Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939, é unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar de Tasmania, ao leste.
O glaciar (do latín glacies) é unha grosa masa de xeo que se orixina na superficie terrestre por compactación e recristalización da neve, mostrando evidencias de fluxo no pasado ou na actualidade. A súa existencia é posíbel cando a precipitación anual de neve supera a evaporada en verán, polo cal a maioría se atopa en zonas próximas aos polos, aínda que existen noutras zonas montañosas, como por exemplo no territorio suízo. O proceso do crecemento e estabelecemento do glaciar chámase tamén glaciación.
Para o sistema operativo libre composto principalmente polo kernel Linux e GNU, véxase GNU/Linux. Linux é un kernel, ou núcleo, monolítico libre, inspirado en Unix, e que empregan os sistemas operativos GNU/Linux. Linux é un exemplo paradigmático de software libre no que contribúen centos de desenvolvedores e que ten soporte a longo prazo, de ata seis anos.
Unha montaña é un accidente xeográfico, unha elevación sobre o terreo lindeiro formada normalmente a partir de sinclinais e erosión. A unha secuencia de montañas chámase cordilleira. Unha montaña ten unha altitude bastante superior a un outeiro, aínda que non exista unha altitude específica para esa diferenciación.
A microfluídica estuda o comportamento de líquidos e gases nas escalas máis pequenas. Este comportamento diferénciase de maneira fundamental do observado en fluídos macroscópicos porque a esta escala algúns efectos normalmente considerados insignificantes en mecánica de fluídos clásica poden ser dominantes. Se por exemplo as forzas de fricción son predominantes con respecto ás forzas inercias, o que se corresponde cun fluxo a baixo número de Reynolds, o fluxo resultante é laminar sen turbulencias apreciables.
O anime (アニメ, en xaponés) é o nome co que se coñece a animación xaponesa. Sería algo como a extrapolación dos mangas (bandas deseñadas xaponesas) para as pantallas de televisión. Entre a manga e anime adoita haber moita interacción, posto que os mangas que teñen éxito son posteriormente adaptados ó anime.
O abeto español, abeto pinsapo ou simplemente pinsapo (Abies pinsapo) é unha especie de abeto, pertencente á familia Pinaceae e de distribución restrinxida ás serras mediterráneas do sur da península ibérica e máis do Rif. Foi descrito para a ciencia polo botánico suízo Pierre Edmond Boissier, na súa obra Voyage botanique dans le Midi de l´Espagne (Viaxe botánica polo sur de España), en 1838. En Galiza cultívase coma ornamental.
O Convenio CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres) é un acordo internacional concertado entre os gobernos para asegurar que o comercio internacional de espécimes de animais e plantas salvaxes non ameace a súa supervivencia no seu medio natural. Foi asinado en Washington o 3 de marzo de 1973 por 21 países e entrou en vigor o 1 de xullo de 1975. Actualmente están adheridos 172 países, denominados Partes.
Os Campos Elisios (en francés Les Champs-Élysées) é a principal avenida de París. Mide 1.880 metros de lonxitude, e vai dende o Arco do Triunfo ata a Praza da Concordia. O nome Campos Elisios vén da mitoloxía grega, onde designaba a morada dos mortos reservada ás almas virtuosas, o equivalente do paraíso cristián.
En bioloxía, un taxon (do grego τάξις, transliterado como táxis, "ordenamento") é un grupo de organismos emparentados, que nunha clasificación dada foron agrupados, asignándolle ao grupo un nome en latín, unha descrición, e un "tipo" que, se o taxon é unha especie, é un espécime ou exemplar concreto. Cada descrición formal dun taxon está asociada ao nome do autor ou autores que a realizan, os cales fanse figurar detrás do nome. En latín o plural de taxon é taxa, sendo así como adoita usarse en inglés, pero en galego o plural adecuado é taxons.
