Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
Alexandre I de Rusia (en ruso, Александр I Павлович, Aleksandr I Pavlovich), nado en San Petersburgo o 23 de decembro de 1777 e finado na mesma cidade finado o 1 de decembro de 1825, foi tsar de Rusia do 23 de marzo de 1801 ata o 1 de decembro de 1825, e rei de Polonia de 1815 ata 1825, tamén foi o primeiro Gran Duque de Finlandia ruso así como Gran Duque de Lituania.
Tirant lo Blanc, Tirant lo Blanch no texto orixinal (en galego pode ser traducido como Tirant o Branco) é a obra máis importante do escritor valenciano Joanot Martorell e está considerada a mellor novela en lingua catalá. Semella que foi escrita entre o 1460 e o 1464, foi publicada en Valencia no ano 1490 e reimpresa en Barcelona en 1497. Durante o século XVI foi traducida ao castelán (1511) e ao italiano (1538), máis tarde ao francés (1737) e modernamente ao inglés (1984) e a moitas outras linguas.
O Emirates Stadium é o terceiro maior estadio de fútbol de Inglaterra, despois do mítico Old Trafford e do ultramoderno Wembley, e por tanto o segundo máis grande de Londres. O Emirates está situado ao norte de Londres, no barrio de Ashburton Grove, moi preto de Highbury Stadium. É propiedade do Arsenal F.C. e nel disputa os seus partidos como local.
O Canadá (en inglés e francés: Canada) é un país que ocupa a metade norte da América do Norte. Limita cos Estados Unidos de América, localizado ao sur do país (Estados Unidos continentais) e ao noroeste (estado norteamericano de Alasca). Ao norte localízase o océano Ártico, ao oeste, o océano Pacífico, e ao leste, o océano Atlántico.
Groenlandia ou Grenlandia (en groenlandés: Kalaallit Nunaat, "Terra dos Groenlandeses"; en dinamarqués: Grønland) é un territorio de Dinamarca, situado xunto ao Océano Ártico e ao norte do Océano Atlántico. É a illa máis grande do mundo, estando case o 84% da súa superficie cuberta por xeo, ademais de ser o país cunha menor densidade de poboación.Aínda que fisicamente é parte do continente norteamericano, Groenlandia atópase politicamente ligado a Europa dende hai máis dun milenio, pertencendo ata 1814 a Noruega pasando, ese mesmo ano, ao dominio de Dinamarca. En 1979, foille concedido autogoberno á illa, cunha relación coñecida en dinamarqués como Rigsfællesskabet, e en novembro de 2008 celebrou un referendo para ampliar a autonomía con vistas a unha futura independencia.
Benetton Formula Ltd., comunmente coñecido simplemente como Benetton, foi un construtor da Fórmula Un que participou desde 1986 ata 2001. O equipo era propiedade da familia Benetton que dirixe unha cadea mundial de tendas de roupa do mesmo nome. No ano 2000, o equipo foi comprado por Renault, pero competiu como Benetton nas tempadas 2000 e 2001.
O Republic F-105 Thunderchief foi un cazabombardeiro supersónico usado pola Forza Aérea dos Estados Unidos. Con capacidade de acadar velocidades de Mach 2, o F-105 realizou a meirande parte dos ataques de bombardeo durante os primeiros anos da Guerra do Vietnam; era o único avión estadounidense en ser retirado do combate debido ás súas altas perdas. Orixinalmente foi deseñado como un avión de ataque nuclear monopraza, e posteriormente foi desenvolvida unha versión bipraza Wild Weasel para a supresión das defensas aéreas inimigas.
O belaruso ou bielorruso (беларуская мова, biełaruskaja mova) é unha lingua eslava oriental e lingua oficial de Belarús xunto co ruso. Durante breves períodos da historia contemporánea de Belarús foi a única lingua oficial, 1918-1919 e de 1990 a 1995 foi a única lingua oficial. Era coñecido antigamente como rutenio branco ou ruso branco.
A tartaruga mediterránea ou tartaruga de terra (Testudo hermanni) é unha das oito especies de tartaruga clasificadas tradicionalmente dentro do xénero Testudo, xunto con especies achegadas como a tartaruga marxinada (T. marginata), a tartaruga grega (T. graeca) ou a tartaruga de Horsfield (T. horsfieldii). Coñécense dúas subespecies: T. h. hermanni e T. h.
