Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.
O meu veciño Totoro (となりのトトロ, Tonari no Totoro) é un filme xaponés de animación de 1988 dirixido e escrito por Hayao Miyazaki. Foi animado polo Studio Ghibli para Tokuma Shoten. O filme, que conta coas voces orixinais en xaponés de Noriko Hidaka, Chika Sakamoto e Hitoshi Takagi, conta a historia das fillas pequenas dun profesor (Satsuki e Mei) e as súas interaccións con amigables espíritos do bosque no Xapón rural da posguerra.
O minuto (min) é unha unidade de tempo que equivale á sesaxésima parte dunha hora. Tamén equivale a 60 segundos, que é a unidade de tempo do Sistema Internacional de Unidades. Isto é: 1/60 h = 1 min = 60 sO vocábulo minuto provén do latín pars minuta prima, que significa ‘parte diminuta primeira’, coa mesma etimoloxía que «menor».
Cravos vermellos (titulado orixinalmente en inglés Red Nails) é un relato escrito polo autor estadounidense Robert E. Howard para o seu personaxe de espada e bruxaría Conan o bárbaro. Foi o primeiro relato de Conan en ser publicado postumamente (a revista pulp Weird Tales publicouno en outubro de 1936 despois de que Howard se suicidara en xuño) e tamén foi o primeiro, e o único, no que aparece a personaxe feminina de Valeria, que máis tarde, en 1982, sería utilizada no filme Conan o bárbaro, con Arnold Schwarzenegger no papel de Conan e Sandahl Bergman no papel de Valeria, aínda que a historia narrada no filme non coincidise coa historia narrada en Cravos vermellos. Foi traducido ó galego por Tomás González Ahola e foi publicado dentro da colección "Conan IV" de Urco Editora no ano 2016.
Yandere Simulator é un videoxogo en desenvolvemento que será publicado por YandereDev. O xogo céntrase nunha colexiala namorada chamada 'Ayano Aishi', máis coñecida como 'Yandere-chan', que debe acabar con calquera rapaza que ela cre que está atraer a atención do seu amor. Ó longo de 10 semanas, a principal protagonista do xogo, debe asasinar 10 rivais.
Moeda de medio centavo de dólar estadounidense
A moeda de medio centavo de dólar estadounidense foi unha moeda de cobre con ese valor facial, emitida entre 1793 e 1857 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. Tivo cinco modelos diferentes e foi a moeda de menor valor facial das que circularon nos Estados Unidos.
O Douglas DC-8 é un cuadrimotor de pasaxeiros fabricado entre 1958 e 1972 pola Douglas Aircraft Company. A pesar de ser lanzado máis tarde que o seu competidor Boeing 707, o DC-8 estableceu a Douglas nunha posición forte no mercado dos avións de pasaxeiros, e estivo en produción ata 1972, ando comezou a ser superado por deseños máis grandes, como o DC-10 e o Boeing 747. O deseño do DC-8 permitia levar algo máis de carga que o 707, polo que ducias de exemplares remotorizados continúan en servizo como avións de carga, mentres que a vida comercial dos 707 rematou principalmente de cara ao ano 2000.
Mozilla Firefox (ou só Firefox) é unha aplicación para a navegación web, libre e de código aberto e que desenvolve o proxecto o grupo Mozilla Corporation da organización aberta Fundación Mozilla. É multiplataforma e está dispoñíbel para os sistemas operativos Linux, macOS e Windows, así como en Android (como Firefox para Android) e iOS. Emprega o motor de rendemento web Quantum (que substituíu a Gecko), e executa os modelos web actuais e os próximos a ser aprobados. En 2015 liberouse Firefox para iOS, que emprega WebKit no canto de Gecko por restricións de Apple no desenvolvemento do seu sistema operativo móbil.
A Sega Mega Drive, coñecida en diversos territorios de América como Sega Genesis, é unha videoconsola de 16 bits producida por Sega. Forma parte da cuarta xeración de videoconsolas e competiu no mercado contra a SNES de Nintendo. Foi comercializada en 1988 no Xapón como Mega Drive e en 1989 en Norteamérica como Genesis.
Ver tamén pigmento. Os pigmentos biolóxicos ou biocromos son substancias producidas por organismos vivos que teñen unha cor que se orixina por unha absorción de cor selectiva, é dicir, o pigmento cambia a cor da luz que reflicte como resultado da absorción selectiva de certas lonxitudes de onda da luz. Entre os pigmentos biolóxicos están os pigmentos de plantas e pigmentos de flores, e os de moitas estruturas biolóxicas de animais, como a pel, ollos, pelaxe e pelos, que conteñen pigmentos como a melanina en células especializadas chamadas cromatóforos, e outras como as plumas.