Unha capa xerminativa, capa xerminal, capa embrional, folla embrionaria ou folla blastodérmica, é un conxunto de células formadas durante a embrioxénese dos animais a partir das cales se orixinarán os tecidos e órganos do adulto. Todos os animais máis complexos que as esponxas producen dúas ou tres capas de tecidos primarios. Os animais con simetría radiada, como os cnidarios, teñen dúas, denominadas ectoderma e endoderma.
"Plug In Baby" é unha canción da banda inglesa de rock alternativo Muse, editado como sinxelo do seu segundo álbum Origin of Symmetry o 5 de marzo do 2001. "Plug In Baby" converteuse no sinxelo da banda que chegou máis alto nas listas ao conseguir o posto 11 na UK Singles Chart, ata que foi superado por "Time Is Running Out" no ano 2003. Na actualidade, "Plug In Baby" está considerada unha das cancións de Muse máis destacables, e ten aparecido nos álbums ao vivo Hullabaloo Soundtrack (2002) e HAARP (2008).
O acento é unha forma de articulación da voz ao falar mediante a cal se destaca unha sílaba dunha palabra respecto das demais. É importante non confundir o acento que aquí se describe co signo gráfico que se coloca sobre unha letra en moitos idiomas. En realidade estes signos denomínanse acentos gráficos, e colócanse para identificarmos a sílaba que se acentúa, son acentuacións.
Almaxesto é o nome galeguizado do árabe Al-Majisṭī (المجسطي) ('O máis grande'), dun tratado astronómico escrito no século II por Claudio Tolomeo de Alexandría (ca. 100 – ca. 178), que contén o catálogo estelar máis completo da antigüidade, e no que se describen o sistema xeocéntrico e o movemento aparente das estrelas e os planetas.
A astronomía, do grego ἀστρονομία, que significa etimoloxicamente "as regras das estrelas" ou astro-nomos, é a ciencia natural que estuda a orixe, evolución e eventos dos obxectos celestes; para o cal fai uso das matemáticas, a física e a química. O obxectos celestes de interese inclúen planetas, satélites, estrelas, nebulosas, galaxias e cometas. Eventos relevantes abarcan explosións de supernovas, gromos de raios gamma, quasars, blazars, púlsares e a radiación de fondo cósmico de microondas.
O pinyin (拼音, pīnyīn) ou hanyu pinyin (caracteres simplificados: 汉语拼音; pinyin: hànyǔ pīnyīn) significa literalmente notación fonética da lingua chinesa é un sistema de transcrición mediante o alfabeto latino (romanización) dos caracteres chineses segundo a pronuncia estándar do putonghua ou chinés unificado estándar, oficial na República Popular Chinesa. Posiblemente resulte máis difícil para os occidentais que a máis común Wade-Giles, pero dada a súa oficialidade na China, é cada vez máis utilizada. O Hanyu Pinyin aprobouse en 1958 e adoptouse en 1979 polo goberno da República Popular da China.
Spider-Man: Homecoming é un filme estadounidense de 2017 dirixido por Jon Watts. É un filme de superheroes de Marvel Comics sobre a personaxe de Spider-Man, coproducido por Columbia Pictures e Marvel Studios, e distribuído por Sony Pictures Releasing. É o segundo "reboot" de Spider-Man e o décimo sexto filme do Universo Cinematográfico Marvel (MCU).
Amanda Gorman, nada nos Ánxeles o 7 de marzo de 1998, é unha poeta e activista estadounidense, laureada como Poeta Nacional Xuvenil. A súa obra céntrase en cuestións de opresión, feminismo, raza e marxinación, así como na diáspora africana. Publicou o libro de poesía The One for Whom Food Is Not Enough en 2015.
O Billboard Hot 100 é un gran conteo dos 100 sinxelos máis populares e vendidos nos Estados Unidos, axuda a promover a industria musical nacional e internacional, e defínese como a máis importante das listas de Billboard xunto co Billboard 200. A publicación desta lista é semanal a través da revista Billboard, e tamén a través de Internet na súa páxina oficial. A primeira canción en chegar ao número un da Billboard Hot 100 foi "Poor Little Fool" de Ricky Nelson en 1958.[Cómpre referencia]No ano 2008 a revista Billboard realizou a lista Billboard Hot 100 All-Time Artists, cos artistas máis exitosos, e situou a The Beatles e Madonna nos 2 primeiros postos.
