Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Carlomagno, ou Carlos, o Grande, ou mesmo Carlos I nas listaxes reais de Francia e Alemaña, nado o 2 de abril do 747 e finado o 28 de xaneiro do ano 814, foi sucesivamente rei dos francos (de 771 a 814), rei dos longobardos (a partir de 774), e tamén o primeiro emperador do Sacro Imperio Romano (coroado o 25 de decembro do ano 800), restaurando así o antigo Imperio Romano de Occidente.
Unha abreviatura é a representación escrita dunha ou varias palabras mediante unha ou varias das súas letras, a fin de que a palabra ou as palabras resulten máis curtas no texto. Créanse eliminando algunhas das letras ou sílabas finais ou centrais. Calquera escritor pode crear unha abreviatura para o seu uso particular.
O Gran Torino é un filme estadounidense de 2008 producido e dirixido por Clint Eastwood, quen tamén actúa no filme, o seu primeiro papel protagonista despois de catro anos dende Million Dollar Baby. No filme actúa o fillo máis novo de Eastwood, Scott Eastwood, e o máis vello, Kyle Eastwood, realizou a música. A estrea foi o 12 de decembro de 2008 nalgunhas salas dos Estados Unidos e o 9 de xaneiro de 2009 no resto do país.
AutoCAD é un programa de CAD en dúas e tres dimensións multiplataforma propiedade da empresa Autodesk dende 1982. O programa AutoCAD é o máis empregado no mundo no sector do CAD. Emprega funcións como "poliliñas" e "axuste de curvas". Autocad é un software de propósito xeral empregado por empresas de diversos sectores industriais, é usado por enxeñeiros, delineantes, profesionais, estudantes ou mestres.
Monsters University é un filme estadounidense dirixido por Dan Scanlon que foi estreado no 2013. Foi realizado por Pixar Animation Studios e estreado por Walt Disney Pictures. Foi dirixido por Dan Scanlon e producido por Kori Rae, con John Lasseter, Pete Docter, Andrew Stanton e Lee Unkrich como produtores executivos.
A sismoloxía (do grego seísmos = sismo e logos = estudo) é unha rama da xeofísica que se encarga do estudo dos terremotos e a propagación das ondas elásticas (sísmicas) que se xeran no interior e a superficie da Terra. A sismoloxía, inclúe, entre outros fenómenos, o estudo de maremotos e elementos asociados (tsunamis) e vibración previas a erupcións volcánicas. En xeral, os terremotos orixínanse nos límites de placas tectónicas e son produto da acumulación de tensións por interaccións entre dous ou máis placas.
Steven Isserlis, nado en Londres (Inglaterra) o 19 de decembro de 1958, é un violonchelista británico. Destaca polo seu diverso repertorio, o seu son característico (debido en parte ao emprego de cordas de tripa) e o seu fraseo. Estudou no Oberlin Conservatory of Music da localidade estadounidense de Oberlin (Ohio) e foi moi influenciado polo gran mestre ruso Daniil Shafran.
José Antonio Urruticoechea Bengoechea, nado en Ugao-Miraballes, Biscaia o 24 de decembro de 1950, tamén coñecido como Josu Ternera e como Josu Urrutikoetxea Bengoetxea, é un membro histórico da organización terrorista Euskadi Ta Askatasuna (ETA) e ex-deputado de Euskal Herritarrok no Parlamento Vasco.
Anthony M. LaPaglia, nado en Adelaida o 31 de xaneiro de 1959, é un actor australiano de cinema e televisión. É coñecido por interpretar o axente do FBI Jack Malone na serie de televisión estadounidense Without a Trace. Tamén apareceu en oito episodios de Frasier, incluíndo o derradeiro da serie, interpretando a Simon, o irmán de Daphne Moon.
Un peiteado refírese a un estilo de levar o cabelo. A súa elaboración pode considerarse un aspecto de hixiene, moda e cosmética, malia que tamén inflúen moito aspectos prácticos, culturais e populares. Os diferentes estilos de peiteados empréganse frecuentemente como sinal de identidade cultural, social ou étnica, e poden reflectir o status social e a individualidade.
O Himno da Unión Soviética (Гимн Советского Союза) foi adoptado o 15 de marzo de 1944 como himno nacional en substitudicón da Internacional. A letra foi escrita por Sergei Mikhalkov (nado en 1913) en colaboración con Gabriel El-Registan e a música foi composta por Alexander Alexandrov (1883-1946). Críase que os soldados soviéticos responderían mellor a un himno dedicado á Unión Soviética que a un dedicado a un movemento mundial.
