona) o 25 de agosto de 2018, foi un político estadounidense. Senador sénior por Arizona, foi candidato do Partido Republicano de Estados Unidos para a elección presidencial de 2008, que perdeu fronte ao demócrata Barack Obama.