Johann Wolfgang von Goethe ( [ˈjoːhan ˈvɔlfɡaŋ fɔn ˈɡøːtə] ), nado en Frankfurt o 28 de agosto de 1749 e finado o 22 de marzo de 1832, foi un novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar. A súa obra Fausto ten sido chamado o mellor poema longo da literatura moderna europea. O súa obra inclúe poesía épica e lírica, escrita en diversas métricas e estilos, prosa e dramas en verso, memorias, unha autobiografía, críticas literarias e estéticas, tratados de botánica, anatomía, e cor, e catro novelas.
Igino Ugo Tarchetti, nado en San Salvatore Monferrato o 29 de xuño de 1839 e finado en Milán o 25 de marzo de 1869, foi un escritor, poeta e xornalista italiano. Colaborou na Rivista minima, Il giornale per tutti, La settimana illustrata, Il gazzettino rosa, Il pungolo, ademais de tratar de lanzar sen éxito un periódico propio, il Piccolo giornale. Así mesmo, entrou en contacto cos membros da Scapigliatura.
O Servizo Nacional de Parques (en inglés: National Park Service) é unha axencia do Goberno Federal dos Estados Unidos, dependente do Departamento do Interior. Foi fundado o 25 de agosto de 1916. Esta entidade é responsábel da xestión de 58 parques nacionais e de 333 outros locais de interese histórico, cultural e natural.
Ilse Koch, nada como Margarete Ilse Köhler o 22 de setembro de 1906 e finada o 1 de setembro de 1967, foi a muller de Karl-Otto Koch, comandante do campos de concentración nazis de Buchenwald (1937–1941) e Majdanek (1941–1943). En 1947, converteuse nunha das principais personalidades nazis en seren xulgadas polas Forzas Armadas estadounidenses. Despois do seu xuízo recibiu a atención dos medios internacionais, xa que os superviventes das súas accións describiron os abusos que realizaba ós prisioneisos como especialmente sádicos, e a imaxe dela como "a asasina do campo de concentración" estivo presente na sociedade alemá da posguerra.
Frances Haugen, nada en Iowa City, 1984, é unha xestora de produtos e activista estadounidense. En setembro de 2021, Haugen revelou milleiros de documentos internos de Facebook ("Facebook Files") á SEC (Securities and Exchange Commission; en galego, Comisión de Bolsa e Valores) dos Estados Unidos e ao Wall Street Journal.
Un distrito electoral é unha división electoral formada polo conxunto de persoas dun territorio que votan e constitúen unha unidade de voto. Nas eleccións municipais o distrito é o concello; nas eleccións ao Parlamento galego e ás Cortes españolas, cada provincia é un distrito; nas eleccións ao Parlamento europeo cada estado membro da Unión Europea constitúe un distrito electoral.
O prekmuro é un dialecto da lingua eslovena que se fala na rexión de Prekmurje en Eslovenia que que utiliza tamén a minoría eslovena do condado de Vas en Hungría, que ten como centro cultural a vila de Szentgotthárd. Tradicionalmente tamén o falaba a colonia eslovena establecida no condado de Smogy nos séculos XVII e XVIII pero que gradualmente quedou asimilada pola poboación húngara. Na súa orixe formaba parte dun continuum dialectal que abranguía tanto os grupos dialectais carintio e panonio do esloveno como o dialecto kaikaviano do croata, que non compartiu as innovacións que se orixinaron dos dialectos centrais do esloveno.
OpenStreetMap (tamén coñecido polas súas siglas OSM) é un proxecto aberto e colaborativo para crear mapas libres, gratuítos e editables. As trazas dos mapas créanse empregando información obtida de dispositivos GPS ou empregando fotografías aéreas ou de satélites e outras fontes como bases de datos da administración. Dende 2016 OSM emprega en España cartografía PNOA para mapeado e edición.