Songkick é unha compañía tecnolóxica estadounidense que proporciona servizos de descubrimento de concertos e de vendas de entradas para eventos musicais ao vivo. A web e a app móbil de Songkick permite aos usuarios rastrexar a artistas en xira, recibir alertas de concertos na súa área e mercar entradas para os espectáculos, usando tecnoloxía e servizos que dirixen e xestionan as vendas de entradas en nome de artistas.
Os ortonéctidos (Orthonectida, do grego ὀρθός orthós, "recto", "dereito", e νηκτός nēktós, "nadador", derivado de νήχειν nḗchein, "nadar") son un pequeno filo de animais parasitos de invertebrados mariños (moluscos, equinodermos etc), onde se encontran algúns dos animais multicelulares máis simples. O filo consta dunhas 20 especies das que Rhopalura ophiocomae é a máis coñecida.
Penicillium é un xénero de fungos ascomicetos que forma parte do micobioma de moitas especies e ten grande importancia no ambiente natural, así como na descomposición de alimentos e na produción de alimentos e fármacos. Algúns membros deste xénero producen a penicilina, unha molécula que se usa como antibiótico, que mata ou detén o crecemento de certos tipos de bacterias. Outras especies utilízanse na produción de queixos.
Spacewar (estilizado en ocasións Spacewar!) é un videoxogo de simulación de combate espacial desenvolvido no ano 1962, sendo un dos primeiros xogos creados nos comezos da historia dos videoxogos. Foi deseñado por Steve Russell, en colaboración con Martin Graetz e Wayne Wiitanen, e programado polo propio Russell coa axuda de Bob Saunders e Steve Piner para a minicomputadora DEC PDP-1 no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts. Trala súa creación, outros estudantes e empregados das universidades da zona expandiron o videoxogo, entre eles Dan Edwards e Peter Samson.
O brutalismo é un estilo arquitectónico surxido do Movemento Moderno e que tivo o seu auxe entre as décadas de 1950 e 1970. Nun comezo estivo baseado no traballo do arquitecto suízo Le Corbusier e en Eero Saarinen. O nome ten a súa orixe no termo francés béton brut, en galego «formigón cru», termo usado por Le Corbusier para describir a elección dos seus materiais.
En lingüística textual, a unidade temática, significativa e pertinente, máis pequena dun texto denomínase motivo. Ás máis das veces o motivo coincide cunha palabra presente no texto; pero, de cando en cando, pode identificarse cun anaco do significado da palabra, é dicir cun sema, ou cun sintagma ou cunha frase na cal non figura a palabra coa cal designamos o motivo. Cando o motivo se reitera ó longo da obra e asume nela un papel preciso, falarase, por analoxía coa música, de leitmotiv (por exemplo a chuvia é un leitmotiv en A Esmorga de Eduardo Blanco Amor).
Casacas Vermellas foi o nome utilizado para referirse aos soldados do exército inglés entre os séculos XVII e XIX. Dise que a súa orixe se remonta ao xeneral inglés Oliver Cromwell que a utilizou por primeira vez no seu exército, ou ben foi utilizada polo exército privado da Compañía Británica das Indias Orientais durante os séculos XVII e XVIII. O nome viña de que o seu uniforme, tanto cerimonial como de batalla, consistía nunha casaca de cor vermella.Os casacas vermellos foron probados en diversos conflitos, como as Guerras Napoleónicas, a Revolución Americana ou a Guerra Bóer.
Nicola Berti, nado en Salsomaggiore Terme, Parma, o 14 de abril de 1967, é un exfutbolista italiano, que xogaba como centrocampista. Comezou a súa carreira no Parma, pasando logo pola Fiorentina antes de fichar en 1988 polo Inter de Milán, onde viviu os seus mellores tempos como profesional. Tivo un destacado papel no medio do campo do equipo durante a seguinte década, gañando un título da Serie A e tres Copas da UEFA. Pasou os seus últimos anos como futbolista fóra de Italia, xogando no Tottenham inglés, no Alavés e no Northern Spirit do Canadá.
Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, e finada o 8 de setembro de 2022 en Balmoral, Escocia, foi unha monarca inglesa. Foi raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Belize, Canadá, Granada, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón, Tuvalu e Xamaica. Tamén foi a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.
