Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Un wiki é unha aplicación web que permite aos internautas engadir, modificar ou borrar contido mediante software colaborativo que permite a edición colectiva dos documentos usando un sistema sinxelo sen que teña que ser revisado antes da súa publicación, toma o seu nome dunha palabra hawaiana que significa rápido. O meirande wiki do mundo é a Wikipedia, que ten o obxectivo de elaborar unha enciclopedia libre.[Cómpre referencia]O obxectivo dunha wiki é democratizar un pouco a creación e mantemento das páxinas; ou eliminar a "síndrome dun só webmaster".[Cómpre referencia]O potencial do wiki radica na non necesidade de aprender a usar complicadas etiquetas en HTML para escribir de xeito sinxelo documentos e establecer enlaces no sitio web.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas. Fundouse o 16 de novembro de 1945 co obxectivo de contribuír á paz e á seguridade no mundo mediante a educación, a ciencia, a cultura e as comunicacións. A constitución firmada ese día entróu en vigor o 4 de novembro de 1946, ratificada por vinte países.
John Christopher Depp II, nado en Owensboro, Kentucky, o 9 de xuño de 1963, é un actor, produtor e músico estadounidense. Gañou un Globo de Ouro e un Premio do Sindicato de Actores ó mellor actor. Depp acadou a fama coa serie de televisión dos anos 1980 21 Jump Street, na que se converteu nun ídolo adolescente.
O Soiuz U2 foi un foguete espacial da antiga Unión Soviética e da actual Rusia derivado do mísil R-7 creado para lanzar tripulacións e carga á órbita baixa terrestre. Era unha modificación do Soiuz U cun mellor rendemento ao usar queróseno sintético (Sintin) e estaba formado por dúas etapas centrais rodeadas de catro foguetes aceleradores, unha configuración común para os foguetes da familia Soiuz. Foi usado por primeira vez en 1982 e por última en 1995, tódalas veces desde o cosmódromo de Baikonur.
"Winter Is Coming" é o episodio piloto da serie de televisión de fantasía medieval da HBO Game of Thrones. É o primeiro episodio da primeira tempada, e foi escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, nunha adaptación fiel dos primeiros capítulos do libro de George R. R. Martin A Game of Thrones. O episodio foi dirixido por Tim Van Patten, refacendo o traballo feito polo director Tom McCarthy no episodio piloto sen estrear.
Shawn Peter Raul Mendes, nado en Toronto o 8 de agosto de 1998, é un músico e cantante canadense. Comezou a gañar notoriedade a mediados de 2013, coa publicación das interpretacións que facía de cancións populares. O ano seguinte chamou a atención do representante Andrew Gertler e o xefe de A & R de Island Records, Ziggy Chareton, que o levaron a Nova York para asinar un contrato coa devandita discográfica.
Enténdese por lexislatura o período de tempo que transcorre entre eleccións políticas, e correspóndese co mandato no que os órganos lexisladores (Cámara alta ou Cámara dos senadores e/ou Cámara baixa ou Cámara dos deputados) exercen as súas funcións. No Parlamento de España e nos de todas as súas comunidades autónomas as lexislaturas teñen unha duración ordinaria máxima de catro anos. Cabe dicir o mesmo no que respecta ás eleccións das administracións locais.
Max Alexander Chiton, nado en Reigate (Surrey) o 21 de abril de 1991, é un piloto inglés. Fixo o seu debut na Fórmula 1 na tempada 2013, competindo co equipo Marussia F1 Team, previamente competiu co equipo Carlin na GP2 de 2012. O seu irmán Tom tamén é un piloto de carreiras, que actualmente compite na World Touring Car Championship.
A exploración é o acto de buscar e viaxar co propósito de descubrir, por exemplo, rexións descoñecidas, incluíndo o espazo exterior (exploración espacial), ou petróleo, gas, carbón, auga (prospección) ou información. A exploración existe dende que existen os seres humanos, pero o seu punto máximo tivo lugar na Era dos descubrimentos cando os navegadores europeos viaxaron por todo o mundo. Nas ciencias, a exploración e un dos propósitos da investigación (sendo os outros dous a descrición e a explicación).
O axente invisible (en inglés: The Gray Man) é un filme estadounidense de 2022 dirixido por Anthony e Joe Russo. O guión foi escrito por Christopher Markus e Stephen McFeely, e está baseado na novela homónima de 2009 escrita por Mark Greaney. Está protagonizado por Ryan Gosling, Chris Evans, Ana de Armas, Jessica Henwick, Regé-Jean Page, Wagner Moura, Julia Butters, Dhanush, Alfre Woodard e Billy Bob Thornton.