Francis Lawrence (Viena, Austria, 26 de marzo de 1971) é un director de cine e videoclips estadounidense. Na súa faceta de director de vídeos musicais ten traballado con diversos artistas como Michael Jackson, Lady Gaga, Shakira, Britney Spears, Alanis Morissette, Avril Lavigne, Nelly Furtado, Destiny's Child, Garbage, Gwen Stefani, Backstreet Boys, Janet Jackson, Missy Elliott, Jennifer Lopez, Justin Timberlake, One Direction etc. Na súa faceta de director de cinema ten traballado en diversos filmes, entre eles algúns dos de maior éxito da historia do cinema, como os últimos tres filmes da tetraloxía d'Os xogos da fame, The Hunger Games: Catching Fire (En lapas), The Hunger Games: Mockingjay – Part 1 (Mimogaio - Parte 1) e The Hunger Games: Mockingjay – Part 2 (Mimogaio - Parte 2).
Para ver o artigo sobre o concello da provincia de Pontevedra, véxase A Estrada Unha estrada é unha vía de dominio e uso público, proxectada e construída fundamentalmente para a circulación de vehículos automóbiles. Existen diversos tipos de estradas, aínda que coloquialmente úsase o termo estrada para definir á estrada convencional que pode estar conectada, a través de accesos, ás propiedades lindeiras, diferenciándoas doutro tipo de estradas, as autovías e autoestradas, que non poden ter pasos e cruces ao mesmo nivel. Distínguese dun simple camiño porque está especialmente concibida para a circulación de vehículos de transporte.
Narendra Damodardas Modi, nado en Vadnagar o 17 de setembro de 1950, é un político indio, primeiro ministro desde o 26 de maio de 2014. Foi ministro-xefe do estado de Guxarat desde o ano 2001 ata 2014, membro do Partido do Pobo Indio (BJP). Membro da organización Rashtriya Swayamsevak Sangh (RSS), cualificado como un nacionalista hinduísta polos medios e por el mesmo.
O madurés (en madurés: Bhâsa Madhurâ; en carakan: ꦧꦱꦴꦩꦝꦸꦫꦴ; en pegon: بَهاسَ مَدورا) é unha lingua malaio-polinesia falada polo pobo madurés que habita na illa Madura e en Xava oriental, en Indonesia. Tamén é falada nas pequenas illas Kangean e Sapudi, así como polos migrantes madureses noutras partes de Indonesia. A variedade de Kangean pode ser considerada como unha lingua diferente.
Boloña (Bulåggna en emiliano-romañolo, Bologna en italiano) é unha cidade de Italia de 374.561 habitantes (2008), capital da provincia homónima, así como da rexión de Emilia-Romaña. Situada entre o río Reno e o río Sávena, cerca dos Apeninos, é unha das cidades históricas mellor conservadas e que posúe a segunda zona vella medieval máis grande de Europa, despois da de Venecia. Antiquísima cidade universitaria (oficialmente dende 1088), acolle numerosos estudantes que enriquecen e animan a súa vida cultural e social.
O termo obxectivo refírese ao fin que se quere atinxir, e nese sentido é sinónimo de albo tanto como fin a atinxir (lugar ou obxecto) como punto de mira dunha arma ou proxectil.A definición clara de obxectivos é de extrema importancia en varios eidos de actuación humanos, a nivel administrativo e de xestión, orientando a acción dos individuos. En educación, por exemplo, a definición de actividades curriculares debe ser feita tendo en conta os obxectivos definidos no programa curricular dos alumnos.