Un actor de voz é unha persoa que proporciona a súa voz para calquera soporte audiovisual: videoxogos, atraccións, series radiofónicas, series de televisión, stop motion, animacións (como debuxos animados, filmes e curtas animados), publicidades de televisión e radio. Cando fai falla cantar nun papel dado, ás veces contrátase un segundo actor de voz para as cancións. Un actor de voz non necesariamente ten que ser un actor de dobraxe.
Tokusatsu (特撮) é a palabra xaponesa para denominar os efectos especiais e que fóra do Xapón identifica os filmes e series xaponesas que fan un considerable uso dos efectos especiais como filmes ou series de imaxe real tales como os de superheroes, como son as series de Metal Hero; kaijus como Godzilla; as de mecha, como Giant Robot ou aquelas producións que combinan dous ou máis destes xéneros, como Ultraman ou Super Sentai. En xeral abrangue temas que teñen que ver coa ficción científica, fantasía e terror. Constitúe unha das formas de entretemento máis populares do Xapón, pero fóra de Asia apenas teñen éxito uns poucos filmes e series, aínda que si conta cun importante número de afeccionados en todo o mundo.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Mute Records é un selo discográfico formado en 1978 por Daniel Miller, nun principio para realizar o seu propio sinxelo, T.V.O.D./Warm Leatherette, baixo o alcume de The Normal. Mute Records comezou a ser coñecido pola firma de artistas post-punk, como Fad Gadget (pseudónimo de Frank Tovey), a Einstürzende Neubauten, Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire. Cando a música electrónica se situou no cumio das listas de 1981 do Reino Unido, Mute Records asinou con artistas como Depeche Mode, Nitzer Ebb, Yazoo ou Erasure, bandas que facían uso de novas tecnoloxías que redefinirían o son das pistas de baile entre os finais dos 80 e principios dos 90.
O Poder xudicial é aquel que, de conformidade coa lexislación vixente, é o encargado da aplicación das normas xurídicas na resolución de conflitos. Segundo a teoría clásica de Montesquieu, a división de poderes garante a liberdade do cidadán. Montesquieu compuxo a súa teoría logo dunha viaxe a Inglaterra onde interpretou que un poder xudicial independente pode ser un freo eficaz do executivo.
Encontros na terceira fase (en inglés: Close Encounters of the Third Kind) é un filme estadounidense de 1977 escrito e dirixido por Steven Spielberg, e protagonizado por Richard Dreyfuss, Melinda Dillon, Teri Garr, Bob Balaban, Cary Guffey e François Truffaut. Conta a historia de Roy Neary, un traballador de Indiana, cuxa vida cambia após un encontro cun obxecto voador non identificado (ovni).
Naruto: Shippūden (Traducido como: Crónicas do Furacán) é o nome con que se coñece á segunda parte da historia de Naruto, o manga de Masashi Kishimoto. Esta denominación é a que se adoptou no anime, e equivale á segunda parte do manga. O seguinte texto que está abaixo é o argumento de cada manga pero non esta dividido de acordo ao modo no que o manga avanza.
Un motor foguete utiliza propelente almacenado como masa de reacción para xerar un chorro ou fluído propulsivo de alta velocidade, normalmente gas a alta temperatura. Os motores foguetes son motores a reacción, que producen pulo mediante a exección de masa segundo a lei de acción e reacción de Isaac Newton. A maior parte dos motores foguete usan a combustión de substancias químicas para prover a enerxía necesaria, aínda que tamén se usan motores sen combustión, como os propulsores de gas frío e os motores iónicos.
Rincewind é un personaxe de ficción das novelas de Discworld do autor inglés Terry Pratchett. É un mago (fracasado) de nivel 0 que non dá aprobado os cursos da Universidade Invisible (Unseen University) en Ankh-Morpork. Rincewind pasa case todo o seu tempo escapando de varios grupos de persoas que intentan matalo por diferentes razóns.
O detective Conan (名探偵 コナン, Meitantei Conan) é unha serie de Gosho Aoyama que aínda non está rematada nin en manga nin en anime e que alcanzou un éxito notable dentro e fóra do Xapón. O anime está producido por TMS Entertainment e supera xa os 830 episodios. Ademais, conta con 20 películas e aínda se emite tódalas semanas no Xapón en Yomiuri TV. No Xapón, o manga aínda se publica semanalmente todos os mércores no Shonen Sunday, dende 1994 e supera xa a cantidade de 925 capítulos.