O helio é un elemento químico de número atómico 2 e símbolo He. A pesar de que a súa configuración electrónica é 1s², non figura no grupo 2 da táboa periódica, xunto o hidróxeno no bloque s, senón que se coloca no grupo 18 do bloque p, xa que o ter o nivel de enerxía completo, presenta as propiedades dun gas nobre. Isto é, é inerte (non reacciona) e ao igual que estes, é un gas monoatómico incoloro e inodoro.
International Standard Musical Work Code
O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais, equivalente ao ISBN para os libros. Está descrito pola norma internacional ISO 15707.
A produción musical, na industria discográfica, encárgase de distintos papeis, como controlar as sesións de gravación, instruír e guiar intérpretes musicais no proceso de gravación, reunir as ideas do proxecto, dirixir a creatividade, supervisar a gravación e a mestura, e realizar o proceso de masterización. Estas foron algunhas das principais funcións dos produtores desde a creación da gravación de son, pero na segunda metade do século XX os produtores tomaron un maior papel empresarial.Na industria da música hai dúas clases de produtores: o produtor executivo e o produtor musical, con papeis distintos: o produtor executivo é o responsable financeiro do proxecto e o produtor musical é o responsable da música.
Natar Ungalaaq, nado en 1959, é un actor, director de cinema e escultor inuit canadense. As súas obras de escultura están en moitos coleccións importantes de arte inuit en todo o mundo. Antes de protagonizar os filmes Atanarjuat (2001) e Ce qu'il faut pour vivre (2008), Ungalaaq tivo papeis importantes noutros filmes canadenses e estadounidenses, incluíndo Kabloonak (1995), Glory & Honor (1998) e Frostfire (1994).
O minuto (min) é unha unidade de tempo que equivale á sesaxésima parte dunha hora. Tamén equivale a 60 segundos, que é a unidade de tempo do Sistema Internacional de Unidades. Isto é: 1/60 h = 1 min = 60 sO vocábulo minuto provén do latín pars minuta prima, que significa ‘parte diminuta primeira’, coa mesma etimoloxía que «menor».
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2014
O campionato Mundial de Fórmula 1 de 2014 é o campionato anual número 65 de Fórmula 1 organizado pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Os equipos e pilotos disputaron dezanove Grandes Premios para o Mundial de pilotos e o Campionato do Mundo de Construtores. A tempada comezou en Australia o 16 de marzo e concluíu en Abu Dabi o 23 de novembro.
Doce homes sen piedade (en inglés: 12 Angry Men) é un filme estadounidense de 1957 dirixido por Sidney Lumet. Adaptado da obra homónima de Reginald Rose, é un drama legal que conta a historia dun xurado de doce homes que deliberan sobre a sentenza na base da dúbida razoable, forzando os membros do xurado a cuestionarse sobre a súa propia moral e valores. En 2007, o filme foi escollido para a súa preservación polo National Film Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos por ser "cultural, histórica ou esteticamente significativo".
Jon Snow é un personaxe ficticio da saga de novelas de fantasía A Song of Ice and Fire do escritor estadounidense George R. R. Martin, e da súa adaptación en serie de televisión Game of Thrones. É un destacado nas novelas, e está considerado como unha das "mellores creacións" do autor e un dos personaxes máis populares segundo The New York Times. Jon é un dos personaxes principais da serie de televisión, e a trama do final da tempada 5 xerou unha forte reacción entre os espectadores.
Penafiel é un concello do Distrito do Porto, na Rexión Norte e subrexión Támega (Portugal). A capital do concello conta cuns 9.343 habitantes.É sede dun municipio de 212,82 km² de extensión e 72.265 habitantes (2011), subdividido en 38 freguesías. O concello limita ao norte co concello de Lousada, ao nordeste can Amarante, ao leste con Marco de Canaveses, ao sur co concello de Castelo de Paiva e ao oeste cos de Gondomar e Paredes.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Un microscopio de fluorescencia é un microscopio óptico que usa a fluorescencia en lugar de (ou ademais de) a dispersión, a reflexión e a atenuación ou absorción, para estudar as propiedades de substancias orgánicas ou inorgánicas. Pode denominarse microscopio de fluorescencia a calquera microscopio que use a fluorescencia para xerar unha imaxe, tanto se é un aparello simple, como un microsocopio de epifluorescencia, coma se ten un deseño máis complicado, como un microscopio confocal, que usa o seccionamento óptico para conseguir unha mellor resolución da imaxe fluorescente. A microscopia de fluorescencia utilízase moito para obter imaxes de mostras biolóxicas.