O Xefe de Goberno é o máximo funcionario do poder executivo e responsable do goberno dun Estado ou dunha subdivisión territorial (estado, provincia etc.) de mesmo. O proceso de elección de xefes de goberno varía de acordo ao país e depende, entre outros factores, da forma do goberno empregada no mesmo. Nun sistema parlamentario o título que adopta o xefe de goberno pode ser: Primeiro Ministro, Premier, Chanceler, Presidente do Consello de Ministros, Presidente do Goberno ou outro.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
Rare Replay é unha compilación de 30 videoxogos publicada en 2015, todos eles parte da historia de publicacións da desenvolvedora Rare e da súa predecesora, Ultimate Play The Game. Os xogos emulados pertencen a varios xéneros e videoconsolas, dende a ZX Spectrum ata a Xbox 360, e manteñen as características e erros das publicacións orixinais cun número mínimo de edicións. A compilación engade a posibilidade de facer trampas para que os xogos máis vellos resulten máis doados, e un modo de "instantáneas" de desafíos específicos seleccionados de partes específicas dos xogos.
O Ermitage ou Museo Estatal do Ermitage (en ruso Государственный Эрмитаж / Gosudarstvenniy Ermitaž) en San Petersburgo, Rusia, é unha das maiores, máis antigas, importantes e famosas galerías de arte e museos da historia humana e da cultura do mundo. As vastas coleccións do Ermitage están despregadas en seis edificios, sendo un dos principais o Palacio de Inverno que fora a residencia oficial do Tsar das Rusias.
As células de Sertoli son un tipo de células que dan soporte estrutural e metabólico ás células dos túbulos seminíferos dos testículos. Encóntranse no interior dos túbulos seminíferos, envolvendo as células xerminais e formando a barreira hematotesticular. As súas funcións coñecidas inclúen a fagocitose dos restos celulares producidos durante a diferenciación das células xerminais, sustento físico do proceso de diferenciación, formación da mencionada barreira hematotesticular e mantemento do microambiente tubular para a axeitada proliferación e diferenciación das espermatogonias primitivas e para a produción de espermatozoides.
Chandragupta Maurya (en sánscrito devanágari: चन्द्रगुप्त मौर्य Candragupta Maurya), ás veces citado simplemente como Chandragupta, nado arredor de 340 a.C. e finado arredor de 298 a.C., foi un rei da India entre o 320 e o 298 a.C., aproximadamente, fundador do Imperio Maurya. Chandragupta logrou unificar a maior parte do territorio do subcontinente indio, polo que é considerado o primeiro emperador auténtico da India.Nos textos estranxeiros en grego e latín, é coñecido como Sandrokyptos (Σανδρόκυπτος), Sandrácoto, Sandrokottos (Σανδρόκοττος) ou Androcottus.Despois de depor o rei Mahapadma Nanda de Magadha, dominou gran parte do norte da India, creando o primeiro grande imperio indio, que logo foi estendido polo seu fillo Bindusara e o seu neto Aśoka. Crese que combateu a Alexandre o Grande cando este invadiu o norte da India.
Martin Guerre, un campesiño francés do século XVI, foi o protagonista dun famoso caso de usurpación de identidade. Varios anos despois de que Martin Guerre deixara a súa muller, ao seu fillo, e a súa aldea, un home que afirmaba ser el reapareceu. Viviu coa muller de Guerre e o seu fillo durante tres anos.
Unha familia de proteínas é un grupo de proteínas relacionadas evolutivamente con estruturas, funcións e secuencias parecidas. En moitos casos unha familia de proteínas ten unha familia de xenes correspondente, na cal cada xene codifica a súa proteína cunha relación de 1:1. As proteínas dunha mesma familia descenden dun antepasado común (ver homoloxía) e tipicamente teñen unhas estruturas tridimensionais e funcións similares, e unha semellanza de secuencia significativa.
O Liverpool Football Club, é un club de fútbol da Premier League inglesa da cidade homónima. É un dos clubs máis laureados do mundo gañando, entre outros, dezaoito títulos nacionais, os mesmos que os seus rivais do Manchester United, sete copas e cinco títulos da UEFA Champions League, máximo galardón a nivel europeo. O eterno rival do Liverpool é o Manchester United, rivalidade que se remonta até 1897, cando os "Reds" golearon por 7-1 ao United para ascender á First Division.