Island Records é un selo discográfico fundado por Chris Blackwell e Graeme Goodall en Xamaica. Estivo baseado durante moitos anos no Reino Unido e na actualidade é propiedade de Universal Music Group. O selo opera como unha división de The Island Def Jam Music Group nos Estados Unidos (onde é un selo principalmente orientado cara o rock), e traballa de xeito independente no Reino Unido (tamén coñecido como Island Records Group ou Universal Island).
Lucasfilm Games, compañía de videoxogos que tivo a súa orixe en maio de 1982 como a división de xogos de Lucasfilm Ltd., a produtora cinematográfica de George Lucas. Lucas quería que a súa compañía traballara noutras áreas de entretemento, polo que cooperou con Atari para producir videoxogos. Os primeiros resultados desta colaboración foron xogos de acción coma Ballblazer e Rescue on Fractalus.[Cómpre referencia]En 1990 recibiu un cambio de nome, para pasar a chamarse LucasArts Entertainment Company.
Turandot é unha ópera en tres actos con música de Giacomo Puccini e libreto en italiano de Giuseppe Adami e Renato Simoni. A ópera, inconclusa pola morte de Puccini, foi completada por Franco Alfano. Foi estreada o 25 de abril de 1926 no Teatro alla Scala de Milán baixo a batuta de Arturo Toscanini e sen as adicións de Alfano.
O F-22 Raptor é un avión de combate de alta manobrabilidade de quinta xeración con tecnoloxía de sixilo construído por Lockheed Martin Aeronautics e Boeing Defense, Space & Security. Foi deseñado como caza de superioridade aérea da Forza Aérea dos Estados Unidos (USAF), pero pode levar a cabo máis tipos de misións, tales como ataque a terra ou guerra electrónica. O primeiro prototipo (YF-22) voou por vez primeira o 29 de setembro de 1990.
Mubi, anteriormente coñecida como The Auteurs, é unha páxina web filmográfica en liña que integra elementos das redes sociais con video streaming. Foi descrita como unha "cinemateca online". O sitio permite que os seus usuarios vexan filmes, polo xeral tras o pagamento dunha tarifa, e conéctaos con outros usuarios de similares intereses.
Os videoxogos de rol son uns dos máis antigos representantes dos videoxogos. Sempre estiveron fortemente influídos por xogos de rol de mesa, exemplos claros diso son xogos baseados nas regras de Dungeons&Dragons, coma o clásico Eye of beholder ou os máis modernos Neverwinter nights e a súa continuación, Neverwinter nights II, ambos de Bioware; ou tamén, por exemplo, Vampire: the Masquerade Bloodlines, da desaparecida Troika games, baseado no universo homónimo.
Pune é unha cidade do estado de Maharashtra, no centro-oeste da India, a segunda en importancia trala capital Mumbai e a un centenar de quilómetros ao suroeste desta última. Conta con 3.446.330 de habitantes (2010) e máis de cinco millóns na área metropolitana. Enclavada na meseta do Decán, a 552 metros de altitud ao pé dos Ghats Occidentais que a separan da costa do Índico, sitúase na confluencia dos ríos Mula e Mutha.
O xénero fantástico, comunmente chamado fantasía, é un xénero artístico de ficción no cal os elementos principais do argumento son imaxinarios, irreais e sobrenaturais. No seu sentido máis amplo, o xénero fantástico áchase presente na literatura, cine, banda deseñada, videoxogos, xogos de rol, pintura, escultura, drama e, sobre todo, na mitoloxía e relatos antigos, onde tivo a súa orixe. Caracterízase por non dar prioridade a unha representación realista que respecte as leis de funcionamento do mundo real.
A ciencia política (menos frecuentemente chamada tamén politicoloxía) é a ciencia social que estuda empiricamente a política nas súas diversas dimensións. Polo tanto, o estudo da política é o observable, non está referido ó que debería ser a política como tipo ideal ou conduta desexada: ese papel cúmpreo a filosofía política. Tampouco é o estudo dos elementos formais da política como o son as leis, a súa formación e as súas intencións, tarefa da xurisprudencia.