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939, é unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A Longa, San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade
A Longa é un lugar da parroquia de San Xurxo de Sacos, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2015 tiña 67 habitantes (29 homes e 38 mulleres), cinco máis ca en 2006. O lugar está atravesado pola estrada N-541 que vai de Pontevedra a Ourense.
Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) son un grupo de obxectivos relativos ó desenvolvemento internacional futuro. Foron creados polas Nacións Unidas e promovidos coma Obxectivos Globais para o Desenvolvemento Sostíbel. Substituíron ós Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que caducaron na fin de 2015.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Este artigo trata sobre o libro de relatos de Álvaro Cunqueiro, para o artigo sobre a serie Televisión de Galicia véxase Os outros feirantes (serie de televisión).Os outros feirantes é un libro de relatos escrito en 1971 por Álvaro Cunqueiro que mostra un conxunto de descricións de personaxes galegos, un xénero único no que Cunqueiro amosou a súa mestría. É unha nova ración de retratos para coñecer mellor o galego cotián, campesiño, coa súa forma de entender o mundo, as crenzas, os ritos, as supersticións. Son descricións breves nas que non falta o humor e a ironía.
Cutián, San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade
Cutián é un lugar da parroquia de San Xurxo de Sacos, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2015 tiña 90 habitantes (45 homes e 45 mulleres), o que supón un descenso de 31 persoas respecto ó ano 2006. É o lugar máis habitado da parroquia.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
San Miguel de Presqueiras, Forcarei
San Miguel de Presqueiras é unha parroquia que se localiza no concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE en 2014 tiña 210 habitantes (95 homes e 115 mulleres), 70 menos ca en 2004 (153 mulleres e 127 homes nese ano segundo o padrón municipal) e 73 menos ca en 1999. Ten cinco entidades de poboación.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade
San Xurxo de Sacos é unha parroquia do concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2015 tiña 519 habitantes (262 homes e 257 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un descenso en relación co ano 2006, cando tiña 610 habitantes.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Escherichia coli, moitas veces abreviado como E. coli, é unha bacteria gramnegativa con forma de bacilo, que se encontra comunmente no tracto gastrointestinal inferior dos organismos de sangue quente (endotermos). A maioría das cepas de E. coli son inofensivas, pero algúns serotipos poden causar graves intoxicacións alimentarias nos humanos, e son ocasionalmente responsables da retirada de produtos alimenticios debido á súa contaminación. As cepas inofensivas son parte da flora intestinal humana normal, e poden ser beneficiosas para os seus hóspedes ao produciren vitamina K2, e impediren que se establezan alí bacterias patóxenas.E. coli e as bacterias relacionadas constitúen arredor do 0,1% da flora intestinal, e a transmisión fecal-oral é a principal ruta utilizada polas cepas patóxenas que causan doenzas.
Gala Martínez-Murguía de Castro, máis coñecida como Gala Murguía, nada en Lestrobe (Dodro) o 2 de xullo de 1871 e finada na Coruña o 18 de xaneiro de 1964, foi a filla máis lonxeva de Rosalía e Murguía e tivo un papel importante na apertura da Casa Museo Rosalía de Castro, xa que foi clave na reconstrución da vida familiar na Casa da Matanza.
O axolote (do náhuatl clásico: āxōlōtl; Ambystoma mexicanum) é unha especie de urodelo, estreitamente relacionada co Ambystoma tigrinum. Malia que o axolote é coñecido coloquialmente como "peixe camiñante", non é un peixe, senón un anfibio. A especie é orixinaria de numerosos lagos, como o lago Xochimilco preto da Cidade de México.
Independence Day: Resurgence é un filme estadounidense de 2016 dirixido por Roland Emmerich e escrito por Emmerich, Dean Devlin, Nicolas Wright, James A. Bosque e James Vanderbilt. É unha secuela do filme de 1996 Independence Day, e está protagonizado por Jeff Goldblum, Liam Hemsworth, Bill Pullman, Maika Monroe, Travis Tope, William Fichtner, Charlotte Gainsbourg e Judd Hirsch. O filme transcorre vinte anos despois dos acontecementos do primeiro filme, durante o cal as Nacións Unidas colaboraron para formar a Earth Space Defense, unha organización internacional de defensa e investigación militar.
Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [fʁɑ̃s] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade). O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km).