Elektro-L (en ruso, Электро-Л) é o nome dunha familia de satélites meteorolóxicos rusos. Foi precedido pola familia de satélites Elektro, do que so foi lanzado un elemento debido a problemas de xestión e desenvolvemento. Os satélites Elektro-L, tamén denominados GOMS (Geostationary Operational Meteorological Satellite) están situados na órbita xeoestacionaria e baséanse no bus Navigator, de Lavochkin.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
A altitude é a distancia vertical dun obxecto respecto dun punto de orixe dado, considerado como o nivel cero, para o que se adoita tomar o nivel absoluto do mar. Na meteoroloxía a altitude é un factor de cambios da temperatura, provocando que diminúa a temperatura aproximadamente 1 °C cada 180 m. En xeografía a altitude é a distancia vertical dun punto da terra respecto o nivel do mar.
Gran Premio do Reino Unido de 1957
O Gran Premio do Reino Unido de 1957 foi unha carreira de automobilismo de Fórmula Un, celebrada o 14 de xullo de 1957 no circuíto de Aintree, Liverpool, Inglaterra. Foi o décimo Gran Premio do Reino Unido, e a quinta carreira do Campionato do Mundo da tempada de 1957 de Fórmula Un. A carreira foi gañada por Stirling Moss e Tony Brooks, que compartiron tarefas de pilotaxe nun Vanwall.
A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín.
O metabolismo dos ácidos graxos é o conxunto dos procesos metabólicos nos que interveñen ou están estreitamente relacionados cos ácidos graxos, unha familia de moléculas dentro dos macronutrientes lipídicos. Estes procesos poden dividirse en dous grandes ramas: (1) procesos catabólicos que xeran enerxía, e (2) procesos anabólicos que proporcionan os bloques de construción que cómpren para sintetizar outros compostos ou novos ácidos graxos.No catabolismo, os ácidos graxos son metabolizados para producir enerxía, principalmente en forma de adenosín trifosfato (ATP). Cando se comparan con outra clase de macronutrientes (carbohidratos e proteínas), os ácidos graxos contidos nos lípidos renden máis enerxía por gramo, cando son completamente oxidados a CO2 e auga por medio da beta-oxidación e o ciclo do ácido cítrico.
Breogán, tamén identificado como Brigo, é un rei mitolóxico céltico de Galicia que é descrito como o fundador da cidade de Brigantia e o construtor dunha gran torre, identificada coa Torre de Hércules (coñecida durante a Antigüidade e a Idade Media como Farum Brigantium). A principal fonte documental sobre Breogán é o Lebor Gabála Érenn, un compendio medieval sobre os mitos fundacionais dos irlandeses. Neste compendio é descrito como o fillo de Brate, e o pai de Ite e Bile, entre outros, así como o devanceiro dos gaels.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Malencolía é un filme galego de 2021 dirixido e escrito por Alfonso Zarauza e rodado en lingua galega. Está protagonizado por Melania Cruz e Xulio Abonjo e é unha mestura de cinema de terror e comedia. Recibiu 11 nomeamentos na 20ª edición dos Premios Mestre Mateo, sendo o gañador de dous premios, mellor actor secundario para Diego Anido e mellor actriz secundaria para Iolanda Muíños.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Un intercomunicador é un sistema de comunicación electrónico autónomo que permite falar de xeito limitado ou con carácter privado. Os intercomunicadores poden ser sistemas móbiles pero polo xeral fíxanse permanentemente en edificios ou vehículos. Os intercomunicadores poden incorporar conexións a walkie-talkie, teléfonos ou móbiles ou a sinais de luces ou teclas.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que so se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O cego de Pumardedón é un libro, de 25 capítulos e 163 páxinas, do escritor galego Francisco Fernández del Riego, publicado por Ir Indo Edicións en 1992. Inclúe na cuberta unha pintura de Antón Pulido Novoa. En 1985 publicáronse dous capítulos (o número 22 e o 23) da, daquela, inédita novela, na revista Grial.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 196.296 .
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega. Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O Partido Galego (PG) é un partido político de centro galeguista de ámbito autonómico, que nace o 12 de decembro de 2020 no concello de Melide coa intención de representar a todas as persoas que se senten galegas e españolas e que consideran que Galicia é unha comunidade autónoma que conta cunha cultura e unha lingua propia diferenciada do resto de comunidades. Posúe unha ideoloxía centrista cun fondo sentimento galeguista, que trata de representar unha ampla parte da poboación galega.