Halo: Combat Evolved (tamén coñecido como Halo: CE, Halo 1, ou sinxelamente Halo), é un videoxogo en primeira persoa creado por Bungie e publicado por Microsoft Game Studios. É o primeiro xogo da franquía, foi lanzado ó mercado o 15 de novembro de 2001 para a consola Xbox, e ten vendido máis de cinco millóns de copias en todo o mundo. Microsoft lanzou versións do xogo para Microsoft Windows (creada por Gearbox Software) e Mac OS X en 2003, e a historia foi adaptada e elaborada nunha serie de novelas e bandas deseñadas.
Columbia Records é un selo discográfico estadounidense, pertencente a Sony Music Entertainment, e operado como parte do Columbia/Epic Label Group. Fundouse en 1888, evolucionando dunha empresa anterior, a American Graphophone Company (sucesora da Volta Graphophone Company). Columbia é a marca máis antiga de son pre-gravado, sendo a primeira compañía discográfica en producir discos pre-gravados en oposición aos cilindros.
As Laurales son unha orde das fanerógamas (plantas con flores), un grupo basal das anteriormente chamadas dicotiledóneas, relacionadas coas Magnoliales. A orde ten arredor de 2.500 a 2.800 especies con 85 a 90 xéneros, con sete familias de árbores e arbustos. Moitas das especies son tropicais e subtropicais, con poucos xéneros de zona temperada.
O abismo Challenger (foxa de Challenger ou sima de Challenger) é o punto máis profundo medido nos océanos. Atópase no grupo das illas Marianas, no extremo sur da foxa das Marianas, no océano Pacífico. A terra máis achegada é a illa Fais, unha das illas exteriores de Yap, 289 km ó suroeste, e Guam, 306 km ao nordés.
Terminator 3: A rebelión das máquinas
Terminator 3: A rebelión das máquinas (en inglés: Terminator 3: Rise of the Machines) é un filme de acción estadounidense dirixido por Jonathan Mostow que foi estreado no 2003. Estreouse en galego na TVG o 20 de abril de 2011.
Wallis e Futuna, oficialmente o Territorio das illas Wallis e Futuna (/ˈwɒlɪs ... fuːˈtuːnə/; francés: Wallis-et-Futuna [walis e futuna] ou Territoire des îles Wallis-et-Futuna, é unha colectividade francesa no Pacífico Sur, situado entre Tuvalu ao noroeste, Fidxi ao suroeste, Tonga ao sueste, Samoa ao leste, e Tokelau ao nordés. A capital é Mata-Utu, tamén capital da illa Wallis e cidade máis grande. A súa superficie é de 14 242 km2 (5 499 sq mi).
Santiago o Xusto, tamén chamado irmán do Señor, a miúdo identificado con Santiago o Menor ou ben Santiago Alfeo, martirizado en 62, foi consonte a tradición, o primeiro bispo ou patriarca de Xerusalén, e o autor da Epístola de Santiago incluída no Novo Testamento. Hai tres personaxes neotestamentarias chamadas Santiago: Santiago o Maior fillo de Zebedeo e Salomé, irmán de Xoán evanxelista, un dos Apóstolos. Santiago o Xusto, irmán do Señor.
Urano é o sétimo planeta do sistema solar, situado entre Saturno e Neptuno, o terceiro de maior tamaño, e o cuarto máis masivo. Chámase así en honra da divindade grega do ceo Urano (do grego antigo Οὐρανός), o pai de Cronos (Saturno) e o avó de Zeus (Xúpiter). Aínda que é detectable a primeira ollada no ceo nocturno, non foi catalogado como planeta polos astrónomos da antigüidade debido á súa escasa luminosidade e á lentitude da súa órbita.
JSON, acrónimo de JavaScript Object Notation, é un formato lixeiro para o intercambio de datos. JSON é un subconxunto da notación literal de obxectos de JavaScript que non require o uso de XML. A simplicidade de JSON deu lugar á xeneralización do seu uso, especialmente como alternativa a XML en AJAX. Unha das supostas vantaxes de JSON sobre XML como formato de intercambio de datos neste contexto é que é moito máis sinxelo escribir un analizador sintáctico (parser) de JSON. En JavaScript, un texto JSON pódese analizar facilmente usando o procedemento eval(), o cal foi fundamental para que JSON fose aceptado por parte da comunidade de desenvolvedores AJAX, debido á ubicuidade de JavaScript en case calquera navegador web. Na práctica, os argumentos a favor da facilidade de desenvolvemento de analizadores ou do rendemento dos mesmos son pouco relevantes, debido ás cuestións de seguridade que expón o uso de eval() e o auxe do procesamento nativo de XML incorporado nos navegadores modernos.