A monarquía romana (en latín, Regnum Romanum) foi a primeira forma política de goberno da cidade-estado de Roma, desde o momento lendario da súa fundación o 21 de abril de -753, ata o final da monarquía no -510, cando o último rei Tarquinio o Soberbio foi expulsado, instaurándose a república romana. As orixes da monarquía son imprecisas, se ben parece claro que foi a primeira forma política de goberno da cidade, un dato que parecen confirmar a arqueoloxía e a lingüística. A mitoloxía romana vincula a orixe de Roma e da institución monárquica ao heroe troiano Eneas, quen, fuxindo da destrución da súa cidade, navegou cara o Mediterráneo occidental ata chegar a Italia.
Miren Uxue Barkos Berruezo, nada en Pamplona o 5 de xullo de 1964, é unha política Navarra, presidenta do Goberno de Navarra entre 2015 e 2019. Defínese a si mesma como progresista, vasquista, abertzale e independentista. Deputada no Congreso de 2004 a 2015 (durante as lexislaturas VIII e IX en representación de Nafarroa Bai, e durante a X Lexislatura en representación de Geroa Bai), tamén foi voceira de Nafarroa Bai no Concello de Pamplona dende 2007 até 2015.
O aspecto gramatical, en lingüística, é unha propiedade que posúen os verbos e as perífrases verbais para sinalar o tempo interior da acción ou resaltar unha fase do seu desenvolvemento interior por enriba das demais, caracterizando así o transcurso do tempo dos acontecementos descritos. Cabo resaltar que o aspecto lingüístico diferénciase do tempo, en que mentres o tempo sinala o momento en que algo ocorre respecto de todo o demais, o aspecto especifica o tempo interior da acción ou a fase de desenvolvemento ou modificación da mesma que destaca sobre todas as demais, tanto na conxugación regular en que se reflicte o 'grao de terminación' do acontecemento, isto é, se posúe un aspecto perfectivo ou perfecto, que sinala a acción acabada no tempo de que se trate, como o aspecto imperfectivo ou imperfecto, que sinala acción inacabada no tempo exterior de que se trate. A chamada conxugación perifrástica ou por perífrase expresa os outros matices de aspecto, menos importantes ca estes .
Nova York (en inglés: New York; /njuːˈjɔɹk/ ) é a principal cidade do Estado de Nova York e dos Estados Unidos de América. Foi construída a partir dunha pequena colonia na illa de Manhattan, nos seus comezos holandesa co nome de Nova Ámsterdan, que pasou logo a mans inglesas. Cos seus oito millóns de habitantes, que chegan aos 18,7 millóns na súa área metropolitana, a rexión metropolitana de Nova York é facilmente a maior dos Estados Unidos de América, e a segunda máis populosa da América do Norte (despois da Cidade de México).
Cuac FM é unha radio comunitaria que emite desde 1996 no 103.4 FM da Coruña e a través de Internet. Está xestionado pola asociación cultural Colectivo de Universitarios Activos, que dá nome á emisora; esta asociación foi declarada no ano 2021 de utilidade pública pola Xunta de Galicia.A radio está situada nun edificio do Campus da Zapateira, da Universidade da Coruña, onde se atopa o estudio José Couso (ou estudio 1) e a redacción da emisora. Dende o 29 de xaneiro de 2011 está en funcionamento o estudio ou estudio 2 (estudio de gravación) Alexandre Bóveda.Desde 2015, a Escola de Radio e Asociacionismo da emisora sitúase no anexo do edificio.