Series Mundiais de Tríatlon 2018
As Series Mundiais de Tríatlon 2018 foron a trixésima edición do Campionato do Mundo de Tríatlon. Nesta edición o campionato contou con oito probas repartidas en 4 continentes. A Gran Final tivo lugar na localidade australiana de Gold Coast entre os días 12 e o 16 de setembro.
Reunión (en francés La Réunion) é un departamento francés no Océano Índico, localizado ao leste de Madagascar. A illa principal é unha das dúas maiores illas Mascareñas, sendo o seu veciño máis próximo a outra: Mauricio. Reunión ten, ademais, varias dependencias, espalladas en torno de Madagascar, no Índico e na Canle de Mozambique.
O Himno da Federación Rusa (en ruso: Государственный гимн Российской Федерации, "Gosudarstvenny Gimn Rossiyskoy Federatsii") é o himno nacional de Rusia. É unha adaptación do Himno da Unión Soviética de 1944, cuxa música compuxo orixinalmente Aleksandr Aleksándrov. A letra foi revisada para o himno da Federación Rusa por Serguéi Mijalkov, quen refixo as letras das versións do himno soviético en 1943 e 1977.
Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional
O Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional (até 2014, se denominou Premio Príncipe de Asturias de Cooperación internacional) é concedido desde 1981, á persoa, grupo de persoas ou institución cuxo labor contribuíran de forma exemplar e relevante ó mutuo coñecemento, ó progreso ou á fraternidade entre os pobos.
Un grao sesaxesimal, ou sexaxesimal, corresponde a un ángulo central subtendido por un arco de lonxitude 1/360 de circunferencia, a nonaxésima parte dun ángulo recto. Non se debe confundir co grao centesimal. Chamado comunmente simplemente grao, de símbolo, °, é orixinario da civilización babilónica.
Hypertext Transfer Protocol Secure
Hypertext Transfer Protocol Secure, que en galego sería Protocolo seguro de transferencia de hipertexto, máis coñecido polas súas siglas HTTPS, é un protocolo de aplicación baseado no protocolo HTTP, destinado á transferencia segura de datos de hipertexto, é dicir, é a versión segura de HTTP. É utilizado principalmente por entidades bancarias, tendas en liña, e calquera tipo de servizo que requira o envío de datos persoais ou contrasinais.
Venus é o segundo planeta do sistema solar en orde de proximidade ao Sol e o terceiro en canto a tamaño en orde ascendente despois de Mercurio e Marte e ten algunhas características peculiares. Do mesmo xeito que Mercurio, carece de satélites naturais. A súa órbita é unha elipse cunha excentricidade de menos do 1 %, formando a órbita máis circular de todos os planetas; apenas supera a de Neptuno.
Un bibliotecario é unha persoa que desenvolve procedementos para organizar a información, así como ofrecer servizos para axudar e instruír ás persoas nas maneiras máis eficientes para identificar e acceder á información que necesiten, nos seus diferentes formatos (artigo, libro, revista, disco compacto, videogravación, arquivo dixital etc). O seu rol transformouse co tempo; pasaron de ser meros custodios das coleccións de libros a ser intermediarios entre os usuarios que requiren satisfacer algunha necesidade de información e as coleccións de información (en diversos formatos) que lles son confiadas. Os bibliotecarios son profesionais que se forman a través das carreiras universitarias: A diplomatura en Biblioteconomía e Documentación e/o a Licenciatura en Documentación.
Ana Victoria García Obregón, máis coñecida como Ana Obregón, nada en Madrid o 18 de marzo de 1955, é unha actriz, presentadora, bailarina e cantante española moi coñecida no ámbito da televisión, tanto en series de ficción como en programas e concursos televisivos. Desde hai moitos anos é un dos rostros máis populares da prensa rosa española.
O fotosistema I (FSI, PSI polas súas siglas en inglés, ou plastocianina–ferredoxina oxidorredutase) é un dos dous fotosistemas que interveñen nas reaccións luminosas da fotosíntese de plantas, algas e cianobacterias. O fotosistema I é un complexo proteico integral de membrana que usa a enerxía da luz para catalizar unha transferencia de electróns a través da membrana dos tilacoides desde a plastocianina á ferredoxina.