Fullmetal Alchemist: Brotherhood
Fullmetal Alchemist: Brotherhood (en xaponés: 鋼の錬金術師 FULLMETAL ALCHEMIST, Hepburn: Hagane no Renkinjutsushi: Furumetaru Arukemisuto) é unha serie anime adaptada do manga Fullmetal Alchemist de Hiromu Arakawa. Producida por Bones, a serie está dirixida por Yasuhiro Irie e foi escrita por Hiroshi Ōnogi. Fullmetal Alchemist: Brotherhood é a segunda adaptación televisiva baseada en Fullmetal Alchemist, sendo a primeira a versión de 2003.
CD Projekt é unha empresa polaca de distribución e desenvolvemento de videoxogos. A empresa foi fundada en maio de 1994 por Marcin Iwinski e Michał Kiciński. A compañía converteuse na primeira editora de Polonia en publicar software en CD e durante moito tempo foi a única empresa polaca especializada na publicación de videoxogos, editando nese país títulos de gran éxito internacional como Baldur's Gate, Icewind Dale y Planescape: Torment , traducíndoos ao polaco.
Un podcast é un xeito de publicar ficheiros multimedia, habitualmente de son (en formato MP3 ou ogg), utilizando RSS para facilitar a subscrición. Os ficheiros quedan almacenados nun servidor de Internet, e os subscritores baixan os ficheiros automaticamente mediante un software de subscrición. Esta tecnoloxía asóciase á idea de radio baixo demanda, xa que permite aos ouvintes escoitar os programas de radio cando o desexen.
Os taxicos (en persa: تاجيک: Tājīk, en taxico: Тоҷик) son un grupo étnico iraniano falante de persa orixinario de Afganistán, Taxiquistán e Uzbekistán. Os taxicos son o meirande grupo étnico de Taxiquistán, e o segundo grupo étnico de Afganistán, onde constitúen a metade da poboación global taxica. Falan diferentes variedades da lingua persa.
Rockstar Games (anteriormente coñecido como Rockstar Games NYC) é unha empresa promotora e editora de videoxogos adquirida pola editora de videoxogos Take-Two Interactive e creadora do motor de videoxogos RAGE. A compañía é coñecida internacionalmente por títulos como a serie Grand Theft Auto, Max Payne, Midnight Club ou Red Dead. Inclúe estudos adquiridos e renomeados, así como outros creados internamente. Aínda que a maioría dos estudos que Take-Two Interactive adquiriu fusionáronse coa marca Rockstar, os máis recentes mantiveron a súa propia identidade e forman parte da división 2K Games da compañía.
AlloCiné é unha organización de servizo que achega información do cine francés, especialmente centrando na promoción das novidades en DVD, Blu-ray e información de VOD. A empresa foi fundada como comunicador telefónico, e posteriormente deveu nun portal de Internet, o cal ofrece información por acceso rápido e cobre todos os filmes que foron distribuídos en Francia. No 2005, empezou a cubrir series televisivas. AlloCiné foi lanzado en 1993, antes de ser adquirido por Canal+ no 2000 e por Vivendi Universal no 2002.
O cometa Halley, tamén chamado 1P/Halley, é un cometa brillante de período intermediario que retorna ás rexións interiores do sistema solar cada 75,3 anos, aproximadamente. Aínda que o nome fai referencia ao astrómono inglés Edmund Halley por ter determinado a súa órbita e a súa reaparición periodica, o descubrimento atribúese ao astrónomo Johan Georg Palitzsch que o descubriu o 25 de decembro de 1758, aproximadamente na data prevista por Halley para a súa reaparición (de ónde ven a tradición de consideralo como o cometa do nadal), chegou cun retardo de 618 días polo seu perihelio (ao ser perturbada a súa órbita por Xúpiter e Saturno). Halley, pola súa parte, usou datos de Kepler e Petrus Apianus para facer os seus cálculos.
Rolling Stone é unha revista estadounidense dedicada á música e a cultura popular. Edítase dende 1967 e ademais de ter a súa edición norteamericana quincenal, posúe varias edicións estranxeiras mensuais, repartidas en distintos países do mundo, coas cales a revista permite dar unha ollada máis local á música. Foi fundada en San Francisco por Jann Wenner (que aínda é o editor xefe da revista) e o crítico musical Ralph J. Gleason.
A vitamina C ou ácido ascórbico é unha molécula usada na hidroxilación de varias reaccións bioquímicas nas células. A súa principal función é a hidroxilación do coláxeno, a proteína fibrilar que dá resistencia aos ósos, dentes, tendóns e paredes dos vasos sanguíneos. Alén diso é un poderoso antioxidante, usándose para transformar os radicais libres de osíxeno en formas inertes.
