Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Gaspar de Zúñiga Acevedo e Velasco
Gaspar de Zúñiga Acevedo e Velasco, nado en Monterrei en 1560 e finado en Lima o 10 de febreiro de 1606, foi un nobre galego da Casa de Zúñiga, V conde de Monterrei, señor de Biedma, Ulloa e da casa de La Ribera, pertegueiro maior de Santiago de Compostela, vicerrei, gobernador e capitán xeneral do Vicerreinado da Nova España (México), presidente da Real Audiencia de México, logo vicerrei, gobernador e capitán xeneral do Vicerreinado do Perú e presidente da Real Audiencia da Cidade dos Reis (Lima)
Antonio Couceiro Méndez, nado na Coruña o 18 de decembro de 1955, é un político e dirixente galego. Foi conselleiro de Industria e Comercio durante o goberno de Manuel Fraga, entre 1994 e 1999, e deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Popular entre 1997 e 1999. Ten ocupado presidencias e cargos nos consellos de administración de numerosas institucións, tanto públicas como privadas Na actualidade ocupa entre outros os cargos de presidente da Cámara de Comercio da Coruña (dende 2016) e presidente do Deportivo da Coruña (dende 2021).
As bandas G son unhas bandas escuras e claras que aparecen nos cromosomas cando se lles aplica a técnica de tinguidura chamada bandeado G, bandeamento G, bandeado Giemsa ou bandeado GTG (Giemsa-tripsina-Giemsa) que se usa en citoxenética para producir un cariotipo visible tinguindo os cromosomas condensados con Giemsa. É o método máis común de bandeado dos cromosomas. É útil para identificar enfermidades xenéticas (principalmente anormalidades cromosómicas) por medio da representación fotográfica do complemento cromosómico completo.
Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, nada en Bravos, Ourol, o 1 de outubro de 1993, é unha cantante e compositora galega que se fixo coñecida pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo, no ano 2018. En canto á súa voz trátase dunha voz de música popular rasgada, que entraría dentro do rango de mezzosoporano.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
JSON, acrónimo de JavaScript Object Notation, é un formato lixeiro para o intercambio de datos. JSON é un subconxunto da notación literal de obxectos de JavaScript que non require o uso de XML. A simplicidade de JSON deu lugar á xeneralización do seu uso, especialmente como alternativa a XML en AJAX. Unha das supostas vantaxes de JSON sobre XML como formato de intercambio de datos neste contexto é que é moito máis sinxelo escribir un analizador sintáctico (parser) de JSON. En JavaScript, un texto JSON pódese analizar facilmente usando o procedemento eval(), o cal foi fundamental para que JSON fose aceptado por parte da comunidade de desenvolvedores AJAX, debido á ubicuidade de JavaScript en case calquera navegador web. Na práctica, os argumentos a favor da facilidade de desenvolvemento de analizadores ou do rendemento dos mesmos son pouco relevantes, debido ás cuestións de seguridade que expón o uso de eval() e o auxe do procesamento nativo de XML incorporado nos navegadores modernos.
A xeoloxía de Galicia é o estudo das formacións rochosas de Galicia, a súa litoloxía, estruturas tectónicas, historia e demais características. En Galicia a maioría das rochas son ígneas e metamórficas e de idade moi antiga, xa que a maioría son paleozoicas e algunhas mesmo precámbricas, e hai menos materiais máis modernos. O territorio galego forma parte do Macizo Ibérico ou Hespérico, que é de orixe herciniana e forma o núcleo de toda a península Ibérica.
Os granates son un grupo de silicatos que se utilizan desde a idade de bronce como pedra preciosa e abrasivo. O seu nome procede do latín granatum e fai referencia ao aspecto e cor dalgúns deles, semellantes aos grans da froita coñecida como granada (Punica granatum). A química dos granates é moi complexa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O teixugo euroasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Juan Carlos Copa Quiroga, nado na Coruña en 1970, é un ex xogador e adestrador de hóckey a patíns galego. É considerado un dos mellores xogadores que deu a canteira coruñesa, debutando aos 15 anos na División de Honra (actual OK Liga) e converténdose con 17 no primeiro capitán non catalán dunha selección española. Dende 2017 adestra o Deportivo Liceo.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Gran Premio de Bahrain de 2023
O Gran Premio de Bahrain de 2023 (oficialmente Formula 1 Gulf Air Bahrain Grand Prix 2023) foi unha carreira de Fórmula 1 que celebrouse o 5 de marzo de 2023. Disputouse no Circuíto Internacional de Bahrain en Sakhir, Bahrain. A carreira foi a primeira rolda da tempada 2023 de Fórmula Un e marca a décimo novena vez que se celebra o Gran Premio de Bahrain como parte do Campionato Mundial de Fórmula Un.