Estrutura secundaria dos ácidos nucleicos
A estrutura secundaria dos ácidos nucleicos son as interaccións de apareamento de bases nun polímero de ácido nucleico ou entre dous destes polímeros. Pode representarse como unha lista de bases que están apareadas nunha molécula de ácido nucleico, que darán lugar a unha estrutura secundaria concreta. As estruturas secundarias dos ADNs e ARNs biolóxicos adoitan ser diferentes: o ADN biolóxico existe principalmente en forma de dobres hélices cun apareamento de bases completo, mentres que o ARN biolóxico ten unha soa cadea e adoita formar interaccións de apareamento de bases complexas e intricadas debido á súa maior capacidade de formar enlaces de hidróxeno no seu grupo hidroxilo extra do azucre ribosa.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
A Copa España (tamén chamada Concurso España) foi un torneo futbolístico por eliminación directa organizado pola Federación Española de Clubs de Foot-ball —antecesora da Real Federación Española de Fútbol— no que se permitía a participación de xogadores estranxeiros, os cales foran previamente excluídos do Campionato de España a causa de disputas xurdidas entre os clubs durante o torneo de 1911. Só se disputou unha edición en 1912 e o gañador foi o Deportivo da Coruña. O 25 de marzo de 2023 a xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol ratificou a oficialidade do torneo.En 1913, a Real Unión Española de Clubs de Foot-ball —unha escisión da Federación Española de Clubs de Foot-ball— organizou un torneo análogo, do que non se chegaría a disputar a fase final.
Estrutura cuaternaria dos ácidos nucleicos
A estrutura cuaternaris dos ácidos nucleicos é o conxunto de interaccións entre dúas ou máis moléculas de ácidos nucleicos separadas ou entre moléculas de ácidos nucleicos e proteínas. O concepto é análogo ao de estrutura cuaternaria das proteínas, pero esta analoxía non é perfecta, xa que o termo se usa para referirse a diversos conceptos nos ácidos nucleicos e é menos comunmente usado. Igual que outras biomoléculas como as proteínas, os ácidos nucleicos teñen catro niveis de disposicións estruturais: estrutura primaira, secundaria, terciaria e cuaternaria.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O camiño segue e segue (canción)
"O camiño segue e segue" (en inglés: The Road Goes Ever On) é un título que abrangue as diferentes versións dunha canción que J. R. R. Tolkien escribiu para o seu legendarium da Terra Media. Nas historias de Tolkien, a canción orixinal foi composta por Bilbo Bulseiro e rexistrada no libro O hobbit. Existen diferentes versións que tamén aparecen no libro O Señor dos Aneis, xunto con outras cancións do camiño semellantes.
Santoalla do Monte é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Petín. Segundo o IGE, en 2016 tiña 7 habitantes (3 mulleres e 4 homes), distribuídos nunha soa entidade de poboación, o que supón o mantemento con relación ao ano 1999 cando tiña tamén 7 habitantes. É unha das localizacións de Sempre Xonxa e é a localización case única do documental Santoalla, no que se inspirou o filme As bestas.
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego formado en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. As súas letras son en galego e de temática moi variada nas que predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Penafiel é un concello do Distrito do Porto, na Rexión Norte e subrexión Támega (Portugal). A capital do concello conta cuns 9.343 habitantes.É sede dun municipio de 212,82 km² de extensión e 72.265 habitantes (2011), subdividido en 38 freguesías. O concello limita ao norte co concello de Lousada, ao nordeste can Amarante, ao leste con Marco de Canaveses, ao sur co concello de Castelo de Paiva e ao oeste cos de Gondomar e Paredes.
A moeda escocesa abrangue as emisións monetarias dunha gran variedade de autoridades locais e nacionais escocesas, entre as que cómpre salientar o Reino de Escocia, que tiveron lugar entre os séculos XII e XVIII, sobre a base da libra escocesa, dividida en 20 xilins e 240 peniques. As moedas en circulación en Escocia a partir da Lei de Unión de 1707 con Inglaterra corresponden xa ás series da libra esterlina británica.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O coala (Phascolarctos cinereus) é un marsupial herbívoro nativo de Australia. É a única especie da familia dos fascolárctidos, e o seu familiar máis próximo é o uombat. Este animal vive en zonas costeiras das rexións do leste e do sur de Australia, nos estados de Queensland, Nova Gales do Sur, Victoria e Australia Meridional.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.