Goberno é un corpo ou un ente que ten a autoridade e a potestade administrativa para facer e o poder para executar as leis dentro dun grupo ou organización civil, corporativo, relixioso ou académico. Nun sentido amplo, gobernar significa administrar ou supervisar, xa sexa un estado, un grupo de persoas, ou un conxunto de activos; é dicir, é a forma política coa que un estado é gobernado. A palabra galega "goberno" deriva do grego Κυβερνήτης (kyvernites).
Sakura Haruno (春野サクラ, Haruno Sakura) é unha personaxe do manga e anime Naruto, creado polo mangaka Masashi Kishimoto. O seu nome traducido ó galego sería «botón de cereixeira» (サクラ, Sakura) e «campo de primavera» (春野, Haruno). Kishimoto comentou que tivera dificultades no debuxo de certas partes do aspecto desta personaxe, principalmente pola súa gran fronte.Tanto no manga coma no anime, Sakura é unha kunoichi da Aldea Oculta de Konoha e forma parte do «Equipo 7», composto por Naruto Uzumaki, Sasuke Uchiha e o seu líder e sensei, Kakashi Hatake; aínda que logo Sasuke abandona o equipo e foi substituído por Sai.
As células HeLa (tamén pode aparecer escrito Hela ou hela) son un tipo de células pertencentes a unha liña celular inmortalizada utilizadas para facer cultivos celulares na investigación científica. É a liña celular de orixe humana máis antiga e máis comunmente utilizada en investigación. A liña deriva de células de cancro de cérvix uterino extraídas en 1951 da paciente Henrietta Lacks, que morrería por causa dese cáncer uns meses despois.
Alicia no país das marabillas ou As aventuras de Alicia no País das Marabillas é unha obra literaria creada en 1865 polo matemático, diácono anglicano e escritor británico Charles Lutwidge Dodgson, baixo o pseudónimo Lewis Carroll. O conto explica a historia dunha rapaza chamada Alicia que cae por un buraco e atópase nun mundo de fantasía poblado por criaturas peculiares e antropomorfas.
Dark Souls (ダークソウル, Dāku Souru) é un videoxogo de acción e rol ambientado nun mundo aberto. Foi desenvolvido e publicado para PlayStation 3 e Xbox 360 por From Software no Xapón e publicado por Namco Bandai Games internacionalmente. É un sucesor espiritual de Demon's Souls, e inicialmente comezou o proxecto baixo o título Project Dark.
Internet Archive é un sitio web e unha organización sen ánimo de lucro destinada á preservación de historiais Web e recursos multimedia. Creada en 1996, atopábase desde esa data e até o 2009 no Presidio de San Francisco e actualmente áchase na rúa 300 de Funston, tamén en San Francisco. A colaboración que levou a cabo a amplitude desa páxina foi grazas a Alexa Internet e doutros colaboradores á parte da colaboración da Biblioteca do Congreso.
Amiga é unha familia de ordenadores persoais introducida por Commodore en 1985. O modelo orixinal é un dos moitos ordenadores con procesadores de 16 ou 32 bits, 256 KB ou máis de RAM, GUI baseadas en ratos, gráficos e son significativamente mellorados en comparación cos sistemas anteriores de 8 bits. Isto inclúe o Atari ST, lanzado a principios do mesmo ano, así como o Macintosh e Acorn Archimedes.
Alex Kidd in Miracle World é un videoxogo de plataformas para a consola de 8-bit Sega Master System. Foi publicado no Xapón o día 1 de novembro de 1986, e con posterioridade nos EEUU en decembro dese mesmo ano, en Europa en setembro de 1987, en Corea do Sur en outubro de 1988, e no Brasil en 1989. Un remake feito por Merge Games e Jankenteam, titulado Alex Kidd in Miracle World DX, foi publicado o 22 de xuño do 2021.
O Maastrichtiano é, na escala de tempo xeolóxica da Comision Internacional de Estratigrafía (ICS), a última idade (e o piso máis alto) do Cretáceo tardío (época) ou Cretáceo superior (serie), do período xeolóxico ou sistema do Cretáceo, correspondente á era ou eratema do Mesozoico. Abrangue o intervalo desde hai 72,1 a 66 millóns de anos. O Maastrichtiano foi precedido polo Campaniano e sucedido polo Daniano (xa parte do Paleoxeno, concretamente do Paleoceno).Ao final do Cretáceo houbo unha extinción en masa coñecida como extinción do Cretáceo-Paleoxeno, (antes coñecida como do Cretáceo-Terciario).