Emilio José de Dios Merino, máis coñecido como Emilio de Dios, nado o 29 de outubro de 1971 en Xixón, Asturias, é un director deportivo español, que tras formar parte do Sporting de Gijón, o Racing de Santander e o Club Deportivo Lugo, onde substituíu no cargo a Toni Otero, actualmente está sen equipo.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
Dios ke te crew (DKTC) é un grupo de hip hop de Ordes formado en 2003. Posteriormente formaron tamén un grupo de graffiti, breakdance, DJs e rap. Todos estes aspectos do hip hop únense nas presentacións en directo do grupo, onde é común presenciar pezas de pintura e graffiti no fondo do escenario e bailar breakdance, mentres o grupo musical interpreta as súas cancións.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2023
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2023 será a 74ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o órgano de goberno internacional do automobilismo, como a máxima clase de competición para coches de carreiras de rodas aberta. O campionato disputarase nunha serie de carreiras, ou Grandes Premios, celebradas en todo o mundo.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
Robert Musil, nado o 6 de novembro de 1880 en Klagenfurt (Austria) e finado o 15 de abril de 1942 en Xenebra (Suíza), foi un escritor austríaco, autor da novela longa inacabada Der Mann ohne Eigenschaften (O home sen cualidades), unha das novelas modernistas máis sobranceiras, considerada clave no panorama literario do século XX; a novela ocúpase do devalo moral e intelectual do imperio Austro-Húngaro a través dos ollos do protagonista Ulrich, un ex-matemático da Viena en vésperas da primeira guerra mundial.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
O dugongo, Dugong dugon (Müller, 1776) é unha especie de mamífero mariño da orde dos sirenios, a única actualmente viva da familia dos dugónxidos, e do xénero Dugong. Ten un corpo grande e groso, de até os 3 m de lonxitude e 200 kg de peso, pero hidrodinámico, rematado nunha aleta caudal falciforme (o que o diferencia, entre outras cousas, dos seus próximos parentes os triquéquidos ou manatís, cos que comparte a orde). A especie habitou en tempos pasados todas as rexións tropicais costeiras dos océanos Índico e Pacífico, e nos estuarios e grandes ríos que desembocan nelas, pero hoxe en día a súa distribución é máis limitada.
Joseph Robinette "Joe" Biden, Jr, nado en Scranton, Pensilvania o 20 de novembro de 1942, é un avogado e político estadounidense, 46º presidente dos Estados Unidos de América. Membro do Partido Demócrata, Biden foi senador por Delaware durante seis mandatos dende 1973 a 2009 e foi o 47º vicepresidente dos Estados Unidos de América, no goberno de Barack Obama, dende 2009 a 2017. Criado en Scranton, Pensilvania e no condado de New Castle, Delaware, Biden estudou na Universidade de Delaware antes de obter a carreira de Dereito na Universidade de Siracusa en 1968.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Bruno Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de defensa no Lleida Llista Blava, da OK Liga. É irmán xemelgo bivitelino de Roberto Di Benedetto e irmán máis novo de Carlo Di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
As mulleres do 72 son coñecidas deste xeito polos sucesos ocorridos o 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol (A Coruña). Nese día, tivo lugar unha manifestación obreira local en protesta sobre a imposición dun convenio colectivo interprovincial. Os enfrontamentos coa policía remataron con dúas persoas falecidas.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
Luisa-Marie Neubauer, nada en Hamburgo o 21 de abril de 1996, é unha activista contra o cambio climático alemá. É unha das principais organizadoras da folga escolar do movemento climático en Alemaña. No seu discurso, avoga por unha política climática que cumpra o establecido no Acordo de París e que apoie o decrecemento produtivo.