Dacca ou Daca (bengalí: ঢাকা, transcrito Ḍhākā; pronunciado: [ɖʱaka]) é a cidade capital de Bangladesh, a maior con diferenza do país e o seu centro absoluto: industrial, comercial, cultural etc. Sitúase no corazón do xigantesco e magnífico sistema fluvial que conforma o delta do Ganxes-Brahmaputra, na beira norte dun dos séus brazos, o Buriganga.As súas orixes semellan datar do primeiro milenio mais non acada relevancia ata que o Imperio mogol a elixe coma capital da provincia de Bengala no século XVII. Dende a independencia de Bangladesh en 1971, o seu crecemento ten sido espectacular configurando unha das grandes aglomeracións do planeta. Segundo o censo, no ano 2011 tiña 14 543 124 habitantes.
Amy Jade Winehouse, nada en Londres, Inglaterra o 14 de setembro de 1983 e finada na mesma cidade o 23 de xullo de 2011, máis coñecida simplemente como Amy Winehouse, foi unha cantante e compositora inglesa recoñecida polo seu alcance vocal contralto, descrito como "acusticamente poderoso" e capaz de expresar "profunda emoción", destacando pola mestura ecléctica de xéneros musicais, incluíndo soul (ás veces denominado como blue-eyed soul e neo soul), rhythm and blues, jazz e reggae. O seu álbum de debut do ano 2003 Frank foi valorado positivamente pola crítica especializada e foi comercialmente un éxito no seu país natal, o Reino Unido, e foi candidato ó premio Mercury Prize. O seguinte álbum de Winehouse do ano 2006, Back to Black, levou cinco premios Grammy, igualando naquel entón a marca de maior número de triunfos nunha única noite para unha artista feminina, e foi a primeira muller británica en gañar cinco premios Grammy, incluíndo a Mellor Artista Revelación, Gravación do Ano e Canción do Ano.
24 horas ó límite (en francés: Michel Vaillant) é un filme francés dirixido por Louis-Pascal Couvelaire que foi estreado en 2003. Está protagonizado por Sagamore Stévenin e Diane Kruger. Representa os eventos da carreira das 24 Horas de Le Mans, amplamente baseado na personaxe de banda deseñada Michel Vaillant.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
O medio dólar Kennedy é unha moeda estadounidense de curso legal cuñada por vez primeira en 1964 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. Concibiuse como unha homenaxe ao 35º presidente do país, John F. Kennedy, e a súa creación foi autorizada polo Congreso dos EEUU pouco despois dun mes do seu asasinato en novembro de 1963. O uso de obras anteriores dos gravadores xefe da casa da moeda Gilroy Roberts e Frank Gasparro posibilitou unha rápida preparación dos cuños e a produción da nova moeda comezou xa en xaneiro de 1964.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O persa ou parsi (فارسی, fārsī) é unha lingua indoirania da familia das linguas indoeuropeas, fálase principalmente en Irán, Afganistán (oficialmente coñecida como dari) e Taxiquistán (coñecida como taxico). Goza de status de lingua oficial en Irán, en Afganistán so o nome de dari segundo garante a nova Constitución de Afganistán, e no Taxiquistán como taxico. A súa orixe está na fala das tribos asentadas no suroeste da planicie iraniana que deron orixe ao imperio aqueménida, coñecido como persa antigo converteuse na lingua das clases gobernantes do imperio pero non substituíu ao arameo como lingua franca, consérvanse só unhas poucas inscricións desta época, pero o feito de ser utilizado por outros pobos contribuíu á súa simplificación e a intrudución de léxico foráneo, a partir do século III a.C é o época do persa medio, falado no período sasánida ata o século IX , e do cal derivan as actuais linguas literarias modernas persa moderno, dari e o taxico.