Georges Léopold Nicolas Frédéric Cuvier, barón de Cuvier, coñecido como Georges Cuvier (leva tamén os nomes de Dagobert e de Chrétien) , nado en Montbéliard (Doubs) o 23 de agosto de 1769 e finado en París o 13 de maio de 1832, foi un naturalista francés, un dos máis importantes da primeira metade do século XIX. Desenvolveu métodos e programas de investigación en varias áreas da Historia Natural, destacando especialmente como promotor da anatomía comparada e da paleontoloxía. Ocupou diferentes cargos de importancia na educación nacional francesa na época de Napoleón e tras a restauración dos Borbóns, e foi profesor de anatomía comparada no Museo Nacional de Historia Natural de Francia, en París. Tamén é famoso por ser o principal enunciador do catastrofismo.
DOS (Disk Operating System) é unha familia de sistemas operativos para PC: PC-DOS, MS-DOS, FreeDOS, DR-DOS, Novell-DOS, OpenDOS, PTS-DOS, ROM-DOS e moitos outros. O MS-DOS de Microsoft foi o máis extensamente usado, estes sistemas operativos corrían en hardware do tipo IBM PC usando CPU Intel x86 de 16 bits ou compatibles. Tiña unha interface de liña de comandos.
O artista é a persoa que realiza ou produce obras de arte. O que se entende por artista depende polo tanto do significado da palabra arte, e, dado o cambiante significado deste concepto, o termo artista só pode definirse ou estudarse dende un punto de vista histórico, en función, por exemplo, dos cánones estéticos de cada época. Con todo, existen certas constantes que se repiten ao longo da historia e que serven para definir a noción asemade de arte e de artista.
British Airways é a aeroliña máis grande do Reino Unido e de Europa. É, polo tanto, unha das maiores do mundo, co maior número de voos entre Europa e Norteamérica. Formouse no ano 1974 como resultado da fusión entre a aeroliña estatal British Overseas Airways Corporation (BOAC) e a British European Airways (BEA).
O gato ou gato doméstico (Felis silvestris catus ou Felis catus), chamado familiarmente micho ou mico, é un mamífero doméstico da familia dos felinos, con unllas retráctiles, carnívoro, de pelaxe espesa e suave. Os humanos adoitan valorar estes animais pola súa compañía e pola súa capacidade de cazar pequenos animais coma os ratos. Existen máis de setenta razas de gatos recoñecidas por varios rexistros.
Joanne «Jo» Rowling, nada o 31 de xullo de 1965 en Yate, South Gloucestershire, Reino Unido, máis coñecida polos pseudónimos J. K. Rowling e Robert Galbraith, é a autora da serie de libros de fantasía Harry Potter e a serie de detectives de Cormoran Strike. Os seus libros fixéronse famosos en todo o mundo, gañaron múltiples premios e venderon máis de 400 millóns de copias. As novelas foron a base dunha popular saga de filmes, a cuxos guións Rowling daba a súa aprobación, ademais de manter un control creativo e ser produtora dos filmes.Rowling artellou a idea da serie nunha viaxe en tren de Manchester a Londres en 1990.
Un videoxogo para un xogador, (single-player en inglés) é aquel que ten entrada para un único xogador . Os videoxogos máis temperáns, como Tennis for Two, eran para dous xogadores, os xogos para un único xogador gañan popularidade pouco despois con títulos como Speed Race e Space Invaders. A primeiros dos 90 presentáronse moitos xogos que utilizaron redes de área local para modos de multixogador, Doom é un exemplo notábel destes.
Mundial de Fútbol de 2014 - Grupo A
O Grupo A da Copa do Mundo de Fútbol de 2014, realizada no Brasil, estivo composto por catro equipos que se enfrontaron entre si nun total de seis encontros: a anfitrioa Brasil, xunto con Croacia, México e o Camerún. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos, Brasil e México, con 7, clasificaronse á seguinte fase. Quedarían eliminadas Croacia, con 3 puntos, e Australia, que non conseguiu puntuar.
Un cómic ou historieta é unha forma de arte visual que por medio de viñetas ilustradas forma unha historia secuenciada visualmente. Coñécese por tira cómica a historieta breve dunha única liña horizontal que se publica en xornais e revistas e só constitúe banda deseñada cando ademais de debuxos conta con texto integrado nas viñetas. Profundando un pouco máis, pódese dicir que normalmente a banda deseñada, que se basea na síntese da linguaxe verbal, icónica e secuencial é un medio principalmente narrativo, aínda que é posible encontrármonos algunhas ligadas coa descrición, ensaio ou mesmo poesía (líricas).