Vilarinho da Furna, tamén coñecido como Vilarinho das Furnas (pola asociación co nome do encoro) foi un lugar da parroquia de Campo do Gerês (antigamente chamado São João do Campo), situado no concello de Terras de Bouro, no distrito de Braga. Desde 1971 esta aldea está somerxida polo encoro de Vilarinho das Furnas . Este encoro acabou adquirindo un nome equivocado para esta vila, o que levaría, a día de hoxe, a cometer o erro de chamarlle este lugar Vilarinho das Furnas, en lugar de Vilarinho da Furna.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
As bandas R son unhas bandas claras e escuras que aparecen nos cromosomas cando se lles aplica a técnica do bandeado R, bandeamento R, bandeado reverso (ou inverso), que é unha técnica citoxenética que produce as bandas inversas ás bandas G. Foi ideada por Dutrillaux e Lejeune. O bandeado R obtense incubando as preparacións en tampón fosfato quente, facendo despois un tratamento coa tinguidura Giemsa. Os padróns resultantes nos cromosomas mostran bandas escuras R, que son o complemento das bandas G. As bandas escuras R son ricas en guanina-citosina, mentres que as rexións ricas en adenina-timina son desnaturalizadas máis facilmente pola calor.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 195.059 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
A Festa da Arribada da Carabela Pinta a Baiona celébrase nesa vila conmemorando a chegada á mesma de Martín Alonso Pinzón na carabela Pinta o 1 de marzo de 1493, trala primeira viaxe de Cristovo Colón a América, cunha escenificación da súa arribada. A festa celébrase o primeiro sábado e domingo de marzo. Está catalogada como festa de interese turístico internacional de España e acolle cada ano unhas 30.000 persoas.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Luís XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Fernando Alonso Díaz ( pronunciación ), nado en Oviedo o 29 de xullo de 1981, é un piloto asturiano de automobilismo que actualmente compite para Aston Martin na Fórmula 1. Foi Campión do Mundo de Fórmula 1 nas tempadas 2005 e 2006, interrompendo a serie de cinco títulos consecutivos acadada polo alemán Michael Schumacher e converténdose no gañador máis novo do título mundial, batendo a histórica marca do brasileiro Emerson Fittipaldi. É frecuentemente considerado como un dos mellores pilotos de Fórmula 1 na historia do deporte.
Carlo Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 31 de maio de 1996, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no FC Porto, do Campionato Portugués. É irmán máis vello dos xemelgos bivitelinos Bruno e Roberto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A República da China (en chinés tradicional: 中華民國; pinyin: ZhongHuá MínGuó; Wade-Giles: Chung Hua Min Kuo), coñecida polo xeral como Taiwán (en chinés tradicional: 臺灣 ou 台灣; chinés simplificado: 台湾; (mandarín) pinyin: Táiwān; Wade-Giles: T'ai-wan; Taiwanés: Tâi-oân), é un territorio asiático formado por un arquipélago do que a Illa de Taiwán (tamén chamada Formosa) é a máis importante. A República da China deixou de ser membro das Nacións Unidas cando os países membros decidiron que o fose a República Popular da China. Taiwán é recoñecido como a República da China por 14 países.
Toledo é unha cidade que se atopa na España central, e é a capital da provincia de Toledo e da comunidade autónoma de Castela-A Mancha. Toledo é coñecida como «A cidade Imperial» por ser a sede principal da corte de Carlos I e tamén como «a cidade das tres culturas», por ter sido habitada durante séculos por cristiáns, xudeus e musulmáns. A cidade está situada na marxe dereita do Texo, nun outeiro de cen metros de altura sobre o río, o cal cínguea pola súa base, formando un pronunciado meandro coñecido como Torno do Texo.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.
Nantes (Naoned en bretón e Naunnt ou Nàntt en galó), é unha cidade francesa, capital do departamento do Loira Atlántico dentro da rexión do País do Loira. É a sexta maior cidade de Francia, e está situada no sueste da Bretaña. É a capital da rexión administrativa de Pays-de-Loire, pero historicamente pertence á Bretaña, da que foi capital e residencia dos duques da Bretaña.