Marrocos (en árabe: المغرب; Al-Magrib, en bérber: ⵍⵎⵖⵔⵉⴱ; lmeɣrib), oficialmente Reino de Marrocos (en árabe: المملكة المغربية; Al-mamlaka al-maḡribiyya, en amazigh: ⵜⴰⴳⵍⴷⵉⵜ ⵏ ⵍⵎⵖⵔⵉⴱ; Tageldit n lmeɣrib) é un país do noroeste de África. A súa longa costa atlántica chega desde o Sáhara Occidental ata o estreito de Xibraltar para dar ao mar Mediterráneo (ao norte), e continúa cara ao leste ata chegar a Alxeria, coa que limita ao leste e sueste.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Cuartos de dólar dos 50 estados
Os cuartos de dólar dos 50 estados son unha serie de moedas dun cuarto de dólar postas en circulación pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en conmemoración de cada un dos estados constituíntes dos Estados Unidos. Este programa foi creado pola Lei 105-124, do 1 de decembro de 1997, e as moedas foron cuñadas e postas en circulación entre 1999 e 2008 en bloques de cinco estados cada ano.O deseño común do anverso correspóndese co coñecido como cuarto de dólar Washington, creado por John Flanagan en 1923 e adaptado nesta ocasión polo gravador da US Mint William Cousins, en tanto que o reverso é específico para cada estado.O programa dos cuartos de dólar dos 50 estados púxose en marcha para promover unha nova xeración de coleccionistas de moedas, e converteuse no programa numismático máis existoso da historia dos EEUU, xa que aproximadamente a metade da poboación coleccionou as moedas desta serie. Isto provocou, ademais, un beneficio de arredor de 3.000 millóns de dólares para o Goberno federal, motivado da retirada da circulación das moedas por parte dos coleccionistas.En 2009, a Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou a complementar esta serie cun novo programa de moedas dun cuarto de dólar dedicadas ao Distrito de Columbia e dos territorios dos EEUU, nos que se inclúen Porto Rico, Samoa Americana, Guam, as illas Virxes Estadounidenses e as illas Marianas do Norte.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Patrimonio da Humanidade en Armenia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.
James Richard Garoppolo, nado o 2 de novembro de 1991 en Arlington Heights, Illinois, é un xogador profesional estadounidense de fútbol americano que xoga na posición de quarterback para San Francisco 49ers da National Football League (NFL). Formado na Eastern Illinois, foi elixido na segundo rolda do Draft da NFL de 2014 polos New England Patriots, equio co conseguiu dous títulos da Super Bowl como quarterback suplente de Tom Brady.
O coala (Phascolarctos cinereus) é un marsupial herbívoro nativo de Australia. É a única especie da familia dos fascolárctidos, e o seu familiar máis próximo é o uombat. Este animal vive en zonas costeiras das rexións do leste e do sur de Australia, nos estados de Queensland, Nova Gales do Sur, Victoria e Australia Meridional.
Os cometas son corpos de forma irregular, fráxiles e pequenos (en relación con outros corpos espaciais), compostos por unha mestura de grans non volátiles e gases conxelados. Teñen órbitas moi elípticas que os leva moi preto do Sol e os devolve ó espazo profundo, moitas veces alén da órbita de Plutón. As estruturas dos cometas son diversas e moi dinámicas, pero todos eles desenvolven unha nube de material difuso que os rodea, denominada cabeleira (a 'cola', que vai detrás ó achegarse ó sol e diante ó afastarse, pasando a chamarse ás veces 'barba'), que xeralmente crece en tamaño e brillo á medida que o cometa se aproxima ó Sol.
Lisboa é a capital e maior cidade de Portugal, situada na foz do río Texo. Alén diso é tamén capital do distrito de Lisboa, da rexión de Lisboa, da área metropolitana de Lisboa, e é tamén o principal centro da subrexión estatística da Grande Lisboa. A cidade ten unha poboación de 545.245 habitantes (2011), mais a súa área metropolitana ten preto de 2,9 millóns, un 27% da poboación do país.
O Concurso España (tamén coñecido como Copa España) foi un torneo futbolístico por eliminación directa organizado pola Federación Española de Clubs de Foot-ball —antecesora da Real Federación Española de Fútbol— no que se permitía a participación de xogadores estranxeiros, os cales foran previamente excluídos do Campionato de España a causa de disputas xurdidas entre os clubs durante o torneo de 1911. Só se disputou unha edición en 1912 e o gañador foi o Deportivo da Coruña. O 25 de marzo de 2023 a xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol recoñeceu a oficialidade do torneo.En 1913, a Real Unión Española de Clubs de Foot-ball —unha escisión da Federación Española de Clubs de Foot-ball— organizou un torneo análogo, do que non se chegaría a disputar a fase final.
Con pólvora e magnolias é un libro de poesía escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín en lingua galega, e publicado por Rompente en 1976. A publicación en 1976 desta obra, xunto con Mesteres, de Arcadio López-Casanova, vai significar un cambio dentro da poesía galega. Estes dous poemarios supuxeron un redescubrimento das posibilidades da linguaxe, dos recursos formais, da dimensión estética do poema e dos temas nun momento en que a poesía socialrealista descendera de calidade debido aos excesos que dela se fixeran.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie a metade do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 213 317 639 (2021), así como en territorio.