O Amstrad CPC foi unha serie de ordenadores persoais de 8 bits producidos por Amstrad durante os anos 80 e a principios dos anos 90. As siglas CPC anunciaban un ordenador persoal a cor (Color Personal Computer), aínda que era posible comprar un CPC tanto con pantalla de fósforo (GT65/66) como con pantalla estándar a cor (CTM640). Comercializado en 1984 e descatalogado en 1990, contaba con procesador Zilog Z80A @ 4 MHz e memoria de 64 a 576 KB. O sistema operativo era o CP/M e contaba ademais con Locomotive BASIC 1.0 e 1.1.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.
Un invento ou invención é un obxecto, técnica ou proceso que posúe características novedosas. Pode estar baseado nalgunha idea, colaboración ou innovación previa e o proceso da mesma require polo menos o coñecemento dun concepto ou un método existente que se poida modificar ou transformar nunha nova invención. Con todo, algunhas invencións tamén representan unha creación innovadora sen antecedentes previos na ciencia ou a tecnoloxía que amplían os límites do coñecemento humano.
Xbox One é unha consola de videoxogos desenvolvida por Microsoft e anunciada en maio de 2013. É a sucesora da Xbox 360 e a terceira consola da familia Xbox, lanzada á venda en Norteamérica, algúns países de Europa, Australia e no Brasil en novembro de 2013, e no Xapón, China e outros países europeos en setembro de 2014. Compite coa consola de Sony PlayStation 4 e a Wii U de Nintendo como parte oitava xeración de videoconsolas.
A Copa Mundial da FIFA España 1982 foi a duodécima edición do Campionato Mundial de fútbol de seleccións. O torneo comezou o 13 de xuño no Camp Nou de Barcelona, co encontro entre as seleccións da Arxentina e de Bélxica, e finalizou o 11 de xullo no Estadio Santiago Bernabéu de Madrid. O Mundial de Fútbol de 1982 foi a culminación dunha fase de clasificación que comezou o 26 de marzo de 1980 involucrando a 109 seleccións de 6 confederacións.
O Kingman Reef, en galego: Arrecife Kingman, é un pequeno arrecife de coral tropical de 1 km² de superficie, situado ao norte do Océano Pacífico, aproximadamente a medio camiño entre Hawai e Samoa Americana, ó redor de 920 millas náuticas ao sur de Honolulu. (6°24' N, 162°24' O). Forma parte do conxunto das Illas da Liña.
O Nome de Horus foi o símbolo máis antigo utilizado para representar o título de faraón: un falcón (deus Horus) sobre un serekh co nome do rei, en escritura xeroglífica exipcia. O serekh xa aparece ao principio da historia exipcia, na Paleta de Narmer. Os reis anteriores á IV dinastía utilizaron principalmente o seu nome de Horus, que aparecía nun serekh (a imitación da fachada dun palacio) co deus Horus situado sobre el.
Windows 8 é unha versión de Microsoft Windows, a familia de sistemas operativos producidos por Microsoft para uso en ordenadores persoais, incluíndo escritorios domésticos e empresas, netbooks, tablets, servidores e centros multimedia, sacado á venda o 26 de outubro de 2012. Engade soporte para procesadores ARM, así como as tradicionais microprocesadores x86 de Intel e AMD. A interface de usuario foi modificado para o facer máis axeitado para uso con pantalla táctil, en adición ao rato tradicional e teclado. Respecto ás edicións anteriores, Microsoft cambiou a terminoloxía das diferentes versións que ofrecía do seu sistema.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
As desoxirribonucleases (DNases) son un grupo de glicoproteínas endonucleases que son encimas que catalizan a rotura por hidrólise de enlaces fosfodiéster nunha cadea de ADN, o que produce a degradación do ADN. O papel dos encimas DNases nas células inclúe a degradación do ADN extracelular (ADNec) excretado pola apoptose, a necrose e as trampas extracelulares de neutrófilos das células para axudar a reducir as respostas inflamatorias que doutro modo se desencadearían. Coñécese unha ampla variedade de desoxirribonucleases que se clasifican en dúas familias (DNase I e DNase II), que se diferencian nas súas especificidades de substrato, mecanismos químicos e funcións biolóxicas. Entre as aplicacións de laboratorio das DNases están a purificación de proteínas cando se extraen de organismos procariotas.